Alóctono

Alóctono (en grego: allos, "outro", chthon, "terra"), fai referencia a calquera ente (biolóxico ou non) que non é indíxena do lugar onde se atopa.

Plumeiro Da Pampa - Inflorescencia (Alvedro - Culleredo - Galiza)
A cortadeira, exemplo de flora alóctona en Galicia.

Bioloxía e ecoloxía

En ecoloxía e en bioloxía, fai referencia a aqueles nutrientes ou materiais que se incorporaron a un ecosistema desde o exterior do mesmo, ou ben aquelas especies que foron introducidas de forma artifical no ecosistema. Son de especial interese as especies invasoras polos problemas que representan, orixinando en moitos casos fortes perdas económicas. Estas perdas orixínanse na perda de servizos ambientais pola diminución ou extinción de especies autóctonas e polas pragas no campo da agronomía como no caso do coello. Porén, estas perdas non están restrinxidas a estes campos, posto que as especies alóctonas tamén son capaces de causar graves problemas en ámbitos como o da enxeñería, coma no caso do mexillón cebra.

Paleontoloxía

En tafonomía, dise que un resto ou un fósil é alóctono cando foi trasportado fóra do lugar ou área onde foi producido. Os mecanismos poden ser por resedimentación na fase biostratinómica ou reelaboración na fosildiaxenética.[1]

Xeoloxía

En xeoloxía, aplícase ós materiais que se orixinaron noutros lugares diferentes. En sedimentoloxía refírese a que os compoñentes dunha rocha ou formación sedimentaria foron arrincados da formación orixinal para resedimentarse noutra rexión: os flyschs son depósitos alóctonos. Ese desprazamento pode deberse a arrastres producidos polos glaciares ou ríos, grandes correntes submarinas, por rodamento por gravidade nas ladeiras entre outros procesos. Na xeodinámica refírese a fragmentos de codia terrestre que foron transportados por procesos tectónicos tales como mantos de corremento, cabalgamentos ou grandes desprazamentos de rumbo. Os Alpes e o Himalaia presentan numerosos bloques alóctonos e ó redor do Océano Pacífico recoñecéronse varias zonas alóctonas.

Linguas e poboacións

O termo alóctono referido unicamente a linguas faladas nun territorio ou etnias presentes nun territorio, refírese ó feito que ditas linguas ou etnias desenvolvéronse historicamente fóra de dito territorio e só en tempos recentes ou historicamente documentados asentáronse ou desprazáronse a un territorio diferente do territorio onde se desenvolveu historicamente a lingua ou etnia. Neste sentido oponse a autóctono ou indíxena.

Notas

  1. Fernández López, S R (2000). Departamento de Paleontología, Universidad Complutense de Madrid, ed. Temas de Tafonomía (PDF).

Véxase tamén

Outros artigos

  • Autóctono
Bioestratinomía

A Bioestratinomía é a disciplina paleontolóxica do campo da Tafonomía que estuda as transformacións que sofren os restos biolóxicos dende a morte do organismo, se esta se produciu, ata o seu enterramento. Entre estas transformacións inclúense os procesos de produción e os de alteración tafonómica que teñen lugar en interacción coa Biosfera, Atmosfera e Hidrosfera.

Estado de Durango

Durango é un dos 31 estados que xunto co Distrito Federal conforman as 32 entidades federativas de México. No ano 2015 tiña 1.754.754 habitantes.

Aínda que a capital do estado é coñecida popularmente como Durango, o seu nome oficial é Victoria de Durango, en honra ao primeiro presidente de México, Guadalupe Victoria, orixinario deste estado. Recibe o nome da vila biscaína de Durango, dado polo conquistador Francisco de Ibarra, orixinario de Éibar.

Lista de prefixos e sufixos

O léxico técnico e científico utiliza adoito prefixos e sufixos na creación de palabras que denominen novos conceptos tomándoos habitualmente do latín ou do grego. Como é natural, este feito non se dá só no eido científico.

Prefixo é todo elemento que se coloca diante dunha palabra ou raíz para modifica-lo significado da palabra ou formar unha nova palabra cun significado diferente.

Sufixo é todo elemento que se coloca detrás dunha palabra ou raíz co mesmo obxectivo.

Macizo Ibérico

O macizo Ibérico, ou macizo Hespérico, é o núcleo do oeste península Ibérica onde aparecen rochas do Proterozoico superior e do Carbonífero que se formaron durante a oroxénese herciniana ou varisca, a cal se produciu pola colisión de finais do Devoniano e mediados do Carbonífero (hai 370-290 mill. de anos) entre Laurusia e Gondwana para formar a Panxea. O macizo linda co mar Cantábrico ao norte, o océano Atlántico ao oeste e a cunca do Cenozoico do Guadalquivir ao sur.

A oroxénese herciniana ou varisca presenta no macizo unha forte curvatura que está centrada en Asturias e formando o arco Ibero-Armoricano. Ese arco é o continuo do macizo Ibérico co macizo Armoricano, da Bretaña francesa, e que hoxe en día están separados por mor da apertura do golfo de Biscaia durante o Mesozoico-Cenozoico. Trala separación do arco, a placa Ibérica desprazouse cara o sueste seguindo un xiro levoxiro.Esa oroxénese afectou aos estratos rochosos e aos sedimentos que había con pregamentos, deformacións tectónicas, coa fusión de rochas e coa intrusión de abundante masa ígnea. As rochas deformadas, que polo xeral se metamorfizaron e recibiron intrusións de diferentes tipos de granitoides, formaron unha ampla cadea montañosa a finais do Paleozoico. Neste proceso de colisión tamén se xunguiu o macizo con fragmentos litosféricos, e que agora se atopan dentro del. Tamén presenta materiais precámbricos e paleozoicos na metade occidental.

A finais do Carbonífero comezou a erosión da cadea herciniana ou varisca que se formara nesa oroxénese. O seu desmantelamento creou unha perichaira sobre da que se depositaron diferentes sedimentos, en particular na súa marxe oriental e desde o Triásico. Coa quebra da Panxea e a apertura do Atlántico e o Tetis, o macizo Ibérico quedou como o núcleo da placa Ibérica e tamén da actual península. A posterior tectónica alpina produciu os novos e actuais relevos do macizo Ibérico.

O macizo Ibérico é un complexo de interese global xa que é un continuo único que permite analizar dentro da área periférica atlántica do final do Proterozoico e o Paleozoico a evolución do norte de Gondwana e o océano Reico. Contén rexións onde se poden estudar a dinámica litosférica dese período grazas ao estudo dos rexistros de codias continentais, os procesos tectónicos, os metamorfismos e a evolución de oroxéneses. Neste macizo hai declarados 38 Geosites, como son o manto do río Esla na zona cantábrica, o manto de Mondoñedo na zona oeste asturiano-leonesa, a serra do Courel na zona central ibérica ou o complexo do Cabo Ortegal na zona de Galicia-Trás-os-Montes.

Ofiolita

Unha ofiolita é unha sección da codia oceánica terrestre e de capas superiores do manto subxacentes que foron elevadas e quedaron expostas por riba do nivel do mar e xeralmente situadas sobre rochas da codia continental. Estes conxuntos de rochas e as súas secuencias denomínase tamén secuencias ofiolíticas ou complexos ofiolíticos. A palabra procede do grego ophio e lithos e significa 'rocha serpente', pola cor verde que teñen moitas ofiolitas, con debuxos ás veces parecidos aos da pel das serpes.

A gran importancia que teñen as ofiolitas en xeoloxía débese á súa aparición en cintos montañosos como os Alpes e os Himalaias, onde documentan a existencia de antigas cuncas oceánicas que se introduciron no manto por subdución ata desapareceren totalmente (obdución) durante os choques entre placas. As ofiolitas son fundamentais no estudo da tectónica de placas e a interpretación de antigos cintos montañosos. En Galicia, no complexo de Cabo Ortegal, considérase que hai unha secuencia ofiolítica, resultante de antigos choques continentais.

Oroxenia famatiniana

A oroxenia famatiniana ou oroxenia de Famatina (pola localidade arxentina de Famatina) foi un episodio de formación de montañas anterior ao erguemento dos Andes que tivo lugar no que hoxe é o oeste de Suramérica durante o Paleozoico, que orixinou a formación do oróxeno famatiniano, tamén chamado cinto famatiniano. A oroxenia famatiniana durou desde o Cámbrico tardío a polo menos o Devoniano tardío e posiblemente incluso o Carbonífero temperán, e a súa máxima actividade oroxénica tivo lugar hai de 490 a 460 millóns de anos. A oroxenia implicou o metamorfismo e a deformación da codia terrestre e a erupción e intrusión de magma ao longo do arco magmático famatiniano que formou unha cadea de volcáns. As rochas ígneas do arco magmático famatiniano son de carácter calcoalcalino e comprenden gabros, tonalitas e granodioritas. As rochas ígneas máis novas do arco son granitos.A relación da oroxenia cos batólitos de Achala e Cerro Áspero do centro de Arxentina non se comprende totalmente. Estes batólitos do Devoniano son posiblemente postoroxénicos.

Oroxenia tacónica

A oroxenia tacónica ou oroxénese tacónica foi un episodio de formación de montañas que acabou hai uns 440 millóns de nos e afectou á maioría da actual zona de Nova Inglaterra en Estados Unidos. Como resultado da oroxenia formouse unha gran cadea montañosa desde o leste de Canadá cara ao sur a través do que hoxe se chama o Piedmont da costa leste de Estados Unidos. A medida que estas montañas se foron erosionando durante o Silúrico e Devoniano, os sedimentos resultantes espalláronse pola actual zona dos Apalaches e pola Norteamérica central. Daquela Norteamérica formaba o continente de Laurentia.

Oroxénese herciniana

A oroxénese herciniana ou varisca foi un evento xeolóxico de formación de masas de montañas que se produciu no Paleozoico final pola colisión continental de Euramérica (ou Laurusia) e Gondwana e que resultou na formación do supercontinente Panxea.

Río Okavango

O río Okavango é un longo río africano, que nace na meseta de Bié, en Angola, nunha zona bastante chuviosa, e que tras un percorrido duns 1.600 km penetra nunha conca endorreica, xa en Botswana, onde formou unha extensa rexión aluvial impropiamente denominada e coñecida en todo o mundo como o delta do Okavango. Como desemboca nunha zona cun clima moi árido, trátase dun río alóctono, como é o caso do río Nilo, en Exipto, ou o río Níxer en Malí. A súa conca drena unha superficie de 721.277 km².

Solo

O solo, desde o punto de vista edáfico, é un medio poroso, bioloxicamente activo e estruturado, desenvolvido na superficie emerxida da Terra.

Cómpre non confundir o termo solo co termo chan, que é a superficie sobre a que andamos, é dicir, a capa superior ou codia do solo.

Dun modo simplificado pode dicirse que as etapas implicadas na súa formación son as seguintes:

Disgregación mecánica das rochas.

Meteorización química dos materiais regolíticos, liberados.

Instalación dos seres vivos (vexetais, microorganismo etc.) sobre ese substrato inorgánico. Esta é a fase máis significativa, xa que cos seus procesos vitais e metabólicos, continúan a meteorización dos minerais, iniciada por mecanismos inorgánicos. Ademais, os restos vexetais e animais a través da fermentación e a putrefacción enriquecen ese substrato.

Mestura de todos estes elementos entre si, e con auga e aire intersticiais.

Xeoloxía de Galicia

A xeoloxía de Galicia é o estudo das formacións rochosas de Galicia, a súa litoloxía, estruturas tectónicas, historia e demais características. En Galicia a maioría das rochas son ígneas e metamórficas e de idade moi antiga, xa que a maioría son paleozoicas e algunhas mesmo precámbricas, e hai menos materiais máis modernos. O territorio galego forma parte do Macizo Ibérico ou Hespérico, que é de orixe herciniana e forma o núcleo de toda a península Ibérica. Ao longo da súa historia xeolóxica nos territorios que hoxe son Galicia producíronse choques continentais, que orixinaron supercontinentes (panxeas), roturas destes que orixinaron as costas oceánicas que existen hoxe e oroxenias, que deron lugar ás nosas montañas hercinianas, que foron erosionadas durante millóns de anos e posteriormente voltas a elevar durante a oroxénese alpina.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.