Agricultura

A agricultura[1] é a arte ou proceso de usar o solo para o cultivo de plantas co obxectivo de obter alimentos, fibras, enerxía e materia prima para facer roupa, construcións, medicamentos, ferramentas e, incluso, para a súa contemplación estética.

Terraced vineyards in Switzerland
Viñedos en Suíza.

A persoa que traballa na agricultura é o agricultor ou a agricultora.

Cambodian farmers planting rice
Home traballando no cultivo de arroz.
Tomb of Nakht (2)

Etimoloxía

Gondelle, Oza, Teo, Galiza
Gondelle, Oza, Teo.

O prefixo agro ten orixe no nome latino agru que significa "terra cultivada ou cultivable; campo" (zona rural ou non urbana).

Labregos volvendo da labranza
Labregos tras a labranza preto de Padrón.

Historia

Supostamente, hai arredor de 10 000 anos, no período do Neolítico ou período da pedra puída, algúns membros dos pobos cazadores-recolectores notaron que algúns dos grans que recollían da natureza para a súa alimentación, podíanse enterrar, isto é, "plantar" a fin de producir novas plantas iguais ás que os orixinaran. Como esa práctica permitiu o aumento da oferta de alimento desas persoas, as plantas comezaron a se cultivar moi próximas unha das outras, para produciren froitos, que se recollían facilmente ao maduraren, o que permitía unha maior produtividade das plantas cultivadas en relación ao seu hábitat natural). Con iso evitaban, as frecuentes e perigosas buscas á procura de alimentos. Co tempo, as persoas foron seleccionando os mellores grans salvaxes, aqueles que posuían as características que máis interesaban aos primeiros agricultores, tales como: tamaño, cantidade producida, sabor etc. Así xurdiu o cultivo das primeiras plantas domesticadas, entre as cales se inclúe o trigo e maila cebada.

Ribadavia 060115 17
Cultivo de viñedo en Ribadavia.

O comezo das actividades agrícolas marca o comezo do período neolítico, posterior ao período da pedra lascada. Como é anterior á historia escrita, os inicios da agricultura son escuros, mais admítese que xurdiu independentemente en diferentes lugares do mundo, probabelmente nos vales e bacías fluviais habitados por antigas civilizacións. Durante o período neolítico as principais áreas agrícolas estaban localizadas nos vales dos ríos Nilo (Exipto), Tigre e Eufrates (Mesopotamia, actualmente coñecida como Irán e Iraq), Amarelo e Azul (China). Hai rexistros de cultivos en polo menos tres rexións diferentes do mundo en épocas distintas: Mesopotamia (posibelmente pola cultura Natufiana), América Central (polas culturas precolombianas) e nas cuncas hidrográficas da China e da India.

Ben as mudanzas no clima ou ben o desenvolvemento da tecnoloxía humana puideron ser as razóns iniciais que levaron á descuberta da agricultura. A agricultura permite a existencia de aglomerados humanos con moita maior densidade de poboación que os que poden ser soportados pola caza e recolleita. Houbo unha transición gradual na cal a economía de caza e recolleita coexistiu coa economía agrícola: algúns cultivos plantábanse deliberadamente e outros alimentos obtíñanse da natureza

A importancia da práctica da agricultura na historia do home foi fundamental en canto aos grupos que iniciaron esta práctica como súa maior fonte de subsistencia, forzáronse a se fixar no territorio para agardar pola colleita (e gardala logo), ao contrario dos que continuaron nómades.

Con isto, o grupo que se fixou na terra enfrontouse a novos problemas, que resultaron en novas solucións e tecnoloxías, e por tanto culturas. Exemplo disto é a arquitectura, que se iniciou para suplir as necesidades de vivenda e máis doutras construcións de carácter permanente.

Esa hipótese aplícase á gandaría, ou sexa, a domesticación de animais como cans e ovellas. Supostamente, os cans deriváronse por selección xenética de crías de cans salvaxes que vivían arredor dos campamentos humanos, alimentándose de restos de carcasas deixadas como refugallos polos cazadores. Presumibelmente, os seres humanos recoñeceron certa utilidade neses animais, pois daban aviso da presenza doutros animais salvaxes máis perigosos (como os lobos e os grandes felinos). Finalmente, algunhas crías foron retiradas dos seus tobos, despois da morte das súas nais. Esas crías leváronse aos campamentos humanos e criáronse xunta das persoas. Co pasar do tempo, houbo unha selección dos animais máis mansos. Isto levou finalmente á creación de novas especies, como os cans domésticos, e máis os correspondentes domésticos de ovellas e bovinos salvaxes.

Alén de alimentos para uso dos seres humanos e dos seus animais, a agricultura produce mercadorías tan diferentes como flores e plantas ornamentais, fertilizantes orgánicos, produtos químicos industriais (látex e etanol), fibras (algodón, liño e cáñamo), combustibles (madeira para leña, etanol, metanol, biodiesel). A electricidade pódese tamén xerar de gas de metano de refugallos animais ou da queima da madeira producida especialmente para biomasa (a través do cultivo de árbores que medran axiña, como certas especies de eucaliptos).

Do punto de vista técnico e científico, a evolución da agricultura divídese en tres etapas principais: agricultura antiga, agricultura moderna e agricultura contemporánea.

Política agrícola

A política agrícola enfócase nas metas e métodos de produción da agricultura. A este nivel, estas metas inclúen, entre outros:

  • hixiene alimenticia: a busca de que a produción de alimentos estean libres de contaminacións de calquera natureza.
  • seguranza alimenticia: a busca que a cantidade de alimento producida estea de acordo coa cantidade para suplir necesidades da poboación.
  • calidade alimenticia: a busca de que os alimentos producidos teñan sempre unha calidade coñecida.

A agricultura de subsistencia é aquela que produce alimento suficiente para as necesidades do agricultor e da súa familia. A agricultura comercial refírese a produción de plantas e animais que son demandados no mercado.

A agricultura é unha arte práctica no senso de que o estudo científico destas disciplinas coñécese como Ciencias Agrícolas (ou Agronomía).

No Occidente, é cada vez maior o uso na Agricultura de procesos técnicos avanzados deseñados para economizar traballo a través de sistemas de produción que usan máquinas caras e complexas. O obxectivo é producir máis eficientemente, diminuíndo o custo unitario e así aumentar os rendementos financeiros dos produtores.

Non obstante, hai unha concienciación da opinión pública da necesidade de métodos alternativos de produción (como a agricultura orgánica e a permacultura), evitando os problemas da contaminación das augas superficiais con residuos de fertilizantes e pesticidas (herbicidas, insecticidas e funxicidas), a alteración xenética de plantas e animais, a erosión do solo, a destrución de hábitats (coa conseguinte extinción de especies animais, vexetais e de microorganismos) etc.

Métodos usados en agricultura

Plantas domésticas

A selección xenética das plantas fíxose inicialmente co obxectivo de aumentar a produtividade e mellorar o sabor e valor nutricional. Máis recentemente, úsanse técnicas como a enxeñaría xenética para modificar os aspectos constitutivos das plantas naturais. Os cultivos principais son trigo, millo, arroz, soia, sorgo e o milleto.

Vexa tamén:

  • Lista de árbores
  • Lista de herbas aromáticas
  • Lista de froitas
  • Lista de hortalizas
  • Lista de plantas domésticas
  • Lista de plantas ornamentais
  • Lista de plantas medicinais

Animais domésticos

Kooperative kleinräumige Nischenvielfalt
Granxa ecolóxica en Alemaña.

Os animais domésticos usados comunmente na agricultura inclúen bovinos e búfalos para a produción de carne e leite, aves para a produción de ovos, cabalos para o traballo, deporte e lecer, coellos, ovellas, caprinos, porcinos, abellas para a produción do mel e verme da seda para a produción de seda.

Acuicultura

Certos peixes (robalizas, rodaballos etc), camaróns, mariscos (mexillóns, ostras etc) e algas tamén se poden producir en acuicultura, unha especie de "agricultura" practicada en lagos e mares.

Problemas ambientais

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para agricultura.

Véxase tamén

Outros artigos

Ascó

Ascó é un concello de Cataluña, pertencente á provincia de Tarragona. Está localizado na comarca de Ribera d'Ebre.

É coñecido por albergar unha das dúas centrais nucleares existentes en Cataluña. A central nuclear de Ascó está formada por dous reactores que aproveitan a auga do río Ebro para a súa refrixeración e son o principal recurso económico da poboación, xunto á tradicional agricultura de secaño.

Conserva ruínas dun castelo medieval sobre o outeiro que domina a poboación.

Baviera

Baviera (en alemán Bayern e en bávaro Boarn) ou, na súa designación oficial, Estado Libre da Baviera (Freistaat Bayern dende que deixou de ser un reino en novembro de 1918), é o meirande en superficie dos 16 estados federais (Länder) da Alemaña. Localizado no extremo sueste do país, ten unha área de 70 553 km² e 12 millóns de habitantes que cultivan as tradicións coma en ningunha outra parte da Alemaña. A súa capital é Múnic.

Ata a década de 1950 predominaba en Baviera a agricultura como principal fonte económica. Aínda hoxe, a rexión pre-alpina e outras partes do territorio bávaro dependen da agricultura e da silvicultura. A partir de mediados do século pasado, transformouse nun moderno estado industrial e de prestación de servizos. Baviera converteuse, asemade, no primeiro centro da tecnoloxía avanzada na Alemaña. Cómpre salienta-la tecnoloxía da información e comunicación, biotecnoloxía, tecnoloxía xenética e técnica medicinal. Por outra banda, o estado debe o seu grande atractivo turístico á rica herdanza histórico-cultural, así como á beleza das paisaxes. Por exemplo, a beleza dos Alpes, co cume máis outo da Alemaña -o Zugspitze (2.962 metros)-, a rexión pre-alpina ten grandes lagos como o Chiemsee e mailo Königssee, o Parque Nacional da Foresta Bávara (Bayerischer Wald), os bosques Fränkische Alb, Fichtelgebirge Steigerwald etc.

Existe gran cantidade de parques urbanos –como o de Schönbusch en Aschaffenburg, o Hofgarten en Ansbach ou o Xardín Inglés (Englischer Garten) en Múnic- amais de castelos e pazos. Cómpre salienta-los erixidos na época de Ludwig II: Lindenhof, Neuschwanstein e Herrenschiemsee.

O traxe típico, o Jäger, vístese na actualidade durante a celebración das festividades populares, como a festa anual da cervexa, a Oktoberfest, en Múnic, que goza de sona internacional, e que é elaborada segundo a Lei da pureza de 1516. O lúpulo co que se produce é cultivado no propio estado.

A capital, Múnic, un centro significativo da ciencia e da investigación, conta cunha das meirandes bibliotecas de Europa, a Biblioteca Estatal Bávara, con máis de 6 millóns de volumes. Así mesmo localizánse na capital bávara o Instituto Max Planck de Física do Plasma, o Deutsches Museum, a maior colección mundial da historia das ciencias naturais e da técnica, alén de numerosas edificacións históricas e museos de arte. A antiga división de Baviera era en tres zonas tradicionalmente ben definidas: Suevia, Franconia e A Vella Baviera.

Consellería do Medio Rural

A Consellería de Medio Rural é unha consellería da Xunta de Galicia con competencias na xestión e promoción da agricultura, da gandaría, dos produtos con denominación de orixe, e da política forestal. O seu titular actual é Ángeles Vázquez Mejuto.

Costa Rica

Costa Rica, oficialmente República de Costa Rica, é un país de América Central, limitado ó norte por Nicaragua, ó leste polo Mar Caribe e por Panamá e ó sur e oeste polo Océano Pacífico. Tamén pertence ó país a illa do Coco, no Océano Pacífico. Ten unha poboación de arredor de 5 millóns de habitantes e unha área de 51 060 quilómetros cadrados. Arredor de 333 980 persoas viven na capital e meirande cidade, San Xosé, con case 2 millóns de persoas vivindo na área metropolitana.O estado soberano de Costa Rica é unha república constitucional, presidencial e unitaria. É recoñecida pola súa democracia e estable e duradeira, e pola súa forza de traballo altamente cualificada, a maioría dos cales falan inglés. O país destina o 6,9% dos seus orzamentos (2016) en educación, comparada coa media global que destina o 4,4%. A súa economía, outrora altamente dependente da agricultura, diversificouse para incluír sectores como finanzas, servizos corporativos para empresas estranxeiras, produtos farmacéuticos e ecoturismo. Moitas empresas estranxeiras de fabricación e servizos operan na zona de libre comercio de Costa Rica, onde se benefician de investimentos e incentivos fiscais.

Departamento de Agricultura dos Estados Unidos

O Departamento de Agricultura dos Estados Unidos (en inglés, United States Department of Agriculture, USDA) é unha unidade executiva do Goberno Federal de EE. UU. O seu propósito é desenvolver e executar políticas de gandaría, agricultura e alimentación. A súa meta é entender nas necesidades dos produtores (granxeiros, rancheiros), promovendo o comercio agrícola e a produción, traballando para asegurar seguridade alimentaria, protexendo os recursos naturais, mellorar as comunidades rurais, e pór fin á fame.

Foi creado o 15 de febreiro de 1889, en xurisdición do Goberno Federal de Estados Unidos. Posúe un persoal de 105.778 empregados a xuño de 2007; cun orzamento de $94.000 millóns de USD (2006). O seu director é Mike Johanns, como «Secretario de Estado de Agricultura»; o seu segundo é Charles F. Conner, secretario deputado de Agricultura

Estado de conservación

Estado de conservación fai referencia á dinámica das poboacións de determinada especie, ou taxon superior, dun ser vivo.

Xeralmente, a ameaza ás especies débese na actualidade á acción antrópica, sexa pola agricultura intensiva, a construción de cidades ou de estradas, centrais hidroeléctricas e outras obras.

O estudo das poboacións permite coñecer o seu estado de conservación, aínda que a protección delas depende de medidas de preservación que son tomadas polos poderes públicos ou, ás veces, por particulares.

Gandaría

A gandería ou gandaría é unha actividade económica do sector primario, dedicada á cría do gando, o conxunto de gando dunha explotación gandeira ou a propia explotación gandeira. O obxectivo é sacar proveito da cría e explotación de animais, xeralmente domésticos, para obter carne e outros produtos coma o leite, ovos, coiro ou la.

A gandería bovina, porcina, equina e caprina son as máis comúns, aínda que ultimamente a cría de animais alternativos parece aumentar.

A gandería está intimamente relacionada coa agricultura, e estas dúas actividades humanas dependen dun tipo especial de ambiente e ecosistemas, que son os do medio rural ou agroecosistema.

Garray

Garray é un concello español da provincia de Soria. A súa poboación é de 629 habitantes (INE 2012) e ocupa unha superficie de 76,24 km².

Dedicada a súa poboación á agricultura e gandería, hoxe a súa fonte de ingresos principal é o turismo.

Hjúki e Bil

Na mitoloxía nórdica, Hjúki e Bil son dous irmáns que seguen á personificación da lúa, Mani, a través dos ceos. Ámbolos dous, Hjúki e Bil, unicamente están atestados na Edda prosaica, escrita no século XIII por Snorri Sturluson. Teorías académicas concernentes á súa orixe ou natureza, danlles o papel de personificacións dos cráteres ou das fases lunares. Bil foi identificado con Bilwis, unha personaxe da cultura xermana falante asociado á agricultura.

Holoceno

O Holoceno (do grego ὅλος hólos, "todo", "enteiro" e καινός kainós, "novo", "recente", isto é, "a era totalmente recente"), é unha época da escala temporal xeolóxica, a última e actual época xeolóxica do período cuaternario. Comprende os últimos 11 784 anos da historia do noso planeta, desde a fin da última glaciación (a glaciación de Würm).

É un período interglaciar no que a temperatura se fixo máis suave e a capa de xeo fundiu, o que provocou un ascenso do nivel do mar, que fixo que, por exemplo, Indonesia, Xapón e Taiwán se separasen de Asia; Gran Bretaña, da Europa continental e Nova Guinea e Tasmania, de Australia. Ademais, produciu a formación do estreito de Bering.

Dentro do cadro da escala dos tempos xeolóxicos sitúase no período cuaternario da era cenozoica, do eón fanerozoico, sucedendo a época do plistoceno. O límite con esta época (o plistoceno) definiuse sobre a base da desintegración do 14C (un isótopo radioactivo do carbono) e coincide aproximadamente co final da última glaciación. Por convención, o límite púxose 10 000 anos antes do 1950 (a súa duración, expresada en millóns de anos, é de 0,01143 ± 0,00013 Ma.

A única especie humana que viviu nesta época foi o Homo sapiens, que durante estes últimos milenios desenvolveu a agricultura e a civilización, ocasionando importantes cambios nos ecosistemas.

Labrego

Un labrego ou campesiño é unha persoa que ten como oficio traballar as terras. O labrego tradicionalmente é definido en socioloxía como o membro dunha comunidade nunha sociedade agraria ou rural. Cando o labrego se atopa illado en grandes propiedades do seu dominio, ou manexa a súa produción cunha considerable orientación comercial, transfórmase nun granxeiro.

Os labregos teñen os coñecementos que lles deu a xestión do medio de produción, a terra, e a experiencia acumulada, con éxitos e fracasos, ó longo de xeracións.

Malla

A malla é a operación de bater nun cereal coa finalidade de separar a semente ou grans da palla. Aínda que no pasado era unha operación manual na que se facía uso dun sinxelo aparello denominado mallo e mais dun solo preparado para a malla, chamado aira ou eira, esta tarefa é realizada na actualidade por máquinas que reciben o nome xenérico de malladoras.

A malla é un dos labores do conxunto de traballos que conforma a seitura ou colleita dos cereais, xunto coa sega da planta e o limpado dos grans. Malia que a malla serve para separar a puxa ou gluma do gran, non serve para desprendela doutra envoltura, o farelo, que se efectúa despois da muiñaxe, peneirando a muiñada.

Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación é o departamento ministerial do Goberno de España competente para a proposta e execución da política do Goberno en materia de recursos agrícolas, gandeiros e pesqueiros, de industria agroalimentaria, de desenvolvemento rural e de alimentación. O seu actual titular é Luís Planas.

Móra d'Ebre

Móra d'Ebre é un concello de Cataluña, pertencente á provincia de Tarragona. É a capital da comarca da Ribera d'Ebre, situada á dereita do río Ebro, no centro da conca de Moura.

Entre o seu patrimonio histórico destaca o castelo de Moura con murallas ben conservadas e dúas torres circulares. A agricultura de secaño e de regadío, a industria (especialmente a alimentaria) e o comercio son as principais actividades económicas do municipio.

Neolítico

O Neolítico, Nova Idade de Pedra, (do grego néos "novo" e lithos "pedra"), por contraposición a Paleolítico ou Vella Idade de Pedra, é un dos períodos en que se considera dividida a Prehistoria. Inicialmente déuselle este nome en razón dos achados de ferramentas de pedra puída que parecían acompañar ó desenvolvemento e expansión da agricultura. Hoxe en día defínese o neolítico precisamente en razón do coñecemento e uso da agricultura ou da gandaría. Normalmente, pero non necesariamente, vai acompañado polo traballo da olería.

Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura

Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO, siglas de Food and Agriculture Organization, o seu nome en inglés) é unha organización especializada da ONU, creada o 16 de outubro de 1945, na cidade de Quebec. A FAO reagrupa 192 membros (191 estados máis a Unión Europea). A súa sede está na cidade de Roma, Italia desde 1951, anteriormente tiña a sede en Washington, D.C.. O seu obxectivo supremo é axudar a conseguir un mundo sen fame e o seu lema é fiat panis (pan para todos)

A FAO realiza programas para elevar os niveis de nutrición e de vida, mellora a eficiencia da produción, elaboración, comercialización e distribución dos alimentos e produtos agropecuarios de granxas, bosques e pesqueiras, promovendo o desenvolvemento e mellora da poboación rural.

Este organismo prepara ás nacións en desenvolvemento para facer fronte a situacións de urxencia alimentaria e, en caso necesario, presta socorro emerxente. Promove investimentos na agricultura, o perfeccionamento da produción agrícola, a cría de gando e a transferencia de tecnoloxía ós países en desenvolvemento. Tamén fomenta a conservación dos recursos naturais estimulando o desenvolvemento da pesca, acuicultura e as fontes de enerxía renovables.

Planta ornamental

Unha planta ornamental, tamén chamada planta de xardín, é a que se cultiva e/ou comercializa con fins decorativos polas súas características estéticas, coma as flores (camelias), follas (pradairos), perfume (roseiras ou cantroxo), a textura da súa follaxe (alciprestes), froitos (espiños de fogo) ou mesmo talos (salgueiros choróns) en xardíns e deseños paisaxísticos, como planta de interior ou para flor cortada. O seu cultivo forma unha parte fundamental da horticultura.

Existen numerosas plantas que teñen un uso duplo, alimentario e ornamental como a oliveira, a laranxeira ou o romeu.

Estas plantas adóitanse vender en centros de xardinaxe con ou sen testo para seren transplantadas ao xardín ou simplemente ficaren coma plantas de interior.

A importancia deste tipo de plantas tense incrementado co desenvolvemento económico da sociedade e o incremento das áreas axardinadas das vilas, así coma co uso de plantas de exterior e interior polos particulares.

Actualmente hai máis de 3000 plantas que se consideran de uso ornamental.

Galicia ten pouca tradición ornamental e paisaxística, porén veuse incrementada nos últimos anos.

Pobos indíxenas de América

Os pobos indíxenas de América, tamén chamados amerindios, indios ou nativos americanos son os nomes dados ós habitantes das Américas antes da chegada dos europeos, e os seus descendentes actuais. A hipótese máis aceptada para a súa orixe é que os primeiros habitantes da América viñeran de Asia atravesando a pé o estreito de Bering.

Malia que algúns pobos indíxenas de América eran tradicionalmente cazadores recolectores, especialmente na bacía do río Amazonas, aínda quedan moitos grupos que practican a acuicultura e a agricultura. O impacto da súa dotación agrícola no resto mundo é unha testemuña do seu traballo na remodelación e no cultivo da flora autóctona das Américas. Malia que algunhas sociedades teñen unha forte dependencia da agricultura, outras practicaron unha mestura de agricultura, caza e recolección. Nalgunhas rexións, os pobos indíxenas crearon arquitecturas monumentais, cidades organizadas a grande escala, sociedades de xefatura, estados e imperios.

Moitas partes de América seguen habitadas por pobos indíxenas e algúns países contan con poboacións especialmente significativas, como Belize, Bolivia, o Canadá, Chile, Ecuador, Groenlandia, Guatemala, Güiana, México, Panamá e o Perú. Existen arredor de mil linguas indíxenas diferentes faladas en América. Algunhas, como o quechua, o aimará, o guaraní, as linguas maias e o náhuatl contan os seus falantes en millóns. Moitos pobos manteñen prácticas e trazos culturais indíxenas en diferentes graos, incluíndo a relixión, a organización social e as prácticas de subsistencia. Como moitas culturas, algunhas evolucionaron para incorporar aspectos tradicionais pero tamén atenden ás necesidades modernas. Algúns pobos indíxenas aínda viven relativamente illados da cultura occidental e uns poucos son pobos non contactados.

Provincia de Alacant

A provincia de Alacant (en valenciano: Alacant, en castelán: Alicante) é a máis meridional da Comunidade Valenciana. Limita ao norte coa provincia de València, ao sur coa Rexión de Murcia, ao oeste con Murcia e a provincia de Albacete (Castela-A Mancha), e ao leste co mar Mediterráneo. A súa capital é a cidade homónima de Alacant. A súa área abrangue 5.863 km², cunha poboación de 1.855.047 habitantes (2015).

As cidades da provincia que superan os 50.000 habitantes son Alacant (328.648 hab.), Elx (227.312 hab.), Torrevieja (88.447 hab.), Orihuela (82.675 hab.), Benidorm (69.045 hab.), Alcoi (59.567 hab.), Sant Vicent del Raspeig (56.302 hab.) e Elda (53.248 hab.).

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.