Albariño

O albariño[1] (alvarinho en portugués) é unha variedade de uva branca de Galicia e norte de Portugal, e os viños elaborados con esta variedade de uva, en especial nos viños de Denominación de Orixe Rías Baixas e Viño da Terra de Barbanza e Iria. Tamén emprega esta variedade o Vinho Verde portugués.

Cacho
Uvas de albariño.
Albarino in glass image 2
Copa de Albariño

Etimoloxía

Provén do latín albus ‘branco’[2].

Historia

Orixe

Os monxes da Orde de Cluny levaron a uva ao mosteiro da Armenteira no século XII, dende aquí o seu cultivo espallouse ao resto de Galicia.

Noutras comarcas vitivinícolas, Ribeiro, Valdeorras, Lima, Braga mestúrase con outras variedades como o loureiro, caíño, arinto ou treixadura. Por outra banda, en 1996 a uva albariña comezou a se cultivar en California, e no 2001 o goberno norteamericano aprobou a denominación de albariño.

Caracteriza á uva o seu elevado nivel de azucre e a súa alta acidez, así coma o seu aroma, moi semellante ao do Viognier, recordando ao dun albaricoque ou pexego. O viño albariño é un viño branco, amplo, seco, moi lixeiro e saboroso. O acio non adoita a superar os 125 gramos de peso.

Denominacións de orixe

Artigo principal: Denominación de Orixe Rías Baixas.

O Albariño foi hai tempo escaso pero moi buscado. Convertido hoxe nun dos caldos de maior personalidade e prestixio, as parras do Salnés dannos case outro tipo de uva. A Denominación de Orixe Rías Baixas, creada en 1988, comprende aqueles territorios onde tradicionalmente, e dende tempo inmemorial, se producen viños de calidade na provincia de Pontevedra, sendo consideradas na actualidade cinco subzonas perfectamente individualizadas: Val do Salnés, Condado do Tea, O Rosal, Soutomaior e Ribeira do Ulla, nas que se elaboran fundamentalmente viños brancos a base da variedade de Albariño. A subzona do Salnés e o seu albariño, crea unha riqueza duns 50 millóns de euros. Nesta área, destacan polo seu volume de produción adegas coma condes de Albarei ou Martín Códax

Ademais desta denominación, desde o 2006 existe a nova Indicación Xeográfica Protexida Viño da Terra de Barbanza e Iria que comprende a comarca do Barbanza e os concellos de Dodro, Padrón, Pontecesures, Catoira e Valga, promocionando e amparando os caldos de Albariño desta zona das Rías Baixas, que até o de agora non contaban con ningún tipo de protección administrativa.

O viño Albariño é un viño monovarietal elaborado coa uva albariña. A pesar dalgunhas similitudes coas variedades francesas e alemás, cultivadas nas ribeiras do Rhin, é sen dúbida unha uva autóctona. Estivo a punto de desaparecer debido á súa delicadeza e o seu escaso rendemento, comparada coa fortaleza e o maior volume producido polos bacelos híbridos, que dan un viño de pouca calidade coñecido popularmente como “catalán”.

O prestixio do Albariño, que acada os 13 graos no Salnés, fixo recupera-los bacelos autóctonos, comezando a replantación no 1960. Nesta comarca é xa practicamente a única variedade cultivada.

Viños galegos Albariño
Botellas de albariño.

O río Umia é o pai do Albariño. Nas súas ribeiras cultívase a vide e prodúcese o viño desde a Idade Media.

Produción e comercialización

Dunha produción artesanal, cunha escasa comercialización, pasouse a unha moderna explotación. Basta con citar que das 14 adegas que existían en 1987, chegáronse a 142, inscritas actualmente na Denominación de Orixe, a maioría deles na subzona do Salnés, con quintas coma Pazo Baión. Todas contan xa con envases de aceiro inoxidable, prensas pneumáticas, control de temperatura e cos métodos de filtración máis avanzados. A produción máxima autorizada para o albariño é de 11.000 kg/Ha, cun rendemento do 65% no viño.

O Albariño é considerada unha das variedades autóctonas máis importantes de Galiza, dentro das 220 variedades autóctonas catalogadas. É unha variedade de acios pequenos, de maduración temperá e vigor medio. Ten unha cor amarela-palliza, brillante, con irisacións douradas e verdes. Posúen aromas florais e afroitados, finos e distinguidos, que impresionan agradablemente, de intensidade media e duración media-longa. O seu sabor é fresco e suave, con suficiente corpo e grao alcohólico (entre 11 e 13% Vol.), acidez equilibrada (entre 7 e 9 g/l), harmoniosos e amplos matices. O seu regusto é pracenteiro, elegante e completo.

O primeiro fin de semana de agosto celébrase en Cambados a Festa do albariño honrando esta variedade de uva.

Notas

  1. Nome galego en Dicionario de alimentación e restauración, VV. AA. (2012), Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. "Albariño". Portal das Palabras. Consultado o 22 de setembro de 2016.

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Arbo

Arbo é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca da Paradanta. Segundo o INE en 2015 tiña 2846 habitantes (4121 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «arbés» ou «arbense».

Bodegas Martín Códax

Bodegas Martín Códax é unha adega fundada no 1985 en Vilariño, Cambados, adicada á elaboración de viño albariño. Xunto con Condes de Albarei é a adega de maior volume de produción da comarca do Salnés.

Cambados

Cambados é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE en 2015 tiña 13.895 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cambadés.

Limita cos concellos de Vilanova de Arousa, Ribadumia, Meaño e co océano Atlántico.

Capítulo Serenísimo do Albariño

O Capítulo Serenísimo do Albariño é unha asociación de Cambados dedicada a promover e difundir a cultura do viño albariño.

Son os encargados de fallar o mellor caldo na festa do albariño nas categorías de ouro, prata e bronce, escollido por un xurado profesional. Así mesmo, a asociación ten a encomenda de dar o pregón da festa.

Xerarquicamente conta con un Gran Mestre, un Chanceler, un Copeiro Maior e damas e cabaleiros. En caso de ausencia do Gran Mestre será o Copeiro maior quen exerza coma tal. Dous pregoeiros destacados ó longo da historia son José María Castroviejo e Álvaro Cunqueiro.

A primeira acta dun premio data do ano 1969, todas as elaboradas desde entón recóllense nun volume editado por Bibliófilos Gallegos, unha obra que contén unha recompilación histórica con cita expresa a todos os viños e adegas premiados desde os anos 60 ata a actualidade. Nese mesmo ano, Manuel Fraga Iribarne foi nomeado Gran Mestre do Capítulo Serenísimo do Albariño.

Inviste ós seus novos membros mediante a imposición da tradicional capa azul.

Carballo (árbore)

Para atopar máis información ou consultar a especie normalmente chamada "carballo", véxase o artigo Carballo común.

Carballo é a designación común das cerca de seiscentas especies de árbores e arbustos do xénero Quercus da familia Fagaceae. O xénero é nativo do hemisferio norte e inclúe tanto especies caducifolias coma persistentes. Os Querci (carballos) esténdese tanto por zonas de clima atlántico como clima continental ou clima mediterráneo, dende Eurasia até América e medran en calquera tipo de terreo, tanto en chairas como en ladeiras rochosas. En xeral, as especies de folla caduca distribúense máis cara ao norte e as de folla persistente, cara ao sur. Caracterízanse por ser árbores rexas e fortes e polos froitos: as landras.

Cómpre ter en conta que tamén se denominan carballos as especies tropicais doutros xéneros relacionados, principalmente Lithocarpus.

Diferentes especies de carballos son moi frecuentes en toda Galicia, salientando o carballo común (ver lista de especies habituais en Galicia abaixo). De feito os carballos constitúen a formación forestal máis representativa do país: a carballeira.

As carballeiras teñen estado en regresión debido sobre todo á actividade humana e á substitución destes bosques por reforestacións de especies foráneas coma o piñeiro bravo ou o eucalipto; con todo, a extensión das carballeiras incrementouse nos últimos anos, especialmente nas zonas do interior.

Carballo albariño

O carballo albariño ou carballo albar (Quercus petraea) (sin. Quercus sessiliflora), é un carballo europeo moi semellante ao carballo común (Quercus robur), aínda que é menos robusto que este. Recibe tamén os nomes de albo, carba, carballo branco ou simplemente carballo.

O carballo albariño da Praza do Campo de Quindous, en Cervantes (Lugo), está na lista de árbores senlleiras de Galiza.

Cerquiño

O cerquiño ou carballo cerqueiro (Quercus pyrenaica Willd.) é unha especie de carballo monoico que habita en bosques caducifolios. Pode chegar até os 20 ou 25 metros. É máis miúdo, rústico e frugal ca o carballo común (Quercus robur) e carballo albariño (Quercus petraea). Aparece en Galiza.

Recibe tamén os nomes de carballo cerquiño, carballo curpio, rebolo, carballo negro ou carballo negral.

Comarca do Salnés

A comarca do Salnés é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Vilagarcía de Arousa á cal pertencen os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Constitúe un dos máis importantes enclaves turísticos de Galiza. Con poucas palabras, está comprendido entre a ría de Arousa polo norte e a ría de Pontevedra polo sur, formando parte das denominadas Rías Baixas.

Recibe este nome polas antigas salinas que existían na desembocadura do río Umia. No Parochiale suevorum do século VI faise mención á Comarca Saliniense. Fontes históricas apuntan á existencia de conflitos relacionados coas salinas localizadas en diferentes puntos da comarca, concretamente nas freguesías de Nogueira, Vilalonga, Noalla e Dena, actualmente pertencentes aos concellos de Meis, Sanxenxo e Meaño.

Denominación de Orixe Ribeira Sacra

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra é unha das cinco cinco zonas con denominación de orixe para os seus viños existentes en Galiza. Os viñedos, cultivados en socalcos nas pendentes ladeiras dos ríos Miño e Sil, constitúen xa elas soas un atractivo turístico.

A D.O. Ribeira Sacra está dividida en 5 subzonas: Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Sil-Ourense e Ribeiras do Miño. As variedades de uva usadas son:

Brancas preferentes: Albariño, Loureira, Treixadura, Godello, Dona Branca e Torrontés.

Tintas preferentes: Mencía, Brancellao, Merenzao, Tempranillo, Sousón e Caíño tinto.

Tintas autorizadas: Garnacha Tintorera e Mouratón.Os viñedos ocupan 1.242 hectáreas. As 95 adegas, que ocupan algo menos de 3.000 traballadores, producen máis de 2 millóns de litros anuais.

O amparo dos ríos achega un microclima á zona, que coa orientación sur das pronunciadas ladeiras favorecen a correcta maduración que as uvas necesitan para a elaboración duns caldos que en xa en época dos romanos eran descritos como Ouro líquido do Sil.

Denominación de Orixe Rías Baixas

A Denominación de Orixe Rías Baixas é unha das cinco zonas con denominación de orixe para os seus viños existentes en Galiza. Creouse en 1980, e foi recoñecida como Denominación de Orixe en 1988.

Festa do albariño

A Festa do albariño é unha festa vinícola que se celebra en Cambados o primeiro domingo do mes de agosto. E a máis antiga do seu tipo en Galicia, e a segunda de España. Está declarada de Interese Turístico Nacional, e congrega arredor de 150.000 persoas, o que fai desta cita unha das máis importantes do calendario festivo galego.

Galería de imaxes de gastronomía en Galicia

Galería de imaxes de gastronomía en Galicia.

Gastronomía de Galicia

A gastronomía de Galicia ten unha gran tradición e variedade, sendo un dos aspectos de maior importancia na cultura e sociedade galegas.

Está moi establecida a celebración de grandes comidas, ben en familia, ben en eventos, actos ou encontros. En Galiza teñen lugar gran número de festas gastronómicas, a maioría delas no verán. Un dos seus maiores estudosos foi o escritor Álvaro Cunqueiro.

Os petiscos, a diferenza doutros lugares, son consistentes e non se reducen a unhas simples olivas ou patacas; adoitan ser gratuítos ou de moi baixo prezo, sobre todo na provincia de Lugo, onde a súa gratuidade, ao ser acompañados por un viño ou unha cervexa, é unha tradición convertida xa nun reclamo turístico. Ademais dos petiscos, tamén son frecuentes as tapas.

Meaño

Meaño é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE no ano 2016 tiña unha poboación de 5.341 habitantes, o que representa un descenso con respecto ó ano 2005, cando contaba con 5.475 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «meañés».

Pazo Baión

O Pazo Baión é unha propiedade rústica situada na parroquia de Baión (Vilanova de Arousa), dedicada á produción de viño albariño. O recinto componse de plantacións desta variedade de uva, o pazo que lle dá nome á propiedade, un edificio adicado ás tarefas agropecuarias e un almacén, todos eles de pedra. Pazo Baión acadou gran sona por ser a propiedade emblemática do narcotraficante Laureano Oubiña, sendo tamén un símbolo da loita contra o narcotráfico. Actualmente pertence á adega Condes de Albarei.

Vilar de Santos

Vilar de Santos é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Limia. Segundo o IGE en 2017 tiña 850 habitantes (1.001 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «vilasantés».

Viño

O viño é unha bebida alcohólica que se obtén da fermentación do zume de uva ou mosto que se obtén ó estrulla-la uva na prensa trala vendima e que é gardado en barrís. É habitual que o viño se denomine segundo a uva co que foi elaborado. Atendendo á súa cor, pode ser viño branco, tinto ou rosado. Os viños brancos acostuman usarse para acompañar os entrantes e o peixe; o tinto para acompañar a carne. Un bo viño é unha bebida selecta e o seu prezo pode ser astronómico. Adoita definirse a súa calidade en función do ano e do tipo de viño. Ademais de produto económico, o viño é un elemento social de primeira orde, coma o demostran as celebracións de festas gastronómicas ou vendimas.

Viño branco

O viño branco é un tipo de viño elaborado a partir do mosto da uva, preferentemente branca, que se separa do bagazo ou bagaño para que non desprenda as substancias colorantes. Os viños brancos son famosos en Galicia sobre todo nas denominacións de orixe do Ribeiro, Valdeorras e Rías Baixas. Algunhas castes de uva como o albariño son as máis tradicionais na produción do viño branco.

Ten unha especial relevancia culinaria para engadir á cocción de carnes, peixes ou mariscos como os mexillóns. Recoméndase para acompañar nas comidas sobre todo peixes e mariscos cos que se toma normalmente fresco. Son normalmente viños novos, é dicir, viños que se consomen no mesmo ano en que foron producidos e que non se deixan envellecer.

Viño de Galicia

O viño de Galicia inclúe o viño que se elabora nas provincias da Coruña, Ourense, Pontevedra e Lugo. Dentro de Galicia distínguense cinco denominacións de orixe: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras. En anos recentes, o país viu rexurdir a súa industria vinícola guiada polo aplauso internacional da rexión das Rías Baixas e dos seus viños albariño.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.