Arte románica

A arte románica foi o estilo artístico predominante na Europa cristiá dende mediados do século XI ata finais do século XII[1], abarcando tamén parte do XIII. O románico supón a arte cristiá, agrupando as diferentes opcións que se utilizaran na temperá Idade Media (romana, prerrománica, bizantina, xermánica e árabe) e conseguindo formular unha linguaxe específica e coherente aplicada a tódalas manifestacións artísticas. Non foi produto dunha soa nacionalidade ou rexión, senón que xurdiu de forma paulatina e case simultánea en Italia (artista principal: Benedetto Antelami), Francia, Alemaña e España. En cada un destes países xurdiu con características propias, aínda que con suficiente unidade como para ser considerado o primeiro estilo internacional cun ámbito europeo.

Xorde como consecuencia da prosperidade material e da renovación espiritual que inspirou a construción de gran número de igrexas e de edificios relixiosos. As primeiras construcións fixéronse en Lombardía, Borgoña e Normandía. Dende alí difundiuse por toda Europa, debido a:

  • Expansión das ordes relixiosas (Cluny e Císter) que constrúen mosteiros. Estes son fonte de riqueza e centro cultural e urbano da sociedade.
  • As peregrinacións (a través do Camiño de Santiago).
  • Aumento da influencia da Igrexa.

Debido ás relacións entre relixiosos e nobres, os reis, nobres, bispos e abades dos mosteiros impulsaron a construción das grandes igrexas e ás veces eran aldeáns os que as custeaban e construían. As obras realizábanas artesáns especializados como arquitectos, canteiros, pintores etc. A arte románica foi sobre todo unha arte relixiosa, que reflectía os valores da nova sociedade feudal, que á vez era guerreira e cristiá.

Catalonia-Campanar catedral de Vic, Osona
Campanario da catedral de Vic, Osona.

Desenvolvemento

Leyre portico
Porta Speciosa do mosteiro de Leyre, Navarra, España.

Dende o século VIII, unha serie de acontecementos históricos son os que posibilitarán a renovación e expansión da cultura europea: a suba ó trono de Francia dos Capetos, a consolidación e difusión do cristianismo, o inicio da Reconquista na Península Ibérica e, fundamentalmente, o nacemento das linguas románicas, son os fitos que marcan ese rexurdir. Así a todo, a arte non acadará unha formulación coherente ata que é superado o ano 1000, cando unha corrente de vitalidade e expansionismo, tanto económico como cultural, apodérase das sociedades occidentais, que van sufrir un importante crecemento demográfico, vesándose novas terras e abrindo antigas rutas de comercio, que posibilitasen os camiños de peregrinación. Toda Europa será invadida por unha auténtica febre construtiva; conseguírase formular unha arte capaz de representar a toda a cristiandade: o Románico.

San Martín de Elines
Colexiata de San Martín de Elines (Cantabria), España.

O termo románico, como concepto que define un estilo artístico, foi utilizado por primeira vez en 1820 por Charles de Gerville, considerando con este termo toda a arte que se realiza anterior ó estilo gótico dende a caída do Imperio Romano; e por analoxía ó termo xa coñecido de linguas románicas, a arte románica sucedía á arte antiga tal e como as linguas románicas eran as sucesoras do latín. Posteriormente, a acepción de arte románica foise restrinxindo e pasou a designa-la arte desenvolvida en Occidente entre os séculos XI e XII, aínda que aínda hoxe seguen as controversias para determinar con exactitude a amplitude de espazo e tempo que abrangue este estilo.

Na definición desta primeira arte europea é fundamental a reforma monacal realizada pola orde cluniacense, como resultado dunha revisión en profundidade das comunidades beneditinas. O mosteiro de Cluny, fundado no ano 930, convértese no gran centro difusor a reforma, atinxindo rapidamente unha grande expansión e conseguindo que a través dos seus mosteiros a arte románica se difundise por todo o mundo cristián europeo. Antes de que a orde de Cluny capitalizase e estendese esta arte románica, xa a había en Italia, na rexión de Como, e en España, en Cataluña (Lleida, Xirona e Barcelona) e Aragón (especialmente na provincia de Huesca), o que se denomina o primeiro románico. Os mestres de Como, cos seus aparellos de albanel, a súa estrutura de igrexa dunha nave e as súas populares bandas lombardas, así como os primeiros abovedamentos das igrexas catalás, sentaron bases sólidas para un rico desenvolvemento da arquitectura románica.

  • Pedra escuadrada pero non pulida.
  • Cabeceiras de semitambor adornadas con arcos e bandas ritmicamente dispostas.
  • Os templos cóbrense con bóvedas pétreas de canón e forno.
  • As naves son máis amplas e elevadas, ó menos en comparación con antigos edificios prerrománicos.
  • Empréganse os piares como sustentación.
  • Non hai figuración escultórica.

A época dourada do estilo pola súa calidade e beleza (Románico pleno), esténdese na última metade do século XI e a primeira do XII, procedente de Francia e transmitido fundamentalmente en torno do Camiño de Santiago.

Villanuevania
Canzorros da igrexa de San Xoán Bautista de Villanueva da Nía (Cantabria), España.
  • Escultura en fachadas.
  • Portas.
  • Xanelas.
  • Canzorros.

Durante a segunda metade do século XII e a primeira metade do século XIII, a medida que as solucións arquitectónicas se afianzan e melloran, xorde o tardorrománico.

Pintura e escultura

Artigo principal: Escultura románica.
Artigo principal: Pintura románica.

Algunhas características da pintura e escultura románica son as figuras contranaturais, esquemáticas e hieráticas; corpos desproporcionados, carencia total de perspectiva; e personaxes superpostos, estáticos, frontais e perfectamente simétricos. Estas características esconden detrás unha complexa linguaxe iconográfica, comprensíbel no contexto da sociedade e as crenzas da Alta Idade Media.[2]

O Cristo crucificado atópase sereno e sen dor, impasíbel ao tormento; Deus pintado nas ábsidas é sobrenatural, xuíz das accións humanas e soberano universal; María coma Trono da Sabedoría equipárase coa institución da igrexa, medianeira entre Deus e as persoas. Os ollos e as mans humanas, aquilo considerado máis espiritual, adquiren dimensións desproporcionadas... Este contranaturalismo é intencionado e representa a realidade verdadeira e transcendente de Deus, fronte ao mundo natural, só aparencia imperfecta daquilo que é divino (neoplatonismo).[2]

A pintura ten os mesmos temas iconográficos que a escultura. Pero, amais, achamos as ilustracións de libros que aparecen para comentar os textos, coma o Beato de Liébana.

Hai tamén pintura mural, inda que se conserva mal e hai pouca. Mais a pintura foi moi importante, posto que todos os edificios debían de estar policromados. A pintura situábase preferentemente no interior. A ábsida principal era o centro organizador do programa iconográfico. Pintáronse, amais, os arcos e os muros.

Entre os temas predominantes hai: o tetramorfo, o pantocrátor, os apóstolos e os santos. Nos muros, atópanse os temas narrativos, tanto do Antigo coma do Novo Testamento, mais tamén aparecen as vidas dos santos, sobre todo se teñen relación co camiño que os fieis teñen que percorrer para obter a "salvación".

Meister aus Tahull 001
Ábsida de Sant Climent de Taüll, obra do Mestre Taüll.

Igual que a escultura, a pintura ten unha clara función docente, e un marcado carácter simbólico, amais de estético. Áchanse o mesmo tipo de convencionalismos: frontalidade, carencia de volume e profundidade, formas xeométricas e esquemáticas, adaptación ao marco arquitectónico, contranaturalismo e hieratismo, inda que isto se compensa cunha grande expresividade das figuras.

Ten unha grande influencia da arte bizantina. predomina o debuxo, con liña gorda, cores planas e sen volume. O espazo créase pola distribución das figuras no espazo. A técnica máis utilizada é a do fresco, que require certa preparación do muro: o estucado. As cores tamén poden aplicarse ao templo. Dada a amplitude dos muros, a composición da escena adquirirá unha importancia singular. Tamén se pintou sobre unha mesa para poñer nos altares. A composición seguía as convencións do relevo.

Na pintura románica sobresae a miniatura. A miniatura está feita por xente letrada, pensada para decorar libros, para a xente que sabe ler, pero non ten a intención didáctica das outras obras. Frecuentemente, créanse modelos que despois aparecen en murais e mesas. Píntanse biblias, libros de horas, vidas de santos, libros científicos etc. Nestes, as miniaturas ocupan as marxes dos follas, a xeito de viñeta, páxinas cheas e as iniciais do comezo do texto.

Todas estas características responden a dúas «leis» expostas polo historiador da arte Henri Focillon: a lei de adaptación ao marco e a lei do esquema xeométrico, válidas tanto para a pintura coma para a escultura medievais. A primeira fala da necesaria adaptación das figuras aos espazos arquitectónicos que as acollen; e remite á idea que arquitectura, pintura e escultura forman un todo que ten como obxectivo difundir a mensaxe das Sagradas Escrituras.[2] A segunda refírese á lóxica xeométrica intrínseca que teñen as figuras do románico: estas son simétricas, toman formas e composicións parecidas a cadrados, triángulos, círculos ou cruzamentos... unhas formas que non son, en absoluto, de balde.[2]

As formas e proporcións axústanse a unha orde xeométrica racional, unha orde divina que pouco ten que ver coa natura e a realidade material dos seres humanos.[2] A pintura románica, polo tanto, non está concibida para un goce sensible, senón que se dirixe ao intelecto mediante esquemas racionais. Tal como apuntan algúns historiadores, para apreciar a beleza desta arte, onde nada se deixa ao azar e a iconografía é máis complexa do que se se pensa, hai que desprenderse da forma de pensar «positivista» contemporánea.[2]

A arte románica en Galicia

Catedral 060305
A catedral de Santiago de Compostela constitúe un dos maiores exemplos do románico galego, malia ser a súa fachada, un dos elementos máis característicos da catedral, de estilo barroco.

A arte románica espallouse dende Francia ao resto da Europa occidental a partir do século XI. O estilo chegaría á Península Ibérica da man do Camiño de Santiago cuxas vías principais confluían en Compostela, vila onde se dirixían milleiros de peregrinos de toda Europa que viñan a loar a suposta tumba do apóstolo Santiago. A data de chegada do estilo a España é aproximadamente entre o século XI e comezos do XII.

Algunhas das principais paradas do Camiño, serían as primeiras en desenvolver este estilo, erixíndose igrexas, catedrais e mosteiros, como a catedral de Jaca, a igrexa monástica de San Martín de Frómista, a basílica de Santo Isidoro de León e as primeiras pedras da catedral compostelá.

A época de expansión do estilo pola península, coincide coa ocupación musulmá, desenvolvéndose deste xeito o Románico pola parte setentrional da península, non ocupada polos mouros. As principais mostras desta arte pódense atopar por toda a xeografía do país, destacando, xunto a catedral compostelá os mosteiros medievais da Ribeira Sacra onde se poden atopar numerosos mosteiros románicos entre as provincias de Lugo e Ourense.

Provincia da Coruña

A principal obra románica da provincia da Coruña e toda Galicia é, sen dúbida, a catedral de Santiago de Compostela. Non existen dúbidas do importante papel que exerceron as peregrinacións, que, ao longo do camiño tiñan como obxectivo chegar á tumba do apóstolo, para o florecemento do estilo románico en Galicia. O nacemento da catedral de Santiago de Compostela ten a súa orixe nestas peregrinacións, sendo reedificada en diversas ocasións durante o período románico. Na cidade de Compostela, destacan xunto á catedral como exemplos de arte románica a colexiata de Santa María a Real do Sar e a igrexa de Santa María de Salomé.

Xunto á capital administrativa galega, destaca como centro da arte románica o Golfo Ártabro, ademais da cidade da Coruña e os seus arredores, lugares no que se atopan algunhas das mellores mostras do románico galego na provincia.

Na Golfo Ártabro destacan como exemplo a igrexa de San Xoán de Vilanova (Betanzos), a igrexa de San Miguel de Breamo (Pontedeume) e a igrexa do Mosteiro de San Martiño de Couto) na parroquia de Xuvia, no concello de Narón. A primeira trátase dunha igrexa pertencente ao románico primitivo, entroncado co prerrománico asturiano e o románico lombardo[3]. A segunda foi cabeza dun pequeno mosteiro de cóengos regulares agostiños, amparados por Fernando II (1157-1188), mantida ata comezos do século XVII. Tralo cal pasou a ser priorado, e posteriormente, ermida a cargo da parroquia de Vilar. Semella estar relacionada co mundo Templario, aínda que non existen datos que o confirmen [4]. A terceira pertence ao Mosteiro de San Martiño do Couto, e constitúe un dos mellores exemplos do románico tardío na provincia[5]. Na área metropolitana da Coruña destaca a Igrexa de Santa María no concello de Cambre, único exemplo rural do románico compostelán, e, no concello da Coruña as igrexas de San Vicente de Elviña, a Igrexa de Santiago (segunda metade do século XII), a igrexa máis antiga da cidade (segunda metade do século XII), a Real Colexiata de Santa María do Campo de influencia románica tardía (séculos XIII e XIV).

Provincia de Lugo

CatedralSanMartinho
Antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo, Foz.

Na provincia de Lugo, destacan como centros da arquitectura románica a Mariña Luguesa, e os arredores da capital provincial, ademais da beira luguesa da Ribeira Sacra. Sendo estas dúas últimas as que presentan máis monumentos románicos.

Dentro da Mariña Luguesa, destacan como exemplos arquitectónicos románicos a Basílica de San Martiño no concello de Foz e a de Santa María do Campo en Viveiro. As dúas igrexas son representantes de diferentes períodos románicos. A primeira, de orixe prerrománica é orixinaria do século VI, mais foi reedificada entre os séculos X e o XII, sendo pechadas as súas naves no XIII. Débese salientar que foi a primeira catedral construída no sur de Europa[Cómpre referencia]. As obras principais deberon ter lugar entre o ano 925 e o 944.

A Igrexa de Santa María do Campo de Viveiro, catalogada como monumento nacional, pertence ao románico tardío galego (séculos XII e XIII). Como adoita acontecer noutras igrexas románicas, as súas torres, barrocas, foron engadidas entre os séculos XVIII e XIX. No século XVIII, foille engadida á dereita da igrexa unha capela adicada á Virxe do Rosario. No seu interior, atópanse varias reliquias de Roma xunto a unha cruz procesional do século XVI[6].

Na capital da provincia destaca a catedral de Lugo. A catedral foi mandada construír no ano 755 polo bispo Odoario, mais as deficiencias de construción e os asedios das guerras fixeron que no primeiro terzo do século XII se achase o edificio nunhas condicións tales que obrigaron ao bispo Pedro III co seu cabido e outras persoas notables da cidade a concertar en 1129 co mestre Raimundo a construción dun novo templo conforme ao estilo arquitectónico entón imperante, o románico, sendo rematada no ano 1273.

Trala súa construción o edificio foi reformado en diversas ocasións. A pesar das reformas, o interior do templo é basicamente dun estilo románico tardío. Pertencen á arquitectura románica os paramentos verticais e a bóveda da nave do cruceiro, ademais da maior parte da naves maior, laterais e triforio, cuxas bóvedas foron restauradas no século XVIII, ademais da porta norte, que se atopa acubillada por un soportal gótico no que se atopa un tímpano. Na catedral están presentes tamén outros estilos como o gótico (primeiro corpo da torre das campás 1570, o nártice ou pórtico norte 1510-1530, primeiro corpo da capela maior e as capelas do deambulatorio agás a central, así como as capelas de Santo Domingo dos Reis 1370 e San Froilán 1480), o barroco (sancristía 1678, a sala capitular e os seus arredores 1683, o claustro 1714 e a capela central do deambulatorio, chamada dos Ollos Grandes 1726) e o renacentista (segundo corpo da capela maior, a actual capela de San Foilán e a fachada, obra da segunda metade do século XVIII).

Portada setentrional igrexa de San Salvador de Sarria
Portada setentrional igrexa de San Salvador de Sarria, Sarria.

Grazas ao paso do camiño de Santiago polo parte meridional da provincia, pódense atopar numerosas mostras románicas froito da influencia do estilo nos templos da área.

Unha localidade que destaca polas súas igrexas románicas é Sarria, concello onde se atopan as igrexas de Santa Mariña e Barbadelo. A igrexa de Santa María destaca polo senlleiro tímpano da súa portada na que se amosa a Cristo coroado en posición de bendicir, rodeado de dúas árbores de seis follas rematados por cruces gregas[7]. A de Barbadelo, monumento nacional, destaca pola súa torre e planta, datadas do século XII.

No sur da provincia, destacan tamén a Igrexa de Vilar de Donas na parroquia de Vilar de Donas, no concello de Palas de Rei, polo que transita o Camiño Francés a Santiago. A igrexa, orixinalmente monástica, foi declarada Monumento Histórico Artístico no ano 1931.[8]

A fundación do mosteiro atribúese a tradición a unhas donas (representadas nas pinturas góticas da capela maior), co que se explicaría o topónimo. En realidade, o seu fundador foi Arias Pérez de Monterroso, a mediados do século XII. A porta da igrexa do Mosteiro de Vilar de Donas é das máis fermosas do románico lugués[9]. A igrexa de San Nicolao de Portomarín no concello do mesmo nome, foi erixida entre os séculos XII e XIII.

A igrexa de Portomarín constitúe un dos edificios románicos máis destacados de toda Galicia, debido á altura dos seus muros e ameas que lle dan a súa característica forma. Así mesmo a igrexa destaca tamén polos seus dous rosetóns e as súas tres portadas, decoradas con motivos relixiosos de simboloxía románico pertencentes ao románico tardío. Na actualidade o edificio atópase nunha localización diferente á orixinal, xa que, debido á construción dun encoro, o santuario de Portomarín tivo que ser transportado pedra a pedra xunto á vila de Portomarín.

Provincia de Pontevedra

Notas

  1. Historia da arte, Pilar Díez del Corral Corredoira, Edicións Lóstrego, 2003, ISBN 84-932169-6-8
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Romànic Obert (ed.). "L'abstracció en la pintura mural". Arquivado dende o orixinal o 10 de xaneiro de 2014. Consultado o 10 de xaneiro de 2014.
  3. http://www.arteguias.com/romanico_artabro.htm Románico en el Golfo Ártrabo, 6º parágrafo
  4. http://www.arteguias.com/romanico_artabro.htm, Románico en el Golfo Ártabro 7º parágrafo
  5. http://www.arteguias.com/romanico_artabro.htm, Románico en el Golfo Ártabro 8º parágrafo
  6. http://es.viajes.yahoo.com/p-guia_viaje-1198818-iglesia_de_santa_maria_del_campo_viveiro-i[Ligazón morta] Iglesia de Santa María do Campo - Detalles
  7. http://www.arteguias.com/romanico_lugo.htm, Sarria, 2º parágrafo
  8. Decreto de 3 de xuño de 1931. Gaceta de Madrid, do 4.
  9. http://www.arteguias.com/romanico_lugo.htm, Iglesia del Monasterio de Vilar de Donas, 4º parágrafo

Véxase tamén

Outros artigos

Arquitectura románica

A arquitectura románica, o estilo arquitectónico da arte románica, está ligada ás grandes reformas monacais, ás peregrinacións e ás cruzadas, tamén coincidiu co renacemento da cidade como núcleo urbano e de produción artesanal e que urbanisticamente xiraba arredor do edificio da igrexa-catedral.

O mosteiro de Cluny coa elección do abade polos propios monxes como reacción ó poder dos señores feudais no seo das abadías, converteuse no centro espiritual da Europa Occidental e como organizador de cruzadas estableceu o contacto entre os diferentes pobos e como consecuencia un tipo de arquitectura común, renovando os conceptos da herdanza clásica romana, incluíndo tamén a tradición prerrománica e a oriental a través de Bizancio e o mundo árabe. O material de construción utilizado foi o perpiaño e como novidade as igrexas e mosteiros divídense en varios tramos, a cuberta componse na maioría dos casos por unha bóveda de canón que se divide en varios tramos independentes o que posibilita o abaratamento da construción ao permitir a utilización dunha mesma cimbra varias veces, a técnica requiría o reforzo da bóveda con arcos de perpiaño, o que obrigaba a levantar piares compostos como sistemas de apoio para transmitiren os empurramentos ás naves laterais que se absorben grazas a grosos muros de peche reforzados mediante contrafortes. Outros elementos arquitectónicos utilizados foron o arco de medio punto, a bóveda de aresta, a bóveda de cuarto de esfera.

Característico da arquitectura románica foron as igrexas de peregrinación que tiñan como función acoller peregrinos, nestas igrexas modifícanse e amplíase a planta basilical da igrexa-catedral, desenvólvese o transepto e multiplícanse as naves prolongándoas arredor do presbiterio dando lugar á deambulatorio.

Arte asturiana

A arte asturiana ou prerrománico asturiano é un estilo artístico do prerománico, localizado na zona á beira do mar Cantábrico que quedou libre da ocupación musulmá a finais do século VIII. Estivo vixente até o comezo do século X, cando se adoptou a arte románica procedente de Francia.

Aínda que é sucesor do estilo visigótico, non se pode dicir que a arte asturiana sexa herdeira lexítima súa, xa que non conserva máis que algún dos seus elementos principais com é o arco de ferradura. Malia que ó comezo foi unha imitación da devandita arte, axiña se manifestou con novos e orixinais elementos –poida que importandos do Oriente ou de Lombardía– que o salientaron de xeito singular, converténdose nunha precursora do románico. A arquitectura caracterízase polo emprego de muros de perpiaño, arcos de medio punto, bóvedas de canón con contrafortes exteriores. A tipoloxía principal é a da planta basilical de tres naves con crueceiro e tres capelas rectangulares á cabeceira. No período preramirense destaca a igrexa de San Xulián dos Prados, ó ramirense a de Santa María do Naranco e á postramirense a de San Salvador de Valdediós.

Foi un tipo de arte na que destacou a arquitectura por enriba de todo. Da escultura só quedan mostras das decoracións de capiteis e algunhas placas acaroadas na construción dos edificios; as pinturas son as feitas ó fresco nos muros dos templos. A ourivaría foi importante, tendo en conta a cantidade de pezas que chegaron até os nosos días.

No ano 1985, a UNESCO declarou o conxunto das igrexas do Reino de Asturias como Patrimonio cultural.

Arte da Idade Media

A Arte Medieval ocupou unha basta extensión de tempo da historia da arte, uns 1000 anos, así como amplos territorios, como o oeste de Europa e o norte de África.

Os historiadores clasifican á arte medieval como un gran período artístico, aínda que dentro deste poderíanse facer varias subdivisións das que son exemplo: Arte paleocristiá, Arte prerrománica, Arte románica, Arte gótica, Arte bizantina, Arte Islámica etc. Ademais cada "pobo" ou cultura da Idade Media tivo o seu propio estilo como a Arte anglosaxoa ou a Arte viquinga.

Arte prerrománica

A arte prerrománica é a que se desenvolveu en Europa Occidental entre a época carolinxia ata a aparición da arte románica. O termo non define unha forma artística particular, senón calquera manifestación artística aparecida entre o período clásico romano e a arte románica.

Arte románica en Asturias

A arte románica en Asturias é a subdivisión local da arte románica no Reino de Asturias. Na época (séculos XI e XII) o primitivo reino cristián que nun comezo se restrinxía a unha zona da cordilleira Cantábrica xa se estendera até o Douro, e levaba a denominación de reino de León, pero a especificidade xeográfica e a pervivencia na zona asturiana do potente Prerrománico local (a chamada arte asturiana -expresión que Jovellanos empregou para designar xenericamente a todo o que hoxe coñecemos como Románico e que posteriormente a historiografía restrinxiu ós séculos IX e X), permiten distinguir o Románico asturiano do Románico leonés, do Románico en Cantabria ou o Románico galego).

A Enciclopedia del Románico en la Península Ibérica do Centro de Estudios del Románico identifica unhas douscentas mostras de Románico no territorio do actual Principado de Asturias; fronte ás sesenta e tres que recolle do Prerrománico (dezanove edificios, trinta e sete elementos arquitectónicos e escultóricos e sete pezas de ourivaría).A obra da Catedral de Oviedo conserva partes destacadas de época románica, aínda que as máis visibles son góticas. O período románico prolóngase no século XIII cun Tardorrománico arcaizante e popular, diferenciable das grandes fundacións patrocinadas pola monarquía en épocas anteriores.

Igrexas e mosteiros, caracterizados polas súas pequenas dimensións e a súa integración no espazo natural, atópanse dispersos por todo o medio rural, como o conxunto de igrexas na zona de Villaviciosa: Santa María Magdalena de los Pandos, San Salvador de Fuentes, Igrexa de San Andrés de Valdebárzana, Santa María de la Oliva, Santa Maria de Valdediós e San Juan de Amandi. Outros exemplos, distribuídos por todo o territorio, son: a Colexiata de San Pedro de Teverga, San Julián de Viñón (Cabranes), Igrexa de Santa María de Narzana (Sariegu), San Pedro de Villanueva (Cangues d'Onís), San Antolín de Bedón (Llanes) ou Santa Maria de Obona (Tinéu).

Igrexa de San Andrés de Valdebárzana

San Pedro de Villanueva, hoxe Parador de Turismo

San Antolín de Bedón

Outros: San Vicente de Serrapio (Aller), Santa Eulalia de Abamia (Corao), Aramil, Cornellana, Piedeloro, Priorio, Santa Maria de Villanueva, Santo Tomás de Sabugo, San Jorge (Manzaneda), San Esteban (Sograndio) ou San Pedro de Arrojo.

Historia da arte

A historia da arte é unha disciplina que estuda a evolución das expresións artísticas, a constitución e a variación das formas, dos estilos, dos conceptos transmitidos a través das obras de arte ao longo do tempo.

O termo historia da arte acostuma a designar o conxunto das obras dunha época, país ou escola das artes visuais. A arte é a expresión do momento, sexa histórico ou persoal. Os historiadores de arte procuran determinar os períodos que empregan un certo estilo estético por 'movementos'. A arte rexistra as ideas e os ideais das culturas e etnias, sendo, así, importante para a comprensión da historia da humanidade e do mundo.

Na linguaxe común, o termo historia da arte acostuma a referirse á historia das artes visuais. Se ben as ideas sobre a definición de arte sufriron mudanzas ao longo do tempo, o campo da historia da arte tenta categorizar as mudanzas na arte ao longo do tempo e comprender mellor a forma como a arte modela e é modelada polas perspectivas e impulsos creativos dos seus practicantes. Aínda que moitos pensen na historia da arte simplemente como o estudo da a súa evolución occidental, o asunto inclúe toda a arte, dos megálitos da Europa Occidental ás pinturas da dinastía Tang, na China.

(Á dereita, detalle d'A Gioconda de Leonardo da Vinci)

Isidro Bango Torviso

Isidro Gonzalo Bango Torviso, nado en Ferrol o 9 de outubro de 1946, é un historiador da arte, especializado na arte románica e prerrománica.

Josep Puig i Cadafalch

Josep Puig i Cadafalch, nado en Mataró (Maresme) en 1867, e finado en Barcelona en 1956, foi un arquitecto, historiador da arte e político catalán.

A súa obra máis coñecida é a Casa de les Punxes (1903-1905). Era un especialista en arte románica de fama internacional e promoveu as escavacións de Empúries.

León

O león (Panthera leo) é un mamífero carnívoro da familia dos félidos e unha das 5 especies do xénero Panthera. Algúns machos, excepcionalmente grandes, chegan a pesar ata 250 kg, o que os converte no segundo félido vivente máis grande despois do tigre. Os leóns salvaxes viven na África subsahariana e Asia, cunha poboación en perigo crítico ao noroeste da India, tendo desaparecido do norte de África, de Oriente Próximo e do oeste de Asia en tempos históricos. Ata finais do Plistoceno, hai aproximadamente 10 000 anos, o león era o máis estendido dos grandes mamíferos terrestres, tralos seres humanos. A súa distribución cubría a maior parte de África, gran parte de Eurasia, desde o oeste de Europa ata a India, e en América, desde o río Yukón ata o sur de México.Se sobreviven ás dificultades da infancia, as leoas que viven nun hábitat seguro, por exemplo no Parque Nacional Kruger, a miúdo poden chegar á idade de 12-14 anos, mentres que os leóns raramente viven máis de oito anos. Con todo, coñécense casos de leoas que viviron ata vinte anos en estado salvaxe. En cativerio, tanto os machos como as femias poden vivir máis de vinte anos. Adoitan vivir en sabanas e pradarías, aínda cando poden entrar en zonas arbustivas e boscosas. Os leóns son animais especialmente sociais en comparación con outros félidos. Unha manda de leóns componse de femias que teñen unha relación familiar, as súas crías e un número reducido de machos adultos. Os grupos de leoas adoitan cazar xuntas, atacando principalmente a grandes ungulados. O león é un superdepredador e unha especie chave, pese a que pode ter un comportamento preeiro se ten a oportunidade. Aínda cando os leóns, normalmente, non cazan humanos de xeito selectivo, algúns deles poden converterse en antropófagos e buscar presas humanas.

O león é unha especie vulnerable e, no seu ámbito de distribución africano, ao longo das dúas últimas décadas sufriu un declive das poboacións, posiblemente irreversible, de entre un 30% e un 50%; as poboacións non son viables fóra das reservas delimitadas e os parques nacionais. Aínda que a causa deste declive non é do todo comprendida, a perda do hábitat e os conflitos con humanos son hoxe en día os motivos de preocupación máis importantes. Tivéronse leóns en catividade desde os tempos da Antiga Roma e desde finais do século XVIII foron unha especie moi buscada e exhibida en zoolóxicos por todo o mundo. Os propios zoolóxicos están colaborando en programas de reprodución para protexer a ameazada subespecie asiática.

Os machos son moi fáciles de distinguir grazas á súa melena, que fai da súa cabeza un dos símbolos animais máis amplamente coñecidos da cultura humana. Aparece moi a miúdo na literatura, a escultura, a pintura, en bandeiras nacionais e en películas e literatura contemporáneas.

Mandorla

A mandorla (ou vesica piscis) é un símbolo ou un halo de xeito oval no que están inseridos personaxes sagrados da relixión cristiá, sendo o máis común Cristo, mais tamén a Virxe ou os santos. Empregouse, principalmente, na arte románica e bizantina, sendo os exemplos máis antigos da arte paleocristiá do século V.

A palabra mandorla vén do italiano mandorla, que significa "améndoa". Nalgunhas linguas tamén se coñece co nome de "améndoa mística". Igualmente, emprégase tamén a expresión latina vesica piscis (vexiga de peixe) e consiste nun símbolo fixo con dous círculos do mesmo radio que se intersectan de xeito que o centro de cada círculo está na circunferencia do outro.

Museo Nacional de Arte de Cataluña

O Museo Nacional de Arte de Cataluña (en catalán: Museu Nacional d'Art de Catalunya), tamén coñecido polas súas siglas MNAC, está situado na cidade de Barcelona. Destaca pola súa colección de arte románica, considerada como unha das máis completas do mundo.

O Sorriso de Daniel

O Sorriso de Daniel é unha asociación creada en Santiago de Compostela o 6 de marzo de 2010 co ánimo de promover o románico galego. Toma o seu nome da escultura do profeta Daniel no Pórtico da Gloria.

Entre as súas actividades está a conservación e posta en valor do mosteiro de San Paio de Abeleda.

En 2018 foille concedido o Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural.

Puntillismo

O puntillismo é un estilo pictórico no que se empregan pequenos puntos de cores primarias creando a impresión dunha ampla gama de diversos contrastes de cores. A técnica recala na habilidade do ollo e da mente do espectador para mestura-las cores vendo así cores secundarias. A técnica está relacionada co Divisionismo, unha variante máis desenvolvida. É un estilo con poucos pero importantes seguidores como Seurat, Signac, e Cross.

O termo foi creado por críticos de arte de finais da década de 1880 para critica-los traballos destes pintores. Hoxe en día emprégase sen matiz despectivo.

Século XI

século X < século XI > século XII

Tempo que transcorre do ano 1001 ó 1100 da era cristiá.

Acontecementos importantes

Arte románica, que perdurará durante dous séculos

Fundación da Orde do Císter

Conquista normanda de Inglaterra (batalla de Hastings)

Sísamo, Carballo

Santiago de Sísamo é unha parroquia que se localiza no oeste do concello coruñés de Carballo na comarca de Bergantiños. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 890 habitantes (462 mulleres e 428 homes), distribuídos en 19 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 876 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 832 habitantes, sendo 400 homes e 432 mulleres.

Tapiz da Creación

Tapiz da Creación (en catalán: Tapís de la Creació) tamén chamado Tapiz de Xirona (en catalán: Tapis de Girona), é un bordado do século XI ou de comezos do XII que se atopa no Museo Capitular da Catedral de Xirona. É único no seu xénero e a peza máis importante de tódalas de arte téxtil románica que se conservan, só comparable ó Tapiz de Bayeux como un testemuño da pintura á agulla da época románica. De 358 cm de altura por 450 cm de largura, está bordado con las de cores e ten unha xustificada fama universal e atrae constantmente a atención dos estudosos pola riqueza do seu contido temático e iconográfico. Amosa unha sinfonía sobre a creación do mundo e a estadía do home no Paraíso, e unha coroa cósmica na cal os elementos da natureza arrodean a figura central de Xesucristo.

A obra foi exposta fóra da catedral en dúas ocasións: no ano 1888 na Exposición Universal de Barcelona e posteriormente en 1892 en Madrid.

Tournai

Tournai (en alemán Dornick; en latín Tornacum; en neerlandés Doornik) é unha cidade francófona de Bélxica situada na rexión valoa, cabeceira de distrito na provincia de Hainaut e sede de bispado.Tournai é unha das cidades máis antigas de Bélxica, xunto con Arlon e Tongres. Tivo un papel histórico, económico e cultural importante no Condado de Flandres durante a Idade Media e o Renacemento.

Tanto o campanario de Tournai (Beffroi en francés; Belfort en neerlandés), o máis antigo de Bélxica, como a Catedral de Nosa Señora (Cathédrale de Notre-Dame en francés; Onze-Lieve-Vrouwekathedraal en neerlandés) están incluídos na listaxe do patrimonio da humanidade da UNESCO. A catedral, impoñente construción de arte románica e de arquitectura gótica, é coñecida polos seus cinco campanarios e polo seu tesouro. Xunto coa cidade francesa de Lille e a cidade flamenga de Kortrijk, forma a eurometrópole Lille-Tournai-Kortrijk.

Transepto

O termo transepto utilízase comunmente na terminoloxía arquitectónica relixiosa para designar a nave transversal que nas igrexas cruza á principal ortogonalmente (perpendicularmente).

Ábsida de Sant Climent de Taüll

A ábsida central de Sant Climent de Taüll é unha pintura mural que pertence ó conxunto da igrexa de Sant Climent de Taüll de la Vall de Boí, lugar onde se atopa a meirande concentración de arte románica de toda Europa, cunha igrexa por cada 25 km². O conxunto de igrexas románicas de la Vall de Boí foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2000.

Os trazos característicos e diferenciais desta obra, realizada polo autor coñecido como mestre de Taüll, fan que sexa considerado «un dos exemplos máis puros da arte románica europea» e «unha das iconas máis representativas do románico catalán, especialmente pola forza que se reflicte na súa faciana». Trasladada baixo a dirección de Puig i Cadafalch a comezos do século XX, a obra está exposta na actualidade no Museo Nacional de Arte de Cataluña, o museo coa mellor colección de pinturas murais románicas do mundo.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.