Anglosaxóns

Os anglosaxóns foron un conxunto de pobos xermánicos que poboaron Gran Bretaña a partir do século V.

A partir de 430, chegaron a Britania os xermanos, en número considerábel. Falaban dialectos do xermánico occidental que deron orixe ao inglés antigo, eran politeístas e non coñecían a escritura:

Britain peoples circa 600
Os principais reinos anglosaxóns sobre o ano 600

A loita foi constante cos nativos britanos celtas e entre os invasores. Non quedou en pé ningunha vila romana e só Londres conservou vida urbana. Os nativos opuxeron gran resistencia. Desta época procede a lenda do Rei Arturo, que narra as súas xestas e as dos seus cabaleiros contra a invasión.

Algúns dos britanos celtas refuxiáronse nos outeiros do oeste, Gales, o noroeste e o suroeste, e na Bretaña francesa, que tomou o seu nome deles. Tamén un grupo destes refuxiados chegou a Galicia, onde fundaron a diocese de Britonia (hoxe Bretoña) guiados por bispos como Maeloc. Xunto con escoceses e irlandeses, conservaron o cristianismo. O principal impulso ao cristianismo proveu da igrexa celta irlandesa encabezada por San Patricio. Enviou a Columba a Escocia, quen converteu aos pictos en 563 e fundou un mosteiro na illa de Iona.

En 597, o Papa Gregorio I o Grande enviou a Santo Agostiño a Kent, con corenta monxes beneditinos romanos, para converter ao rei Santo Adalberto ou Ethelberto (560-616), casado cunha raíña franca cristiá. Santo Agostiño fundou un mosteiro en Canterbury, onde foi coroado bispo en 601. Recibiu poderes para nomear bispos. Canterbury é desde entón sé oficial da Igrexa Romana en Gran Bretaña. Pouco máis tarde construíronse as catedrais de Rochester e de Londres (San Paulo).

En 633 o rei cristián Santo Oswoldo unificou Northumbria e chamou a Santo Aidan e aos monxes de Dowe para converter aos seus habitantes. Santo Aidan fundou un mosteiro na illa de Lindisfarne. O rei de Northumbria Oswy reinou de 641 a 670. Derrotou aos mercios en 655 e impúxolles o cristianismo. Os britanos celtas romperan a súa relación con Roma e evanxelizaban ás clases baixas. Oswy convocou o Sínodo de Whitby, que unificou a Igrexa baixo o primado do grecofalante Teodoro de Tarso, arcebispo de Canterbury. Teodoro fundou mosteiros e creou unha estrutura diocesana que permaneceu ata a Idade Media. A unidade eclesiástica aproximou aos distintos pobos ingleses, introduciu a cultura escrita e unha lingua común. En torno ás principais igrexas, comezou a rexurdir a vida urbana.

Offa reinou en Mercia (757-796), e chegou a dominar todos os reinos, salvo Northumbria, Wessex e as terras ao norte do Humber. Foi o primeiro que utilizou o nome de rei dos ingleses. Mercia prosperou grazas ao comercio. Acuñou a súa propia moeda, e cercou aos celtas de Gales e Cornualles coa muralla de Offa, barreira defensiva de 240 km de lonxitude.

En 789 chegaron os primeiros barcos viquingos daneses. As primeiras incursións tiveron como finalidade a pillaxe.

Ecgberht reinou en Wessex (802-839), venceu aos mercios, invadiu Kent e dominou Inglaterra, cuxo corpo político formalizou por primeira vez como Reino (827).

Entre 830-860, os viquingos realizaron moitas incursións polo esteiro do Támese, con flotas de centos de barcos. En 865 desembarcou en Anglia Oriental unha grande armada viquinga danesa, que tomou York en 867. En 869 eran donos de Northumbria e Anglia Oriental. En 870 deciden invadir Wessex, pero atopan unha organizada oposición no seu rei Etelredo I e o seu irmán Alfredo o Grande. En 871 Alfredo accede ao trono, que ocuparía ata 899. Negocia cos viquingos, que respectan o seu reino e conquistan Mercia. Pero en 878, atacan Wessex de novo. Alfredo refuxiouse nas marismas de Somerset, onde formou un exército, que venceu en Edington. Polo Tratado de Wedmore de 878, Alfredo aceptou que os viquingos daneses ocupasen gran parte de Inglaterra onde o seu rei Guthrum recibiu o bautismo e foi coroado monarca de Danelaw. Alfredo gañou así tempo para asentar as bases dunha nación unificada e formar un exército e unha armada organizados. Este modo de organización daría orixe ao feudalismo inglés. En 886, Alfredo tomou Londres. Construíu trinta cidades fortificadas con fins defensivos e comerciais. Grazas a estas disposicións, a partir de 890 os daneses apenas acosan o seu reino. Conquistou Mercia parcialmente. Nos últimos dez anos da súa vida fundou escolas, atraeu a monxes eruditos á Corte e el mesmo traduciu algunhas obras latinas ao inglés.

No Danelaw, a cultura anglosaxoa desapareceu. A lingua dos viquingos foi transformando ao antigo inglés en inglés medieval. O Danelaw constituía a zona máis próspera e poboada, grazas á actividade comercial. York converteuse nun centro de comercio internacional e Lincoln, Norwich e Londres eran tamén prósperos centros comerciais.

Un fillo de Alfredo, Eduardo o Vello, reinou en Wessex entre 899-924. Conquistou todo o Danelaw ao sur do Humber. Un neto de Alfredo, Aethelstan reinou en 924-939. En 926 capturou York e comezou a reconquista de Northumbria. En 927 venceu en Brunnanburh á alianza dos escandinavos de Dublín, e os reis de Strathclyde e Escocia. Logo, absorbeu os reinos de Mercia, East Anglia, Essex, Sussex e Kent.

Edred foi o primeiro rei dunha Inglaterra unificada en 946-955. Edgar reinou en 959-975. Fundou novos mosteiros onde se seguía estritamente a regra de San Bieito, reorganizando a cultura monástica, desmantelada polos daneses. A xerarquía eclesiástica fíxose máis culta e influente.

En 991 produciuse unha nova invasión danesa, que venceu en Maldon. O rei Ethelred (978-1016) casou coa filla do duque de Normandía en 1001 para asegurar o seu apoio. Os ataques continuaron e en 1013 o rei danés Sveyn Forkbeard invadiu Inglaterra con ánimo de permanencia. Capturou Oxford e Londres e Ethelred fuxiu a Normandía. En 1014 morreu Sveyn e os daneses de Inglaterra aceptaron como rei a Knut ou Canuto o Grande, fillo de Sveyn e irmán de Harold, o novo rei de Dinamarca. En 1016 Canuto venceu a Edmund Ironside, fillo de Ethelred, casou coa viúva deste, converteuse ao cristianismo e coroouse rei de Inglaterra (1016-1035). En 1018 Canuto convocou unha grande asemblea na que conciliou a ingleses e daneses, xurando respectar as leis e tradicións anglosaxoas. Á morte do seu irmán Harold, Canuto asumiu a coroa danesa e foi desentendéndose de Inglaterra. Conquistou Noruega e chegou a recibir homenaxe do rei de Escocia.

Trala extinción da liña de sucesión danesa en 1042, restaurouse a dinastía de Wessex na persoa de Eduardo o Confesor (1042-1066), fillo de Ethelred. Estaba xa enraizado o feudalismo. O Witan estaba formado por nobres, bispos e homes influentes, elixían ao rei e aconsellábano. Os condados eran as unidades administrativas. Cada condado dispoñía de tribunal e sheriff ou representante do rei. Existía un eficaz sistema de recadación baseado no catastro. Malia o seu voto de castidade, Eduardo contraeu matrimonio, coa filla de Godwin, conde de Wessex e Kent. Eduardo educouse en Normandía e rodeouse de conselleiros normandos. Entre eles, elixiu a Roberto de Jumieges como Arcebispo de Canterbury. Foi dispensado polo Papa do seu voto de peregrinar a Roma a cambio da construción da Abadía de Westminster; construíu nas proximidades o seu palacio e trasladou a corte desde Londres. Eduardo alcanzou, durante o seu reinado, unha gran popularidade entre o pobo que converteu a súa memoria no símbolo da Inglaterra independente.

A partir de 1050, sen descendencia de Eduardo, loitaron polo poder Godwin e os seus fillos Sveyn, Harold e Tostig, o rei Magnus de Noruega e o seu fillo Harold Hardrada e Guillerme, fillo bastardo do duque Roberto II de Normandía. Guillerme venceu na batalla de Hastings (14 de outubro de 1066) e foi coroado na abadía de Westminster o día de Nadal do mesmo ano.

América Latina

América Latina ou Latinoamérica, entidade territorial e sociocultural diferente a Hispanoamérica e Iberoamérica, constituída polo conxunto de países de América que foron antigas colonias de países europeos onde se fala as linguas romances, é dicir derivadas do Latín, correspondentes ás actuais España, Portugal e Francia. O xentilicio que normalmente se emprega é latinoamericano.

O termo Latinoamérica foi introducido por primeira vez polo Imperio Francés de Napoleón III, durante a súa invasión de México, como forma de incluír a Francia entre os países con influencia en América e case exclusivamente coa fin de excluír ós anglosaxóns.

Nestes países obsérvanse moitas similitudes debido á súa longa historia en común por ser territorios coloniais de España e Portugal e, en menor medida, de Francia. Entre eles obsérvanse tamén variacións lingüísticas, étnicas, sociais, políticas, económicas e climáticas.

Blót

Un blót (antigo nórdico) era un sacrificio do paganismo nórdico ós deuses e os espíritos da terra. O sacrificio moitas veces tiña a forma dunha comida ou festa sacramental. Prácticas relacionadas foron realizadas por outros pobos xermánicos, como os pagáns anglosaxóns. O elemento de blót do sacrifico dun cabalo é atopado nas tradicións indoeuropeas, incluíndo as tradicións indias, celtas, e latinas.

Britania posromana

Os séculos V e VI da historia de Gran Bretaña foron denominados a "Idade Escura" porque é certamente moi pouco o que se sabe dese período histórico. O seu carácter escuro é, porén, verdadeiramente crucial na formación das nacións británicas, porque é o momento en que acontecen en poucos anos dous feitos radicais: o abandono romano da illa e a invasión dos anglos, xutos e saxóns. O período conclúe cunha supremacía absoluta do anglosaxón, un retroceso imparábel do celta e a desaparición do latín. A escaseza de fontes históricas serviu de acicate para deixar voar a imaxinación para estes séculos, escenario temporal do ciclo artúrico.

Condado

Na antigüídade, un condado era o territorio rexido por un Conde.

Esta denominación tamén se refire a unha forma de división administrativa dun territorio, utilizada frecuentemente polos pobos anglosaxóns, como o Reino Unido, Canadá ou os EUA. En Luisiana a parroquia (en inglés: parish) e en Alasca o borough, representan a mesma entidade que o condado baixo distintas denominacións.

Deira (reino)

Deira foi un reino da Inglaterra setentrional durante o século VI. Estendíase desde o río Humber ata o Tees, e desde o mar ata a esquina occidental do Vale of York. Posteriormente uniuse ao reino de Bernicia, situado máis ao norte, para formar o reino de Northumbria.

O nome do reino é de orixe britoa, se cadra de Deifr, que significa "augas", ou de Daru, que significa "carballo", en cuxo caso podería equivaler a "a xente do Derwent",unha derivación que tamén se atopa no nome latino de Malton, Derventio.

Segundo Simeón de Durham estendíase desde o Humber ata o Tyne, pero a terra era mala ao norte do Tees. Despois de que o reino britón con centro en Eboracum, que pode que se chamase Ebrauc, fose tomado por Edwin, a cidade de Eboracum converteuse na súa capital e pasou a chamarse Eoforwic (o lugar do verrón) polos anglos. Antes de isto é posíbel que a capital teña estado en Pocklington ou preto de alí.

O primeiro rei anglo de Deira do que temos constancia é Ælla, que floreceu a finais do século VI tras conquistar o reino aos britóns en 581. Á súa morte, Deira estivo sometida ao rei Æthelfrith de Bernicia, quen uniu ámbolos reinos no de Northumbria. Æthelfrith gobernou ata a ascensión do fillo de Ælla Edwin, en 616 ou 617, quen tamén gobernou os dous reinos ata 633.

Osric, o sobriño de Edwin, gobernou Deira tras Edwin, pero o seu fillo Oswine foi matado por Oswiu en 651. Por algúns anos Deira estivo gobernada por Æthelwald fillo de Oswald de Bernicia.

Beda escribiu sobre Deira na súa Historia Ecclesiastica.

Ecgberht de Wessex

Ecgberht (Egbert, Egberto Ecgbert), nado c. 770 e finado en xullo de 839, foi rei de Wessex desde 802 até a súa morte. Baixo o seu reinado, Wessex converteuse no máis poderoso dos reinos anglosaxóns, derrocando a supremacía de Mercia. Foi chamado Bretwalda ("gobernante de Britania"). O seu neto Alfredo o Grande foi o primeiro en usar o título de "rei dos anglosaxóns".

Edwin de Northumbria

Edwin (tamén coñecido como Eadwine, Ēadwine ou Æduini en inglés antigo), nado c. 586 e finado o 12 de outubro de 633, foi rei de Deira e de Bernicia, coñecidos máis tarde conxuntamente baixo o nome de Northumbria. O seu reino durou desde 616 até a súa morte. Converteuse ao cristianismo e foi bautizado no ano 627. Tras a súa morte na Batalla de Hatfield Chase foi venerado como santo.

Edwin foi fillo de Aella, rei de Deira. A súa irmá Acha estivo casada con Aethelfrith, rei do veciño reino de Bernicia. Foi tío de Hereric (morreu c. 604), o cal foi pai da abadesa Hilda de Whitby e Hereswith, esposa do irmán do rei Anna de Anglia Oriental.

Essex

Essex é un condado situado ao leste de Londres, formando parte da rexión oriental de Inglaterra. Ocupa unha área de 3.670 km², cunha poboación estimada en 2010 de 1 737 900 habitantes.

A capital do condado é a cidade de Chelmsford, sendo a súa cidade máis importante. Outras cidades salientables de Essex son Colchester (a cidade máis vella da Inglaterra), e Southend, un dos maiores balnearios do Reino Unido.

Limita co Gran Londres e con Hertfordshire, Cambridgeshire e Suffolk. A súa fronteira con Kent é o río Támese.

A orixe do nome "Essex" está no antigo reino de Essex, fundado polos anglosaxóns cara o ano 600. Os saxóns chegaron a Gran Bretaña, primeiro como foederati do Imperio Romano e despois como colonos, cara finais do século IV. Os que se asentaron no leste, ó longo da vía que comunicaba Londinium e Camulodunum foron chamados estseaxni (saxóns orientais), nome que, co paso dos séculos, derivou no actual Essex.

Lammas

Lammas ou día de Lammas é unha festividade tradicional da colleita, de orixe celta, tamén conocida como Lughnasadh, que se celebra o 1 de agosto nos países anglosaxóns e en relixións de revival celta e neopagás como a wicca.

Durante a época medieval esta festa era conocida como "Gule of August", pero o significado de "gule" é descoñecido. Ronald Hutton suxire que esta palabra puido ser unha derivación inglesa de "gwyl aust", o nome galés para o 1 de agosto e que significa "festa de agosto"; e propón unha orixe pagá e pre-cristiá de Lammas entre os anglosaxóns e a súa conexión co festival gaélico de Lughnasadh ("vodas de Lug", un deus celta).

Londres

Londres (en inglés: London, [ˈlʌndən] (AFI), escoitar) é a capital e cidade máis poboada de Inglaterra e do Reino Unido; atópase ás beiras do río Támese na illa de Gran Bretaña. No ano 2015 tiña unha poboación estimada de 8,31 millóns de habitantes na división administrativa do Gran Londres, composta por 32 distritos municipais (boroughs) e mais pola Cidade de Londres propiamente dita (City of London), nunha área de 1579 km². A súa área metropolitana ten preto de 17,1 millóns de habitantes.Ten a súa orixe na cidade romana de Londinium, capital da rexión administrativa romana de Britannia. A cidade acabou por se tornar o centro do Imperio Británico, contribuíndo hoxe en día co 17% do PNB dun país que é a cuarta maior economía do mundo.

Londres ten sido un dos máis importantes centros da política e do comercio mundiais por case dous milenios (a pesar de ter sido Winchester a capital de Inglaterra durante gran parte da Idade Media).

Mercia

Mercia foi un dos reinos da heptarquía anglosaxoa, o nome é unha latinización do Inglés antigo Mierce ou Myrce, que significa "xente da fronteira" (ver Marca). O reino céntrase no val do río Trent e os seus afluentes, na rexión agora coñecida como a Midlands inglesas. A capital do reino era a cidade de Tamworth, que foi a sede dos reis de Mercia de polo menos ao redor do ano 584, cando o rei Creoda construíu unha fortaleza na cidade. Os veciños de Mercia eran Northumbria, Powys, os reinos de Gales do Sur, Wessex, Sussex, Essex e Anglia Oriental.

Durante 300 anos (entre o 600 e o 900), logo de anexar ou adquirir a submisión de cinco dos seis reinos da heptarquía (East Anglia, Essex, Kent, Sussex e Wessex), Mercia dominaba Inglaterra ao sur do río Humber, este período coñécese como a supremacía merciana. O reinado do rei Offa, que é o máis recordado pola súa muralla, que marcaba o límite entre Mercia e os reinos de Gales, coñécese ás veces como a "idade de ouro de Mercia". Nicholas Brooks observou que "os merciáns destacan de lonxe como o máis exitoso dos diversos primeiros pobos anglosaxóns ata finais do século noveno", e algúns historiadores, como Sir Frank Stenton, creen que a unificación de Inglaterra ao sur do estuario do Humber logrouse durante o reinado de Offa.Mercia foi orixinalmente un reino pagán, pero o Rei Penda converteuse ao cristianismo en torno ao 656, o cristianismo quedou establecido firmemente no reino a finais do século VII. A Diocese de Mercia foi fundada en 656, co primeiro bispo, Diuma, con sé en Repton. Logo de só 13 anos en Repton, no 669 o quinto bispo, San Chad, trasladou o obispado a Lichfield, no que ten a sé desde entón. No 691 a Diocese de Mercia converteuse na Diocese de Lichfield. Durante un breve período do 787 ao 799 a diocese foi un arzobispado, aínda que se disolveu oficialmente en 803. O actual bispo, Jonathan Gledhill, é o 98 desde a creación da diocese.

A finais do século noveno, logo das invasións dos viquingos e o seu Gran Exército Pagán, a maior parte do antigo territorio de Mercia foi absorbido por Danelaw. No seu apoxeo Danelaw incluíu Londres, toda East Anglia e a maior parte do norte de Inglaterra.

O último rei de Mercia, Ceolwulf II, morreu no ano 879, con iso o reino parece perder a súa independencia política. Inicialmente foi gobernada por un señor ou ealdorman baixo o señorío de Alfredo o Grande, que se facía chamar "rei dos anglosaxóns". O reino tivo un breve período de independencia na metade do século X, e de novo moi brevemente en 1016, con todo esta vez foi visto como unha provincia dentro do Reino de Inglaterra, non como un reino independente.

Mercia aínda se utiliza como unha designación xeográfica, e o nome é utilizado por gran variedade de organizacións, incluíndo unidades militares, entidades públicas, comerciais e benéficas.

Milla

A milla é unha unidade de lonxitude que non forma parte do sistema métrico decimal. De orixe moi antiga, foi herdada da Antiga Roma e equivalía a mil pares de pasos camiñados por un home (en latín: mille passus, plural: milia passuum). Como os pasos eran dobres, a milla romana era aproximadamente igual a 1 467 m, e polo tanto un paso simple era duns 73 cm.

Antes de establecerse o Sistema métrico a milla foi unha das principais medidas de distancia en todo o mundo occidental, aínda que o seu valor variaba dun país a outro. Coa introdución do sistema métrico, os países latinos e outros moitos comezaron a usar o metro e os seus múltiplos para medir as distancias terrestres, e actualmente utilízase en todo o mundo, excepto nos países anglosaxóns e os do seu ámbito de influencia, onde aínda utilizan a milla.

Actualmente existen 2 tipos xerais de millas: Estatutaria (da que se empregan hoxe dous subtipos) e Náutica.

Oswald de Bernicia

Oswald, nado c. 604 e finado o 5 de agosto de 642, foi un rei cristián de Northumbria no século VII, cando o territorio de Inglaterra estaba dividido en pequenos reinos rexidos por liñaxes de orixe xermánica.

Oswiu de Northumbria

Oswiu, nado c. 612 e finado o 15 de febreiro de 670, escrito tamén Oswio, Oswy, Oswig e Osuiu, foi rei de Bernicia desde 642 até a súa morte e monarca de feito de toda Northumbria desde 655. Oswiu foi o último rei dos que Beda mencionou que tiñan imperium, e a finais do século IX a Crónica Anglosaxoa refírese a Oswiu como Bretwalda.

Pobo escocés

Os escoceses (escocés: scots fowk, gaélico escocés: albannaich), son unha nación e grupo étnico nativo de Escocia. Historicamente, xurdiron dunha mestura entre pictos e gaels, que fundaron o Reino de Escocia (ou Alba) no século IX, e que son etnolingüisticamente celtas. Tempo despois, os veciños britanos cúmbricos, que tamén falaban unha lingua celta, así como os anglosaxóns e nórdicos xermánicos, foron incorporados á nación escocesa.

Pobo inglés

Os ingleses (inglés: english people), son unha nación e grupo étnico nativo de Inglaterra, que fala a lingua inglesa. A identidade inglesa ten orixe medieval, cando eran coñecidos en inglés antigo como Angelcynn ("familia dos anglos"). O seu etnónimo provén dos anglos, un dos pobos xermánicos que migraron cara a Gran Bretaña durante o século V. Inglaterra é un dos países do Reino Unido.

Historicamente, a poboación inglesa descende de diferentes pobos — os antigos britanos e as tribos xermánicas que se asentaron en Britania despois da marcha dos romanos, incluíndo os anglos, os saxóns, os xutos e os frisóns. Coñecidos colectivamente como anglosaxóns, fundaron o que se convertería en Inglaterra (do inglés antigo Englaland) xunto cos dinamarqueses, normandos e outros grupos. Na Lei de Unión (1707), o Reino de Inglaterra foi sucedido polo Reino de Gran Bretaña. Co paso dos anos, a identidade e costumes ingleses foron identificados coa identidades e os costumes británicos en xeral.

O pobo inglés son os responsables da lingua inglesa, do sistema Westminster, do dereito anglosaxón e de numerosos deportes, como o crícket, o fútbol, o rugby e o tenis. Estas e outras características da cultura inglesa espalláronse por todo o mundo, en parte por mor do Imperio Británico.

Pé (medida)

O pé é unha unidade de lonxitude de orixe natural (baseada no pé humano), xa utilizada polas civilizacións antigas.

O pé romano, ou pes, equivalía a 29,57 cm; o pé castelán a 27,6 cm.

Foi substituído en case todo o mundo polas unidades do Sistema Internacional de Unidades (SI), salvo no uso corrente nos países anglosaxóns.

Wessex

Wessex foi un dos sete reinos principais (Heptarquía anglosaxoa) que precederon ó reino de Inglaterra. O nome vén de West Saxons e está situado no sur/suroeste de Inglaterra. Existiu como reino dende o século VI ata a aparición do estado inglés no século IX e como condado entre 1016 e 1066. Wessex foi precisamente o reino que conseguiu unificar Inglaterra ó someter os demais reinos anglosaxóns baixo a súa soberanía. Non volveu ter unha existencia oficial dende entón, pero permanece como un termo familiar. Acostuma estar asociado coas novelas e poesías de Thomas Hardy e hai xente [Cómpre referencia] que defende que sexa restaurado como unha rexión de Inglaterra.

Æthelfrith de Northumbria

Æthelfrith (tamén Aethelfrido, Aethelfrith, Etelfrido), finado c. 616, foi rei de Bernicia desde c. 593 até c. 616; e tamén foi, desde c. 604, o primeiro rei berniciano que reinou en Deira, un reino ao sur de Bernicia. Tendo en conta que Deira e Bernicia foron os dous reinos que formaron o coñecido posteriormente como Reino de Northumbria, pode ser considerado, en termos históricos, o primeiro rei de Northumbria. Tamén é lembrado polas súas exitosas campañas contra os britanos e pola súa vitoria sobre o reino irlandés de Dalriada. Aínda que foi derrotado e morreu en batalla e foi substituído polo seu rival dinástico, a súa liña foi finalmente restaurada no trono na década de 630.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.