Arte prehistórica

A arte prehistórica é un fenómeno artístico de alcance xeográfico global e unha amplitude temporal suficiente como para afectar as épocas máis diversas. Abrangue as formas artísticas desenvolvidas durante a etapa da Prehistoria chamada Paleolítico. O concepto é moito máis amplo có fenómeno rupestre cuaternario, principalmente circunscrito á Europa occidental, e comprende amais as manifestacións da chamada arte paleolítica.[1]

Historia

Esta arte ten en Occidente os seus comezos aproximadamente sobre o ano 25.000 a.C., a principios do Paleolítico Superior, aínda que hai mostras de manifestacións artísticas anteriores propias da etapa Musteriense do Paleolítico Medio.

Acadou os seus momentos de maior importancia durante o período Magdaleniano, cara a uns 15.000 a.C. Tendo grande importancia as manifestacións artísticas de tipo figurativo: pintura e escultura.

Aínda que cronoloxicamente, Europa debería ocupar o primeiro posto, e malia que moitas das expresións artísticas prehistóricas son relativamente cedas nalgunhas zonas do globo, onde sobreviviron pobos primitivos, a exposición realizarase seguindo a orde alfabética. Aínda que iso derive nun problema adicional: é lícito comparar manifestacións tan afastadas no espazo e no tempo? Neste sentido, a confrontación de equivalencias culturais, obviando os particularismos empíricos, permite obter xeralizacións.

En base a iso, pódese apreciar que, nas artes plásticas e visuais dos pobos primitivos, o realismo é algo excepcional, fronte ao simbolismo, a abstracción, a estilización e o esquematismo, que parecen un constante mundial.

Outra posible xeralización é que case toda a arte rupestre holocena desenvólvese no exterior, como máximo, en zonas rochosos, canóns e covas pouco profundas.

En terceiro lugar, o megalitismo e a construción de túmulos, en relación ao culto aos mortos, ou a necesidade de desenvolver unha arquitectura defensiva, a miúdo con construcións ciclópeas (cuxa motivación, excede, con moito, ás necesidades militares), tamén son constantes da arte prehistórica mundial.

Por último, está o feito de que, malia o innegable significado relixioso da arte prehistórica, esta non só se vencella ao mundo funerario ou mitolóxico, senón que os temas abranguen todos os eidos da vida social dos humanos (caza, guerra, traballos, cerimonias, xerarquías, sexo, familia, lecer...) e, sobre todo, a medida que as sociedades humanas evolucionan, a glorificación do poder e dos poderosos.

Notas

  1. Ramírez, Juan Antonio (1989). Arte prehistórico y primitivo. Anaya, Serie Biblioteca Básica, Madrid. ISBN 84-207-3190-0.
    Huyghe, René (coord.) (1965). El Arte y el Hombre, Volumen I. Editorial Planeta, Barcelona. ISBN 84-320-2000-1.
    Gutbrod, Karl (1987). Historia de las antiguas culturas del Mundo. Arqueología. Ediciones del Serbal, Barcelona. ISBN 84-7628-038-6.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

André Leroi-Gourhan

André Leroi-Gourhan, nado o 25 de agosto 1911 en París e falecido o 19 de febreiro de 1986 na mesma cidade, foi un etnólogo, arqueólogo e historiador francés, especialista na prehistoria. Foi tamén un pescudador da tecnoloxía e da cultura, que soubo unir precisión científica e conceptualidade filosófica.

Arte da Idade Media

A Arte Medieval ocupou unha basta extensión de tempo da historia da arte, uns 1000 anos, así como amplos territorios, como o oeste de Europa e o norte de África.

Os historiadores clasifican á arte medieval como un gran período artístico, aínda que dentro deste poderíanse facer varias subdivisións das que son exemplo: Arte paleocristiá, Arte prerrománica, Arte románica, Arte gótica, Arte bizantina, Arte Islámica etc. Ademais cada "pobo" ou cultura da Idade Media tivo o seu propio estilo como a Arte anglosaxoa ou a Arte viquinga.

Arte islámica

O termo arte islámica designa a produción artística que se desenvolveu entre a héxira (622) e o século XIX no territorio habitado por poboacións de cultura islámica que se estendía no momento de máximo esplendor desde España ata Indonesia. A fe nun Deus único, Alá, e no seu profeta, Mahoma, creou uns lazos culturais e relixiosos que se reflectiron tamén na arte.

A orixe nómade do pobo árabe, primeiro en converterse ó islam, determinou que a arte estivese centrada nas artes decorativas e industriais: ourivaría, marfís, cerámica mentres que a arquitectura, carente en orixe dunha organización no construtivo e no ubanístico vai derivar nunhas estruturas arquitectónicas abertas con patios e pórticos cubertos xeralmente con terrazas. O material de construción habitualmente utilizado foi o ladrillo, as naves realízanse mediante o arco de medio punto, o arco apuntado, o arco peraltado e sobre todo polo arco de ferradura e o arco polilobulado, os edificios estaban cubertos por bóvedas de canón e a partir do século X por bóvedas de aresta formando arcos que se cruzan deixando un polígono central. O edificio máis característico da arte islámica é a mesquita, a súa orixe está na casa de Mahomed e a súa tipoloxía non mudou ata a época actual, consta de haram, sala de piares orientada cara A Meca cun nicho aberto no muro do fondo, diante do que está a macsura (palco) e o mimbar (púlpito), esta sala dá ao sahn, patio porticado no que está o sabil (fonte de ablucións).

A decoración da arte islámica é plana, sen eixo de simetría e con tendencia á repetición indefinida de motivos xeométricos e vexetais estilizados que se mesturan entre si e con outros motivos epigráficos.

Arte móbel

A locución arte móbel, arte moble e tamén, ás veces, arte mobiliar, emprégase dentro do campo de estudo da arte prehistórica para designar a calquera obra de arte (en sentido amplo) realizada sobre un obxecto de dimensións limitadas e manexábeis, é dicir, que poden ser transportadas polo ser humano.

Arte paleolítica

O Paleolítico é a etapa máis longa na historia do ser humano. Durante este período, os nosos devanceiros vivían da caza e da recolección de vexetais, asociábanse en tribos e as súas ferramentas eran de pedra tallada, madeira e óso.A arte nace no Paleolítico superior, pouco despois do ano 35 000 a. de C., cando os seres humanos modernos poboaban practicamente todo o globo terráqueo. Con todo, as súas manifestacións fundamentais, por non dicir case as únicas, parecen reducirse a Europa, ao sur do límite que marcarían os xeos durante a Glaciación de Würm.

A arte mural das covas (chamada arte parietal) concéntrase moi intensamente en certas rexións francesas (Dordoña, Pireneos franceses, Corrèze, Charente, Loira, Hérault, Lot e Garona) e españolas (cornixa cantábrica, Pireneos, costa mediterránea e algúns puntos da Meseta Central), aínda que ocasionalmente pode aparecer en Portugal, Italia, Europa Oriental e pouco máis. Non se pescudou o motivo que explique por que non se acharon restos de arte paleolítica parietal no resto do mundo.

A Arte Mobiliar (definida como obxectos decorados que poden ser transportados) é máis abundante, estendéndose non só por Francia e España, senón tamén polos vales do Danubio, do Don e a cunca do Baikal, xa en Asia. Hai restos esporádicos no resto do mundo, como se indica ao final.

Desde os primeiros descubrimentos de obxectos artísticos paleolíticos, no século XIX, sempre se suscitou o enigma da motivación e o significado desta arte, aínda que parece haber consenso en que se cumpre unha función relixiosa e que a súa temática está intimamente relacionada co medio natural. Queda pendente o feito innegable do seu alto valor estético e artístico: os homes prehistóricos demostraron, nalgúns casos, unha ansia de perfección e un sentido da beleza totalmente comparable á dos artistas doutras épocas históricas.

No entanto, o lector debe estar avisado que este artigo só toca, forzosamente, aqueles elementos artísticos que se conservaron ao longo dos séculos, o que constitúe, sen dúbida, unha parte ínfima de todo o corpus artístico paleolítico. Perdemos, como mínimo, aspectos tan fundamentais como a tradición oral, a danza, a música, o adorno corporal etc.

(Á dereita, debuxo dun Bos taurus primigenius achado na cova de Lascaux, Francia.)

Cova Eirós

A cova Eirós é unha gruta natural sita en Cancelo, concello de Triacastela (Lugo), aos pés da serra do Oribio. A caverna, resultado de fenómenos cársticos sobre rocha calcaria, é un sitio arqueolóxico que forneceu materiais líticos pertencentes ao Paleolítico Medio e Superior, xunto con restos de fauna e flora da época. O 20 de agosto de 2012 fíxose público o achado de pinturas e gravados rupestres que se poderían remontar a 30.000 anos de antigüidade, sendo a primeira mostra de arte rupestre atopada en Galicia e que motivaron a súa declaración como Ben de Interese Cultural.

Cova de Altamira

A cova de Altamira é unha gruta de España, famosa polas súas pinturas rupestres da época do Paleolítico superior, nas que aparecen representados mamíferos salvaxes, mans humanas e signos abstractos. A cova está situada preto de Santillana del Mar, en Cantabria, a 30 km ao oeste da cidade de Santander. A caverna foi incluída na lista do Patrimonio da Humanidade da UNESCO no ano 1985.

Coviña

En arqueoloxía, denomínase coviña (tamén chamada cazoleta ou corgo) a un pequeno oco artificial escavado na superficie dalgunhas rochas, tendo xeralmente unha sección semiesférica e planta circular (aínda que tamén se atopen de planta cuadrangular). Poden atoparse tanto illadas como formando agrupacións, con outras coviñas ou con outros gravados rupestres ou petróglifos.

Aínda que o caso máis común é que se atopen gravadas nas superficies de formacións rochosas naturais, tamén poden aparecer en ortóstatos megalíticos.

As coviñas son un dos motivos rupestres máis recorrentes, en todas as épocas e latitudes. Son comúns nos petróglifos galegos. A súa cronoloxía abranguería, en Europa, do Paleolítico Medio (La Ferrassie) até a Idade de Ferro.

Historia da arte

A historia da arte é unha disciplina que estuda a evolución das expresións artísticas, a constitución e a variación das formas, dos estilos, dos conceptos transmitidos a través das obras de arte ao longo do tempo.

O termo historia da arte acostuma a designar o conxunto das obras dunha época, país ou escola das artes visuais. A arte é a expresión do momento, sexa histórico ou persoal. Os historiadores de arte procuran determinar os períodos que empregan un certo estilo estético por 'movementos'. A arte rexistra as ideas e os ideais das culturas e etnias, sendo, así, importante para a comprensión da historia da humanidade e do mundo.

Na linguaxe común, o termo historia da arte acostuma a referirse á historia das artes visuais. Se ben as ideas sobre a definición de arte sufriron mudanzas ao longo do tempo, o campo da historia da arte tenta categorizar as mudanzas na arte ao longo do tempo e comprender mellor a forma como a arte modela e é modelada polas perspectivas e impulsos creativos dos seus practicantes. Aínda que moitos pensen na historia da arte simplemente como o estudo da a súa evolución occidental, o asunto inclúe toda a arte, dos megálitos da Europa Occidental ás pinturas da dinastía Tang, na China.

(Á dereita, detalle d'A Gioconda de Leonardo da Vinci)

Land art

O Land Art non é unha corrente, nin un estilo, nin un movemento artístico, é só unha actividade circunstancial. Non se escribiu moito sobre o Land Art xa que o seu termo é moi vago. Walter de Maria foi quen inventou o termo americano de Land Art que en galego podería traducirse como arte da terra. Este termo empregouno para poder describir as súas primeiras intervencións na natureza que se levaron a cabo a finais dos anos sesenta.

O seu comezo orixinouse cando un grupo de artistas ecolóxicos, especialmente artistas europeos e americanos, interviñeron o contorno natural deixando a súa pegada, a súa arte na natureza co propósito de lograr unha arte non comercial, unha arte que non se puidese vender xa que sendo unha arte efémera as obras non logran sobrevivir co paso do tempo. Actualmente este propósito non se acada de todo xa que o Land Art caeu no mundo da comercialización coas fotografías, planos e proxectos das obras.

Nudez

Nudez é o estado de carencia de roupas ou vestidos, o cal implica a exposición da pel e das partes íntimas. No mundo da arte é un xénero artístico que representa figuras humanas despoxadas de vestimenta, cuxa orixe se remonta aos inicios da arte prehistórica. Acadou o seu apoxeo durante a Antigüidade clásica e o Renacemento. A nudez en certas culturas occidentais pode considerarse erótica e noutras ser un estado normal ao que non se asigna ningunha sensación ou emoción particular.

Paleolítico superior

O Paleolítico superior é o período da Prehistoria caracterizado polo dominio do home moderno en Europa (Homo sapiens), con desenvolvemento de novas técnicas (láminas líticas, industria ósea) e a explosión da arte prehistórica. Cronoloxicamente o seu inicio sitúase arredor de 40.000 a.n.e. e o seu final sobre 9.000 a.n.e.

Parque da Prehistoria de Teberga

O Parque Arqueolóxico da Prehistoria é un centro adicado a difusión e desfrute do paleolítico e as súas representacións artísticas. Localízase na poboación de Teberga, Asturias. Constitúe un dos centros de referencia neste ámbito do norte peninsular, con relacións e colaboracións con outros grandes centros do país e do sur de Francia.

Petróglifo

Un petróglifo é unha representación gráfica gravada nas rochas ou pedras. Son o antecedente dos símbolos previos á escritura e o seu uso na comunicación data de hai uns 12.000 anos e chega aos tempos modernos, dependendo da cultura e o lugar, dándose sobre todo a partir do Neolítico.

A palabra provén dos termos gregos petros (pedra) e glyphein (tallar) e foi na súa orixe acuñada en francés como pétroglyphe. Este termo non debe confundirse con pictografía, que é unha imaxe debuxada ou pintada na rocha, aínda que ambos os dous pertencen á categoría xeral e máis ampla da arte rupestre. As petroformas ou modelos e figuras feitas en grandes rochas no chan, tampouco son moi parecidas.

Pintura rupestre

A pintura rupestre é aquela forma de expresión artística pictórica que se plasma sobre as rochas, xeralmente no interior de covas, grutas ou cavernas empregadas como abrigo polos homes, pero tamén a ceo aberto e sobre diferentes obxectos.

As pinturas rupestres nas paredes das cavernas, nas cales se representan seres humanos e animais, poden ser encontradas en tódolos continentes da Terra. Parece que tódolos grupos humanos, ó pasaren pola fase de cazadores e recolectores, iniciaron este tipo de traballo plástico duradeiro no cal expresan a especial relación que tiñan coas criaturas do seu contorno e coas súas deidades.

A existencia deste tipo de pinturas está documentada dende tempos non moi antigos. José Mariano Rothea, misioneiro en San Ignacio de 1759 a 1768, coñecía algunhas das grandes pinturas rupestres da Baixa California. Este é o dato máis antigo que se posúe sobre o coñecemento destas pinturas. Marcelino Sanz de Sautuola descubriu en 1879 as pinturas da cova de Altamira, en Cantabria. Juan Cabré descubriu en 1907 unhas pinturas de cervos na Roca dels Moros, no barranco de Calapatá, en Cretas, Teruel, dun estilo diferente das pinturas de Altamira.

Puntillismo

O puntillismo é un estilo pictórico no que se empregan pequenos puntos de cores primarias creando a impresión dunha ampla gama de diversos contrastes de cores. A técnica recala na habilidade do ollo e da mente do espectador para mestura-las cores vendo así cores secundarias. A técnica está relacionada co Divisionismo, unha variante máis desenvolvida. É un estilo con poucos pero importantes seguidores como Seurat, Signac, e Cross.

O termo foi creado por críticos de arte de finais da década de 1880 para critica-los traballos destes pintores. Hoxe en día emprégase sen matiz despectivo.

Tesouro do Cabezo Redondo

O Tesouro do Cabezo Redondo é un achado áureo atopado na primavera de 1963 no Cabezo Redondo, poboado argárico situado a 2 km da cidade de Villena (Alacant). Está composto por 35 pezas de adorno persoal (un diadema, aneis, brazaletes, colgantes, contas de colar, espirais, cintas e un pequeno lingote de ouro) que alcanzan os 150 g de peso e pénsase que formaron parte dos materiais dun ourive, debido á presenza do lingote. Especulouse moito sobre a súa estreita relación co Tesouro de Villena.

Touros de Guisando

Os Touros de Guisando (Toros de Guisando en castelán) son un conxunto escultórico vetón que se sitúa na lomba de Guisando, no termo municipal de El Tiemblo (provincia de Ávila). Está datado entre os séculos IV a I a. C., con preferencia no século II a. C., durante a Idade de Ferro.

Venus paleolíticas

As venus paleolíticas son figuras femininas de óso, corno, marfil, pedra, terracota, madeira ou lama, datadas no Paleolítico superior, dentro do cal constitúen a principal categoría de arte móbel ou mobiliar, superando o centenar de exemplares, no caso das figuras de vulto redondo, e os dous centenares se se inclúen representacións parietais. Estas esculturas teñen tamaños modestos, até diminutos, oscilando entre os 4 e os 25 centímetros.

O primeiro descubrimento foi a Venus de Brassempouy, en 1893, por Édouard Piette. Catro anos máis tarde, Salomon Reinach daba a coñecer as figuras de esteatita das covas de Grimaldi. En 1908 foi exhumada a famosísima Venus de Willendorf, nun campo de loess do val do Danubio, en Austria. Esta escultura, que se converteu nunha icona, anunciaba o descubrimento de numerosas esculturas femininas que se estendían dende os Pireneos franceses até as chairas siberianas do lago Baikal. Foron bautizadas co nome de Venus ó estenderse a noción de que constituían un ideal de beleza prehistórica, e, aínda que a idea foi rexeitada, a denominación de venus persiste.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.