Alxer

Alxer[2][3][4] (en árabe: الجزائر‎, al-Jazā’ir; no dialecto árabe falado en Alxeria: دزاير, en bérber Dzayer tamaneɣt) é a capital e cidade máis importante de Alxeria. Situada no norte do país, na ribeira do Mar Mediterráneo, no oeste da baía do seu nome, Alxer é o principal porto do noroeste de África. Se facemos coincidir a cidade coa daira de Sidi M'Hamed, que abrangue a maior parte do núcleo urbano, a poboación superaría lixeiramente os 250.000 habitantes, pero na aglomeración viven case sete millóns de habitantes, o que converte Alxer na cidade máis importante do Magreb.

De fundación fenicia, denominada Icosium polos romanos, foron os bérberes a partir do ano 950 os que lle deron o seu aspecto actual, o da cidade alta ou Casbah que ascende por un outeiro coa configuración labiríntica habitual do urbanismo árabe. Posteriormente, a ocupación francesa a partir do século XIX estendeu unha cidade moderna de corte europeo na parte baixa en torno ao porto e a baía.

Coordenadas: 36°42′N 3°13′L / 36.700, -3.217

Alxer
الجزائر
Dzayer tamaneɣt
Flag of algeirs
Algiers-COA
Algiers Montage
Imaxes da cidade
Localización
Alxer en Alxeria

Alxer
Alxer
PaísAlxeria Alxeria
VilaiaVilaia de Alxer
DairaDaira de Sidi M'Hamed
Xeografía
Altitude2-424 msnm
Superficie363 km²
Demografía
Poboación3 415 811 (2013)
Densidade9 400 hab/km²
XentilicioAlxerinos[1].
Outros datos
Código postal16000–16132
AlcaldeMohamed Kebir Addou
alger-city.com

Xeografía

A área urbana de Alxer esténdese polas once dairas, ou comarcas, centrais, das trece que conforman a Vilaia de Alxer. Son as dairas que arrodean a baía de Alxer, onde tamén se estableceron os primeiros poboamentos históricos. Estas dairas á súa vez subdivídense en 37 baladías ou concellos, que son os situados dentro do perímetro urbano de Alxer.

Unha desas dairas é a de daira de Sidi M'Hammed, na parte occidental da baía, e que ocupa a parte máis nuclear da cidade. Un dos seus concellos, Alxer Centro, é o que se pode considerar como concello capital.

Alxer Centro

Alxer Centro

Historia

Os achados arqueolóxicos sinalan a existencia dun modesto establecemento comercial costeira fenicio do século III antes da nosa era, e ben podería pertencer á época de expansión polo Mediterráneo occidental das colonias púnicas que seguiu ao ascenso de Cartago coma potencia na rexión (século VI a. C.). Denominada polos fenicios Ikosim ou Yksm, os romanos coñecérona como Icosium cando pasou ao seu dominio no 146 a. C.

O tempo da dominación romana tipo dous períodos: durante aproximadamente os dous primeiros séculos, Icosium era unha cidade do reino de Mauritania, vasalo do Imperio Romano e anteriormente da República. A capital durante o máximo esplendor de Mauritania estaba en Cesarea (actual Cherchel), baixo o reino de Xuba II. Cando no ano 40 Calígula manda asasinar o rei Tolomeo o Imperio Romano pasa a ter un control total sobre Icosium[5].

Coa caída do Imperio Romano Icosium foi conquistada polos vándalos (432), que traen o arrianismo, posteriormente por Bizancio (534) e no ano 708 polos árabes, que introducen o islam entre as tribos bérberes que habitaban o territorio.

Refundación bérber

Será un vasalo dos fatimís, Ziri ibn Menad, quen despois de arrebatar a área aos zenatas é nomeado gobernador e o seu fillo Bologhine ibn Ziri autorizado a refundar tres cidades, entre elas unha no emprazamento da Icosium romana e que ocupaba a tribo dos Beni Mezghenna. Bologhine a agranda e fortifica renomeándoa en bérber Dzayer Beni Mezghenna (944, despois Al-Djazair en árabe).

En 1082 os almorábides conquistan a vila e pouco despois erixen unha Gran Mesquita (1097 Jemaa Kebir, na antedita rúa da Marine). En 1159 pasa ao poder dos almohades e despois con relativa autonomía permanece como súbdita do sultanato de Tlemecén.

Presenza española

Penon de Velez before destruction
Peñón de Alxer coa fortaleza española.

Coa Reconquista, especialmente ao longo do século XV e trala caída de Granada, moitos dos mouriscos fuxidos de España foron acollidos en Alxer, incrementando en gran medida a súa poboación e preparando o dinamismo económico posterior da cidade. No comezo do século XVI os españois pasan á ofensiva dominando as prazas do norte de África. En Alxer, unha pequena illa, o Peñón, que xunto a outras erguíanse fronte a vila na entrada da ampla baía, será fortificada en 1510 coma posto de vixilancia contra a piratería [6]. Os bérberes pediron axuda aos turcos que enviaron ó corsario Barbarroxa.

No curso dos anos seguintes fíxose co poder da vila e o seu irmán e sucesor, Kheir Eddine Barbarroxa, expulsou aos españois do Peñón e derrubou a fortaleza, construíndo cos entullos un dique de unión con terra firme, comezo do porto de Alxer (1529 [7]). A vila, coa protección otomá constituíuse de feito nunha cidade-estado corsaria cunha economía baseada no acoso as naves cristiás en tráfico comercial polo Mediterráneo.

Rexencia otomá

La cite le port et le mole d Alger
Alxer no século XVII.

Os berberiscos van resistiren os primeiros intentos de acabar co seu refuxio (Carlos V en 1541 [8]) e permanecerán fortes durante tres séculos. A cidade dará nome ao seu traspaís (a futura Alxeria).

Reinier Nooms - Shipping off Algiers
"Alxer a Branca".

Reforzada a muralla que a envolvía completamente (3,1 km, cinco portas [9][10] e unha cidadela engadida en 1556 no punto máis alto, propiamente unha casbah [11][12]) a vila tiña dúas partes ben diferenciadas: un eixo norte sur (Bab Oued-Bab Azoun [13]) a dividía na cidade baixa (al-Wata, soar da antiga Icosium e despois barrio da Mariña) coa poboación dirixente turca, militar e administrativa, asemade á comercial; e a cidade alta (al-Gabal, popularmente e despois a Casbah), a intricada vila medieval no outeiro coa poboación indíxena bérber e os inmigrados mouriscos e xudeus. O centro do organismo era a Mesquita Ketchaoua co conxunto das residencias pacegas (Djenina) dos rexentes arredor. Acadou o seu apoxeo no século XVII cando construíronse acueduto, fontes e rede de sumidoiros, e fronte ao conxunto pacego antedito, a Mesquita turca da Pecherie ([14] Djamaa el-Djedid, 1660) [15].

No final do século XVIII comezou a decadencia: epidemias de peste, seísmos e sobor de todo, o acabamento da piratería xunto aos frecuentes bombardeos das frotas cristiás (o tráfico do porto quedou moi reducido inda que o interior seguía sendo activo) e sen o apoio dun Imperio Otomán moi debilitado. Se no século XVII a poboación superaba os 100.000 habitantes, en 1808 eran 73.000 e no 1830, apenas 30.000.

Ocupación francesa

En 1830 a vila capitula fronte aos franceses cuxa primeira tarefa no eido urbano vai seres o planeamento dun conxunto residencial axeitado para os usos occidentais e representativo da nova capital da colonia de Alxeria, sendo a cidade baixa o seu obxectivo de actuación.

Os primeiros traballos son para creares un espazo central amplo (Praza do Goberno) do que a cidade musulmá carecía. Claréase na zona dos zocos entre os pazos residenciais e a mesquita el-Jedid ao tempo que anchéanse as tres rúas principais (Bab Oued, Bab Azoun e Marine) que dela parten [16].

Alger algiers map plan villeneuve 1840
Alxer: plan de extensión, 1840.

O seguinte paso foi a extensión da cidade substituíndo as vellas murallas por un cinto novo de fortificacións que abranguía o triplo de área, urbanizada segundo patróns europeos de ensanche. Decidiuse conservar a casbah con só unhas poucas arterias de conexión co novo tecido e bulevares arrodeándoa no canto dos antigos muros [17], aínda que co tempo a súa parte inferior foi occidentalizada coa mesquita Ketchaoua convertida en catedral. E finalmente en 1860 levouse adiante o inicial proxecto de organizares unha ribeira monumental, con grandes arcadas salvando o desnivel coa auga onde antes estivo a muralla do mar, e soportando un gran bulevar burgués enriba con edificios representativos do poder colonial [18][19][20][21].

A extensión da cidade ao sur (barrio Bab Azoun) levou ao desprazamento do centro dende a Praza do Goberno a unha nova (futura Praza da República co Teatro da Opera) no lugar da demolida porta sur da vella Alxer, praza que abríase tamén ao bulevar da ribeira [22][23].

Desenvolvemento e grandes plans

En 1871, afianzados xa os franceses na colonia, o poder militar sobre a cidade pasa a mans civís. Grandes áreas de terreos militares tanto no interior coma fora de murallas quedan ceibes e mesmo estas últimas convértense nun estorbo obsoleto e son derrubadas (1894). A inmigración de poboación europea, maiormente francesa, non deixou de medrar na segunda metade do século XIX e acentuouse despois da Primeira Guerra Mundial co inicio da do rural alxerino (130.000h, 35.000 deles de Mustapha en 1896; 212.000 en 1926).

A cidade tiña un desenvolvemento natural cara ó sur seguindo a baía [24]. Mustapha converteuse nun poboado suburbio de clases traballadoras (integrado en Alxer en 1904, o porto vai creceres cara a súa costa, onde chegara o ferrocarril en 1892). Ao norte creceu o barrio popular de Bab el-Oued [25][26].

En 1931 aprobouse o plan xeral para a cidade (Plan Prost) segundo os novos modelos do urbanismo zonificador racional e moderno (mesmo Le Corbusier propuxo ideas de conxunto [27]). O punto máis polémico era a vella idea de reorganizares o barrio da Marine, berce da urbe e nunha situación privilexiada, o que supuña grandes demolicións (co realoxo dos habitantes sen recursos na Casbah e nos altos de Bab el-Oued) [28]. Se a gran depresión económica internacional dos anos trinta, a Segunda Guerra Mundial e o posterior período do conflito independentista, que tivo o corazón da cidade coma escenario, impediron en gran medida a posta en funcionamento do plan, no barrio da Mariña finalmente tense levado parcialmente adiante con resultados máis que discutibles [29].

Alxer tenta hoxe enfrontarse aos problemas da metrópole na que se ten convertido: construción do metro e demais infraestruturas, fornecer de aloxamento ó constante afluxo de inmigración do rural asentado en barrios de infravivenda, servizos para toda esa poboación e un longo etcétera [30].

Notas

  1. Alxerino, no dicionario da Real Academia Galega
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para alxerino.
  3. Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. p. 102. ISBN 84-8158-266-2.
  4. Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1303. ISBN 9788482887524. Alxer (Alxeria)
  5. Aux origines d’Alger: un diagnostic archéologique place des Martyrs, web do Instituto Nacional de Arqueoloxía de Francia.
  6. Gravado de época das illas fronte a costa de Alxer co Peñón fortificado polos españois [1]
  7. Vista de Alxer no século XVI co dique de abrigo dende o Peñón ata a altura da Gran Mesquita [2]
  8. Vista da baía de Alxer nunha representación do ataque fracasado de Carlos V en 1541; Algerie Ancienne.com [3]
  9. Vista de época da porta Bab Azoun e o lado sur das fortificacións de Alxer; ibid. anterior [4]
  10. Idem da porta Bab Oued e o lado setentrional das murallas; ibid.
  11. Esquema das fortificacións e edificios importantes de Alxer no s.XVII; ibid. [5]
  12. Idem superposto a vila moderna; ibid.
  13. Gravado cunha representación da cidade no s.XVII onde apréciase a división en dous da vila; ibid. [6]
  14. Datos sobre a Mesquita otomá Djamaa al-Djedid
  15. O centro da vella Alxer: a Mesquita da Pecherie (no arranque da rúa da Marine) fronte ao conxunto da Djenina (detrás estaba a Mesquita Ketchaoua) na futura Praza do Goberno, hoxe Mártires, onde tamén encontrábanse Bab Oued e Bab Azoun ou Souk el-Kébir, rúa dos zocos [7]
  16. Plano de Alxer en 1831 co deseño da Praza do Goberno; "Urban Forms and Colonial Confrontations: Algiers Under French Rule" Çelik, Zeynep [8]
  17. Esquema das primeiras intervencións dos franceses na cidade vella; ibid.: Praza do Goberno(8), Rúa da Marine (7), Rúa Bab el-Oued (5), Rúa Bab Azoun (10), bulevares exteriores (1,2,3), Rúa Marengo polo interior da casbah (4), Rúa de Lyre (12) [9]
  18. A Praza do Goberno coa Mesquita da Pecherie e o comezo das obras do paseo de ribeira [10]
  19. Gravado cunha vista do arranque do Bulevar da Emperatriz dende a Praza do Goberno [11]
  20. Vista da estrutura de arcadas e ramplas
  21. Vista xeral dende o porto
  22. Plano de Alxer, 1888: a extensión sur do barrio Bab Azoun
  23. Planta do novo centro urbano (futura Praza da República)
  24. Mapa de Alxer c.1900; Zeynep: (1) Mustapha, (3 e 9) novos bulevares no canto das murallas derrubadas, (7) Bulevar da Emperatriz, (8) Bad el-Oued [12]
  25. Mapa de Alxer, 1909; nótese o desenvolvemento de Mustapha co porto ao sur e Bab el-Oued ao norte [13] Arquivado 02 de febreiro de 2014 en Wayback Machine.
  26. Vista de paxaro da cidade histórica co primeiro desenvolvemento colonial, ao fondo Bab el-Oued [14]
  27. "Vista da proposta de Le Corbusier para Alxer". Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2013. Consultado o 30 de xaneiro de 2013.
  28. Plans para a Marine, 1935 e 1950
  29. "Páxina cos plans dun complexo de rañaceos no barrio da Mariña". Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2008. Consultado o 30 de xaneiro de 2013.
  30. Evolución de Alxer da vila colonial á metrópole capital de Alxeria (páxina 3); L.Amireche e M.Cote [15]
Aeroporto Internacional Atatürk

O Aeroporto Internacional Istanbul Atatürk (IATA: IST, ICAO: LTBA) é o principal aeroporto internacional de Istambul e o aeroporto máis grande de Turquía por número de pasaxeiros, destinos e movemento de avións. Inaugurado en 1924 en Yesilköy, na parte europea da cidade, está situado a 24 km ao oeste do centro da cidade e serve como centro de conexións principal para Turkish Airlines. O outro aeroporto internacional da cidade é o máis pequeno de Sabiha Gökçen. En febreiro de 2017 tiña 273 destinos, sendo o segundo aeroporto do mundo con máis destinos tras o Aeroporto de Frankfurt.Foi chamado orixinalmente Aeroporto Yesilköy. Nos anos 80 foi renomeado Aeroporto Internacional Atatürk na honra de Mustafa Kemal Atatürk, o fundador e primeiro presidente da República de Turquía. No ano 2015 pasaron polas súas instalacións máis de 60 millóns de pasaxeiros, converténdoo no 11º aeroporto máis concorrido do mundo en termos de pasaxe. En 2017 é o quinto aeroporto máis concorrido de Europa tras Londres-Heathrow, París-Charles de Gaulle, Frankfurt e Ámsterdam-Schiphol, despois de caer dende o terceiro posto debido a temores pola seguridade.

Aeroporto de Alxer-Houari Boumedienne

O aeroporto Houari Boumedienne (IATA: ALG, ICAO: DAAG), tamén coñecido como aeroporto de Alxer ou aeroporto internacional de Alxer, é un aeroporto internacional que serve á cidade de Alxer, a capital de Alxeria. Está situado a 16,9 quilómetros ao leste da cidade.

O aeroporto está bautizado co nome de Houari Boumediene, antigo presidente do país. Dar El Beïda, a área na cal que atopa, foi coñecida como Maison Blanche (Casa branca), e o aeroporto é chamado aeroporto de Maison Blanche en gran parte da literatura sobre a guerra de independencia de Alxeria. A Société de Gestion des Services et Infrastructures Aéroportuaires (SGSIA), coñecida comunmente como "Airport of Algiers", é unha empresa pública creada o 1 de novembro de 2006 para dirixir e operar o aeroporto. SGSIA ten 2 100 empregados.

Aeroporto de Casablanca-Mohammed V

O aeroporto internacional Mohammed V (IATA: CMN, ICAO: GMMN) é un aeroporto que serve á cidade de Casablanca, en Marrocos. Situado na provincia de Nouaceur, está operado por ONDA (Oficina Nacional dos Aeroportos). Con 8 180 083 pasaxeiros no ano 2015 é o aeroporto máis concorrido de Marrocos. O aeroporto serve como centro de conexións á aeroliña nacional marroquí Royal Air Maroc, a Jetairfly, a Air Arabia Maroc e a RAM Express. Foi chamado así na honra do rei Mohammed V de Marrocos.

Aeroporto de Lión-Saint Exupéry

O aeroporto de Lión-Saint Exupéry (IATA: LYS, ICAO: LFLL), anteriormente coñecido como aeroporto de Lión-Satolas, é o aeroporto internacional de Lión, a terceira cidade máis grande de Francia e un importante centro de transporte para toda a rexión de Auvernia-Ródano-Alpes. Atópase en Colombier-Saugnieu, a 20 km ao sueste do centro de Lión. No ano 2017 usaron o aeroporto un total de 10 280 192 pasaxeiros.

Aeroporto de Marsella Provenza

O aeroporto de Marsella Provenza (IATA: MRS, ICAO: LFML) é un aeroporto internacional francés situado a 27 km ao noroeste de Marsella, no territorio da comuna de Marignane, pertencentes ao departamento de Bocas do Ródano. É o quinto aeroporto máis concorrido de Francia en termos de pasaxe e o terceiro en termos de carga. No ano 2012 o aeroorto foi o cuarto europeo cunmaior incremento de pasaxeiros, aumentando un 12,7% ata chegar aos 8 295 479. O aeroporto de Marsella Provenza serve como cidade focal para Air France. No verán de 2013 o aeroporto tiña voos a 132 destinos de forma regular, a maior oferta en Francia tras os aeroportos de París.

Aeroporto de París-Charles de Gaulle

O Aeroporto de París–Charles de Gaulle (en francés: Aéroport de Paris-Charles-de-Gaulle) (IATA: CDG, OACI: LFPG), tamén coñecido por Aeroporto de Roissy, é un dos principais centros de aviación do mundo, así como o aeroporto máis grande de Francia. Leva o nome de Charles de Gaulle (1890–1970), líder das Forzas Francesas Libres e fundador da Quinta República Francesa, así como Presidente de Francia de 1959 a 1969. O aeroporto atópase dentro dos límites de varias comunas, a 25 km ao nordeste de París. O aeroporto serve como o principal hub de Air France.

En 2013, o aeroporto recibiu 62 052 917 pasaxeiros e 497 763 movementos de aeronaves, polo que é o oitavo aeroporto máis ocupado do mundo e o segundo aeroporto con máis tráfico de Europa (despois de Londres–Heathrow) en pasaxeiros servidos. Tamén é o décimo aeroporto do mundo máis ocupado e o aeroporto de Europa con maior movemento de aeronaves. No tráfico de carga, é o oitavo aeroporto do mundo e o máis transitado de Europa, cun movemento de 2 150 950 toneladas métricas de carga en 2012.

Aeroporto de Tunes-Cartago

O aeroporto de Tunes-Cartago (IATA: TUN, ICAO: DTTA) é o aeroporto internacional de Tunes, a capital de Tunisia. Serve como base para Tunisair, Tunisair Express, Nouvelair Tunisia e Tunisavia. O aeroporto é chamado así pola cidade histórica de Cartago, situada ao leste do mesmo.

Air Algérie

Air Algérie SpA é a aeroliña nacional de Alxeria, con sede na cidade de Alxer. Opera voos nacionais a 32 aeroportos e internacionais a 39 destinos en 28 países, ademais de tamén voos chárter, aerotaxi e agrícolas. A aeroliña é membro da Asociación de Transporte Aéreo Internacional, a Organización Árabe de Transportistas Aéreos, e a Asociación de Aeroliñas Africanas. Dende decembro do ano 2013 a compañía é totalmente propiedade do goberno do país.

Alxeria

Alxeria (en árabe: الجزائر, al-Jazā’ir, en tamazight: ⴷⵥⴰⵢⴻⵔ, Dzayer), oficialmente República Democrática e Popular de Alxeria (en árabe: الجمهورية الجزائرية الديمقراطية الشعبية en Tamazight: ⵜⴰⴳⴷⵓⴷⴰ ⵜⴰⴷⵣⴰⵢⵔⵉⵜ ⵜⴰⵎⴰⴳⴷⴰⵢⵜ ⵜⴰⵖⴻⵔⴼⴰⵏⵜ ), é un estado situado na África do Norte, formando parte do Magreb. A súa capital, Alxer, está ao norte, á beira da costa mediterránea. Cunha superficie de 2 381 741 km² é o país máis grande da cunca mediterránea, de África e do mundo árabe. Fai fronteira terrestre con Tunisia ao nordés, Libia ao leste, Níxer e Mali ao sur, Mauritania e o territorio en disputa do Sahara Occidental ao suroeste e Marrocos ao oeste.

Despois de 132 anos de colonización francesa, Alxeria obtivo a súa independencia o 5 de xullo de 1962. Alxeria fíxose membro da Organización das Nacións Unidas (ONU), da Unión Africana (UA) e da Liga de Estados Árabes dende practicamente da súa independencia, en 1962. Tamén é integrante da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) dende 1969. En febreiro de 1989 Alxeria participou xunto a outros estados da África magrebí na creación da Unión do Magreb Árabe (UMA), sendo tamén o país membro da Unión para o Mediterráneo dende 2008. A constitución alxeriana define "o islam, o arabismo e o berberismo" como "compoñentes fundamentais" da identidade do pobo alxeriano e ao país como "terra do Islam, parte integrante do Gran Magreb, mediterráneo e africano".

O 2 de abril de 2019, o presidente Abdelaziz Bouteflika abandonou o cargo por mor da presión do exército do país, logo de protestas masivas contra un quinto mandato de Abdelaziz Bouteflika.

Camille Saint-Saëns

Charles Camille Saint-Saëns, nado en París o 9 de outubro de 1835 e finado en Alxer o 16 de decembro de 1921, foi un compositor, director de orquestra, organista e pianista francés de música clásica.

Constantina

Constantina (en árabe: قسنطينة‎, "Qusanṭīnah") é unha cidade de Alxeria, capital da provincia homónima. Localízase no nordeste do país, e é a terceira maior cidade do país logo de Alxer e Orán. A cidade ten unha poboación de 448.374 habitantes (2008).

Jacques Derrida

Jacques Derrida Safar, nado en El-Biar o 15 de xullo de 1930 e finado en París o 9 de outubro de 2004, foi un dos máis influentes teóricos e filósofos franceses contemporáneos. Desenvolveu a teoría da deconstrución, enunciada no traballo de Martin Heidegger.

Miguel de Cervantes

Miguel de Cervantes Saavedra, nado en Alcalá de Henares o 29 de setembro de 1547 e finado en Madrid o 23 de abril de 1616, foi un escritor en lingua castelá de novela, poesía e teatro, considerado a máxima figura da literatura castelá. É universalmente coñecido, sobre todo, por ser o autor de Don Quixote da Mancha, que moitos críticos describen como a primeira novela moderna e unha das mellores obras da literatura universal. Iso deulle o sobrenome de "Príncipe dos Enxeños".

Operación Torch

A Operación Torch (Operación facho) foi a invasión angloestadounidense da África do Norte francesa durante a Segunda Guerra Mundial que se realizou o 8 de novembro de 1942.

A Unión Soviética viña presionando ós Estados Unidos e a Gran Bretaña para comezar as operacións en Europa e abrir unha segunda fronte para reducir a presión do exército alemán sobre as tropas soviéticas. Mentres os xenerais norteamericanos favorecían a Operación Sledgehammer, un desembarco na Europa ocupada o máis axiña posible, os británicos crían que iso podería conducir ó desastre. Entrementres propúxose un ataque á África do norte francesa, o que lle daría o control naval do Mediterráneo ós aliados e prepararía a invasión do sur de Europa que se efectuou en 1943.

A decisión do desembarco tomouse finalmente o 24 de xullo de 1942, escolleuse o nome clave Torch (Facho) e Dwight Eisenhower foi nomeado o 14 de agosto comandante en xefe da operación. Para a posibilidade que España entrase en guerra do lado de Alemaña ou as tropas alemás entrasen en España estaba previsto o Plan Backbone que suporía a ocupación do protectorado español de Marrocos. Os aliados lanzaron unha campaña de desinformación para que o Eixe pensara que a invasión ía ser sobre Dakar.

O mando da frota encargada do desembarco foi encargado a Andrew Cunningham, ó mando das forzas aéreas estaban William Welsh e James Doolite. Finalmente o 8 de novembro produciuse o desembarco en Safi, Casablanca, Port Lyautey, Fedala, Orán, Alxer e Buxía. Supuxo a maior operación anfibia da historia, máis de 500 buques, incluídos 130 de guerra, desembarcaron no Marrocos francés 35.000 homes apoiados por 252 tanques ó mando de George Patton, en Alxeria, 38.500 homes con 300 tanques mando de Kenneth Anderson. Henri Giraud traído desde Francia en submarino púxose á fronte dos soldados da Francia Libre.

As tropas coloniais francesas estaban formadas por 200.000 soldados, con 200 avións e tiñan a orde de resistir. A superioridade aeronaval aliada fixo que os franceses pediran o alto o fogo primeiro en Alxer e logo no resto, algunhas gornicións mantiveron a loita ata o día 11. Morreron 49 militares aliados e 1346 franceses.

A derrota francesa levou á invasión alemá da Francia de Vichy e a que os franceses destruíran a súa frota en Tolón para evitar que caera en mans alemás.

Orán

Orán (en árabe: وهران‎, "Wahrān") é unha cidade do noroeste de Alxeria, capital da provincia homónima. Localízase na beira do Mediterráneo, a 432 quilómetros da capital Alxer. A cidade ten unha poboación de 759.645 habitantes (2008) e é o principal centro de transporte de mercancías e industrial do occidente do país.

Durante o período colonial francés, Orán foi a capital do departamento do Orán. É un importante porto e centro comercial, e ten unha universidade. O barrio antigo da cidade posúe unha alcazaba e unha mesquita do século XVIII. A poboación da cidade era de 674.273 persoas (2009), e a urbana de 1 millón

Vilaia de Ain Defla

Ain Defla (en árabe ولاية عين الدفلى) é unha vilaia alxeriana localizada no norte, xusto ao suroeste de Alxer.

Vilaia de Alxer

Alxer (en lingua árabe ولاية الجزائر) é unha vilaia de Alxeria, de xeito que a súa capital Alxer é ademais a capital de Alxeria. Ten a forma do antigo departamento francés de Alxer e a súa poboación rolda os tres millóns.

Vilaia de Boumerdes

Boumerdes (en lingua árabe ولاية بومرداس, en lingua bérber Bumerdas) é unha vilaia do norte de Alxeria, xusto ao leste de Alxer. A súa capital é Boumerdes.

Vilaia de Tipasa

Tipaza ou Tipasa (en lingua árabe ولاية تيبازة) é unha vilaia da costa de Alxeria. A súa capital é Tipasa, que está a 50 km ao oeste de Alxer.

África
Asia
Capitais árabes da cultura

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.