Ano bisesto

O ano bisesto é aquel que posúe un día a máis cós anos comúns. O obxectivo é manter o calendario utilizado en sincronía cos eventos estacionais relacionados coas estacións do ano. No caso do calendario gregoriano, asígnaselle 1 día extra cada 4 anos no mes de febreiro, que pasa a ter 29 días (e o ano 366 días) en vez de 28 como nos anos comúns de 365 días, co fin de equilibrar a duración do ano solar co calendario.

Causa dos anos bisestos

Período de translación terrestre

A razón de que existan anos bisestos é que a Terra non tarda exactamente 365 días en dar a volta arredor do Sol, senón que tarda aproximadamente 365,25 días solares (1 ano trópico) (*). Pero como o ano común ten 365 días solares exactos, ese sobrante anual dunhas 6 horas representa case 1 día cada 4 anos, que se lle engade ao mes de febreiro por motivos históricos.

(*) a duración do ano trópico é lixeiramente menor (365,242190) e varía de ano en ano.

Razóns para corrixir o desfasamento

Se non houbese anos bisestos, as estacións do ano anticiparíanse gradualmente co pasar dos anos, debido á falta de sincronía entre o ano trópico e o ano estacional, ocasionando confusións en sectores como a agricultura. De feito iso aconteceu e foi a razón do paso do calendario xuliano ao calendario gregoriano.

Como saber se un ano é bisesto

No calendario gregoriano, o ano bisesto é aquel que é múltiplo de 4, excepto os múltiplos de 100 (que non son bisestos) que non sexan múltiplos de 400.

  • Son polo tanto bisestos:
  • Os múltiplos de 4 e non múltiplos de 100: 1996, 2004, 2008 e 2012
  • Os múltiplos de 400: 1600, 2000, 2400
  • Non son bisestos:
  • Os múltiplos de 100 e non de 400: 1700, 1800, 1900 e 2100

Curiosidades

Historia

Calendario xuliano

O calendario xuliano, implantado en 45 a. C. por Xulio César, tiña unha regra similar, aínda que máis simple que a actual, para definir os anos bisestos. Serían bisestos, sen excepción, todos os anos múltiplos de 4. A regra foi respectada ata o ano 1582, ano da implantación do calendario gregoriano. Entre 45 a. C. e 12 d. C. os anos bisestos existiron mais seguían outro mecanismo. Dese xeito, a duración media dun ano segundo o calendario xuliano (Tx) en días solares é:

  • Tx = 365 + 1/4 = 365,25

Como a duración media do ano no calendario xuliano (Tx) é maior que a duración do ano trópico, para que se manteña o axuste entre o ano estacional e o ano trópico, esa diferenza de 0,00781 día trae a necesidade de retirarmos 1 día do calendario anual a cada 128 anos. Polo tanto esa fórmula de corrección do ano bisesto acaba causando, a longo prazo, atrasos nas estacións do ano, ao contrario do que ocorrería se nada fose feito.

  • Anos para axuste de 1 día = 1 / 0,00781 = 128 anos

A pesar da existencia dese problema nada se fixo para corrixilo ata o 1582.

Calendario gregoriano

En 1582 o Papa Gregorio XIII implantou o calendario gregoriano. O obxectivo foi corrixir o atraso acumulado. Definiuse que o axuste debería ser feito de forma que o equinoccio de marzo caíse no día 21 daquel mes, o que estaba en conformidade co primeiro Primeiro Concilio de Nicea (ano 325). A verdade é que esa definición do equinoccio de marzo foi tamén en consonancia coa vontade da Igrexa católica de definir a conmemoración da Pascua cristiá en data diferente da Pascua xudaica (Pesach).

Entre 325 e 1582 pasaron 1257 anos, co cal acumuláronse, despois de 1257 anos, aproximadamente 10 días (9,82 días) de desfasamento. Polo tanto, en 1582, na transición entre os calendarios xuliano e o gregoriano, o día 4 de outubro foi seguido polo día 15 de outubro. Eses 10 días elimináronse do calendario de aquel ano.

Estableceuse para o calendario gregoriano que serían bisestos todos os anos múltiplos de 4, excepto se fose múltiplo de 100. Os múltiplos de 400 tamén son bisestos. Na práctica iso significa que hai 97 anos bisestos a cada 400 anos. Polo tanto a duración media dun ano de acordo co calendario gregoriano (Tg) é:

  • Tg = 365 + 1/4 - 1/100 + 1/400
  • Tg = 365 + 97/400
  • Tg = 365,2425

Entón a diferenza entre 1 ano trópico e un ano gregoriano (Tg) é:

  • Dg = ano trópico - Tg
  • Dg = 365,242190 - 365,242500
  • Dg = - 0,00031

Ou sexa, aínda hai un erro mais é moito menor que o proporcionado polas regras do calendario xuliano. Nesa nova regra adoptada polo calendario gregoriano o erro de 1 día de atraso ocorre só despois de máis de 3000 anos.

A orixe do nome bisesto

A orixe do nome bisesto ten relación co antigo calendario romano. Os romanos adoptaban nomes para os días. O primeiro día de cada mes chamábase Calendae. Os últimos días dun mes eran nomeados en relación a canto tempo faltaba para o primeiro día do mes seguinte. Así, o 7.° día antes do Calendae de marzo, o 6.° día antes do Calendae de marzo, o 5.° día antes do Calendae de marzo e así en diante. Na verdade non existía un 2.° día antes do Calendae. Iso ocorría de acordo co sistema de conta usado polos romanos o propio Calendae era o primeiro día. Entón o día antes do Calendae e o 2.° día antes do Calendae significaban a mesma cousa. Na práctica, facendo un paralelo entre o sistema usado polos romanos e o actual, o final do mes de febreiro presentaríase da seguinte forma:

7.° día antes do Calendae de marzo = 23 de febreiro
6.° día antes do Calendae de marzo = 24 de febreiro
5.° día antes do Calendae de marzo = 25 de febreiro
4.° día antes do Calendae de marzo = 26 de febreiro
3.° día antes do Calendae de marzo = 27 de febreiro
o día antes do Calendae de marzo = 28 de febreiro
Calendae de marzo = 1° de marzo

O calendario romano tiña unha peculiaridade: case sempre era necesario incluír un mes extra ou períodos variables de inverno para rematar o ano cun número de días arredor de 365. Na época da adopción do calendario xuliano, o romano tiña 355 días por ano, sen contar os extras. Cada 2 anos era necesario incluír un mes chamado Intercalaris de 22 ou 23 días para minimizar os problemas de sincronía deste sistema coas estacións do ano. Retrocedendo algúns séculos na historia, na época da introdución do calendario romano, ese mes extra estaba entre o 7° e o 6° día antes do Calendae de marzo pois nesta primeira versión, marzo era o primeiro mes do ano e os meses de xaneiro e febreiro non existían. Nada máis natural que colocar o Intercalaris antes do inicio do ano (equivalente a despois da fin do ano). Mesmo despois da primeira reforma do calendario romano que incluíu os meses de xaneiro e febreiro, o mes extra continuou antes do mes de marzo, dentro de febreiro. Xulio César, ao crear o seu calendario, mantivo o patrón para o día extra do ano bisesto, dobrando o entón chamado 6° día antes do Calendae de marzo. Facendo novamente un paralelo entre o calendario romano e o sistema actual, incluíndo o día extra do ano bisesto, temos:

7.° día antes do Calendae de marzo = 23 de febreiro
6.° día antes do Calendae de marzo = 24 de febreiro
6.° día antes do Calendae de marzo = 25 de febreiro
5.° día antes do Calendae de marzo = 26 de febreiro
4.° día antes do Calendae de marzo = 27 de febreiro
3.° día antes do Calendae de marzo = 28 de febreiro
o día antes do Calendae de marzo = 29 de febreiro
Calendae de marzo = 1 de marzo

O sexto día antes do Calendae duprícase. Por iso o nome é bisesto. E iso tamén explica o motivo de que o día extra do mes de febreiro sexa o 24.° e non o 29.°. Mais trátase de curiosidade histórica pois nin mesmo a igrexa católica segue esta convención actualmente. De feito, o día adicional é o 29.°.

Alternativas

  • Na década de 1920 as igrexas Ortodoxas do leste Europeo crearon un mecanismo diferente para determinar os anos bisestos. Substituíron o "divisible por 400 é bisesto" por "os anos que divididos por 900 presentaren resto da división igual a 200 ou 600 son bisestos". Iso significa que os anos de 1900, 2100, 2200, 2300, 2500, 2600, 2700, 2800 son comúns (non bisestos) e os anos 2000, 2400 e 2900 son bisestos. Iso non crea conflitos co resto do mundo ata o ano 2800. Na práctica significa que hai 218 anos bisestos por cada 900 anos, o que fai que a duración media do ano nese sistema sexa de 365,24222 días (365 + 218/900), o que é máis preciso que o adoptado polo calendario gregoriano.
  • O calendario gregoriano posúe 970 anos bisestos cada 4000 anos. Hai estudosos que defenden unha regra na cal haxa 969 anos bisestos en cada 4000 anos (365,24225). A media ficaría máis próxima da duración do ano trópico que no actual modelo. A regra consiste en excluír os anos múltiplos de 4000 como se fosen bisestos. Así como o método suxerido polas igrexas Ortodoxas do Leste Europeo, ese sistema é compatible co actual por moito tempo, ou sexa, pódese postergar ata preto do ano 4000 do calendario gregoriano para debater o asunto.

Véxase tamén

Ligazóns externas

1108

O ano 1108 foi un ano bisesto, que comezou en mércores, segundo o Calendario Xuliano.

2008

2008 foi un ano bisesto comezado en martes no calendario gregoriano.

Foi designado:

O Ano da rata, segundo o horóscopo chinés. O ano da rata chinés comezará o 7 de febreiro, ate esa data seguiremos no ano do porco.

Ano Internacional das Linguas.

Ano Internacional da Pataca, segundo a FAO.

Ano Internacional do Planeta Terra, pola ONU.

Ano Europeo do Dialogo Intercultural.

Ano Internacional do Saneamento.

2010

2010 (MMX) comezou un venres no calendario gregoriano, non sendo un ano bisesto. Foi ano santo xacobeo.

2012

2012 (MMXII) foi un ano bisesto comezado en domingo no calendario gregoriano.

2044

2044 (MMXXIV) será un ano bisesto comezado en venres no calendario gregoriano.

244

O ano 244 (CCXLIV) foi un ano bisesto comenzado en luns do calendario xuliano, en vigor naquela data.

No Imperio romano o ano foi nomeado como "o do consulado de Armenio e Emiliano" ou, menos comunmente, como o 997 Ab urbe condita, sendo a súa denominación como 244 posterior, da Idade Media, ao establecerse o Anno Domini.

Ano

Ano pode referirse a:

Astronomía

Un ano é o espazo de tempo que a Terra tarda en dar unha volta completa arredor do Sol.

Un ano luz é unha unidade de lonxitude utilizada en astronomía.

Un ano bisesto é ano que posúe un día a máis que os anos comúns.

Un ano sideral é o tempo que tarda a Terra en colocarse outra vez na mesma situación da órbita en relación coas estrelas consideradas fixas.

Anatomía

O ano é a parte terminal do tubo dixestivo por onde saen as feces nos diferentes animais.

Festas e conmemoracións

Un Ano Novo ou Aninovo é a festa que conmemora o inicio dun novo ano.

Un Ano Novo Chinés é a festa que conmemora o incicio do ano segundo o Calendario chinés.

O Ano Santo compostelán é unha celebración da igrexa católica.

Calendario

Un calendario é un sistema de medida para longos períodos de tempo. Os calendarios xeralmente definen unidades de espazo en termos de días, con unidades maiores para múltiplos días. Esas unidades reciben nomes ou números para facilitar a lembranza de eventos ou acontecementos históricos e planear eventos futuros.

Calendario gregoriano

O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea utilizado en Europa, as súas antigas colonias e en boa parte do resto do mundo. Recibe este nome por ser o seu promotor o papa Gregorio XIII, e substituíu en 1582 ao calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a. C.

Calendario hebreo

O calendario hebreo (הלוח העברי) ou calendario xudaico é o calendario anual usado no xudaísmo. Determina as datas das festas xudías, os textos da Torá apropiados para a lectura pública, os Iahrdseits (a data para conmemorar a morte dun familiar), e os salmos diarios específicos que algúns len normalmente. Téñense usado dúas formas do calendario: unha forma baseada na observación usada antes da destrución do segundo templo no ano 70 e baseado nas testemuñas que observaban as fases da lúa, e un a partir dunha norma que describiu Maimónides no 1178 d.C., que foi adoptado durante unha transición dende o ano 70 ata o 1178.

A forma "moderna" é o chamado calendario lunisolar, semellante ao calendario chinés, que mide os meses segundo os ciclos lunares e os anos tendo en conta os ciclos solares, distinto do calendario islámico puramente lunar e do calendario gregoriano case enteiramente solar. Pola diferenza de 11 días entre doce meses lunares e un ano solar, o calendario repítese nun ciclo de 19 anos de 235 meses lunares, cun mes lunar extra cada dous ou tres anos, cun total de sete veces cada dezanove anos. Como o calendario hebreo foi desenvolvido na zona sur-leste do Mar Mediterráneo, as referencias ás estacións reflicten os tempos e o clima do hemisferio norte.

Calendario republicano francés

O calendario republicano francés (en francés: Calendrier républicain) é un calendario proposto durante a Revolución francesa e adoptado pola Convención Nacional, que o empregou entre 1792 e 1806. O deseño intentaba adaptar o calendario ao sistema decimal e eliminar as referencias relixiosas; o ano comezaba o 22 de setembro, coincidindo co equinoccio de outono no Hemisferio Norte.O calendario republicano foi deseñado polo matemático Charles-Gilbert Romme, membro da Convención, coa axuda dos astrónomos Joseph Jerôme de Lalande, Jean-Baptiste Joseph Delambre e Pierre-Simon Laplace, aínda que se lle adoita atribuír notable participación ao actor e dramaturgo Fabre d'Églantine, quen lles deu os nomes aos meses e aos días.Naceu así por decreto da Convención Nacional Francesa do 5 de outubro de 1793, e o calendario foi adoptado pola Convención Nacional controlada polos xacobinos o 24 de outubro de 1793. Fixouse o seu inicio o 22 de setembro de 1792, coincidindo coa proclamación da República no Jeu de Paume. Dese xeito, o calendario comezou un ano antes de ser finalmente adoptado, o día do inicio da nova era de Francia, e o período de setembro de 1792 a setembro de 1793 foi denominado "Ano 1 da Revolución".

O calendario foi de aplicación civil en Francia e nas súas colonias americanas e africanas ata que Napoleón aboliu o seu uso oficial o 1 de xaneiro de 1806 (de feito este día correspondeu á media noite do 10 de nivoso do ano XIV, é dicir, o 31 de decembro de 1805, pouco máis de 12 anos despois de ser introducido) como un xeito oportuno de eliminar os signos de democracia republicana.

Napoleón autoproclamárase Emperador dos franceses en decembro de 1804 e creara a nova nobreza imperial durante o ano 1805, ambos os conceptos incompatibles coa natureza deste calendario, así como para reconciliarse cos católicos e co papado, dos que conseguiu unha certa tolerancia ao devolver as festividades civís e relixiosas da Igrexa católica co novo calendario, ademais de cuestións prácticas como as vantaxes de utilizar o calendario gregoriano que case todo o resto de Europa empregaba daquela.

Este calendario volveuse implantar brevemente tras o derrocamento de Napoleón en 1814, e foi usado tamén pola efémera Comuna de París de 1871.

Calendario romano

Para o calendario litúrxico da Igrexa católica, véxase calendario romano xeralO calendario romano era, posibelmente, de orixe etrusca. Era un calendario lunar adaptado ao ano solar. O ano comezaba o 15 de marzo e tiña 12 meses de 29 e 31 días máis un mes intercalar de 20 ou 22 días cada dous anos. Mediante esta innovación, atribuída ao rei Numa Pompilio, o ano medio duraba 366 días e medio. Os pontífices eran os encargados de regular este mes. Pero isto foi variando ao longo da historia.

Calendario xuliano

O calendario xuliano introduciuno Xulio César no ano 46 a. C., despois de consultar con Sosíxenes, astrónomo de Alexandría, e entrou en vigor en 45 a. C..

Coa conquista de novos territorios César sentiu a necesidade de uniformar o calendario, o novo calendario pasou a estar composto de doce meses, totalizando 365 días por ano. Cada catro anos instituíuse un ano bisesto de 366 días. Os meses pasaron a ter 30 días (intercalados con meses de 31 días).

Estacións do ano

Para datos sobre estacións de ferrocarril en Galicia, véxase Lista de estacións de tren de Galicia

As estacións do ano son as 4 subdivisións do ano baseadas en padróns climáticos e con base astronómica. Debido á influencia da translación asociada á mudanza no eixo de inclinación da Terra, estas mudan ao longo do ano. As catro estacións do ano son:

Primavera (entre o equinoccio de primavera e o solsticio de verán).

Verán (entre o solsticio de verán e o equinoccio de outono).

Outono (entre o equinoccio de outono e o solsticio de inverno).

Inverno (entre o solsticio de inverno e o equinoccio de primavera).

Marzo

Marzo é o terceiro mes do ano no calendario gregoriano, con 31 días, inicialmente dedicado ao deus grego Marte.

O mes de marzo empeza no mesmo día da semana que febreiro, agás cando é ano bisesto. Tamén comeza no mesmo día da semana que novembro cada ano.

Unidade de medida

Unha unidade de medida é unha cantidade estandarizada dunha determinada magnitude física, definida e adoptada por convención ou por lei. Calquera valor dunha cantidade física pode expresarse como un múltiplo da unidade de medida.

Unha unidade de medida toma o seu valor a partir dun patrón ou dunha composición doutras unidades definidas previamente. As primeiras unidades coñécense como unidades básicas ou de base (fundamentais), mentres que as segundas chámanse unidades derivadas.Un conxunto de unidades de medida no que ningunha magnitude teña máis dunha unidade asociada é denominado sistema de unidades.Todas as unidades denotan cantidades escalares. No caso das magnitudes vectoriais, interprétase que cada un dos compoñentes está expresado na unidade indicada.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.