Arxila

A arxila[1][2] está constituída por agregados de silicatos de aluminio hidratados, procedentes da descomposición de minerais de aluminio. Presenta diversas coloracións segundo as impurezas que contén, sendo branca cando é pura. Xorde da descomposición de rochas que conteñen feldespato, orixinada nun proceso natural que dura decenas de miles de anos.

Clay-ss-2005
Arxila do período cuaternario (400.000 anos), Estonia.

Características

Fisicamente considérase un coloide de partículas extremadamente pequenas e superficie lisa. O diámetro das partículas da arxila é inferior a 0,002 mm. Na fracción textural arxila pode haber partículas non minerais, os fitólitos. Quimicamente é un silicato hidratado de alúmina, cuxa fórmula é:

Al2O3 · 2SiO2 · H2O

Caracterízase por adquirir plasticidade ó ser mesturada con auga, e tamén sonoridade e dureza ó quentala por riba de 800 °C. A arxila endurecida mediante a acción do lume foi a primeira cerámica elaborada polo ser humano, e aínda é un dos materiais máis baratos e de uso máis amplo. Ladrillos, trebellos de cociña, obxectos de arte e incluso instrumentos musicais como a ocarina son elaborados con arxila. Tamén se utiliza en moitos procesos industriais, tales como na elaboración de papel, produción de cemento e procesos químicos.

Clasificación

As arxilas poden clasificarse de acordo ó proceso xeolóxico que as orixinou e ó emprazamento do xacemento no que se achan. Pódese recoñecer:

  • Arxila primaria: utilízase esta denominación cando o xacemento onde se encontra é o mesmo lugar en onde se orixinou. O caolín é a única arxila primaria coñecida.
  • Arxilas caoliníticas
  • Arxilas montmorilloníticas
  • Arxilas ilícitas

Granulometría

Dentro da clasificación granulométrica das partículas do chan, as arxilas ocupan o seguinte lugar:

Granulometría
Partícula Tamaño
Arxilas < 0,002 mm
Limos 0,002-0,06 mm
Areas 0,06–2 mm
Gravas 2 mm-6 cm
Cantos rodados 6–25 cm
Bloques >25 cm

A clasificación USCS, utilizada habitualmente en enxeñería, usa os límites de tamaños máximos de 4,75 mm para as areas e de 0,075 mm para as arxilas e limos.

Historia do uso da arxila

A arxila ten propiedades plásticas, o que significa que ó humedecela pode ser modelada facilmente. Ó se secar tórnase firme e cando se somete a altas temperaturas ocorren reaccións químicas que, entre outros cambios, causan que a arxila se transforme nun material permanentemente ríxido, denominado cerámica.

Por estas propiedades a arxila é utilizada para facer obxectos de olería, de uso cotián ou decorativo. Os diferentes tipos de arxila, cando se mesturan con diferentes minerais e en diversas condicións, son utilizadas para producir louza, gres e porcelana. Dependendo do contido mineral da terra, a arxila pode aparecer en varias cores, dende pálido gris a escuro vermello alaranxado. Un forno deseñado especificamente para cocer arxila é chamado forno de alfareme.

A humanidade descubriu as útiles propiedades da arxila en tempos prehistóricos, e os recipientes máis antigos descubertos son as vasillas elaboradas con arxila. Tamén se utilizou, dende a prehistoria, para construír edificacións de adobe e posteriormente ladrillo; elemento de construción cuxo uso aínda perdura. A arxila foi utilizada na antigüidade tamén como soporte de escritura. Miles de anos antes de Cristo a escritura cuneiforme foi inscrita en taboíñas de arxila.

As arxila cocida ó lume, a cerámica, é un dos medios máis baratos de producir obxectos de uso cotián, e unha das materias primas utilizada profusamente, aínda hoxe en día.

Os arqueólogos utilizan as características magnéticas da arxila cocida atopada en bases de lumeiradas, fornos etc., para datar os elementos arxilosos que permaneceron coa mesma orientación, e comparalos con outros períodos históricos.

Galería de imaxes

Ladrillos de arxila

Ladrillos de arxila.

Gretas de desecación

Gretas de desecamento en terreo arxiloso.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para arxila.
  2. "arxila". TERGAL. Arquivado dende o orixinal o 09/05/2018. Consultado o 09/05/2018.
Atizapán de Zaragoza

Atizapán de Zaragoza é un concello que se atopa ao noroeste do Estado de México, en México. Limita coas municipalidades de Naucalpan de Juárez, Nicolás Romero, Cuautitlán Izcalli e Jilotzingo. A súa área é de 91.07 km² e a súa poboación no ano 2010 era de 489 937 habitantes. A cabeceira municipal é Ciudad López Mateos.

Calcaria

A calcaria (do latín calx, calcis , "cal") é unha rocha sedimentaria composta principalmente por carbonato cálcico (CaCO3), adoitando presentarse en forma de calcita, aínda que pode ser dolomita, aragonita. A súa natureza intrínseca xeralmente é heteroxénea, polo que este tipo de rocha contén a miúdo cantidades variables de silicio, así como de hematita, siderita, arxila, limo ou area.

Caolinita

A caolinita é un mineral da arxila, de uso industrial, que ten a composición química Al2Si2O5(OH)4. É un mineral do grupo dos filosilicatos constituído por capas, formado por unha lámina tetraédrica (t) de sílice (SiO4) que está unida por átomos de oxíxeno a unha lámina octaédrica (o) de alúmina (AlO6). estas capas t-o son neutras electricamente e están unidas ás seguintes por enlaces de Van der Waals.As rochas ou depósitos sedimentarios que son ricos en caolinita denomínanse caolín. No caolín o mineral máis abundante é a caolinita, pero tamén contén menores proporcións doutros minerais da arxila moi similares. O nome caolín considérase que deriva do chinés Kao-Ling (高岭/高嶺, en pinyín Gāolǐng, que significa 'montañas altas'), que é unha vila preto de Jingdezhen, na provincia de Jiangxi, China. O nome kaolin foi publicado en 1727 nos informes de Jingdeshen escritos en francés polo xesuíta Francois Xavier d'Entrecolles, nos que se explicaba a fabricación da porcelana.A caolinita, a diferenza doutros minerais das arxilas, ten unha baixa capacidade de cambiar de volume por inchamento e encollemento e unha baixa capacidade de intercambio de catións (1–15 meq/100 g). É un mineral xeralmente branco, suave, terroso, un filosilicatro da arxila dioctaédrico (cada oxíxeno ou grupo OH está rodeado por só dous catións), producido por alteración química dos minerais de aluminosilicatos como o feldespato. En moitas partes do mundo, ten unha cor entre rosa, laranxa e vermello debido á presenza de óxido de ferro, o que lle dá un claro ton de óxido. En concentracións baixas toma cor branca, amarela ou alaranxada clara. Ás veces aparece con capas alternantes en cor, como no xacemento de Providence Canyon State Park en Xeorxia, Estados Unidos. O caolín comercial subminístrase e transpórtase como po seco, nódulos semisecos ou como líquido de consistencia lodosa. Utilízase na industria do papel, porcelana e cosmética, principalmente.

Cerámica

A cerámica é a arte que fabrica obxectos como olas, xerras, tellas etc. en terracota que sufriron unha transformación fisicoquímica irreversible no curso dunha cocción a temperaturas máis ou menos elevadas (de 700 °C a 1100 °C) despois de lles dar a forma mediante un moldeado. Na historia da humanidade é a primeira arte do lume e atópase antes da metalurxia e do vidro. A palabra abarca tanto a tecnoloxía como os obxectos feitos con ela. Certos tipos de cerámicas son representativas dunha época e dunha cultura.

Escrita

Escrita ou escritura é o sistema de representación secundaria da lingua sobre material físico, ben sexa papel, pedra, madeira, arxila ou calquera outro material.

Escrita cuneiforme

A escrita cuneiforme é a forma máis temperá coñecida de expresión escrita da que se atoparon restos arqueolóxicos. Creada polos sumerios a finais do cuarto milenio a.C., a escrita cuneiforme xurdiu como un sistema de pictogramas. Co tempo, as representacións pictóricas simplificáronse e fixéronse máis abstractas, dando lugar ao que se coñece como escrita cuneiforme.

O alfabeto sumerio adaptouse para a escrita das linguas acadia, elamita, hitita e luvita e inspirou os alfabetos do persa antigo e o ugarítico.

Escultura

A escultura (do latín sculptūra) é unha das belas artes que representa imaxes plásticas de relevancia total ou parcial. Existen varias técnicas de traballar os materiais para a creación dun obxecto. A diferenza da pintura, a cal se crea nun plano -un espazo ficticio de dúas dimensións-, a escultura é unha forma de expresión artística en tres dimensións o vulto redondo, ou de relevo, altorrelevo ou baixorrelevo, todo empregando o espazo real. O escultor actúa sobre diferentes materiais que transforma mediante procesos de talla e modelaxe, que son os métodos tradicionais. O emprego de diferentes combinacións de materiais e medios orixinou un novo repertorio artístico que comprende procesos co construtivismo e ensamblado. As técnicas escultóricas consisten principalmente en retirar ou xuntar ou moldear materia ou ben dando forma a un obxecto, sexa cal for a súa dimensión ou material usado. Nun sentido xenérico, enténdese por escultura a obra de arte plástica feita polo escultor.

Giorgio Vasari (1511-1573), empeza Le vite de' più eccellenti pittori, scultori e architettori cun prólogo técnico que fala de arquitectura, escultura e pintura, unhas disciplinas agrupadas baixo a denominación de «artes do deseño». A obra é un tratado informativo e valioso sobre as técnicas artísticas empregadas na época. En referencia á escultura comeza así:

Dende tempos remotos o home tivo a necesidade de esculpir. Ao principio fíxoo cos materiais máis simples e que tiña máis á man: pedra, arxila e madeira. Despois empregou ferro, bronce, chumbo, cera, xeso, plastilina, resina de poliéster e plásticos con reforzo de fibra de vidro, formigón, a cinética e a reflexión da luz, entre outros. A escultura tivo no seu principio unha única función, o seu uso inmediato; posteriormente engadiuse unha función ritual, máxica, funeraria e relixiosa. Esta funcionalidade foi cambiando coa evolución histórica, adquirindo unha principalmente estética ou simplemente ornamental e chegou a ser un elemento duradeiro ou efémero.

Gilgamesh

Gilgamesh ou Gilgameš (ou Bilgameš nos textos máis antigos) foi o quinto rei sumerio da primeira dinastía de Uruk, segundo unha Lista de reis sumerios atopada en Shuruppak (o seu nome está escrito co determinativo dingir, que se lle daba aos deuses). A lista di que gobernou durante 126 anos e que seu pai foi un espírito. Podería corresponder a un rei histórico dos anos -2700, fillo suposto doutro rei chamado Lugalbanda.

Sucedeuno o seu fillo Urnangal. A lenda di que construíu as murallas de Uruk e un templo dedicado a Ninlil en Nippur, e que se enfrontou con Mebaragesi de Kish.

As súas xestas heroicas inspiraron o poema épico coñecido como a Epopea de Gilgamesh xurdido en Babilonia séculos despois, baseado en antigas lendas sumerias. A lenda agrandouse entre os acadios e a versión máis completa que se ten atopado son doce tabelas de arxila do rei asirio Assurbanipal (sobre o -650). As súas representacións na arte sumeria pasan por presentalo como un home musculado con barba e guedellas que sostén un león pequeno e unha honda, nos selos cerámicos aparece nú cunha corda na cintura, barbado e cunha tiara dun só par de cornos(os deuses aparecían con tiaras de tres pares de cornos) .

Ladrillo

Un ladrillo é unha peza cerámica, xeralmente ortoédrica, obtida por moldeo, secado e cocedura a altas temperaturas dunha pasta arxilosa, as dimensións da cal adoitan roldar 24 x 11,5 x 6 cm. Emprégase en albanelaría para a execución de fábricas de ladrillo, xa sexa muros, tabiques etc. Estímase que os primeiros ladrillos foron creados arredor do -6000 a. C.

Lapis

Un lapis ou lapiseiro é un instrumento de man utilizado para escribir ou debuxar, usualmente sobre papel.

Consta dunha variña de grafito (excepto para lapis de cor) e arxila, a cal é normalmente recuberta cunha capa de madeira. Os lapis poden ter tamén unha goma de borrar nun dos seus extremos, xa que a diferenza da pluma estilográfica ou o bolígrafo, o trazo do lapis pode ser borrado con facilidade.

A dureza da mina, e polo tanto a capacidade de escribir un trazo máis escuro, mídese coas siglas H e B, o B é mais brando, normalmente en debuxo artístico úsanse a B1, B2..., e o lapis común ten de siglas HB. Ademais, a dureza está en relación ás cantidades de grafito e arxila na mestura.

Limo

O limo (do latín limus, 'lodo', 'barro', 'sedimento') é un material solto cunha granulometría comprendida entre á da area fina e á da arxila.

É un sedimento clástico incoherente transportado en suspensión polos ríos e polo vento, que se deposita no leito dos cursos de auga ou sobre os terreos que foron inundados.

Para que se clasifique como tal, o diámetro das partículas de limo ten que oscilar entre os 0,002 mm e os 0,06 mm.

É típico e famoso o limo depositado polo río Nilo despois das inundacións periódicas que achegaban terreo fértil para a agricultura desde o antigo Exipto até que este fluxo se interrompiu pola construción da presa de Asuán.

Ao non ter cohesión, é un terreo problemático para edificar sobre el e, en obras de arquitectura ou enxeñaría, é necesario adoptar sistemas especiais de cimentación.

Pódense distinguir:

o limo orgánico, formado por barro mesturado con restos vexetais, e

o limo inorgánico, con inclusión de po de rochas. Neste tipo encóntrase o loess pampeano ou o chinés; é un limo fino, sen estratificación.

Neolítico

O Neolítico, Nova Idade de Pedra, (do grego néos "novo" e lithos "pedra"), por contraposición a Paleolítico ou Vella Idade de Pedra, é un dos períodos en que se considera dividida a Prehistoria. Inicialmente déuselle este nome en razón dos achados de ferramentas de pedra puída que parecían acompañar ó desenvolvemento e expansión da agricultura. Hoxe en día defínese o neolítico precisamente en razón do coñecemento e uso da agricultura ou da gandaría. Normalmente, pero non necesariamente, vai acompañado polo traballo da olería.

Olaría

A olaría é o traballo con arxila cocida co obxecto de elaborar utensilios tal que potas, pratos, vasos, porróns e moitas outra pezas.

Porcelana

A porcelana é un material de cerámica feito a partir doutros materiais, como arxila en forma de caolinita, cuarzo e feldespato, refinados a altas temperaturas. Trátase dun produto de cor branca, impermeable e translúcido.

Quintana Redonda

Quintana Redonda é un concello español da provincia de Soria (Castela e León). censados. A súa poboación é de 523 habitantes (INE 2012).

Rubí, Barcelona

Rubí é un municipio milenario de Barcelona (Cataluña), situado na comarca do Vallès Occidental. Atópase no val de Rubí, e limita ao norte con Terrassa e Sant Quirze del Vallès, ao oest con Ullastrell, ao leste con Sant Cugat del Vallès, e ao sur con Castellbisbal.

O nome actual provén da súa denominación en latín, Rivo Rubeo, traducido por "riera vermella" en referencia á arxila que arrastraba a riera que lle deu nome.

Tejo (deporte)

O tejo ou turmequé (tamén coñecido co nome da localidade de Turmequé) é un xogo que consiste en lanzar un disco metálico de preto de 680 gramos a través dunha cancha de arxila de 18 metros de longo para facer estoupar as mechas (pequenos sobres con pólvora) que se atopan no bocín (círculo metálico que se atopa na cancha) e así ir engadindo puntos. Está considerado deporte nacional de Colombia.

Tella (construción)

A tella é un elemento construtitvo usado na cobertura de casas e outras edificacións. Adóitase facer de arxila (cerámica), mais pode ser producida nunha gran variedade de materiais, como pedra, cemento, amianto, metal, vidro, plástico, madeira, entre outros.

Como regra, son usados conxuntos de tellas que, integrándose unhas nas outras, formarán un tipo de cuberta denominada tellado, e diferenciándose dos feitos en pedra ou lousa: lousados, ou en palla ou colmo: colmados. Unha boa tella ofrece encaixes precisos, evitando a filtración de auga ou vento, e achegando resistencia á intemperie e rendimento acorde co previsto no material empregado.

A decisión do tipo e material axeitados da tella usada depende de factores como a incidencia de choivas ou neve, temperaturas medias da rexión, tipoloxía da construción, vans e, naturalmente, dispoñibilidade de materiais, man de obra local e o modo no que o material será utilizado.

En Galicia o uso da tella vén xa da época romana, comezando a se empregar nos primeiros castros romanizados, porén o uso de cubertas vexetais e de pedra mantense até hoxe.

Terracota

A terracota (do italiano terra cotta "terra cocida") é a arxila modelada e endurecida ao forno, fundamento dos traballos de cerámica, utilizada tanto para recipientes como para a realización de esculturas e decoración arquitectónica. Ata en Etruria, durante os séculos III e II a.C., utilizouse para a elaboración de sarcófagos. En Merimde foi empregada desde o cuarto milenio a.C.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.