Alquimia

A alquimia é unha antiga práctica protocientífica e filosófica que combina elementos da química, a metalurxia, a física, a medicina, a astroloxía, a semiótica, o misticismo, o espiritualismo e a arte. Practicouse no Antigo Exipto, na India, na China, na Grecia Antiga e no Imperio Romano, no Imperio Islámico, e despois en Europa ata o século XIX, nunha complexa rede de escolas e sistemas filosóficos que abrangue polo menos 2.500 anos.

Carl Spitzweg 015
O alquimista de Carl Spitzweg

Historia e características

A alquimia occidental estivo sempre estreitamente relacionada co hermetismo, un sistema filosófico e espiritual que ten as súas raíces en Hermes Trimexisto, unha deidade sincrética grecoexipcia e lendario alquimista. Estas dúas disciplinas influenciaron o nacemento do rosacrucismo, un importante movemento esotérico do século XVII. No século XIX, mentres a alquimia dominante evolucionaba cara a moderna química, os seus aspectos místicos e herméticos convertéronse no centro de interese dunha moderna alquimia espiritual, na que as manipulacións materiais eran consideradas meros símbolos de transformacións espirituais.

Os alquimistas non seguían o que hoxe se coñece como método científico e gran parte do «coñecemento» que produciron foi posteriormente achado banal, limitado, erróneo ou sen sentido. Actualmente, a disciplina é de interese principalmente para os historiadores da ciencia e a filosofía, así como polos seus aspectos místicos, esotéricos e artísticos. No entanto, a alquimia foi unha das principais precursoras das ciencias modernas, e debemos aos antigos alquimistas o descubrimento de moitas substancias e procesos que son alicerces fundamentais das actuais industrias química e metalúrxica.

Existían tres obxectivos principais na súa práctica. Un deles era a transmutación dos metais inferiores en ouro, o outro a obtención do Elixir da Longa Vida, unha panacea universal, un remedio que curaria todas as doenzas e daría vida eterna a aqueles que o inxerisen. Estes obxectivos poderían ser atinxidos ao obter a pedra filosofal, unha substancia mítica. Finalmente, o terceiro obxectivo era crear vida humana artificial, o homunculus.

Astroloxía

A astroloxía é unha disciplina, considerada pseudociencia polo consenso académico, na que a partir da posición aparente dos astros e do seu movemento se intenta comprender e descodificar a realidade toda e particularmente a existencia humana na Terra. Durante a Antigüidade e ata o Renacemento a astroloxía e a astronomía adoitaron designar o mesmo tipo de estudo.

Carl Gustav Jung

Carl Gustav Jung, nado en Kesswil (Cantón de Turgovia) o 26 de xullo de 1875, e finado en Küsnacht (Cantón de Zúric) o 6 de xuño de 1961, foi un médico psiquiatra, psicólogo e ensaísta suízo, figura chave na etapa inicial da psicanálise; posteriormente, fundador da escola de psicoloxía analítica, tamén chamada Psicoloxía dos Complexos[Cómpre referencia].

É relacionado frecuentemente con Sigmund Freud, de quen fora colaborador nos seus comezos. Carl Jung foi un pioneiro da psicoloxía profunda,e un dos estudosos desta disciplina máis amplamente lidos no século XX. O seu abordaxe teórico e clínico, enfatizou a conexión funcional entre a estrutura da psique e a dos seus produtos (é dicir, as súas manifestacións culturais). Isto impulsouno a incorporar na súa metodoloxía nocións procedentes da antropoloxía, a alquimia, os soños, a arte, a mitoloxía, a relixión e a filosofía.

Carl Jung non foi o primeiro en dedicarse ao estudo da actividade onírica. No entanto, as súas contribucións á análise dos soños foron extensivas e altamente influentes. Escribiu unha prolífica obra. Aínda que, durante a maior parte da súa vida, centrou o seu traballo na formulación de teorías psicolóxicas, e na práctica clínica, tamén realizou incursións noutros campos das humanidades: dende o estudo comparativo das relixións, a filosofía e a socioloxía, até a crítica da arte e a literatura.

Ciencia

A ciencia é, en sentido amplo, calquera coñecemento organizado. Pero, en sentido máis restritivo, é o conxunto dos sistemas de coñecemento organizado con obxectos e métodos de estudo determinados e baseados en leis obxectivas que se poden verificar (o que se chama o método científico), e tamén ao sistema empregado para adquirir ditos coñecementos.Este artigo está de acordo co sentido máis restritivo da palabra. A ciencia, tal como se considera neste artigo, denomínase moitas veces como ciencia experimental, a fin de diferenciala da ciencia aplicada, que é a aplicación da investigación científica a necesidades humanas específicas, aínda que as dúas estean certamente interconectadas. E moito menos se consideran as denominadas ciencias sociais.A vontade da comunidade científica é a de producir "coñecementos científicos" a partir de métodos de investigación rigorosos, verificábeis e reproducíbeis. En canto aos "métodos científicos" e aos "valores científicos", son á vez o produto e a ferramenta de produción destes coñecementos, e caracterízanse polo seu obxectivo, que consiste en permitir, comprender e explicar o mundo e os seus fenómenos da maneira o máis elemental posíbel, é dicir, producir coñecementos aproximándose o máis posíbel aos feitos observábeis. A diferenza dos dogmas, que pretenden igualmente dicir a verdade, a ciencia está aberta á crítica, e os coñecementos científicos, así como os seus métodos, están sempre abertos á revisión. Ademais, as ciencias teñen como finalidade comprender os fenómenos, e obter diso previsións xustas e aplicacións funcionais. Estes coñecementos son a base de numerosos desenvolvementos técnicos que teñen forte impacto na sociedade.

Ciencias naturais

As ciencias naturais, ciencias da natureza, ciencias físico-naturais, ciencias experimentais ou mesmo historia natural, son aquelas ciencias que teñen por obxecto o estudo da natureza seguindo o método científico, tamén coñecido como método experimental.As ciencias naturais estudan só os aspectos físicos do universo, e non os aspectos humanos do mundo, obxecto das chamadas ciencias sociais ou humanas, diferenciándose por tanto das humanidades, as artes e doutros tipos de saberes, que implican enfoques epistemolóxicos diferentes.As ciencias naturais apóianse no razoamento lóxico e no aparato metodolóxico das denominadas ciencias formais, especialmente das matemáticas, cuxa relación coa realidade da natureza é menos directa (ou mesmo inexistente).

Por outra parte, diferéncianse das ciencias aplicadas, xa que forman parte da ciencia básica, aínda que teñen naquelas os seus desenvolvementos prácticos, polo que están intimamente ligadas, interactuando entre elas e co sistema produtivo nos sistemas denominados investigación e desenvolvemento (I+D) ou investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i, ou I+D+I).

Cristina de Suecia

Cristina, nada en Estocolmo o 18 de decembro de 1626 e finada en Roma o 19 de abril de 1689 foi a raíña de Suecia dende 1632 ata a súa abdicación en 1654. Era a única filla do rei Gustavo II Adolfo e a súa esposa Maria Leonor de Brandemburgo. Ascendeu ao trono sueco con só seis anos de idade trala morte do seu pai na batalla de Lützen.Sendo a filla dun defensor do protestantismo na guerra dos Trinta Anos, Cristina causou escándalo ao abdicar en 1654 e converterse ao catolicismo. Pasou os seus últimos anos en Roma, volvéndose a líder da vida musical e teatral local. Como raíña sen país, protexeu moitos artistas e proxectos. Cristina morreu en 1689 e é unha das poucas mulleres enterradas no Vaticano.Cristina tiña mal humor, era intelixente e estaba interesada en libros e manuscritos, relixión, alquimia e ciencia. Quería que Estocolmo se transformase na "Atenas do Norte". Influída pola Contrarreforma, sentiuse cada vez máis atraída pola cultura barroca e mediterránea que se desenvolveu lonxe do seu país. O seu estilo de vida pouco común e o vestiario e comportamento masculino inspiraron novelas, obras teatrais, óperas e filmes.

Edward Kelley

Sir Edward Kelley, tamén coñecido coma Edward Talbot, nado en Worcester, Inglaterra, o 1 de agosto de 1555 e finado en Praga o 1 de novembro de 1597, foi un alquimista, ocultista e autodeclarado médium inglés.

Heinrich Cornelius Agrippa

Heinrich Cornelius Agrippa von Nettesheim, nado en Colonia o 15 de setembro de 1486 e finado en Grenoble o 18 de febreiro 1535, foi un astrólogo, alquimista e escritor ocultista alemán. Nos seus escritos recóllense as correntes pagás do Renacemento con tendencias cabalistas. Viviu en Alemaña, Francia e Italia.

Foi un destacado alumno e profesor da antiga Universidade de Dole, no Franco Condado.

Historia da ciencia

A pesar de ser relativamente recente o método científico (concibido na revolución científica do século XVII), a historia da ciencia non se interesa unicamente polos feitos posteriores a dita ruptura. Polo contrario, intenta rastrexar os precursores da ciencia moderna até os tempos prehistóricos, xa que está intimamente ligada á historia das sociedades e das civilizacións.

Isaac Newton

Isaac Newton, nado en Woolsthorpe, Lincolnshire, o 4 de xaneiro de 1643 (día de Nadal de 1642 segundo o calendario xuliano) e finado en Londres o 31 de marzo de 1727, foi un físico, matemático e astrónomo inglés. A súa contribución máis notable foi a lei da gravitación universal, sobre a que Lagrange escribiu: "o sistema do mundo descóbrese unha soa vez". Pero a obra de Newton, pola súa contribución capital á ciencia moderna, ten unha importancia moito maior. Foi un dos creadores, xunto con Leibniz, do cálculo infinitesimal. Tamén foi descubridor de varias leis da física, entre elas a lei da gravidade. Para el, a función da ciencia era descubrir leis universais e enuncialas de forma precisa e racional.

Jabir ibn Hayyan

Abu Mūsā Jābir ibn Hayyān (en árabe: جابر بن حیان, en persa: جابر بن حیان, que tamén recibiu os nisbas de al-Bariqi, al-Azdi, al-Kufi, al-Tusi ou al-Sufi e tamén coñecido coa forma latinizada do seu nome, Geber, nado en Tus (Persia) contra o 721 e finado en Kufa contra o 815, foi un polímata: alquimista e químico, astrónomo e astrólogo, enxeñeiro, xeógrafo, filósofo, médico e farmacéutico. Foi descrito como o pai da química inicial.Xa a principios do século X, a identidade e os traballos propios de Jabir eran discutidos en círculos islámicos. O seu nome foi latinizado como "Geber" no mundo occidental e no século XIII un escritor anónimo, que adoita ser citado como Pseudo-Geber, redactou obras sobre alquimia e metalurxia baixo o nome de Geber.

John Dee

John Dee, nado o 13 de xullo de 1527, en Towe Ward, Londres, e finado a finais de 1608 ou principios de 1609, en Mortlake (Surrey) foi un alquimista, ocultista, matemático, astrónomo, astrólogo, ocultista, imperialista, navegante galés e consultor da raíña Isabel I de Inglaterra. Adicou parte da súa vida ao estudo da alquimia, filosofía hermética e adiviñación.

Dee incursionou nos mundos da ciencia e da maxia a pesar de estar distinguidos os conceptos nese tempo. Un dos homes máis eruditos da súa época, foi convidado a disertar sobre álxebra avanzada na Universidade de París, cando non superaba os vinte anos de idade. John Dee foi un gran promotor das matemáticas e respetado astrónomo e destacado experto en navegación e adestrou nesta materia a moitos dos que posteriormente levarían a cabo as viaxes de descubrimento inglesas. Nun dos numerosos tratados que escribiu nos anos 1580 alentando as expedicións bitánicas na busca do Paso do Noroeste, hai indicios de que acuñou (ou polo menos ao ser introducido en imprenta) o termo ''Imperio británico''.Ao mesmo tempo, Dee sumerxiuse nos mundos da maxia, astroloxía e filosofía hermética. Adicou moito tempo e esforzo nos seus últimos trinta anos de vida a procurar comunicarse cos anxos coa fin de aprender a linguaxe universal da creación e lograr a unidade preapocalíptica da humanidade.

Foi estudante do neoplatonismo renacentista de Marsilio Ficino, mais non fixo distincións entre as súas investigacións matemáticas, estudo da maxia hermética, invocación dos anxos e adiviñación. Considerou que todas as materias as que se adicaba constituían diferentes facetas da mesma procura: a indagación dunha comprensión transcendente das formas divinas que subxacen ao mundo visible, ao que Dee chamou ''verdades puras''.

O elevado status de John Dee como erudito recoñecido permitiulle tamén desempeñar un papel notorio na política isabelina. Serviu como asesor ocasional e titor da raíña Isabel I e cultivou relacións cos seus ministros Francis Walsingham e William Cecil. Tamén disfrutou de relacións de patronado co señor Philip Sidney, o seu tío Robert Dudley, I conde de Leicester, Edward Dyer e do señor Christopher Hatton.

Ao largo da súa vida Dee compilou a biblioteca máis grande en Inglaterra e unha das máis grandes de Europa.

Pedra filosofal

A pedra filosofal (en latín: lapis philosophorum) é unha lendaria substancia de alquimia da que se di que pode volver os metais vulgares en ouro (chrysopoeia); tamén se creu que era un elixir da vida, útil para o rexuvenecemento e posiblemente para atinxir a inmortalidade. Durante moito tempo foi o obxectivo da alquimia occidental, perseguida por alquimistas como Isaac Newton, Nicolas Flamel ou Frater Albertus.

Pintura ó óleo

A pintura ó óleo é a técnica pictórica con cores disoltas en aceite.

A palabra óleo vén do latín oleum, que significa aceite. Así chamaban ó aceite sacado da oliva. Existe como sinónimo a palabra aceite, que é un legado da lingua árabe.

En arte coñécese como óleo ós aceites que se usaban para combinar con outras substancias e obter así un produto idóneo para a pintura e como extensión, deuse en chamar óleo á mesma pintura en si.

O uso do óleo coñécese dende a antigüidade e estaba xa estendido entre os artistas da Idade Media, sobre todo combinándoo coa pintura ó temple ou ó fresco. Con esta mestura retocaban as obras realizadas en xeso e conseguían así un secado máis rápido. Co avance e as investigacións da alquimia fóronse inventando mesturas favorables para os resultados da pintura. O aceite que máis se empregaba era o de liñaza que acostumaba a mesturarse cos pigmentos de minerais que son os que proporcionan a cor, pero cada artista no seu obradoiro tiña a súa propia fórmula que gardaba moi en segredo. Moitos seguiron os consellos e experiencias escritos no Tratado do monxe Teófilo que xa se coñece e se menciona no ano 1100.

Esta pintura obtida coa mestura de óleos ofrecía moitas vantaxes ó pintor, entre outras, o poder realizar a súa obra lentamente e sen présas de acabado (ó contrario do que ocorría na pintura ó fresco), o poder retocar a obra día a día, variar a composición, as cores etc.

As bases sobre as que se aplica o óleo son diversas, sen que por iso varíe o seu aspecto. O que si varía é a técnica de preparación destas bases pois é moi distinto pintar sobre lenzo, táboa, fresco ou cobre. A partir do século XVII coa arte barroca os pintores elixiron como soporte favorito das súas pinturas o óleo ou lenzo. De tal forma tomou importancia o material empregado polos artistas que se empezou a empregar a palabra lenzo ou óleo en lugar de cadro para designar as obras pictóricas. Os primeiros grandes artistas de pintura ó óleo foron os flamengos.

Van Eyck utilizaba o óleo con gran precisión e os venecianos (Tiziano) aproveitarán as posibilidades de textura da pintura con base de aceite. A perspectiva aérea desenvólvea Leonardo da Vinci (a Gioconda) O flamengo Rubens, pintor barroco parte dunha base escura. Estes pintores caracterizábanse por ser directos en grao extremo (capas con gran vitalidade e mínimas correccións). Rembrandt creará o "grisaille"; este converteuse no método académico no século XVIII. No Romanticismo hai maior liberdade técnica. No impresionismo os pintores usan unha técnica máis directa. No impresionismo abstracto hai un intento de primar a expresión en lugar da corrección técnica, igual ca nos neoexpresionistas.

O equipo que usan estes artistas son pinceis (serda branca ou marta vermella, tamén de pelo sintético, e diferentes tamaños), espátula, cabalete e paleta. As técnicas fundamentais son, traballar por capas, ou en directo "alla Prima".

Química

A química é a ciencia que estuda a constitución, a estrutura e as propiedades da materia, así como as transformacións desta mediante reaccións químicas e os cambios enerxéticos implicados nestes procesos. En contraposición á física, ciencia que estuda as propiedades xerais da materia e establece as leis que explican os fenómenos materiais, o estudo fundamental desta son as transformacións que sofre a materia.

Os científicos dedicados ao seu estudo son os químicos e as químicas.

Serge Hutin

Serge Hutin, nado o 2 de abril de 1927 e finado o 1 de novembro de 1997 en Prades (Pyrénées-Orientales), foi un francmasón francés, autor de numerosas obras sobre esoterismo e ciencias ocultas. Doutor en letras e diplomado na École pratique des Hautes Études, foi investigador do CNRS.

Tarot

O tarot é un xogo de cartas xogado en Francia e noutros países francófonos, composto por unha baralla de 78 cartas. A Federación Francesa de Tarot publicou as regras oficiais do xogo. Xogos da mesma familia con distintos nomes son tamén xogados noutros países de Europa central — na rexión do Selva Negra no sur da Alemaña, Suíza, Austria, Hungría e no norte da Italia. Dende o século XVIII as cartas pasaron a ser usadas para a previsión do futuro e dende finais do século XIX integran o cerne do esoterismo moderno xuntamente coa cábala, a astroloxía e a alquimia medieval.

As cartas de tarot xurdiron entre os séculos XV e XVI no norte da Italia, e foron creadas para un xogo de mesmo nome, que era xogado polos nobres e polos señores das casas máis tradicionais da Europa continental. O xogo é caracteristicamente un conxunto de setenta e oito cartas composto por vinte e un trunfos, un joker e catro conxuntos de naipes con catorce cartas cada unha — dez cartas numeradas e catro figuras. Dependendo do xogo, o joker pode actuar como un trunfo ou pode xogarse para evitar o seguinte.As cartas de tarot son moi usadas en Europa en xogos de cartas, como o tarocchini italiano e o tarot francés. Noutros países son usadas principalmente para a adiviñación. Os significados das adiviñas proveñen da cábala — vertente mística do xudaísmo — e da alquimia medieval.

Teoría do floxisto

A teoría do floxisto é unha teoría científica xa superada, cuxo postulado principal é a existencia dun elemento tipo lume chamado floxisto, que estaría contido dentro de corpos combustíbeis e que se liberaría durante a combustión. O nome provén do grego antigo φλογιστόν phlogistón (queimado), desde φλόξ phlox (chama), e significa inflamábel. En 1667, Johann Joachim Becher fixo unha primeira aproximación ao concepto, que foi desenvolvido polo químico e médico alemán Georg Ernst Stahl en 1703. Segundo Stahl, os corpos combustíbeis posuirían un material chamado floxisto, que se liberaría ao aire durante os procesos de combustión (material orgánico) ou calcinación (metais). A teoría intentou explicar procesos como a combustión e oxidación.

Xeoquímica

A xeoquímica é unha especialidade das ciencias naturais que, sobre a base da xeoloxía e da química, estuda a composición e dinámica dos elementos químicos na Terra, determinando a abundancia absoluta e relativa, distribución e migración dos elementos entre as diferentes partes que conforman a Terra (hidrosfera, atmosfera, biosfera e xeosfera) utilizando como principais testemuñas as transformacións dos minerais e as rochas compoñentes da codia terrestre, co propósito de establecer leis ou principios nos cales se basea tal distribución.Os principais elementos xeoquímicos son, nunha escala de maior a menor abundancia:

oxíxeno, silicio, aluminio, ferro, calcio, sodio, potasio e magnesio.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.