Apiano

Apiano, nado en Alexandría cerca de 95 e finado cerca de 165,[1] en latín Appianus e en grego Ἀππιανός, ás veces citado como Apiano de Alexandría, foi un historiador grego con cidadanía romana, que viviu so os gobernos de Traxano, Hadriano e Antonino Pío.

Apiano
Nacementoc. 95
 Alexandría
Falecementoc. 165
 Roma
NacionalidadeRoma Antiga
EtniaGregos
Ocupaciónhistoriador, escritor e avogado

Traxectoria

Naceu arredor do ano 95 d.C en Alexandría (hoxe en Exipto). El mesmo conta que logo de cumprir diversas maxistraturas na provincia de Exipto, recalou en Roma cara ao 120, onde exerceu a avogacía, mantendo casos perante os emperadores. No 147 exerceu como procurador, posibelmente en Exipto mesmo, por recomendación do seu amigo Marco Cornelio Frontón. Este cargo de procurador só podía ser exercido por membros da clase, ou ordo, ecuestre.

Obra

A súa obra, Ῥωμαϊκά, coñecida como Historia Romana, en 24 libros, escrita en grego antes do ano 165, é máis ben unha colección de monografías que unha historia cohesionada. Nela efectúa unha narración sobre diversos pobos e territorios, desde as súas orixes ata a súa incorporación a Roma. Algúns dos libros completos e considerábeis fragmentos da obra chegaron até nós. Pese á falta de atractivo do seu estilo, a obra é valiosa, especialmente no que se refire ao período das guerras civís.

Notas

  1. "Appian, The Spanish Wars 14". livius.org. Consultado o 24-10-2018.
Batalla de Zama

A batalla de Zama, librada o 19 de outubro do 202 a.C., foi unha batalla decisiva da segunda guerra púnica. Nesta batalla o exército da República Romana, liderado por Publio Cornelio Escipión o Africano, derrotou as forzas de Cartago lideradas por Aníbal. Logo desta derrota, o senado de Cartago asinou un tratado de paz, rematando así unha guerra de case 20 anos.

Biblioteca Clásica Gredos

A Biblioteca Clásica Gredos é unha colección da editorial española Gredos composta por obras da cultura clásica grecorromana.

Cartago

Cartago (do fenicio Kart-Hadasht, ou Qrthdst, isto é «Nova Cidade», en árabe قرطاج (Qartax) ) é unha antiga cidade, orixinariamente unha colonia fenicia no norte en Tunisia, situada a leste do Lago de Tunes, preto do centro de Tunes. Foi unha potencia do mundo antigo, disputando con Roma o control do mar Mediterráneo. Desa disputa orixináronse as tres guerras púnicas, despois das cales Cartago foi destruída.

A antiga capital púnica é hoxe un barrio de Tunes e un sitio arqueolóxico e turístico importante, sendo clasificado Patrimonio Mundial pola UNESCO en 1979.

Dalmacia (provincia romana)

Dalmacia era unha provincia romana. O seu nome derívase do nome dunha tribo iliria chamados Dálmatas, que vivíron na zona central da costa oriental do mar Adriático durante o primeiro milenio a.C.

Abranguía a parte norte da actual Albania, gran parte de Croacia, Bosnia e Hercegovina, Montenegro, Kosovo e Serbia, así, cubrindo unha área significativamente maior que a actual rexión croata de Dalmacia. Orixinalmente esta rexión foi chamada Illyria (en grego) ou Illyricum (en latín).

Tras sufocar unha revolta, no ano 9, a provincia de Illyricum foi disolta e substituída por dúas provincias separadas: Dalmacia e Pannonia.

Dionisio de Halicarnaso

O grego Dionisio de Halicarnaso (Διονύσιος Ἀλεξάνδρου Ἁλικαρνᾱσσεύς: Dionisio fillo de Alexandre de Halicarnaso, nado ca. -60 e finado ca. -7, foi un historiador, crítico literario e profesor de retórica. Viviu en Roma na época de César Augusto.

Galaicos

Galaico é un termo actual derivado do latino gallaeci ou callaeci e do grego Καλλαϊκοί, que designaba un conxunto de pobos de cultura e lingua celtas ou celtizadas -sen que exista consenso entre os investigadores- do noroeste da Península Ibérica antes e durante o Imperio Romano. O termo gallaecus/gallaeco tamén designou, desde finais do Imperio de Occidente ata entrada a Idade Media, os habitantes de Gallaecia e Galicia, evolucionando lingüisticamente ata o xentilicio actual galego.

Aínda que poidamos falar dos galaicos durante a Idade Media, tradicionalmente o termo aplícase ao período previo á integración destes pobos no Imperio romano, servindo tamén como xentilicio culto para os habitantes da actual Galicia, do mesmo xeito que se empregan os cultismos galo, xermánico, anglosaxón ou luso, aos habitantes de Francia, Alemaña, Inglaterra e Portugal respectivamente.

Galicia

Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.

Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial dentro da provincia da Coruña. Galicia posúe 2 718 525 habitantes (2016), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol. Ten unha superficie de 29 574,4 km².

O concello máis poboado é o de Vigo con 292 817 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 215 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.

Guerra das Galias

A Guerra das Galias foi un conflito militar librado entre o procónsul romano Xulio César e as tribos galas entre o ano -58 e -51. No curso das mesmas, a República romana someteu á Galia, extenso país que abranguía dende o Mediterráneo ata a Canle da Mancha. Os romanos tamén realizaron incursións a Britania e Xermania, pero estas expedicións non chegaron a transformarse en invasións a grande escala. A Guerra das Galias culminou coa Batalla de Alesia en -52, onde os romanos puxeron fin á resistencia organizada dos galos. Esta decisiva vitoria romana supuxo a expansión da República romana sobre todo o territorio galo. As tropas empregadas durante esta campaña conformaron o exército co que o xeneral marchou sobre a capital da República.

Pese a que César xustificou esta invasión como unha acción defensiva preventiva, a maioría dos historiadores coinciden en que o principal motivo da campaña foi potenciar a carreira política do xeneral e cancelar as súas grandes débedas. Porén, ninguén pode obviar a importancia militar deste territorio para os romanos, que tiñan sufrido varios ataques por parte de tribos bárbaras que chegaron tanto da Galia como do norte francés. A conquista destes territorios permitiu a Roma asegurar a fronteira natural do río Rin.

Esta campaña militar é descrita extensamente polo propio Xulio César na súa obra De bello Gallico (traducida ó galego no 2019 por Alfonso Blanco Quintela baixo o título A guerra da Galia, fonte histórica de maior importancia sobre esta campaña e obra máis importante do xeneral. O libro é tamén unha obra mestra de propaganda política, xa que César estaba sumamente interesado en influír ós seus lectores en Roma.

Iberos

Os iberos son un conxunto de pobos que as fontes clásicas (Hecateo de Mileto, Rufo Festo Avieno, Heródoto, Estrabón etc.) identifican na costa oriental da Península Ibérica con este nome polo menos a partir do século VI a.C.: elisices, sordóns, ceretanos, airenosinos, andosinos, berxistanos, ausetanos, indixetes, castelanos, lacetanos, laietanos, cosetanos, ilerxetes, iacetanos, suesetanos, sedetanos, ilercavóns, edetanos, contestanos, oretanos, bastetanos e turdetanos.

Aínda que as fontes clásicas non sempre coinciden nos límites xeográficos precisos nin na enumeración de pobos concretos, parece que a lingua é o criterio fundamental que os identificaba como iberos a partir do punto de vista de gregos e romanos, posto que as inscricións en lingua ibérica aparecen sen entrar en detalles no territorio que as fontes clásicas asignan aos iberos: a zona costeira que vai a partir do sur do Languedoc-Rosellón ata Alacant, que penetra para o interior polo val do Ebro, polo val do Segura, gran parte da Mancha meridional e oriental ata o río Guadiana e polo val alto do Guadalquivir. A partir do punto de vista arqueolóxico actual, o concepto de cultura ibérica non é un patrón que se repite de forma uniforme en cada un dos pobos identificados como iberos, senón a suma das culturas individuais que a miúdo presentan trazos similares, pero que se diferencian claramente noutros e que ás veces comparten con pobos non identificados como iberos.

Imperio Cuxano

O Imperio cuxano ou Cuxana (arredor dos séculos I e III) foi un estado que, no cumio do seu poder (entre 105 e 250) se estendeu dende Taxiquistán ao Mar Caspio e polo Afganistán ata o val do río Ganxes. O imperio foi creado por unha tribo dos Yuezhi, a chamada cuxán, pobo procedente da moderna Xinjiang, China e posiblemente relacionado cos tocarios. Tiveron contactos diplomáticos con Roma, a Persia sasánida e a China, e durante varios séculos estiveron no centro dos intercambios entre Oriente e Occidente.

Literatura grega

A literatura grega é aquela que foi escrita por autores autóctonos de Grecia e áreas xeográficas de influencia grega. Estas obras están frecuentemente compostas nalgún dos dialectos gregos, pero non necesariamente. Esténdese ao longo de todos os períodos históricos nos que existiron escritores gregos.

Lucio Licinio Lúculo

Lucio Licinio Lúculo (en latín, Lucius Licinius Lucullus; nado polo 118 a. C. e finado polo 56 a. C., foi un destacado político e militar romano do século I a. C. Combateu ás ordes de Sila na Guerra Social e a Primeira Guerra Mitridática, e apoiouno na Primeira Guerra Civil, foi cónsul no ano 74 a. C. e venceu a Mitrídates VI de Ponto na Terceira Guerra Mitridática, en Asia Menor.

Marco Antonio

Marco Antonio, en latín Marcus Antonius, foi un militar e político romano da época final da República (Roma, circa 83 a.C. - Alexandría, 30 a.C.). Foi un importante colaborador de Xulio César, como comandante militar e administrador. Tralo asasinato de César, coligouse con Octavio e Lépido para formar o Segundo Triunvirato (43 - 33 a.C.). O triunvirato disolveuse no ano 33 a.C. e, apartado Lépido da escena, as disensións entre Octaviano e Marco Antonio mudaron en aberta guerra civil no ano 31 a.C.; Marco Antonio, aliado coa raíña Cleopatra VII de Exipto, foi finalmente derrotado na batalla de Accio no ano 30 a.C., trala cal, ao seu regreso a Alexandría, suicidouse.

Moeda do reino do Ponto

A moeda do reino do Ponto comezou a cuñarse, previsiblemente, durante o período do rei póntico Mitrídates II (ca. 250-220 a. de C.), en plena época helenística, neste reino do norte da Asia Menor. As primeiras destas emisións imitaban as cuñaxes co busto de Alexandre o Grande, en tanto que as máis tardías se caracterizaron polo realismo dos retratos dos monarcas pónticos, cun estilo propio e illado da tradición helenística. Porén, Mitrídates V (ca. 150-120 a. de C. ) e o seu fillo Mitrídates VI (120-63 a. de C.) abandonaron parcialmente as influencias orientais nos retratos das súas moedas.As cecas pónticas experimentaron con novos metais e aliaxes para a cuñaxe, que durante o reinado de Mitrídates VI utilizaron o cobre puro e o latón (as primeiras da historia que se coñecen nesta aliaxe). Baixo ese reinado floreceron numerosos obradoiros monetarios, como resultado da expansión do imperio, e as súas emisións acadaron unha ampla aceptación en toda a área mediterránea oriental.

Retóxenes Caraunio

Retóxenes, alcumado Caraunio (en latín Rhetogenes Caraunius), finado en 133 a.C., foi recoñecido como o máis valente guerreiro da cidade arévaca de Numancia. Heroe da guerra dos celtiberos contra Roma, durante o cerco que Numancia sufriu baixo o xugo romano, eludiu o cerco para pedir axuda e morreu cando as tropas romanas entraban na mesma.

A súa actitude resistente fixo del un símbolo da loita polas súas terras e pola liberdade ante a ameaza de que os habitantes do seu pobo se convertesen de forma inevitábel en escravos baixo a dominación romana. Ao eludir o cerco romano, conseguiu chegar a Lutia, xa que as outras cidades ás que se pediu axuda (Termancia e Uxama) se negaron por medo ás represalias de Escipión Emiliano.

Os mozos de Lutia simpatizaron coa rebeldía de Retóxenes e decidiron prestarlle axuda pero os anciáns, medorentos das represalias que puidesen sufrir por parte dos romanos, decidiron informar a Escipión. Este marchou sobre Lutia e apresou a 400 homes novos, aos que mandou cortar a man dereita impedíndolles así levantar a súa espada contra Roma e morrer en combate de forma honrosa. Entre estes 400 homes, podíase atopar Retóxenes. Máis tarde déuselle morte e foi deixado fronte ás murallas da cidade numantina.

Roma quadrata

Roma Quadrata (en galego, 'Roma cadrada'), foi o nome que lle deron ao conxunto de aldeas latinas, etruscas e sabinas que vivían na beira do río Tíber e que formaron o que máis tarde se había chamar Roma. Esta cidade formouse no século -VIII aínda que a lenda a sitúa o 21 de abril de -753, data que marcaba o ano 1 do calendario romano. Tamén conta a lenda que a cidade foi fundada por Rómulo e Remo, matando o primeiro ao segundo, converténdose así no único soberano.

Porén, outros autores, a medio camiño entre a lenda e a realidade histórica documentada arqueoloxicamente, dan á Roma Quadrata outras tres definicións diferentes: a primeira corresponderíase con todo o outeiro do Palatino, como refiren Plutarco, Dionisio de Halicarnaso e Apiano, a segunda, a unha restrinxida zona monumental, limitada á área de Apollinis (zona do Templo de Apolo Palatino), que ocupaba unha pequena parte do Palatino e unha terceira, a un foxo (probabelmente non chegase a murus terreus), que rodeaba o Palatino.

Romanización de Galicia

Para o sistema de transliteración, ver romanización (lingüística)

A romanización o proceso polo que os territorios conquistados polo Imperio Romano ían adoptando os costumes, técnicas, relixión e finalmente idioma destes.

Xanthos

Este artigo fai referencia á cidade antiga de Xanthos, para outros Xanthos ver aquí Xanthos (homónimos)Xanthos (latín Xanthus) foi a capital de Licia e estaba situada próxima á desembocadura do río Xanthos. Os edificios principais eran o templo de Sarpedón e o de Apolo de Licia. Non demasiado lonxe estaba o santuario de Leto, á beira do río. O seu nome licio era Arñna, e os hititas coñecérona como Arinna.

A cidade foi atacada polo xeneral persa Harpago, ao servizo de Ciro II o grande. Os habitantes defendéronse heroicamente e finalmente queimaron a cidade antes de caeren en mans dos persas (sobre o -544 - -543). Máis tarde foi reconstruída e uns vinte anos despois emitíronse moedas na cidade. Foi incluída na primeira satrapía de Darío I de Persia, onde se coñece o imposto asignado. A arqueoloxía demostra que foi destruída outra vez durante as loitas entre persas e gregos sobre o -475 - -470, por uns ou outros ou por causas naturais, e unha vez máis foi reconstruída. Antes do -400 Xanthos incorporou Telmessos.

É mencionada como cidade de Licia por escritores gregos e romanos. Alexandre o Grande ocupou a cidade pero non está claro se pola forza (como di Apiano) ou voluntariamente (como di Flavio Arriano). Despois da morte de Alexandre pertenceu a Antígono do que pasou a Tolomeo I Sóter, e do que máis tarde pasou aos seléucidas, o -272 e o -188 foi incluída no reino de Pérgamo pola paz de Apamea. O -133 o reino de Pérgamo pasou a Roma por legado, e así Xanthos vai converterse en cidade romana.

Despois do asasinato de Xulio César a cidade foi atacada polo exército de Bruto, pero os habitantes resistiron e foi ocupada ao asalto, continuando a loita nas rúas e morrendo a maior parte antes de rendérense e quedando destruída a cidade polos incendios (sobre -42). Desta segunda destrución xa non se recuperou. Apiano di que foi reconstruída por Marco Antonio, pero en todo caso xa foi un lugar sen importancia.

As súas ruínas serían descubertas por Sir C. Fellows. Están próximas a Kinik e conteñen templos, tumbas, arcos triunfais, murallas, e teatro como elementos principais. Unha parte dos obxectos atopados serían levados a Inglaterra en 1842 e 1843 e están no Museo Británico.

Éfeso

Éfeso (grego Ephesos, latín Ephesus) foi unha das doce cidades de Xonia (hoxe en Turquía), preto da desembocadura do río Caistros, e á súa beira. Tiña un porto que se chamaba Panormos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.