Anglos

Os anglos foron un pobo xermánico que no século V invadiu e emigrou a Gran Bretaña, xunto cos xutos e os saxóns, moi relacionados étnica e lingüisticamente con estes últimos. Os anglos vivían no que hoxe é o norte de Alemaña, entre o río Rhin e o Elba e en parte do istmo de Xutlandia, en Schlewing.

A súa lingua é unha das bases do inglés xunto coa antiga lingua saxoa, sendo moi semellante a esta. En Gran Bretaña fundaron os reinos de Mercia, Northumbria e Anglia Oriental, e chegaron a unha mestura cultural cos saxóns, dando forma ó concepto anglosaxón e sendo a palabra da que deriva o nome do país, Inglaterra, England ou Terra Anglorum en latín.

Aethelwald Moll de Northumbria

Æthelwald Moll foi rei de Northumbria, reino histórico dos anglos na Inglaterra medieval, entre 759 e 765.

Beda

Beda, tamén coñecido como San Beda ou Beda o Venerábel, nado cara ao 672 e finado o 27 de maio de 735, foi un monxe que habitou no mosteiro de Saint Peter en Wearmouth (hoxe en día parte de Sunderland), e do seu mosteiro adxunto, Saint Paul, actualmente Jarrow. É coñecido como escritor e erudito, tendo como obra máis coñecida, Historia ecclesiastica gentis Anglorum (Historia Eclesiástica do pobo dos Anglos), que lle valeu o título de "Pai da Historia Inglesa". Beda escribiu sobre moitos outros temas, desde música a relixión.

Beornwulf de Mercia

Beornwulf, finado en 826, foi rei de Mercia, reino situado nas midlands inglesas, entre 823 e 826. O seu curto reinado viu o fin da supremacía de Mercia sobre o resto dos reinos da Heptarquía inglesa.

Bernicia

Bernicia (inglés antigo Bernice, Beornice, latín Bernicia) foi un reino anglosaxón establecido por colonizadores anglos do século VI no que agora é o sueste de Escocia e o nordeste de Inglaterra.

O territorio anglo de Bernicia era aproximadamente equivalente aos actuais condados de Northumberland, Durham, Berwickshire e East Lothian, e estendíase desde o Forth ao Tees. A principios do século VII uniuse ao seu veciño meridional, Deira, para formar o reino de Northumbria e as súas fronteiras expandíronse en consecuencia.

Deira (reino)

Deira foi un reino da Inglaterra setentrional durante o século VI. Estendíase desde o río Humber ata o Tees, e desde o mar ata a esquina occidental do Vale of York. Posteriormente uniuse ao reino de Bernicia, situado máis ao norte, para formar o reino de Northumbria.

O nome do reino é de orixe britoa, se cadra de Deifr, que significa "augas", ou de Daru, que significa "carballo", en cuxo caso podería equivaler a "a xente do Derwent",unha derivación que tamén se atopa no nome latino de Malton, Derventio.

Segundo Simeón de Durham estendíase desde o Humber ata o Tyne, pero a terra era mala ao norte do Tees. Despois de que o reino britón con centro en Eboracum, que pode que se chamase Ebrauc, fose tomado por Edwin, a cidade de Eboracum converteuse na súa capital e pasou a chamarse Eoforwic (o lugar do verrón) polos anglos. Antes de isto é posíbel que a capital teña estado en Pocklington ou preto de alí.

O primeiro rei anglo de Deira do que temos constancia é Ælla, que floreceu a finais do século VI tras conquistar o reino aos britóns en 581. Á súa morte, Deira estivo sometida ao rei Æthelfrith de Bernicia, quen uniu ámbolos reinos no de Northumbria. Æthelfrith gobernou ata a ascensión do fillo de Ælla Edwin, en 616 ou 617, quen tamén gobernou os dous reinos ata 633.

Osric, o sobriño de Edwin, gobernou Deira tras Edwin, pero o seu fillo Oswine foi matado por Oswiu en 651. Por algúns anos Deira estivo gobernada por Æthelwald fillo de Oswald de Bernicia.

Beda escribiu sobre Deira na súa Historia Ecclesiastica.

Eadwald de Anglia Oriental

Eadwald de Anglia Oriental foi un escuro rei do pequeno reino anglosaxón de Anglia Oriental, desde ao redor de 796 ata 798.

Horsa

Horsa foi un guerreiro viquingo de Dinamarca na Era de Vendel (século V), que conxuntamente co seu irmán Hengest protagonizaron a primeira colonización xermánica na illa de Gran Bretaña. Algúns historiadores citan a ambos os irmáns como saxóns, oriúndos de Xutlandia, que lideraron a anglos, saxóns e xutos na invasión e protagonizaron un asentamento no reino de Kent..

Inglaterra

Inglaterra (en inglés: England) é unha das nacións constituíntes do Reino Unido. Historicamente dominante, ocupa a metade sur da illa da Gran Bretaña, agás unha parte no oeste, correspondente ao País de Gales. Limita ao norte con Escocia, ao leste co Mar do Norte, ao sur co Canal da Mancha e ao oeste co Océano Atlántico, Gales e o Mar de Irlanda. A súa capital é Londres, a maior área urbana do Reino Unido e unha das maiores da Unión Europea.

Inglaterra converteuse nun estado unificado no ano 927 e toma o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas asentadas no sur da illa durante os séculos quinto e sexto. Inglaterra tivo, e segue a ter, un impacto cultural e legal ao redor de todo o mundo, sendo o lugar de orixe da lingua inglesa, da Igrexa Anglicana e do Dereito Inglés, o cal puxo as bases do Dereito nos sistemas legais da maioría dos países do mundo. Ademais, en Inglaterra naceu a Revolución Industrial sendo o primeiro país do mundo en acadar a industrialización.

Nela atópase a Royal Society, a cal mantén fundacións da ciencia moderna experimental. Inglaterra ten a democracia parlamentaria máis antiga do mundo, polo tanto, moitas innovacións constitucionais, gobernamentais e legais, que teñen a súa orixe en Inglaterra, foron posteriormente adoitadas por outras nacións.

O Reino de Inglaterra (incluíndo Gales) continuou como un estado independente ate o 1 de maio de 1707, cando mediante a Lei de Unión, levando a cabo os termos acordados no Tratado de Unión o ano anterior, rematou en unión política co Reino de Escocia para crearen o Reino Unido de Gran Bretaña.

Lingua frisoa

O frisón (frysk) é unha lingua xermánica occidental falada na Frisia (norte dos Países Baixos, noroeste de Alemaña, moi próxima ó inglés e en grave perigo de desaparición). Os saxóns, os anglos e os xutos, antes de emigrar para a actual Inglaterra, falaban unha mesma lingua cos frisóns. Os actuais falantes son descendentes directos daqueles pobos xermánicos. Dos primeiros séculos da nosa era consérvanse escasos rexistros, entre eles unhas poucas epigrafías en alfabeto rúnico. A rexión de Frisia acabou dependente dos Países Baixos. Ata o século XV o frisón era unha lingua viva que se utilizaba ata na administración e asuntos oficiais. Dos séculos XIII a XVI consérvanse numerosos documentos de tipo legal, normativo, cartas, contratos pero tamén literarios como sagas e lendas populares, e traducións de salmos. A partir deste momento empeza a ser paulatinamente relegada polo neerlandés e o alemán.

Mercia

Mercia foi un dos reinos da heptarquía anglosaxoa, o nome é unha latinización do Inglés antigo Mierce ou Myrce, que significa "xente da fronteira" (ver Marca). O reino céntrase no val do río Trent e os seus afluentes, na rexión agora coñecida como a Midlands inglesas. A capital do reino era a cidade de Tamworth, que foi a sede dos reis de Mercia de polo menos ao redor do ano 584, cando o rei Creoda construíu unha fortaleza na cidade. Os veciños de Mercia eran Northumbria, Powys, os reinos de Gales do Sur, Wessex, Sussex, Essex e Anglia Oriental.

Durante 300 anos (entre o 600 e o 900), logo de anexar ou adquirir a submisión de cinco dos seis reinos da heptarquía (East Anglia, Essex, Kent, Sussex e Wessex), Mercia dominaba Inglaterra ao sur do río Humber, este período coñécese como a supremacía merciana. O reinado do rei Offa, que é o máis recordado pola súa muralla, que marcaba o límite entre Mercia e os reinos de Gales, coñécese ás veces como a "idade de ouro de Mercia". Nicholas Brooks observou que "os merciáns destacan de lonxe como o máis exitoso dos diversos primeiros pobos anglosaxóns ata finais do século noveno", e algúns historiadores, como Sir Frank Stenton, creen que a unificación de Inglaterra ao sur do estuario do Humber logrouse durante o reinado de Offa.Mercia foi orixinalmente un reino pagán, pero o Rei Penda converteuse ao cristianismo en torno ao 656, o cristianismo quedou establecido firmemente no reino a finais do século VII. A Diocese de Mercia foi fundada en 656, co primeiro bispo, Diuma, con sé en Repton. Logo de só 13 anos en Repton, no 669 o quinto bispo, San Chad, trasladou o obispado a Lichfield, no que ten a sé desde entón. No 691 a Diocese de Mercia converteuse na Diocese de Lichfield. Durante un breve período do 787 ao 799 a diocese foi un arzobispado, aínda que se disolveu oficialmente en 803. O actual bispo, Jonathan Gledhill, é o 98 desde a creación da diocese.

A finais do século noveno, logo das invasións dos viquingos e o seu Gran Exército Pagán, a maior parte do antigo territorio de Mercia foi absorbido por Danelaw. No seu apoxeo Danelaw incluíu Londres, toda East Anglia e a maior parte do norte de Inglaterra.

O último rei de Mercia, Ceolwulf II, morreu no ano 879, con iso o reino parece perder a súa independencia política. Inicialmente foi gobernada por un señor ou ealdorman baixo o señorío de Alfredo o Grande, que se facía chamar "rei dos anglosaxóns". O reino tivo un breve período de independencia na metade do século X, e de novo moi brevemente en 1016, con todo esta vez foi visto como unha provincia dentro do Reino de Inglaterra, non como un reino independente.

Mercia aínda se utiliza como unha designación xeográfica, e o nome é utilizado por gran variedade de organizacións, incluíndo unidades militares, entidades públicas, comerciais e benéficas.

Mitoloxía xermánica

A mitoloxía xermana é o conxunto de crenzas profesadas polos antigos pobos xermánicos antes da súa cristianización, en diferentes rexións do Norte de Europa, como a antiga Xermania, Escandinavia, Islandia, as Orcadas e as Shetland, a costa máis meridional de Escocia ou a parte oriental de Inglaterra.

Morcant Bulc

Morcant Bulc foi un príncipe britón, probabelmente un rei, do norte de Britannia, durante o período que vai entre o final do Imperio Romano e o establecemento dun estado inglés a principio da Idade Media.

Morcant aparece nunha liñaxe de Homes do Norte nas dinastías en galés antigo. Semella que foi precedido polo seu pai, Cuncar, e sucedido polo seu fillo, Coledauc. Non se sabe máis nada del. Porén, os historiadores teñen conxecturado que o seu reino estaría situado en Gododdin (Lothian), Alt Clut (Strathclyde) ou Bryneich (Northumberland) a finais do século VI.

O nome de Morcant é unha variante de Morgan. É posíbel, xa que logo, que poida ser identificado con outros Morgans que se atopan na Vida de San Kentigern e os escritos de Nennio:

O rei Morken, semella que de Alt Clut, o opoñente de San Kentigern, durante os seus primeiros tempos como misioneiro, quen expulsou o santo do seu reino.

O rei Morcant que case en solitario destruíu toda a esperanza que tiñan os britóns do Vello Norte de resistiren os invasores anglos durante o século VI. Formaba parte dunha gran alianza britoa, xunto co rei Urien de Rheged, o rei Riderch Hael de Alt Clut e o rei Gwallawc Marchawc Trin de Elmet. Ao principio tiveran moito éxito ao repeleren os anglos do territorio de Bryneich, forzándoos a abandonaren Din Guardi – posibelmente a capital - sobre o ano 590 e cercáronos en Ynys Metcaut (a actual Lindisfarne). Porén, Morcant ficou moi envexoso dos éxitos de Urien, e, se cadra, inquietouse polas perspectivas dun Rheged moi poderoso despois da derrota dos anglos. A traizón, tería asasinado a Urien por medio dun home chamado Llofan Llaf Difo e fixo caer a alianza dos britóns do norte. Os anglos fuxiron do cerco e retomaron a maioría das terras que tiñan antes de que comezase a guerra para expulsalos.

Owain mab Urien

Owain mab Urien ou Owein, finado contra o 595, foi fillo de Urien, rei de Rheged c. 590, e loitou co seu pai contra os anglos de Bernicia. A figura histórica de Owain ficou incorporada na lenda artúrica onde tamén o coñecen como Ywain, Yvain, Ewain ou Uwain. Na súa forma lendaria é o protagonista do Cabaleiro do león de Chrétien de Troyes e do conto galés Owain, ou a dama da fonte, que se corresponde co poema de Chrétien.

Pobo inglés

Os ingleses (inglés: english people), son unha nación e grupo étnico nativo de Inglaterra, que fala a lingua inglesa. A identidade inglesa ten orixe medieval, cando eran coñecidos en inglés antigo como Angelcynn ("familia dos anglos"). O seu etnónimo provén dos anglos, un dos pobos xermánicos que migraron cara a Gran Bretaña durante o século V. Inglaterra é un dos países do Reino Unido.

Historicamente, a poboación inglesa descende de diferentes pobos — os antigos britanos e as tribos xermánicas que se asentaron en Britania despois da marcha dos romanos, incluíndo os anglos, os saxóns, os xutos e os frisóns. Coñecidos colectivamente como anglosaxóns, fundaron o que se convertería en Inglaterra (do inglés antigo Englaland) xunto cos dinamarqueses, normandos e outros grupos. Na Lei de Unión (1707), o Reino de Inglaterra foi sucedido polo Reino de Gran Bretaña. Co paso dos anos, a identidade e costumes ingleses foron identificados coa identidades e os costumes británicos en xeral.

O pobo inglés son os responsables da lingua inglesa, do sistema Westminster, do dereito anglosaxón e de numerosos deportes, como o crícket, o fútbol, o rugby e o tenis. Estas e outras características da cultura inglesa espalláronse por todo o mundo, en parte por mor do Imperio Británico.

Rei Artur

O rei Artur é unha importante figura da mitoloxía de Gran Bretaña orixinada na mitoloxía celta, representa o ideal do cabaleiro na guerra e na paz. É a personaxe principal no ciclo de lendas coñecido como Materia de Bretaña. Os investigadores non concordan sobre se realmente existiu, nas máis antigas referencias dos textos galeses non se lle dá o título de rei, senón dux bellorum. O seu nome procede de arz (oso) símbolo da forza, da estabilidade e da protección

A máis antiga referencia dun historiador é do monxe e historiador galés Nennio, por volta do ano 826, en Historia Brittonum, narrou unha ducia de batallas épicas de Artur contra dos bárbaros (xutos, anglos, saxóns...). Segundo Nennio, Artur viviu entre fins do século V e comezos do século VI, e datou a súa morte no ano 542 da man do seu sobriño Mordred.

No século X aparece nos Annales Cambriae que no ano 516 rexistra a vitoria de Artur contra dos saxóns e no 537 a súa morte nunha batalla.

Reino de Anglia Oriental

O Reino de Anglia Oriental (Ēast Engla rīce, "Reino dos anglos orientais"), un dos sete reinos tradicionais da chamada Heptarquía Anglosaxoa, foi fundado ao redor do ano 600 e cubría o territorio actualmente ocupado polos condados de Suffolk, Norfolk e Cambridgeshire.

Reino de Northumbria

Northumbria (en saxón antigo: Norþanhymbra; en nórdico antigo: Norðimbraland, nome que reflicte a súa localización ao norte do río Humber) foi un dos reinos menores dos anglos, mencionado no século XII por Henrique de Huntingdon como parte da Heptarquía anglosaxoa-xuta, os dominios establecidos polos pobos xermánicos que comezaron a invadir Gran Bretaña a finais do século V, cando xa había case 70 anos que fora abandonada polas lexións romanas.

Fundada por anglos baixo o mando de Æthelfrith (Ethelfrith) no que hoxe é o nordés inglés no ano 593 a partir da unión doutros dous reinos menores, Bernicia e Deira, floreceu no século VII, chegando a estenderse polas Terras Altas escocesas e Gales, desde o Humber até o Forth. Tivo a súa capital en Whitby, sede do coñecido sínodo homónimo que decidiu en favor do rito cristián romano fronte ao irlandés para ser implantado en terras británicas.

O territorio northumbrio foi ocupado polos daneses no século IX e integrouse ao reino de Inglaterra en 829, da man das conquistas de Ecgberht de Wessex.

O condado que se formou despois, estaba limitado ao sur polo río Tees e ao norte polo río Tweed (o que hoxe en día é similar á rexión moderna do Nordés de Inglaterra) e foi recoñecido como parte de Inglaterra polo Tratado de York de 1237 entre Inglaterra e Escocia. Berwick-upon-Tweed, que se sitúa ao norte do Tweed, foi definido como súbdito das leis de Inglaterra pola Acta de Gales e Berwick de 1746. O territorio que unha vez foi parte de Northumbria durante o seu apoxeo é administrado hoxe en día por rexións diferentes como Nordés de Inglaterra (Bernicia), Yorkshire e Humber (Deira), Noroeste de Inglaterra (Cumbria), os Scottish Borders, West Lothian, Edimburgo, Midlothian e East Lothian.

Actualmente, Northumbria é a rexión Nordés de Inglaterra. O nome úsase nos títulos da Policía de Northumbria (a cal administra Northumberland e Tyne e Wear) e a Universidade de Northumbria (situada en Newcastle), e tamén foi adoptado pola Xunta de Turismo de Inglaterra para referirse ao Nordés de Inglaterra.

Saxóns

Os saxóns (en latín: Saxones, en inglés antigo: Seaxe, en saxón antigo: Sahson, en baixo alemán: Sassen, en alemán: Sachsen, en danés: Saksen) foron o pobo xermánico que invadiu e emigrou á illa de Gran Bretaña no século V xunto cos anglos e os xutos. Fortemente emparentados cos anglos, debían ó seu nome ás armas que usaban, unhas espadas curvas chamadas sax. Estaban fortemente relacionados cos anglos e os frisios.

Os saxóns vivían daquela nunha área que comprendía dende o leste dos actuais Países Baixos ata o itsmo da península de Xutlandia, abranguendo o que hoxe en día é o estado alemán de Baixa Saxonia. Do saxón antigo derivan o actual baixo saxón e o inglés.

Os saxóns que emigraron a Gran Bretaña estableceron tres reinos: Essex, Sussex e Wessex, este último o máis poderoso dos tres. Foron o pobo máis numeroso dos invasores, e tamén o máis cruel segundo as crónicas; crese que chegando a facer limpezas étnicas da poboación indíxena britón-romana.

Os saxóns que ficaron en Alemaña foron sometidos por Carlomagno séculos despois, para logo ser un dos estados importantes do Sacro Imperio Romano-Xermánico, xa ocupando o ducado de Saxonia, que abranguía o actual estado de Saxonia.

York

York é unha cidade do norte da Inglaterra, situada na confluencia dos ríos Ouse e Foss, no condado de North Yorkshire.

Trátase dunha das máis antigas cidades inglesas, sendo fundada no 71 d.C. como Eboracum polos romanos. Entre o 190 e o 192 d.C. tornouse a capital principal do Imperio Romano ao gobernar desde ela o emperador Septimus Severus.

Crese que Eboracum, nome da cidade desde o ano 71 até o século VII, sexa unha latinización da expresión céltica Eborakon, que significa "lugar dos teixos".

O nome Eboracum mudou en Eoforwic cando os Anglos chegaron no século VII, un composto de Ebor>Eofor (do vello nome) e de -wic ("vila").

Cando no 886 foi conquistada por un exército normando procedente de Dinamarca, pasou a ser nomeada como Jórvik, en honra do líder militar que a tomou. O termo evolucionou até o actual York, rexistrado por primeira vez no século XIII

Arredor do ano 1080 comezou a construción da catedral, que actualmente se pode contemplar como un espléndido edificio de estilo gótico e é Sé do segundo arcebispo na xerarquía da Igrexa Anglicana, despois do de Westminster.

A cidade, grazas á súa proximidade á vía principal de comunicación entre o norte e o sur das illas, converteuse nun puxante centro de comercio. O rei Enrique I deulle o seu primeiro foro que lle garantía o dereito de comercio co resto de Inglaterra e Europa. Durante a Idade Media os marchantes de York importaban viño de Francia, roupas, cera, lonas e carballo dos Países Baixos, madeira e peles dos países Bálticos e exportaban gran a Gascoña e la aos Países Baixos

No século XIX York converteuse nun eixo da rede de ferrocarrís e nun centro de fabricación de doces. Nas décadas recentes, a economía de York mudou para se centrar no sector servizos. A Universidade de York e os Servizos de Saúde convertéronse nos maiores xeradores de emprego, xunto co turismo que tamén acadou un lugar importante na economía local.

En 2003, a cidade tiña 183.128 habitantes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.