Andorra

Andorra, oficialmente Principado de Andorra (en catalán: Principat d'Andorra), é un estado soberano sen saída ao mar, situado nos Pireneos entre España e Francia, limitando coa comunidade autónoma de Cataluña ao sur e cos departamentos franceses de Pireneos Orientais e Ariège ao norte. O Principado de Andorra é o sexto país máis pequeno de Europa cunha superficie de 468 km² e unha poboación estimada de 88.815 habitantes en 2009.[2]. A súa capital é Andorra la Vella e a súa lingua oficial o catalán, aínda que tamén se falan de xeito común o castelán, o francés e o portugués.

O Principado foi fundado en 1278,[3] e a súa soberanía está compartida entre o Presidente da República Francesa e o Bispo de Urgell. É unha nación próspera debido sobre todo á súa industria turística, que serve a uns 10,2 millóns de visitantes ao ano, e polo seu status de paraíso fiscal. Non é membro da Unión Europea, aínda que o euro é a súa divisa de facto. Durante moito tempo pobre e illado, acadou unha notable prosperidade desde a segunda guerra mundial e hoxe os andorranos posúen a segunda esperanza de vida ao nacer máis alta do mundo con 85 anos.[4]

Coordenadas: 42°30′N 1°31′L / 42.500, -1.517

Principado de Andorra
Principat d'Andorra
Bandeira de Andorra
Escudo de Andorra
BandeiraEscudo
Location Andorra Europe
Lema: Virtus Unita Fortior
(Latín: A unión fai a forza)
Himno: El Gran Carlemany
Capital
 Poboación
Andorra la Vella
24 574 (2007)
Cidade máis poboadaAndorra la Vella
Linguas oficiaisCatalán
Forma de gobernoCo-Principado parlamentario
Joan E. Vives i Sicília
Emmanuel Macron
Xavier Espot[1]
Independencia1278
SuperficiePosto 191º
 • Total467,76 km²
 • % auga0
Fronteiras125 km
Costas0 km
PoboaciónPosto 194º
 • Total (2009 est.)88 815 hab.
 • Densidade180,5 hab./km²
PIB (nominal)
 • Totaln/d
 • per cápitan/d
PIB (PPA)Posto 157º
 • Total (2008)3 660 millóns US$
 • per cápita42 500 US$
MoedaEuro1 (€, EUR)
IDH (2007)0,934 (28º) – Moi alto
XentilicioAndorrano, andorrana
Fuso horarioCET (UTC 1)
 • Horario de veránCEST (UTC 2)
Dominio de Internet.ad2
Prefixo telefónico+376
Prefixo radiofónicoC3E-C2N
Código ISO020 / AND / AD
Membro de: ONU, OSCE, COE
1 Antes de 1999, o franco francés e a peseta española. Despois de 1982 ten emitido en pouca cantidade o diner andorrano.
2 Tamén .cat como outros territorios de lingua catalá.

Etimoloxía

A orixe da palabra Andorra é descoñecida, aínda que hai diversas teorías que tentan explicala. Unha primeira teoría suxire que Andorra podería derivar do árabe al-Darra, cuxo significado é "fraga", xa que cando os sarracenos invadiron parte da Península Ibérica, os vales dos Pireneos estaban formados por grandes extensións de fragas. Ademais outros pobos, de rexións tamén dominadas polos musulmáns, recibiron esta denominación.

Outras teorías suxiren que deriva do termo navarro Andurrial, que significa "terra cuberta de arbustos".[5] Doutra banda, a etimoloxía popular afirma que Carlomagno nomeara a rexión en referencia ao val bíblico canaanita de Endor[6] ou Andor,[7] onde os madianitas foran derrotados.

Historia

Artigo principal: Historia de Andorra.

Na Idade Media, os vales de Andorra pertencían ao condado de Urgell. Coa expansión deste condado cara ao sur (Mur, Àger, Ponts, Balaguer, Guissona, Agramunt etc.), onde había terreos máis fértiles, as zonas montañosas deixaron de ter interese para o conde. O bispado cedeu en feudo este territorio ao Vizcondado de Castellbó. Por medio de enlaces matrimoniais, os seus dominios pasaron a mans do condado de Foix. A partir de aquí, Andorra será un coseñorío: o bispo de Urgell e o conde de Foix. Durante o século XIII, asinaron os Pareatges, documentos que fixan os límites do poder de cada coseñor. O conde de Foix irá adquirindo poder (Bearn, Reino de Navarra e de aí o Reino de Francia). Desde entón, os xefes de Estado serán o Bispo de Urgell e o rei de Francia (hoxe, o presidente da República francesa).

Tal estrutura chegará ata os nosos días, o que permitiu que Andorra conserve a súa independencia (salvo por un pequeno período de anexión directa a Francia por Napoleón) ata a actualidade. O único período histórico no cal Andorra non dependeu de ningún outro estado foron uns poucos días en 1934 nos cales o barón de Orange, un ruso chamado Boris de Skossyreff, coroouse rei de Andorra e, en apenas 9 días, proclamou unha constitución, un boletín oficial e varios decretos, ademais de declararlle a guerra ao coprincipe episcopal, o bispo de Urgell, que conseguiu botar ao "monarca" enviando a un grupo de gardas civís. A guerra civil española e a consecuente vitoria dos nacionalistas de Franco, ademais do estourido da segunda guerra mundial e a invasión de Francia por parte dos alemáns de Hitler, deixaron a Andorra nunha difícil tesitura. Andorra foi amparada polo Goberno de Vichy dirixido polo Mariscal Petâin, pero cando este foi deposto polos nazis e Hitler ordenou a invasión de toda Francia, Andorra viviu un dos seus momentos máis escuros. Por unha banda das súas fronteiras o goberno totalitario de Hitler e pola outra a dictadura ultra-nacionalista de Francisco Franco. Debido á súa política de neutralidade pasou desapercibida durante estes conflitos. Con todo tivo que simpatizar forzadamente coas potencias fascistas para evitar unha invasión.

Simboloxía

Andorra-coa-old
Escudo de Andorra na Casa de la Vall

Escudo

O escudo do Principado de Andorra, cuxo lema é "Virtus Unita Fortior" (A unión fai a forza) componse por catro casas (2 por cada Copríncipe).

  • Cuartel superior esquerdo: Mitra dourada cun báculo de ouro en dirección dunha barra na súa parte posterior sobre un campo de goles.
  • Cuartel inferior esquerdo: Catro barras de goles do condado de Barcelona sobre campo de ouro.
  • Cuartel superior dereito: Tres barras de goles do condado de Foix sobre campo de ouro.
  • Cuartel inferior dereito: Vacas do vizcondado de Bearn.

Bandeira

Artigo principal: Bandeira de Andorra.

A bandeira de Andorra adoptouse oficialmente en 1866, componse de tres franxas verticais en azul, amarelo e vermello. No centro móstrase o escudo de Andorra, para diferenciala das bandeiras de Moldavia, Chad e Romanía.

Himno

A letra do himno, titulado El gran Carlemany, escribiuna Joan Benlloch i Vivó e a música foi composta por Enric Marfany Bons. O himno adoptouse oficialmente en 1914 e interpretouse por primeira vez o 8 de setembro de 1921.

Goberno e política

Andorra é un co-principado parlamentario constitucional. A Constitución de Andorra aprobouse o 14 de marzo de 1993.

A xefatura do Estado recae nos copríncipes, o bispo de La Seu d'Urgell e o presidente da República Francesa (a República Francesa é a herdeira do Conde de Foix), representados respectivamente por Joan Enric Vives i Sicília (dende maio de 2003) e Emmanuel Macron.

O Consello Xeral (Consell General) é o órgano lexislativo e trátase dun parlamento unicameral de representación mixta e paritaria da poboación nacional e das sete parroquias, composto por 28 membros elixidos cada catro anos.

O Goberno é o órgano executivo. Actualmente está composto polo presidente do goberno, Xavier Espot, elixido polo Consello Xeral, e once ministros.

Os Comuns son órganos de representación e administración civil das parroquias, similares aos municipios.

Organización político-administrativa

Andorra parishes named
Parroquias de Andorra

Andorra está dividida territorialmente en sete parroquias cuxa orde protocolaria é:

Á súa vez, as parroquias de Ordino, La Massana e Sant Julià de Lòria están divididas en quarts e a de Canillo en veïnats ("veciñanzas"). Ademais non se descarta a posibilidade de que El Pas de la Casa, que actualmente forma parte da parroquia de Encamp, constitúa algún día a oitava parroquia.

Xustiza

O sistema xudicial está composto pola Batllia de Andorra (Batllia d'Andorra), o Tribunal de Cortes (Tribunal de Corts), o Tribunal Superior de Xustiza de Andorra (Tribunal Superior de Justícia d'Andorra), o Consello Superior da Xustiza (Consell Superior da Justícia) e o Tribunal Constitucional (Tribunal Constitucional).

A Batllia de Andorra xulga, en primeira instancia, os delitos menores e contravenciones penais así como os litixios civís e administrativos. O Tribunal de Cortes dirime, en primeira instancia, sobre os delitos maiores e, en apelación, os recursos contra as sentenzas ditadas polo Tribunal de Batlles. O Tribunal Superior de Xustiza de Andorra está composto por un presidente e oito maxistrados designados polo Consello Superior da Xustiza con competencias sobre asuntos civís, administrativos e penais. O Consello Superior da Xustiza, como órgano de representación, goberno e administración do poder xudicial, vea pola independencia e bo funcionamento da xustiza. Finalmente o Tribunal Constitucional é o encargado de interpretar a Constitución andorrana, así como decidir sobre a adecuación das restantes leis a esta, e componse de catro maxistrados.

Xeografía

Andorra mapa
Mapa de Andorra.

A superficie de Andorra é de 468 km² e a súa poboación de 81.222 habitantes (ano 2006). A súa capital é Andorra la Vella que ten máis de 20.000 habitantes.

É un país montañoso, con 65 picos de máis de 2.500 m de altitude. A montaña máis alta é o pico de Comapedrosa con 2.946 m.

Dispón de grandes recursos hídricos: catro ríos (o Valira do Norte, o Valira de Oriente, o Madriu e o Gran Valira) e fontes de auga termal (na parroquia de Escaldes-Engordany).

O clima é o propio da montaña pirenaica: suave no verán e moi frío no inverno, con abundantes precipitacións ao longo de todo o ano.

Economía

Artigo principal: Economía de Andorra.

O turismo, o sostén principal da pequena e podente economía de Andorra, estímase no 80% do PIB. 9 millóns de persoas visítana anualmente, atraídas polo status de paraíso fiscal de Andorra e polos seus hoteis de inverno e verán. A vantaxe comparativa de Andorra erosionouse recentemente mentres as economías das veciñas Francia e España abríronse, proporcionando unha dispoñibilidade máis ampla de bens e tarifas máis baixas.

O sector financeiro, co seu status de impostos, tamén contribúe substancialmente á economía. A produción agrícola está limitada - só o 2% da terra é arable- cultivándose tabaco na case totalidade dos seus campos e a maioría dos alimentos teñen que ser importados. A principal actividade gandeira é a crianza de ovellas. A manufactura consiste, principalmente, de cigarros, puros e mobles.

Andorra non é un membro total da Unión Europea, pero goza dunha relación especial con ela e é tratado como un membro da UE para o comercio en bens manufacturados (sen tarifas) e como non membro da UE para os produtos agrícolas. Andorra carece dunha moeda propia e usa as dos seus dous veciños. Antes de 1999, estas foron o franco francés e a peseta española, as cales foron substituídas por unha soa moeda, o euro. A diferenza doutros pequenos estados europeos que usan o euro, Andorra aínda non emite as súas propias moedas euro; en outubro de 2004, as negociacións entre Andorra e a UE comezaron sobre un acordo que permitiría a Andorra emitir as súas propias moedas.

Demografía

Artigo principal: Demografía de Andorra.

Poboación

A poboación de Andorra era de 83.137 habitantes segundo o censo do ano 2007. A súa capital, Andorra la Vella, é o maior núcleo de poboación, con 24.574 habitantes.

Debido á súa bonanza económica, a poboación andorrana medrou considerablemente dende os anos 60 grazas á inmigración (principalmente de España e, en menor medida, de Portugal). Andorra contaba con 37.808 habitantes en 1981, 59.047 en 1991, 66.334 en 2001 e 81.222 no 2006.

Debido a unha política voluntaria de carácter restritivo para adquirir a nacionalidade, a poboación de nacionalidade andorrana constitúe unha minoría, sendo só o 36,6% do total. O grupo máis grande de estranxeiros é o dos españois (33,0%), composto por cataláns, casteláns e galegos principalmente, seguido polos portugueses (16,3%) e franceses (6,3%). O restante 7,8% está formado por individuos doutras nacionalidades[8]. No principado viven uns 5.000 galegos que fan aproximadamente o 6,17% da poboación, igualando case o número de franceses. A comunidade galega do país está formada principalmente por emigrantes dos concellos pontevedreses de Forcarei, Lalín, Silleda e A Estrada[9]. Os cidadáns que non dispoñen da nacionalidade andorrana, aínda sendo maioritarios no país, non teñen recoñecidos os dereitos básicos como o dereito a voto ou a plena participación en sindicatos (cuxos órganos executivos deben de estar dominados por nacionais andorranos); doutra banda, tampouco poden ser presidentes nin posuír máis do 33% do capital social dunha empresa privada[10].

Linguas

Véxase tamén: Catalán en Andorra.
  Idioma Lingua nai Lingua de uso
Catalán 31,4% 43,8%
Castelán 35,9% 32,8%
Castelán e catalán 1,5% 2,7%
Portugués 14,7% 7,6%
Francés 7,8% 7,1%
Outros 8,7% 6,0%
Fonte: Goberno de Andorra. Enquisa de usos lingüísticos en Andorra - 2004

O idioma oficial do país é o catalán, lingua habitual do 43,8% da poboación. O castelán é a segunda lingua máis falada no Principado, cun 32,8% da poboación que a teñen como lingua habitual, mentres que o portugués o é para o 7,6% da poboación seguido polo francés, lingua habitual do 7,1%.

Con todo, o castelán é a lingua materna ou primeira lingua do 35,9% da poboación, mentres que o catalán o é para o 31,4%.

Cultura

Artigo principal: Cultura de Andorra.

A Biblioteca Nacional e os Arquivos Nacionais de Andorra foron creados en 1974 e 1975 respectivamente, e localízanse na capital.

Ademais existen varios museos: a Casa Rull en Sispony; a Farga Rossell na Massana e o Centro de interpretación Andorra Románica en Pal; o museo Viladomat, o museo de Maquetas de Arte Románica e o museo do Perfume en Escaldes-Engordany; o museo de miniaturas de Nicolaï Siadristy, a Casa de Areny-Plandolit e o museo postal de Andorra en Ordino; o Museo Nacional do Automóbil en Encamp; a Casa de la Vall, cunha sección dedicada á filatelia e numismática, en Andorra la Vella; e o Museo do tabaco en Sant Julià de Lòria.[11]

Arquitectura

En Andorra encóntranse numerosos monumentos románicos. A igrexa de Santa Coloma, construída entre os séculos IX e X d.C é unha das poucas igrexas románicas do mundo con campanario cilíndrico, datado no século XII.

Literatura

A literatura andorrana ten a súa iniciación no século XVIII. Antoni Fiter i Rossell escribiu un libro sobre a historia, o goberno e os usos e costumes de Andorra chamado Digest manual de las valls neutras de Andorra en 1748. Esta obra tamén contén documentos de Carlomagno e Ludovico Pío. Actualmente, o orixinal consérvase na casa Fiter-Riba, de Ordino, aínda que existe unha copia no Armari de les set claus da Casa de la Vall e outra nos arquivos do Bispado de La Seu d'Urgell. Posteriormente, en 1763, o párroco Antoni Puig escribiu o Politar andorrà, obra onde se describen os privilexios do Principado e as atribucións das autoridades. O poeta catalán Jacinto Verdaguer inspirouse, en parte, co val de Setúria para a súa obra Canigó, publicada en 1886.

Como autores de literatura contemporánea pódense citar a Antoni Morell i Mora, Albert Salvadó i Miras, Teresa Colom i Pich e Albert Villaró i Boix participando algúns destes escritores na edición do 2007 da Feira do Libro de Frakfurt.[12] Así mesmo, o Goberno andorrano, xunto con editoriais catalás, convoca anualmente o Premi Carlemany e, desde o 2007, o Premi Ramon Llull.

Música

O evento máis importante na vida cultural andorrana é o Festival internacional de jazz de Escaldes-Engordany, celebrado durante o mes de xullo, onde participaron intérpretes como Miles Davis, Fats Domino e B.B. King. No Auditorio Nacional de Andorra, achantado en Ordino, celébrase o Festival Internacional Narciso Yepes, dedicado á música clásica e ao jazz. Na capital, durante as noites das quintas feiras de xullo e agosto, realízase o Dijous de Rock,onde grupos locais e, puntualmente, españois, ofrecen concertos ao público asistente.

A Orquestra Nacional de Cambra d'Andorra, dirixida e fundada en 1992 polo violinista Gerard Claret, celebra un certame de canto con fama internacional, avalado por Montserrat Caballé, ademais de ter ofrecido concertos en España, Francia e Bélxica e participar regularmente nos ciclos do Palau de la Música Catalana. A música tradicional andorrana, relacionada coas outras rexións pirenaicas, conta con danzas características como a Marratxa. Valiosos materiais sobre o tema foron recolleitos pola folclorista Palmira Jaquetti i Isant.

No 2004 Andorra participou por primeira vez no Festival da Canción de Eurovisión representada por Marta Roure, cunha canción en catalán. A canción foi eliminada na semifinal, así como as composicións de 2005 (interpretada por Marian van de Wal), 2006 (interpretada por Jenny), 2007 (interpretada por Anonymous), 2008 (interpretada por Gisela) e 2009 (interpretada pola cantante danesa Susanne Georgi).

Festas
Data Nome en galego Nome local Notas
1 de xaneiro Aninovo Cap d'any
8 de setembro Virxe de Meritxell Mare de Déu de Meritxell Festa nacional de Andorra
14 de marzo Día da Constitución Diada da Constitució Aprobada o 14 de marzo de 1993
25 de decembro Nadal Nadal

Notas

  1. "Xavier Espot (DA) es proclamado nuevo jefe de Gobierno de Andorra" (en castelán). 15 de maio de 2019. Consultado o 16 de maio de 2019.
  2. "World Gazetteer". Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2011. Consultado o 20 de xaneiro de 2010.
  3. "Departament d'Estadística, Govern d'Andorra". Arquivado dende o orixinal o 02/04/2018. Consultado o 28/08/2018.
  4. Why Andorrans live longer than everyone else?
  5. teu9pAoluOToQIDmnEtr_4Vtv_ZQ Placenames of the World, McFarland & Company
  6. Images of the Medieval Peasant. Freedman, Paul
  7. Estudis d'història da llengua catalá
  8. Estadísticas de población de Andorra. Arquivado 18 de novembro de 2008 en Wayback Machine. Ministerio de Xustiza e Interior de Andorra
  9. http://www.galiciadigital.com/images/notas/nota.php?id=2390
  10. El País 01/08/1985, El País 27/10/1985, El País 09/05/1992, El País 14/07/2007
  11. "Musées d'Andorre" (PDF) (en francés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16-07-2011. Consultado o 14-02-2009.
  12. "Andorra participarà a la Fira de Frankfurt" (en catalán).

Véxase tamén

Ligazóns externas

.ad

.ad é o Dominio de Nivel Superior xeográfico (ccTLD) para Andorra.

Aeroporto de Andorra-La Seu d'Urgell

O Aeroporto de Andorra-La Seu d'Urgell é un aeroporto público xestionado pola empresa Aeroports de Catalunya, utilizado como aeródromo xa que polo momento non ofrece voos comerciais regulares e acolle voos de aviación xeral e de emerxencia.

Está situado na comarca do Alt Urgell, entre os municipios de Montferrer i Castellbò e Ribera d'Urgellet. Está a 7 km de La Seu d'Urgell e a 27 km de Andorra la Vella.

As instalacións actuais reabríronse o 4 de xuño de 2010 co obxectivo de dinamizar o turismo e o desenvolvemento económico nas comarcas do Alto Pireneo. A recuperación deste aeroporto permitirá enlazar o Pireneo catalán e Andorra con outros puntos da xeografía catalá, española e europea.

Andorra no Festival de Eurovisión

Andorra participou en Eurovisión seis veces, debutando no XLIX Festival da Canción de Eurovisión. O festival xa era popular no Principado xa que, aínda que a televisión de Andorra era de recente creación, os seus cidadáns podían velo a través das televisións española (TVE1) e francesa (TF1, France 2 e France 3, desde 1975 ata a actualidade).

En 2004, ano en que debutou, para elixir o seu cantante, a televisión andorrana pediu a colaboración da televisión pública catalá TV3 na organización dunha preselección chamada 12 punts, da que saíu vencedora Marta Roure coa canción Jugarem a estimar-nos do autor barcelonés Jofre Bardagí. En dita preselección participaron Marta Roure e o dúo Bis a bis, e de forma indirecta como compositores algúns grupos cataláns como Gossos ou Astrud.

A pesar do interese de Andorra no festival, Andorra nunca se clasificou a final, quedándose ás portas en 2007 ao situarse en 12° lugar. En 2008 Andorra elixiu, a cantante catalá Gisela, famosa polo seu paso na primeira edición de Operación Triunfo, concurso creado, precisamente, para elixir o representante de España en Eurovisión. Con todo na semifinal celebrada en Belgrado quedou na 16ª posición con tan só 22 puntos, polo que non puido pasar á final. En 2009, e por sexta vez consecutiva, Andorra non participou na final do Festival da música europea. Neste 2009, do mesmo xeito que en 2004, 2005 e 2006, quedou moi mal na semifinal.

Por mor da crise económica que leva sufrindo a canle de Andorra ao longo dos últimos anos, en 2010 a RTVA decidiu deixar de formar parte Unión Europea de Radiodifusión (UER), polo que non poderá participar de momento no Festival da Canción de Eurovisión ata que non volva ser membro activo da UER. En xuño de 2012, comunicouse que a cadea pública de Andorra RTVA, non deixou de formar parte da Unión Europea de Radiodifusión (UER). Iso significa, que Andorra aínda pode participar en Eurovisión. Pero a UER comunicou que aínda non se saberá cando Andorra poderá regresar a Eurovisión. De momento, Andorra non puxo interese en volver ao festival.

Bandeira de Andorra

A bandeira de Andorra (en catalán: Bandera d'Andorra) foi adoptada en 1866 e oficialmente o 27 de agosto de 1971. Está composta por tres franxas verticais de cores azul, amarela e vermella (en razón 8:9:8). No centro sitúase o escudo de Andorra.

Bàsquet Club Andorra

O Bàsquet Club Andorra, coñecido por motivos de patrocinio como MoraBanc Andorra é un club de baloncesto profesional andorrano con sede na cidade de Andorra la Vella. Na tempada 2014-15 xoga na Liga ACB, a máxima categoría do baloncesto español.

Charles de Gaulle

Charles André Joseph Marie de Gaulle, máis coñecido como Xeneral de Gaulle, nado o 22 de novembro de 1890 en Lille e finado o 9 de novembro de 1970 en Colombey-les-Deux-Églises, foi un militar, resistente e home de estado francés.

Foi o líder do goberno da Francia Libre, líder do Comité de Liberación Nacional francesa durante a segunda guerra mundial, presidente do Goberno Provisional da República Francesa de 1944 ata 1946. presidente do Consello Francés de Ministros de 1958 a 1959, instigador da Quinta República Francesa fundada en 1958, 18º presidente da República Francesa desde o 8 de xaneiro de 1959 o 28 de abril de 1969 é foi o primeiro en ocupar o máis alto cargo baixo a Quinta República.A súa política ideolóxica, conservadora, é coñecida como gaullismo, tendo aínda moita influencia na vida política francesa. En Francia, e coñecido como Général de Gaulle ou simplemente Le Général, o polos seus detractores como "Grande Zora".

Código postal

O código postal está composto por unha serie de caracteres que se inclúen nos enderezos postais para facilitar e axilizar o servizo de correos. Normalmente, os códigos son unha serie de díxitos, mais algúns estados tamén empregan letras.

El Gran Carlemany

El Gran Carlemany (do catalán: O Gran Carlomagno) é o himno nacional de Andorra. Foi escrito por Joan Benlloch i Vivó (1864 - 1926) e composto por Enric Marfany Bons (1871 - 1942). Foi adoptado como himno nacional de maneira oficial en 1921.

Gran Enciclopedia Aragonesa

A Gran Enciclopedia Aragonesa, a miúdo abreviada como GEA, é unha enciclopedia temática sobre Aragón.

ISBN

ISBN é a abreviatura do número internacional para a catalogación de libros (International Standard Book Number), código de 10 ou 13 díxitos que identifica biunivocamente calquera libro editado legalmente no mundo.

Lingua catalá

O catalán é unha lingua románica falada polo pobo catalán nalgúns territorios de España, Francia e Italia, así como tamén en Andorra, feito que propicia a denominación destes territorios como Países Cataláns, dada a súa unidade lingüística e cultural. Cómpre sinalar por outra banda que na Comunidade Valenciana o catalán recibe o nome de valenciano.

É lingua oficial de Andorra, cooficial en Cataluña, País Valenciano e as Illas Baleares xunto ó castelán, e carece de oficialidade na Franxa de Aragón, na Cataluña do Norte (Francia), na cidade sarda de L'Alguer e na zona de El Carche (Murcia). É a lingua habitual duns 4,4 millóns de persoas; ademais, son capaces de falalo uns 7,7 millóns e é comprendido por preto de 10,5 millóns de persoas.

Lingua latina

O latín é unha lingua indoeuropea morta que foi utilizada polos antigos romanos. Mantívose como lingua litúrxica da relixión católica, e aínda é oficial no Vaticano, factores polos que era aprendida polos cregos e falada nos seminarios. Por extensión, o adxectivo latino, latina emprégase para designar ás persoas que proceden de países con linguas neolatinas (que proceden do latín) ou que falan estas linguas. En termos xerais, úsase en Europa para designar ós habitantes meridionais e nos EUA e España para designar ós habitantes de procedencia iberoamericana.

Parroquia civil

A parroquia é unha división administrativa ou censual que existe en numerosos países e que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas. As parroquias de Galicia están recoñecidas como entidades colectivas de poboación inferiores ao concello.

Dependendo do país (especialmente do seu tamaño) varía a relevancia administrativa:

Andorra: son as subdivisións principais do Estado, ver Andorra#Organización político-administrativa.

Antiga e Barbuda: son as subdivisións principais do Estado, ver Antiga e Barbuda#Organización político-administrativa.

Australia (parish): son divisións catastrais en Queensland, Nova Gales do Sur, Vitoria e Tasmania, ver divisións catastrais de Australia.

Barbados: son as subdivisións principais do Estado, ver Barbados#Organización político-administrativa.

Canadá (parish):

Novo Brunswick (parish): son divisións censuais, ver Parroquias de Novo Brunswick.

Quebec (municipalité de paroisse): son concellos rurais, ver Municipios Quebec#Rexións administrativas.

Dominica: son as subdivisións principais do Estado, ver Dominica#Organización político-administrativa.

España:

Asturias: unha forma tradicional de organización administrativa, relixiosa e agraria dos concellos, ver Asturias#Organización territorial.

Galicia: entidade local inferior ao concello, ver Parroquias de Galicia.

Ecuador: subdivisión dos concellos, ver Ecuador#Subdivisións.

Estonia (vallad): son os concellos rurais, ver Estonia#Divisións administrativas e Condados de Estonia

Estados Unidos (parish):

Luisiana: equivalente ao condado dos outros estados, ver Luisiana#Subdivisións

Irlanda (parish): son subdivisións dos condados que só se usan en contadas ocasións (como venda de terras), ver Irlanda#Divisións administrativas e Condados de Irlanda.

Granada: son as subdivisións principais do Estado, ver Granada, Caribe#Organización político-administrativa.

Portugal (freguesias): son subdivisións dos concellos, ver Freguesía.

Reino Unido

Escocia: son divisións censuais sen ningún tipo de entidade nin comunitaria nin política. Véxase tamén Escocia#Divisións administrativas e Subdivisións de Escocia.

Inglaterra (parish): son unidades de goberno local inferiores, ver Inglaterra#Subdivisións e Gobernos locais e Condados de Inglaterra.

Saint Kitts e Nevis: son as subdivisións principais do Estado, ver Saint Kitts e Nevis#Subdivisións.

San Vicente e as Granadinas: son as subdivisións principais do Estado, ver subdivisións de San Vicente e as Granadinas.

Suecia (socken): son as subdivisións dos concellos, ver Suecia#Subdivisións administrativas e Condados de Suecia.

Venezuela: subdivisións dos concellos, ver Venezuela#Entidades Federais de Venezuela.

Xamaica: son as subdivisións administrativas principais do Estado, ver Subdivisións de Xamaica.

Península Ibérica

A Península Ibérica é unha península do suroeste de Europa. Está arrodeada polo mar Mediterráneo, o Océano Atlántico e os Pireneos, que separan a península do resto do continente. Politicamente, abrangue os estados de Portugal, España e Andorra, estes dous últimos fronteirizos con Francia. Xibraltar, territorio británico situado ó sur de Andalucía con apenas unha trintena de quilómetros. Polo sur, a península está separada do continente africano (Marrocos) polo Estreito de Xibraltar.

Peseta

A peseta foi unha moeda española de curso legal en España e Andorra (nesta última, xunto ao franco francés) dende o 19 de outubro de 1868 até o 31 de decembro de 2001, cando foi substituída polo euro.

Antes, a peseta era a forma popular coa que se denominaba os catro reais de billón ou os dous reais de prata. É moi posíbel que a termo peseta proveña da palabra catalá peçeta (peciña), diminutivo de peça, nome co que se coñecían dende o século XV a algunhas moedas de prata.

O 19 de outubro de 1868, o ministro de Facenda do Goberno provisional do Xeneral Serrano, Laureano Figuerola, asinou o decreto polo cal se implantaba a peseta como unidade monetaria de España, ao mesmo tempo que entraba en vigor oficialmente o Sistema métrico. A primeira peseta foi cuñada en 1869.

A peseta abréviase pta, sendo incorrecta a abreviación pts para o plural.

A peseta foi substituída polo euro no ano 1999 nos mercados de divisas. O 1 de xaneiro de 2002 o euro (€) entrou en circulación xunto coa peseta. O 1 de marzo de 2002 a peseta deixou de ser unha moeda de curso legal en España e Andorra, aínda que existe o compromiso oficial do Banco de España de cambiar o seu importe en euros en non importa cal data, ó cambio oficial único establecido, 1 euro = 166,386 pta, co arredondamento correspondente ó terceiro decimal.

Pireneos

Os Pireneos (en aragonés: Perinés, en castelán: Pirineos, en catalán: Pirineus, en éuscaro: Pirinioak, en francés: Pyrénées, en occitano: Pirenèus) ou o Pireneo constitúen unha cordilleira no suroeste da Europa que forma unha fronteira natural entre a Península Ibérica e Francia, e esténdense entre o mar Cantábrico (golfo de Biscaia) e o mar Mediterráneo (cabo de Creus) durante aproximadamente 415 km. Na súa parte central chega a ter uns 150 km de largo.

Na súa maior parte, a súa crista principal forma a fronteira franco-española, co principado de Andorra entre os seus dous grandes veciños. A principal excepción a esa regra constitúea o Val de Arán, que pertence a España mais se localiza na cara norte da cordilleira. Outra anomalía orográfica inclúe a catarata de Cerdanya e o enclave español de Llívia.

A súa orixe está no pregamento alpino. Os materiais predominantes son calcarias, cuarcitas e lousas. O seu relevo é máis abrupto na parte central, con altitudes máximas de 3.356 m no Monte Perdido e 3.404 m no Aneto.

Provincia de Xirona

Xirona (en catalán: Girona, pronunciado [ʒiˈɾonə]) é unha provincia española situada na zona nordés de Cataluña. Limita coas provincias de Barcelona polo sur e oeste; Lleida polo oeste; con Francia e Andorra polo norte e co mar Mediterráneo polo leste.

Un concello da provincia, Llívia, é un enclave separado do resto da provincia, estando rodeado por territorio administrativamente francés.

A provincia contaba con 687.331 habitantes (INE 2006). A súa capital é a cidade de Xirona (en catalán Girona), onde vive algo máis da oitava parte da poboación total.

Rexións de Francia

Desde o 1 de xaneiro de 2016 Francia está dividida en 18 rexións administrativas, das que 13 se achan na Francia metropolitana (12 régions de France métropolitaine, ás que se engade Córsega, que non ten a denominación de rexión pero exerce competencias similares), e 5 son rexións de alén mar.Porén a división administrativa realmente importante dende o punto de vista organizativo é a dos departamentos, divisións interiores das rexións.

A administración francesa entende que as rexións son unha zona xeográfica definida ligadas a unha identidade cultural ou social.

As rexións francesas non teñen ningunha capacidade de autonomía, non poden promulgar leis nin teñen capacidade recadatoria propia. Limítanse unicamente a administrar un orzamento que lles concede o estado e que se dirixe fundamentalmente a obras públicas de pequeno investimento, servizos sociais e eventos culturais.

Só unha destas rexións francesas, Córsega, desenvolveu institucións de autogoberno limitadas baixo o nome de colectividade territorial.

Polo demais, cada rexión ten o seu consello rexional, elixido a partir das eleccións municipais, que escolle, á súa vez, un presidente rexional.

Valéry Giscard d'Estaing

Valéry René Marie Georges Giscard d'Estaing, nado en Coblenza o 2 de febreiro de 1926, é un político francés de centro-dereita.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.