Afganistán

Coordenadas: 33°N 65°L / 33, -65

República Islámica de Afganistán
د افغانستان اسلامي جمهوری
Da Afġānistān Islāmī Jomhoriyat
جمهوری اسلامی افغانستا
Jamhūrī-ye Islāmī-ye Afġānistān
Bandeira de Afganistán
Emblema de Afganistán
BandeiraEmblema
Afghanistan (orthographic projection)
Capital
 • Poboación
Cabul
3 476 000 (2013)
Cidade máis poboadaCabul
Linguas oficiaisPaxto e dari
Forma de gobernoRepública unitaria presidencial
Ashraf Ghani
 • 1º Estado afgán
• Imperio afgán
• Recoñecemento
Abril de 1709
Outubro de 1747
19 de agosto de 1919
SuperficiePosto 41º
 • Total652 230 km²
 • % augaDesprezable
Fronteiras5 529 km
Costas0 km
PoboaciónPosto 40º
 • Total (2014 est.)31 822 848 hab.
 • Densidade43,5 hab./km²
PIB (nominal)
 • Totaln/d
 • per cápitan/d
 • Total (2014)36 838 mill. US$
 • per cápita$1 177
Moedaafgani (AFN)
IDHn/d
XentilicioAfgán, -á[1]
Fuso horarioUTC+4:30
 • Horario de veránNon aplica
Dominio de Internet.af
Prefixo telefónico+93
Prefixo radiofónicoT6A-T6Z, YAA-YAZ
Código ISO004 / AFG / AF
Membro de: ONU

Afganistán[2][3] (en paxto e dari افغانستان, Afġānistān), oficialmente coñecido como República Islámica de Afganistán, é un país localizado en Asia Central.[4][5] Ten unha poboación de arredor de 31 millóns de habitantes, sendo o país 42 máis poboado do mundo. Limita con Irán ó oeste, con Paquistán ó sur e ó leste, con Turkmenistán, Uzbekistán e Taxiquistán no norte e coa República Popular China no extremo máis oriental do país. O seu territorio abrangue 652.000km2, converténdose no país número 41 meirande do mundo.

A presenza humana en Afganistán data do Paleolítico Medio,[6] e a localización estratéxica na Ruta da seda conectouno con culturas de Oriente Medio, Asia Central e Asia Meridional.[7] Ó longo da historia, foi o fogar de diferentes pobos[8] e foi escenario de moitas campañas militares, como as de Alexandre o Grande, os árabes musulmáns, Genghis Khan e as potencias occidentais na era moderna.[6] Tamén foi o berce do Imperio Shinwari, o Imperio Cuxano, o Imperio Heftalita, o Imperio Samánida, o Imperio Gaznávida, o Imperio Gúrida, a Dinastía Khilji, o Imperio mogol, e a Dinastía Murrani.[9]

A historia política do estado moderno de Afganistán comezou coas dinastías Hotaki e Durrani no século XVIII.[10][11][12] A finais do século XIX, Afganistán converteuse nun estado colchón do "Gran Xogo" entre a India Británica e o Imperio Ruso. Despois da Guerra Anglo-Afgá de 1919, o Rei Amanullah e Mohammed Zahir Shah tentaron modernizar o país. Unha serie de golpes de estado en 1973, 1978 e 1979 foron seguidos pola invasión soviética de Afganistán e as guerras civís que devastaron o país.

Etimoloxía

A palabra Afganistán (en persa: افغانستان) tradúcese literalmente como a terra dos afgáns. A orixe do nome cóbrese dun certo misterio, pero o seu uso moderno deriva da palabra afgán. Os pastus parece que comezaron a usar a palabra para referirse ó seu pobo despois da súa islamización. Segundo W.K. Frazier Tyler, M.C. Gillet e varios outros especialistas, a palabra afgán apareceu primeiro no libro do ano 982, Hudud-al-Alam. A última parte da palabra ten a súa orixe na palabra persa -stán (país ou terra). A palabra inglesa, Afghanland, que apareceu en varios tratados entre o Reino Unido e a dinastía Qajar de Persia foi adoptada polos afgán e converteuse en Afganistán.

Historia

Artigo principal: Historia de Afganistán.

Na antigüidade, Ariana, o territorio do actual Afganistán, formou parte do Imperio persa aqueménida, do reino helenístico de Bactriana e do Imperio Cuxano. Despois o país converteuse ao budismo coma relixión, converténdose ao Islam máis tarde coa chegada dos árabes.

Ao longo dos séculos IX e X a zona occidental do país, integrante da rexión histórica de Ghorasán, formou parte dunha Persia cada vez máis independente dos califas de Bagdad, baixo as dinastías Tahirí, Saffarí e Samaní. É a época do esplendor Islámico na economía e na cultura, que en toda a Persia Histórica, dende Bagdad ata Samarcanda, dará lugar a numerosas capitais prósperas e moi poboadas polas que transcorría a Ruta da Seda, así coma a numerosas figuras coma Avicena e Algazel en filosofía, Al-Razi e Al-Nafís en medicina, Al-Khwarizmi e Al-Biruní en matemáticas, Omar Khayyam e Firdusi en literatura, Al-Jazari en enxeñería etc., aínda que case todos eles dedicábanse a múltiples disciplinas, cunha erudición extraordinaria. No ano 977 Sebük Tegin, un vasalo dos Samanís, estableceuse como gobernador na rexión, dando orixe á dinastía Gaznauí, e o seu sucesor Mamud independizouse e estableceu un grande imperio con base en Gazna, estendéndose por Ghorasán, Afganistán e o noroeste da India, realizando máis de 50 expedicións de conquista e saqueo sobre esta última, e dando orixe a un período de gran esplendor económico e cultural na capital Gazna. Posteriormente, coa chegada dos turcos selxúcidas, prodúcese a perda do Ghorasán. No século XII a dinastía dos Gaznauís é substituída pola dos Gurís e a principios do século XIII pola dos Xás de Coresmia.

A partir do ano 1220 comeza a etapa das invasións mongois, que arrasan numerosas cidades esnaquizando poboación e a economía da rexión, tralo que se produce unha crecente nomadización da Persia histórica, incluíndo Afganistán. Coma consecuencia de ditas invasións, establécese nestas terras o dominio dos mongois de Chagatai. A finais do século XIV Tamerlán conquista o país, exercendo un dominio que se vai prolongar precariamente ata mediados do século seguinte, con continuas loitas entre os seus sucesores.

O establecemento do actual estado do Afganistán prodúcese en 1747.

A partir de 1837 comeza a influencia británica no Afganistán. O 19 de agosto de 1919, durante a Guerra Anglo-Afgá, o país obtivo a súa independencia do Reino Unido.

En 1973 un golpe de estado derribou a monarquía e proclamou a república. Cinco anos máis tarde instalouse un goberno comunista, pero a actividade da guerrilla islámica provocou a intervención Soviética rematando esta en 1989 grazas a influencias externas. Logo reanudouse a guerra civil e en 1996 os talibán entraron en Cabul e impuxeron unha réxime baseada na xaria. En 2001 tras os atentados do 11 de setembro en Estados Unidos, unha coalición internacional derrubou o réxime talibán.

En decembro de 2001, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas autorizou a creación dunha forza composta por tropas da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), que asistiu ao goberno do Presidente Hamid Karzai a establecer a dirección de autoridade da nación.

Na actualidade nin os esforzos da OTAN, nin as tímidas accións do goberno de Karzai, conseguiron estabilizar o país, que se atopa inmerso dende o comezo da invasión por parte da coalición liderada polos Estados Unidos nunha situación de guerra constante.

Xeografía

Afganistán é un país montañoso con chairas no norte e no suroeste. Noshaq, con 7485 metros, é o punto máis alto do país. A meirande parte do país é seca e a auga é un recurso escaso. Afganistán ten un clima continental, con veráns quentes e invernos fríos.

As principal cidade é Cabul, a capital. Outras cidades importantes son Herat, Jalalabad, Mazar-e Sharif e Kandahar.

Demografía

No 2012, a poboación de Afganistán era de 31 108 077,[13] incluíndo os 2,7 millóns de refuxiados que aínda viven en Paquistán e Irán. En 1979, a poboación era de 15,5 millóns.[14] A única cidade con máis dun millón de habitantes é a capital, Cabul. Outras cidades importantes do país son, en orde de poboación, Kandahar, Herat, Mazar-i-Sharif, Jalalabad, Lashkar Gah, Taloqan, Khost, Sheberghan e Ghazni. As áreas urbanas tiveron unha rápida evolución despois do retorno de 5 millóns de expatriados. Segundo o Population Reference Bureau, estímase que a poboación de Afganistán chegará ós 82 millóns no 2050.[15]

Grupos étnicos

US Army ethnolinguistic map of Afghanistan -- circa 2001-09
Grupos etnolingüísticos de Afganistán.

Afganistán ten unha sociedade multiétnica, e a súa situación estratéxica contribuíu significativamente á diversidade.[16] A poboación afgá divídese en varias etnias, a falta dun censo que recolla dos datos de cada unha das etnias a composición aproximada da poboación é a seguinte (segundo CIA World FactBook): Paxtos 42%, taxicos 27%, hazaras 9%, uzbekos 9%, aimaks 4%, turcománs 3%, baluchis 2%

Outros: Hai árabes nas provincias de Kunduz, Takhar e Baghlan; un pequeno grupo de quirguiz no Pamir; wakhis que viven en remotas aldeas da montaña taxica; farsiwans que viven nas provincias fronteirizas con Irán; nuristanís na fronteira con Paquistán; brahuis no suroeste desértico; qizilbash esparexidos nos centros urbanos.

Linguas

A Constitución establece o paxto e o dari como linguas oficiais do país,[17] ademais recoñece como linguas co-oficiais nos territorios onde sexan maioritarias ó uzbeko, turcomán, baluchí, paxaí, as linguas nuristanís, as linguas do Pamir e as outras linguas habituais, coma por exemplo: o wanechí, o parachí, o ormurí etc.

O dari é a norma escrita que deriva dende hai séculos do parsi e que se fala no Afganistán aproximadamente polo 50% ou 60% da poboación. O aimaq e o hazaraguí ás veces cóntanse como linguas independentes, outras como variedades do dari, en realidade son derivacións do dari, algunhas veces máis próximo ao propio dari e outras ao taxico que incorporan elementos túrquicos e mongoloides.

O paxto é a lingua habitual dun 35% da poboación e ten o rango de lingua oficial desde 1936. A maioría dos falantes están no sur e no leste do país.

Outras linguas: árabe, acerí, brahuí, cazaco, darwazi, gawar-bati, grangali, gujari, jakati, karakalpak, kirguiz, malakhel, mogholi, ormuri, parachi, parya, savi, shumashti, tirahi, uigur, wotapuri-katarqalai

  • Linguas nuristanís: axcúnn, kamvirí, kati, prasuni, tregami, waigali
  • Linguas pamir: munxí, sanglechi-ishkashimi, xugní, vakhí, warduji

Relixión

A relixión oficial e maioritaria é o islam: 80% dos afgáns son sunnís e o 19% son xiís e no país hai aproximadamente 48.000 mesquitas. O hinduísmo foi a relixión maioritaria da maior parte do que hoxe é Afganistán ata polo menos o século X, coa chegada dos talibán boa parte dos aproximadamente 70.000 hindús marcharon ó exilio, actualmente hai 43 templos hindús que comparten coa minoría sikh, arredor de 4.500. Hai poucos cristiáns do país: unha misión sui iuris da Igrexa católica para atender as necesidades dos estranxeiros católicos en Cabul, na actualidade non hai ningún templo protestante aberto ó publico, pero si existiu un entre 1970 e 1973 e algunhas fontes falan de 3.000 cristiáns no país, pero é difícil sabelo pola prohibición legal de deixar o islam. Antigamente había unha numerosa minoría xudía, 5.000 en 1948, pero hoxe tan só queda 1 xudeu que atende o único templo que queda no país.

Política

O actual Presidente de Afganistán é Hamid Karzai, que foi elixido en outubro de 2004. Antes das eleccións fora elixido pola administración Bush para liderar o país tras a caída do réxime talibán. O seu actual goberno inclúe membros da Alianza do Norte e doutros grupos rexionais e étnicos. O antigo monarca Mohammed Zahir Shah volveu ao país, non foi reinstalado no trono, pero mantén algunhas funcións cerimoniais e goza do título de Pai da Nación.

Tras a aprobación da Constitución en 2004 creouse un réxime presidencialista cun parlamento bicameral.

División administrativa

Artigo principal: Subdivisións de Afganistán.

Afganistán está formada por 34 provincias, ou velayat, que á súa vez se dividen en distritos:

Mapa Provincial de Afganistán
Afghanistan provinces named iso

Economía

Artigo principal: Economía de Afganistán.

Afganistán é un país extremadamente pobre e un dos menos desenvolvidos do mundo. Dous terzos da poboación vive en menos que 2 US$ ó día. A economía sufriu grandemente a causa do malestar político e militar recente desde a invasión soviética de 1979-80 e os conflitos que viñeron, mentres que a seca severa de 1998-2001 agravou as dificultades debido á alta dependencia da agricultura, pois a maior parte da poboación (61%) traballa no sector agrícola cultivando cereais, árbores froiteiras, froitos secos e algodón. A maioría da agricultura realízase nas chairas do norte, preto das fronteiras con Turcomenistán, Uzbekistán e Taxiquistán. Tamén hai importantes rabaños de ovellas, así como artesanía de alfombras. Posúe importantes reservas de gas natural pouco explotadas e unha industria (téxtil, alimentos) recente e pouco desenvolvida.

Comunicacións

Afganistán ten tan so 24.6 km. de vías férreas. As estradas, 21.000 km, só 13.3 de vías rápidas, están en reconstrución e aínda existen en moitas delas perigo polos campos de minas nas súas proximidades. Algúns ríos como o Amu Daria ou o Panj son navegables. No país hai 44 aeródromos pero a maioría aínda están danados pola guerra cos talibán. O Aeroporto Internacional de Cabul está a 16 km da capital, e nel operan Ariana Afghan Airlines, Kam Air, Azerbaijan Airlines, Mahan Air, Pakistan International e Qatar Airways.

Educación

O 64% da poboación é analfabeta, e entre as mulleres o índice chega ata o 79%. No país hai unhas 3.000 escolas, pero boa parte delas están nunha situación lamentable despois de décadas de guerras e conflitos. Os profesores son 27.000 que dan clases a 3 900 000 de alumnos en primaria e 300.000 en secundaria.

Na Universidade de Cabul están matriculados 7.000 estudantes e existen outras catro universidades en Cabul, entre elas a Universidade Americana de Afganistán que dá as clases en inglés. No resto das provincias hai outras 10 universidades.

Cultura

Moitos edificios históricos do país danáronse nas guerras recentes. Os talibáns destruíron as famosas estatuas de Buda da provincia de Bamiyán por velas como símbolos doutra relixión. Logo da guerra, moitos obxectos de arte e vestixios arqueolóxicos revendéronse en Occidente. O buzkashi é o deporte nacional. Antes da suba ó poder dos talibáns, a cidade de Cabul era o fogar de moitos músicos que tocaban nos dous estilos da música afgá, a tradicional e a moderna, especialmente durante a celebración de Nauroz.

Deporte

Zohib Islam Amiri (in red uniform) vs Jeje Lalpekhlua (in blue uniform)
A selección de fútbol de Afganistán (en vermello) no 2011.

A selección de fútbol de Afganistán compite internacionalmente dende 1941. O equipo xoga os seus partidos como local no Estadios de Ghazi en Cabul, e está regulado pola Federación Afgá de Fútbol. O equipo nunca competiu ou se clasificou para a Copa do Mundo de Fútbol, pero gañou un trofeo internacional no Campionato da SAFF.

O cricket, un deporte de recente introdución no país, ten unha gran popularidade por mor dos éxitos da selección de cricket de Afganistán.[18]

Outros deportes populares son o baloncesto, o voleibol, o taekwondo e o culturismo.[19] O buzkashi é o deporte tradicional, practicado polos afgáns do norte. É semellante ó polo, xogado por homes a cabalos en dous equipos. O lebrel afgán (unha raza de can) orixinouse en Afganistán e foi orixinalmente usado na caza.

Afganistán e Galicia

O 21 de febreiro de 2007 a militar friolesa Idoia Rodríguez Buján falecía nun atentado contra as forzas internacionais que ocupan parte do territorio afgán. A soldado conducía unha ambulancia blindada nun convoi de apoio ás tropas italianas. No vehículo viaxaban tres militares máis, dos que dous, entre eles o noiés Xurxo Laíño del Río, resultaron feridos.

O 8 de novembro de 2008 o militar vigués Rubén Alonso Ríos falecía nun atentado suicida a uns 80 km ao sur de Herat. No ataque, realizado cunha furgoneta bomba, tamén quedaron feridos entre outros os galegos Enrique Dopico Rodríguez (de Betanzos), José Antonio Cures García, e mais Gonzalo Miguélez Diéguez (de Agolada)[20].

Galería de imaxes

Ethnolinguistic Groups Afghanistan EN

Mapa dos grupos etnolingüísticos.

Afghan topo en

Mapa topográfico de Afganistán.

Afghanistan provinces named iso

Provincias de Afganistán.

Afghanistan.A2003266.0625.500m

Tormenta de area en Afganistán.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para afgán.
  2. Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. p. 115. ISBN 84-8158-266-2.
  3. Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1303. ISBN 9788482887524. Afganistán
  4. "Composition of macro geographical (continental) regions, geographical sub-regions, and selected economic and other groupings". UNdata. 26 de abril de 2011. Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo 2011. Consultado o 13 de xullo de 2011.
  5. Encyclopædia Britannica (ed.). "Afghanistan". Arquivado dende o orixinal o 25 de febreiro de 2010. Consultado o 17 de marzo de 2010.
  6. 6,0 6,1 Griffin, Luke (14 de xaneiro de 2002). "The Pre-Islamic Period". Afghanistan Country Study. Illinois Institute of Technology. Arquivado dende o orixinal o 3 de novembro de 2001. Consultado o 14 de outubro de 2010.
  7. "Afghanistan country profile". BBC News. 12 de xaneiro de 2012. Arquivado dende o orixinal o 5 de novembro de 2010. Consultado o 19 de maio de 2012.
  8. Baxter, Craig (1997). "Chapter 1. Historical Setting". Library of Congress Country Studies on Afghanistan. Consultado o 24 de xuño de 2010.
  9. "Kingdoms of South Asia – Afghanistan in Far East Kingdoms: Persia and the East". The History Files. Arquivado dende o orixinal o 08 de abril de 2014. Consultado o 24 de xuño de 2010.
  10. "Last Afghan empire". Louis Dupree, Nancy Hatch Dupree e outros. Encyclopædia Britannica Online. Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2013. Consultado o 22 de agosto de 2010.
  11. D. Balland (2010). Afghanistan x. Political History. Encyclopædia Iranica (online ed.) (Columbia University). Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2013. Consultado o 29 de decembro de 2013.
  12. M. Longworth Dames, G. Morgenstierne, and R. Ghirshman (1999). AFGHĀNISTĀN. Encyclopaedia of Islam (CD-ROM v. 1.0 ed.) (Koninklijke Brill NV).
  13. "Population of Afghanistan". The World Factbook. CIA. 2010. Arquivado dende o orixinal o 08 de abril de 2014. Consultado o 6 de nomvebro de 2011.
  14. "United Nations and Afghanistan". UN News Centre. Consultado o 29 de decembro de 2013. Arquivado 31 de outubro de 2013 en Wayback Machine.
  15. "Afghanistan – Population Reference Bureau". Population Reference Bureau. Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2013. Consultado o 29 de decembro de 2009.
  16. Haber M, Platt DE, Ashrafian Bonab M, Youhanna SC, Soria-Hernanz DF (2012). Kayser, Manfred, ed. "Afghanistan's Ethnic Groups Share a Y-Chromosomal Heritage Structured by Historical Events". PLoS ONE 7 (3): e34288. PMC 3314501. PMID 22470552. doi:10.1371/journal.pone.0034288. Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2014. Consultado o 01 de novembro de 2014.
  17. Constitución da República Islámica do Afganistán: Capítulo I, O Estado, Artigo XVI: "De entre o paxto, dari, uzbeko, turcomán, baluchí,paxaí, linguas nuristanís, linguas do Pamir e outras linguas habituais, PAXTO e DARI SERÁN AS LINGUAS OFICIAIS DO PAÍS. En áreas onde a maioría do pobo fale nalgunha das linguas uzbeka, turcomá, paxaí, linguas nuristanís ou linguas do Pamir, calquera das linguas xa mencionada ademais do paxto e o dari, será a terceira lingua oficial e o seu uso será regulado pola lei. O estado deseñará e aplicará programas eficaces para educar e promover tódalas linguas do Afganistán. O uso de tódalas linguas habituais no país será libre nas publicacións de prensa e medios de comunicación. A terminoloxía administrativa académica e nacional e o uso no país serán conservados"
  18. Hauslohner/Paghman, Abigail (4 de xuño de 2010). "Women's Cricket: Afghanistan's Secretive New Sport". Time. Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2013. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  19. "Sports". Pajhwok Afghan News. pajhwok.com. Arquivado dende o orixinal o 09 de febreiro de 2014. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  20. Mueren dos soldados españoles en un atentado suicida en Afganistán Arquivado 12/11/2008, en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 8/11/2008

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

.af

.af é o Dominio de Nivel Superior xeográfico (ccTLD) para Afganistán. Está patrocinado polo Ministerio de Comunicacións. Está activo e púxose en marcha en 1997. Permítese o rexistro de dominios de segundo nivel baixo .af pero tamén é posible rexistrar dominios de terceiro nivel baixo:

.com.af

.net.af

.org.af

.edu.af

.gov.af

2001

2001 (MM)foi o primeiro ano do século XXI e do terceiro milenio, aínda que durante as dúas décadas precedentes foi motivo de discusión popular se sería este ano ou o 2000. Os atentados do 11 de setembro de 2001 constituíron o acontecemento máis relevante do ano e marcaron a política da década: con eles iniciouse a "guerra contra o terrorismo", que incluíu a invasión de Afganistán e a segunda guerra do Golfo, e un aumento espectacular nas medidas de seguranza na navegación aérea.

Asia Central

Asia Central é unha rexión no corazón do continente asiático dende o Mar Caspio no oeste, a China no leste, Afganistán no sur, e Rusia no norte. Existen varias definicións da súa composición exacta, e ningunha definición é aceptada universalmente. A pesar desta incerteza na definición das fronteiras, ten algunhas características xerais importantes. Por unha banda, Asia Central historicamente estivo estreitamente ligada a seus pobos nómade e a ruta da seda. En consecuencia, actuou como unha encrucillada para o movemento de persoas, bens e ideas entre Europa, Asia Occidental, Asia Meridional e Asia Oriental.

Todas as definicións de Asia Central inclúen estas cinco repúblicas da antiga Unión Soviética: Casaquistán (poboación: 16´0 millóns), Kirguizistán (5´5 millóns), Taxiquistán (7´3 millóns), Turkmenistán (5,1 millóns), e Uzbekistán (27´6 millóns), cunha poboación total de 61´5 millóns de 2009. Outras áreas que se inclúen a miúdo son Mongolia, Afganistán, no norte e o oeste de Paquistán, nordés de Irán, Caxemira, e, ás veces Xinjiang no oeste da China e o sur de Siberia en Rusia.

Durante a época pre-islámica e principios da islámica, Asia Central era predominantemente iraniano, rexión que inclúe sogdianos sedentarios, corasmianos e semi-nómades escitas e alanos. A antiga poboación sedentaria xogou un papel importante na historia de Asia Central. Logo da expansión dos pobos turcos, Asia Central tamén se converteu na patria de moitos pobos turcos, como os uzbekos, casacos, kirguises, e uigures.

Asia Meridional

Asia meridional, Asia do Sur, Sur de Asia, Surasia ou Sudasia é a rexión do sur do continente asiático que comprende os países do sur do Himalaia, aínda que para algunhas autoridades tamén abrangue países adxacentes polo este e o oeste. É un termo que define un territorio, que antes do 1947 era coñecido como a India británica.

Alberga os seguintes países:

India

Paquistán

Afganistán

Bangladesh

Nepal

Bután

Sri Lanka

MaldivasTodos eles son membros da Asociación Sudasiática para a Cooperación Rexional (SAARC).

Bandeira de Afganistán

A bandeira de Afganistán (en persa: بيرق افغانستان, en paxto: د افغانستان بيرغ) foi adoptada o 4 de xaneiro de 2004, en conxunto coa nova Constitución afgá. A bandeira é semellante á que ondeaba en Afganistán durante a monarquía entre os anos 1930 e 1973. A diferenza é a adición da shahada enriba do escudo.

Cabul

Cabul, Kabul ou Kābul (persa: کابل Kâb'l',), é a capital e a meirande cidade de Afganistán, cunha poboación de 3 120 963 habitantes (2006).

Destes habitantes, un 45% son taxicos, un 25% pashtun, e 25% hazara.

Capital da provincia de Cabul, é un centro económico e cultural situado estratexicamente nun estreito val que rodea ao río Kabul, na parte alta das montañas antes do paso Khyber, a unha altitude media de 1765 metros. Kabul comunícase coa fronteira de Taxikistán por un túnel baixo as montañas Hindu Kush. Os principais produtos da rexión inclúen produtos téxtiles, mobles e azucre, se ben as continuas guerras dende 1979 limitaron a produtividade económica da cidade.

Calendario persa

O Calendario Persa ou Calendario Iraniano é un calendario Solar no que o ano comeza o 21 de marzo.

Este calendario foi adoptado en 1925 en Irán e en 1957 en Afganistán. Considérase máis preciso có Calendario gregoriano dado que no calendario gregoriano hai un erro dun día cada 3320 anos, mentres que no calendario persa o mesmo erro aparecería cada 3.8 millóns de anos.

O calendario persa ten seis meses con 31 días e os seis meses seguintes con 30 días, excepto o último con 29 ou 30 días segundo sexa bisesto ou non. O ano comeza en Novruz que coincide co 21 de marzo do Calendario gregoriano.

O primeiro de xaneiro de 2000 do calendario gregoriano é o 11 de Dej de 1378 do calendario persa.

Glasnost

A Glasnost é un termo ruso que significa transparencia ou apertura.

No XXVII Congreso do Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS), en febreiro de 1986, Mikhail Gorbachev propuxo a política de Glasnost, para modernizar ó cidadán soviético medio e limar asperezas co bloque occidental. Esta política significaba unha maior liberdade de prensa nos medios de comunicación. Así, Gorbachev conseguíu grandes logros diplomáticos con outras potencias, mentres o descontento popular medraba, xa que a liberdade de prensa informou ós cidadáns do pacto cos nazis (pacto Molotov-Ribbentrop), das baixas en Afganistán e da lamentable situación económica.

Invasión soviética de Afganistán

A invasión soviética de Afganistán durou nove anos, dende decembro de 1979 ata febreiro de 1989. Foi parte da guerra fría e librouse entre as forzas lideradas polos soviéticos e as forzas afgás contra grupos de insurxentes de varias nacionalidades chamados muxahidíns. Os insurxentes recibiron formación militar nas veciñas Paquistán e China, ademais de millóns de dólares de Estados Unidos, Reino Unido, Arabia Saudita, e outros países Os máis de dez anos de guerra provocaron que moitos afgáns fuxiran do seu país, con destino principalmente en Paquistán e Irán. Ademais dos que morreron en combate, centos de miles de civís afgás foron asasinados.

O despregue soviético inicial do 40º Exército en Afganistán comezou o 24 de decembro de 1979 baixo o mando do dirixente soviético de Leonid Brezhnev. A intervención soviética no conflito rematou ca retirada xeral das tropas, que comezou o 15 de maio de 1988, e concluiu o 15 de febreiro de 1989, baixo o mando do último presidente soviético, Mikhail Gorbachev e trala firma do Acordos de Xenebra entre a RDA e Paquistán; os enfrontamentos entre as tropas gobernamentais e os muxahidíns continuaron na guerra civil afgá, ata a caída do goberno da República Democrática de Afganistán en 1992.

Lingua persa

O persa ou parsi (فارسی, fārsī) é unha lingua indoirania da familia das linguas indoeuropeas, fálase principalmente en Irán, Afganistán (oficialmente coñecida como dari) e Taxiquistán (coñecida como taxico). Goza de status de lingua oficial en Irán, en Afganistán so o nome de dari segundo garante a nova Constitución de Afganistán, e no Taxiquistán como taxico.

A súa orixe está na fala das tribos asentadas no suroeste da planicie iraniana que deron orixe ao imperio aqueménida, coñecido como persa antigo converteuse na lingua das clases gobernantes do imperio pero non substituíu ao arameo como lingua franca, consérvanse só unhas poucas inscricións desta época, pero o feito de ser utilizado por outros pobos contribuíu á súa simplificación e a intrudución de léxico foráneo, a partir do século III a.C é o época do persa medio, falado no período sasánida ata o século IX , e do cal derivan as actuais linguas literarias modernas persa moderno, dari e o taxico. Na India o persa foi desde o século XVI a lingua da corte, da elite e da administración do Imperio mogol pese a estar rexido por unha dinastía de orixe turcófona.

É falada por máis de 60 millóns de persoas no Irán.

En canto ao persa falado en Irán é coñecido como iraniano ou fārsī (sempre persa, en galego), a variedade do persa medio falada en Afganistán é denominado dari. Actualmente, o persa e o dari son escritos nunha variante do alfabeto árabe. E a variedade do persa medio falada Taxiquistán, é o taxico, e é escrito en alfabeto cirílico.

A pesar de utilizar unha forma do alfabeto árabe, o persa é unha lingua completamente diferente do árabe, con gramática e fonoloxía completamente diversas. O persa é unha lingua do tipo "suxeito-obxecto-verbo". O persa é unha lingua indoeuropea e o árabe é unha lingua camito-semita.

Linguas iranias

As linguas iranias son parte dunha rama da familia indoeuropea de linguas. Xunto coas linguas indoarias e as linguas nuristanias, forman o grupo de linguas indoiranias, o cal é unha rama do grupo indoeuropeo. O avéstico e o persa antigo son as dúas linguas iranianas máis antigas entre as linguas indoeuropeas rexistradas (incluíndo o grego e ao hitita).

Hoxe, estímase que hai de 150 a 200 millóns de falantes nativos das linguas iranias. O SIL no 2005 enumera 87 variedades das linguas iranias. Por número de artigos, as linguas máis faladas son o persa (70 millóns, xuntando as tres formas coñecidas: persa, taxico e dari), o curdo e o paxto (25 millóns cada un) o baluchí (7 millóns), e as linguas mazandaraní, guilaquí, talixí e o iriano (coñecido como ossetio).

Só cinco linguas das preto das 87 variedades de linguas iranias son oficias: o persa, o dari, o taxico, o pastún e o iriano (coñecido coma ossetio). No Taxiquistán con carácter de "cooficial" (o estado comprométese a garantir a ensinanza e a difusión) está o iagnobiano, sen que o resto das linguas do Pamir gocen deste privilexio. En Iristán do Norte (chamado Ossetia polos rusos) o digoriano goza de privilexios nos medios de comunicación e na ensinanza, pero non conta cun estatuto de oficialidade. No Afganistán, segundo garante a nova Constitución Afgá, as linguas maioritarias de cada rexión ou distrito poderán ter carácter de oficial nesas rexións ou distritos.

Paquistán

Paquistán (en urdú پاکستان), e oficialmente República Islámica de Paquistán, (en urdú اسلامی جمہوریۂ پاكستان), é un estado de Asia Meridional. Cunha poboación de 180 millóns de habitantes, é o sexto país máis poboado do mundo. Ten unha área de 796.095 km2, o que o sitúa no número 36 en tamaño. Está localizado nunha rexión moi importante estratexicamente, cunha costa de 1046 km ó longo do Mar Arábigo e do Golfo de Omán no sur. Limita coa India polo leste, con Afganistán polo norte o polo oeste, con Irán polo suroeste e con China polo nordeste. Está separado de Taxiquistán polo territorio afgán do Corredor de Wakhan.

O territorio do moderno Paquistán foi o fogar de varias culturas antigas, incluíndo a neolítica Mehrgarh e a civilización do val do Indo da Idade de Bronce. O territorio tivo varios reinos gobernados por pobos de diferentes crenzas e culturas, como hindús, persas, indogregos, islámicos, turco-mongois, afgáns e sikh. A área foi dominada por varios imperios e dinastías, como o Imperio Maurya da India, o Imperio Aqueménida persa, Alexandre o Grande, o Califato Omeia árabe, o Imperio mongol, o Imperio mogol, e Imperio Durrani, o Imperio Sikh e o Imperio Británico. Como resultado do Movemento de Paquistán liderado por Muhammad Ali Jinnah e da loita da India pola independencia, Paquistán acadou a independencia en 1947 como unha nación das rexións da India con maioría musulmá. Inicialmente un dominio, Paquistán adoptou unha nova constitución en 1956, converténdose nunha República Islámica. A guerra civil de 1971 deveu na secesión do leste do país nun novo país, Bangladesh.

Paquistán é unha república parlamentaria federal que consta de catro provincias e catro territorios federais. É un país étnica e lingüísticamente diverso, que tamén posúe unha gran diversidade na súa xeografía e fauna. É unha potencia media e rexional, e posúe a sétima maior forza armada do mundo, así como armas nucleares, sendo a única nación do mundo musulmán, e a segunda de Asia Meridional, con esa clase de armas. A súa historia despois da independencia está caracterizada por períodos de goberno militar, inestabilidade política e conflitos coa veciña India. O país enfróntase a problemas como a sobrepoboación, o terrorismo, a pobreza, o analfabetismo e a corrupción. É un membro fundador da Organización da Conferencia Islámica e é membro das Nacións Unidas, da Commonwealth de Nacións, dos Próximos once, da SAARC e da OCE.

Persia

Persia é o nome dado ao territorio ocupado polo Imperio Persa que se desenvolveu no Medio Oriente (na rexión dos Montes Zagros), entre os séculos VII e IV a.C.. Tamén é o nome dado á rexión actual do Irán; a cultura e o pobo iraniano tamén son descritos co adxectivo persa.

O nome, usado no Occidente, foi unha herdanza do nome grego para o Irán, Persis, centro do imperio, aínda que o mesmo teña se estendido a lugares actuais como Turquía, noroeste da India e Exipto.

Persa é tamén unha etnia; os persas descenden dos arianos, un pobo indoeuropeo que migrou para a rexión da Persia a partir da Asia Central, no inicio do primeiro milenio a.C. A súa lingua chámase persa, ou farsi. De acordo con fontes do goberno estadounidense, 51% da poboación actual do Irán é da etnia persa. Outras estimativas chegan a colocar esa parcela en 70%. Existen minorías persas tamén no Afganistán, Taxiquistán e Uzbekistán. Moitas outras etnias existen no Irán, incluíndo grupos arianos non-persas, como os g; as etnias de ascendencia turca, como os acerbaixanos, curdos, e turcománs; árabes e algunhas outras minorías. Vexa Demografía do Irán para máis detalles.

Para informacións sobre a moderna historia do Irán, vexa Historia do Irán.

O antigo país de Persia foi ocupado sucesivamente por unha serie de pobos e imperios:

Gutis.

Imperio Elamita

Media.

Imperio Persa.

Reino Parto.

Imperio Sasánida.

Califato Omeia.

Califato Abasida.

Il-Khanes.

Imperio Safavida.

Irán.

Talibán

Denomínase talibán a un movemento político fundamentalista islámico afgán de carácter sunnita que gobernou a maioría do país a partir de 1996 e ata 2001, malia ter recoñecemento diplomático de soamente tres países: os Emiratos Árabes Unidos, Paquistán, e Arabia Saudita, así como do goberno -non recoñecido internacionalmente- da República chechena de Ichkeria.

Taxiquistán

Taxiquistán (Тоҷикистон) é un país de Asia Central. Ten fronteiras con Afganistán, a China, o Kirguizistán e o Uzbekistán. É o único país do Turquestán da ex Unión Soviética que fala unha lingua non turca, senón taxico, que é unha lingua irania, que xunto co persa moderno e o darí, derivan do persa medio.

Turkmenistán

Turkmenistán, tamén chamado Turcomenistán, ou oficialmente a República de Turkmenistán (en turcomán: Türkmenistan Riespublikasy) é un país de Asia central, que limita con Afganistán, Irán, o mar Caspio, Casaquistán e Uzbekistán.

Uzbekistán

Uzbekistán (en uzbeko: Oʻzbekiston), é unha república ex-soviética de Asia Central, limitada ao norte por Casaquistán, ao leste por Kirguizistán e por Taxiquistán, ao sur por Afganistán e a sur e ao oeste por Turkmenistán. Alén do territorio principal, inclúe tamén os enclaves de Sokh e de Iordan, no Kirguizistán. A súa capital é a cidade de Tashkent.

Xogos Olímpicos de 1980

Os Xogos Olímpicos de 1980 foron celebrados en Moscova (Unión Soviética) entre o 19 de xullo e o 3 de agosto. Inaugurounos o presidente Leonid Brezhnev e contaron coa participación de 5.179 atletas de 80 estados, o máis baixo comparecemento ós Xogos dende Xogos Olímpicos de 1956|Melbourne 1956]], debido ó maior boicot realizado na historia olímpica, cando a inxerencia da política no deporte chegou a seu punto máis alto e decisivo.

No comezo de 1980, como protesta contra a invasión soviética de Afganistán, o presidente norteamericano Jimmy Carter anunciou o boicot da súa nación ós Xogos Olímpicos de Moscova no ano seguinte, conclamando ós seus aliados polo mundo a daren o mesmo exemplo; 69 estados seguiron o camiño dos Estados Unidos, levando estes Xogos a un nivel de calidade máis baixo. Mesmo así, producíronse algunhas marcas e desempeños excepcionais e até atletas de países que apoiaron a acción americana acabaron participando individualmente baixo a bandeira olímpica.

Este comezo dos anos 80 representou o pior momento vivido polos Xogos Olímpicos e polo Comité Olímpico Internacional en toda a súa existencia, co, obviamente, xa agardado boicot pola URSS e os seus aliados ós Xogos seguintes nos Ánxeles, facendo que os seus dirixentes temesen pola extinción das Olimpíadas.

Flag of Afghanistan.svg Provincias de Afganistán
Badaghxán
Badgis
Baglan
Balj
Bamiyán
Daikondi
Farah
Faryab
Gazni
Gor
Gosyán
Helmand
Herat
Cabul
Kandahar
Kapisa
Khost
Konar
Kunduz
Lagmán
Logar
Nangahar
Nimrod
Nurestán
Orusgán
Paktia
Paktika
Panjshir
Parvan
Samangan
Sar-e Pol
Tahar
Wardak
Zabol
Países
Países con parte asiática

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.