Antoni Gaudí

Antoni Gaudí Cornet, nado en Reus ou en Riudoms[1] (Cataluña) o 25 de xuño de 1852 e finado en Barcelona, o 10 de xuño de 1926, foi un arquitecto catalán, recoñecido internacionalmente como un dos xenios máis relevantes da súa disciplina.[2][3] O seu estilo, moi complexo de clasificar, pódese definir como unha mestura entre o Art Nouveau (modernismo) e o Neogótico, aínda que elementos cubistas e surrealistas en xeral atópanse nalgunhas das súas obras.

A súa contribución á arquitectura é única e está considerado como un dos máximos expoñentes do modernismo.[4] Dende a súa nenez, Gaudí foi un atento observador da natureza, da cal lle atraían as formas, as cores e a xeometría. Católico confeso, moi reservado e profundamente catalanista, morreu despois de ser atropelado por un tranvía na cidade de Barcelona, lugar onde se atopaba a traballar na súa derradeira obra, o Templo expiatorio da Sagrada Familia, obra aínda en construción.[5]

Antoni Gaudí
Antoni gaudi
Antoni Gaudí i Cornet en 1878.
Nacemento25 de xuño de 1852
 Reus ou Riudoms, Cataluña Cataluña
Falecemento10 de xuño de 1926 (73 anos)
 Barcelona, Cataluña Cataluña
ÁreaArquitectura
MovementoModernismo
ObrasPalau Güell
Casa Milà
Cripta e fachada do Nacemento da Sagrada Familia
Casa Vicens
Casa Batlló
Cripta da Colònia Güell
Torre Figueres-Bellesguard
Sinatura
Signature Antoni Gaudí

A súa formación

Casa Milà
Casa Milá

Fixo os seus estudos de bacharelato nas Escolas Pies de Reus. Logo de rematar no Instituto trasladouse á cidade de Barcelona para estudar no Instituto de Ensino Medio e na Facultade de Ciencias. Neste tempo Antoni moraba co seu irmán en réxime de alugueiro nun barrio de Barcelona, preto da Igrexa de Santa María, a cal lle inspiraría partes do seu traballo posteriormente. Logo da súa estadía na Facultade de Ciencias, aprobou o exame de ingreso na Escola provincial de Arquitectura de Barcelona, onde se graduou en 1878, obtendo o título de Arquitecto.

Desenvolvemento

A súa vida profesional tivo lugar na meirande parte en Barcelona, cidade na que vivía por aquel entón. A primeira etapa da súa formación coincidiu cunha situación social caracterizada por un grande desenvolvemento económico e urbanístico da cidade. A puxanza dunha clase media con interese de parecerse ás tendencias da Europa naquel momento e o fenómeno da Renaixença fixeron de bos ingredientes para a imaxinación e orixinalidade do arquitecto.

Non debemos esquecer a grande influencia do seu colaborador, o tamén arquitecto J.M. Jujol, do cal provén, entre outras cousas, a característica tipografía que podemos observar nas obras gaudinianas.

A familia Güell

A vida e obra de Gaudí estiveron amplamente ligadas á familia Güell, de grande importancia e prestixio tanto no económico coma no artístico. O Conde Güell fixo de mecenas para un novo Gaudí, encomendándolle moitos dos seus edificios máis representarivos e coñecidos, como por exemplo o Palau Güell, a Cripta da Colonia Güell e o arquicoñecido Parc Güell entre outros traballos.

Familia e Relixiosidade

O propio Antoni estaba moi ligado á súa familia: de seu pai e de seu avó aprendeu parte do oficio de traballar o ferro, o cal usaría nalgunhas das súas obras, facendo extraordinarios elementos de carpintaría. Moi afectado pola morte dos seus pais e logo a morte de seu irmán, Gaudí foise facendo cada vez máis introvertido, concentrándose só no seu traballo e estudo. Fixo moita amizade cos altos cargos da Igrexa española daquel momento, sendo íntimo amigo do arcebispo de Astorga, onde pasou unha tempada da súa vida e onde se ocupou do deseño do Pazo Episcopal. Pero non foi esta a súa única obra dedicada á Igrexa, a Cripta da colonia Güell, a reforma da catedral de Mallorca e o colexio de Santa Teresa foron feitas pola práctica dunha das súas obsesións en vida, o Catolicismo.

Principais proxectos

Sagradafamilia-overview
A Sagrada Familia

Recoñecementos

O ano 2002 foi o ano Internacional dedicado Gaudí.

Notas

  1. Existe unha certa polémica sobre se naceu en Reus ou en Riudoms, localidade moi achegada a Reus, de onde era orixinaria a súa familia paterna. Ademais, gran parte dos especialistas inclínanse por Reus: «Gaudí naceu, segundo gran parte das versións, na rúa de Sant Joan, a carón da praza Prim de Reus». Gijs Van Hensbergen (2002), páx. 33-35.
  2. Álvarez Izquierdo, Rafael (1999). Gaudí: arquitecto de Dios (1852-1926) (en castelán). Palabra. pp. p.160. ISBN 848239360X.
  3. Genís Terri, Jaume (2009). Gaudí, entre l'arquitectura cristiana i l'art contemporani. L'Abadia de Montserrat. pp. p.138. ISBN 8498831997.
  4. D. Rodríguez (2008) pàg.53
  5. Gijs van Hensbergen (2002) páx. 301

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Bellesguard

A torre Bellesguard (bela vista en catalán), tamén coñecida como Casa Figueres, é unha casa modernista proxectada por Antoni Gaudí e construída entre 1900 e 1909 aos pés da montaña do Tibidabo, na rúa do mesmo nome, en Barcelona. A casa é de propiedade privada e non se pode visitar.

Gaudí estivo axudado polos seus colaboradores Domènec Sugrañes, que fixo os bancos de azulexos da porta de entrada, o arrimo da escaleira e a casa do porteiro; e Joan Rubió, que construíu o viaduto de desvío do camiño á leira.

Casa Amatller

A Casa Amatller é o segundo gran monumento modernista do Paseo de Gracia, en Barcelona, proxectado polo arquitecto Josep Puig i Cadafalch entre os anos 1898 e 1900. A causa da proximidade coa Casa Lleó Morera e coa Casa Batlló (de Antoni Gaudí), o lugar onde se localizan estes tres edificios modernistas tense denominado a Illa de la Discòrdia .

No ano 1898, o industrial chocolateiro Antoni Amatller quixo transformar un edificio vello de 1875, que comprara para trasladarse para el. O industrial encarregou as obras a Puig i Cadafalch, que apostou por darlle a aparencia dun pazo gótico urbano, cunha fachada plana e un patio central cunha escaleira que dá acceso ao andar principal, tendo en conta que o edificio había de ser habitado por diversas familias.

Puig i Cadafalch creou a Casa Amatller cunha lectura moi persoal do gótico, mesturando influencias do gótico catalán co gótico dos palacetes urbanos dos Países Baixos e Flandres; finalmente tamén están presentes os típicos detalles de inspiración medieval. O máis sorprendente do edificio é a fachada escalonada de reminiscencia nórdica, que lembra unha tableta clásica de chocolate.

O andar principal é un dos poucos de Barcelona que aínda conserva a riqueza ornamental e a atmosfera dourada e opulenta daquela burguesía do ensanche barcelonés.

Actualmente acolle as oficinas do Institut Amatller d'Art Hispànic.

Casa Batlló

A casa Batlló é unha obra feita polo arquitecto Antoni Gaudí, máximo representante do modernismo catalán. Trátase dunha remodelación integral dun edificio previamente existente no soar, obra de Emilio Sala Cortés. Está situado no número 43 do Passeig de Gràcia de Barcelona, a ancha avenida que atravesa o distrito do Eixample, na chamada “Mansana de la Discòrdia”, porque alberga ademais deste edificio outras obras de arquitectos modernistas: a casa Amatller, que linda coa de Gaudí, obra de Josep Puig i Cadafalch; a Casa Lleó Morera, obra de Lluís Domènech i Montaner; a Casa Mulleras, de Enric Sagnier i Villavecchia; e a Casa Josefina Bonet, de Marcel·lià Coquillat. A construción realizouse entre os anos 1904 e 1906.A Casa Batlló é un reflexo da madurez do arquitecto: pertence á súa etapa naturalista (primeira década do século XX), período en que o arquitecto perfecciona o seu estilo persoal, inspirándose nas formas orgánicas da natureza, para o que puxo en práctica toda unha serie de novas solucións estruturais orixinadas nas profundas análises efectuadas por Gaudí da xeometría regulada. A iso engade o artista catalán unha gran liberdade creativa e unha imaxinativa creación ornamental: partindo de certo barroquismo as súas obras adquiren gran riqueza estrutural, de formas e volumes desprovistos de rixidez racionalista ou de calquera premisa clásica.O edificio está aberto ao público e durante o ano 2018 recibiu 1 062 863 visitas, o que significa 79 000 menos que en 2017.

Casa Botines

A Casa Botines ou casa Fernández y Andrés é un edificio de estilo modernista, situado na cidade de León. Orixinalmente almacén comercial e residencia particular, foi construído e deseñado polo arquitecto catalán Antoni Gaudí entre 1891 e 1894, sendo esta unha das súas tres obras fóra de Cataluña, xunto ao Palacio Episcopal de Astorga e El Capricho de Comillas, en Cantabria.

Situado xunto ao palacio dos Guzmanes, sede da Deputación de León e xunto á praza de Santo Domingo, lugar de encontro entre o casco antigo e o ensanche, de estilo renacentista, foi restaurado en 1951, declarado Monumento Histórico en 1969, é na actualidade a sede de Caja España, entidade que o rehabilitou en 1996, actividade que lle valeu o premio Europa Nostra.

O nome de casa Botines deriva do apelido do fundador da sociedade, Joan Homs i Botinàs, empresario e comerciante asentado na capital leonesa, que dirixían Mariano Andrés Luna e Simón Fernández Fernández, responsables do encargo da casa a Antoni Gaudí.

Casa Calvet

A Casa Calvet é un edificio deseñado por Antoni Gaudí, un dos arquitectos máis salientables do modernismo catalán. Atópase no número 48 da rúa de Casp, no Eixample de Barcelona, e data do ano 1899. Está catalogada como Ben Cultural de Interese Nacional.

O edificio foi construído para Andreu Calvet, un fabricante téxtil, e serviu tanto para o negocio, ó cal destinou a planta baixa e o soto, como para vivendas, nos andares superiores.

A Casa Calvet está considerada a obra máis conservadora do arquitecto. Segundo os expertos, a explicación atópase no feito de que Gaudí tiña que encaixar o edificio entre outros preexistentes e tiña que ter en conta que estaría situado nun barrio elegante. A simetría, o equilibrio e a orde que caracterizan a Casa Calvet non son habituais na obra gaudiniana. Malia isto, pódense ollar elementos modernistas, como por exemplo os dos frontóns curvilíneos do acabado da fachada, o balcón con tribuna de vidro e forxados que sobresae por riba da entrada ou a forma dos outros balcóns. As columnas que flanquean a entrada lembran carretes de fío, e constitúen unha alusión ó negocio téxtil da familia Calvet.

Cómpre destacar tamén os bustos dos tres santos patróns de Vilassar de Dalt, de onde eran os Calvet: Pedro de Verona (na honra do pai do dono), Xenxo de Arles, o notario, e Xenxo de Roma o actor. Foi o primeiro edificio galardoado polo Concello no Concurso anual de edificios artísticos (1899).

Os traballos de forxa son obra de Josep Perpinyà.

Casa Milà

A Casa Milà, tamén coñecida como "La Pedrera", é un edificio modernista que se localiza no Paseo de Gracia de Barcelona, na esquina coa rúa de Provenza. Foi deseñada por Antoni Gaudí por encarga do comerciante Pere Milà i Camps, e foi construída entre os anos 1906 e 1910; foi moi polémica no seu momento, por mor das atrevidas formas onduladas da fachada de pedra e os ferros forxados retorcidos que decoran as balconadas e xanelas, deseñados en gran parte por Josep Maria Jujol, quen tamén proxectou algúns dos ceos rasos de xeso. No ano 1984 foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Actualmente é a sede da Fundació Catalunya-La Pedrera, a cal xestiona as diversas exposicións e actividades que se fan no seu interior.

Casa Vicens

A Casa Vicens é unha vivenda unifamiliar deseñada polo arquitecto Antoni Gaudí e construída por Manuel Vicens entre os anos 1883 e 1888. Foi o primeiro deseño de Gaudí, considerado tamén a súa primeira realización arquitectónica, e está situada na Carrer de les Carolines, 18-24, no Barrio de Gràcia da Barcelona.

No tempo da súa construción a Casa tiña un amplo xardín, unha fonte e unha glorieta, pero agora debido ao ensanchamento da rúa atópase encaixoada por outras edificacións. Este temperán proxecto amosa moitas influencias, sendo a máis notabel a Mudéxar, moi evidente na parte alta da casa onde as torres lembran os miraretes dos templos musulmáns. A obra está construída de pedra espida, ladrillos vermellos, tellas coloreadas, e reixas e celosías de ferro forxado, nas que os motivos principais son as flores de palmito e xirasol. Ao ser un dos seus primeiros proxectos, aínda non aparecen nel as liñas curvas tan típicas e coñecidas da arquitectura gaudiniana, senón que a liña recta é predominante en todo o edificio. Os ladrillos e as tellas viñan da fábrica de cerámica da que era dono Manuel Vicens, empresario que tivo algunhas dificultades económicas durante a construción e por iso o remate se prolongou un pouco máis do acordado.

Esta primeira obra de Gaudí non só amosa a relación entre a natureza e a arquitectura, senón que, debido ao momento no que foi feita, supón unha referencia para os vindeiros arquitectos modernistas cataláns e unha gran contribución para o estilo internacional que máis tarde se coñecería como Art Nouveau.

Comillas

Comillas é un concello de Cantabria, en España, pertencente á comarca da Costa Occidental. Tiña unha poboación de 2.267 habitantes en 2015.

Limita ao norte co mar Cantábrico, ao sur con Udías, ao leste con Ruiloba e Alfoz de Lloredo e ao oeste con Valdáliga.

Ademais de por os seus edificios medievais e barrocos, Comillas destaca por ser un dos poucos lugares fóra de Cataluña no que interviñeron artistas modernistas como Antoni Gaudí, sendo as súas obras abundantes e visibles por toda a vila.

A localidade dá nome á Universidade Pontificia de Comillas situada orixinalmente nesta vila cántabra ata o seu traslado a Madrid. Os antigos edificios da universidade son un dos mellores exemplos do modernismo da localidade.

La Salut

La Salut é un barrio do distrito de Gràcia, en Barcelona. Está situado nas ladeiras meridionais dos outeiros do Carmel e da Rovira.

La Salut é coñecida grazas ao Parc Güell de Antoni Gaudí, que é o límite da fronte de montaña do barrio.

Modernismo catalán

O modernismo catalán ou modernisme é un estilo arquitectónico que se desenvolveu en Cataluña (España) e principalmente en Barcelona, ao longo duns 50 anos, entre 1880 e 1930. Aínda que é parte dunha corrente xeral que xorde en toda Europa, en Cataluña adquire unha personalidade propia e diferenciada, e convértese no modernismo probablemente máis desenvolvido.

A finais do século XIX xorden en Europa tendencias arquitectónicas que rompen cos criterios tradicionais e buscan novas formas de edificaren con miras ao século XX, que dan gran relevancia á estética. Este movemento é consecuencia da Revolución Industrial, que foi arraigando nos diversos países, e dos avances derivados dela, como a electricidade, o ferrocarril e a máquina de vapor, que cambiaron de maneira total a forma de vivir da poboación e orixinaron un crecemento das cidades, nas que se foron establecendo industrias que rexentan un número crecente de burgueses. O modernismo é, pois, un estilo urbano e burgués.

O modernismo rexeita o estilo pouco atractivo da arquitectura industrial da primeira metade do século XIX, e desenvolve novos conceptos arquitectónicos baseados na Natureza, que consisten nos materiais de construción que se empregan, nas formas dos edificios e nas figuras das súas fachadas. Os arquitectos e os seus escultores colocan no exterior dos edificios paxaros, bolboretas, follas e flores a modo de elementos decorativos, xa sexa como figuras encostadas ou como adorno da pedra ou cerámica. Tamén son penduradas figuras de tamaño maior, animais fabulosos ou persoas, e nas cornixas elementos de cerámica de cor. As fiestras e os balcóns dispoñen de reixas de ferro forxado, que son labradas artisticamente e conteñen motivos inspirados na Natureza.

O desenvolvemento do modernismo é fomentado en Cataluña pola burguesía, que se sente catalá e é culta e sensible á arte. Esta burguesía ve nesta nova arquitectura o xeito de satisfacer as súas ansias de modernización, de expresar a súa identidade catalá, e de pór de manifesto de xeito discreto a súa riqueza e a súa distinción.

Foron máis de 100 arquitectos os que realizaron edificios de estilo modernista catalán. Destacando entre eles sobre todo tres: Antoni Gaudí, Lluís Domènech i Montaner e Josep Puig i Cadafalch.

Algunhas das obras do Modernismo catalán foron catalogadas pola UNESCO como Patrimonio Cultural da Humanidade:

de Lluís Domènech i Montaner:Palau de la Música Catalana en Barcelona;

Hospital de Sant Pau en Barcelona;

de Antoni Gaudí:Parque Güell en Barcelona;

Palau Güell en Barcelona;

Fachada da Natividade e cripta no Templo expiatorio da Sagrada Familia en Barcelona;

Casa Batlló en Barcelona;

Casa Milá en Barcelona;

Casa Vicens en Barcelona;

Cripta da Colonia Güell en Santa Coloma de Cervelló.O modernismo catalán expandiu a súa influencia noutras zonas de España, que como Cataluña, viviron un gran desenvolvemento económico a comezos do século XX. Destaca neste sentido o modernismo en Cartagena, fundamentalmente por obra do arquitecto catalán Víctor Beltrí.

Palacio Episcopal de Astorga

O Palacio Episcopal de Astorga é un edificio proxectado polo arquitecto modernista Antoni Gaudí. Está situado na cidade de Astorga, na provincia de León. A súa construción levouse a cabo entre 1889 e 1915.

Palau Güell

O Palau Güell (en galego: Pazo Güell) é un pazo da cidade de Barcelona, situado no Carrer Nou (Rúa Nova), en pleno barrio do Raval, moi preto da coñecida Rambla.

Sen dúbida unha das mellores (e menos coñecidas) obras de Antoni Gaudí, o Pazo Güell abarca unha ampla mostra de tódalas características máis salientables da súa Arquitectura, tanto nos aspectos máis superficiais (no bo senso do termo, referido á calidade dos remates dos paramentos) coma nos espaciais. A tecnoloxía construtiva da época mestúrase coa obra artesanal que partindo do ferro, o vidro e a cerámica principalmente van modelando un edificio que se erixe en exemplar pola súa organización e relación coa contorna.

Foi construído entre os anos 1886 e 1888 para o empresario Eusebi Güell, ó cal podemos considerar coma o principal mecenas da obra gaudiniana.

Os paramentos das fachadas, feitos con pedra do Garraf (procedente dunha das canteiras propiedade da familia Güell) están deseñadas dentro dunha idea compositiva orixinal dabondo (para a época en que se fixo) pero que non desentona en absoluto cos edificios tradicionais do barrio.

Parc Güell

O Parc Güell (en galego: Parque Güell) é un parque público con xardíns e elementos arquitectónicos situado na parte superior da cidade de Barcelona, en Cataluña.

É o resultado actual dunha fallida operación urbanística que tentaba crear unha cidade xardín ao estilo inglés de acordo coas tendencias do momento que procuraban o contacto coa natureza. Foi deseñado por Antoni Gaudí, máximo expoñente do modernismo catalán, por encargo do empresario Eusebi Güell.

Passeig de Gràcia

O Passeig de Gràcia (Paseo de Gràcia en galego) é a avenida principal de Barcelona e unha das avenidas máis famosas de España, debido á súa importancia turística, áreas comerciais, negocios e un grande escaparate de destacadas obras de arquitectura modernista, como as edificacións dos arquitectos Antoni Gaudí e Lluís Domènech i Montaner, declaradas Patrimonio da Humanidade. A avenida está situada na parte central da cidade, o Eixample barcelonés, e conecta a plaça de Catalunya no sur coa rúa Gran de Gràcia ao norte.

Pode ser parecida por popularidade á Avenida dos Campos Elisios de París, doutra banda é a segunda das rúas máis caras de España en referencia sobre todo ao alugamento, a nivel español precédelle a rúa Preciados de Madrid, que ocupa o primeiro posto.

Plaça Reial

A Plaça Reial (Praza Real) da cidade de Barcelona é unha praza pública de forma trapezoidal que linda con La Rambla e está situada no Barrio Gótico da cidade. Foi obra do arquitecto Daniel Molina.

Concibida como neoclasicista a mediados do século XIX sobre un tecido destruído da cidade, conta coa particularidade de que o seu ritmo clásico é subvertido, cambiando minimamente os espazos entre pilastras, para dar a impresión de que a praza é cuadrada. O arquitecto tamén tivo a sutileza de permitir a creación de pasaxes para conectar as rúas do tecido medieval que quedaran cortadas pola praza.

Antoni Gaudí deseñou uns farois para colocalos no medio da praza.

Sala das Cen Columnas

A Sala das Cen Columnas (en catalán: Sala de les Cent Columnes) ou sala hipóstila é unha especie de gran soportal formado por oitenta e seis columnas que sostén a gran praza do Parque Güell de Barcelona. Foi concibida por Antoni Gaudí para albergar o mercado dunha cidade residencial que xamais chegou a completarse.

Atópase entrando pola praza principal do parque, detrás das escaleiras da popular fonte do dragón.

Templo expiatorio da Sagrada Familia

O Templo Expiatorio da Sagrada Familia (en catalán: Temple Expiatori de la Sagrada Família), coñecido simplemente como Sagrada Familia, é unha basílica católica da cidade de Barcelona, obra non rematada do arquitecto Antoni Gaudí. Iniciada en 1882, é a obra máis importante de Gaudí e o máximo expoñente da arquitectura modernista catalá. Segundo datos do ano 2011, é o monumento máis visitado de España, con 3,2 millóns de visitantes, por riba do Museo do Prado (2,9 millóns) e da Alhambra de Granada (2,3). e é a igrexa máis visitada de Europa tras a basílica de San Pedro do Vaticano.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.