Agrarismo

O movemento agrario ou agrarismo foi un movemento reivindicativo de masas no cal o campesiñado participou activamente a través das sociedades agrarias e de sindicatos agrícolas no primeiro terzo do século XX. O agrarismo é o termo co que se denomina a organización dos labregos en sociedades agrarias ou en sindicatos agrícolas en Galiza a fins do século XIX e sobre todo a partir de 1907 cando apareceu Solidaridad Gallega que axudou a dinamizar o movemento. Os obxectivos do agrarismo era a loita contra o sistema foral, o cal obrigaba ao campesiñado a pagar rendas abusivas, e contra o caciquismo ademais de promover a renovación técnica do sector agrario galego. A súa pretensión era convertérense en propietarios plenos das terras que traballaban.

O agrarismo constituíu o primeiro movemento de masas da idade contemporánea, da súa implantación por toda Galicia resulta revelador que nos anos vinte existisen máis de mil sociedades agrarias, e durante a República diversificouse ideoloxicamente desaparecendo ao estalar a guerra civil española.

A Nosa Terra, 1907
A Nosa Terra foi o voceiro de Solidaridad Gallega

Orixe e evolución

Orixe

O 28 de xaneiro de 1906 promúlgase a lei de sindicatos agrícolas. Dita lei permite a asociación de campesiños en cámaras agrarias ou comunidades para a adquisición de fertilizantes, trebellos, ou para acadar unha correcta exportación de produtos. Así a todo, o movemento agrario rematou por se-la expresión do conflito social de maior relevo, un conflito que acontece no primeiro terzo do século XX ó reaccionaren os campesiños ante a problemática que se estaba a sufrir no rural, ante o caciquismo, ante os foros...

Pódense establecer catro etapas na evolución dos movementos agrarios:

1ª etapa

  • Na primeira etapa (1907-1915, Restauración borbónica en España) nace o agrarismo. Solidaridad Gallega recolle o testemuño de Acción Regionalista de Alfredo Brañas (desaparecida en 1900) e expresa violentamente a vontade campesiña con graves motíns que culminan cos 9 mortos e 27 feridos dos acontecementos de Oseira en 1909. Cando o rexionalismo estaba xa case extinguido, no que tiña de acción política organizada, xorde unha nova formación do galeguismo: Solidaridad Gallega.

A orixe deste movemento está na experiencia iniciada con éxito en Cataluña cando Salmerón concibe un pacto electoral pragmático, superador das diferencias partidistas [...] En 1907 preséntase Solidaridade que obtén un clamoroso éxito[1].

No programa de Solidaridad Gallega predomina a idea de defender Galicia, inda que, como sinala Barreiro Fernández, o programa resulta moi inconcreto. Fórmana republicanos, carlistas e rexionalistas (Murguía, Pondal, Uxío Carré Aldao). Recollen a radicalización da loita agraria, conseguen multitudinarias concentracións, e parciais vitorias nas eleccións municipais, inda que non representación parlamentaria. O seu órgano de expresión será A Nosa Terra e constituirán o vencello entre o rexionalismo e o nacionalismo.

Outras organizacións agrarias relevantes desta primeira etapa son Unión Campesiña e Acción Gallega, fundada en 1910 por Basilio Álvarez, abade de Beiro (Ourense).

2ª etapa

Na segunda etapa (1917-1923), a combatividade dos labregos é enorme. Chegan a se enfrontaren coa Garda Civil por procuraren a redención dos foros pretendendo que no haxa ningunha indemnización ós antigos propietarios. A consecuencia da presión exercida serán as redencións masivas de foros que a Ditadura de Primo de Rivera promulgou co decreto de 1926, decreto que permitía ós campesiños ser donos do seu terruño.

3ª etapa

Nos anos da Ditadura de Primo de Rivera proliferan sindicatos de signo católico que tenden a se confundir co poder do Estado. As súas actividades redúcense á organización da agricultura e á divulgación de fertilizantes e maquinarias polas aldeas galegas.

4ª etapa

Na segunda República o movemento agrario diversifícase por mor de múltiplas tendencias ideolóxicas (católica, comunista, nacionalista) minorando a súa forza.

Tanto Antonio Noriega Varela como Ramón Cabanillas foron escritores comprometidos co movemento agrarista.

Notas

  1. Barreiro Fernández: Historia de Galicia IV. Galaxia. Vigo 1981
Acción Gallega

Acción Gallega (ou Acción Galega) foi o nome dun dos mais importantes movementos agrarios e anticaciquís na Galiza do século XX. De carácter decididamente antiforal, redencionista, na súa primeira formulación, constituíu a variante radical do agrarismo galego na década de 1910.

Adolfo Gregorio Espino

Adolfo Gregorio Espino, finado en Madrid o 13 de abril de 1962, foi un perito agrícola, avogado e político galego.

Amando Garra

Amando Garra Castellanzuelo, nado en Ponteareas en 1874 e finado na mesma vila o 24 de setembro de 1948, foi un avogado e político galego.

Antón Alonso Ríos

Antón Hipólito Alonso Ríos, nado en Camporrapado (Cortegada, Silleda) o 15 de agosto de 1887 e finado en Buenos Aires o 12 de outubro de 1980, foi un mestre, escritor, líder agrarista e político galego que presidiu o Consello de Galiza. Durante os tres anos que durou a Guerra civil fíxose pasar polo “Siñor Afranio” e foi mendigo, traballou nas colleitas e foi criado de casa. Conseguiu sobrevivir asemade que foi vendo como os seus amigos e compañeiros foron apresados, torturados e asasinados.

Basilio Álvarez

Basilio Álvarez Rodríguez, nado en Ourense o 10 de agosto de 1877 e finado en Tampa (Florida) o 15 de novembro de 1943, foi unha das figuras máis destacadas do movemento agrario galego.

Directorio Antiforista de Teis

O Directorio Antiforista de Teis, constituído en febreiro de 1908, foi un comité organizador da propaganda antiforal en Galicia.

Eusebio Alonso Vieites

Eusebio Alonso Vieites, nado en Santiago de Compostela en 1861 e finado en Moaña o 7 de abril de 1939, foi un avogado e xornalista galego.

III Asemblea Agraria de Galicia

A III Asemblea Agraria de Galicia celebrouse en Monforte de Lemos o 13 e 15 de agosto de 1911.

I Asemblea Agraria de Galicia

A I Asemblea Agraria de Galicia celebrouse en Monforte de Lemos o 15 e o 16 de agosto de 1908.

Joaquín Arias Sanjurjo

Joaquín Arias Sanjurjo Pardiñas, nado en Santiago de Compostela o 1 de abril de 1860 e finado na mesma cidade o 1 de setembro de 1946, foi un avogado, xornalista e escritor galego.

Julián Estévez

Julián Estévez, nado en Ames en 1855 e finado en Teis o 24 de xullo de 1928, foi un agrarista e político galego. Foi membro do Directorio Antiforista de Teis e alcalde de Lavadores, o primeiro alcalde agrarista de Galicia.

Leandro Pita Romero

Leandro Pita Romero, nado en Ortigueira o 22 de novembro de 1898 e finado en Buenos Aires o 25 de xuño de 1985, foi un político, diplomático, xornalista e escritor galego.

Leandro Pita Sánchez-Boado

Leandro Pita Sánchez-Boado, finado en Ortigueira o 10 de novembro de 1926, foi un avogado e político galego.

Miguel Cabo Villaverde

Miguel Cabo Villaverde, nado en Santiago de Compostela en 1970, é un historiador galego.

Roberto Blanco Torres

Roberto Blanco Torres, nado en Cuntis o 18 de marzo de 1891 e finado en San Fiz de Galez, Entrimo, o 3 de outubro de 1936, foi un xornalista e poeta galego. Deu os primeiros pasos na poesía da man das vangardas artísticas. A súa obra poética é cualificada polos críticos como dunha grande beleza e intensidade expresiva. Outra das facetas deste home de letras é a de xornalista. O seu traballo nos medios impresos foi moi extenso e variado. A sinatura de Roberto Blanco Torres nas columnas de opinión caracterizou practicamente unha época xornalística.

Ademais de ser colaborador asiduo da prensa galega dirixiu varios xornais. As súas columnas desprenden o talante combativo que caracteriza toda a súa obra. Dende Cuntis, a súa vila natal, emigrou a Cuba. Comprometido co seu tempo, evolucionou politicamente dende o agrarismo ata o galeguismo. Á súa figura dedicouse o Día das Letras Galegas de 1999.

Rodrigo Sanz

Rodrigo Sanz López, nado en Ferrol o 29 de decembro de 1872 e finado en Santiago de Compostela o 26 de agosto de 1939, foi un político e investigador galego.

Salvador García-Bodaño Fernández

Non confundir con Salvador García-Bodaño Zunzunegui (fillo).Salvador García-Bodaño Fernández, nado en Negreira o 13 de abril de 1896 e finado en Santiago de Compostela o 20 de novembro de 1955, foi un procurador, xornalista, escritor e agrarista galego.

Solidaridad Gallega

Solidaridad Gallega foi unha organización política rexionalista galega activa entre 1907 e 1912.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.