Anfibios

Os anfibios (Amphibia) son unha clase de animais que inclúe tódolos tetrápodos vivos (vertebrados de catro patas) que non teñen embrións con amnio, son poiquilotermos que normalmente pasan parte do tempo na terra. A maioría dos anfibios non teñen as adaptacións a unha vida exclusivamente terrestre que si posúen a maioría dos demais tetrápodos modernos (amniotas). Coñécense unhas 6.000 especies. O seu estudo (xunto cos réptiles) coñécese como herpetoloxía.

Anfibios
Rango fósil: Devoniano - presente
Seymouria, Dermophis mexicanus, Notophthalmus viridescens e Litoria phyllochroa

Seymouria, Dermophis mexicanus, Notophthalmus viridescens e Litoria phyllochroa
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Amphibia
Subclases e Ordes
Subclase Labyrinthodontia — extinta
Orde Temnospondyli — extinta
Subclase Lepospondyli — extinta
Subclase Lissamphibia
Orde Anura
Orde Caudata
Orde Gymnophiona
Orde Allocaudata — extinta

Evolución e sistemática

O estudo dos fósiles pon de manifesto que os peixes pulmonados ou crosopterixios do Devoniano foron os antecesores dos anfibios, sendo o grupo máis primitivo de anfibios coñecido na actualidade os Estegocéfalos que amosan un cranio cunha estrutura moi parecida ao suborde dos Osteoléptidos dentro do grupo dos crosopterixios. Os estegocéfalos posuían un cranio que amosaba características moi típicas dos anfibios, pero aínda conservan a forma e outros trazos dos peixes. Durante os períodos Carbonífero e Pérmico estendéronse dando lugar a moitas ramas evolutivas, das que algunha deu orixe aos actuais anfibios. Pénsase que os Labirintodontos deron lugar aos Anuros e os Lepospóndilos aos Urodelos, aínda que mesmo hai dúbidas respecto disto. Os anfibios primitivos mellor coñecidos son os chamados labirintodontos. Eran semellantes a píntegas xigantes, de cabeza alongada e cola longa e musculosa. Acadaban tallas arredor dos catro metros de lonxitude.

As relacións filoxenéticas entre os tres grupos de lisanfibios foron materia de debates e controversias durante décadas. Os primeiros estudos de secuencias de ADN mitocondrial e ADN ribosomal nuclear sustentaban unha relación achegada entre as píntegas e as apodas (grupo denominado Procera).[1][2][3][4] Esta hipótese axudaba a explicar os patróns de distribución e o rexistro fósil dos lisanfibios, dado o feito de que as ras están distribuídas en case tódolos continentes mentres que as píntegas e as apodas presentan unha moi marcada distribución en rexións que algunha vez formaron parte de Laurasia e Gondwana respectivamente. Os rexistros fósiles máis antigos de ras (e de lisanfibios) datan do Triásico Inferior (~250 Ma) de Madagascar[5] (correspondendo ao xénero Triadobatrachus[6]), mentres que os das píntegas e as apodas corresponden ao período Xurásico (~190 Ma). Porén, as análises posteriores e recentes nos que se ocuparon grandes bases de datos tanto de xenes nucleares coma mitocondriais, ou unha combinación de ambos, establecen ás ras e ás píntegas como grupos irmáns, cuxo clado é denominado Batrachia. Este grupo é reafirmado por estudos de datos morfolóxicos (incluíndo o de espécimes fósiles).[7][8][9]

Clasificación

Taxonomía

  • Orde Anura (anuros)
    • Familia Allophrynidae
    • Familia Arthroleptidae
    • Familia Ascaphidae
    • Familia Astylosternidae
    • Familia Bombinatoridae
    • Familia Brachycephalidae
    • Familia Bufonidae
    • Familia Centrolenidae
    • Familia Dendrobatidae
    • Familia Discoglossidae
    • Familia Heleophrynidae
    • Familia Hemisotidae
    • Familia Hylidae
      • Subfamilia Hemiphractinae
      • Subfamilia Hylinae
      • Subfamilia Pelodryadinae
      • Subfamilia Phyllomedusinae
    • Familia Hyperoliidae
      • Subfamilia Hyperoliinae
      • Subfamilia Leptopelinae
    • Familia Leiopelmatidae
    • Familia Leptodactylidae
      • Subfamilia Ceratophryinae
      • Subfamilia Cycloramphinae
      • Subfamilia Eleutherodactylinae
      • Subfamilia Leptodactylinae
      • Subfamilia Telmatobiinae
    • Familia Limnodynastidae
    • Familia Mantellidae
      • Subfamilia Boophinae
      • Subfamilia Laliostominae
      • Subfamilia Mantellinae
    • Familia Megophryidae
    • Familia Microhylidae
      • Subfamilia Asterophryinae
      • Subfamilia Brevicipitinae
      • Subfamilia Cophylinae
      • Subfamilia Dyscophinae
      • Subfamilia Genyophryninae
      • Subfamilia Melanobatrachinae
      • Subfamilia Microhylinae
      • Subfamilia Phrynomerinae
      • Subfamilia Scaphiophryninae
    • Familia Myobatrachidae
    • Familia Nasikabatrachidae
    • Familia Pelobatidae
    • Familia Pelodytidae
    • Familia Petropedetidae
    • Familia Pipidae
      • Subfamilia Dactylethrinae
      • Subfamilia Pipinae
    • Familia Ranidae
    • Familia Rhacophoridae
      • Subfamilia Buergeriinae
      • Subfamilia Rhacophorinae
    • Familia Rheobatrachidae
    • Familia Rhinodermatidae
    • Familia Rhinophrynidae
    • Familia Scaphiopodidae
    • Familia Sooglossidae
  • Orde Urodela (urodelos)
    • Familia Ambystomatidae
    • Familia Amphiumidae
    • Familia Cryptobranchidae
    • Familia Dicamptodontidae
    • Familia Hynobiidae
    • Familia Plethodontidae
      • Subfamilia Desmognathinae
      • Subfamilia Plethodontinae
    • Familia Proteidae
    • Familia Rhyacotritonidae
    • Familia Salamandridae
    • Familia Sirenidae
  • Orde Gymnophiona (ximnofións ou cecilias)
    • Familia Caeciliidae
      • Subfamilia Caeciliinae
      • Subfamilia Typhlonectinae
    • Familia Ichthyophiidae
    • Familia Rhinatrematidae
    • Familia Scolecomorphidae
    • Familia Uraeotyphlidae

Filoxenia

─o Sarcopterygii
 ├─o Coelacanthimorpha ou Actinistia
 └─o
   ├─o Dipnoi (+)
   └─o Tetrapoda
     ├─o Anfibios + (Lissamphibia e Lepospondyli)
     └─o
       ├─o Temnospondyli (extintos) (+)
       └─o Reptiliomorpha
         └─o Cotylosauria
           └─o Amniota (+)

A orde parafilética dos Labyrinthodontia (labirintodontes), antes era un importante taxon dos anfibios pero hoxe considérase como obsoleta.

Galería de imaxes

Green Frog Rana clamitans Facing Left 3008px

Rana clamitans

Red-eyed Tree Frog - Litoria chloris edit1

Litoria chloris

New England Tree Frog - Litoria subglandulosa

Litoria subglandulosa

Notophthalmus viridescensPCCA20040816-3983A

Notophthalmus viridescens

Litoria phyllochroa

Litoria phyllochroa

Tritón NEWT

Lissotriton helveticus en Oza-Cesuras

Notas

  1. Hedges, S. B. et al. (1990) Tetrapod phylogeny inferred from 18s and 28s ribosomal RNA sequences and a review of the evidence for amniote relationships Arquivado 10 de xuño de 2010 en Wayback Machine.. Molecular Phylogenetics and Evolution 7:607-633.
  2. Hedges, S. B. & Maxson, L. R. (1993) A molecular perspective on lissamphibian phylogeny Arquivado 10 de xuño de 2010 en Wayback Machine.. Herpetol. Monogr 7:27-42.
  3. Feller, A. E. & Hedges, S. B. (1998) Molecular evidence for the early history of living amphibians Arquivado 30 de xullo de 2009 en Wayback Machine.. Molecular Phylogenetics and Evolution 9:509–516.
  4. Zhang, Peng; Chen, Yue-Qin; Zhou, Hui; Wang, Xiu-Ling; Qu, Liang-Hu (setembro 2003). "The complete mitochondrial genome of a relic salamander, Ranodon sibiricus (Amphibia: Caudata) and implications for amphibian phylogeny". Molecular Phylogenetics and Evolution (en inglés) 28 (3): 620–626. doi:10.1016/S1055-7903(03)00059-9.
  5. San Mauro, D. (2005) Initial diversification of living amphibians predated the breakup of Pangaea. American Naturalist 165: 590-599
  6. Rage, J-C. & Roček, Z. (1989) Redescription of Triadobatrachus massinoti (Piveteau, 1936) an anuran amphibian from the Early Triassic. Palaeontographica A 206, 1–16.
  7. Ruta, M. et al.(2003a) Early tetrapod relationships revisited. Biological Reviews 78, 251-345.
  8. Ruta, M. & Coates, M. I. (2007) Dates, nodes and character conflict: addressing the lissamphibian origin problem. Journal of Systematic Palaeontology 5: 69 -- 122.
  9. Carroll, R. L. (2007) The Palaeozoic Ancestry of Salamanders, Frogs and Caecilians. Zoological Journal of the Linnean Society 150: 1-140.

Véxase tamén

Outros artigos

Ano (anatomía)

O ano ou anus é a parte terminal do tubo dixestivo en oposición á boca que é o extremo inicial. É unha estrutura aberta que ten como función controlar a expulsión das feces, que son un produto semisólido xerado durante a dixestión. A saída de substancias a través do ano está controlada, en moitos animais, polo músculo esfinter. Os anfibios, réptiles e aves usan o mesmo orificio para excretar os residuos sólidos e líquidos, para a cópula e para a posta de ovos, polo que este orificio recibe o nome de cloaca. Os mamíferos placentarios teñen dous orificios separados: un para a defecación (ano) e outro para os ouriños e a reprodución.

Anuro

Os anuros (Anura do grego antigo ἀ(ν-) a(n-) (negación) e οὐρά ourá 'cola') son unha orde de anfibios, coñecidos vulgarmente como ras e sapos. Caracterízanse por carecer de cola, por presentar un corpo curto e moi ensanchado, e unhas patas posteriores moi desenvolvidas e adaptadas para o salto. Os anuros son o grupo máis numeroso de anfibios; estímase que existen más de 5.000 especies, repartidas en 48 familias. A maioría pasa a súa vida dentro ou preto da auga. O seu tamaño pode variar dende uns escasos 8,5 milímetros, como é o caso das especies do xénero Eleutherodactylus, ata tallas que superan os 30 centímetros, destacando a Conraua goliath, o anuro máis grande do mundo.

Aparato circulatorio

O aparello circulatorio é a estrutura anatómica que comprende conxuntamente tanto ó sistema cardiovascular que conduce e fai circular o sangue (torrente sanguíneo), como ó sistema linfático que conduce a linfa.

Branquia

As branquias son os órganos respiratorios de numerosos animais acuáticos, mediante os cales extraen o osíxeno (O2) disolvido na auga e transfiren a esta o dióxido de carbono (CO2).

Os animais acuáticos dotados de branquias captan o O2 que se encontra disolvido na auga, o cal pasa aos fluídos internos (sangue, linfa etc.) e é transportado aos tecidos, onde as células requíreno para a respiración celular, proceso que se realiza en orgánulos celulares denominados mitocondrias. Como resultado da respiración celular prodúcese CO2, o cal debe ser eliminado para evitar a intoxicación do medio interno.

Os animais máis pequenos e de menor taxa metabólica realizan o intercambio de gases pola superficie corporal. Pero os máis grandes necesitan unha superficie de intercambio máis extensa, para o que adquiriron no curso da evolución estruturas especializadas, as branquias. Para favorecer o intercambio, a circulación de fluídos está sempre especialmente organizada nestes órganos, incluso en aqueles animais que carecen dun sistema vascular desenvolvido, como os moluscos.

Carbonífero

O período Carbonífero debe o seu nome o carbón que se iniciou hai uns 300 millóns de anos. Cando as árbores mortas e outros vexetais caían en pantanos quedaban cubertos de lodo. Co tempo os restos vexetais secáronse e formaron o que chamamos turba. Enterrada baixo capas de terra e rocha a gran profundidade, a turba quedou comprimida e quentouse ata que ó final converteuse en carbón.

Cordados

Os cordados (Chordata, do latín chordata, pl. de chordatum "cordado", "con corda"; de chorda, "corda"; literalmente "os que teñen corda") son un filo do reino animal caracterizado por presentar cinco sinapomorfias, a máis destacada das cales é a presenza dunha corda dorsal ou notocorda de células turxentes (e dun tubo neural) polo menos nalgunha fase do seu desenvolvemento.Coñécense preto de 65 000 especies actuais, a maioría pertencentes ao subfilo dos vertebrados, e case a metade das cales son peixes.

Os cordados son un grupo con gran diversidade, adaptados a un gran número de nichos ecolóxicos e que demostraron ao longo da súa historia evolutiva notábeis adaptacións, sobre todo ao medio terrestre e os seus ambientes, aínda que tamén ao acuático ou o anfibio, nos cales moitos deles constitúen os últimos elos tróficos dos seus ecosistemas.

Nos cordados destaca a capacidade de autorregulación e organización interna; algúns, como as aves e os mamíferos, poden elevaren e manteren constante a temperatura do corpo. Estes e outros factores engadiron complexidade a este grupo de animais, permitindo un maior control sobre as reaccións metabólicas e o desenvolvemento dun complexo sistema nervioso.

Cágado

Un cágado (tamén chamado cabezolo, cabezudo, cagote, cagulo, cullarapo, cullareto, culler, ou relo) é a larva dos anfibios, especialmente dos anuros como ras e sapos, que despois dunha metamorfose convértese en anfibio adulto. Xeralmente son larvas acuáticas, aínda que tamén hai algunhas terrestres.

Declive nas poboacións de anfibios

Dende a década de 1980 estase a producir un dramático declive nas poboacións de anfibios arredor do mundo, caracterizado polo colapso nas poboacións e pola extinción masiva localizada. No ano 1993, as poboacións de máis de 500 especies de ras e píntegas dos cinco continentes presentaban un declive na súa poboación. O declive dos anfibios está afectando a milleiros de especies en toda clase de ecosistemas, polo cal foi sinalado como unha das grandes ameazas da biodiversidade global.En realidade o declive dos anfibios xa se empezou a detectar en Europa desde a década de 1950, pero os científicos non consideraron que isto puidese supoñer extincións masivas ata a década de 1980, xa que se pensaba que podían ser flutuacións naturais habituais nas poboacións. Hoxe crese que o problema persistirá durante longo tempo.Os declives e extincións masivas nas poboacións de anfibios son un problema local con complexas causas globais. Entre as causas atópanse: aumento no índice de raios ultravioletas (por mor do debilitamento da capa de ozono), novos depredadores nos ecosistemas actuais (especies introducidas), fragmentación e perda de hábitat, toxicidade e acidez ambiental, doenzas emerxentes, cambio climático e interaccións entre todos estes factores.

Extinción

En bioloxía, extinción é a desaparición de todos os individuos dunha especie ou xénero. Pode considérase unha especie como extinta unha especie a partir do intre en que morre o seu último individuo, inda que de facto pode estalo desde que a comunidade perdeu a capacidade de reprodución ou recuperación.

Debido a que o seu rango de distribución potencial pode ser moi grande, determinar ese momento pode non ser doado, polo que decote faise en retrospectiva. Estas dificultades poden conducir a fenómenos como o taxon Lazarus, no que unha especie que se presumía extinta reaparece tras un período de aparente ausencia. No caso de especies que se reproducen sexualmente, a extinción é xeralmente inevitábel cando só queda un individuo da especie ou unicamente individuos do mesmo sexo.

Segundo datos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (IUCN) no planeta hai 17 mil especies de animais e plantas ameazadas de extinción incluíndo un terzo dos anfibios, máis dunha de cada oito especies de aves e preto dun cuarto dos mamíferos.

Gnatóstomos

Os gnatóstomos (Gnathostomi) ou gnatostomados (Gnathostomata) é o gupo dos vertebrados con mandíbulas.

O termo, do latín científico, está formado polos elementos gantho- (do grego γνάθος gnáthos, "mandíbula") e -stomata (plural de -stoma, do grego στόμα stóma, "boca"), é dicir, "os que teñen a boca con mandíbulas".

Trátase dun amplo e heteroxéneo grupo que abarca os peixes propiamente ditos, os réptiles, os anfibios, as aves e os mamíferos, comprendendo aproximadamente 60 000 especies, que representan o 99 % de todos os vertebrados vivos.

O grupo foi considerado tradicionalmente como unha superclase, dividida en tres clases de organismos que deominamos xenericamente peixes:

os condrictios (Chondrichthyes) ou peixes cartilaxinosos,

os placodermos (Placodermi), un extinto clado de peixes acoirazados, e

os teleóstomos (Teleostomi) ou peixes óseos (ademais das coñecidas clases dos anfibios, réptiles, aves e mamíferos).Algúns sistemas de clasificación usaron o termo anfirrinos (Amphirhina).

É un clado irmán dos craniados sen mandíbula, os ágnatos (Agnatha).

Novos achados fósiles suxiren que os telodontes (Thelodonti) son os parentes máis achegados aos gnatostomados.Os gnatostomados apareceron no perídodo ordovícico (hai case uns 500 millóns de anos) e fixéronse comúns no Devoniano (hai uns 440 millóns de anos).

Herpetoloxía

A herpetoloxía, palabra orixinaria dos termos gregos ἑρπετόν herpetón, 'animal esvaradío', e λόγος lógos, 'comunicación' (no sentido de 'coñecemento'), é a rama da zooloxía que se dedica ao estudo dos anfibios e réptiles, incluídas a súa taxonomía, ecoloxía, comportamento, fisioloxía, anatomía e paleontoloxía.

Hormona estimulante dos melanocitos

Hormona estimulante dos melanocitos (MSH), melanotropina ou intermedina son termos cos que se designa un tipo de hormonas peptídicas producidas polas células do lóbulo intermedio da hipófise ou pituitaria, das que hai tres formas: alfa, beta e gamma. Foron illadas por Aaron B. Lerner da Universidade Yale. Existen tamén análogos sintéticos destas hormonas.

Migración animal

Chámase migración animal a cada un dos desprazamentos periódicos, estacionais ou permanentes, de especies animais dun hábitat a outro.

Son moitos os animais que realizan migracións. O tipo de migración que efectúan é moi distinto en mamíferos, aves, peixes como os salmóns e as anguías, os invertebrados como as lagostas (Locusta migratoria) ou as bolboretas monarca (Danaus plexippus), ou os microorganismos do zooplancto. O caso dos movementos masivos non periódicos dalgúns animais que se produza nun intervalo de poucos anos adoita chamarse emigración ou invasión.

Toda migración animal implica un movemento activo por parte do individuo migrante, a miúdo durante moitos días. Porén, os animais máis pequenos, como os do plancto, os anfibios e as lagostas, aproveitan as correntes de auga ou aire, mentres que as aves aproveitan os ventos alisios e as correntes de aire ascendentes.

A migración cumpre distintas finalidades. Hai especies que o fan para afastarse do seu hábitat en inverno, cando este é extremadamente rigoroso, ou en verán, nas zonas tórridas; outros fano buscando un lugar apropiado para a súa reprodución, ou para fuxir dos seus depredadores; outras especies fano para procurarse alimentos.

Ovo (bioloxía)

Este artigo trata sobre o termo biolóxico, para o alimento véxase ovo (alimento).Nalgúns animais, un ovo é un corpo redondeado, de tamaño e dureza variables, que producen as femias e sustenta e protexe o embrión se o óvulo é fecundado, convértese en cigoto. Os animais ovíparos son aqueles que poñen ovos, con pouco ou ningún desenvolvemento dentro da nai. Esta é a forma de reprodución de moitos peixes, anfibios e réptiles, todas as aves, os mamíferos monotremas e a maioría dos insectos e arácnidos.

Os ovos dos réptiles, aves e monotremas están rodeados por unha casca protectora que pode ser flexible ou non. O ovo do avestruz, de até 1,5 kg, é a maior célula individual que se coñece, aínda que o xa extinto Aepyornis e algúns dinosauros puñan ovos maiores. Mellisuga helenae produce o menor ovo de ave coñecido: pesa medio gramo. Os ovos dalgúns réptiles e a maioría dos peixes son menores, e os dos insectos e outros invertebrados teñen aínda menos tamaño.

O estudo dos ovos, particularmente dos das aves, chámase ooloxía.

Píntega común

A píntega común ou salamántiga (Salamandra salamandra) é un anfibio urodelo común en Europa con preferencia por hábitats acuáticos de media e alta montaña, ecoloxicamente pouco alterados.

Ao longo do territorio galego recibe tamén os nomes vulgares de salamanca, pinchorra, sacabeira, sapagueira, sacarrancha ou saramaganta.

Ra

Ra é o nome galego para designar os anfibios anuros de varias familias, especialmente dos ránidos (Ranidae) e, máis especificamente, os membros do xénero Rana.

Para a xente non moi versada en herpetoloxía, todos os anuros de pel máis ou menos lisa, que dan grandes saltos e viven preto da auga, son ras, mentres que os de pel rugosa, corpo máis repoludo, movementos máis torpes, de hábitos máis terrestres, son sapos. Porén, de seguirmos no criterio filoxenético, veremos que a ra de Santo Antón ou rela (Hyla arborea), está moito máis emparentada co sapo común (Bufo bufo) que coa ra verde (Rana perezi).Porque para o común da xente a palabra sapo suxire un animal feo, de cor discreta, desagradábel, torpe e nocivo. O escaso interese que suscitan e a tradicional aversión do mundo rural por eles, propicia o descoñecemento das diferenzas entre especies, e todas son chamadas vulgarmente "sapos". En realidade, todas as especies de sapos que habitan en Galicia caracterízanse polo seu aspecto repoludo, coas patas traseiras curtas e a pel verrugosa en maior ou menor grao, a maioría de costumes nocturnos e bastante independentes da auga. Pero non hai que esquecer que todas as especies galegas de sapos non son velenosas, e que noutras partes do mundo, hai "ras velenosas" (tamén "sapos velenosos"), e que hai sapos de cores rechamantes.

Reprodúcense por ovos, dos que nacen os cágados. O cágado (tamén chamado cabezolo, cabezudo, cagote, cagulo, cullarapo, cullareto, culler, ou relo) é a larva dos anfibios, especialmente dos anuros como ras e sapos, que despois dunha metamorfose convértese en anfibio adulto. Xeralmente son larvas acuáticas, aínda que tamén hai algunhas terrestres.

En todo o mundo existen unhas 4 800 especies de ras. A maioría pasa a súa vida dentro ou cerca da agua. O seu tamaño é variábel. Entre as máis pequenas ras encontramos o coquí (Eleutherodactylus coqui), de Puerto Rico, mentres que a maior é a Conraua goliath de Camerún e Guinea Ecuatorial).

Réptiles

Os réptiles son os animais pertencentes á clase Reptilia, grupo de vertebrados amniotas e tetrápodos que teñen escamas ou diversas estruturas córneas na pel. Trátase dun grupo de animais que comprende non só tódolos réptiles que existen hoxe no mundo senón que inclúe ademais algúns outros grupos que foron moi abondosos no pasado e que logo desapareceron durante o proceso evolutivo como son, por exemplo, os dinosauros.

Réptil significa "que repta", é dicir que anda arrastrándose. Esta non é unha característica universal deste grupo de animais xa que algúns non se arrastran senón que, por exemplo, teñen patas para o seu desprazamento (exemplo: os lagartos e as tartarugas).

A parte da zooloxía que trata dos réptiles leva o nome de herpetoloxía, na que tamén se inclúe o estudo dos anfibios.

Tetrápodos

Os tetrápodos (Tetrapoda) (do grego τετραπόδηs tetrӑpódēs, latinizado tetrapoda, "de catro pés, o de catro patas") é unha superclase de animais vertebrados con catro extremidades empregadas no desprazamento ou a manipulación. Dado que os anfibios, réptiles, mamíferos e aves son tetrápodos, (incluíndo a píntegas ápodas e serpentes, por cuestións taxonómicas), o termo é especialmente útil para describir os membros máis primitivos do grupo, que irradiaron dende os sarcopterixios (peixes de "aletas lobuladas") aos primeiros anfibios do período devoniano.

Vertebrados

Os vertebrados (Vertebrata) ("os que teñen vértebras"), son un subfilo moi diverso de cordados que comprende aos animais con espiña dorsal ou columna vertebral composta de vértebras.

Inclúe case 62 000 especies actuais e moitas máis fósiles.

Aínda que procedentes do medio dulciacuícola, os vertebrados conseguiron evolucionar no mar e pasar, posteriormente, ao medio terrestre, onde dominan na actualidade logrando colonizar e adaptarse a diferentes ambientes, incluídos os máis difíciles e inhóspitos.

O termo Vertebrata, usado en sentido amplo, é sinónimo de Craniata, e inclúe os mixíns, que non posúen auténticas vértebras; pero de usarmos Vertebrata en sentido estrito (só os cordados con vértebras), debe excluírse dito grupo. Porén, hai evidencias de que os mixíns deben seren incluídos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.