Arquitectura prehistórica de Galicia

A arquitectura prehistórica de Galicia abrangue aquelas formas de construción empregadas polos habitantes de Galicia dende hai 2 millóns de anos (Prehistoria) ata a chegada dos romanos e a conseguinte romanización de Galicia.

Arquitectura de Galicia
Prehistoria
Imperio Romano
Prerrománico
Románico
Gótico
Renacemento
Barroco
Neoclasicismo
Século XIX
Século XX
Século XXI

Historia

As primeiras construcións de tamaño considerable atopadas en Galicia, datan da Idade de Pedra. Durante o Neolítico desenvolveuse a cultura do megalitismo cuxa construción máis destacada e a anta ou dolmen, estruturas funerarias sobre as que se construía un túmulo ou mámoa. Os planos destas cámaras funerarias adoitaban ser pseudocírculos ou trapezoides, formados por enormes pedras fitadas no chan e outras que as cubrían, formando un teito. Segundo ía evolucionando a tipoloxía, apareceu unha entrada en corredor chamada dromos, que gradualmente foi tomando importancia ata ser tan ampla coma a cámara. No estadio máis avanzado, eran comúns teitos abovedados e falsas cúpulas.

Os primeiros metais e a cerámica campaniforme chegaron a Galicia procedentes de Portugal cara ao ano 2.000 antes de Cristo, durante o Calcolítico ou Idade de Cobre. Da Idade de Bronce (1800-700 a.C.) consérvase unha gran cantidade de gravados en penedos ao aire libre, denominados petróglifos. A finais desta época aparece a cultura Castrexa cuxo maior expoñente é o castro, recinto fortificado característico da Idade de Ferro no noroeste peninsular.

Arquitectura megalítica

Artigos principais: Megálitos de Galicia e Megalitismo en Galicia.

Nunha primeira fase ou "fase inicial" as antas máis antigas eran poligonais simples e as cámaras eran de pequeno tamaño (12 m de diámetro por 1 m de altura) e sen corredor. Os enxovais típicos consisten en cerámica lisa ou con decoración impresa e instrumental lítico como micrólitos, lamelas, doas de variscita e machadas pulidas.

Durante a segunda fase ou "fase de apoxeo", desde comezos do IV milenio, apareceu o corredor de entrada, as cámaras fixéronse algo maiores e comezaron a gravarse ou pintarse as lousas. Prodúcese o espallamento deste fenómeno pola meirande parte do territorio galaico. Os enxovais inclúen os materiais da fase anterior, mais aumentan os instrumentos pulidos, predominando a punta de frecha de base triangular. Éntrase no Neolítico final e o calcolítico inicial.

As mámoas do último período ou "fase final" (2200-2000 a.C.) son de tamaño reducido (entre 6 a 12 m de diámetro e menos de 1 m de altura). Son sartegos de forma cadrada ou rectangular e cunha única tampa como cuberta que salientan menos na paisaxe. Parece como se se abandonasen os enterramentos colectivos e se xeneralizasen os individuais. Os enxovais son distintos dos anteriores: dobres machadas, dobres aixolas, mazas, ciceis e aixadas grandes. A presenza de obxectos perforados tense interpretado como proba da existencia de contactos coas rexións atlánticas de Francia e da Bretaña e o sur da Península Ibérica. Este período antecede á aparición da cultura do vaso campaniforme.

Algúns destes túmulos foron reutilizados máis tarde, en época romana, como postos de vixilancia. Exemplos disto son o campamento da Cidadela (Sobrado). Bastantes deles foron destruídos en época recente co obxecto de atopar supostos tesouros de ouro ou como consecuencia das actividades agrícolas (labradíos, repoboacións forestais), apertura de estradas, establecemento de industrias etc. De moitos fica xa só a lembranza na toponimia.

Durante a década de 1920 apareceu a teoría "orientalista", segundo a cal os construtores de megálitos proviñan do leste mediterráneo. Posteriormente, Bosch Gimpera postulou a teoría "occidentalista", segundo a cal os primeiros construtores serían pastores descendentes dos grupos mesolíticos asentados no noroeste da Península Ibérica, de onde se difundiría cara ao sur. Actualmente pénsase que esta cultura puido ter a súa orixe no Alto Alentexo, onde se teñen atopado sepulcros sen corredor, coñecidos como "protodolmens". Destes xurdirían os dolmens de corredor con enterramentos colectivos que se expandirían cara ao norte. A teoría dos contactos e relacións marítimas con Bretaña e Irlanda están practicamente desbotadas para as etapas iniciais deste período.

Túmulos

Artigo principal: Mámoa.
Construcción megalito
Construción dun túmulo ou mámoa.
Dolmen de Meixoeiro - Mos - Pontevedra
Dolmen de Meixoeiro, Mos.

As antas estaban parcial ou totalmente cobertas de terra, formando unha mámoa. Coñécense tamén como medorras, medoñas ou túmulos. As mámoas teñen planta circular ou ovalada, vense na paisaxe como montes de terra suaves parecidos a mamas (de onde collen o nome) e son, polo xeral, visíbeis a longa distancia. A función destes túmulos é a de enterramento colectivo, xa que os mortos ían acompañados dun enxoval consistente en alimentos, armas, útiles, adornos e ídolos. Non se ten conservado ningún esqueleto debido á acidez do solo.

Estes túmulos distribúense uniformemente por todo o territorio e aparecen tanto a escasos metros da costa como nas altas montañas orientais. Son máis frecuentes na metade occidental e especialmente nos cumios das serras de superficies chas (como na Serra do Barbanza) e en chairas situadas a media altura, nunca en pendentes escarpadas. As mámoas adoitan aparecer en conxuntos, formando necrópoles tumulares.

O diámetro oscila entre os 8 metros e os 40. Os máis grandes son o da Mouta Grande (Verea) e o da Madorra da Granxa (Castro de Rei), que chegan aos 70 m. A altura oscila entre os 50 cm. e os 4 m., malia que a maioría non supera os 2 m. Habitualmente existe un anel periférico de pedra e unha coiraza. Dado que os túmulos foron usados durante longos períodos de tempo, as estruturas varían, dándose casos de túmulos que incorporan túmulos pre-existentes.

Dolmens

Artigo principal: Dolmen.

As estruturas interiores das mámoas constitúen a cámara funeraria, que adoita ser de planta poligonal. Están construídos con pedras de gran tamaño (aínda que, en poucas ocasións, sexa simplemente cachotería). Os ortóstratos están fincados verticalmente e inclinados cara ao interior. Féchanse por riba con pedras de grande tamaño. Paviméntanse con terra batida ou mesmo lousas. En Galicia son de tamaño pequeno.

Os dolmens simples son os máis antigos. Durante o período de maior desenvolvemento da cultura megalítica apareceron os dolmens de corredor, nos que estes corredores, de tamaño pequeno, se unen á cámara e se van ampliando cara ao exterior. Parece que os corredores tiveron importancia ritual, xa que neles teñen aparecido elementos simbólicos, como estelas.

Os enxovais son pouco abondosos hoxe en día, en parte debido ao espolio secular ao que foron sometidas as mámoas.

Cistas

CasotaFrean.jpeg
Casota de Freán, en Berdoias, Vimianzo - posíbel cista.

No último período do megalitismo os enterramentos fanse máis pequenos e consisten en túmulos secundarios en masas tumulares, túmulos sen cámara diferenciada e cistas sen túmulo.

Menhires e círculos de pedras

Estas construcións parece que non están relacionadas cos ritos funerarios. Existen poucos se se compara con outras áreas como Gran Bretaña ou Bretaña. O máis coñecido é a Lapa de Gargantáns (Moraña), que mide 2,35 m de altura. Presenta un escote, como a dos ídolos dos dolmens con corredor, algunhas gravuras e decoración de cazoletas en todas as súas caras. O menhir de Cristal (Ribeira) mide 2,50 m, ten nove cazoletas nunha das caras e unha noutra. Coñécense outros menhires (tamén denominados pedrafitas), como o de Pedra Chantada (Vilalba), o da Pedra Alta de Cortegada e outros dous en Guntín.

Os menhires galegos rematan en punta, teñen os lados asimétricos e están decorados con cazoletas.

A maioría dos supostos círculos de pedras teñen desaparecido. Coñécense os da Eira das Meigas no monte Neme, na illa da Estrela (Corme), no monte Corzán (Negreira) e na chaira da Mourela (As Pontes).

Arquitectura da Idade de Bronce

Artigo principal: Petróglifos de Galicia.

Na Idade de Bronce (1800-700 a.C.), a metalurxia comezou a evidenciar cambios tanto na forma como na técnica coa aparición do bronce. A base económica foi a agricultura, a gandería e o aproveitamento dos recursos mariños; aínda que a metalurxia do bronce debeu xogar un importante papel, mesmo no crecemento dos intercambios destes bens coa Europa atlántica e co Mediterráneo peninsular.

Petroglifo campolameiro 1
Petróglifos de Campo Lameiro.

Son numerosas as pezas de ourivería que conservamos: pulseiras, diademas, brazaletes etc; o que evidencia a xerarquización desta sociedade. Pola súa cantidade e calidade destaca o tesouro de Caldas de Reis (Caldas de Reis), hoxe no Museo Provincial de Pontevedra, así como o casco de Leiro (Leiro, Rianxo), no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, na Coruña.

A importancia da guerra para esta sociedade amósanola o numeroso armamento metálico que atopamos: puñais, machadas, punta de lanza, espadas,... Os lugares nos que apareceron os restos de maior importancia foron O Hío (Pontevedra), Roufeiro (Ourense) e Leiro.

Da Idade de Bronce consérvase unha gran cantidade de petróglifos, de gravados en penedos ao aire libre. As gravuras existentes en Galiza conforman o chamado Grupo Galaico de Arte Rupestre. Todas elas se realizaron sobre granito (agás no Incio onde están gravadas sobre lousa, e en Sarria e Samos sobre xisto), aínda que non se sabe se esta foi unha escolla intencional ou se é que se trata simplemente do material máis duradeiro, e por ese motivo chegaron ata os nosos días. O conxunto de petróglifos galegos é un dos máis ricos e peculiares dentro do marco europeo e incluso mundial.[1]

Estas gravuras son produto da sociedade da Idade de Bronce, coincidindo co desenvolvemento inicial da metalurxia. Porén en moitos casos aparecen gravados de datacións posteriores mesturados cos existentes anteriormente, nalgunhas ocasións perseguindo a finalidade de cristianizar os símbolos considerados pagáns, a imaxe do que sucedeu con moitos castros nos que se erixiron ermidas, igrexas ou cruceiros no lugar que ocupaban como proceso de cristianización de lugares que eran obxecto de lendas (cos mouros de protagonistas na súa maioría) e cultos pagáns por parte do pobo.

Petroglyphe galice
Petróglifos de Mogor, Marín.

A maior parte dos petróglifos descubertos en Galicia atopáronse principalmente na franxa costeira que abrangue dende a ría de Muros ata a desembocadura do río Miño, e concretamente no val do río Lérez, onde se conservan a maior parte dos gravados. Canto máis nos afastamos deste lugar cara ao norte ou ás provincias de interior atopamos un número moi inferior e case sempre relacionados cos vales dos ríos.

Algúns dos xacementos máis destacados atopados no país son os do Parque arqueolóxico de Campo Lameiro, (conxunto considerado por moitos autores como a "Capela Sistina" dos petróglifos galegos), e os dos Labirintos de Mogor (Marín) entre outros.

Arquitectura castrexa

Artigo principal: Castros de Galicia.

A indoeuropeización do cuadrante noroccidental da Península Ibérica durante o Idade de Bronce foi continuada por elementos se cadra célticos durante a Idade de Ferro, a partir do século VI a.C. Apareceu así a Cultura castrexa, caracterizada polos castros ou citanias, poboados fortificados sen apenas urbanismo. Aínda que por veces ferro e Cultura castrexa se fagan equivalentes, convén distinguir entre os dous conceptos porque a transición entre Bronce e Ferro é aínda bastante descoñecida e non está claro que elementos anteriores perviviron e de onde proveñen os trazos prototí­picos do mundo castrexo. En efecto, os castros máis antigos datan dos séculos VIII e VII a.C. Esta área cultural ten o seu límite oriental no río Navia e o Bierzo e o meridional no río Douro. Non se deu en ningún momento un proceso de construción de entidades de tipo estatal, xa que se trataba dunha sociedade de tipo xentilicio.

Da lenta fusión por aculturación entre os mundos castrexo e provincial romano xorde a cultura galaico-romana.

O Castro de Vigo (25)
Exemplo de vivendas castrexas no castro de Vigo.

As construcións características dos celtas eran os castros, vilas amuralladas, habitualmente situadas no alto dun outeiro.

As casas castrexas tiñan uns 3,5 a 5 m de lonxitude e eran xeralmente circulares, existindo algunhas rectangulares, de pedra e con teitos de palla, cunha columna central. As súas rúas eran xeralmente regulares, xurdindo algún tipo de organización central.

No actual territorio de Galicia os castros predominantes son os de tamaño pequeno e mediano, porén hai un aumento no tamaño medio entre o norte, onde os castros non adoitan superar as 2 hectáreas: con exemplos como o Castro de Baroña de 2,26 Ha ou as máis de 3 Ha do Castro de Elviña,[2] e o sur, onde mesmo existen castros de 20 ha, como o de Santa Trega,[3] xa pertencente ao momento final da cultura castrexa, ou o Castro de San Cibrao de Las de 9,5 Ha.[4] No norte de Portugal atópanse os castros ou citanías de maiores dimensións e dun proceso de romanización máis avanzado: a Citania de Briteiros, a de Sanfíns,[5] ou Mozinho.

Non se sabe con exactitude o número de castros que houbo en Galiza pero pode estimarse nun mínimo de 3.000, inda que non todos estaban ocupados á vez e quizais houbo arredor de 1.500 na época de maior vitalidade, pero tan só hai uns 50 castros escavados arqueoloxicamente.

Notas

  1. CAAMAÑO GESTO, José Manuel: A gran historia de Galicia. Prehistoria de Galicia. Volume 2: O Calcolítico e a Idade de Bronce. ISBN 978-84-96931-02-2.
  2. Carballo Arceo, Xulio, Arqueoloxía de Galicia - itinerarios polo pasado
  3. Carballo Arceo, Xulio, Os castros galegos.Páx 52
  4. C.Rodríguez Cao; Xusto Rodríguez, M. e Fariña busto, F. A Cidade. San Cibrán de Lás. Páx 19
  5. Seguindo a Xulio Carballo Arceo e a Francisco Calo Lourido

Véxase tamén

Outros artigos

Casa circular

Unha casa circular (roundhouse en inglés) é un tipo de construción, xeralmente vivenda, cunha planta circular ou arredondada, orixinalmente construídas na Europa atlántica, usando paredes feitas en pedra ou de madeira e barro, e un típico colmado cónico coma cuberta. O diámetro destas construción vai dende diámetros de menos de 5 metros até casas de máis de 15 metros. Nos últimos tempos púxose de moda nalgúns países desenvolvido a construción de eco-vivendas circualres usando técnicas con materiais ecolóxicos como colmo, arxila, madeira e palla. En Galicia as vivendas circulares foron moi abundantes nos castros, incluso trala chegada dos romanos que introduciron a planta cadrada. A herdanza deste tipo de construción mantívose nalgúns lugares até comezos do século XXI, sendo o exemplo mási claro a palloza das serras orientais. As construción prerromanas circulares foron tamén frecuentes en todo o litoral atlántico europeo, relacionándose coa cultura celta e precelta. Existen casas circulares noutras partes do mundo, como en África.

Castro de Armeá

O castro de Armeá (ás veces castro de Augas Santas) é un castro situado no lugar de Armeá, na parroquia de Augas Santas, pertencente ó concello ourensán de Allariz. A cronoloxía de ocupación do Castro é entre o século IV-III a.C e o século IV da nosa era.

Castro de Baroña

O castro de Baroña é un castro situado na parroquia de Baroña, no concello de Porto do Son, provincia da Coruña. O asentamento está construído nunha península, situándose a súa ocupación nos séculos I a.C. e I d.C.

Castro de Castromao, Celanova

O castro de Castromao é un castro situado no actual concello de Celanova, no sueste da provincia de Ourense. Suponse que foi habitado polo pobo dos coelernos. En 2018 foi declarado Ben de Interese Cultural.

Castro de Fazouro

O Castro de Fazouro é un antigo castro que se atopa no concello de Foz, na provincia de Lugo. É o único que se conserva como museo en toda a costa cantábrica galega[Cómpre referencia].

Castro de Santa María de Cervantes

O castro de Santa María de Cervantes é un poboado castrexo situado na ribeira dos Ancares, na parroquia do Castro, a 12 km da capital do concello de Cervantes, na provincia de Lugo.

Castro de Troña

O castro de Troña é un castro galaico pertencente á cultura castrexa, situado na parroquia de Pías (Ponteareas), é un bo exemplo de "castro cristianizado" coa construción dunha capela na súa croa. É un Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de monumento dende o ano 2009.

Castro de Zoñán

O Castro de Zoñán ou A Croa de Zoñán é un castro situado na parroquia dos Remedios, no concello de Mondoñedo, na provincia de Lugo.

As datas de ocupación do mesmo, segundo a cultura material atopada, móvense entre os séculos II e IV d. C., pero segundo os resultados das análises de carbono-14 os inicios do mesmo situaríanse en datas antes de Cristo.

Lévase escavando dende o ano 2002 e téñense recuperado diversas vivendas e restos de cultura material. No ano 2004 colocáronse dúas mesas interpretativas para poder facer unha visita libre ao castro. No ano 2007 o Concello de Mondoñedo editou o libro O Castro de Zoñán (Mondoñedo, Lugo) Campañas 2002-2004, que recolle os traballos e conclusións das tres primeiras campañas: 2002, 2003 e 2004.

Castro dos Prados

O Castro dos Prados ou Castro de Punta dos Prados é un poboado pertencente á Cultura castrexa, un castro dos coñecidos como costeiros.

Castros de Galicia

Para unha relación non exhaustiva de castros existen as seguintes listaxes de castros de Galicia, ordenados por provincias:

Castros da provincia da Coruña

Castros da provincia de Lugo

Castros da provincia de Ourense

Castros da provincia de Pontevedra

Centro Arqueolóxico do Barbanza

O Centro Arqueolóxico do Barbanza é un centro de interpretación da prehistoria da Península do Barbanza. Foi creado en 2002, e está situado no istmo de Punta Neixón, en Nine (Cespón, Boiro), a carón dos castros grande e pequeno de Neixón.

No seu interior, que está estruturado en tres andares, móstranse reproducións das principais evidencias das ocupacións prehistóricas que transformaron a paisaxe desde o Neolítico até a Idade de Ferro: unha vivenda castrexa, petróglifos e copias dalgúns dos restos atopados durante as escavacións. Tamén organiza conferencias, proxeccións e rotas arqueolóxicas, históricas, ambientais e etnográficas.

Cono de violación

Un cono de violación é o buraco que presentan moitas mámoas na súa parte superior. Este buraco é froito do espolio e dunha escavación ilegal na procura de tesouros ou para o aproveitamento das pedras. Atópanse mámoas en moitos lugares onde houbo cultura megalítica.

Dolmen

Un dolmen, pala ou anta é un monumento megalítico tumulario colectivo, datado desde o fin do V milenio a.C. ata o fin do III milenio a.C. en Europa, e ata o I milenio no Extremo Oriente. Está constituído por unha cámara formada por unha gran laxe pousada horizontalmente sobre pedras verticais que a sustentan (ortóstatos).

Galería de imaxes de castros galegos

Galería de imaxes de castros galegos.

Megalitismo

O megalitismo é un período da prehistoria caracterizado pola construción de monumentos e arquitecturas a base de grandes pedras sen labrar chamados megálitos. Estes monumentos inclúen os dolmens ou antas e os menhires ou pedrafitas (pedras fincadas soas, aliñadas ou en círculo).

Menhir

Un menhir é un monumento prehistórico, megalítico, que se limita a unha gran pedra ergueita plantada no chan.

Mámoa

As mámoas ou medoñas son túmulos funerarios característicos do Neolítico do noroeste da Península Ibérica.

Ortóstato

En arqueoloxía, un ortóstato é unha pedra fincada verticalmente que serve de soporte ou de elemento de fechamento nos monumentos megalíticos. Popularmente coñécese como esteo ou chanta.

En arquitectura, un ortóstato é unha placa monolítica con relevos que decora as partes baixas dun muro. Pode ser de diversos materiais, da madeira á pedra dura (por exemplo o basalto. Esta forma de decoración estaba especialmente difundida no Próximo Oriente durante a Idade de Ferro. As decoracións podían ser en relevo ou, máis raramente, en incisións. Oponse ao diátono, que se coloca co lado máis curto á vista.

Petróglifos de Mogor

Os Petróglifos de Mogor, entre os que destaca o Labirinto de Mogor, son unha estación rupestre situada no lugar de Monte, na parroquia de Mogor, no concello de Marín, provincia de Pontevedra.

Arquitectura prehistórica de Galicia
Cronoloxía
Megálitos
Petróglifos de Galicia
Castros de Galicia
Institucionalización

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.