Arabia Saudita

Coordenadas: 24°N 45°L / 24, -45

Reino de Arabia Saudita
المملكة العربية السعودية
al-Mamlaka al-ʻArabiyya as-Suʻūdiyya
Bandeira de Arabia Saudita
Emblema de Arabia Saudita
BandeiraEmblema
Saudi Arabia (orthographic projection)
Lema: لا إله إلا الله محمد رسول الله
(Non hai máis deus que Alá e Mahoma é o seu profeta)
Capital
 • Poboación
Riad
4 878 723 (2009)
Linguas oficiaisÁrabe
Forma de gobernoMonarquía absoluta islámica
Salmán I
Mohammad bin Salman
• Declarada
• Recoñecida
• Fundación
8 de xaneiro de 1926
20 de maio de 1927
23 de setembro de 1932
SuperficiePosto 14º
 • Total2 149 690 km²
 • % auga0,7
Fronteiras4 415 km
Costas2 640 km
PoboaciónPosto 43º
 • Total (2013 est.[1])29 994 272 hab.
 • Densidade12,3 hab./km²
PIB (nominal)Posto 19º
 • Total (2014)$777 870 millóns US$
 • per cápita$25 401 US$
PIB (PPA)Posto 22º
 • Total (2010)$1 652 millóns US$
 • per cápita$53 935 US$
MoedaRiyal (﷼, SAR)
IDH (2013)0,836 (34º) – Alto
XentilicioSaudita
Fuso horarioUTC+3
 • Horario de veránNon aplica
Dominio de Internet.sa
Prefixo telefónico+966
Prefixo radiofónico8ZA-8ZZ, 7ZA-7ZZ,
HZA-HZZ
Código ISO682 / SAU / SA
Membro de: ONU, OPEP, Liga Árabe

Arabia Saudita[2] (en árabe: السعودية, as-Suʻūdiyya), oficialmente Reino de Arabia Saudita (en árabe: المملكة العربية السعودية , al-Mamlaka al-ʻArabiyya as-Suʻūdiyya) é un país situado na Península de Arabia. É o segundo meirande dos países árabes, detrás de Alxeria, cunha área de 2 150 000km2 que abrangue case toda a Península Arábiga. Fai fronteira con Iraq e Xordania polo norte, Kuwait polo noroeste, Qatar, Bahrain e os Emiratos Árabes Unidos polo leste, Omán polo sueste e Iemen polo sur. É o único país con costa no Mar Vermello e no Golfo Pérsico.

Antes do establecemento do Reino de Arabia Saudita, o estado moderno estaba formado por catro rexións distintas: Hejaz, Najd e partes de Arabia Oriental (Al-Hasa) e Arabia Meridional ('Asir).[3] O Reino de Arabia Saudita foi fundado en 1932 por Ibn Saud; el uniu os catro reinos nun só estado nunha serie de conquistas que comezaron en 1902 coa captura de Riad, o fogar ancestral da súa familia, a Casa de Saud. Dende entón, o estado é unha monarquía absoluta de liñas islámicas, principalmente baixo a influencia do wahhabismo.[4] Arabia Saudita é chamada "a Terra das Dúas Mesquitas Sagradas", en referencia a Al-Masjid al-Haram (na Meca), e Al-Masjid an-Nabawi (en Medina), os dous lugares máis sagrados do Islam. O Reino ten unha poboación de 28,7 millóns, dos cales 20 millóns son sauditas e 8 millóns son estranxeiros.[5][6][7]

Arabia Saudita é o maior produtor e exportador de petróleo do mundo, e controla a segunda maior reserva de hidrocarburos.[7] Debido ós seus recursos enerxéticos, o reino caracterízase pola súa economía de gran crecemento e por ser o único país árabe que forma parte das economías G20.[8][9] Tamén é destacable que a súa economía é a menos diversificada do GCC.[10] O país ten un alto Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).[11] Está gobernado por un "réxime autoritario"[12] e está clasificado como "Non Libre" pola Freedom House.[13] É o cuarto país do mundo en gasto militar.[14][15] É membro activo da Consello de Cooperación para os Estados Árabes do Golfo, da Organización para a Cooperación Islámica e da OPEP.[16]

Etimoloxía

Despois da unificación dos reinos de Hejaz e Nejd, o novo estado chamouse al-Mamlakah al-ʻArabīyah as-Suʻūdīyah (unha transliteración de المملكة العربية السعودية en árabe) polo real decreto de 23 de setembro de 1932 do seu fundador, Abdulaziz Al Saud (Ibn Saud). Normalmente, tradúcese como "Reino de Arabia Saudita" en galego,[2] malia que literalmente tradúcese como "Reino dos Árabes Sauditas".[17]

A palabra "Saudita" deriva do elemento as-Suʻūdīyah no nome árabe do país, que é unha clase de adxectivo coñecido como nisba, que provén do nome dinástico da familia real do país, os Al Saud (آل سعود). A súa inclusión indica que o goberno do país é visto como unha posesión persoal da familia real.[18][19] Al Saud é unha palabra árabe formada pola inclusión de Al, que significa "familia de" ou "casa de",[20] ó nome persoal dun antergo. No caso de Al Saud, é o pai fundador da dinastía no século XVIII, Muhammad bin Saud.[21]

Historia

Artigo principal: Historia de Arabia Saudita.
Arabia 1914
Península de Arabia en 1914.

O estado saudita naceu na Arabia central sobre o 1750. Un líder local, Muhammad bin Saud, uniuse ó reformista islámico Muhammad ibn Abd Al-Wahhab, para crear unha nova entidade política. Durante os seguintes 150 anos, os sauditas loitaron con Exipto, o Imperio Otomán, e outras familias árabes polo control da península. O estado saudita moderno fundouno o rei Abdul Aziz Al-Saud (tamén coñecido coma Abdul Aziz Ibn Saud).

No 1902 Abdul Aziz Al-Saud conquistou Riad, a ancestral capital da dinastía Al-Saud, que estaba en poder da familia rival Al-Rashid. Continuando coas súas conquistas, Abdul Aziz someteu Al-Ahsa, Nejd e Hijaz entre 1913 e 1926. O 8 de xaneiro de 1926 Abdul Aziz Al-Saud converteuse no rei de Hijaz. O 29 de xaneiro de 1927 conseguiu o título de Rei de Nejd (anteriormente fora Sultán). Polo Tratado de Jedda, firmado o 20 de maio de 1927, o Reino Unido recoñeceu a independencia do reino de Abdul Aziz (por entón chamado Reino de Hijaz e Nejd). No 1932, esas rexións unificáronse tomando o nome de Reino de Arabia Saudita.

O novo reino foi un dos países máis pobres do mundo, dependendo da limitada agricultura e dos ingresos das peregrinacións. Porén, en 1938 atopáronse grandes reservas de petróleo na rexión de Al-Hasa ao longo da costa do golfo Pérsico, e o desenvolvemento a grande escala dos campos petrolíferos comezou en 1941 baixo a empresa controlada polos Estados Unidos Aramco (Arabian American Oil Company). O petróleo proporcionoulle ao país prosperidade económica e unha influencia política substancial a nivel internacional. A vida cultural desenvolveuse rapidamente, principalmente en Hejaz, que sería o centro para os xornais e a radio. Pero a grande afluencia de estranxeiros para traballar na industria do petróleo aumentou a xa existente propensión cara a xenofobia. Ao mesmo tempo, o goberno fíxose cada vez máis dilapidador e extravagante. Cara a década dos 50 isto levou a grandes carencias gobernamentais e a un excesivo endebedamento externo.

O rei Saud sucedeu no trono ao seu pai tras a súa morte en 1953. Porén, xurdiu unha intensa rivalidade entre o rei e o seu medio irmán, o príncipe Faisal, alimentada polas dúbidas na familia real sobre a competencia de Saud. Como consecuencia, Saud foi deposto en favor de Faisal en 1964. Arabia Saudita gañou o control do 20% de Aramco en 1972, diminuíndo así o control estadounidense do petróleo saudita. En 1973 Arabia Saudita levou a cabo un boicot de petróleo contra os países occidentais que apoiaron a Israel na guerra do Yom Kippur contra Exipto e Siria. Os prezos do petróleo multiplicáronse por catro. Faisal foi asasinado en 1975 polo seu sobriño, o príncipe Faisal bin Musaid, e sucedeuno o seu irmanastro o rei Khalid.

Cara 1976 Arabia Saudita converteuse no maior produtor mundial de petróleo. Durante o reinado de Khalid produciuse un progreso económico e social moi rápido, transformando o sistema de infraestruturas e educativo do país; en política exterior desenvolvéronse un fortes lazos cos Estados Unidos. En 1979 ocorreron dous eventos que afectaron en gran medida ao réxime de Al Saud, e tiveron unha forte influencia nas políticas internas e externas sauditas. O primeiro foi a revolución iraniana. Temíase que a minoría xiíta na provincia de Ash Sharqiyah (onde estaban os campos petrolíferos) podía rebelarse baixo a influencia dos seus correlixionarios iranianos. De feito, houbo varios levantamentos contra o goberno na rexión en 1979 e 1980. O segundo evento foi a toma da Gran Mesquita da Meca por extremistas islámicos. Os militantes involucrados estaban en parte descontentos polo que eles consideraban corrupción e unha natureza anti-islámica do réxime saudita. O goberno recuperou o control da mesquita despois de 10 días e os capturados foron executados. Parte da resposta da familia real foi facer cumprir de xeito máis estrito as tradicionais normas relixiosas e sociais no país (como por exemplo pechando os cines) e dándolles aos ulemas un maior papel no goberno.

En 1980 fíxose coa totalidade de Aramco. En xuño de 1982 o rei Khalid morreu dun ataque ao corazón e foi sucedido polo seu irmán, o rei Fahd, que engadiu o título de "Custodio da Dúas Mesquitas Sagradas" ao seu nome en 1986. Fahd continuou estreitando relacións cos Estados Unidos e incrementou a compra de equipo militar estadounidense e británico. A gran riqueza xerada polos ingresos do petróleo comezou a ter un grande impacto na sociedade saudita. levou a unha rápida modernización, urbanización, educación pública masiva e á creación de novos medios de comunicación. Estes feitos e a presenza de cada vez máis traballadores estranxeiros afectou enormemente ás normas e valores tradicionais sauditas. Aínda que houbo un cambio dramático na vida social e económica do país, o poder político continuou estando monopolizado pola familia real, levando o descontento a moitos cidadáns que comezaron a buscar unha maior participación no goberno.

Nos anos 80 o réxime saudita gastou 25.000 millóns de dólares apoiando a Saddam Hussein na guerra Irán-Iraq. Porén, Arabia Saudita condenou a invasión iraquí de Kuwait en 1990 e pediulle aos Estados Unidos que interviñese. O rei Fahd permitiu aos estadounidense e aliados estar baseados en Arabia Saudita. Convidou ao goberno de Kuwait e a moitos dos seus cidadáns a estar no país, pero expulsou aos cidadáns de Iemen e Xordania debido a que os seus gobernos apoiaron a Iraq. En 1991 a forzas sauditas interviron tanto nos bombardeos sobre Iraq como ba invasión terrestre para liberar Kuwait.

As relación do réxime saudita con occidente comezaron causar unha preocupación crecente entre algúns dos ulemas e estudantes da xaria, e foi un dos motivos que levaron a un incremento do terrorismo islámico en Arabia Saudita, así como a ataques terroristas en países occidentais realizados por cidadáns sauditas. Osama bin Laden era saudita (ata que lle quitaron a nacionalidade en 1994). 15 dos 19 secuestradores involucrados nos atentados do 11 de setembro de 2001 eran de nacionalidade saudita. Moitos sauditas, que non apoiaban de ningún xeito o terrorismo islámico, estaban aínda así profundamente descontentos coas políticas do goberno do país.

O islamismo non era a única fonte de hostilidade cara o réxime. Aínda que agora era extremadamente rica, a economía de Arabia Saudita estaba preto de estancarse. Os altos impostos e un crecente desemprego contribuíron ao descontento, reflectido nun aumento da axitación social e o descontento coa familia real. En resposta, o rei Fahd iniciou un feixe de limitadas "reformas". En marzo de 1992 introduciu a "Lei básica", que facía fincapé nos labores e responsabilidades dun gobernante. En decembro de 1993 inaugurouse o Consello Consultivo, composto por un presidente e 60 membros (todos elixidos polo rei). A intención do monarca era responder á disidencia ao mesmo tempo que procuraba facer os mínimos cambios reais posibles no status quo como lle fose posible. Fahd deixou claro que non tiña en conta a democracia: "Un sistema baseado nas eleccións non é consistente co noso credo islámico".

En 1995 sufriu un derramo cerebral e o príncipe herdeiro, Abdullah, asumiu o papel de rexente de facto, asumindo o día a día do país. Porén a súa autoridade viuse obstaculizada por conflitos cos irmáns de Fahd. Dende os 90 continuaron a verse signos de descontento e nos anos 2003 e 2004 houbo unha serie de atentados e violencia armada en Riad, Jeddah, Yanbu e Khobar. En febreiro-abril de 2005 houbo as primeiras eleccións municipais no país, na que as mulleres no puideron votar.

En 2005 o rei Fahd morreu e sucedeuno Abdullah, que continuou a política de reformas mínimas e de represión das protestas. O rei introduciu varias reformas económicas co obxectivo de reducir a dependencia do país dos ingresos polo petróleo: desregulación limitada, fomento do investimento estranxeiro e privatización. En febreiro do 2009 Abdullah anunciou unha serie de cambios no poder xudicial, as forzas armadas e en varios ministerios para modernizar esas institucións. Entre eses cambios estaban a substitución de altos cargos na xudicatura e no Mutaween (a policía relixiosa), entrando persoas máis moderadas, e o nomeamento da primeira viceministra muller do país.

Política

A institución principal do goberno de Arabia Saudita é a monarquía. A Lei Básica adoptada no 1992 declara que Arabia Saudita é unha monarquía dirixida polos descendentes do Rei Abdul Aziz Al-Saud, e que o Corán é a constitución do país, que se rexe no legal pola Shari'a. A formación de partidos políticos está prohibida e non se celebran eleccións estatais.

Os poderes do rei están limitados pola Shari'a e outras tradicións sauditas. Tamén debe procurar o consenso da familia real saudita, os líderes relixiosos (ulema) e outras persoas importantes da sociedade saudita. A ideoloxía do estado é o Wahhabismo. Esta seita do Islam tenta expandirse financiando a construción de mesquitas e escolas do Qur'an por todo o mundo. A familia real elixe ó rei de entre os seus membros e sempre coa aprobación dos ulema.

Debido á enfermidade do rei Fahd bin Abdul Al-Aziz a dirección do país recaeu nas mans do seu irmán máis novo, o príncipe herdeiro Abdullah bin Abdulaziz Al Saud que actuou coma rexente ata a morte deste o 1 de agosto do 2005.

Xeografía

Artigo principal: Xeografía de Arabia Saudita.
Arabian Desert
Ecorexións segundo o Fondo Mundial para a Natureza. A liña amarela sinala as ecorexións do deserto de Arabia.[22]

Arabia Saudita ocupa un 80% da Península de Arabia,[23] entre as latitudes 16° e 33° N, e as lonxitudes 34° e 56° E. Debido a que a fronteira do sur, que limita cos Emiratos Árabes Unidos e Omán, non está definida con exactitude, o tamaño do país é descoñecido.[23] A CIA World Factbook estima unha área de 2250000 km2 e clasificao no posto 13 dos países meirandes.[24]

A xeografía do país está dominada polo Deserto de Arabia e polo semideserto con escasa vexetación (ver imaxe satélite da dereita). Trátase, de feito, de varios desertos simultáneos que inclúen ó Rub' al Khali ("Espazo Baleiro") na parte sur do país, o maior deserto continuo de area con de 647.500km2.[25][26] Non hai ningún río nin lago en todo o país, pero si numerosos uadis. As escasas terras fértiles atópanse nos depósitos aluviais dos uadis e dos oasis.[25] O principal accidente xeográfico é a meseta central que se ergue abrutamente do Mar Vermello e descende gradualmente ata Nejd cara o Golfo Pérsico. Na costa do Mar Vermello, hai unha estreita chaira costeira coñecida como Tihamah, paralela á cal hai un gran cantil. A provincia suroeste de Asir é montañosa, e nela está o Monte Sawda de 3.133m de altitude, o punto máis elevado do páis.[25]

Tuwaiq Escarpment-14h38m25s-k
Paisaxe de Nejd: Tuwaiq preto de Riad.

Agás a provincia de Asir no suroeste, Arabia Saudita ten un clima árido con temperaturas extremadamente altas durante o día e unha aguda caída durante a noite. As temperaturas medias do verán roldan os 45 °C, pero poden chegar ós 54 °C. En inverno, a temperatura raramente baixa dos 0 °C. No verán e no outono a calor é moderada, con temperaturas medias de 29 °C. As precipitacións anuais son extremadamente baixas. A rexión de Asir difire do resto pola influencia dos monzóns do Océano Índico, que adoitan producirse entre outubro e marzo. Unha media de 300mm de choivas caen durante este período, o cal se corresponde co 60% das precipitacións anuais.[27]

A vida animal inclúe lobos, hienas, mangosta, babuínos, lebres, ratos do deserto e xerbos. Aniamis máis grandes como gacelas, oryx e leopardos eran relativamente numerosos ata a década de 1950, cando a caza con vehículos a motor reduciu a poboación destes animais case á desaparición. Entre as aves destacan os falcóns (que seon adestrados para a caza), aguias, voitres e gangas. Existen diversas especies de cobra, moitas delas velenosas, e moitas clases de lagartos. Tamén existe moita variedade de vida mariña no Golfo Pérsico. Entre os aniamis domesticados están camelos, ovellas, cabras, burros e galiñas. Como un reflexo das condicións desérticas do país, a vexetación de Arabia Saudita consiste en pequenas herbas e matas que requiren de pouca auga. Hai unhas poucas áreas de herba e árbores no sur de Asir.

División administrativa

Artigo principal: Provincias de Arabia Saudita.

Arabia Saudita está dividida en 13 provincias[28] (manatiq idāriyya, – singular mintaqah idariyya). Á súa vez, as provincias están divididas en 118 gobernacións (en árabe: manatiq idāriyya, منطقةإدارية, ). Neste número inclúense as 13 capitais de provincia, que teñen un status diferente como concellos (amanah) gobernados por alcaldes (amin). As gobernacións están divididas en sub-gobernacións (marakiz, sing. markaz).

No. Provincia Capital
Saudi Arabia, administrative divisions - Nmbrs - colored

Provincias de Arabia Saudita
1 Al Jawf (ou Jouf) Sakaka
2 Fronteira do Norte Arar
3 Tabuk cidade de Tabuk
4 Ha'il cidade de Ha'il
5 Al Madinah Medina
6 Al Qasim Buraidah
7 Makkah Mecca
8 Al Riyadh Riad
9 Provincia Oriental Dammam
10 Al Bahah (ou Baha) cidade de Al Bahah
11 Asir Abha
12 Jizan cidade de Jizan
13 Najran cidade de Najran

Economía

Artigo principal: Economía de Arabia Saudita.

A economía de Arabia Saudita está baseada no petróleo; un 75% dos ingresos orzamentais e un 90% das exportacións proveñen da industria do petróleo. É fortemente dependente da man de obra estanxeira, sendo o 80% dos seus empregados do sector privado non sauditas.[29][30] Entre os retos da economía saudita están deter a regresión do PIB per cápita, mellorar a educación para preparar á mocidade como forza de traballo e ofrecerlles empregos, diversificar a economía, estimular o sector privado e o da construción, e eliminar a corrupción e a desigualdade.

Galería de imaxes

Mapa de Arabia Saudita.
Mapa de Arabia Saudita. 
Mapa topográfico.
Mapa topográfico. 
Tormenta de area sobre o Mar Vermello.
Tormenta de area sobre o Mar Vermello. 

Notas

  1. Central Department of Statistics and Information Arquivado 19 de setembro de 2012 en Wayback Machine./
  2. 2,0 2,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para saudita.
  3. Madawi Al-Rasheed (2013). A Most Masculine State: Gender, Politics and Religion in Saudi Arabia. p. 65.
  4. Focus on Islamic Issues – Páxina 23, Cofie D. Malbouisson – 2007
  5. Saudi Arabia profile
  6. "Saudi Arabia Launches New Housing Scheme To Ease Shortage".
  7. 7,0 7,1 Mehrdad Izady, ed. (2013). "Demography of Religion in the Gulf".
  8. James Wynbrandt (2004). Infobase Publishing, ed. A Brief History of Saudi Arabia. p. 242. ISBN 978-1-4381-0830-8.
  9. Soldatkin, Vladimir; Astrasheuskaya, Nastassia (9 de novembro de 2011). "Saudi Arabia to overtake Russia as top oil producer-IEA". Reuters. Consultado o 10 de novembro de 2011.
  10. "UAE has most diversified GCC economy".
  11. Human Development Report 2014 (PDF). United Nations. 2013. p. 159. Consultado o 13 de outubro de 2014.
  12. (2013 edition behind paywall) The Economist Intelligence Unit, ed. (2012). Democracy index 2012 Democracy at a standstill (PDF). Consultado o 13 de outubro de 2014.
  13. "Freedom House. Saudi Arabia". freedomhouse.org. Consultado o 13 de outubro de 2014.
  14. The Military Balance 2014: Top 15 Defence Budgets 2013 (IISS)
  15. Stockholm International Peace Research Institute (ed.). "The 15 countries with the highest military expenditure in 2013 (table)". Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de xaneiro de 2015. Consultado o 14 de abril 2014.
  16. Middleeastmonitor.com, ed. (7 de novembro de 2013). "The erosion of Saudi Arabia's image among its neighbours". Consultado o 4 de abril de 2014.
  17. Lewis, Bernard (2003). The Crisis of Islam. pp. xx–xxi (Introdución). ISBN 0-679-64281-1.
  18. Wilson, Peter W.; Graham, Douglas (1994). Saudi Arabia: the coming storm. p. 46. ISBN 1-56324-394-6.
  19. Kamrava, Mehran (2011). The Modern Middle East: A Political History Since the First World War. p. 67. ISBN 978-0-520-26774-9.
  20. Wynbrandt,, James; Gerges, Fawaz A. (2010). A Brief History of Saudi Arabia. p. xvii. ISBN 978-0-8160-7876-9.
  21. Hariri-Rifai, Wahbi; Hariri-Rifai, Mokhless (1990). The heritage of the Kingdom of Saudi Arabia. p. 26. ISBN 978-0-9624483-0-0.
  22. Modelo:WWF ecoregion
  23. 23,0 23,1 Stokes, Jamie (2009). Encyclopedia of the Peoples of Africa and the Middle East, Volume 1. p. 605. ISBN 978-0-8160-7158-6.
  24. "CIA World Factbook – Rank Order: Area". The World Factbook. 26 de xaneiro de 2012. Consultado o 8 de febreiro de 2012.
  25. 25,0 25,1 25,2 "Encyclopaedia Britannica Online: Saudi Arabia". Encyclopædia Britannica.
  26. Vincent, Peter (2008). Saudi Arabia: an environmental overview. Taylor & Francis. p. 141. ISBN 978-0-415-41387-9.
  27. "Saudi Arabia". Weather Online. Consultado o 30 de xullo de 2011.
  28. "Saudi Arabia: Administrative divisions". arab.net. Consultado o 21 de setembro de 2008.
  29. Coy, Peter (16 de xullo de 2014). "Online Education Targets Saudi Arabia's Labor Problem, Starting With Women". Bloomberg Businessweek. Consultado o 26 de setembro de 2014. Saudi citizens account for two-thirds of employment in the high-paying, comfortable public sector, but only one-fifth of employment in the more dynamic private sector, according to the International Monetary Fund (PDF).
  30. economists "estimate only 30-40 percent of working-age Saudis hold jobs or actively seek work," the official employment rate of around 12 percent notwithstanding. (fonte: McDowall, Angus (19 de xaneiro de 2014). "Saudi Arabia doubles private sector jobs in 30-month period". Reuters. Consultado o 12 de maio de 2014.)

Véxase tamén

Bibliografía

  • Long, David E. (2005). Culture and Customs of Saudi Arabia (en inglés). ISBN 978-0-313-32021-7.
  • Otto, Jan Michiel (2010). Sharia Incorporated: A Comparative Overview of the Legal Systems of Twelve Muslim Countries in Past and Present (en inglés). ISBN 978-90-8728-057-4.
  • Jones, John Paul (2007). If Olaya Street Could Talk: Saudi Arabia- The Heartland of Oil and Islam (en inglés). The Taza Press. ISBN 0-9790436-0-3.
  • Lippman, Thomas W. (2004). Inside the Mirage: America's Fragile Partnership with Saudi Arabia (en inglés). Westview. ISBN 0-8133-4052-7.
  • Mackey, Sandra (1987). The Saudis: Inside the Desert Kingdom (en inglés). Houghton Mifflin. ISBN 0-395-41165-3.
  • Simmons, Matthew R. (2005). Twilight in the Desert The Coming Saudi Oil Shock and the World Economy (en inglés). John Wiley & Sons. ISBN 0-471-73876-X.
  • Ménoret, Pascal (2005). The Saudi Enigma: A History (en inglés). Zed Books. ISBN 1-84277-605-3.

Ligazóns externas

.sa

.sa é o Dominio de Nivel Superior xeográfico (ccTLD) para Arabia Saudita.

A Meca

A Meca (nome completo: Makkah al-Mukarramah; árabe: مكة المكرمة) é unha cidade de Arabia Saudita, considerada a cidade santa do islam. É un centro relixioso que os que profesan a fe musulmá teñen a obriga de visitar polo menos unha vez na vida. No centro sitúase a Kaaba. Está situada ao oeste da península Arábica. É a capital do Hexaz, e en 2010 tiña 1 675 368 habitantes.

Aash Al Maleek

Aash Al Maleek (do árabe: Longa vida ao Rei, en árabe: عاش المليك‎), é o himno nacional do Reino de Arabia Saudita (en árabe: النشيد الوطني, an-Našīd al-Waṭaniyy‎). Foi orixinariamente adoptado en 1950 e de novo en 1984 cunha nova letra. A composición orixinal é obra de Abdul-Rahman al-Khateeb (عبد الرحمن الخطيب) en 1947. A letra orixinal (1950) foi escrita por Mohammed Talat (محمد طلعت) e a nova versión de 1984 por Ibrahim Khafaji (إبراهيم خفاجي).

Aeroporto Rei Abdulaziz

O aeroporto internacional Rei Abdulaziz (IATA: JED, OACI: OEJN) é un aeroporto situado a 19 quilómetros ao norte de Jeddah. Foi bautizado na honra do rei Abdul Aziz Al-Saud e inaugurouse no ano 1981. É o aeroporto máis concorrido de Arabia Saudita e o terceiro máis grande do país. É coñecido pola súa terminal do Hajj, construída especialmente para os peregrinos islámicos que anualmente viaxan á Meca e que pode manexar 80 000 pasaxeiros ao mesmo tempo.

Bandeira de Arabia Saudita

A bandeira de Arabia Saudita foi adoptada, coa súa forma actual, o 15 de marzo de 1973, aínda que se usa dende 1932. É de cor verde e no centro móstrase unha espada en disposición horizontal subliñando o texto, que simboliza a vitoria de Ibn Saud, e unha inscrición en árabe (con escritura thuluth) da shahada ou profesión de fe (un dos cinco alicerces do islam), que di:

لا إله إلا الله محمد رسول ال

lā ’ilāha ’illa-llāh muḥammadun rasūlu-llāh

"Dou fe de que non hai máis divindade que Alá e Mahoma é o mensaxeiro de Alá"

Emiratos Árabes Unidos

Os Emiratos Árabes Unidos son unha federación de emiratos situados na Península de Arabia. Limitan ó norte con Qatar e co Golfo Pérsico; ó leste co Golfo de Omán e Omán; e ó sur e oeste con Arabia Saudita. A súa planicie costeira é estéril e fúndese co deserto arábico. A federación está integrada por 7 emiratos (imarat; singular - imarah)

Faysal bin Abdelaziz Al Saud

Faysal bin Abdelaziz Al Saud (en árabe فيصل بن عبدالعزيز آل سعود), tamén chamado Faisal ibn Abd al-Aziz, nado en Riad probábelmente en 1906 e finado o 25 de marzo de 1975, foi o cuarto fillo de Ibn Saud e o terceiro rei de Arabia Saudita.

Fronteira

Unha fronteira define o límite xeográfico de entidades políticas ou xurisdicionais, tales como gobernos, estados, ou tamén subdivisións administrativas de tales estados ou países.

Antigamente, moitas fronteiras non estaban definidas claramente por liñas, senón por zonas neutrais chamadas "marcas" (así a "Marca Hispánica" de Carlomagno). Isto aínda se reflectía en tempos recentes nas zonas neutrais establecidas nas fronteiras de Arabia Saudita con Kuwait e Iraq (aínda que xa non existen tales zonas).

A maioría dos países contan con algunha forma de control de fronteiras, de cara a restrinxir o movemento de persoas, animais e/ou mercadorías, ben para entrar ou ben (ou tamén) para saír do país. Para cruzar as fronteiras son entón necesarios pasaportes e visados, ou outras formas de documento de identidade. Para a permanencia máis alá de certo tempo dentro de fronteiras de países estranxeiros, é posible que sexa necesario documentos especiais de inmigración ou permisos que autoricen tal estadía.

Golfo de Aqaba

O golfo de Aqaba (en árabe: Bahr el-Akabah), tamén chamado de golfo de Eilat, consiste da baía nordeste do mar Vermello e separa a Arabia da Península do Sinaí.

Os países bañados polo golfo de Aqaba son o Exipto, Israel, Xordania (a cidade de Aqaba fica na Xordania) e mais a Arabia Saudita.

A baía ten unha extensión duns 175 km, no seu lugar máis amplo mede 29 km. A maior profundidade acada os 1.827 m.

A baía está considerada como un excelente lugar para o mergullo.

Guerra do Golfo

A chamada guerra do Golfo Pérsico ou simplemente guerra do Golfo foi a guerra que de 1990 a 1991 enfrontou a Iraq e a unha coalición internacional, composta por 34 estados e liderada por Estados Unidos de América, como resposta á invasión e anexión de Iraq do emirato de Kuwait. Tamén é coñecida como Operación Treboada do deserto, nome da campaña liderada por Estados Unidos para liberar Kuwait. En Iraq, a guerra é con frecuencia chamada simplemente Um M'aārak ("A nai de tódalas batallas").

En xullo de 1990, Saddam Hussein, presidente do Iraq, acusou a Kuwait de causar a caída dos prezos do petróleo e retomou antigas cuestíons de límites, alén de esixir indemnizacións. Como Kuwait non cedeu, o 2 de agosto de 1990, tropas iraquís invadiron Kuwait, coa esixencia do presidente Saddam Hussein de controlar os seus vastos e valiosos campos de petróleo. Este acontecemento provocou a inmediata sanción económica por parte das Nacións Unidas. As hostilidades comezaron en xaneiro de 1991, dando como resultado unha crucial vitoria para as forzas da coalición, o cal conduciu a que as tropas iraquís abandonaran Kuwait deixando un saldo moi alto de vítimas humanas. As principais batallas foron combates aéreos e terrestres dentro de Iraq, Kuwait, e a fronteira de Arabia Saudita. A guerra non se expandiu fóra da zona de Iraq-Kuwait-Arabia, aínda que algúns mísiles iraquís chegaron a cidades israelís. As causas da guerra, e incluso o seu nome, son aínda temas de controversia.

Iemen

O Iemen é un país árabe que ocupa o extremo suroeste da Península da Arabia. Limita ao norte coa Arabia Saudita, ao leste co Omán, ao sur co mar de Arabia e mailo golfo de Adén, e a oeste polo estreito de Bab el-Mandeb e polo mar Vermello. O Iemen inclúe tamén algunhas illas situadas ó longo do chamado Corno de África, das cales a máis grande é Socotora.

Jamal Khashoggi

Jamal Ahmad Khashoggi (en árabe, جمال خاشقجي jamāl ḵāšuqji) nado o 13 de outubro de 1958 e finado o 2 de outubro de 2018, foi un xornalista de orixe saudí.

Jeddah

Jeddah[Cómpre referencia] ou Xida (árabe: جدة‎, Jiddah ou Jaddah) é unha cidade de Arabia Saudita, situada na rexión do Hiyaz, na costa oeste da Península de Arabia. Importante porto de mar, en 1924 foi conquistado polos sauditas anexionado ó seu reino.

A poboación de Jeddah é de 3 400 000 habitantes no centro urbano e na área metropolitana viven uns 3 800 000. Está entre as cen áreas metropolitanas máis poboadas do mundo.

Lingua árabe

O árabe (العربية al-'arabiyyah, ou menos formalmente 'arabi), tamén chamado arábigo ou arábico, é a lingua máis falada dentro da rama semítica das linguas afroasiáticas, e está intimamente relacionada co hebreo e o arameo. Fálase ó longo do mundo árabe e é moi coñecida e estudada dentro do mundo islámico. O árabe leva sendo unha lingua literaria dende, polo menos, o sexto século, e é a lingua litúrxica do islam.

O termo "árabe" pode referirse tanto ó árabe literario, que non é falado como lingua materna por ningún árabe, como ó árabe moderno estándar, ou ás diferentes variedades do árabe, xeralmente chamadas "árabe coloquial". Os árabes consideran o árabe literario a lingua estándar, e adoitan ver o resto como simples dialectos.

O árabe literario refírese tanto á lingua utilizada polos medios de comunicación do Magreb e os do Oriente Medio, como á lingua, máis arcarca, do Corán. O árabe coloquial, pola súa banda, refírese ós diferentes dialectos falados polos habitantes das zonas arriba referidas de forma habitual. En moitas ocasións, son diferentes entre os distintos lugares de tal forma que o falante dun concreto dialecto do árabe pode non comprender outro dialecto. Xeralmente, estes dialectos non son linguas literarias, pero nalgúns hai algunhas pequenas mostras de literatura.

A situación sociolingüística actual do árabe é un claro exemplo de diglosia (o uso normal de dúas diferentes variedades da mesma lingua, dependendo da situación na que a persoa se atope). Todo árabe culto adoita falar tanto o seu dialecto local como o árabe estándar, que aprendeu na escola. Este último adoita ser utilizado en situacións de comunicación con falantes doutros dialectos arábigos (por exemplo, un marroquí a falar cun sirio).

Xa que o árabe escrito de hoxe en día é substancialmente diferente do árabe dos tempos do Corán, é normal (nos países occidentais) referirse a esta última coma árabe clásico e á lingua actual dos medios de comunicación como árabe moderno estándar. Os árabes, pola contra, utilizan o termo Fuṣḥa para referirse a ámbalas dúas, poñendo énfase no seu grande parecido.

Ás veces, é difícil traducir conceptos islámicos, e outros relacionados coa cultura árabe, sen utilizar a terminoloxía árabe. o Corán está expresado en árabe e, tradicionalmente, os musulmáns sosteñen que é imposible traducilo a ninguna lingua dunha forma que todo o seu significado se manteña. De feito, ata hai pouco tempo, moitas escolas de pensamento afirmaron que non se debería traducir de ningunha forma.

O galego posúe gran cantidade de palabras derivadas do árabe: azucre, laranxa, limón, álxebra, alcol, cénit etc.

Medina

Medina (en árabe: المدينة, "al-Madīnah") é unha cidade da Arabia Saudita. Localízase no oeste do país, na rexión do Hixas. Ten preto de 855 000 habitantes.

É unha das cidades santas do islam. Ata 622, cando o profeta Mahoma entrou na cidade, designábase Yathrib.[Cómpre referencia]

Omán

Omán é un país situado no extremo oriental da Península da Arabia. Está constituído por dous territorios descontinuos: o máis pequeno é a Península de Musandam e mailos territorios veciños, no Estreito de Ormuz, separados do resto de Omán polos Emiratos Árabes Unidos. O resto e meirande parte do país está á sueste da Arabia Saudita. A cidade de Madha forma un enclave no territorio dos Emiratos Árabes Unidos.

Riad

Riad[Cómpre referencia] (en árabe الرياض ar-Riyāḍ, «Xardíns») é a capital e maior cidade de Arabia Saudita. Situada no centro da península arábiga, no medio dunha rexión semidesértica, tivo a súa orixe coma oasis en época preislámica, pero o seu desenvolvemento e importancia veu coa elección do lugar pola dinastía saud coma sede capital no 1824.

Despois de 1940, a riqueza xerada pola explotación das enormes reservas petrolíferas do país, ten convertido a súa capital nunha metrópole que se achega aos 4.600.000 de habitantes (2008 est.).

Saudia

Saudia (árabe: السعودية‎‎ as-Suʿūdiyyah), tamén coñecida como Saudi Arabian Airlines (الخطوط الجوية العربية السعودية), é a aeroliña nacional de Arabia Saudí con sede en Jeddah. A súa principal base de operacións atópase no aeroporto Internacional Rei Abdulaziz, ademais de ter centros de conexión secundarios no aeroporto Internacional Rei Khalid de Riad e no aeroporto Internacional Rei Fahd de Dammam. É a terceira aeroliña máis grande de Oriente Medio en termos de beneficios, tras Emirates e Qatar Airways. Realiza voos regulares domésticos e internacionais a uns 120 destinos de Oriente Medio, África, Asia, Europa e Norteamérica. Saudia é membro da Organización de Aeroliñas Árabes e uníuse á alianza SkyTeam o 29 de maio de 2012.

Selección de fútbol de Arabia Saudita

A selección de fútbol de Arabia Saudita (en árabe: منتخب المملكة العربية السعودية لكرة القدم‎) é o equipo representativo do país nas competicións oficiais. A súa organización está a cargo da Federación de Fútbol de Arabia Saudita, pertencente á AFC.

Pódese dicir que é un dos equipos máis fortes de Asia, xa que gañou en tres ocasiones a Copa Asiática. O seu país organizara a primeira Copa FIFA Confederacións en 1992. Chegou a ser subcampión perdendo con Arxentina. A súa mellor actuación internacional tívoa na Copa Mundial de Fútbol de 1994 ó clasificar a oitavos de final, sendo até agora o único país árabe asiático en chegar a esa instancia e xunto a Marrocos e Alxeria, dos árabes en xeral. Porén, nas edicións posteriores caeu nas primeiras roldas como na Copa Mundial de Fútbol de 2002 que no seu partido inaugural, caeu 0:8 con Alemaña.

Países
Países con parte asiática
Membros
Observadores
Membro dun acordo bilateral de cooperación

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.