Arquipélago

Un arquipélago é un conxunto de illas relativamente próximas unhas das outras. A proximidade débese, xeralmente, a unha orixe xeolóxica común para a totalidade do arquipélago, que normalmente se forma ao longo dunha dorsal oceánica.

Lempisaari, Naantali, Finland.
O arquipélago situado na costa sur de Finlandia, no Mar Báltico.
Hawaje
O arquipélago das Hawaii.

Características

Etimoloxía

A palabra vén do grego Αρхιπέλαγος (Archipelagos), ou "mar principal" e designaba orixinalmente o mar Exeo, caracterizado polo seu grande número de illas (cícladas, Esporadas, Salamina, Eubea, Samotracia, Lemnos, Samos, Lesbos, Quios, Rodas etc.). Posteriormente, esta palabra pasou a denominar as Illas exeas en si. Cando Marco Sanudo, xeneral veneciano, tomoulle a maioría delas ao Imperio Bizantino a comezos do século XIII, converteuse en duque do Arquipélago.

Arquipélagos

Véxase tamén

Outros artigos

  • Arco insular
  • Estado arquipélago
.tk

.tk é o dominio de nivel superior xeográfico (ccTLD) para o arquipélago de Tokelau.

Tokelau ofrece a maioría de dominios .tk como gratuítos. Os dominios .tk foron creados no ano 1997 para o arquipélago. Os dominios gratuítos están sinalados aos servidores de Tokelau, os cales ofrecen servizo de redireccionamento web e de correo electrónico. O dominio está administrado por unha ONG cal razón social e proporcionarlle ingresos a poboación do arquipélago mediante a venda destes dominios. Constitúe unha exportación ou ingreso non convencional do arquipélago de Tokelau, que é maioritariamente un pobo de pescadores con un pouco de produción de artesanía.

Para rexistrar un dominio, existen 5 vías posibles, a primeira é un redireccionamento web gratuíto, co cal, terá a web un pouco de publicidade. O segundo consiste en rexistrar un dominio gratis, pero unha vez rexistrado, pódese enviar un sms para eliminar a publicidade. O terceiro é de pago e permite a posibilidade de modificar o DNS do dominio, para poder apuntar a un servizo de hospedaxe privado. O cuarto consta de nomes xa rexistrados por DotTK, e que valen o mesmo que un da segunda opción, pero poden ter máis valor. E o quinto consta de dominios xa rexistrados por DotTK, pero pertencentes a importantes marcas de produtos ou servizos, cos cales aumenta considerabelmente o seu valor.

Azores

Os Azores, oficialmente Rexión Autónoma dos Azores (en portugués Açores ou Região Autónoma dos Açores) , son un territorio da República Portuguesa, sito no Atlántico nordés, dotado de autonomía política e administrativa a través do Estatuto Político-Administrativo da Rexión Autónoma dos Azores. Os Azores integran a Unión Europea co estatuto de rexión ultraperiférica do territorio da Unión, conforme o establecido no artigo 299.º-2 do Tratado da Unión Europea.

Cabo Verde

Cabo Verde (en portugués [ˈkabu ˈveɾdɨ] (AFI)), oficialmente República de Cabo Verde, sitúase no océano Atlántico, no arquipélago de orixe volcánica do mesmo nome. As illas estaban deshabitadas ata que foron descubertas polos portugueses no século XV, que procederon a colonizalas para convertelas nun centro de trata de escravos. A maior parte dos habitantes actuais provén de ambos os grupos. O arquipélago, que forma parte da rexión de Macaronesia, está composto por dez illas grandes e cinco menores.

Caribe (rexión)

O Caribe refírese ao grupo de illas e estados insulares no mar Caribe, tamén chamados de Antillas ou Indias Occidentais, nome orixinado pola crenza inicial de que o continente americano fose na verdade a India.

O Caribe está localizado na súa propia placa tectónica - a Placa caribeña, que abrangue tamén a parte sur da América Central. Na fronteira desta placa coa Placa suramericana, ao leste, xunta do océano Atlántico, existe unha zona de subdución volcanicamente activa, que orixinou as Pequenas Antillas.

Filipinas

A República de Filipinas é un estado asiático situado no arquipélago das Illas Filipinas chamadas así en honor do rei español Filipe II. Constitúe un vasto arquipélago delimitado polo mar das Filipinas ó leste, mar das Celebes e mar de Sulu ó sur e mar da China Meridional ó oeste. O estreito de Luzon, ó norte, separa as Illas Filipinas de Taiwán; o estreito de Balabac, ó suroeste, é unha das fronteiras marítimas con Malaisia; e hai tamén fronteira marítima con Indonesia, ó sur. Tamén Palau se sitúa nas inmediacións, no sueste. A súa capital é Manila.

Hawai

Hawai (en inglés: Hawaii, [həˈwaɪ.iː] (AFI), escoitar; en hawaiano: Hawai‘i, [hɐˈvɐiʔi] (AFI)), é un dos 50 Estados dos Estados Unidos de América. Hawai localízase nun arquipélago no medio do océano Pacífico. A súa economía está baseada no turismo.

O arquipélago que forma o Estado de Hawai coñécese historicamente polo nome de Illas Sandwich; estaba poboado por polinesios, e gobernada por varios xefes polinesios locais, ata 1810, cando Kamehameha I centralizou o goberno do arquipélago, e instituíu unha monarquía. En 1894, o arquipélago converteuse unha república, e catro anos despois, en 1898, foi anexionada polos Estados Unidos, tornándose un territorio americano en 1900. Desde entón, instaláronse en Hawai un gran número de persoas de descendencia europea, vidos doutras partes dos Estados Unidos, así como inmigrantes asiáticos, dando á poboación local un aspecto altamente multicultural.

A base naval americana de Pearl Harbor foi atacada por aeronaves da forza aérea xaponesa o 7 de decembro de 1941. O ataque fixo que os Estados Unidos entrasen oficialmente na II Guerra Mundial. Máis de 2.400 persoas morreron no ataque. O 21 de agosto de 1959, o Hawai converteuse no 50º Estado norteamericano.

Honshu

Honshū (本州, ほんしゅう) é a illa principal do arquipélago xaponés, un parte de Hondo. Limita ao norte coa illa de Hokkaido polo estreito de Tsugaru, ao sur con Shikoku polo mar Interior e ao suroeste con Kyūshū polo Estreito de Kanmon.

A poboación de Honshū é de 98 352 000 habitantes (1990) (89 101 702 en 1975), e está concentrada nas chairas existentes, especialmente na chaira de Kanto, onde reside o 25% da poboación en e ao redor de Toquio e Yokohama. Outras cidades importantes son Nagoia, Osaca, Kobe, Quioto, Hiroxima e Sendai. A illa divídese en cinco rexións e 34 prefecturas, entre elas o Toquio metropolitano.

Illas Baleares

As Illas Baleares (en catalán e oficialmente: Illes Balears) son un arquipélago e unha comunidade autónoma española situada no Mar Mediterráneo, xunto á costa oriental da península Ibérica. A súa capital é Palma de Mallorca, e a lingua propia autóctona é o catalán. O seu principal recurso é o turismo, sobre todo procedente de Alemaña e do Reino Unido, quen o consideran coma destino de viaxes por excelencia.

O arquipélago está formado por dous grupos de illas e numerosos illotes:

As Gimnesias: Menorca, Mallorca e Cabrera e algúns illotes próximos.

As Pitiusas: Eivisa e Formentera e os distintos illotes que as rodean.Conta con importantes industrias de alfaias (as perlas de Majórica) e un parque nacional marítimo-terrestre en Cabrera.

Illas Canarias

As Canarias son un arquipélago do Atlántico, unha das dezasete comunidades autónomas de España e unha das rexións ultraperiféricas da Unión Europea. Está formada por sete illas: El Hierro, La Gomera, La Palma e Tenerife, que forman a provincia de Santa Cruz de Tenerife; e Fuerteventura, Gran Canaria e Lanzarote, que forman a provincia das Palmas. Tamén forman parte das Canarias os territorios insulares do Arquipélago Chinijo (La Graciosa, Alegranza, Montaña Clara, Roque del Este e Roque del Oeste) e a Illa de Lobos, todos eles pertencentes á provincia das Palmas.

O arquipélago está situado fronte á costa noroeste de África, entre as coordenadas 27º 37' e 29º 25' de latitude norte e 13º 20' e 18º 10' de lonxitude oeste, situación que implica unha diferenza dunha hora entre Canarias e o resto de España. A illa de Fuerteventura dista uns 95 km da costa africana. Con todo, son aproximadamente 1.400 km os que separan a Canarias do continente europeo. A pesar disto, a cultura das illas é occidental, a medio camiño entre Europa e Latinoamérica.

As illas, de orixe volcánico, son parte da rexión natural da Macaronesia xunto cos arquipélagos de Cabo Verde, Azores, Madeira e Salvaxes. O seu clima é subtropical, aínda que modificado pola altura e a vertente norte ou sur. Esta variabilidade climática dá lugar a unha gran diversidade biolóxica que, xunto á riqueza paisaxística e xeolóxica, xustifica a existencia en Canarias de catro parques nacionais e que varias illas sexan reservas da biosfera da UNESCO. Estes atractivos naturais, o bo clima e as praias fan das illas un importante destino turístico, sendo visitadas cada ano por preto de 12 millóns de persoas (11 986 059 en 2007, destacando un 29% de británicos, 22% españois peninsulares e un 21% alemáns).A capitalidade da comunidade é compartida entre as súas dúas principais cidades: Santa Cruz de Tenerife e As Palmas de Gran Canaria; a sede do Presidente do Goberno autonómico alterna entre ambas por períodos lexislativos, sendo a sede do Vicepresidente distinta á do Presidente. O Parlamento das Canarias está en Santa Cruz de Tenerife, mentres que a sede da Delegación do Goberno se sitúa nas Palmas de Gran Canaria, existindo ademais unha Subdelegación do Goberno en cada unha das dúas cidades. Así mesmo, hai un equilibrio entre as dúas capitais en canto a consellerías e institucións públicas. Non existen deputacións provinciais como no resto de España, sendo cada illa gobernada polo seu respectivo Cabido, excepto as illas e illotes do Arquipélago Chinijo, os cales son gobernados polo Cabido de Lanzarote, e a Illa de Lobos, gobernada polo Cabido de Fuerteventura.

Illas Cook

As Illas Cook (en inglés Cook Islands, en maorí das Illas Cook Kūki 'Āirani) conforman un arquipélago localizado no océano Pacífico Sur, entre Hawaii e Nova Zelandia. Posúen un sistema de goberno democrático-parlamentario en Libre asociación con Nova Zelandia. As quince pequenas illas teñen unha área combinada de 240 km².

A capital é Avarua e o turismo é a industria máis importante. Unha forma popular de arte nas illas é o tivaevae, unha clase de colchas .

Illas Malvinas

As Illas Malvinas, (en inglés: Falkland Islands), son un arquipélago do océano Atlántico meridional, na plataforma continental patagónica. As illas principais atópanse a 483 km ó leste da costa da Patagonia, en América do Sur, na latitude 52°S. O arquipélago, cunha área de 12 000 km², abrangue a illa Soidade, a illa Gran Malvina e 776 illas máis pequenas. É un Territorio Británico de Ultramar e conta cun autogoberno, mais o Reino Unido encárgase da súa defensa e das relacións exteriores. A capital das Malvinas é Stanley, na illa Soidade.

Existe unha gran controversia sobre a descuberta e posterior colonización das Malvinas polos europeos. En varios momentos, as illas tiveron asentamentos franceses, británicos, españois e arxentinos. O Reino Unido reafirmou o seu control sobre o arquipélago en 1833, malia que a Arxentina mantiña a súa reivindicación sobre as illas. En abril de 1982, forzas arxentinas ocuparon temporalmente o territorio. A administración británica foi restaurada dous meses máis tarde, no final da guerra das Malvinas.

A poboación (2 932 habitantes en 2012) está constituída principalmente por nativos das illas, a maioría de ascendencia británica. Outras etnias inclúen franceses, xibraltareños e escandinavos. A inmigración procedente do Reino Unido, da illa de Santa Helena, no Atlántico Sur, e de Chile reverteu o decline da poboación. A lingua predominante (e oficial) é o inglés. De acordo cunha lei de 1983 aprobada polo Parlamento do Reino Unido, os malvineiros son considerados cidadáns británicos.

O arquipélago atópase no límite das zonas climáticas oceánica subantártica e de tundra e as dúas principais illas teñen cordilleiras que atinxen 700 metros de altura. Elas son o lar de grandes poboacións de aves, malia que moitas xa non se reproducen nas principais illas por mor da concorrencia con especies introducidas. As principais actividades económicas son a pesca, o turismo e a cría de ovellas, con énfase na exportación de la de alta calidade. A exploración de petróleo, licenciada polo Goberno das Illas Malvinas, permanece en controversia como resultado de disputas marítimas coa Arxentina.

Indonesia

Indonesia, oficialmente República de Indonesia (en indonesio: Republik Indonesia), é un extenso país insular do sueste asiático, ocupando boa parte do territorio do máis grande arquipélago do mundo, de 17.508 illas, as illas da Sonda, e máis a metade occidental da illa da Nova Guinea, posuíndo un total dun 237 millóns de habitantes, convertendo a Indonesia no cuarto país máis poboado do mundo. Indonesia é unha república, cun poder lexislativo e un presidente escolleitos por sufraxio e o goberno ten a súa sede central na cidade de Iacarta, a capital.

Pese a ser un arquipélago, ten fronteiras terrestres con Malaisia na illa de Borneo, con Timor Leste na illa de Timor, e con Papúa Nova Guinea, na illa de Nova Guinea. O país está bañado polos océanos Pacífico e Índico.

Algunhas das illas do arquipélago son Xava (a máis densamente poboada), Borneo, Sumatra, Célebes, Timor ou Nova Guinea.

O arquipélago indonesio ten sido unha rexión importante para o comercio dende o século VII, dende que o reino de Srivijaya comezou a comerciar coa China e coa India. Gradualmente, os gobernantes locais adoptaron a cultura, relixión e o modelo político dos indios, e no século I d. C. apareceron varios reinos hindús e budistas na rexión. A historia indonesia foi influenciada polas potencias foráneas que buscaron explotar os seus recursos naturais. Despois de que os comerciantes musulmáns introduciran o Islam, e durante a era dos descubrimentos, as potencias europeas comezaron a disputarse o monopolio do comercio de especias nas Molucas. Tras tres séculos e medio de colonialismo neerlandés, Indonesia obtivo a súa independencia pouco despois da Segunda Guerra Mundial.

Dende aquela a historia de Indonesia foi turbulenta, enfrontándose a desastres naturais, corrupcións, o separatismo, o proceso de democratización e períodos de cambios económicos.

A través das súas numerosas illas, o pobo indonesio está conformado por distintos grupos étnicos, lingüísticos e relixiosos. Os xavaneses son o grupo étnico máis grande e politicamente o dominante. Indonesia desenvolveu unha identidade compartida definida por un idioma nacional, pola diversidade étnica, o pluralismo relixioso dentro dunha poboación de maioría musulmá e unha historia de colonialismo constante e a súa loita contra el. O lema nacional de Indonesia, "Bhinneka Tunggal Ika" ("Unidade na diversidade"), articula a diversidade que conforma á nación. Non obstante, as tensións sectarias e o separatismo conduciron a violentos enfrontamentos que minaron a estabilidade política e económica do país. A pesar da súa gran poboación e as rexións densamente poboadas, en Indonesia atópanse vastas terras inhabitadas que o fan un dos países do mundo con maior biodiversidade, integrándose á lista dos países megadiversos.Pese a ter moitos recursos naturais, a pobreza é unha característica que define á Indonesia contemporánea.

Malaisia

Malaisia é un país do sueste asiático, constituído pola península Malaia e máis pola Malaisia oriental, no norte de Borneo. O país está situado a aproximadamente 200 km ao norte do ecuador terrestre.

O termo Malaisia ou arquipélago Malaio xa se empregaba para designar a Indonesia.

Mar Exeo

O Mar Exeo (grego: Αιγαίο Πέλαγος Aigaío Pélagos, turco: Ege Denizi) é un brazo do Mar Mediterráneo situado entre Grecia e a península de Anatolia, é dicir, entre as terras altas de Grecia e de Turquía. No norte, o Exeo está conectado ao Mar de Mármara e a o Mar Negro polos Dardanelos e o Bósforo. Considérase que este mar está delimitado ao sur por un arco que atravesa, en dirección oeste-leste, as illas de Citera, Anticitera, Creta, Kasos, Karpathos e Rodas. Polo arbitrario do seu «límite» sur, é difícil atribuírlle unha superficie exacta, sendo un valor aproximado 180.000 km². De norte a sur, a súa extensión máxima é de 600 km, e do leste a oeste é de 400 km.

O mar era tradicionalmente coñecido como o Arquipélago (na Lingua grega antiga, Ἀρχιπέλαγος, que significa "mar principal"),[Cómpre referencia] pero en galego o significado de arquipélago cambiou para referirse ás illas do Exeo e, en xeral, a calquera grupo insular.

Mar do Arquipélago

O Mar do Arquipélago (Finés: Saaristomeri, Sueco: Skärgårdshavet) é unha parte do Mar Báltico entre o Golfo de Botnia, o Golfo de Finlandia e o Mar de Åland, dentro das augas territoriais de Finlandia. Segundo algunhas definicións, contén o maior arquipélago (grupo de illas) do mundo polo número de illas, aínda que moitas das illas son moi pequenas e están moi agrupadas.

As illas maiores están habitadas e conectadas por transbordadores e pontes. As illas Åland, incluíndo as illas máis grandes da rexión, forman unha rexión autónoma dentro de Finlandia. O resto das illas forman parte da rexión de Finlandia Propia (Varsinais-Suomi)). O Mar do Arquipélago é un importante destino turístico.

Mayotte

Mayotte é unha posesión de Francia entre o océano Índico e o canle de Mozambique no arquipélago das Comores, do cal é a illa máis oriental. Está formado pola illa Mayotte, tamén coñecida como Grand Terre e dúas illas máis pequenas: a illa de Pamanzi, o Petit Terre e a illa Chisimoi M'Zamboro. Os países veciños máis próximos son: Comores ao noroeste, Madagascar ao sueste, as illas Seychelles e as Illas Gloriosas (dependentes de Reunión) ao nordeste, e Mozambique ao oeste. Ten o status de Departamento de Ultramar. A súa capital e Mamoudzou.

Palma

Palma, tamén coñecida como Palma de Mallorca ou localmente como Ciutat, é unha cidade insular española, capital da comunidade autónoma das Illas Baleares e da illa de Mallorca.

Sitúase a beiras do mar Mediterráneo, a uns 13 metros de altura sobre o nivel do mar. Cunha poboación de 401.270 habitantes e unha superfície de 208,63 km² (INE 2009) é a maior cidade do arquipélago e a oitava de España en número de habitantes. A súa área metropolitana engloba nove concellos que abranguen 509.116 habitantes repartidos nunha superficie de 1.015,88 km².

Rexión Autónoma de Madeira

A Rexión Autónoma de Madeira (en portugués: Região Autónoma da Madeira) é unha das rexións autónomas de Portugal, correspondendo territorialmente ó arquipélago de Madeira, sendo o seu veciño marítimo máis achegado o arquipélago español das Illas Canarias, situado a carón de Marrocos, en África. A Rexión está dotada de autonomía política e administrativa a través do Estatuto Político Administrativo da Rexión Autónoma de Madeira, previsto na Constitución da República Portuguesa. A Rexión Autónoma de Madeira forma parte integral da Unión Europea como o estatuto de rexión ultraperiférica do territorio da Unión, conforme ó estabelecido no artigo 299º-2 do Tratado da Unión Europea.

Tanzania

Tanzania, oficialmente República Unida de Tanzania (en suahili: Jamhuri ya Muungano wa Tanzania), é un país da África Oriental, limitado ao norte por Uganda e por Quenia, ao leste polo Océano Índico, ao sur por Mozambique, por Malawi e por Zambia e ao oeste por Burundi, por Ruanda e pola República Democrática do Congo, fronteira exclusivamente lacustre, a través do Lago Tanganica. O país inclúe tamén o arquipélago de Zanzíbar, no Índico. O Kilimanjaro, a montaña máis alta de África, está situada no nordeste de Tanzania.

O país está dividido en 30 rexións administrativas: cinco na área semi-autónoma do arquipélago de Zanzíbar e 25 no continente, na antiga Tanganica. O xefe do estado é o Presidente Jakaya Mrisho Kikwete, elixido en 2005. Dende 1996, a capital oficial de Tanzania foi Dodoma, onde está localizada a Asemblea Nacional e as oficinas do goberno. Entre a súa independencia e 1996, a principal cidade costeira, Dar es Salaam, serviu como capital política. Segue a ser a principal cidade comercial do país e numerosas institucións do goberno siguen localizadas alí. É tamén o porto máis importante do país.Tanganica e Zanzíbar fusionáronse o 26 de abril de 1964 para formar a República Unida de Tanganica e Zanzíbar. O 29 de outubro dese mesmo ano, o país foi renomeado como República Unida de Tanzania ('Tan' provén de Tanganica e 'Zan' de Zanzíbar). É, canda Quenia e Uganda, un dos tres países da África oriental ex británica. Agás os masai do norte do país, que son nilocamitas, o resto da poboación está formada por unhas 140 tribos bantú, sendo as máis importantes as de sukuma, nyamwezi, gogo e chagga no norte, e makonde e hehe no sur. O suahili e o inglés son as dúas linguas oficiais.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.