Alasca

Alasca[1][2][3][4] (en inglésAlaska[əˈlæskə] (AFI) escoitar) é o Estado con máis superficie dos Estados Unidos de América situado na parte noroccidental do continente, limitando por terra só con Canadá (ó leste), e por mar co océano Pacífico (sur), océano Glacial Ártico (norte) e a confluencia de ambos os dous no estreito de Bering (oeste). A súa capital é Anchorage.

Comprado ó imperio ruso en 1867 por 7 millóns de dólares, é o territorio estadounidense con menor densidade de poboación de 0,42 hab/km², sendo o cuarto con menor poboación, tras Wyoming, Dakota do Norte e Vermont.[5] e maior que os estados americanos de Texas, California e Montana xuntos (respectivamente o segundo, o terceiro e o cuarto máis extensos).

Estados Unidos tratou durante as primeiras décadas do século xx de mellorar as comunicacións (por exemplo de conectar Alasca co resto dos Estados Unidos por ferrocarril), e promover a colonización do val de Matanuska. Mais a segunda guerra mundial e as batallas navais nas illas Aleutianas co Xapón trocaron a política dos EUA nos asuntos de Alasca. Así, en 1942, construíuse en meses unha estrada de comunicación (a Autoestrada Alcan) para garantir a defensa do Territorio de Alasca, á vez que estableceron novas bases militares e se promoveron asentamentos civís. O final da guerra mundial e o comezo da guerra fría aceleraron a necesidade de integrar este territorio á Unión. Así, en 1959, Alasca foi á fin aceptado como 49° estado dos Estados Unidos de América.

O descubrimento de grandes depósitos petrolíferos permitiron un enorme crecemento económico en Alasca durante as últimas décadas, a pesar do illamento xeográfico e ás duras condiciones de vida. A maior fazaña do seu desenvolvemento foi a construción, a partir de 1974, do Trans-Alaska Pipeline, un oleoduto de 1.269 km que une a Baía de Prudhoe co porto de Valdez. Mais tamén o petróleo foi orixe de certos desastres, como o accidente ocorrido en 1989 do petroleiro Exxon Valdez, que encallou nas augas de Alasca e provocou unha marea negra que ten sido cualificada como un dos maiores desastres ecolóxicos da historia.

Alasca
State of Alaska
Bandeira de Alasca Selo de Alasca
Bandeira Selo
Lema: North to the Future
Mapa dos EUA coa Alasca en destaque
Outros Estados dos EUA
Datos xerais
Capital Juneau
Maior cidade Anchorage
Gobernador Bill Walker
Lingua oficial: Inglés
Área 1 717 854 km² (1)
 - Terra 1 481 347 km²
 - Auga 236 507 km² (13,77%)
Poboación (2014)
 - Poboación 736 732 (48)
 - Densidade 0,49 /km² (50)
Entrada na Unión
 - Data 3 de xaneiro de 1959
 - Orde 49º
Xeografía
Fuso horario Alasca: UTC-9/-8

Aleutas: UTC-10/-9

Latitude 54°40'N - 71°50'N
Lonxitude 130°O - 173°E
Largo N-S 1 300 km
Ancho E-O 2 380 km
Altitude
 - Altitude media 3 060 m
 - Máis elevado 6 194 m
 - Menos elevado 0 m
Códigos e abreviacións
 - USPS AK
 - ISO 3166-2 US-AK
Sitio web
www.state.ak.us

Historia

Os primeiros poboadores de Alasca foron grupos humanos que proviñan de Asia que cruzaron o Berinxia ("ponte terrestre de Bering") e chegaron o que actualmente é o oeste da península de Alasca. A maioría dos pobos nativos americanos proveñen de xentes que atravesaron o estreito de Bering antes de emigrar cara o sur do continente. O primeiro contacto de exploradores europeos cos habitantes da rexión tivérono os rusos, que contactaron co pobo inuit e outros pobos nativos.

O nome de "Alasca" vén dunha palabra aleutiana, que significa literalmente "o obxecto contra o que a acción do mar é dirixida".[6]

A maioría da historia documentada de Alasca comeza coa colonización europea, empezando polo navegante danés ao servizo da Armada Rusa, Vitus Bering, que avistou Alasca a bordo do San Pedro no transcurso da segunda expedición a Kamchatcka. Mais, o primeiro europeo que tocou as costas da rexión foi o ruso Aleksei Chirikov, que navegaba na expedición de Bering ao mando do San Paulo, cando chegou o 15 de xullo de 1741 ao lugar no que hoxe se levanta a cidade de Sitka. A Compañía rusa de América logo iniciou a colonización da costa e nos anos 1790 xa existían asentamentos na rexión. A principal actividade na zona era a caza de lontras, aínda que a colonia non foi nunca rendíbel debido ao elevado custo dos navíos necesarios para iso. Ao principio, o contacto cos nativos foi cordial, mais pronto se produciron encontros violentos, que unidos ás enfermidades transmitidas polos europeos, exterminaron a catro quintas partes da poboación nativa. O primeiro asentamento permanente por parte de Rusia estabeleceuse en 1784, cando Grigory Ivanovich Shelikhov fundou unha colonia na illa de Kodiak, na baía de Three Saints Bay.

Vitus Bering
Vitus Bering.

Os españois reclamaron os dereitos que a bula Inter Caetera lles daba sobre a costa oeste de Norteamérica, que incluía Alasca. O rei Carlos III de España organizou varias expedicións á rexión para intentar colonizala. As expedicións de Bruno de Heceta e Alessandro Malaspina deixaron algúns topónimos na rexión, como o Glaciar Malaspina ou a cidade de Valdez. Tamén os británicos seguiron o exemplo da coroa española, enviaron exploracións á zona, como as de James Cook ou George Vancouver.

En 1799, Nikolay Petrovich Rezanov mercoulle os dereitos de explotación das peles ao tsar Paulo I de Rusia e creou a Compañía ruso-estadounidense. A sobreexplotación do territorio levou a un enfrontamento entre os colonos e os nativos, cuxo acontecemento máis destacado foi a Batalla de Sitka de 1804.

En 1867, o Secretario de Estado estadounidense William H. Seward realizou a compra de Alasca a Rusia por 7,2 millóns de dólares estadounidenses. A falta de efectivo de Rusia e o desexo de que Alasca non caera en mans británicas impulsaron a Rusia a vender o territorio aos Estados Unidos tralo fracaso na guerra de Crimea. A compra fíxose efectiva o 18 de outubro de 1867, hoxe recordado como o Día de Alasca. Aínda que a compra recibiu duras críticas no momento de producirse, finalmente veuse como un negocio vantaxoso grazas ao descubrimento de ouro no Yukón. Na década de 1890, os territorios de Alasca e Yukón sufriron unha explotación das súas minas debido á febre do ouro, coñecida como febre do ouro de Klondike, nome do principal depósito. Os principais asentamentos estabelecéronse en Juneau, Nome e Fairbanks.

Alaska Purchase (hi-res)
Cheque usado na compra de Alasca.

Nos primeiros tempos de dominación estadounidense, o exército, a mariña e o servizo de alfándegas fixéronse cargo do control da rexión, pero a chegada de colonos obrigou a cambiar o sistema de administración. En 1884 nomeouse un Gobernador, e en 1906 elixiuse un representante no Congreso dos Estados Unidos, mais sen dereito a voto. Xa en 1912, declarouse a Alasca como Territorio dos Estados Unidos, cun congreso e goberno propio, e coa súa capital en Juneau en detrimento de Sitka, que fora a capital da Alasca rusa. Durante a segunda guerra mundial, Alasca foi escenario da batalla das Illas Aleutianas entre as tropas aliadas e Xapón, e durante o conflito melloráronse as infraestruturas para facilitar a defensa do territorio, como a construción da Autoestrada Alcan. Ao final da segunda guerra mundial e o comezo da guerra fría aceptouse a entrada de Alasca na Unión. O presidente dos Estados Unidos, Dwight David Eisenhower asinou o 7 de xullo de 1958 a Acta estatal de Alasca (Alaska Statehood Act en inglés), que abriu o camiño para que o 3 de xaneiro de 1959, Alasca se convertera no estado 49 da unión.

O 27 de marzo de 1964, Venres Santo, Alasca sufriu os efectos dun terremoto (coñecido como "Terremoto de Venres Santo") de 8,5 grados de magnitude na escala Richter, e que rematou coa vida de 131 persoas, arrasando moitas poboacións da rexión. Mais, en 1968 encontrouse petróleo na rexión, e trala construción do oleoduto transalasquiano (Trans Alaskan Pipeline) en 1977, os ingresos debidos á explotación dos pozos petrolíferos contribuíron a que a poboación se restabelecera e a que se reconstruíran as infraestruturas. En 1989 produciuse unha nova catástrofe ao encallar o petroleiro Exxon Valdez no estreito de Príncipe Guillerme, e verter ao mar entre 42.000 e 130.000 metros cúbicos de cru, afectando uns 1.600 km de costa. En 2007, máis da metade do territorio do estado é propiedade do Goberno Federal, e a explotación das reservas de petróleo no territorio aínda sen explotar é tema de debate, xa que o Refuxio Nacional de vida salvaxe no Ártico podería verse afectado.

Xeografía

150132main image feature 589 alaska
As Illas Aleutianas e a península de Alasca.
Wonder Lake, Denali
Parque Nacional de Denali e o monte McKinley.

Alasca é un dos dous únicos estados estadounidenses, canda Hawaii, que non limita con ningún outro estado do país. Tamén ten máis costa que todos os estados estadounidenses xuntos e é o estado máis grande do país cunha superficie total de 1 717 854 km². Outro fito xeográfico que posúe Alasca é o monte McKinley, o cumio máis alta de toda Norteamérica, con 6.194 metros de altitude. Despois, a súa capital, Juneau, é inaccesíbel por terra, e ningunha estrada conecta Juneau co resto do sistema de autoestradas estadounidense.

O estado está bordeado polo territorio de Yukón e a Columbia Británica, Canadá polo leste; o golfo de Alasca e o Océano Pacífico polo sur; o mar de Bering, co seu estreito e o mar de Chukchi polo oeste; e o mar de Beaufort e o Océano Ártico polo norte. Alasca divídese en tres grandes rexións: as montañas do Pacífico, o interior e a zona ártica setentrional. As montañas do Pacífico ocupan toda a costa meridional, mentres que pola rexión interior esténdese o río Yukon xunto aos seus afluentes nunhas vastas mesetas. A zona ártica setentrional, pola súa parte, está ocupada pola cadea de Brooks.

Dous dos puntos máis importantes da xeografía de Alasca son as Illas Aleutianas e o Parque Nacional de Denali. As Illas fixéronse famosas por ser sede da propia Batalla das Illas Aleutianas que tivo lugar durante a Segunda Guerra Mundial. O arquipélago posúe unha superficie duns 37.800 km², sendo a maioría parte de Alasca e o extremo oeste é zona rusa. Neste arquipélago, onde destaca a illa de Unalaska, habitan preto de 16.000 persoas, sendo a maioría delas esquimós aborixes. O Parque nacional de Denali é unha das zonas virxes máis importantes do continente, cunha superficie de 24.585 km². Nel áchanse todo tipo de exemplares de flora e fauna do estado como o carneiro de Alasca, o caribú, o alce, o oso grizzly ou o lobo.

Clima

Alaska
O clima é extremo en Alasca.

O clima varía segundo a rexión. A costa occidental ten un clima oceánico, mentres que o resto do estado presenta un clima continental e ártico.

En Juneau, a capital, e na metade sueste o clima é oceánico, mentres que é ártico na metade norte. En xeral, esta zona é a máis húmida e cálida de Alasca, con suaves temperaturas en inverno e altos niveis de precipitación ao longo do ano. O clima de Anchorage, a cidade máis poboada de Alasca, e da parte central e sur do estado, é suave debido á proximidade do mar. O clima do oeste de Alasca está influenciado polo mar de Bering e o golfo de Alasca. No suroeste existe un clima subártico oceánico e no norte, subártico continental.

O clima no interior de Alasca é extremo. Algunhas das temperaturas máis cálidas e frías teñen lugar na área de Fairbanks. Os veráns poden albergar até 30 °C, mentres que no inverno as temperaturas baixan até os -52 °C. As temperaturas máximas e mínimas históricas rexistradas en Alasca déronse no interior. As máximas acadaron 38 °C en Fort Yukon, o 27 de xuño de 1915.[7][8] Por outra parte, a temperatura mínima máis baixa de Alasca produciuse o 23 de xaneiro de 1971, con -64 °C en Prospect Creek.[7][8]

O quecemento global que sacode o planeta está sendo notorio en Alasca. Gunter Weller, director do Centro Fairbank para Investigación do Cambio Global e de Investigación do Sistema Ártico, da Universidade de Alasca, asegurou que as temperaturas medias en Alasca eleváronse tres graos centígrados en 30 anos, e aproximadamente o dobre en inverno. As autoridades estatais están alertando do máis que probable efecto que o cambio climático terá sobre a vida dos cidadáns. Un exemplo son as estradas estatais, que transcorren sobre o permafrost, que se está desconxelando velozmente. O oleoduto trans-Alaska, que utiliza soportes verticais, está vendo perigar a súa estabilidade sensiblemente.[9]

Áreas administrativas

Alasca divídese administrativamente en 19 burgos, pero estes non cobren toda a área do estado. Ademais dos burgos existen unhas áreas censais, que se reparten todo o resto do territorio. Alasca é un dos dous estados, xunto con Luisiana, onde non existen os condados.

Os burgos de Alasca son: Aleutianas do Leste, Anchorage, Ártico Noroeste, Baía de Bristol, Denali, Fairbanks North Star, Haines, Juneau, Península de Kenai, Ketchikan Gateway, Illa Kodiak, Lake and Peninsula, Matanuska-Susitna, North Slope, Petersburg, Sitka, Skagway, Wrangell e Yakutat.

Ademais, a área que non está organizada en burgos subdivídese en doce áreas censais: Aleutianas do Oeste, Bethel, Dillingham, Hoonah - Angoon, Kusilvak, Príncipe de Gales - Hyder, Fairbanks Suroeste, Valdez - Cordova e Yukon - Koyukuk.

Demografía

Crecemento poboacional de Alasca
Ano Habitantes
1880 33 426
1890 32 052
1900 63 592
1910 64 356
1920 55 036
1930 59 278
1940 72 524
Ano Habitantes
1950 128 643
1960 226 167
1970 302 583
1980 401 581
1990 551 947
2000 626 932
2005* 663 661
(*) Estimación

O censo de 2000 estimou a poboación de Alasca en 626 932 habitantes, un crecemento de 14% sobre a poboación de 1990, de 551 947 habitantes. Unha estimativa realizada en 2005 estima a poboación do estado en 663 661 habitantes, un crecemento de 20,2% en relación á poboación en 1990; de 5,9%, en relación á poboación en 2000; e de 0,9% en relación á poboación estimada en 2004.

O crecemento da poboación natural de Alasca entre 2000 e 2005 foi de 36 590 habitantes - 53 132 nacementos menos 16 542 óbitos - o crecemento poboacional causado pola inmigración foi de 5 800 habitantes, encanto que a migración estadounidense resultou na perda de 4 619 habitantes.

Só hai unha rexión metropolitana, Anchorage, que é a maior cidade do Alasca. Cerca de dous quintos dos habitantes viven en Anchorage. Cerca de 70% dos habitantes viven en cidades e os outros 30% viven en áreas non-urbanas.

A maior parte da poboación de Alasca vive na rexión sur do estado, ao longo do litoral sur co océano Pacífico, onde o clima é menos extremo que no norte do estado. O resto de Alasca é escasamente poboado, aínda que si existen comunidades con varios millares de habitantes no interior e mesmo no litoral norte do estado.

Principais cidades

A cidade mais populosa é Anchorage, que posúe aproximadamente 275 mil habitantes. Anchorage é tamén a terceira maior cidade dos Estados Unidos en área. A maior parte das principais cidades de Alasca localízanse no litoral oceánico do estado.

Máis de 100 mil habitantes

Entre 10 000 e 100 000 habitantes

Menos de 10 mil habitantes

  • Wasilla
  • Kodiak
  • Ketchikan
  • Ester
  • Sitka
  • Palmer
  • Circle
  • Petersburg
  • Homer
  • Dillingham
  • Valdez
  • Seward
  • Glennallen

Notas

  1. Ver entrada de «Rochosas, montañas». Editorial Galaxia, ed. (2007). Diciopedia do século 21 3. Isaac Díaz Pardo, Víctor F. Freixanes, Antón Mascato (edición). p. 1821. ISBN 9788482893600.
  2. Goretti Sanmartín Rei et al. Servizo de Normalización Lingüística, Universidade da Coruña, ed. Criterios para o uso da lingua (PDF). p. 124. ISBN 84-9749-199-8. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de setembro de 2013. Consultado o 14 de abril de 2014.
  3. Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. p. 105. ISBN 84-8158-266-2.
  4. Benigno Fernández Salgado (edición) (2004). Editorial Galaxia, ed. Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. p. 1303. ISBN 9788482887524.
  5. "United States by States - GCT-T1-R. Population Estimates (geographies ranked by estimate)". United States Census Bureau, Population Division. Consultado o 2010-06-02.
  6. Ransom, J. Ellis. 1940. Derivation of the Word "Alaska". American Anthropologist n.s., 42: pp. 550-551
  7. 7,0 7,1 National Oceanic and Atmospheric Administration (ed.). "NOAA Weather Radio All Hazards Information - Alaska Weather Interesting Facts and Records" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de setembro de 2006. Consultado o 16 de setembro de 2009.
  8. 8,0 8,1 Western Regional Climate Center, Desert Research Institute (ed.). "State Extremes" (en inglés). Consultado o 16 de setembro de 2009.
  9. Rizzo, Heber (19 de abril de 2004). "Alaska Sufre el Calentamiento Global". astroseti.org (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2009. Consultado o 16 de setembro de 2009.{

Ligazóns externas

28 de marzo

O 28 de marzo é o 87º día do ano do calendario gregoriano e o 88º nos anos bisestos. Quedan 278 días para finalizar o ano.

América do Norte

América do Norte ( pronunciación ) ou Norteamérica ( pronunciación ) é un subcontinente de América situado totalmente no hemisferio norte, e case por completo no hemisferio occidental, que se estende, xeopoliticamente, desde Alasca e Groenlandia ao norte, ata a fronteira de México con Guatemala e Belize ao sur. Limita ao norte co océano Glacial Ártico, ao leste co océano Atlántico, ao sueste co mar Caribe e ao sur e ao oeste co océano Pacífico. Está conectado con América do Sur pola estreita ponte territorial que representa América Central. Cobre unha área de aproximadamente 24 709 000 km², o que representa ao redor dun 4,8 % da superficie total do planeta e un 16,5 % das terras emerxidas.

En 2009 a súa poboación estimada era de máis de 528 millóns de habitantes. En 2013 a media do Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) de todos os países do subcontinente norteamericano foi de 0,895.

América boreal é un sinónimo, pero este concepto a miúdo só inclúe os Estados Unidos e Canadá, excluíndo a zona de México a que ás veces se considera dentro de América Central.

Anchorage

Anchorage é unha cidade estadounidense, capital do estado de Alasca. En 2012 tiña 298 610 habitantes (380 821 residentes incluíndo os arrabaldes),, o que a converte na cidade máis poboada de Alasca.

Anchorage está situada no centro sur de Alasca, situada nunha península triangular, limitada ao leste polos Montes Chugach. Conta con aeroporto internacional e porto marítimo. A economía basease nas actividades públicas e militares, no petróleo e no turismo.

Arizona

Arizona é un estado dos Estados Unidos de América unido á Unión en 1912, só por diante de Hawaii e Alasca, sendo o derradeiro dos estados contiguos estadounidenses en adxuntarse. Sitúase na rexión do suroeste e limita ó S con México, cunha fronteira de 626 km cos estados de Sonora e Baixa California. É un dos chamados "Estados das Catro Esquinas", limitando con Novo México, Utah, Nevada e California, tocando Colorado.A súa capital é Phoenix. Outro centro urbano importante é Tucson. Ten case 300.000 km² e máis de cinco millóns de habitantes (2000), estando a maioría do territorio escasamente habitado. O estado consta fundamentalmente de planicies a grande altura (de 1.500 a 2.700 metros), rotas por canóns como o Gran Canón ou o Canón de Chelly. O seu río máis importante é o río Colorado.

O alcume de Arizona é The Grand Canyon State, polo senlleiro Gran Canón. Outro alcume de Arizona é The Copper State (O Estado do Cobre), pois ten grandes depósitos de cobre, sendo tradicionalmente e incluso actualmente a minaría de cobre unha importante fonte de ingresos de Arizona.

Miles de anos antes da chegada dos primeiros europeos, nativos americanos vivían na rexión onde actualmente se acha Arizona. Aínda existe unha poboación importante estimándose que uns 280.000 nativos viven en Arizona, repartidos por reservas indias do estado.

Nun principio, Arizona fora colonizada por España, e pasara a control mexicano en 1821, cando México se independizou de España. En 1848, coa fin da intervención estadounidense en México, a maior parte de Arizona (ao norte do río Gila) pasou a mans estadounidenses. O presidente Santa Anna de México vendeu parte do sur do Estado na Vena da Mesilla en 1853. O 14 de febreiro de 1912, Arizona adquiriu o estatuto de estado.

Condado

Na antigüídade, un condado era o territorio rexido por un Conde.

Esta denominación tamén se refire a unha forma de división administrativa dun territorio, utilizada frecuentemente polos pobos anglosaxóns, como o Reino Unido, Canadá ou os EUA. En Luisiana a parroquia (en inglés: parish) e en Alasca o borough, representan a mesma entidade que o condado baixo distintas denominacións.

Condados dos Estados Unidos de América

Un condado dos Estados Unidos é un nivel local de goberno creado como unha subdivisión dun estado polo goberno estatal, polo federal ou polo goberno territorial como unha subdivisión dun territorio. A sede da administración e os tribunais dun condado chámase «cabeza de condado» (county seat). A verba "condado" (county) emprégase en 48 dos 50 estados; Luisiana utiliza o termo "parish" (parroquia) e Alasca ten o "borough". Incluíndo estes, hai máis de 3.000 condados en Estados Unidos, cunha media de 62 condados por estado, aínda que Delaware ten 3 e Texas 254. En moitos estados do nordeste e do medio oeste, os condados subdivídense en municipios civís (civil township; ou towns no caso de Nova Inglaterra, Nova York e Wisconsin) cun grao de autonomía que varía dun estados a outro e poden conter outras municipalidades integrantes.

A Oficina do Censo dos Estados Unidos relaciona un total de 3.141 condados ou unidades administrativas equivalentes a condado. O poder do goberno do condado varía moito dun estado a outro, como a relación entre condados e gobernos municipais incorporados. A distribución do poder e responsabilidades entre o goberno estatal, os gobernos dos condados e os gobernos municipais defínense na Constitución de cada estado.

Estados Unidos de América

Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) son un estado federal composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico. O país tamén posúe cinco territorios poboados e nove non poboados no Pacífico e no Caribe. Con 9,85 millóns de km2 e 318 millóns de persoas, os Estados Unidos son o terceiro ou cuarto meirande país por área total e o terceiro país por poboación. É un dos países máis multiculturais e diversos etnicamente do mundo, debido á inmigración de moitos países. A xeografía e o clima son moi diversos, e o país é tamén o fogar dunha variada vida salvaxe.

Os paleoindios migraron dende Eurasia ata os actuais Estados Unidos hai 15 000 anos, e a colonización europea comezou no século XVI. Os Estados Unidos xurdiron das Trece Colonias Británicas localizadas na Costa Atlántica. As disputas entre o Reino de Gran Bretaña e as colonias levaron á Revolución Americana. O 4 de xullo de 1776, mentres as colonias estaban a loitar contra Gran Bretaña na guerra de independencia, os delegados das 13 colonias asinaron a Declaración de Independencia. A guerra rematou en 1783 co recoñecemento da independencia dos Estados Unidos dende o Reino de Gran Bretaña, e foi a primeira guerra de independencia exitosa contra un imperio colonial europeo. A actual Constitución foi adoptada o 17 de setembro de 1787. As primeiras dez emendas, chamadas colectivamente Declaración de Dereitos, foron ratificadas en 1791 e deseñadas para garantir os dereitos e liberdades civís fundamentais.

De acordo coa doutrina do destino manifesto, os Estados Unidos embarcáronse nunha grande expansión en Norteamérica ó longo do século XIX. Isto supuxo o desprazamento das tribos nativas, adquisicións de novos territorios e a admisión gradual de novos estados. Durante a segunda metade do século XIX, a guerra civil estadounidense acabou coa escravitude legal no país. A finais dese século, os Estados Unidos estendéronse ata o Océano Pacífico, e a súa economía comezou a evolucionar. A guerra hispano-estadounidense e a primeira guerra mundial confirmaron o status do país como potencia militar. Os Estados Unidos emerxeron da segunda guerra mundial como superpotencia mundial ó ser o primeiro país en desenvolver armas nucleares, o único en usalas en guerra, e como membro permanente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. A fin da guerra fría e a disolución da Unión Soviética permitiron que os Estados Unidos ficaran como a única superpotencia.Os Estados Unidos son un país desenvolvido e a meirande economía do mundo. A economía aliméntase da abundancia de recursos naturais e a produtividade da man de obra. Mentres a economía estadounidense está considerada como post-industrial, continúa a ser un dos manufactureiros máis importantes do mundo. O 37% dos orzamentos do país corresponden a gasto militar, sendo a primeira potencia económica e militar, unha gran forza cultural e política, e o líder en investigación científica e innovación tecnolóxica.

Estreito de Bering

O estreito de Bering (ruso: Берингов пролив, Béringov proliv) é un brazo de mar localizado entre o extremo oriental de Asia (Siberia) (Uelen) e o extremo norte occidental de América (Alasca) (Tin City). As súas augas comunican o mar de Chukchi, ao norte, co mar de Bering, ao sur. A súa anchura é de 82 km entre as inmediaciones do Cabo Dezhnev na península de Chukchi, en Rusia, que constitúe o punto máis oriental (169° 39' W) do continente de Asia, e as proximidades do Cabo Príncipe de Gales, en Alasca, Estados Unidos, que é o punto máis occidental (168° 07' W) do subcontinente de Norteamérica.

O nome foi posto en honor a Vitus Bering, o explorador danés ao servizo de Imperio ruso que o cruzou en 1728.

Desde polo menos 1562 os xeógrafos europeos sospeitaban que existía un Estreito de Anián entre Asia e Norteamérica. En 1648 Semión Dezhniov probablemente pasou a través do estreito, pero o seu relato non chegou a Europa. A rexión en que se atopa denomínase Berinxia.

Segundo a teoría máis aceptada, o ser humano migrou desde Asia ata América pasando por este estreito, posiblemente aproveitando un período glaciar e a conxelación do mar así como o nivel máis baixo das augas.

Golfo de Alasca

O golfo de Alasca é un brazo curvo do océano Pacífico na costa sur de Alasca, delimitando polo oeste coa península de Alasca e a illa Kodiak, e polo leste co arquipélago Alexander, onde se encontra a baía Glaciar.

A ribeira do golfo é unha combinación de bosques, montañas e glaciares, como o Malaspina e o Bering. A costa está profundamente accidentada, con enormes entrantes como a Cook Inlet e o Prince William Sound (dous grandes corpos de auga interconectados), ou como tamén a baía Yakutat ou o Cross Sound.

Meteoroloxicamente, o golfo é un continuo xerador de tormentas. Isto, sumado ás vastas cantidades de neve e xeo sobre o sur de Alasca, dá como resultado as maiores tempestades da zona sur do círculo polar ártico. Moitas destas tormentas móvense cara ao sur polas costas de Columbia Británica, Washington e Oregón. A maioría das choivas estacionais do Noroeste do Pacífico proveñen do golfo de Alasca.

Illas Aleutianas

As illas Aleutianas (posiblemente o nome vén da lingua chukchi aliat, illa) forman unha cadea de pequenas illas volcánicas que forman un arco situado no norte do Océano Pacífico e que se estende ao longo de 1.900 km dende o extremo da Península de Alasca ata a Península de Kamchatka. Case todo o arquipélago forma parte do estado de Alasca, Estados Unidos, pero o extremo oeste pertence a Rusia. Segundo o censo do ano 2000 as Aleutinas tiñan 8.162 habitantes, deles 4.282 concentrados na cidade de Unalaska.

Jason Everman

Jason Mark Everman, nado o 16 de outubro de 1967 en Kodiak, (Alasca) é un baixista estadounidense que tocou con Nirvana e Soundgarden.

Mar de Beaufort

O mar de Beaufort (inglés: Beaufort Sea, francés: mer de Beaufort) é un mar marxinal do océano Ártico, situado en América do Norte ao norte dos Territorios do Noroeste, do Yukón e de Alasca e ao oeste das Illas Árticas do Canadá. A súa extensión é de ao redor de 450 000 km². Recibiu o seu nome polo hidrógrafo irlandés sir Francis Beaufort (1774-1857).

Mar de Bering

O mar de Bering (Modelo:Lang-rus) é unha parte do océano Pacífico. Limita ao norte e ao leste con Alasca, ao oeste con Siberia en Rusia, e ao sur coa Península de Alasca e as Illas Aleutianas. O mar recibe o seu nome polo seu descubridor, o navegante danés Vitus Bering.

Mar de Chukchi

O mar de Chukchi (en ruso Чуко́тское мо́ре Txukótskoie more, en inglés Chukchi Sea) é a parte do océano Ártico situada entre Chukotka (no extremo oriental de Asia) e Alasca (no extremo occidental de América). O estreito de Bering, no sur, conéctao co mar de Bering e co océano Pacífico. Ao oeste, limita co mar de Siberia Oriental e a illa de Wrangel, e ao leste confúndese co mar de Beaufort.

Ten unha superficie aproximada de 595.000 km² e só é navegable uns catro meses ao ano. Máis da metade do mar de Chukchi (un 56%) ten unha profundidade inferior aos 50 m.

Este mar chámase así polos chukchis, que viven nas súas costas. A rexión do extremo oriental de Siberia de onde é orixinario este pobo chámase Chukotka.

O porto principal é Uelen, no estreito de Bering.

Océano Pacífico

O océano Pacífico é a maior masa marítima do globo, situada entre América, ao leste, Asia e Australia, ao oeste, e a Antártida, ao sur. Con 180 millóns de km², o Pacífico cobre case un terzo da superficie do planeta e corresponde a case a metade da superficie e do volume do océano. Ten 707,5 km de fosas, e o 87,8% da súa área presenta profundidades superiores a 3.000 m; é o océano con maior profundidade media (-4.282 m) e onde se localizan as maiores fosas submarinas (foxa das Marianas, con -10,912 m).

Pobos inuit

Os inuit (en inuktitut: ᐃᓄᐃᑦ, "o pobo") son un grupo de pobos indíxenas con grandes semellanzas culturais que habita na rexión do Ártico en Groenlandia, Canadá, e Alasca. Inuit é unha palabra en plural, sendo o singular Inuk. As linguas inuit están clasificadas na familia esquimó-aleutiana, e a lingua de signos inuit é unha lingua illada empregada en Nunavut.Nos Estados Unidos e no Canadá o termo "esquimó" foi empregado comunmente para describir ós inuit, ós iupik de Alasca e ós inupiaq. "Inuit" non está aceptado como termo para describri ós iupik, e "esquimó" é o único termo que inclúe ós iupik, inupiaq e inuit. Porén, os pobos aborixes do Canadá e os groenlandeses ven o termo "esquimó" como pexorativo, e "inuit" fíxose máis común. No Canadá, as seccións 25 e 35 da Acta de Constitución de 1982 chaman "inuit" a un grupo distintivo de aborixes canadenses que non están incluídos nas Primeiras Nacións ou nos Métis.Os inuit viven Ártico canadense, no territorio de Nunavut; "Nunavik" no terzo norte do Quebec; "Nunatsiavut" e "NunatuKavut" en Labrador; e en varias partes dos Territorios do Noroeste, particularmente arredor do Océano Ártico. Estas áreas son coñecidas en inuktitut como "Inuit Nunangat". Nos Estados Unidos, os inupiaq viven no norte de Alasca e na illa Diomedes Menor. Os inuit de Groenlandia son descendentes de migracións dende Canadá e son cidadáns de Dinamarca, mais non forman parte da Unión Europea.

Portland, Oregón

Portland é a maior cidade do estado de Oregón, no noroeste dos Estados Unidos. Situada á beira do río Willamette na súa confluencia co Columbia, é un importante porto fluvial, centro comercial, industrial e de servizos. Conta cunha poboación de seu de 583.776 habitantes (censo de 2010) cunha área metropolitana de máis de dous millóns.

En terras ocupadas durante séculos polos indios chinook e coñecida dos colonos, comerciantes e trampeiros brancos dende 1829 coma The Clearing (unha pequena parada na ruta do noroeste pola costa) foi fundada entre 1843 e 1845 polos pioneiros W. Overton, A. Lovejoy e F.W. Pettygrove, este último natural de Portland (Maine) noutro extremo do país, e por quen foi nomeada.

Creceu coma centro de fornecemento dos buscadores de ouro durante as febres do ouro California (1850) e Alasca (1890). O ferrocarril transcontinental, que a partir de 1880 a conectaba co leste dos Estados Unidos, favoreceu a súa industrialización.

Taiga

A taiga (pronunciado /'taɪgə/ ou /taɪ'gə/, do ruso тайга́), tamén coñecida por bosque de coníferas, ou bosque boreal, é un bioma comumente atopado no norte de Alasca, Canadá, sur da Groenlandia, parte de Noruega, Suecia, Finlandia, Siberia e Xapón.

No Canadá, emprégase o termo bosque boreal para designar a parte meridional dese bioma, e o termo taiga é usado para designar as áreas menos arboradas ao sur da liña de vexetación arbórea do Ártico.

En Galiza, Portugal e no Brasil, o termo taiga é xeralmente empregado para designar os bosques rusos, en tanto que se usa bosque boreal ou bosque de coníferas para referirse aos bosques dos restantes países.

Divisións políticas dos Estados Unidos
Estados
Distrito Federal
Áreas insulares
Illas exteriores

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.