Arquitectura románica

A arquitectura románica, o estilo arquitectónico da arte románica, está ligada ás grandes reformas monacais, ás peregrinacións e ás cruzadas, tamén coincidiu co renacemento da cidade como núcleo urbano e de produción artesanal e que urbanisticamente xiraba arredor do edificio da igrexa-catedral.

O mosteiro de Cluny coa elección do abade polos propios monxes como reacción ó poder dos señores feudais no seo das abadías, converteuse no centro espiritual da Europa Occidental e como organizador de cruzadas estableceu o contacto entre os diferentes pobos e como consecuencia un tipo de arquitectura común, renovando os conceptos da herdanza clásica romana, incluíndo tamén a tradición prerrománica e a oriental a través de Bizancio e o mundo árabe. O material de construción utilizado foi o perpiaño e como novidade as igrexas e mosteiros divídense en varios tramos, a cuberta componse na maioría dos casos por unha bóveda de canón que se divide en varios tramos independentes o que posibilita o abaratamento da construción ao permitir a utilización dunha mesma cimbra varias veces, a técnica requiría o reforzo da bóveda con arcos de perpiaño, o que obrigaba a levantar piares compostos como sistemas de apoio para transmitiren os empurramentos ás naves laterais que se absorben grazas a grosos muros de peche reforzados mediante contrafortes. Outros elementos arquitectónicos utilizados foron o arco de medio punto, a bóveda de aresta, a bóveda de cuarto de esfera.

Característico da arquitectura románica foron as igrexas de peregrinación que tiñan como función acoller peregrinos, nestas igrexas modifícanse e amplíase a planta basilical da igrexa-catedral, desenvólvese o transepto e multiplícanse as naves prolongándoas arredor do presbiterio dando lugar á deambulatorio.

Santiago-Catedral-Planta
Reconstrución da planta románica da Catedral de Santiago de Compostela, excepcional exemplo de igrexa de peregrinación románica

Véxase tamén

Outros artigos

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre arquitectura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Abelenda das Penas, Carballeda de Avia

Santo André de Abelenda das Penas é unha parroquia do concello de Carballeda de Avia, na provincia de Ourense. No ano 2007 tiña 355 habitantes, deles 173 eran homes e 182 eran mulleres.

Está comunicada pola estrada OU-0306. Por ela discorre o rego de Bullón. A igrexa parroquial é de arquitectura románica. Hai canteiras de granito e industria madeireira.

Arco de medio punto

O arco de medio punto ou arco de volta perfecta en arquitectura, é un tipo de arco que no intradorso ten a forma dun semicírculo. É o elemento principal da arquitectura abovedada, formando as de canón. Antigamente adoitaba estar conformado por doelas de pedra, adobe ou ladrillo, hoxe pode fabricarse en formigón.

Arquitectura románica en Galicia

A arquitectura románica en Galicia correspóndese coas infraestruturas e construcións erixidas en Galicia durante os primeiros séculos da baixa Idade Media. Sen dúbida, a obra fundamental do Románico galego é a Catedral de Santiago de Compostela, modelo de igrexa de peregrinación, con conxuntos escultóricos (Pórtico da Gloria) de entre os máis senlleiros da Europa occidental.

Arquivolta

Unna arquivolta é cada unha das roscas ou molduras que forman unha serie de arcos concéntricos decorando o arco das portadas medievais no seu paramento exterior, percorrendo a súa curva en toda a súa extensión e terminando na imposta. Adoitan arrincar dunha xamba do pórtico e terminar na outra. É moi frecuente o seu uso na arquitectura románica e na arquitectura gótica.

É frecuente que sexa adornado con relevos, segundo se foi estendendo o seu uso. Inicialmente fixéronse decoracións de tipo xeométrico con forma de dentes de serra, axadrezados ou dados, para pasar posteriormente a elementos vexetais e finalmente á decoración con elementos escultóricos de medio vulto (Santos, Apóstolos etc.). O Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela é un exemplo magnífico de arquivoltas.

Dous exemplos do arranque de arquivoltas do románico e outros dous de arquivoltas do gótico

Arte románica

A arte románica foi o estilo artístico predominante na Europa cristiá dende mediados do século XI ata finais do século XII, abarcando tamén parte do XIII. O románico supón a arte cristiá, agrupando as diferentes opcións que se utilizaran na temperá Idade Media (romana, prerrománica, bizantina, xermánica e árabe) e conseguindo formular unha linguaxe específica e coherente aplicada a tódalas manifestacións artísticas. Non foi produto dunha soa nacionalidade ou rexión, senón que xurdiu de forma paulatina e case simultánea en Italia (artista principal: Benedetto Antelami), Francia, Alemaña e España. En cada un destes países xurdiu con características propias, aínda que con suficiente unidade como para ser considerado o primeiro estilo internacional cun ámbito europeo.

Xorde como consecuencia da prosperidade material e da renovación espiritual que inspirou a construción de gran número de igrexas e de edificios relixiosos. As primeiras construcións fixéronse en Lombardía, Borgoña e Normandía. Dende alí difundiuse por toda Europa, debido a:

Expansión das ordes relixiosas (Cluny e Císter) que constrúen mosteiros. Estes son fonte de riqueza e centro cultural e urbano da sociedade.

As peregrinacións (a través do Camiño de Santiago).

Aumento da influencia da Igrexa.Debido ás relacións entre relixiosos e nobres, os reis, nobres, bispos e abades dos mosteiros impulsaron a construción das grandes igrexas e ás veces eran aldeáns os que as custeaban e construían. As obras realizábanas artesáns especializados como arquitectos, canteiros, pintores etc. A arte románica foi sobre todo unha arte relixiosa, que reflectía os valores da nova sociedade feudal, que á vez era guerreira e cristiá.

Canzorro

En arquitectura, denomínase canzorro á cabeza da viga que asoma ao exterior e soporta a cornixa ou beirado. Como evolución desta acepción, o termo tamén pode ser usado para designar a peza sen apoio inferior -de calquera material- que soporta os extremos dunha cuberta ou un lintel.

Orixinariamente, o canzorro era usado para economizar medios como elemento construtivo para soportar a cornixa aproveitando a propia viga que sustenta o tellado. Pero a súa forma evolucionou para ser empregado como elemento soamente decorativo ata o punto de perder a súa utilidade primitiva, pasando a ser unha peza exenta non portante. Iso derivou en numerosas formas escultóricas, servindo para auxiliar o soporte ou simplemente para embelecer as cubertas exteriores e interiores, ou os linteis dos vans.

Tamén pode recibir o nome de modillón, ou o máis xenérico de ménsula cando non coincide co extremo dunha trabe.

É un dos principais elementos decorativos exteriores das igrexas na arquitectura románica.

Convento da Concepción de Viveiro

O Convento da Concepción, é un mosteiro situado no centro histórico da vila luguesa de Viveiro. Este edificio relixioso está rexido pola Orde da Inmaculada Concepción.

Este mosteiro é de estilo románico e dende o ano 1982 está considerado xunto á súa contorna coma Ben de Interese Cultural, dentro do catálogo de monumentos do patrimonio histórico de España.

Deambulatorio

O deambulatorio é un espazo que rodea o altar maior dos templos por onde poden transitar os fieis.

É un elemento característico da arquitectura románica que logo se fixo extensivo á gótica. A súa utilidade xurdiu coa peregrinación masiva aos lugares de devoción popular, cando unha multitude de fieis concorría nunha igrexa e se aprestaba a venerar as reliquias que nela se atesouraban. Este corredor proporcionaba a necesaria fluidez de circulación para que todos alcanzasen a reverenciar as sacras reliquias e para non interromper a cerimonia relixiosa que se puidese estar oficiando na capela maior.

O normal é que na cabeceira da nave central se sitúe o presbiterio e a continuación a capela principal contendo o altar maior e formando unha ábsida de planta semicircular ou poligonal. En tal caso, o deambulatorio adóitase formar pola prolongación das naves laterais que envolven a ábsida polo seu exterior. En ocasións, ábsida e deambulatorio non están separados por un muro cego, senón por unha arquería que ofrece permeabilidade ao conxunto. É así mesmo habitual que ao redor del se dispoñan unha serie de absidiolas radiais, cada unha das cales alberga unha pequena capela.

Lobo (arquitectura)

En arquitectura o termo lobo fai referencia a un elemento decorativo formado por un segmento de círculo que se multiplica formando un conxunto ornamental. Estes conxuntos poden ser de 3 arcos (Trilobo), 4 arcos (Cuadrilobo ou Cuadrifolio), ou tamén polilobados cando presentan máis de 4 arcos de círculo.

A utilización de este elemento en forma de trevo é variada podendo aparecer inscrito nunha circunferencia en óculos propios da arquitectura románica, en rectángulos ou outras formas poligonais. Na arquitectura gótica o seu uso multiplícase e evolucionan utilizándose lóbulos en decoracións con trazaría, revestindo as catedrais, aplicados a gabletes, nos intradorso de arcos, vitrais etc. Tamén no portugués estilo manuelino obsérvase unha ampla aplicación de lobos con 4 follas.

Mosteiro de San Salvador de Celanova

San Salvador de Celanova é un mosteiro medieval beneditino fundado por San Rosendo a mediados do século IX en Celanova.Foi declarado Monumento Nacional en 1931 e premio Europa Nostra no ano 1984.

Mosteiro de San Xoán de Caaveiro

O mosteiro de San Xoán de Caaveiro é un mosteiro medieval situado nas Fragas do Eume, á beira do río Eume.

Mosteiro de San Xulián de Samos

O mosteiro de San Xulián de Samos é un mosteiro medieval fundado no século VI, segundo a tradición por Martiño de Dumio, que chegou a ser un dos de maior importancia de Galicia, e que na actualidade se atopa en bo estado de conservación. Pertence á orde dos beneditinos e está no concello de Samos, (provincia de Lugo).

Mosteiro de Santa María de Oseira

O mosteiro de Santa María de Oseira é un mosteiro medieval da parroquia de Oseira, no concello de San Cristovo de Cea. De fundación bieita, ao longo da súa historia tivo unha grande importancia económica e social para a comarca e terras máis afastadas.

Métopa

Unha métopa (μετόπη) é un elemento de composición da arquitectura grega clásica. Consiste nunha peza cadrada ou rectangular de pedra ou cerámica. Forma parte do friso dórico e está situada entre os tríglifos.

Nunha época arcaica as métopas acostumaban ser lisas. Na época clásica incorpórase ás métopas decoración a base de relevos policromados. Os seus temas eran variados e caracterizáronse polo feito de relatar sucesos históricos ou mitolóxicos. A súa función era, sobre todo, decorativa.

Na arquitectura romana clásica, as métopas adoitan estar decoradas con bucranios , rosas ou pratos. Posteriormente, na arquitectura románica, chámase métopa ao intervalo entre os modillóns.

Normandos

Os normandos (Normando: Normaunds; francés: Normands; latín: Normanni), literalmente "homes do Norte", en alemán, foron invasores escandinavos, viquingos na súa maioría daneses, pero tamén noruegueses e suecos (os varegos) que comezaron a ocupar o noroeste de Francia (o que se coñece como Normandía) na segunda metade do século IX. Eran descendentes dos pobos nórdicos ("Norman" provén de "Norseman") Viquingos (Inglés antigo wicingas—"piratas")

de Dinamarca, Islandia e Noruega que, baixo o seu líder Rolo, acordaron xurar lealdade a Carlos o Simple de Francia occidental. A través de xeracións de asimilación e mestura coas poboacións nativas francas e Galo-Romanas, os seus descendentes adoptaron gradualmente a cultura de base carolinxia do oeste de Francia.A identidade cultural e étnica dos normandos xurdiu inicialmente na primeira metade do século X, e continuou evolucionando ao longo dos séculos seguintes.A dinastía normanda tivo un grande impacto político, cultural e militar na Europa medieval e Próximo Oriente. Os normandos eran famosos polo seu espírito marcial e eventualmente pola súa piedade Católica, converténdose en expoñentes da ortodoxia católica na que se asimilaron. Adoptaron a Lingua galorromana da terra franca na que se estableceron, e o seu dialecto coñeceuse como Norman, Normaund ou Francés Normando, unha importante linguaxe literaria. O Ducado de Normandía, que se formou polo tratado coa coroa francesa, foi un gran feudo da Francia medieval e baixo Ricardo I de Normandía forxouse nun principado unido e formidable na tenencia feudal.Os normandos destácanse tanto pola súa cultura, como a súa singular arquitectura románica e as súas tradicións musicais, e polos seus significativos logros e innovacións militares. Os aventureiros normandos fundaron o Reino de Sicilia baixo Roger II logo de conquista do sur de Italia e Malta aos Sarracenos e bizantinos, e unha expedición en nome do seu duque, Guillermo o Conquistador, levou á conquista normanda de Inglaterra na Batalla de Hastings en 1066. A influencia cultural e militar normanda estendeuse desde estes novos centros europeos aos Estados cruzados do Próximo Leste, onde o seu príncipe Bohemundo I fundou o Principado de Antioquía en Levante, tamén en Escocia e País de Gales en Gran Bretaña , Irlanda ou nas costas do norte de África e as Illas Canarias.

O legado dos normandos persiste hoxe a través da linguas e dialectos rexionais de Francia, Inglaterra e Sicilia, así como tamén os diversos arreglos culturais, xudiciais e políticos que introduciron nos seus territorios conquistados.

Ponte da Ramallosa

A ponte da Ramallosa é unha construción románica sobre o río Miñor, entre as parroquias da Ramallosa (Nigrán) e Santa Cristina da Ramallosa (Baiona).

Tribuna (arquitectura)

A tribuna é a galería, solaina ou balcón elevado que hai nalgunhas igrexas desde o cal se pode asistir ós actos relixiosos. Adoita situarse no primeiro andar, por riba das naves laterais dos templos, coa súa mesma lonxitude e largura e aberta á nave central, onde só poden situarse os fieis. As tribunas servían para que personalidades ilustres asistisen ao culto sen entraren en contacto coa plebe. O lugar elevado de onde falan os oradores, chámase tamén tribuna ou púlpito.

Utilizouse profusamente, especialmente nas grandes construcións de arquitectura bizantina, románica e gótica.

Valboa, Monterroso

San Salvador de Valboa é unha parroquia do concello de Monterroso na comarca da Ulloa, na provincia de Lugo. En 2007 tiña 56 habitantes (24 homes e 32 mulleres), 2 menos ca no ano anterior.

A igrexa parroquial, de arquitectura románica, foi construída en 1147.

Ábsida

A ábsida é a parte rectangular, semicircular ou poligonal detrás do altar e que sobresae da cabeceira dunha igrexa. Orixinalmente era un nicho no que se colocaba a estatua dunha deidade nos templos romanos. Os templos paleocristiáns construíronse baseados nas basílicas romanas, e na ábsida integrouse o presbiterio e o altar. Na Idade Media xeralizouse o emprego da ábsida, converténdose nun dos elementos máis característicos da arquitectura románica, bizantina e gótica.

As ábsidas pequenas nas que remata unha nave lateral ou que se abren no deambulatorio ou, por veces, no transepto, denomínanse absidiolas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.