Apocalipse

O Libro de Revelación ou da Apocalipse[1][2][3][4] é un texto atribuído tradicionalmente a Xoán o Evanxelista, que recolle, en forma das visión típicas da literatura apocalíptica, unha reflexión sobre a situación da primeira igrexa cristiá nos tempos do Imperio Romano e unha mensaxe de esperanza para os cristiáns.

O termo Apocalipse vén do grego ἀποκάλυψις, que vén de ἀποκαλύπτειν apocaliptein, literalmente descorrer unha cortina, ou revelar, pola que tamén moitas igrexas cristiás o coñecen como Libro da Revelación.

Pantocrator del pórtico de la Gloria en Santiago de Compostela
Pórtico da Gloria en Compostela: Cristo rodeado dos "catro viventes" e do coro dos anciáns tal como recolle a visión da Apocalipse.

Autor e data de composición

Tradicionalmente considerouse que o apóstolo Xoán era o autor deste libro, como do resto do Corpus Xoánico.[Cómpre referencia]

O autor preséntase a si mesmo nos primeiros versículos do libro. "Eu, Xoán, voso irmán e compañeiro no sufrimento, no Reino e na esperanza en Xesús, estaba na illa chamada Patmos por cousa da Palabra de Deus e do testemuño de Xesús. Caín en arroubo o día do Señor e oín detrás miña un berro forte, coma dunha trompeta, que dicía: "o que vas ver escríbeo..." (Ap 1, 9-11).

O estudo da linguaxe do libro, escrito en grego, fala dun autor que enche o texto de arameismos, e que usa construcións sintácticas semitas. Escribe en grego pero pensa en arameo. O libro ten moitas citas do Antigo Testamento pero, en contra do que pasa con outros libros do Novo Testamento, as citas fanse sempre seguindo versións hebreas e non a da Biblia dos Setenta.

Tamén é certo que o autor nunca se chama a si mesmo "Apóstolo", por outra parte os Pais da Igrexa non son unánimes á hora de atribuírlle o libro ao apóstolo. Seguramente hai que concluír, como pasa co resto do corpus xoánico, que o libro nace na comunidade que tiña ao apóstolo Xoán como fundador e guía.[Cómpre referencia]

Notas

  1. Enciclopedia Galega Universal 2. Ir Indo. 1999-2002. p. 112. ISBN 84-7680-288-9.: apocalipse (< lat apocalipsis < gr ἀποκάλυψις 'revelación') [port: apocalipse; cast: apocalipsis; ing: apocalypse] 1 s f RELIX Revelación dos acontecementos da fin do mundo presente na tradición relixiosa xudeu-cristiá. O mito da apocalipse, que culmina coa Gloria de Deus, é propio da mentalidade do pobo xudeu…
  2. Diciopedia do século 21 1. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 168.: Apocalipse2 (do gr. apokálypsis, 'revelación', polo lat. apocalypse) m. Último libro do Novo Testamento, atribuído ao apóstolo San Xoán, que trata sobre a vinda do Anticristo e a fin do mundo.
  3. Diccionario enciclopédico galego universal 4. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 127. ISBN 84-7680-429-6.: apocalipse 1 s f RELIX Revelación dos acontecementos da fin do mundo presente na tradición relixiosa xudeu-cristiá…
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para apocalipse.

Véxase tamén

Outros artigos

Albrecht Dürer

Alberto Durero ou Albrecht Dürer, nado en Núremberg o 21 de maio de 1471 e finado na mesma cidade o 6 de abril de 1528, foi un pintor, gravador e matemático alemán. As súas impresións estableceron a súa reputación por toda Europa cando aínda non cumprira os 30 anos, e foi tradicionalmente considerado xa dende entón como un dos máis importantes artistas do renacemento nórdico. A súa vasta obra abrangue retablos e traballos relixiosos, numerosos retratos e autorretratos e gravados en cobre e madeira. Exerceu unha decisiva influencia nos artistas do século XVI, tanto alemáns coma dos Países Baixos, e chegou a ser admirado por mestres italianos como Rafael Sanzio. Os seus gravados alcanzaron gran difusión e inspiraron a múltiples artistas posteriores, incluíndo os nazarenos do século XIX e os expresionistas alemáns de principios do século XX.

As súas obras máis amplamente coñecidas son a Apocalipse de 1498 e as súas dúas series da crucifixión de Cristo, a Gran Paixón (1498–1510) e a Pequena Paixón (1510–1511).

Dürer amosaba un dominio completo das distintas técnicas do gravado, abundante coñecemento da mitoloxía fantástica e unha factura minuciosa e detallada na que empregaba unha coidada perspectiva e ricos efectos de luz e sombra. Os seus intereses, consonte o espírito humanista do Renacemento, abranguían outros campos, como a xeografía, a arquitectura, a xeometría e a fortificación.Como pintor, a súa formación no gótico serodio fixo que amosase unha tendencia á dureza e á expresividade, así como un gran virtuosismo formal. Nas súas viaxes a Italia interesouse polas preocupacións teóricas da perspectiva e as proporcións do corpo humano.

Anxo (cristianismo)

Na relixión, un anxo é un ser espiritual que asiste e serve ao Deus ou deuses dalgunhas relixións tradicionais. Ademais adoita ser unha figura oposta aos demos.

Apocalipse (homónimos)

O termo Apocalipse pode facer referencia a:

Apocalipse, derradeiro libro do Novo Testamento.

Apocalipse Z, triloxía literaria en castelá de Manel Loureiro.

Apocalypse Now, filme sobre a Guerra de Vietnam, de Francis Ford Coppola.

Apocalipse Z

Apocalipse Z é unha triloxía literaria en lingua castelá do autor pontevedrés Manel Loureiro, formada polas seguintes novelas:

Apocalipse Z. O comezo da fin (2007);

Apocalipse Z. Os días escuros (2009);

Apocalipse Z. A ira dos xustos (2010).

Apocalipse Z. Os días escuros

Apocalipse Z. Os días escuros é unha novela de literatura fantástica en lingua castelá de Manel Loureiro, publicada en 2010 por Plaza&Janés. Foi traducida ao galego por Tomás González Ahola, e publicada en 2014 por Urco Editora. É a segunda parte da triloxía Apocalipse Z.

Arcanxo

Un arcanxo é un dos nove coros da xerarquía nas relixións xudía, cristiá e islámica, sendo unha categoría de anxos. Os arcanxos son os penúltimos, antes dos propios anxos (tal e como indica o prefixo arc, que significa superior).

Arcanxo Miguel

O arcanxo Miguel (en hebreo: מיכאל Migha-El, "Quen coma Deus?" en árabe: ميخائيل Mījā'īl; en grego: Μιχαήλ Mikhaíl; en latín: Michael); é o Xefe dos Exércitos de Deus nas relixións xudía, islámica e cristiá (Igrexas Católica, Ortodoxa, Copta e Anglicana).

Para os hebreos é o protector de Israel e patrón da sinagoga. A Igrexa Católica considérao como patrón e protector da Igrexa Universal; e o primeiro dos sete arcanxos, xunto con Gabriel e Rafael. Supostamente tocará a trompeta o día do arrebatamento (1° Tesalonicenses 4, 16), e é o encargado de frustrar a Lucifer ou Satanás, inimigo principal de Miguel por ser o arcanxo dos anxos caídos ou do mal (Apocalipse 12:7). Por iso, na arte represéntase coma un anxo con armadura de xeneral romano, ameazando cunha lanza ou espada a un demo ou dragón. Tamén adoita ser representado pesando as almas na balanza, pois segundo a tradición, el tomaría parte no Xuízo final, imaxe inspirada no Xuízo de Anubis do Antigo Exipto e recibe o nome de psicostasia.

Biblia

A Biblia é o libro que o cristianismo trata como inspirado directamente por Deus. A palabra vén do grego (lingua en que foi escrito o Novo Testamento) «τα βιβλία» tà biblía, ou sexa, os libros. O plural xustifícase, xa que a Biblia non é un libro soamente, senón unha biblioteca composta de 66 libros, sendo 39 pertencentes ao Antigo Testamento e 27 ao Novo Testamento.

Corpus Xoánico

O Corpus Xoánico é o nome co que se coñece aos libros do Novo Testamento que teñen como autor, ou que se atribúe como autor, a Xoán o Evanxelista.

Evanxeo de Xoán

O Evanxeo de Xoán é un libro da Biblia no Novo Testamento que contén a mensaxe de Xesucristo. O apóstolo Xoán o evanxelista é considerado tradicionalmente como o seu autor.

Evanxeos apócrifos

Os evanxeos apócrifos son escritos redactados e recompilados nos primeiros séculos do cristianismo que recollen ditos e feitos de Xesús de Nazaret, as súas ensinanzas, a natureza de Deus ou as ensinanzas dos Apóstolos e as súas vidas. Estes escritos non foron recoñecidos pola Igrexa Ortodoxa, a Igrexa Siríaca, a Igrexa Ortodoxa Copta, a Igrexa Apostólica Asiria, a Igrexa Apostólica Armenia, a Igrexa Etíope Tewahedo e a Igrexa Católica nin polo protestantismo como expresión da fe.

Libro de Isaías

O Libro de Isaías é un libro profético da Biblia, que contén a predicación do profeta Isaías e da súa escola.

Isaías é o primeiro e o máis extenso dos Profetas maiores. O libro é unha reflexión sobre a evolución política, relixiosa e histórica de Israel desde a reforma de Xosías ata a volta do desterro de Babilonia.

Novo Testamento

Novo Testamento (do grego: Διαθήκη Καινή, Diathéke Kainé) é o nome dado á colección de libros que compoñen a segunda parte da Biblia ou libro sagrado do cristianismo. Esta parte corresponde aos Evanxeos canónicos, segundo a tradición escritos por Mateo, Marcos, Lucas e Xoán, que relatan a vida de Xesús, xunto con diversos libros que describen os primeiros tempos do cristianismo e unha Apocalipse, a de Xoán.

O termo é unha tradución do latín, Novum Testamentum, á súa vez tradución do grego Ἡ Καινὴ Διαθήκη, Hê Kainê Diathêkê, significando "A Nova Alianza" ou Testamento. Foi orixinalmente usado polos primeiros cristiáns para describir as súas relacións con Deus (ver II Corintios 3:6-15; Hebreos 9:15-20) e posteriormente para designar o canon de escritos cristiáns, estabelecido progresivamente.

Os 27 libros do Novo Testamento foron escritos por varios autores en varias épocas e lugares. Ao contrario do Vello Testamento, o Novo foi escrito nun curto espazo de tempo, durante un século ou un pouco máis.

Pantocrátor

Na iconografía relixiosa cristiá, o termo pantocrátor aplícase para referirse a Deus pai omnipotente ou tamén a Cristo, como xuíz no Xuízo Final. O termo vén do grego pantokrátor -átoros, formado de pâs pantós, todo, e dun derivado de krátos, forza, poder, de onde o seu significado de todopoderoso. Na mitoloxía grega era un atributo de Zeus.

Representouse principalmente na arte bizantina e románica, na forma de Deus bendecindo ó espectador coa man dereita levantada; na man esquerda sostén o Libro dos Sete Selos (segundo a Apocalipse, cap. 5), cuxa apertura simboliza o comezo do Xuízo. Pode aparece-la figura completa, sentada no trono, ou só o busto. Cando representa a figura de Deus pai adoita mostra-lo fillo, Xesus, no colo.

Sexa como for, a figura inscríbese case sempre nun cerco oval en forma de améndoa, denominado mandorla, coas figuras dos catro evanxelistas ó redor formando o tetramorfo: Mateo (home), Marcos (león), Lucas (boi) e Xoán (aguia).

Nas igrexas cristiás pode aparecer esculpido no tímpano da portada ou pintado na bóveda da ábsida.

Satanás

Satanás ou Satán é o termo polo que as relixións abrahámicas designan unha entidade suprasensible que representa a encarnación suprema do Mal.

O termo procede do latín satāna, e este á súa vez do arameo שטנא shatán 'adversario', 'inimigo', 'acusador'; árabe شيطان shaitan, co significado de 'descarreirado', 'distante', ou ás veces 'diaño'.

Stigma

Chámase stigma (actualmente trazado Ϛ, ς) unha antiga ligadura do alfabeto grego que notaba o grupo /st/ e que só se conservou na escritura actual porque serve para a numeración alfabética milesia (onde equivale a 6).

Contrariamente ao que parece, stigma non é un sigma final grego (ς): en efecto, é a evolución da ligadura dun sigma lunar (C) cun tau (T) que, en uncial, se trazaba (CT) mentres que o sigma final é un sigma lunar dotado dun gancho final debido ao movemento do cálamo (ver Variante contextual para outros detalles). A ligadura simplificouse rapidamente en Ϛ. Así, podíase escribir Κωνσταντίνος ou Κωνϛαντίνος para Constantinos.

A causa dunha confusión co digamma (Ϝ), que se trazaba máis simplemente en uncial e logo na escritura cursiva), letra que o alfabeto só conservara porque permitía escribir o número 6 (ϝʹ), o stigma ( en uncial), de uso frecuente, veu substituír na Idade Media o digamma orixinal: en efecto, os dous caracteres trazábanse de maneira moi semellante.

Actualmente, stigma ao xa non empregarse como ligadura, vese substituída a miúdo polas dúas letras sigma e tau escritas un ao lado da outra: ςʹ = στʹ = 6. Exemplo célebre: o Número da Besta, na Apocalipse de Xoán, aparece como χξςʹ (khi, xi, stigma), que representa o valor 666.

Tomás González Ahola

Tomás González Ahola, nado en Vilaboa o 14 de febreiro de 1981, é un tradutor, escritor e editor galego.

Xoán o Evanxelista

San Xoán o Evanxelista foi un dos doce apóstolos de Xesús Cristo. Escribiu o Evanxeo de Xoán e as tres epístolas de Xoán. Atribúellese tamén o libro da Apocalipse.

Xuízo Final

O Xuízo Final ou o Día do Xuízo Final é a denominación relixiosa da fin do mundo, na que toda a humanidade será xulgada polos seus actos.

Nas crenzas cristiás é un día no que deus xulgará todos os seres humanos e creará a nova terra segundo a Apocalipse, a cal será gobernada polo mesmo deus dende a Nova Xerusalén. Esta crenza inspirou numerosas representacións artísticas.

Libros da Biblia
Divisións maiores
Canon
Máis divisións
Versións e Manuscritos
Véxase tamén

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.