Alfoz

Alfoz é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Mariña Central. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é alfocego ou alfocés[5].

Coordenadas: 43°31′42″N 07°24′50″O / 43.52833, -7.41389

Alfoz
Escudo de Alfoz
CasteloPardodeCela
Situacion Alfoz
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia de Lugo
ComarcaComarca da Mariña Central
Poboación1.757 hab. (2018)
Área77,5 km²
Densidade22,67 hab./km²
Entidades de poboación9 parroquias e 162 lugares
Capital do concelloA Seara dende 1990
Política (2019 [2][3])
AlcaldeJorge Val Díaz (PSdeG-PSOE)
Concelleiros
PPdeG: 2
PSdeG-PSOE: 5
Outros: VIA 2
Eleccións municipais en Alfoz
Uso do galego[4] (2011)
Galegofalantes92,07%
Na rede
www.concellodealfoz.com

Xeografía

Situación

O concello ten unha superficie de 78 km². Limita ao norte co concello de Foz, ao leste co de Mondoñedo, ao sur co de Abadín e ao noroeste co do Valadouro.

Orografía

Na xeografía de Alfoz percíbense dúas partes principais: no sur, unha zona montañosa na que están as serras de Toxiza e do Xistral (cunha altitude máxima de 1.046 m.); a segunda zona o val do río Ouro con terras fértiles e abundantes precipitacións. E, entre ambas, unha zona de transición onde as altitudes descenden por debaixo dos 250 m.

A altitude media oscila entre os 180 m de Lagoa e os 200 m de Mor, ata os montes Leboreiro con 672 m, Pico da Pena Muneite (674 m) ou monte Queimado (763 m). Outros cumios son Pena do Boi (600 m), o Arnela (452 m), A Frouxeira (427 m), Pedrouso (588 m), Pico da Pedra (637 m), Pico Silloso (574 m) e Táboa do Souto (354 m).

Hidrografía

O río Ouro nace na serra do Xistral. Afluentes seus son o Beloi e Covas (pola dereita), Ferreira e Bao (pola esquerda).

Clima

O clima é suave pola situación de abrigo que presenta o municipio respecto aos ventos reinantes. As temperaturas oscilan entre os 17 °C no mes máis quente e os 7,5 °C nos máis fríos. Este clima benigno favorece a vexetación dos seus vales, onde predominan as especies de repoboación como o piñeiro e o eucalipto.

Demografía

O concello de Alfoz ten 1.903 habitantes segundo o censo do 2014, e un movemento demográfico regresivo dende o censo de 1900. A densidade de poboación situábase en 2012 nos 25,92 hab./km². A taxa de natalidade é baixa (inferior ao seis por mil) e a taxa de mortaldade é alta (superior ao doce por mil). Por tanto, o crecemento vexetativo é negativo e a poboación ten un progresivo envellecemento, onde o 36,33 % dos habitantes son maiores de 65 anos.

Censo total 2014 1.903 habitantes
Menores de 15 anos 138 (7,25 %)
Entre 15 e 64 anos 1.064 (55,91 %)
Maiores de 65 anos 701 (36,84 %)
Evolución da poboación de: Alfoz - desde 1900 ata 2004 -
 1900  1930  1950  1960  1981  1991  1995  2001  2003  2004
  3.713.   3.639.   4.011.   3.708.   2.858.   2.645.   2.654.   2.382.   2.348.   2.312.
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia

Casa concello Alfoz 3
Casa do concello.

Segundo o historiador José Villaamil Castro, o Castro de Ouro foi o antigo Burio, ou o despois chamado Ourio. Amor Meilán asegura como indubidable que o territorio do castro foi reedificado por Mamed Vistremiro, quen o herdara do presbítero Teodisedo. Á súa morte pasou a varios sobriños até que foi vendido, polos herdeiros arruinados, a Gutier Ganimir e, máis tarde, ao Bispo de Mondoñedo, Armentario (983 - 1011). Nesta época inícianse os litixios entre o concello e o prelado. Estes preitos foron resoltos pola Coroa no século XV a favor do concello. Xa na época de Don Sancho II (1065 - 1072), as diferenzas foron en aumento, estiveron resoltas momentaneamente polo acordo entre o bispo Álvaro I Gómez, o Concello e o Alcalde de Castro. Mais non todo queda aí. Un párroco da principios do século XX testemuñaba que estaba recollido na documentación (do ano 897) que no ano 747 a parroquia de San Vicente da Lagoa quedara en testamento ao entón bispo Odoario xunto coa Vila Centoia. En 1220 Afonso IX concedeulle a Alfoz o foro de Benavente.

O Castro de Ouro foi denominada naquel entón capital do concello, pero no ano 1990 trasladouse á Seara (no concello de Mor). O Castro de Ouro ten grande importancia na historia de Galicia, xa que nunha das casas da aldea foi preso, logo de varios anos de enfrontamento cos partidarios dos Reis Católicos, o Mariscal Pardo de Cela, quen estivo reducido na fortaleza da Frouxeira por Fernando de Acuña (primeiro gobernador dos Reis Católicos en Galicia). Alí resistiu ate que, o día 7 de decembro de 1483, foi traizoado por Elvira de Muras e outros vinte e dous criados, abríndolle as portas da fortaleza a Don Lois Marcos Mudarra, capitán do exército que a cercaba. Feito prisioneiro é conducido ate Mondoñedo, onde foi decapitado o día 23 do mesmo mes.

Xa no ano 1840 Alfoz disolveuse para ser integrado no concello do Valadouro, disolución que durou unicamente un ano, xa que no 1841 volvía a estar constituído. Finalmente, cabe salientar que o século XVIII foi para Alfoz unha centuria de notable prosperidade económica: aínda no ano 1787 funcionaban 99 teares cunha produción total de 4.066 varas. Igualmente, a agricultura, especialmente no sector vitícola, alcanzaba pola mesma data unha produción de 977 arrobas.

En Alfoz publicouse en 1907 o periódico El Guerrillero.

Cultura

Toponimia

A hipótese máis empregada é que o nome puidera proceder do árabe al-hawuz, que en galego medieval indicaba o territorio sobre o que tiña xurisdición unha vila ou unha cidade. Alfoz -antes terra chan do Val de Ouro- é o nome co que se coñece o conxunto do termo municipal sen que corresponda a entidade concreta algunha.

Patrimonio

Patrimonio arqueolóxico

Vestixios arqueolóxicos: Castro de Lagoa en Lagoa; Pena Abaladoira no Pereiro.

Patrimonio arquitectónico

Dentro da arquitectura relixiosa existen neste concello bos exemplos:

  • Os templos románicos das igrexas de Santiago de Adelán (s. XII).
  • O gótico está presente na Igrexa de San Salvador de Castro de Ouro (s. XV).
  • Xa pertencentes ao século XVIII a igrexa de Santa María de Bacoi, Capela dos Remedios, a igrexa de San Vicente da Lagoa (s. XVIII, aínda que hai documentos que a datan antes do ano 747), Santa María de Pereiro, San Sebastián de Carballido, capela de San Rosendo no Coto (s. XVIII) etc.
  • Cruceiros: Cruceiros de Acivro, Arnela, Caxigueira, Faián e Outeiro.

Con respecto á arquitectura civil hai numerosos pazos e casas grandes:

  • Pazos: Pazo de Carballido, Pazo de Basanta (s. XIV), Pazo de Allegue (s. XVIII), Casa do Pazo en Adelán, Pazo de Escoura, Pazo do Rizal, Pazo de Carrocide (s. XVIII), a casa grande de Cadeirido.
  • Muíños: Muíño do Pazo en Carballido, muíño de Damián en Bacoi e o muíño de Salvaterra en Adelán

Mención aparte merecen, tanto pola súa importancia histórica como pola artística, o castelo do Castrodouro e a Torre de Adelán.

Etnografía

Festas e celebracións

Feiras:

  • Feira do trece en Castro de Ouro (o día 13 de cada mes).
  • Feira de Correlos (o primeiro mércores de cada mes).
  • Feira de Santiago en Lagoa (o día 25 de xullo).

Festas e romarías:

  • Santiago en Lagoa (o 25 de xullo).
  • San Cristovo en Mor (o primeiro domingo de agosto; máis coñecida coma festa "dos Choferes").
  • San Pedro (os días 29 e 30 de xuño) e as festas patronais (o día 12 de agosto).
  • Nosa Señora en Bacoi (derradeiro domingo de xullo).
  • San Sebastián en Carballido (os días 19 e 20 de xaneiro).
  • A rapa das bestas en O Pereiro-Guilfonso (a mediados de xuño).
  • A Festa da Malla (que se celebra na Finca Galea).
  • Mercado Medieval de Alfoz, (celebrado no Castro, nos arredores do Castelo de Pardo de Cela).

Artesanía

A artesanía está representada na tradicional confección das típicas "zocas" e na cestería. En Lagoa ten o seu taller un dos zoqueiros máis importantes do territorio galego, Alberto Xeada, quen dispón dunha exposición das súas creacións no Museo da Zoca, no concello veciño de Mondoñedo. O seu modelo "Zoca Geada Fashion" foi presentado na semana da moda Mercedes Benz Madrid Fashion Week 2014.

Gastronomía

No referente á gastronomía, as troitas, o añogoto asado e o lacón son os pratos máis típicos.

Tradición oral

No apartado etnográfico, familiarizouse coa alma popular unha personaxe histórica e lendaria como é o Mariscal Pardo de Cela até tal punto que é difícil discernir entre a lenda e o feito histórico. Aínda así, quere a lenda que Pardo de Cela, señor da torre de Cela, A Frouxeira e outros lugares, apareza enarborando a cruzada dos Irmandiños en contra do centralismo dos Reis Católicos ate que, sendo traizoado polos seus criados, que abriron as portas ao exército de Mudarra que cercaba a súa inexpugnable Torre da Frouxeira, foi feito prisioneiro co seu fillo e Pedro Miranda, e finalmente decapitados na praza da catedral de Mondoñedo, a pesar do indulto que xa conseguira a súa muller.

Economía

Sector primario

Nos últimos tempos, as explotacións agrarias son orientadas, sobre todo, ao autoconsumo. Nos últimos anos reduciuse amplamente a superficie de explotación..

Agricultura

Os principais cultivos son: millo, patacas, trigo e produtos hortofrutícolas alternados coas pradeiras.

Gandería

No sector gandeiro: gado bovino para a produción láctea (no 1995 había 1.924 cabezas) e porcino (401 cabezas no 1995), todos eles en pequenas explotacións. Hai tamén unhas 1.500 cabezas de gado cabalar, a maior parte en estado salvaxe. As hectáreas dedicadas a pasteiros permanentes son 921, fronte ás de labradío, que suman 444 hectáreas.

Silvicultura

A industria madeireira é actualmente o principal recurso económico deste concello debido á súa importante superficie arbórea, sobre todo de piñeiro e eucalipto. Esta materia prima transfórmase nos serradoiros que xeran moitos empregos e que están sendo modernizados e adaptados á nova tecnoloxía.

Industria

Outras empresas transcendentes son as relacionadas coa construción, os transformados metálicos, a montaxe de carrocerías e a extracción e procesado mineral.

Actualmente, desapareceu case por completo a industria téxtil, que no século XVIII comprendía 99 teares que fabricaban varas de lenzo para vender fóra de Galicia. Porén, aínda continúan activas varias costureiras repartidas por todo o concello, algunhas con afamada reputación e cuxa clientela se estende alén do territorio galego, como a modista Marisa Suárez no Castro.

Turismo

O turismo, a pesar de que non está moi explotado, é unha parte importante do concello. Lugares de interese turístico son a Fortaleza de Pardo de Cela, a ponte medieval chamada "A Ponte Vella", a Finca Galea, a Fraga Vella e o miradoiro da Frouxeira, dende onde se pode contemplar unha vista panorámica espectacular dos concellos de Alfoz, O Valadouro e Foz..

Deporte

Dentro das múltiples actividades culturais e deportivas que se poden realizar neste concello destacan as rutas de sendeirismo como a Ruta Pardo de Cela que percorre tódolos lugares da Mariña vinculados co mariscal Pardo de Cela.

O ciclismo, tanto de ruta como de montaña, é un dos deportes emerxentes no concello nos últimos anos debido ás boas cualidades do terreo, atraendo ciclistas doutras localidades próximas.

O equipo de fútbol local, o Club Deportivo Alfoz[6], xoga actualmente en Segunda División Autonómica, logo de descender na tempada 2013-2014. Disputa os seus partidos como local no Campo de fútbol Municipal de Alfoz, inaugurado o 2 de agosto de 1981.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Alfoz.
As nove parroquias que conforman o concello de Alfoz.
As nove parroquias que conforman o concello de Alfoz. 

Lugares de Alfoz

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Alfoz vexa: Lugares de Alfoz.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2019". resultados.eleccioneslocaleseuropeas19.es. Consultado o 27 de maio de 2019.
  3. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Alfoz". www.fegamp.gal. Consultado o 14 de setembro de 2019.
  4. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  5. Costas González, X.-H. (2016): Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega, páx. 40. Universidade de Vigo. ISBN 978-84-8158-706-7
  6. CD Alfoz

Véxase tamén

Ligazóns externas

Adelán, Alfoz

Santiago de Adelán é unha parroquia do concello de Alfoz. Tiña 333 habitantes repartidos en 2004. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 255 habitantes, sendo 116 homes e 139 mulleres.

A superficie da parroquia é de 16,08 km². Limita coas parroquias do Castro de Ouro, Carballido, Mor e As Oiras, xunto cos concellos de Foz e Mondoñedo. Pertence ao arciprestado do Valadouro.

Alfoz de Bricia

Alfoz de Bricia é un concello español da provincia de Burgos, na comunidade autónoma de Castela e León. A súa poboación é de 87 habitantes (INE 2012).

Alfoz de Lloredo

Alfoz de Lloredo é un concello costeiro da comunidade autónoma de Cantabria, España. O municipio está situado na comarca da costa occidental.

Limita polo norte co Mar Cantábrico, polo sur con Udías, Cabezón de la Sal e Reocín, polo leste con Santillana del Mar e polo oeste con Ruiloba e Comillas. Alfoz de Lloredo está a unha distancia de 35 quilómetros da capital cántabra Santander, e a 12 km de Torrelavega.

Alfoz de Quintanadueñas

Alfoz de Quintanadueñas é un concello español da provincia de Burgos, na comunidade autónoma de Castela e León. A súa poboación é de 1.994 habitantes (INE 2012).

Alfoz de Santa Gadea

Alfoz de Santa Gadea é un concello español da provincia de Burgos, na comunidade autónoma de Castela e León. A súa poboación é de 114 habitantes (INE 2012).

Arlanzón

Arlanzón é un concello español da provincia de Burgos (Castela e León). A súa poboación é de 439 habitantes (INE 2012).

As Oiras, Alfoz

San Mamede das Oiras é unha freguesía do concello de Alfoz. En 2004 tiña 110 habitantes distribuídos en 15 entidades de poboación e 3 lugares, cunha densidade de 12,8 hab./km². Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 80 habitantes, sendo 36 homes e 44 mulleres.

Ten unha superficie de 8,57 km². Limitada ao norte coa parroquia de Lagoa, ao sur coas do Pereiro e Figueiras (do concello de Mondoñedo), aoo leste con Adelán e Figueiras, e ao oeste co Pereiro.

Bacoi, Alfoz

Santa María de Bacoi é unha parroquia do concello de Alfoz. Segundo o IGE en 2010 tiña 215 habitantes (114 homes e 101 mulleres) distribuídos en 14 entidades de poboación, cunha densidade media de 62,5 hab./km².

A parroquia ten unha superficie de 3,44 km², e limita coas parroquias de Carballido e O Castro de Ouro, ademais dos concellos de Foz e O Valadouro. Pertencente o arciprestado do Valadouro.

Carballido, Alfoz

San Sebastián de Carballido é unha parroquia do concello de Alfoz. En 2004 tiña 356 habitantes distribuídos en 17 entidades de poboación e un lugar, cunha densidade media de 43'7 hab./km². Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 290 habitantes, sendo 142 homes e 148 mulleres.

Ten unha superficie de 8,14 km². Limita coas parroquias do Castro de Ouro, Adelán, Bacoi e cos concellos de Foz e Mondoñedo. Pertence ao arciprestado do Valadouro.

Cavia

Cavia é un concello español da provincia de Burgos (Castela e León). A súa poboación é de 283 habitantes (INE 2012).

Comarca da Mariña Central

A comarca da Mariña Central é unha comarca galega situada na provincia de Lugo cuxa capital é Mondoñedo, que é a súa terceira cidade en poboación, tras Foz e Burela. A ela pertencen os concellos de Alfoz, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo e O Valadouro. Esta comarca é unha división político-administrativa da Mariña de Lugo.

Hurones

Hurones é un concello español da provincia de Burgos (Castela e León). A súa poboación é de 75 habitantes (INE 2012).

Lagoa, Alfoz

San Vicente de Lagoa é unha das nove parroquias do concello lugués de Alfoz. En 2004 tiña 387 habitantes, distribuídos en 34 entidades de poboación e 4 lugares, cunha densidade media de 34,2 hab./km². Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 308 habitantes, sendo 145 homes e 163 mulleres.

Mor, Alfoz

San Pedro de Mor é unha parroquia do concello de Alfoz. No ano 2010 tiña 555 habitantes (276 homes e 279 mulleres), distribuídos en 15 entidades de poboación, cunha densidade de 147'6 hab/km². Acolle a aldea da Seara, o principal núcleo do concello de Alfoz dende 1990, e onde vive a cuarta parte da poboación do municipio.

Limita ao norte coa parroquia de Ferreira (O Valadouro), ao sur e ao oeste con Lagoa e ao leste co Castro de Ouro.

O Castro de Ouro, Alfoz

San Salvador do Castro de Ouro é unha parroquia do concello de Alfoz. En 2004 tiña 81 habitantes, cunha densidade media de 31,2 hab./km². Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 60 habitantes, sendo 27 homes e 33 mulleres.

Ten unha superficie de 2,6 km². Limita coas as parroquias de Adelán, Bacoi e Mor.

O Pereiro, Alfoz

Santa María do Pereiro é unha parroquia do concello de Alfoz. É a parroquia máis extensa do concello, e abrangue preto dun terzo da superficie de Alfoz. Segundo o IGE en 2014 tiña 143 habitantes (73 homes e 70 mulleres), mentres que en 2004 tiña 188 habitantes, cunha densidade de 8 hab./km². Ten 29 entidades de poboación.

Ten unha superficie de 23,4 km². Limita ao norte coa freguesía de Frexulfe (do concello do Valadouro), ao sur con Labrada (concello de Abadín), ao leste con Lagoa e As Oiras (concello de Alfoz), e ao oeste co Cadramón (no concello do Valadouro).

O Reirado, Alfoz

Santa María do Reirado é unha parroquia do concello de Alfoz. En 2004 tiña 64 habitantes, distribuídos en 4 entidades de poboación, cunha densidade de 237 hab./km². Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 51 habitantes, sendo 25 homes e 26 mulleres.

Pertence ao arciprestado de Ferreira. Ten unha superficie de 0,27 km², e limita coas parroquias de Bacoi, Carballido, Castro de Ouro, Mor e Lagoa, xunto co concello do Valadouro.

Hai numerosos cruceiros e cruces.

Quintanaortuño

Quintanaortuño é un concello español da provincia de Burgos (Castela e León). A súa poboación é de 261 habitantes (INE 2012).

Rubena

Rubena é un concello español da provincia de Burgos (Castela e León). A súa poboación é de 181 habitantes (INE 2012).

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.