Alameda da Praza de Compostela

A Alameda é un parque-xardín da cidade de Vigo, situado na praza de Compostela, unha zona comercial e de servizos á beira do porto e da cidade vella. É un xardín urbano de deseño formal, con árbores aliñadas, esculturas e fontes. Ocupa unha superficie duns 9.000 metros cadrados.

Coordenadas: 42°14′22″N 08°43′17″O / 42.23944, -8.72139

Alameda de Compostela, Vigo
Vista xeral, co paseo central e mais a fonte.

Historia e deseño

Monumento a Méndez Núñez, Vigo
A Méndez Núñez.

Os xardíns históricos da praza de Compostela créanse a finais do século XIX sobre dun recheo gañado ao mar, e constituíndo o primeiro xardín público urbano da cidade. O lugar para crear o parque fixo que o concello de Vigo entrase en conflito coa empresa (Empresa de los Muelles y Terrenos del Puerto de Vigo) que asumira o recheo entre o peirao da Laxe e a prolongación da rúa do Ramal (hoxe rúa de Colón). O preito remata en 1877, cando finalmente se ceden os terreos da 'Nova Poboación' ao concello.

O deseño do parque foi variando ao longo dos anos. Na súa orixe, era un xardín con forma de rectángulo cuxo lado maior estaba orientado á liña da beiramar; nel unicamente había un conxunto de árbores, 56 álamos brancos, de aí o nome de alameda.

A configuración actual comeza a se consolidar a partir de 1928; está formada por un gran corredor central con parterres laterais e unha gran fonte central, con xogos de auga e luces, así como diferentes esculturas distribuídas ao longo do parque.

Hoxe a alameda é un pulmón no corazón da vila, unha zona parcialmente peonil con importantes edificios históricos e ateigada de cafetarías, hoteis e locais de lecer nocturno. É tamén unha das zonas inmobiliarias máis caras da cidade olívica.[Cómpre referencia]

Patrimonio natural

Os xardíns da alameda non contan actualmente con lamigueiros (álamos). Cómpre salientar porén a riqueza e valor botánico dalgunhas árbores, moitas delas centenarias. Abundas as árbores caducifolias, coma os castiñeiros das bruxas, tamén hai numerosas camelias, magnolias, teixos, araucarias e piñeiros. As sebes dos parterre son de buxo e evónimo. Abundan as flores de tempada como tulipáns, cáncaros e pensamentos.

É polo xeral un xardín sombrizo.

O piñeiro de Australia (Casuarina equisetifolia) que se atopa cara a zona final da alameda, preto do Areal, figura no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia pola súa monumentalidade.

Outros xardíns achegados

A seguir da Alameda están os xardíns de Eijo Garay, no mesmo Areal, con pérgolas de roseiras rubideiras e palmeiras.

Vigo, Alameda 05-02c Nogueira
Despedida, estatua á muller do mariñeiro, de Camilo Nogueira.

Patrimonio artístico

Escultura

As esculturas do parque son obra de Camilo Nogueira Martínez e José Luis Medina[1]

As esculturas de Camilo Nogueira son, entre outras:

  • “Maternidade”: figura dunha nai que sostén un neno no colo apoiado no ombro esquerdo.
  • “Paz”: esvelta figura feminina que xoga cunhas pombas sobre a súa cabeza.
  • “Despedida”: unha nai cos seus dous fillos.

As obras de José Luís Medina son de tipo animal, en granito, e así atopamos a escultura dunha hiena, un cisne ou un caracol.

No centro dos xardíns atópase a estatua de Casto Méndez Núñez, obra do escultor Agustí Querol, construída en bronce. Méndez Núñez foi un mariño vigués que tivo baixo o seu mando a fragata Numancia, o primeiro acoirazado que deu a volta ao mundo.

Arquitectura

Entre as edificacións senlleiras que teñen fachada á praza de Compostela están a Casa de Prudencio Nandín (1892 e 1900) de Jenaro de la Fuente Domínguez, a Casa Yáñez (1900) de Michel Pacewicz, a Casa de Correos e Telégrafos (1920-1929) de Manuel Gómez Román ou o Edificio Iglesias Curty (1940) de Jenaro de la Fuente Álvarez.

Eventos

Na Alameda da praza de Compostela celébranse periodicamente as feiras do libro novo e do libro usado.

Galería de imaxes

Imaxe nocturna dunha obra de Camilo Nogueira.
Imaxe nocturna dunha obra de Camilo Nogueira. 
Alborada de Camilo Nogueira.
Alborada de Camilo Nogueira. 
Nocturna dunha escultura de José Luis Medina.
Nocturna dunha escultura de José Luis Medina. 
A Rubén Darío: Principe del verso castellano.
A Rubén Darío: Principe del verso castellano

Notas

  1. José Luis Medina Castro, nado en Serrada (Valladolid) o 9 de abril de 1906 e finado ibídem o 19 de setembro de 2003, foi un pintor, escultor e debuxante castelán.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Alameda

Unha alameda adoita ser un terreo poboado de álamos, e por extensión un xardín con árbores. Ademais do artigo sobre o nome común, hai tamén xardíns concretos que teñen artigo de seu:

Alameda da Praza de Compostela

Alameda de Santiago de CompostelaComo topónimo dá nome aos seguintes lugares:

Alameda, localidade andaluza da provincia de Málaga;

o condado de Alameda, un condado californiano que se acha na ribeira leste da baía de San Francisco;

Alameda, cidade estadounidense, que pertence a ese condado

a illa Alameda, precisamente na costa leste da baía de San Francisco

o rego da Alameda, un río duns 70 km que percorre o condado de Alameda e que fai foz na baía.

Alameda (xardinaxe)

Unha alameda é un lugar poboado de álamos, aínda que tamén se estende o uso do termo a outro tipo de árbores como o carballo, lodoeiro, tileiro, moreira ou plátano de sombra.

Cando crece na ribeira dun río e é espontánea forma parte da paisaxe natural. Pola contra se foi planificada, pensada e plantada polo ser humano forma parte da xardinaría, con frecuencia estes paseos ou parques arborados foron o tipo máis antigo de xardín público e popular.

Basicamente coñecemos dous tipos de alamedas: as plantadas con frecuencia nos bordos dos camiños, sinxela aliñación de árbores. As primeira aliñacións, como simples liñas nos bordos dos camiños comezaron a ser plantadas en torno ás murallas das cidades medievais europeas como aconteceu na cidade italiana de Lucca (Toscana).

Outro tipo de alamedas eran as formadas con numerosas aliñacións para crear un grande espazo de sombra, nos lugares nos que se realizaban concentracións de calquera tipo. Os grandes espazos sombreados con chopos estaban destinados aos mercados e a ser escenario das máis diversas actividades lúdicas entre elas, as romaxes, os bailes e o adestramento atlético, militar e hípico.

Na xardinaría centroeuropea, especialmente en Flandres e en Francia, ademais de en Italia, adornáronse tamén os camiños de acceso das grandes vilas nobiliarias e aristocráticas con aliñacións de árbores e así mesmo dispuxéronse como paseos principais dos xardíns. Dende o século XVI, co progreso dos novos coches de cabalos foron o escenario destinado aos pracenteiros paseos cos coches e carrozas. A máis antiga alameda plantada, e por iso xardín, e aberta a todo o mundo, e por iso pública, que se conserva en Europa na actualidade é a Alameda de Hércules de Sevilla (1574).

Cabalos e lobos

Cabalos e lobos é a primeira novela de Fran P. Lorenzo, publicada en abril de 2015 por Edicións Xerais de Galicia logo de gañar o Premio Blanco Amor de 2014.

Camilo Nogueira Martínez

Camilo Nogueira Martínez, nado o 22 de xullo de 1904 no daquela concello de Lavadores e finado o 2 de marzo de 1982 ibídem, foi un escultor e político galego.

Casa de Correos e Telégrafos de Vigo

A Casa de Correos é un edificio histórico situado na Praza de Compostela, na esquina coa rúa da Reconquista, 2, no centro da cidade de Vigo. Dende a súa construción foi a sede principal da compañía estatal de correos e telégrafos.

Casto Méndez Núñez

Casto Méndez Núñez, nado en Vigo o 1 de xullo de 1824 e finado en Pontevedra o 21 de agosto de 1869, foi un mariño e militar, contraalmirante da Real Armada Española e heroe da Primeira Guerra do Pacífico.

A cuarta fragata da serie F-100 da Armada Española, en servizo desde marzo de 2006, leva o seu nome e no Museo Provincial de Pontevedra pódese visitar unha recreación do seu camarote.

Está enterrado no Panteón de Mariños Ilustres de San Fernando.

Manuel Gómez Román

Manuel Gómez Román, nado en Vigo o 24 de xullo de 1875 e finado na mesma cidade o 11 de novembro de 1964, foi un arquitecto galego.

Piñeiro de Australia

O piñeiro de Australia (Casuarina equisetifolia) é unha especie de árbore semiperenne, das costas tropicais, moi útil como pantalla forestal contra os ventos. É endémico de Australia, Malaisia e a Polinesia. Non é en realidade un piñeiro, nin sequera unha conífera. En Galiza hai algún exemplar ornamental, por exemplo na Alameda de Vigo.

Rubén Darío

Félix Rubén García Sarmiento, coñecido como Rubén Darío, nado en Metapa (actual Ciudad Darío, Matagalpa), o 18 de xaneiro de 1867 e finado en León (Nicaragua) o 6 de febreiro de 1916, foi un poeta nicaraguano, iniciador e máximo representante do Modernismo literario en lingua castelá. É posiblemente o poeta que tivo unha maior e máis duradeira influencia na poesía do século XX no ámbito hispánico. É chamado príncipe das letras castelás.

Rúa Reconquista de Vigo

A rúa Reconquista é unha rúa da cidade olívica que debe o seu nome, dende maio de 1882, á conmemoración da expulsión do exército francés, o 28 de marzo de 1809, por parte dos vigueses. Liga a rúa Policarpo Sanz coa praza de Compostela.

Xardinaxe

A xardinaxe ou xardinaría é a práctica, arte ou actividade de cultivar ou coidar plantas como parte da horticultura. Dáse principalmente en xardíns con plantas ornamentais que se cultivan polas flores, a follaxe ou pola aparencia xeral. As plantas útiles, como as hortalizas de raíz, as de folla, as froitas, as herbas, cultívanse para alimentación, como colorantes, ou para uso medicinal ou cosmético. Porén en lingua galega, e en xeral nas linguas latinas, o termo xardinaxe só designa o eido ornamental, deixando o eido do cultivo de especies útiles e comestíbeis á olericultura, pomoloxía, fruticultura, ou horticultura en xeral.

Un xardineiro, é aquel que practica a xardinaxe, xa sexa de xeito profesional coma por hobby.

A xardinaxe vai logo dende os pomares e bulevares, cun ou máis tipos diferentes de árbores, arbustos, ou herbáceas, até os xardíns residenciais, incluíndo céspedes, plantas en vasos e contedores, tanto de exterior coma interior. A xardinaría pode ser moi especializada, centrándose nunha soa especie ou cultivo, ou acoller un gran número de especies vexetais en plantacións mixtas. Ademais se envolve moito no cultivo intensivo das plantas, de xeito que se diferenza da agricultura ou do sector forestal.

Galicia salienta polos xardíns históricos dos pazos, influenciados pola xardinaxe moderna inglesa. Tamén polos xardíns, pomares e hortas nos eidos privados característicos do espallamento territorial do país onde se mesturan especies autóctonas e foráneas, froiteiras e ornamentais.

Árbores senlleiras de Galicia

Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza etc.) é considerada reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. En Galiza aparecen no Catálogo galego de árbores senlleiras elaborado e regulado pola Xunta de Galicia dende o ano 2007 a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo coa finalidade de protexelas de riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.

En Galiza salientan os carballos, castiñeiros, teixos e sobreiras como árbores autóctonas. Tamén aparecen moitas especies ornamentais como camelias, sequoias ou alciprestes.

Á hora de seleccionar os exemplares ou formacións senlleiras estúdase a idade dos exemplares, relevancia cultural (criterios históricos e tradicionais), valor estético (criterios estéticos e dendrométricos), rareza (criterios biolóxicos e ecolóxicos) na súa situación ou na súa distribución (criterios de situación) etc.

De interese en Vigo
Inmobles
Arte e cultura
Deporte e instalacións
Natureza
Outros artigos
Eventos
Onomástica do rueiro de Vigo

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.