Andrés do Barro

Andrés Lapique do Barro, máis coñecido como Andrés do Barro, tamén coñecido como Andrés Dobarro,[1] nado en Ferrol[2] o 1 de outubro de 1947 e finado en Madrid o 22 de decembro de 1989[3], foi un cantante e actor galego. Coñecido popularmente como Andrés do Barro, ten o mérito de ser dos primeiros cantantes que usaron o galego durante o franquismo. Malia os atrancos para a expresión musical en galego, varias cancións súas foron número un nas principais cadeas radiofónicas estatais.

Andrés do Barro
Andresdobarro
Andrés do Barro conseguiu que por vez primeira unha canción galega fose n.º 1 no Estado
Nacemento1 de outubro de 1949
OrixeFerrol
Falecemento22 de decembro de 1989
 Madrid
Ocupacióncantante

Traxectoria

Foi o sexto dos sete fillos de Nicolás Lapique, coronel da Armada Española, e Consuelo do Barro. Pasaba os veráns en San Martiño de Porto (Cabanas), onde entrou en contacto coa lingua galega. En 1960 a familia mudouse a Bilbao, onde comezou a tocar a guitarra e onde coñeceu a que sería a súa muller, Paula López. Despois a familia mudouse a Madrid, onde Andrés comezou os estudos de Mariña Mercante.

A súa primeira actuación foi no cine Yeca de Chantada o 14 de agosto de 1968. Tres semanas antes ía cantar no hotel Sarga de Cabanas xunto a membros do colectivo Voces Ceibes, pero o concerto -con fins benéficos- cancelouse por non ter permiso. Tras a primeira actuación, ofreceuse a compañías discográficas para gravar un disco. RCA publicoulle en 1969 o seu primeiro EP, mais non lle deron moita publicidade e nun primeiro momento pasou desapercibido.

En 1969 comezou a traballar con Juan Pardo, tamén fillo de militar, quen se ofreceu a ser o seu produtor. En novembro, un mes de comezar o servizo militar, publicouse o sinxelo "O tren", que acadou axiña un grande éxito. Comezou a saír en portadas de revistas como Mundo Joven, e o 12 de abril de 1970 realizou o saque de honra no partido de fútbol entre o Celta de Vigo e o Pontevedra CF disputado no Estadio de Balaídos. Entre 1969 e 1972 estivo acompañado da banda ferrolá Los Sprinters, formada en 1965.

En 1970 publicouse o sinxelo "Corpiño xeitoso", primeira canción en galego en estar no número 1 de Los 40 Principales, nas semanas do 12 e o 19 de setembro, acadando difusión logo de actuar nas festas do barrio de Gràcia, en Barcelona. En setembro participou na Feira do Disco de Valladolid. A finais de ano editou o seu primeiro LP, Me llamo Andrés Lapique do Barro, que presentou no Pompón Club da Coruña. O disco inclúe dúas cancións con letra de Xavier Alcalá, "Teño saudade" e "A uns ollos verdes". Alcalá compuxo tamén a letra das pezas "Rapaciña" e "Fogar de Breogán".

Capela de San Antón de Corveiro, Cervo, Cedeira
Capela de Santo Antón en Corveiro.

Entre febreiro e marzo de 1971 realizou unha xira por Arxentina -onde visitou o Centro Galego de Buenos Aires- e Brasil. A comezos de ano saíu o seu terceiro sinxelo, "San Antón", canción referida á romaría de Corveiro (Cedeira). Trala gravación deste tema, Juan Pardo deixou de ser o seu produtor. En verán saíu o sinxelo "Meu amor", adianto do seu segundo disco, e fixo o seu debut como actor no filme La red de mi canción, dirixido por Mariano Ozores e con Concha Velasco como coprotagonista. Trala morte do seu pai en agosto, escribiulle a canción "Llorar por llorar".

En novembro foi a Lisboa para unha actuación televisiva na RTP, e desde alí dirixiuse a Roma para gravar o LP ¡Pum!. Foi producido por Ele Juárez nos estudios de RCA. Aproveitou a estancia e gravou versións en castelán e italiano das súas pezas. Na semana do 18 de decembro regresou ao número 1 de Los 40 Principales con "Pandeirada". Tamén nese ano participou na curtametraxe Proyecto A, onde se incluíron imaxes para a promoción dun tema seu.

En marzo e abril de 1972 estivo de xira en México, onde gravou o sinxelo "Amor D. F.", un canto á emigración. En xullo participou no XVII Festival da Canción de Benidorm, onde acadou o terceiro posto e o premio da crítica co tema "Las enamoradas", cantado por Federico Cabo. Nese mesmo ano Miguel Ríos propúxolle levar a cabo unha xira conxunta co nome de Conciertos de rock y saudade, pero o proxecto non saíu adiante. A finais de ano, do Barro presentou a canción "Bon Nadal", producida polo arxentino Charlie Leroy.

En 1973 deu concertos en Alemaña, Bélxica, Países Baixos e Suíza. Deixou a discográfica RCA e fichou por Belter, e en xuño participou na I Muestra Belter no parque de atraccións de Montjuïc. Xa en 1974 apareceu o seu terceiro disco, Andrés do Barro, que obtivo pouco éxito de crítica e mercado. En 1975 saíu o sinxelo "Señora mía", e en 1974 e 1975 a discográfica Belter publicou dous compilatorios con cancións inéditas e descartes. En 1976 o selo Impacto publicou un terceiro compilatorio, ao igual ca os anteriores chamado Andrés do Barro.

Entre 1976 e 1980 probou fortuna en México. Á volta foi vivir á Coruña, e ao pouco de regresar tivo un accidente de tráfico preto de Lugo. Da man de Nonito Pereira conduciu o programa "Tren de amigos" en Radio Feliz[4]. Deixou o programa para intentar relanzar a súa carreira e foi vivir a Ourense, pero foi estafado polo seu representante.

En 1986 participou no programa Ruada da TVG. A súa última aparición en televisión foi en 1989 no programa Corazonada, onde o entrevistou Xosé Ramón Gayoso. Finou no sanatorio cirúrxico Virgen del Mar de Madrid por mor dun tumor hepático. Foi soterrado no cemiterio de La Almudena.

Vida persoal

Casou con Paula López en Torrelodones o 25 de xullo de 1970, co almirante Adolfo Baturone Colombo -Ministro de Mariña- como testemuña. Tiveron tres fillos e dúas fillas: Andrés (1971), Nicolás (1972), Andrea (1973), Paula (1975) e Daniel (1979). A parella separouse a mediados da década de 1980.

Recoñecementos

Placa centenario liña betanzos ferrol
Placa do centenario da liña Betanzos-Ferrol na estación de Pontedeume, cun fragmento da canción "O tren".

No ano 2000 o concello de Ferrol adicoulle unha rúa, e tempo despois o concello de Santiago de Compostela adicoulle unha praza na Choupana. En 2004 comezou unha serie de homenaxes, iniciada cunha mesa redonda celebrada en Ferrol o 22 de decembro co gallo do 15 aniversario da súa morte. Nela participaron María Yáñez, Andrea Lapique, Xavier Alcalá, Nonito Pereira, Anxo Fernández e Xurxo Souto.[5][6]

No ano 2006 Noel Feáns -guitarrista de Fanny e Alexander e coordinador do selo A Regueifa- promoveu o Manifesto Dobarrista, disco no que trinta grupos galegos facían versións das cancións do cantante ferrolán. O Manifesto presentouse en directo no Teatro Jofre de Ferrol o 15 de maio de 2007, e foi emitido pola TVG o 2 de xuño. En 2008 estreouse o documental O tren que me leva, de Anxo Fernández.

No 2015 Fernando Fernández Rego publica a biografía do músico ferrolán: Saudade. Andrés do Barro: El músico que llevó el pop gallego al número uno de ventas, contando coa colaboración da familia de Andrés.

Discografía

Sinxelos

  • Por non poder / A uns ollos verdes / Homes / Deixa que chova (EP, 1969)
  • O tren / Miña Maruxa (1969)
  • Corpiño xeitoso / Rapaciña (1970)
  • San Antón / Con máis amor (1971)
  • Meu amor / Pois eu (1971)
  • Amor D.F. / Quiero hacer mi casa en el cielo (1972)
  • Bon Nadal / ¡Pum! (1972)
  • Me estoy volviendo loco / A máis belida da vila (1973)
  • Si vienes a San Simón / As namoradiñas (1973)
  • Señora mía / Hoxe vai chorar (1975)

LP

Directos e recompilatorios

  • Andrés do Barro (1974)
  • Andrés do Barro (1975)
  • Andrés do Barro (1976)
  • Éxitos (1997)
  • Los grandes éxitos de Andrés do Barro (1998)
  • A saudade na memoria (2001)
  • Todas sus grabaciones en RCA 1969-1972 (2003)
  • O tren (2003)

Notas

  1. Entrada "DOBARRO, Andrés" na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada
  2. Becerra, Javier (23 de xaneiro de 2010). "Saudade de Andrés do Barro". La Voz de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 24 de agosto de 2015. Consultado o 25 de xuño de 2015.
  3. El cantante Andrés Dobarro muere en la penuria económica en El País. (en castelán)
  4. "A la memoria de Andrés Lapique do Barro: mis vivencias..., post no blog de Nonito Pereira, 30 de abril de 2014 (en castelán).
  5. Díaz, Eva (22-12-2004). "Galicia recupera la figura del cantante ferrolano Andrés Dobarro". La Voz de Galicia (en castelán) (Ferrol). Consultado o 18-8-2017.
  6. "Un ciclo homenaxea en Ferrol a Figura de Andrés Dobarro". Consello da Cultura Galega.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Fernández Rego, Fernando (2015): Saudade. Andrés do Barro: El músico que llevó el pop gallego al número uno de ventas. Ed. Lafonoteca. ISBN 978-84-606-9401-4

Outros artigos

Ligazóns externas

1 de outubro

O 1 de outubro é o 274º día do ano do calendario gregoriano (275ºnos anos bisestos). Quedan 91 días para finalizar o ano.

22 de decembro

O 22 de decembro é o 356º día do ano do calendario gregoriano e o 357º nos anos bisestos. Quedan 9 días para finalizar o ano.

6PM

6PM é un grupo musical galego formado en 2003 por Raul Mon e Iván Oubiña. O estilo que fan emprega unha base de música electrónica ao que se agregan diversos instrumentos do pop convencional, aproximándose ao que se deu en chamar, nalgúns medios, indietrónica. Dentro do grupo Raúl Mon é o encargado da voz, guitarra, teclados e instrumentos de vento e Iván Oubiña da voz, batería, programación e o baixo.

Al final del camino

Al final del camino é unha produción cinematográfica española estreada en 2009 e protagonizada por Malena Alterio e Fernando Tejero. Ambientada no Camiño de Santiago, a maioría das escenas foron rodadas en Galicia e no elenco atópase tamén o actor galego Javier Gutiérrez.

Alberto Cunha

Alberto Cunha, nado en Vigo o 1 de agosto de 1973, é un actor, músico e humorista galego.

Faltriqueira

Faltriqueira é un cuarteto vocal feminino de Pontedeume, constituído a principios dos anos 90.

Lingua galega

O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.

O galego moderno forma parte do grupo de linguas ibero-occidentais, unha familia de linguas románicas que inclúen o portugués, e que se desenvolveu dende o latín vulgar falado na provincia de Gallaecia, e evolucionou ao que os lingüistas chaman galaico-portugués, falado no Reino de Galicia. As diverxencias dialectais son observables entre as formas do norte e do sur do galaico-portugués en textos do século XIII, mais as dúas variedades eran semellantes abondo para manter un alto grao de unidade até mediados do século XIV, coa literatura galego-portuguesa medieval. A diverxencia continuou até o presente, producindo as modernas linguas galega e portuguesa.O léxico do galego é predominantemente de orixe latina, malia que tamén contén un certo número de palabras de orixe celta e xermánica, entre outros substratos e adstratos. Tamén incorporou certo número de palabras do árabe de Al-Andalus, principalmente a través do castelán.

A Real Academia Galega é consonte a Lei de Normalización Lingüística vixente, a entidade competente para a fixación das normas da lingua galega, non obstante as actuais normas elaboráronse na súa orixe conxuntamente co Instituto da Lingua Galega, teñen tamén un papel destacado o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e o Consello da Cultura Galega.

Los Iribarnes

Los Iribarnes é unha banda galega de Post-punk, con influencias do Punk-rock.

Manifesto Dobarrista

Manifesto Dobarrista é un duplo CD lanzado no ano 2007 pola Regueifa Plataforma, Falcatruada e Lonxa Cultural como tributo a Andrés do Barro. Reúne a 30 grupos do panorama musical galego, en especial de estilos próximos ao pop e ao rock.

O proxecto culmina unha serie de iniciativas dos anos precedentes nos que se pretendeu dignificar e recuperar a figura do artista ferrolán, actualizando o seu legado e afastándoo das visións oficialistas precedentes. Tamén se pretende recuperar a influencia de Andrés do Barro como compositor de cancións populares e comprometido cultural e politicamente. O disco constitúe a primeira homenaxe desta envergadura que non ven feita directamente polos medios de comunicación do goberno galego. Algunhas das iniciativas que reivindicaron a figura de Andrés do Barro a principios do século XXI foron a web Saudade de ti, e o blog A Regueifa conducido por Noel Feáns, onde se puxeron a circular algúns machucos que combinaban cancións do cantante galego con outras de grupos galegos contemporáneos ou de grupos míticos da escena pop e rock internacional. Tamén se consideraron un precedente as actuacións do grupo Safari Orquestra durante o recital Ao pé da letra do ano 2005, onde presentaron unha versión trip-hop da canción "Teño saudade", incorporada máis tarde ao disco.

O traballo contou co apoio da familia de Andrés do Barro. Andrea Lapique, filla do cantante, contribuíu cun texto para acompañar ao disco, e aparece recitando versos do seu pai na canción de Fanny + Alexander. Xurxo Souto e o poeta Daniel Salgado acompañan tamén con textos seus a presentación do disco.

Me llamo Andrés Lapique do Barro

Me llamo Andrés Lapique do Barro é o primeiro álbum de estudio do músico galego Andrés do Barro. Foi publicado en 1970, polo selo RCA.

O disco foi producido por Juan Pardo.

No bico un cantar

No bico un cantar, subtitulado Letras e melodías gravadas no noso corazón, é un programa da Televisión de Galicia sobre cancións populares galegas, feito por un equipo de profesionais que xa traballaran xuntos no programa Alalá, dirixido por Senén Bernárdez Ferrán. O título está tirado da cantiga "A Rosalía", que Manuel Curros Enríquez lle adicara a Rosalía de Castro.

Noise Project

Noise Project, grupo galego formado na vila de Valga (Pontevedra), que practica un estilo de música a medio camiño entre o post-rock e o noise rock, cunha actitude marcadamente experimental.

O grupo dá os seus primeiros concertos en pubs de Valga a mediados do ano 2005, nese momento como un cuarteto formado por Raúl (guitarra e voz), Alexandre (guitarra e voz), Víctor (batería) e Óscar (baixo e voz). Entre finais de 2005 e mediados de 2006 únenselle Javi (guitarra) e Ernst (laptop, efectos e arranxos), configurando a primeira formación estábel do grupo e aportando parte do seu son característico.

No ano 2007 lanzan o seu primeiro traballo, Teleclube, no netlabel A Regueifa Plataforma. O título remite á prehistoria do grupo, cando Alexandre e Raúl quedaban para tocar no Teleclube de Cordeiro (Valga). O carácter experimental, unido a ironía empregada nalgúns temas levou a que fosen comparados coa actitude de grupos galegos como Os Resentidos e N.H.U.. O traballo tamén incluía a canción "Rapaciña", unha versión de Andrés do Barro que máis tarde sería incluída no recompilatorio Manifesto Dobarrista.

No mesmo 2007, Alexandre ten que abandonar o grupo por motivos laborais. A finais dese mesmo ano entra Álvaro (guitarra, baixo e voz), volvendo o grupo á formación de sexteto.

No ano 2008 o grupo queda segundo no concurso GZcrea, polas cancións "II" e "A pedra de afiar".

Os formantes de Noise Project, como membros da asociación Os Penoucos, promoveron tamén a creación do Festival Artenativa, en Valga, que celebrou a súa primeira edición en agosto de 2007.

No ano 2010 a banda editou o seu segundo traballo Asuntos que se resolven co tempo.

Santiago de Compostela

Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o IGE en 2017 tiña 96.456 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».

Por outra banda, tamén é a Sé Arcebispal galega, amais do destino das diferentes rutas que conforman o Camiño de Santiago, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, distinción que tamén posúe o seu casco vello dende o ano 1985.

A cidade aséntase entre o monte Pedroso e o monte Viso, circundada polos ríos Sar e Sarela. Limita ao norte cos concellos de Val do Dubra, Trazo e Oroso; ao sur con Teo, Vedra e Boqueixón; ao leste co Pino; e ao oeste con Ames. Ademais da cidade de Santiago, o termo municipal comprende vinte e nove parroquias rurais. Por poboación é o quinto concello galego despois de Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo. Posúe unha densidade de poboación de 432,74 hab./km² (2011), e unha superficie de 220,6 km².

The Homens

The Homens é un grupo galego encadrado dentro do xénero musical coñecido como power pop.

Xavier Alcalá

Francisco Xavier Alcalá Navarro, máis coñecido como Xavier Alcalá, nado en Miguelturra (Cidade Real) o 19 de agosto de 1947, é un escritor galego. É irmán do arquitecto Alfredo Alcalá.

¡Pum!

¡Pum! é o segundo álbum de estudio do músico galego Andrés do Barro. Foi publicado en 1971, polo selo RCA.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.