Amiano Marcelino

Amiano Marcelino (latín Ammianus Marcellinus), nado en Antioquía ca. 330/335 e finado en Roma ca. 400, é o principal historiador romano. Viviu e relatou o proceso de decadencia e descomposición do Imperio Romano durante o século IV.

Amiano Marcelino
Nacementoc. 330
 Antioquia
Falecementoc. 395 e c. 400
 Roma
NacionalidadeRoma Antiga
Ocupaciónhistoriador, escritor, Soldado e poeta
Coñecido/a porRoman History

Traxectoria

Crese que naceu entre o 330 e o 335, nunha adiñeirada familia de ascendencia grega asentada en Antioquía. Definíase a si mesmo como "un soldado e un grego", pois estaba orgulloso da súa orixe e do seu paso polo exército nos aristocráticos Protectores Domestici. Como tal, estivo baixo o mando de Ursicino na fortaleza de Nisibis, xunto á fronteira persa, desde o ano 353. No ano 355 acompañou a Ursicino a unha breve campaña na Galia contra o franco Silvano, que se autoproclamara emperador. Esta campaña durou ata o ano seguinte, momento en que volveu á fronteira oriental. Alí escapou no último momento da fortaleza de Amida (Diyarbakr) xunto á súa esposa cando a praza foi tomada polas forzas de Shapur II. Amiano perdeu o favor do emperador Constancio II cando o seu superior Ursicino caeu en desgraza, pero recuperou o seu antigo prestixio e posición trala morte de Constancio e o acceso ao trono de Xuliano o Apóstata.

O gran número de eloxios que Amiano Marcelino destina a Xuliano nas súas obras demostran a súa grande admiración por este emperador. Marchou xunto a el ás campañas contra os alamáns e na expedición contra Persia do 363. Tras visitar Grecia e Exipto, Marcelino asentouse de novo en Antioquía en 371, onde permaneceu os sete anos seguintes. En 378 marchou a Roma e instalouse definitivamente alí, onde pasou o resto da súa vida.

Comezou a escribir a súa obra Res Gestarum Libri XXXI (chamada a miúdo Historias) na capital do Imperio, en principio como unha continuación das obras de Tácito. Os seus escritos concentran todos os acontecementos ocorridos no Imperio entre a ascensión ao trono de Nerva no ano 96 e a morte de Valente na Batalla de Adrianópolis (378), recompilados en 31 volumes dos que se perderon actualmente os 13 primeiros. A resultas diso, só se coñecen os tomos finais, que narran a época comprendida entre 353 e 378.

A obra, escrita en latín para facilitar a súa difusión (Amiano Marcelino falaba e escribía normalmente en grego) reportáronlle gran fama en todo o Imperio, especialmente en Roma e Antioquía. O seu lugar como autor de referencia permaneceu ata o século VI, sumíndose no esquecemento durante a Idade Media. Malia as partes perdidas, considérase ás Historias de Marcelino como unha obra de referencia obrigada para entender os últimos anos de goberno de Constancio II, os mandatos de Xuliano, Xoviano, Valentiniano I e Valente e os primeiros anos de Graciano, ademais de ser un excepcional retrato da realidade política e social no baixo Imperio Romano, a súa decadencia e as causas desta (achacadas polo autor ao deixamento, deshonra e hedonismo da poboación) e a organización política e militar de numerosos pobos bárbaros (incluídos os hunos e os visigodos). Así mesmo, Amiano Marcelino deixa entrever nas súas obras as funestas consecuencias que a situación do momento traerían a Roma, como o saqueo de Alarico I que sobreveu dúas décadas despois da probábel morte do historiador, o cal foi visto polos contemporáneos como o fin do mundo ata entón coñecido. Amiano Marcelino era pagán e non tiña en grande aprecio ao cristianismo, polo que é probábel que a súa postura influíse en quen viron máis tarde a nova fe como a causante da caída de Roma, unha idea que lle causou dificultades mesmo a Santo Agostiño.

Ignórase a data exacta da súa morte. O último ano no que se pode presupoñer que seguía vivo é 391, pois cita a Sexto Aurelio Víctor como prefecto de Roma, que accedeu entón ao cargo.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Alanos

Os alanos foron un pobo indoeuropeo da familia irania. Crese que procederon das estepas de Centroasia ou do norte de Irán. Eran nómades, probablemente de orixe escita - sármata (alain, en lingua escita, significa ‘montaña’).

Parece que antes do século -I vivían no norte do Cáucaso e aínda que despois efectuaron varias incursións a territorio romano (e parto) seguían establecidos na zona no século III, pero no século IV foron expulsados de alí polos hunos; os que permaneceron nas montañas do Cáucaso deberon dar orixe ao actual pobo dos osetos.

Desprazáronse cara ao oeste expulsados polos hunos e alcanzaron a actual Ucraína. No seu contacto cos godos transmitiron a estes algunhas das súas artes e destrezas, especialmente o tiro con arco dacabalo e algunhas artes metalúrxicas. Os alanos uníronse aos visigodos e a parte dos ostrogodos, establecéndose con eles en Tracia e Mesia, e rebelándose tamén con eles o 377 contribuíndo á vitoria de Adrianópolis sobre as forzas imperiais, obtendo terras en Panonia o 383. O 387 unha parte dos alanos aliáronse aos hunos e o 405 os alanos de Panonia uníronse a unha confederación organizada en torno a Radagaiso que fracasou. Os grupos de suevos, vándalos, alanos e outros que quedaron alén do Rin, reforzados despois cos que regresaron da desafortunada expedición a Italia, invadiron as Galias o 406.

Dos alanos di Amiano Marcelino que eran moitos, e estaban estendidos por todos os países. Os alanos eran louros, fermosos e arrogantes. Consideraban unha felicidade morrer na guerra e conservaban restos dos inimigos mortos, especialmente a pel do cranio que colgaban como trofeo do petral dos seus cabalos. Non adoraban a ningún deus e rendían culto a unha espada cravada en terra. As súas autoridades eran uns xuíces nomeados entre os guerreiros anciáns máis valentes. Non coñecían a escravitude.

No ano 409 entraron na Península Ibérica xunto a suevos e vándalos, tras cruzar rapidamente a Galia nunha campaña de saqueo e estiveron deambulando por ela ata que no ano 411 o emperador Honorio lles ofreceu un pacto de terras. Os alanos establecéronse entón na zona comprendida entre as actuais provincias de Ávila, Salamanca, Cáceres e Toledo. Non formaron nunca un reino propio en Hispania.

Ante a chegada dos visigodos os alanos hispanos pasaron á África noroccidental xunto cos vándalos.

Arxénteo

O arxéneo (en latín: argenteus) foi unha moeda romana de prata aparecida en época imperial, baixo a Tetrarquía, coa reforma monetaria de Diocleciano de 294, cun valor equivalente ao do denario da época de Nerón.A denominación argenteus utilizouse por primeira vez na Naturalis Historia de Plinio o Vello, na frase argenteus nummus (moeda de prata). O historiador do século IV Amiano Marcelino utilizou a mesma expresión.

Aurelio Víctor

Sexto Aurelio Víctor (Sextus Aurelius Victor, en latín), nado en c. 320 e finado c. 390, foi un historiador e político do Imperio romano.

Biblioteca Clásica Gredos

A Biblioteca Clásica Gredos é unha colección da editorial española Gredos composta por obras da cultura clásica grecorromana.

Carpos

Os carpos eran unha tribo dacia que habitaba as abas orientais dos montes Cárpatos.

O seu nome semella estar vencellado ao lugar onde viviron, significando a "rocha" ou o "outeiro".("carpë"=rocha albanés; "kar"=pedra armenio "chrb"=outeiro checo).

Mentres ca maioría das tribos da Dacia (como os costobocios) ou foron derrotadas polo Imperio romano ou absorbidas polos pobos xermánicos, os carpos medraron o seu poder no transcurso do século II, converténdose até as invasións bárbaras nos adversarios máis importante de Roma na Europa sudoriental. No período que vai do 238 ao 273, aliados cos godos, os carpos atacaron a provincia romana de Moesia. A finais de século atacaron as cidades tracias de Calatis, Dionisópole e Marcianópole.

Convertidos nunha seria molestia para o Imperio, Diocleciano combateunos e venceu en 297 adquirindo o sobrenome de "Carpicus Maximus". Segundo Amiano Marcelino foron deportados a Panonia na zona onde esta a actual cidade de Pécs, onde permaneceron até as invasións hunas. Sexto Aurelio Víctor confírmao, mais os seus posteriores ataques fan dubidar diso. Noméaos por derradeira vez o historiador Zósimo coa denominación de dacio-carpos (quizais para diferencialos dos panónicos), no transcurso da narración das campañas danubianas de Teodosio o Grande nos derradeiros anos do século IV, sendo derrotados por este.

O futuro dos carpos (e outros grupos dacios non conquistados polos romanos) é descoñecido; probablemente ficarían asimilados aos dacios-romanos e valacos formando o actual pobo romanés. Outros serían eslavizados, coma os carpos panónicos ou os actuais ucraínos hutsules, que viven na fronteira entre Ucraína e Romanía. Por exemplo, atopáronse elementos carpos ou dacios entre os ucraínos sudoccidentais (Hutsúlshchina, Bucovina, Podolia). Outra das posibilidadades é que emigraron cara ao sur para formar o pobo albanés actual; as semellanzas que existen entre as linguas albanesa e romanesa avalan esta hipótese.

Concello de Cotobade

Cotobade foi un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. En 2016 fusionouse co concello de Cerdedo, dando orixe ao concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE en 2014 tiña 4327 habitantes (2079 homes e 2248 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cotobadés.

Crismón de Quiroga

O Crismón de Quiroga ou Crismón da Ermida (Quiroga) é unha peza circular de mármore traballada cunha inscrición en latín e iniciais en grego. Ata 1887 fixo de ara na igrexa do século XII de Santa María da Ermida aínda que non se sabe certo dende cando. En 1925 foi trasladado ao Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo onde está exposto .

Década de 380

A década de 380 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 380 e remata o 31 de decembro de 389.

Foro de Traxano

O Foro de Traxano (en latín, Forum Traiani) é un foro obra do emperador romano Traxano, que forma parte do vasto complexo dos foros imperiais na cidade de Roma. A súa construción, levada a cabo entre o 107 e 112 estivo a cargo do arquitecto Apolodoro de Damasco.

Este espectacular complexo é o meirande que se pode atopar na cidade de Roma. Componse dunhaPraza porticada, a Basílica Ulpia, a columna traxana e o Templo de Traxano.

O foro de Traxano é cronoloxicamente o derradeiro dos foros imperiais de Roma.

Francos

Os francos aparecen nos inicios do primeiro milenio nas fontes latinas. O termo designa probabelmente unha liga ou confederación de pobos xermánicos instalados na ribeira dereita do Rin inferior, alén das fronteiras do Imperio Romano, e que non se sometían ao Imperio ou a outro pobo máis importante. O latín francus, franci tende a probar que se chamaban así posto que frank significa "libre" en lingua xermánica. Dado que a raíz frank non pertence á lingua xermánica primitiva, pénsase tamén que podería derivar de frei-rancken (libere vacantes) que significa viaxeiros libres.

Magno Máximo

Magno Clemente Máximo (latín: Magnus Maximus), nado en Hispania, c. 335-40 e morto en Aquileia o 28 de agosto de 388, foi un usurpador romano que gobernou na pars occidentalis do Imperio romano desde 383 ata a súa morte.

Rodas

Rodas (grego: Ρόδος, Ródos roðos) é a illa máis grande das illas do Dodecaneso en términos de superficie e tamén a capital histórica do grupo de illas. Administrativamente a illa forma un municipio separado dentro da unidade rexional de Rodas, que é parte da rexión administrativa do Exeo Meridional. A cidade principal da illa e a sede do municipio é Rodas. A cidade de Rodas tiña 50.636 habitantes en 2011. Está situada ao nordés da illa de Creta, ao sueste de Atenas e xusto á beira da costa anatolia de Turquía. O alcumo de Rodas é "A illa dos cabaleiros", nomeada logo de que os Cabaleiros de San Xoán de Xerusalén, a conquistaran.Historicamente, Rodas era famosa en todo o mundo polo Coloso de Rodas, unha das sete marabillas do mundo antigo. O casco antigo medieval da cidade de Rodas foi declarado Patrimonio da Humanidade. Hoxe en día, é un dos destinos turísticos máis populares de Europa.

Teofilacto Simocatta

Theophylaktos Simokatés (ou Simocatta, Simocates, latinizado como Theophylactus Simocatta) foi un historiador bizantino de principios do século VII. O alcume de simokattés (fociño de gato) atribúese xeralmente á súa aparencia física.

Verturións

Os Verturións eran un dos dous grupos de pictos da parte norte de Britania, mencionados por Amiano Marcelino. O outro grupo foi o dos dicalidóns.

Xuliano

Flavio Claudio Xuliano, nado entre o ano 331 e o 332 e finado o 26 de xuño de 363, foi un emperador romano que gobernou desde o 361 ata a súa morte. Alcumado polas fontes cristiás como Xuliano o Apóstata, pola súa suposta conversión ao paganismo.

Zósimo (historiador)

Zósimo (en grego orixinal, Ζώσιμος) foi un historiador grego pagán de finais do século V e primeiros do VI, autor dunha historia do Imperio romano desde Augusto ata o saqueo de Roma polos visigodos ao mando de Alarico o 410.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.