Antolín Faraldo

Antolín Faraldo Asorey, nado en Betanzos o 2 de setembro de 1822 e finado en Granada o 20 de xuño de 1853, foi un escritor e xornalista galego e un dos pais do movemento provincialista galego da primeira metade do século XIX e precursor do movemento literario.

Antolín Faraldo
Antolín Faraldo por Francisco Sobrino
Nacemento2 de setembro de 1823
 Betanzos
Falecemento20 de xuño de 1853
 Granada
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónescritor, xornalista e político

Traxectoria

Antolín era fillo de Feliciano Vicente Faraldo e de Francisca Asorey Canda. O seu pai, escribán, era un activo defensor do absolutismo, aspecto que influíu decisivamente na súa ideoloxía.

Estudou, pese aos graves problemas económicos que sufría a súa familia tralo falecemento da súa nai, na Universidade de Santiago de Compostela, obtendo o grao de Bacharel en Medicina en outubro de 1842. Era un gran apaixonado da historia e da lectura, así como un mozo implicado cos problemas do seu tempo, formando parte de múltiples movementos e asociacións públicas da época.

Recreocompostelano
Portada do nº 2 de El Recreo Compostelano, 26/1/1842.[1]

En 1842 incorpórase como xornalista ó xornal El Recreo Compostelano, que dirixía Antonio Neira de Mosquera, e do que pronto se convertería en redactor principal empregando o pseudónimo de Abenhumeya.

Participación na Revolución de 1846

Véxase tamén: Revolución de 1846.

Entre febreiro e outubro de 1845 funda e dirixe, xunto con José Rúa Figueroa e Antonio Romero Ortiz, El Porvenir. A revista, cuxo subtítulo era Revista de la Juventud Gallega, e que na súa cabeceira rezaba Todo para Galicia, serve a Faraldo de plataforma para expoñer o seu modelo político de Galicia, sempre mantendo unha liña liberal e rexionalista. O devandito modelo veríase plasmado coa súa participación na chamada Revolución de 1846, para a cal redacta o 15 de abril de 1846 a proclama de constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galicia, da que era secretario.

Fracasado o intento de revolución, o 26 de abril dese mesmo ano vese obrigado a exiliarse en Portugal, xunto a outros compañeiros, a bordo do buque Nervión. O 8 de setembro é condenado en rebeldía polo citado levantamento, aínda que ó ano seguinte lograría a amnistía, instalándose en Madrid. Alí dirixiu durante un breve período a publicación La Europa, para perderse despois a súa pista histórica ata o seu falecemento en Granada, á pronta idade de trinta anos.

Pensamento político

Busto de Antolín Faraldo en Betanzos
Busto de Faraldo en Betanzos, obra de 1995 do escultor Eduardo Rodríguez Osorio.[2]

Cunha Galicia en crise debido, principalmente, ó intenso centralismo aplicado pola monarquía borbónica, a visión provincialista de Faraldo supúxolle ser recoñecido por autores como Manuel Murguía como "o primeiro e o mellor" dos precursores do chamado Rexurdimento (en Los precursores, de 1886).[3]

O pensamento de Faraldo pode resumirse no seguinte parágrafo, extraído da citada proclama de constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galicia:

(Tradución do orixinal en castelán) Galicia, arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai levantarse da súa humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase constantemente á engrandecer o antigo reino de Galicia, dando proveitosa dirección ós numerosos elementos que atesoura no seu seo, levantando os cimentos dun porvir de gloria. Para conseguilo esforzarase constantemente en fomentar intereses materiais, crear costumes públicos, abrir as fontes naturais da súa riqueza, a agricultura, e o comercio, e poñer en harmonía coa época os hábitos e as ideas que deixou unha sociedade decrépita fundada sobre a ignorancia. Espertando o poderoso sentimento de provincialismo, e encamiñando á un só fin todos os talentos e todos os esforzos, chegará á conquistar Galicia a influencia de que é merecedora, colocándose no alto lugar á que está chamado o antigo reino dos suevos.

— Antolín Faraldo, [4]

A través das publicacións nas que colaboraba, Faraldo pretendía xerar na mocidade galega da época unha conciencia da problemática galega, e facíao baseándose no engrandecemento da súa historia, sen dúbida influenciado polo nacente espírito romántico. Nas súas propias palabras, entendía que a medida que Galicia sexa máis coñecida será máis respectada e admirada.

No entanto, o fracaso da Revolución de 1846 e o seu posterior exilio truncaron as súas ilusións políticas, que xa non se plasmarán nos textos por el escritos desde ese momento e ata o seu falecemento.

Notas

  1. El Recreo compostelano en Galiciana. Biblioteca de Galicia.
  2. Esculturas de Eduardo Osorio
  3. Los Precursores en Galiciana, Biblioteca de Galicia.
  4. Villares, Ramón (1991). Historia de Galicia. Biblioteca 114 (en castelán) II. El Correo Gallego. pp. 54–55. ISBN 84-85553-15.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

20 de xuño

O 20 de xuño é o 171º día do ano do calendario gregoriano e o 172º nos anos bisestos. Quedan 194 días para finalizar o ano.

2 de setembro

O 2 de setembro é o 245º día do ano do calendario gregoriano e o 246º nos anos bisestos. Quedan 120 días para finalizar o ano.

Academia Literaria de Santiago

A Academia Literaria de Santiago foi unha institución cultural decimonómica da cidade de Santiago de Compostela, plataforma de debates dos mozos provincialistas da xeración universitaria de 1846.

Asorey

O apelido galego Asorey procede do topónimo Asorei. Pode referirse a:

Antolín Faraldo Asorey, escritor e xornalista galego (1822-1853);

Francisco Asorey, escultor galego (1889-1961);

Baldomero Lois Asorey, psiquiatra galego (1900-1977);

Luciano Asorey, enxeñeiro industrial e político galego (n. 1943).

El Porvenir (1845)

El Porvenir foi un periódico que se publicou en Santiago de Compostela en 1845.

El Recreo Compostelano

El Recreo Compostelano foi un xornal quincenal galego en castelán, que se publicou entre 1842 e 1843 en Santiago de Compostela.

José Rúa Figueroa

José Rúa Figueroa, nado en Santiago de Compostela o 20 de maio de 1820 e falecido en Madrid o 22 de maio de 1855, foi un xornalista, revolucionario e escritor galego. Foi un dos pais do movemento provincialista en Galicia.

La Revolución (1846)

La Revolución, Periódico oficial de la Junta Superior de Galicia, foi un xornal galego en lingua castelán, que apareceu en 1846, órgano da Xunta Superior Provisional de Goberno de Galicia, do que só saíron tres números, redactado por Antolín Faraldo.

La Situación de Galicia

La Situación de Galicia foi un periódico editado en Santiago de Compostela entre 1842 e 1843.

Leopoldo Martínez Padín

Leopoldo Martínez Padín, nado en Tui o 21 de setembro de 1823 e finado en Madrid o 26 de marzo de 1850, foi un historiador, xornalista e poeta galego.

Miguel Solís

Miguel Solís Cuetos, nado en San Fernando (provincia de Cádiz) o 27 de marzo de 1816 e falecido en Carral o 26 de abril de 1846 foi un militar español.

Mártires de Carral

Coñécense como Mártires de Carral os militares sublevados en varios lugares de Galicia en 1846 contra o presidente Narváez que foron executados o 26 de abril na vila coruñesa de Carral.

Precursores

Denomínanse como precursores aqueles escritores que desenvolveron a súa actividade literaria entre os anos 1833 e 1863. Son as voces ilustradas e patrióticas dos galegos que denuncian a situación da lingua e a cultura galegas.[Cómpre referencia] A súa temática é máis próxima ao realismo xa que primordialmente reflicten acontecementos que lles toca vivir a eles e aos do seu redor. Reciben este nome por cumpriren o papel de iniciadores da literatura galega e o renacemento da súa cultura. Os precursores desenvolven órganos xornalistas na lingua galega e así prepararon o terreo para a chegada do Rexurdimento pleno.

Provincialismo galego

O provincialismo foi un movemento político galeguista que naceu ao redor de 1840 e tivo en 1846 un levantamento a causa dunha insurrección militar. Tiña como obxectivo a recuperación de Galicia como única provincia que mantivese a unidade administrativa, social, cultural e económica. Esta unidade rachárase coa división provincial de 1833, que rematara co reino de Galicia.

Revolución de 1846

Revolución de 1846, levantamento de 1846, pronunciamento de 1846 ou sublevación liberal de 1846, son os nomes que recibe o alzamento do coronel Miguel Solís o 2 de abril de 1846 en Lugo (ó que se uniron posteriormente A Coruña o día 5, Pontevedra o 9, e o día 10 Tui e Vigo) contra o goberno de Ramón María de Narváez. A conspiración foi dirixida desde A Coruña, impulsada por Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina e viúva do ministro Francisco Espoz y Mina; en Vigo foron Benigno Cid, Ramón Buch e Juan Nogueira, en contacto co exiliado Mártir Molíns; e en Ourense, algúns militares. Gerónimo Piñeiro de las Casas facía de correo entre eles, e fixaron a data do alzamento para o mes de abril.

Xunta Superior Provisional de Goberno de Galicia

A Junta Superior Provisional de Gobierno de Galicia ou Xunta Superior do Reino de Galiza foi un órgano extraordinario de goberno proclamado o 15 de abril de 1846 que pretendía iniciar unha sublevación xeral contra o goberno de Ramón Narváez y Campos. Encabezados polo comandante Miguel Solís e provincialistas como Antolín Faraldo, os acontecementos desembocaron no fusilamento dos sublevados coñecidos como Mártires de Carral.

O seu presidente foi Pío Rodríguez Terrazo. Antolín Faraldo foi o secretario e o director do voceiro: La Revolución. Periódico oficial de la Junta Superior de Galicia.O programa da Xunta era exclusivamente progresista-español, non mencionaba ningunha medida descentralizadora e non cuestionaba a división provincial de 1833.

Xunta de Galicia (homónimos)

Xunta de Galicia é o nome de varias estruturas nas que se organizou o poder político en Galicia ao longo da súa historia:

Xunta do Reino de Galicia, institución creada en 1528, que foi a representación do Reino de Galicia cando este formaba parte da Coroa de Castela, e que perdurou, con algunhas interrupcións, até a reforma liberal do Estado, en 1833. Era un organismo colectivo formado polos deputados das 7 cidades ou provincias (Santiago, Betanzos, A Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui) que se reunían para trataren asuntos relacionados co conxunto do Reino. A súa orixe non está clara, e hoxe en día acéptase que hai unha relación directa entre a Xunta e as reunións da Santa Irmandade, das que partiría o costume de manter reunións periódicas entre os representantes das principais cidades para resolver as cuestións relativas ao repartimento de tributos e ás levas militares.

Xunta Suprema do Reino de Galicia ou Xunta Suprema de Galicia, goberno realmente soberano de Galicia durante o ano 1808, ao comezo da Guerra da Independencia, cando Galicia era o único territorio do Reino de España libre (aínda) da presenza do exército francés, e que foi creada para dirixir a loita contra os franceses e manter a orde pública. A Xunta Suprema asumiu funcións militares, lexislativas e de relacións internacionais até a creación da Xunta Central Española.

Xunta Superior de Galicia, creada en decembro de 1809 en canto saíron de Galicia os franceses e se lle encargou, pola Xunta Central ao Capitán Xeneral de Galicia que recuperara o poder que tradicionalmente exercera. Nalgunhas atribucións foi a sucesora da Xunta Suprema (que desapareceu en decembro de 1808), pero sen nigún poder político, sendo máis ben unha delegación da Xunta Central no país.

Xunta Superior de Galicia, xunta que, en 1836, constituíron os carlistas galegos na Coruña, ao comezo da primeira guerra carlista.

Xunta Central de Galicia, constituída en 1843 (pouco despois da supresión da Xunta do Reino de Galicia) e presidida por Xosé Maria Suances, oposta á rexencia de Baldomero Espartero.

Xunta Superior de Galicia, organizada no curso da Revolución de 1846 impulsada por Miguel Solís e fundada en Santiago baixo a presidencia de Pío Rodríguez Terrazo e da que era secretario Antolín Faraldo; remataría co fusilamento dos Mártires de Carral (Solís incluído).

Xunta de Galicia, órgano do poder executivo de Galicia desde 1978, ao abeiro da Constitución española de 1978 e do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981, actualmente vixentes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.