Amieiro

O amieiro[2] (Alnus glutinosa), tamén coñecido por ameneiro ou abeneiro, é unha árbore do xénero Alnus, da familia das betuláceas. Atópase en toda Europa, Siberia e norte de África. É a árbore por excelencia das ribeiras galegas formando os chamados bosques galería.

Amieiro
Illustration Alnus glutinosa0

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)

Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Fagales
Familia: Betulaceae
Xénero: Alnus
Subxénero: Alnus
Especie: A. glutinosa
Nome binomial
Alnus glutinosa
(L.) Gaertn.
Distribución do amieiro.

Distribución do amieiro.
Sinonimia

Etimoloxía

O nome amieiro (e a súa variante ameneiro) ten orixe prerromana, paleoindoeuropea a partir da partícula am – canle, á que posteriormente se engadiría o sufixo latino –ario. No galego de Asturias recibe o nome de umeiro, mais cómpre non confundilo coas árbores do xénero Ulmus (umeiros ou ulmeiros).

Probabelmente orixinouse a partir do latín vulgar *AMINARIU, forma derivada da voz celta ameia.[3]

A formación denomínase amieiral, ameneiral ou abeneiral segundo a zona.

Descrición

Árbore de ribeira que pode acadar uns 25 m de altura. A folla é caediza de 6 a 12 cm de longo con pecíolos curtos (5–10 cm), de cor verde escura, pola face anterior e un chisco máis clara polo revés, limbo arredondado e con extremidade truncada. Unha orixinalidade é que fican verdes até a súa caída no outono. Con 5 a 8 pares de nervios paralelos. Faces de pelos abrancazados ou arroibados nas axilas do revés. Cando agroman na primavera, resultan algo pilosas, ficando moi cedo sen pelos. As follas novas e os gomos son moi pegañentos cando son novos, con características glándulas resinosas. Xemas estreitas e ovoides, clara e grosamente pedunculadas en forma de maza co extremo arredondado, de cor parda avermellada ou violácea, con frecuencia punteadas moi finamente de branco por secrecións céreas, as terminais maiores cás laterais. Inserción espiraliforme no ramiño. Atópanse cubertas por 3 escamas, das que só dúas son visíbeis.

Florea antes de aparecer as follas. Os amentos masculinos (chamados candeas), de 5 a 10 cm, son delgados, cilíndricos e pénsiles, de coloración avermellada. Os femininos son máis miúdos (2 cm) e de cor marrón escura a negro, duros e algo lígneos, gardando certa semellanza cos conos das coníferas. Cando as sementes miudiñas e aladas son ceibadas, os conos fican na árbore, a miúdo durante todo o inverno.

Os amieiros propáganse de xeito doado por semente, malia botaren abundantes chupóns da raíz. As raíces moi estendidas en superficie. Perde logo a raíz principal e desenvolve numerosas raíces secundarias oblicuas e outras terciarias verticais de ancoraxe forte, máis fondas, o que lle permite resistir enchentes. En condicións de chea continuada produce raíces adventicias tenras e ramificadas polo toro. Nas raíces superficiais posúe nódulos ( de 2 a 12 cm de diámetro) fixadores de azote atmosférico, asociado á bacteria Actinomyces alni. O amieiro necesita ter as súas raíces permanentemente mergulladas. Atura enchentes periódicas sempre que haxa renovación de auga corrente.

Son árbores de especial importancia ecolóxica, a base do toco dos amieiros é un prezado refuxio para pequenos vertebrados e invertebrados bentónicos.[4]

Nas Gándaras de Budiño, na desembocadura do Ulla e no río Lérez, atopamos exemplos dos mellores amieirais da península.

Ameneiro1
Os amieirais ocupan brañas e lameiros, lugares moi húmidos. Amieiral no río Landro, Galicia.
Corteza Alnus glutinosa RTonetti
Casca dun exemplar noviño de ameneiro.

Usos

A madeira do amieiro é resistente, branda, lixeira, doada de traballar e consérvase ben baixo a auga. A cor é bastante clara, mais ao cortala tórnase de cor arroibada e por iso en moitos países de Europa crían que esta árbore estaba embruxada. A madeira é moi resistente na auga e por iso empregábase para a construción de palafitas. Os alicerces dos edificios de Venecia están feitos de pau de amieiro.

En Galicia

Coa súa casca, xunto con lascas de ferro facíase unha excelente tintura negra para curtumes, puchas e sombreiros, ou ben extraíase un aceite para repeler mosquitos. A madeira, como era resistente a auga, utilizábase na construción de pontellas, pontes, muíños e postes baixo a auga, e tamén na fabricación de pequenos utensilios e zocas, actividades estas últimas que continúan na actualidade. Asemade o seu carbón tiña utilidade para a fabricación de pólvora.

Propiedades medicinais

  • A casca contén tanino, utilizado para rebaixar os niveis de colesterol.
  • A decocción da súa casca emprégase facendo gargarexos contra as anxinas e a farinxite.

O amieiro na cultura popular galega

Segundo as lendas, é unha das árbores usadas para gardar tesouros e tamén é a árbore para fabricar as máscaras do Entroido ourensán.

A seguir recóllese unha escolma de ditos referíndose a esta árbore:

  • O amieiro, se non fora por verghonza, xa ardía no lameiro; referíndose ao frouxa que é a súa madeira.
  • Leña de abeneiro arde no regueiro
  • Agora que ven o v'ran,/ ganancia p'ra os gadañeiros,/ que andan de prado en prado/ á sombra dos ameneiros.
  • Meu grorioso San Antón,/ feito de pau de ameneiro,/ curmán carnal dos meus zocos,/ neto do meu tabaqueiro.
  • Meu santo Bras da Diana/ feito de pau de amieiro,/ irmán das miñas zoquiñas,/ criado no meu lameiro.
  • Santo San Xinés de Bamio,/ feito de pau de ameneiro,/ primo carnal dos meus zocos,/ irmán do meu tabaqueiro.

Taxonomía

Alnus glutinosa foi descrita por (L.) Gaertn. e publicado en De Fructibus et Seminibus Plantarum. . . . 2: 54. 1790.[5]

Subespecies

  • Alnus glutinosa glutinosa. Europa.
  • Alnus glutinosa barbata. Norte Anatolia (Rize,Trebisonda, Artvin)
  • Alnus glutinosa antitaurica. Sur Anatolia, raro.
  • Alnus glutinosa betuloides. Leste Anatolia.[6]

Sinonimia

  • Alnus glutinosa var. denticulata (C.A.Mey.) Ledeb.[7]
  • Alnus vulgaris Druce
  • Betula alnus var. glutinosa L.
  • Betula glutinosa (L.) L.

Nomes comúns

Umeiro, omeiro, amineiro, amieiro, amieira, ameneiro, ameeiro, abineiro, abeneiro branco e abeneiro[8].

Galería de imaxes

Ameneiro0
Briesetal bei Briese
Almus glutinosa. Ameneiro
Alnus glutinosa MHNT.BOT.2004.0.10a
1630

Notas

  1. Participants of the FFI/IUCN SSC Central Asian regional tree Red Listing workshop, Bishkek, Kyrgyzstan (11-13 July 2006). "Alnus glutinosa". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza.
  2. Nome preferido pola Real Academia Galega e polo Vocabulario Forestal (galego-español-inglés) do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, 2012
  3. Benigno Fernández Salgado. "Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega". Consultado o 20/9/2015.
  4. http://www.vexetaciondegalicia.es/ar-alnus-glutinosa.html
  5. "Amieiro". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 4 de novembro de 2012.
  6. Variedades en Catalogue of life
  7. "Amieiro". Real Jardín Botánico: Proyecto Anthos. Consultado o 27 de novembro de 2009.
  8. "Amieiro (Alnus glutinosa L.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 17 de setembro de 2016.

Véxase tamén

Bibliografía

  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.
  • REAL ACADEMIA GALLEGA: Diccionario gallego-castellano. A Coruña 1913-1928.
  • Vocabulario Forestal (galego-español-inglés), Servizo de Normalización Ligüística, Universidade de Santiago de Compostela, 2012.
A Braña, Cabovilaño, A Laracha

A Braña é un lugar da parroquia de Cabovilaño no concello coruñés da Laracha na comarca de Bergantiños. Tiña 33 habitantes no ano 2009 segundo datos do Instituto Nacional de Estadística, dos cales eran 16 homes e 17 mulleres.

A Braña Grande, Cabovilaño, A Laracha

A Braña Grande é un lugar da parroquia de Cabovilaño no concello coruñés da Laracha na comarca de Bergantiños. Tiña 98 habitantes no ano 2009 segundo datos do Instituto Nacional de Estadística, dos cales eran 49 homes e 49 mulleres.

Alisanos

Na relixión galo-romana, Alisanos ou Alisaunus foi un deus local adorado no que hoxe é a Côte-d'Or en Borgoña e en Aix-en-Provence .

A inscrición de Gevrey-Chambertin en Côte-d'Or está en lingua gala:

DOIROS SEGOMARI

IEVRV ALISANV

Doiros (fillo) de Segomaros adicou (isto) a AlisanosA inscrición de Visignot, tamén da the Côte-d'Or, está en latín:

DEO·ALISANO·PAVLLINVS ❧

PRO·CONTEDIO·FIL·SVO ❧

V·S·L·M·

Paullinus ten cumprido libremente e merecidamente o seu voto ó deus Alisanus en nome do seu fillo ContediusA raíz Alisa- do nome Alisanus é fonoloxicamante comparable co protocelta *alisā, ‘amieiro’. Polo contrario Miranda Green relaciona o teónimo co topónimo Alesia, o que suporía que foi un deus-montaña.

Alnus

Alnus é un xénero da familia das Betuláceas. Contén 30 especies de árbores e arbustos monoicos (moi poucos deles acadan un gran tamaño), denominados comunmente amieiros, distribuídos por todo o mundo. Presentan follas ovadas e co bordo dentado. As flores son en forma de amentos, os masculinos alongados e os femininos curtos, ambos na mesma planta.

En Galicia só atopamos unha especie propia, o Alnus glutinosa (amieiro común), que é propio das ribeiras, lameiros e brañas.

Altsasu

Altsasu (en éuscaro: Altsasu, en castelán: Alsasua, as dúas denominacións cooficiais) é un municipio situado na Comunidade Foral de Navarra (España), no meiriñado de Pamplona, a 50,2 km da capital desta comunidade, Pamplona.

Ameneiro

O fitónimo Ameneiro fai referencia ao amieiro (Alnus glutinosa), unha árbore do xénero Alnus, da familia das betuláceas. Pode referirse a:

Ameneiro, lugar da parroquia de Calo, no concello de Teo;

O Ameneiro, lugar da parroquia de Caaveiro, no concello da Capela;

O Ameneiro, lugar da parroquia de Sillobre, no concello de Fene;

O Ameneiro, lugar da parroquia de Ribeira, no concello de Ribeira.

Amento

En botánica, amento, chamado popularmente candea, é unha inflorescencia tipo acio, xeralmente pénsil, característica de certas árbores, especialmente na subclase Hamamelidae, as familias Salicaceae e Fagaceae. Tamén recibe os nomes comúns de gatiño e flor da trama.

O amento consiste nunha espiga articulada polo seu baseamento e composta de flores dun mesmo sexo, pois hai amentos masculinos, máis alongados, e amentos femininos. As flores son simples, sen pétalos nin sépalos, as masculinas fican reducidas aos estames e as femininas ao estigma.

As candeas aparecen na primavera, xeralmente antes que as follas agroman.

Nesta clase de plantas, a polinización é anemófila, isto quere dicir que o transporte do pole, moi abundante, é realizado polo vento.

O pole dalgunhas árbores pode ser, para a especie humana, unha fonte de alerxias.

En Galiza algunhas árbores con candeas son:

Todos os carballos.

Os salgueiros.

O amieiro.

O castiñeiro.

Amieiro Longo, Zapeaus, Rairiz de Veiga

Amieiro Longo é un lugar da parroquia de Zapeaus, no concello ourensán de Rairiz de Veiga. No ano 2008 tiña 4 habitantes, 3 deles eran homes e 1 era muller, o que supón un mantemento en relación ao ano 2007.

Bosque de ribeira

Chámase bosque de ribeira ou bosque en galería, á formación vexetal riparia, que medra nas marxes dun regueiro, lagoa ou río, e que adoita ser frondoso e composto por especies que gostan dos solos húmidos e lamacentos. Son importantes ecosistemas de transición para a flora e mais para a fauna e uns dos de maior biodiversidade.

O nome de "galería" provén do feito que a súa vexetación cobre o río formando unha especie de túnel, como se fose unha mina. Identifícase claramente na paisaxe por seguir mesmo o curso do río, formando un corredor normalmente distinto ou diferenciábel do resto da vexetación, ademais de se caracterizar por manter as especies autóctonas caducifolias en climas con seca estival, en zonas agrícolas, ou en zonas onde se reforestou con outras especies, coma ocorre na maior parte de Galicia con piñeiros e eucaliptos. Nas zonas máis húmidas de Galicia a vexetación dos bosques orixinais ou fragas non discordaba moito da riparia.

Cabovilaño, A Laracha

San Román de Cabovilaño é unha parroquia que se localiza no oeste do concello coruñés da Laracha na comarca de Bergantiños. Segundo o padrón municipal de 2014 tiña 1.103 habitantes (555 homes e 548 mulleres) distribuídos en 22 entidades de poboación, o que supón un aumento con relación ao ano 1999 cando tiña 1.035 habitantes. En 2004 tiña 1.035 habitantes (521 homes e 514 mulleres).

Fraga (botánica)

Unha fraga é unha extensión de monte, polo xeral illado e de difícil acceso, poboado de distintas especies caducifolias, de herbas, mofos, fentos e liques e na que convive así mesmo unha gran diversidade de fauna. Sería polo tanto, un bosque ou unha foresta virxe ou primaria. Adoita referirse ao bosque atlántico, do que hoxe só quedan pequenas manchas por mor da acción do home.

Ás veces o termo fraga refírese simplemente a un bosque mixto ou simplemente unha arboreda brava.

Graciano Paz Amieiro

Graciano Paz Amieiro, coñecido como O Latoeiro, nado en Mondoñedo en 1893 e finado no mesmo concello o 11 de xaneiro de 1938, foi un sindicalista e político galego.

Mera de Arriba, Ortigueira

Santa María de Mera de Arriba é unha parroquia do concello coruñés de Ortigueira, na comarca do Ortegal. Segundo o IGE en 2013 tiña 96 habitantes (48 mulleres e 48 homes) distribuídos en 19 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 161 habitantes.

O Amieiro

Co topónimo O Amieiro podémonos referir a varios lugares de Galicia:

O Amieiro, lugar da parroquia de Cabovilaño no concello da Laracha.

O Amieiro, lugar da parroquia de Mera de Arriba no concello de Ortigueira.

O Amieiro, lugar da parroquia do Vicedo no concello do Vicedo.

O Amieiro, Cabovilaño, A Laracha

O Amieiro é un lugar da parroquia de Cabovilaño no concello coruñés da Laracha na comarca de Bergantiños. Tiña 13 habitantes no ano 2009 segundo datos do Instituto Nacional de Estadística, dos cales eran 6 homes e 7 mulleres.

O Vicedo, O Vicedo

Santo Estevo do Vicedo é unha parroquia do concello do Vicedo na comarca da Mariña Occidental, na provincia de Lugo. No ano 2007 tiña 977 habitantes (476 homes e 501 mulleres), un máis ca no ano anterior.

Sanguiñeda, Mos

Santa María de Sanguiñeda é unha parroquia do concello de Mos na comarca de Vigo. Segundo o IGE en 2014 tiña 1623 habitantes (812 homes e 811 mulleres), distribuídos en 6 entidades de poboación. Segundo o padrón municipal en 2004 tiña 1621 habitantes (821 mulleres e 800 homes), os mesmos ca en 1999.

O topónimo Sanguiñeda é un fitónimo derivado do sanguiño ou amieiro negro, do latín Sanguīnĕus (da cor do sangue) xunto co derivativo abundancial -ēta.

Sanguiñedo

O topónimo Sanguiñedo é un fitónimo derivado do sanguiño ou amieiro negro, do latín Sanguīnĕus (da cor do sangue) xunto co derivativo abundancial -ētu. Pode referirse a:

Sanguiñedo, parroquia do concello de Dozón;

Sanguiñedo, lugar de dita parroquia;

Sanguiñedo, lugar da parroquia de San Fiz de Monfero, no concello de Monfero.

Sanguiñedo, lugar da parroquia de Cuíña, no concello de Ortigueira;

Sanguiñedo, lugar da parroquia do Ermo, no concello de Ortigueira.

Zapeaus, Rairiz de Veiga

Santo Adrao de Zapeaus é unha parroquia do concello ourensán de Rairiz de Veiga na comarca da Limia. En 2017 tiña 30 habitantes, 10 menos ca en 2007 (20 homes e 20 mulleres) e 34 menos ca en 2000. Ten catro entidades de poboación.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.