Arturo Souto

Arturo Souto Feijoo, nado en Pontevedra o 4 de xullo de 1902 e finado en México o 3 de xullo de 1964, foi un pintor galego.

Arturo Souto
Arturo Souto 1932
Nacemento4 de xullo de 1902
 Pontevedra
Falecemento3 de xullo de 1964
 México
NacionalidadeEspaña
Alma máterReal Academia de Belas Artes de San Fernando
Ocupaciónpintor

Traxectoria

Foi fillo do maxistrado e pintor Alfredo Souto Cuero, que foi o seu primeiro mestre; e de Pilar Feijoo Freire. Os diferentes destinos do seu pai levárono a vivir en Oviedo, Zaragoza, Lugo e A Coruña, ata establecerse en Sevilla, onde estudou (entre 1916 e 1920) na Escuela Industrial de Artes y Oficios y de Bellas Artes. O seu pai inclinouno cara unha carreira máis positiva, e cursa estudos de aparellador. Tódolos anos pasan o verán en Galiza, e os ambientes rurais e mariños influirán decisivamente na inicial visión plástica de Arturo. O artista busca ambientes pechados para as súas acuarelas, como os cafés cantantes e incluso as casas de lenocinio, apaixonado pola figura feminina e en concreto polos corpos espidos.

En 1922 instalouse en Madrid e ingresou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, onde coincidiu con Salvador Dalí e outros artistas de renome. Afeccionado aos faladoiros, convive con escritores e intelectuais, e traba amizade con Valle Inclán.

En 1923 casa con Carmen Alabarce Casanova.

Fai o servizo militar en Vigo (1924) e realiza a súa primeira exposición individual en 1925, na Casa de Galicia de Madrid. Neste ano participa no Manifiesto de Los Ibéricos, cun grupo de inconformistas coa vulgar arte oficial da España da época, que non quere saber que existen Picasso, Juan Gris, Julio González, Pablo Gargallo e outros. No grupo están autores como Alberto Sánchez, Rafael Alberti, Manuel Angeles Ortiz, Francisco Bores ou o vigués José Frau. A exposición deste grupo, no Palacio del Retiro, constitúe un grito e unha revolución.

A curta pensión paterna amplíaa Arturo Souto decorando porcelanas, e consegue diñeiro para a súa primeira viaxe a París, en 1926, a onde volverá a viaxar en 1931, agora cunha bolsa da Deputación de Pontevedra. Entusiasmado coas novas correntes estéticas da capital francesa, traballa intensamente e interésase por Giorgio de Chirico, que será unha gran influencia.

En España participa en importantes exposicións colectivas e realiza mostras en Madrid (1928 e seguintes), Pontevedra (1928), Santiago (1930), A Coruña (1931), Vigo (1932) etc. Proba con moitas técnicas: pastel, gouache, acuarela, óleo. Un esteticismo dandi e certo decadentismo preside a obra desta época. Por medio do médico e poeta Luís Pimentel, do grupo "Ronsel", o Círculo das Artes de Lugo encárgalle seis paneis para os seus salóns, obras nas que se plasma toda a súa personalidade. Simultaneamente, ilustra diversas novelas e colabora na revista madrileña Blanco y Negro.

En 1931 recibe unha bolsa de viaxe da Deputación de Pontevedra que lle permite visitar diversos museos europeos. Neste mesmo ano asina o "Manifesto dirixido á opinión pública e ós poderes oficiais". Coñece ben a pintores vascos, identificándose temática e tecnicamente con Aurelio Arteta.

Sucédense as súas exposicións, en Madrid, Bilbao, A Coruña ou Vigo. A súa obra salta fronteiras e exponse en Copenhaguen e Berlín. En 1934 obtén nomeamento de Pensionado de Pintura na Academia de Roma, onde permanece ata 1936 (salvo estancias temporais en Florencia e París.

Regresa a España en xuño dese ano, sorprendéndolle o Alzamento Nacional en Madrid. Únese axiña ó bando republicano e ingresa na Alianza de Intelectuales Antifascistas. Participa activamente na propaganda republicana con debuxos e carteis, colaborando con algunhas revistas como ilustrador, como El Mono Azul, El Buque Rojo, Nueva Cultura, Hora de España etc. En 1937 asiste ó II Congreso Internacional de Escritores para la Defensa de la Cultura que se celebra en Valencia, onde reside desde o mes de novembro anterior, e expón na Exposición Internacional de París, no pavillón deseñado por Sert, onde estaba o Guernica de Picasso, a quen coñecera un par de anos antes. En 1938 viaxa a Bélxica e expón en Bruxelas, sendo eloxiado polo pintor James Ensor.

Concluída a guerra partiu cara ó exilio desde Barcelona a Bordeos e á Habana, onde organiza varias exposicións, e despois vai a Nova York, Os Ánxeles e Filadelfia. En xuño de 1942, por mediación do seu amigo o diplomático e poeta Torres Bodet, trasládase a México, onde inmediatamente celebra a súa primeira das moitas exposicións que alí tiveron lugar, identificándose parcialmente con modos autóctonos que parten dos grandes muralistas. Nos anos en que permaneceu un México expuso repetidas veces tanto na capital como noutras cidades suramericanas, á vez de ilustrar obras (como Presencia de Galicia en México, editada polo Patronato de Cultura Galega; Teatro del Buscón, de Eduardo Dieste; ou Pranto Matricial, de Paz Andrade) ou colaborar en revistas, como Vieiros.

O 7 de maio de 1962 embarca no Guadalupe de regreso a España, e desembarca na Coruña o día 23. A primeira exposición nesta nova época realízaa na desaparecida Sala Velázquez, de Vigo. A mostra foi un fracaso [Cómpre referencia]. Os seus antigos amigos apenas lle fan caso. Profundamente defraudado, recolle a obra, renega desas amizades e expón en Madrid, Bilbao e Compostela.

Arturo Souto, Pontevedra
Placa na rúa na que naceu Arturo Souto

Permanece en España ata principios de 1964. En marzo regresa a México para liquidar os seus intereses e pensando instalarse definitivamente en España, pero falece o 3 de xullo dun infarto.

A súa obra figura en museos de España e América. Con motivo da Bienal de Pontevedra de 1984, celebrouse unha gran exposición antolóxica do pintor, repetida en Vigo en 1988.

Souto tivo etapas moi diferenciadas. Iniciouse nun modernismo decadentista, elegante e mundano, etapa sucedida por outra moi francesa, influenciado por autores como Bonnard ou Toulouse-Lautrec. Salta á italiana, que lembra a Chirico, e entusiásmase coa arte xaponesa, da que dá unha visión moi persoal, de gran colorismo. A etapa americana é moito máis neutra na cor, de intención racista, hierática, influída polo muralismo indixenista.

En medio, sempre, un pintor de mancha nerviosa, barroquizante, moi moderno, capaz de captar os máis variados ambientes, desde as festas populares ó mundo do mar e da mitoloxía.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Campoy, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973.
  • Sobrino Manzanares, Mª Luisa: Arturo Souto. Pontevedra, Deputación Provincial, 1984.
  • Chamoso Lamas, Manuel: "Arte", en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer, 1976.
  • Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes. Concello de Vigo, 1992.
  • Pablos, Francisco: Plástica galega. Vigo, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1981.
  • Castro, X. Antón: Renovación e avangarda en Galicia. (1925-1933) Pontevedra, Deputación Provincial, 1986.
  • VV. AA.: Orígenes de la vanguardia española. 1920-1936. Madrid, Galería Multitud, 1974.
  • VV. AA.: Arturo Souto. Exposición antológica. Vigo, Caixavigo, 1988.
  • VV. AA.: El exilio español en México. México, Fondo de Cultura Económica, 1982.
  • Ilarri Gimeno, Ángel: Catálogo del Pazo Museo "Quiñones de León" Concello de Vigo, 1978.
  • Ilarri Gimeno, Ángel: Pintores españoles de la Escuela de París. Vigo, Caixavigo, 1992.
  • Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1970.
  • Gállego, Julián: 30 artistas españoles de la Escuela de París. Madrid, Centro Conde Duque, 1984.
  • Valle Pérez, Xosé Carlos (coord.): Arturo Souto, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña 1997.

Ligazóns externas

3 de xullo

O 3 de xullo é o 184º día do ano do calendario gregoriano e o 185º nos anos bisestos. Quedan 181 días para finalizar o ano.

4 de xullo

O 4 de xullo é o 185º día do ano do calendario gregoriano e o 186º nos anos bisestos. Quedan 180 días para finalizar o ano.

Alleeiros

Alleeiros é un termo que empregaban, de maneira despectiva, os autores da Xeración Nós (os vellos) para referirse aos autores da nova xeración. Os novos eran Rafael Dieste, Carlos Maside García, Manuel Antonio, Arturo Souto, Otero Espasandín, Fernández Mazas, Bal y Gay e Johán Carballeira. Esta xeración dará paso en 1930 a unha terceira xeración, que se move por medios de comunicación como El Pueblo Gallego, Resol, Yunque, Guión e Papel de Color. Os membros que integraban este grupo eran Luís Seoane, Álvaro Cunqueiro, Santiso Girón e Santiago Montero Díaz.

Camilo Nogueira Martínez

Camilo Nogueira Martínez, nado o 22 de xullo de 1904 no daquela concello de Lavadores e finado o 2 de marzo de 1982 ibídem, foi un escultor e político galego.

Carlos Maside

Carlos Maside García, nado en San Xulián (Pontecesures) o 16 de marzo de 1897 e finado en Santiago de Compostela o 10 de xuño de 1958, foi un pintor galego.

Colección Afundación

A Colección Afundación, anteriormente Colección Novacaixagalicia e antes Colección Caixanova, é unha colección artística de Afundación, obra social de Abanca, a mellor colección privada de arte galega.

César López Otero

César López Otero, nado en Acevedo (San Xurxo de Piquín, Ribeira de Piquín; por entón pertencente ao concello de Meira), en 1903 e finado en Meira o 12 de setembro de 1939, foi un avogado, sindicalista e político galego.

Feijoo

Feijoo, Feijó, ou tamén tradicional e incorrectamente escrito Feijóo, ou tamén regaleguizado minoritariamente a Feixó, é un apelido galego e portugués, amplamente distribuído por toda Galicia, pero que se concentra sobre todo nas comarcas da Limia e da Terra de Celanova, así como no Salnés.

Isaac Díaz Pardo

Isaac Díaz Pardo, nado en Santiago de Compostela o 22 de agosto de 1920 e finado na Coruña o 5 de xaneiro de 2012, foi un intelectual, artista e empresario galeguista que se impuxo a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a cultura e a memoria de Galicia, acometendo facetas de empresario cultural, deseñador industrial, escritor, editor, promotor e mecenas de proxectos.

Luís Soto

Luís Soto Fernández, nado en Podentes (A Bola) o 7 de decembro de 1902 e falecido en Cidade de México o 12 de novembro de 1981, foi un político e xornalista galego.

Manuel Colmeiro Guimarás

Manuel Colmeiro Guimarás, nado en Chapa (Silleda) o 7 de agosto de 1901 e finado en Salvaterra de Miño o 1 de outubro de 1999, foi un pintor galego.

María Luisa Sobrino

María Luisa Sobrino Manzanares Villanueva Correa, nada en Vigo o 29 de xullo de 1943, é unha historiadora da arte galega, especialista en arte galega contemporánea, residente en Santiago de Compostela.

Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside

O Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside foi creado en 1970, ó abeiro do Laboratorio de Formas de Cerámicas do Castro, no Castro de Samoedo (Osedo, Sada), dentro das instalacións de Cerámicas do Castro, nun característico edificio composto de módulos hexagonais ó redor dun módulo central.

Museo Raíña Sofía

O Museo Raíña Sofía, oficialmente Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía (en castelán: Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, MNCARS), é o principal museo español de arte do século XX e contemporánea, situado en Madrid. Inaugurouse o 10 de setembro de 1992, a partir dos procedentes do extinto Museo Español de Arte Contemporánea. É un organismo autónomo dependente do Ministerio de Cultura.

Na súa colección destaca a obra dos pintores e escultores españois do século XX (nacidos a partir de 1881), representados amplamente e con algunhas das súas mellores obras: Pablo Picasso, Salvador Dalí ou Joan Miró, sen esquecer obras de estilo surrealista (de Francis Picabia, René Magritte, Yves Tanguy ou Jean Arp), cubista (Juan Gris, Georges Braque, Robert e Sonia Delaunay ou Fernand Léger) e expresionista (Francis Bacon ou Antonio Saura).

É o museo máis visitado de España, recibindo 3.898.309 persoas no ano 2018, unha cifra que aumenta continuamente dende a súa apertura. Xunto ó Museo do Prado e o Museo Thyssen-Bornemisza constitúe o chamado Triángulo de Ouro ou Triángulo da Arte, do que o Raíña Sofía se situaría no vértice sur.

Padroado da cultura galega de México

O Padroado da Cultura Galega de México foi unha asociación creada o 29 de xuño de 1953 coa finalidade de promover distintas iniciativas culturais relacionadas coa cultura galega.

Pranto matricial

Pranto matricial é un poemario de Valentín Paz-Andrade, escrito en 1954 e publicado en 1955 por Ediciones Galicia, do Centro Gallego de Buenos Aires.

Ramiro Isla Couto

Ramiro Isla Couto, nado en Arnois (A Estrada) o 8 de marzo de 1896 e falecido en Vigo o 5 de decembro de 1987, foi un empresario e dinamizador cultural da emigración galega.

Vieiros (revista)

Vieiros, subtitulada como “Revista do Padroado de Cultura Galega de México”, é unha revista galega, cultural e literaria, creada en México en 1959 que deixou de editarse en 1968, tras publicar unicamente catro números. Tiña carácter cultural, antifascista e galeguista e o seu obxectivo era crear unha publicación galega de calidade no exilio e servir de ponte entre exiliados e galegos en España.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.