Analoxía

A analoxía é un proceso que se dá en numerosas disciplinas, polo cal dous elementos teñen unha relación estrutural. Algúns dos campos nos que ten lugar este proceso son a bioloxía, a lingüística, o debuxo técnico ou as matemáticas.

Tipos

Bioloxía

Artigo principal: Analoxía (bioloxía).

En Bioloxía dise que dúas estruturas son análogas se cumpren funcións semellantes por medios semellantes, sen que se requira que teñan a mesmo orixe evolutiva. Se amais teñen a mesmo orixe evolutiva, á vez que análogas serán homólogas. Por outra banda as estruturas homólogas poden diverxer na súa función para cumprir papeis diferentes.

Lingüística

Artigo principal: Analoxía (lingüística).

Os cambios analóxicos son mudanzas nas que unha unidade lingüística fai alternar o seu resultado espontáneo con outro ou outros creados por aplicación do modelo doutras unidades próximas do sistema coas que garda relacións de solidariedade. Teñen lugar no ámbito dos paradigmas morfolóxicos (xeralmente nos paradigmas morfolóxicos de estrutura complexa, como o do verbo, o substantivo, o pronome ou o adxectivo), no campo semántico ou no fonético. En moitos casos a forma analóxica acaba por desterrar a espontánea, xeralmente despois dun longo período de convivencia. Chámanse analóxicas por se basearen no principio da proporción -PRŌPORTIŌ en latín, como correspondencia do grego άναλογία-.

Dáse un caso de analoxía nas linguas nalgún dos seus niveis estruturais cando dous elementos (fonema, sílaba, palabra ou texto) teñen unha certa semellanza dentro da mesma secuencia. Por exemplo, cando alguén di *aericulares no canto de auriculares para referirse ós aparellos que serven para escoitar música e que se meten nas orellas, está deformando a palabra orixinaria por analoxía debido á súa semellanza a nivel fonético, etimolóxico e derivativo (os dous teñen os sufixos -cula + -arium, con significados diminutivo e colectivo respectivamente).

Do mesmo xeito, cando alguén di *sinceiro ou *zoa (referido a área) en galego está facendo unha ultracorrección por analoxía con tódalas verbas que rematan en -eiro ou tódalas caídas patrimoniais de n intervocálico. A este exemplo concreto de analoxía incorrecta chámaselle hiperenxebrismo, pero este proceso pode chegar a gramaticalizarse e entrar a formar parte da lingua.

A analoxía máis característica dáse no nivel fonético, pero pode aparecer tamén no semántico (usar *entrar o coche por meter o coche no garaxe). É un erro que se debe evitar na tradución (sobre todo na interpretación), pero tamén pode aparecer nos trastornos da linguaxe ou nos espoonerismos na fala habitual.

Véxase tamén

Outros artigos

Analoxía (bioloxía)

A analoxía é un proceso da bioloxía no cal dúas estruturas cumpren funcións semellantes por medios semellantes, sen que se requira que teñan a mesmo orixe evolutiva. Se amais teñen a mesmo orixe evolutiva, á vez que análogas serán homólogas. Por outra banda as estruturas homólogas poden diverxer na súa función para cumprir papeis diferentes.

A converxencia é o fenómeno evolutivo polo que organismos diferentes afastados evolutivamente tenden, baixo presións ambientais equivalentes, a desenvolver características análogas.

Buda

Buda (sánscrito-devanagari: बुद्ध, O Desperto, O Iluminado, que vén do radical "Budh", Despertar) é un título dado no budismo a aqueles que despertaron plenamente para a verdadeira natureza dos fenómenos e se puxeron a divulgar tal redescuberta aos demais seres. "A verdadeira natureza dos fenómenos" aquí quere dicir o entendemento de que todos os fenómenos son impermanentes, insatisfactorios e impersoais. Tornándose consciente desas características da realidade, sería posible vivir de maneira plena, libre dos condicionamentos mentais que causan a insatisfacción, o descontento, o sufrimento.

Dende o punto de vista da doutrina budista clásica, a palabra "Buda" denota non só un mestre relixioso que viviu nunha época en particular, mais toda unha categoría de seres iluminados que alcanzaron tal realización espiritual. Pódese facer unha analoxía coa designación "Presidente da República" que se refire non apenas a un home, mais a todos aqueles que sucesivamente ocuparon o cargo. As escrituras budistas tradicionais mencionan polo menos 24 Budas que xurdiron no pasado, en épocas diferentes.

O budismo recoñece tres tipos de Buda, de entre os cales o termo Buda é normalmente reservado para o primeiro tipo, o Samyaksan-buddha (Pali: Samma-Sambuddha). A realización do Nirvana é exactamente a mesma, mais un Samyaksan-buddha expresa máis calidades e capacidades que as outras dúas.

Calipso (lúa)

Calipso (ou en grego Καλυψώ) é unha lúa de Saturno. Foi descuberta en 1980, a partir de observacións terrestres, por Dan Pascu, P. Kenneth Seidelmann, William A. Baum, e Douglas G. Currie, e recibiu a designación provisional de S/1980 S 25. Nos meses posteriores quedarían rexistradas varias aparicións máis, coas súas designacións temporais incluídas: S/1980 S 29, S/1980 S 30, S/1980 S 32, e S/1981 S 2. En 1983 recibiría oficialmente o nome de Calipso, procedente da mitoloxía grega. Tamén é coñecido coma Saturno XIV ou Tetis C.

Calipso é unha lúa co-orbital de Tetis, e está situada no punto de Langrage de cola (retagarda) de Tetis (L5), 60 graos por detrás de Tetis. Está relación foi identificada por primeira vez por Seidelmann e o seu equipo en 1981. A lúa Telesto reside no outro punto de Langrage (no de vangarda) de Tetis (L4), 60 graos por diante de Tetis. Calipso e Telesto son tamén coñecidas polo termo "Troianos de Tetis", por analoxía cos asteroides Troianos, hai outras dúas lúas troianas máis no sistema de satélites de Saturno, Polideuco e Helena, que son troianas de Dione.

Coma outros satélites pequenos de Saturno, Calipso é de forma irregular, cuberta de cráteres e semella que perdeu parte do material da súa superficie, xa que moitos cráteres amosan un revelo moi suave. A súa superficie é unha das de maior poder de refracción (en lonxitudes de onde visible) dentro do Sistema Solar, cun albedo xeométrico de 1,34. Este alto albedo é o resultado do pulido de chorro de area feito polas partículas do anel E, un anel feble, composto principalmete de particulas de xeo de auga xeradas polos geysers do polo sur de Encelado .

Cultura

Cultura (do latín cultura, cultivar o solo, coidar) é un termo con varias acepcións, en diferentes niveis de profundidade e diferente especificidade.

Segundo a filosofía é o conxunto de manifestacións humanas que contrastan coa natureza ou comportamento natural. Pola súa quenda, en bioloxía unha cultura é normalmente unha creación especial de organismos (en xeral microscópicos) para fins determinados (por exemplo: estudo de modos de vida bacterianos, estudos microecolóxicos etc). No día-a-día das sociedades civilizadas (especialmente a sociedade occidental) e no vulgo acostuma ser asociada á adquisición de coñecementos e prácticas de vida recoñecidas como mellores, superiores, ou sexa, erudición; este sentido normalmente se asocia ao que é tamén descrito como “alta cultura”, e é empregado apenas no singular (non existen culturas, apenas unha cultura ideal, á cal os homes indistintamente deben se encadrar).

A antropoloxía encara a cultura como o total de padróns aprendidos e desenvolvidos polo ser humano. Segundo a definición pioneira de Edward Burnett Tylor, baixo a etnoloxía (ciencia relativa especificamente do estudo da cultura) a cultura sería “o complexo que inclúe coñecemento, crenzas, arte, morais, leis, costumes e outras aptitudes e hábitos adquiridos polo ser humano como membro da sociedade.”

Polo tanto corresponde, neste último sentido, ás formas de organización dun pobo, os seus costumes e tradicións transmitidas de xeración para xeración que, a partir dunha vivencia e tradición común, se presentan como a identidade dese pobo.

O uso de abstracción é unha característica do que é cultura: os elementos culturais só existen na mente das persoas, en os seus símbolos tales como patróns artísticos e mitos. Mentres fálase tamén en cultura material (por analoxía a cultura simbólica) cando do estudo de produtos culturais concretos (obras de arte, escritos, ferramentas etc). Esa forma de cultura (material) é preservada no tempo con máis facilidade, unha vez que a cultura simbólica é extremadamente fráxil.

Dea Matrona

Na mitoloxía celta, Dea Matrona ("Deusa nai divina") foi unha deusa do río Marne da Galia.

Nalgunhas áreas foi adorada como unha divindade tripla, e era coñecida como Deae Matres (ou Deae Matronae). O teónimo galo Mātr-on-ā interprétase co significado de "gran nai". O nome da figura mitolóxica galesa Modron, nai de Mabon, deriva do mesmo étimo. Por analoxía, Dea Matrona podería ter sido a nai do Maponos galo.

Especie

En bioloxía denomínase especie (do latín Species) a cada un dos grupos en que se dividen os xéneros.

Homoloxía (bioloxía)

En bioloxía, no estudo comparativo dos seres vivos, a homoloxía é a relación que hai entre dúas estruturas orgánicas ou xenes que teñen a mesma orixe xenética nun antepasado común. Hai homoloxía entre órganos determinados de dúas especies diferentes, cando ambos os dous derivan do órgano correspondente do seu antepasado común, con independencia do distintos que puideron chegar a facerse co tempo. As catro extremidades pares dos vertebrados con mandíbula (gnatóstomos), desde os tiburóns ata as aves ou os mamíferos, son homólogas. Da mesma maneira, o extremo da pata dun cabalo é homólogo do dedo medio da man e do pé humanos.

Idade de Ferro

A Idade de Ferro é a época final do sistema de tres idades, precedida polas Idades de Pedra (Neolítico) e de Bronce. É unha era arqueolóxica na Prehistoria e na Protohistoria de Europa e do Oriente Próximo, e por analoxía tamén é usado para noutras partes do Vello Mundo. O sistema de tres idades foi introducido na primeira metade do século XIX para arqueoloxía europea en particular, pero na segunda metade dese século estendeuse tamén á arqueoloxía de Oriente Próximo. Como suxire o seu nome, é o período en que se desenvolveu a produción de ferramentas e armas mediante a metalurxia do ferro. O ferro é superior ao bronce en relación á dureza e abundancia de xacementos.

A duración da Idade de Ferro varía dependendo da rexión en cuestión. Está definida pola convención arqueolóxica, e a mera presenza de ferro fundido ou ferro forxado non é abondo para representar unha cultura da Idade de Ferro; máis ben, o termo implica que a produción de aceiro ao carbono estaba tan perfeccionada que era posible a produción masiva de ferramentas e armas superiores ás equivalentes en bronce. No antigo Oriente Próximo, esta transición prodúcese no chamado colapso da Idade de Bronce, no século -XII. A tecnoloxía espallouse axiña pola rexión do Mediterráneo e o sur de Asia. Tamén o fixo de xeito máis serodio en Asia central, o leste e centro de Europa, e aínda máis tarde na rexión do norte de Europa, arredor do ano -500.

A Idade de Ferro remata, segundo as convecións, co comezo do rexistro historiográfico. Isto non adoita representar unha diferenza clara no rexistro arqueolóxico. No antigo Oriente Medio remata co estabelecemento do Imperio Aqueménida no -550, (considerado histórico en virtude do rexistro de Heródoto) en Europa central e occidental remata coa conquista romana no século -I. A Idade de Ferro Xermánica de Escandinavia remata arredor do ano 800, co comezo da Era viquinga.

Mathcore

O mathcore é un tipo de metalcore ritmicamente complexo e disonante. Surdíu na primeira metade dos anos 90 de man de bandas como Converge, Coalesce, Botch, The Dillinger Escape Plan, e Candiria. O termo mathcore é suxerido por analoxía co math rock. Tanto o o math rock como o mathcore fan uso de tempos inusuais. Grupos de math rock como Slint, Don Caballero, Shellac, Drive Like Jehu e Dazzling Killmen teñen algunha influencia no mathcore, aínda que este estea máis relacionado co metalcore. Importantes bandas de mathcore teñen sido asociadas tamén co grindcore.

Papiro

Este artigo trata sobre o material de escritura, para a planta véxase o artigo: Papiro (planta).

Papiro (do latín papyrus , e este do grego πάπυρος) é o nome que recibe o soporte de escritura elaborado a partir dunha planta acuática, moi común no río Nilo, en Exipto, e nalgúns lugares da conca mediterránea, unha herba palustre da familia das ciperáceas, o Cyperus papyrus.

O Cyperus papyrus é unha planta nativa de África da mesma familia da Tiririca (Cyperus rotundus), que é a planta daniña máis difundida do mundo, segundo o Libro Guiness. Na época antiga considerábase sagrada e fartamente encontrada no delta do Nilo. Era utilizada principalmente na produción de papel no Antigo Exipto.

O talo do papiro pode atinxir até 6 metros de comprimento. A flor da planta lembra os raios do sol e é por ter esta analoxía co sol, divindade máxima dese pobo, que o papiro era considerado sagrado. O miolo do talo utilizábase para facer papiros, e a casca, moi resistente despois de seca, na confección de cestos, camas e até barcos.

Plancto

En ecoloxía denomínase plancto ao conxunto de organismos de moi pequeno tamaño, principalmente microscópicos, que viven nas augas salgadas ou doces e que, por seren incapaces de nadar contra a corrente, flotan e son arrastrados polas correntes.O plancto tipicamente flúe coas correntes de auga. Mentres que algunhas formas son capaces de realizar movementos independentes e poden nadar verticalmente centos de metros nun só día (comportamento denominado migración vertical diaria), a súa posición horizontal está determinada principalmente polas correntes.

Isto fai que se distinga do necto, o conxunto de organismos que son nadadores activos; do bentos, conxunto dos organismos que habitan o fondo dos ecosistemas acuáticos, e do neusto, conxunto dos organismos que viven na interface ou límite da auga co aire, é dicir, na superficie.

Os organismos que forman o plancto comprenden a todos os animais, plantas, archaea, algas, e bacterias que habitan na zona peláxica de océanos, mares, lagos, ríos ou outros corpos de auga. É dicir, o plancto defínese polo seu nicho ecolóxico, non pola clasificación taxonómica ou filoxenética.

Os organismos que o compoñen proporcionan unha fonte crucial de alimentos a moitos outros organismos acuáticos, grandes ou pequenos, como peixes e baleas, entre outros.

Proteómica

A proteómica é o estudo a grande escala das proteínas, particularmente das súas estruturas e funcións. As proteínas son constituíntes vitais dos seres vivos, na medida en que son os principais compoñentes das vías metabólicas fisiolóxicas das células. O termo proteómica foi primeiramente utilizado en 1997 para estabelecer unha analoxía coa xenómica, o estudo dos xenes. A palabra "proteoma" é unha mestura de "proteína" e "xenoma", e foi empregada por Marc Wilkins en 1994 mentres este desenvolvía o concepto durante o seu estudo de doutoramento. O proteoma é o conxunto total de proteínas, incluíndo aquelas que conteñen modificacións. Este conxunto pode variar ao longo do tempo e de acordo con esixencias ou estreses específicos polos cales pasa unha célula ou organismo.

Puglia

Puglia (en fala barese e fala foggiano: Púgghie; en fala salentina: Puia; en franco-provenzal: Poulye; en latín: Apulia) é unha rexión da Italia meridional. Conta con 4.069.869 habitantes e ten a capital na cidade de Bari. Limita ao norte con Molise, ao oeste coa Campania e a Basilicata, ao sur co Mar Xónico e ao norte e leste co Mar Adriático. Comprende as provincias de Bari, Barletta-Andria-Trani, Brindisi, Lecce, Foggia e Tarento. Corresponderíase co tacón da analoxía popular entre a forma de bota e a forma xeográfica de Italia, quere dicir, está no extremo sueste da península itálica. Ten unha extensión de 19.358 km², e a capital é Bari.

Richard Dawkins

Clinton Richard Dawkins, nado en nado en Nairobi en 1941, é un etólogo, biólogo evolutivo e escritor inglés.

De pais británicos, a súa familia volveu desde Nairobi a Inglaterra en 1949. Educouse en Oxford e doctorouse baixo a tutela do Premio Nobel Niko Tinbergen. Dende 1967 ata 1969 foi profesor asistente na Universidade de California, Berkeley. En 1995 pasou a ocupar a cátedra "Simonyi para a Comprensión Publica da Ciencia" e fíxoo ata o 2008. Foi nomeado profesor emérito do New College, Universidade de Oxford.

Dawkins deuse a coñecer en 1976 grazas ao seu libro The Selfish Gene (O xene egoísta), que popularizou unha visión da evolución centrada nos xenes e que introduciu o concepto de meme. Co seu libro The extended phenotype (O fenotipo estendido) de 1982 introduciu na bioloxía evolutiva o feito de que os efectos fenotípicos dun xene non teñen porqué se limitar só aos individuos que os portan senón que poden ter un impacto ambiental.

Dawkins é ateo e criticou abertamente o creacionismo e o deseño intelixente. Na súa obra The Blind Watchmaker (O reloxeiro cego) (1986) argumentou a analoxía do reloxeiro, que versa sobre da crenza que a existencia dun creador supernatural explicaría a complexidade biolóxica dos organismos vivos. Usando o paradigma dun reloxeiro cego, describe como os procesos evolutivos derivados da reprodución, selección e mutación non os leva a cabo nin os guía ningún "creador". Dawkins argumentou en The God Delusion (Deus, un delirio) do 2006 que case seguro que non houbo ningunha entidade creadora e que a fe na creación por unha deidade é un delirio.

Dawkins tivo o recoñecemento de múltiples institucións e universidades, recibiu premios polas súas obras e participa habitualmente na televisión, a radio e Internet. As súas aparicións nestes últimos medios de difusión sóense tratar como as dun intelectual que rebate o teísmo.

Southern blot

O Southern blot (literalmente "mancha (ou secado de tinta) de Southern" ou transferencia de Southern) é un método utilizado en bioloxía molecular para a detección dunha secuencia de ADN específica en mostras de ADN. Debe o seu nome ao apelido do seu inventor, o biólogo británico Edwin Southern. O Southern blot combina a transferencia de fragmentos de ADN separados por electroforese a unha membrana filtro coa posterior detección dos fragmentos por hibridación de sondas.

Outros métodos de blotting ou transferencia, como o western blot, northern blot, eastern blot e southwestern blot, empregan principios similares, pero úsanse para ARN ou proteínas, e foron posteriormente nomeados facendo unha analoxía co nome do Southern blot, aínda que neste caso non se refiren a apelidos. Os nomes dos outros métodos non hai razón para escribilos con maiúsculas, pero moitas veces tamén se fai por analoxía.

Telesto (lúa)

Telesto (ou en grego Τελεστώ) é unha lúa de Saturno. Foi descuberta por Smith, Reitsema, Larson e Fountain no ano 1980, a partir de observacións terrestres, e foi provisionalmente designada coma S/1980 S 13. No seguintes meses, serian rexistradas varias observacións máis, con designacións provisionais incluídas: S/1980 S 24 S/1980 S 33, e S/1981 S 1. En 1983 foi oficialmente bautizado co nome de Telesto, procedente da mitoloxía grega. Tamén é coñecido coma Saturno XIII ou Tethys B.

Telesto é unha lúa co-orbital de Tetis, e está situada no punto de Langrage de vangarda de Tetis (L4), 60 graos por diante de Tetis. Está relación foi identificada por primeira vez por Seidelmann e o seu equipo en 1981. A lúa Calipso reside no outro punto de Langrage (no retagarda ou cola) de Tetis (L5), 60 graos por detrás de Tetis. Calipso e Telesto son tamén coñecidas polo termo "Troianos de Tetis", por analoxía cos asteroides Troianos, hai outras dúas lúas troianas máis no sistema de satélites de Saturno, Polideuco e Helena, que son troianas de Dione.

A sonda Cassini fixo un sobrevoo a longa distancia de Telesto o 11 de outubro do 2005. Sorprendentemente as imaxes revelaron unha superficie moi suave e practicamente sen rastro de cráteres de impacto pequenos.

Troiano de Neptuno

Os troianos de Neptuno son corpos que obitan arredor do Sol preto dos puntos de Lagrange estables de Neptuno. Teñen polo tanto aproximadamente o mesmo período orbital que este planeta e seguen o mesmo camiño orbital. Coñécense doce troianos de Neptuno, dos que nove orbitan preto do punto de Lagrange L4 60° adiante de Neptuno e tres na rexión L5, 60° detrás do planeta. Os troianos de Neptuno reciben este nome por analoxía cos troianos de Xúpiter.

O descubrimento de 2005 TN53, que ten unha grande inclinación (>25°) na súa órbita foi significativo, pois suxeriu a existencia dunha nube "grosa" de troianos (os troianos de Xúpiter teñen inclinacións superiores a 40°), que indica unha captura en lugar dunha formación in situ ou por colisión. Sospéitase que os maiores (raio ≈ 100 km) troianos de Neptuno poden superar en número aos de Xúpiter nunha orde de magnitude.En 2010 anunciouse o descubrimento do primeiro troiano L5 de Neptuno coñecido, 2008 LC18. Esta rexión de Neptuno é difícil de observar porque coincide coa liña de visión do centro da Vía Láctea, área con gran poboación de estrelas.

Puido ser posible para a New Horizons investigar 2011 HM102, mais non tiña suficiente largura de banda e deuse preferencia aos preparativos para sobrevoar Plutón.

Vermello

O vermello (do latín vermiculus, "vermiño", a cochinilla) é a cor situada no límite inferior do espectro visíbel luminoso (por baixo desta lonxitude de onda está o infravermello que xa non é perceptíbel pola visión humana). Tamén se coñece como "rubio" ou "encarnado".

Xenitivo

O xenitivo é o nome dun caso que nas linguas flexivas é utilizado en substantivos, adxectivos e pronomes para indicar que a palabra realiza a función de Complemento do Nome ou Modificador, aínda que pode aparecer tamén noutras como a de complemento dun verbo, Complemento Circunstancial etc: polaco "dobrej szafy" ("de bo armario")

Proceden do xenitivo frases pettrificadas que en galego xeraron un vocábulo: FIL(IU) ECCLESIAE > fregués, AURI FRESU > ourive, COMITE STAB(U)LI > condestable, os días da semana: (DIES) MARTIS > martes, (DIES) IOVIS > xoves, (DIES) VENERIS > venres, (DIES) LUNAE > luns, (DIES) MERCURII > mércores .

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.