Acivro

O acivro[1] ou xardón[2] (Ilex aquifolium L.) é unha arboriña ou arbusto perenne da familia aquifoliáceas. Medra en bosques no oeste, centro e sur de Europa. En Galicia dáse sobre todo nas zonas montañosas e chuviosas do centro e interior. Podemos atopalo tamén con frecuencia como planta ornamental nos xardíns, onde se dan numerosas variedades, adoito con follas bordeadas de amarelo (formas variegadas).

O nome do xénero procede do latín ilex, nome co que os romanos designaban a aciñeira (Quercus ilex), pola semellanza das súas follas coas desta árbore. O nome específico procede do latín acus, agulla, e folium, folla, por te-las follas espiñentas. O lugar poboado de acivros coñécese como acevedo[3].

Acivro
Follaxe do acivro (Ilex aquifolium), Galiza.

Follaxe do acivro (Ilex aquifolium), Galiza.
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Aquifoliales
Familia: Aquifoliaceae
Xénero: Ilex
Especie: I. aquifolium
Nome binomial
Ilex aquifolium
L., Sp. Pl., vol. 1, p. 125, 1753 [1]

Descrición

Ten unha altura de entre 2 e 5 m, aínda que hai exemplares de ata 15 m. A súa copa, cónica, ten forma de espiral con pólas ascendentes nas árbores novas, pero co tempo vólvese mesta e irregular. As follas son moi variables, aínda que adoitan ser coriáceas, elípticas e cos bordos ondulados, de entre 6 e 8 cm de lonxitude, co extremo en forma de punta. As follas das pólas inferiores teñen beiras espiñentas pero nas superiores podemos atopar follas de bordos lisos, agás no ápice espiñento. A cor é dun lustroso verde escuro na cara e máis pálido no revés.

As flores son unisexuais e dioicas: flores masculinas e femininas nacen en diferentes árbores, en inflorescencias mestas, situados na base das follas. Son flores brancas e pequenas, de entre 6 e 8 mm. O froito é unha baga carnosa, dunha viva cor vermella, de entre 7 e 10 mm de diámetro, e contén catro sementes duras; son velenosos para o home. Estes froitos maduran no outono e permanecen na árbore ata finais do inverno.

Usos

A súa madeira, de cor branca, é moi dura e resistente, polo que é difícil de traballar. Antigamente usábase en ebanistaría e tornaría.

Dos seus toros e pólas cocidas obtense unha substancia pegañenta, contida na casca, coñecida como liga que se utilizou tradicionalmente para a caza de paxaros.

Ilex aquifolium 15 ies

Follas

Ilex aquifolium (flowers)

Flores

Ilex aquifolium 26 ies

Froitos inmaturos

Bagas de acivro

Froitos maduros

Uso medicinal

200412 - Houx sous la neige
Acivro

As follas úsanse como laxantes, e os froitos como purgantes ou eméticos (a pesar do perigo do seu uso). O acivro tamén é bo como diurético e contra a bronquite, a reuma e a artrite. Tamén se utilizou no tratamento das frieiras.

Segundo o Padre Sobreira[4], os menciñeiros utilizaban o acivro para cura-lo torzón (cólico) dos cabalos, dándolles pequenos golpes cunha variña de acivro. E a tal fin vendíanse xa preparadas nas feiras da Ascensión e do Apóstolo en Santiago. En Melide aseguran que o remedio é tan eficaz que abonda con só tocarlles na pel para que o cabalo se poña a mexar de contado (Terra de Melide, 456).

O acivro na cultura popular

Sinonimia

Xilbarbeira
Follas de xardón (Ruscus aculeatus), espiñentas coma as do acivro.

O acivro recibe outros moitos nomes en galego. Moitos deles son simples variantes fonéticas e, noutros casos, reflicten o bordo espiñento das súas follas:

  • Aceveda, acevedo, acevicho, aceviño, acevreiro, acevo, acevro, aciveira, aciveiro, acivo, acivra, acivreira, acivreiro, axivo, cebro, cibro, encebiño, escornacabras, picoloureiro, rascacú, vellebrán, visgo, xando, xardeira, xardo e xardón.

Nótese que na bibliografía adoita escribirse con b, por influencia da grafía castelá e do grupo -br-. Na relación anterior transcribimos tódolos nomes con v.

Igualmente, cómpre advertir que xardo e xardón son nomes máis comúns para outra planta, arbustiva, de follas rematadas nunha punta espiñenta, pero que nada ten que ver co acivro: trátase da xilbarbeira (Ruscus aculeatus).

Para os froitos hai recollida a denominación popular de cereixa dos paxaros.

Toponimia

O acivro, árbore común en Galicia, deu lugar a numerosos topónimos, tanto directos como abundanciais:

Mitoloxía e tradicións

Os celtas considerábano unha árbore sagrada, con capacidade para atraer a boa sorte. Empregábase nos rituais do solsticio de inverno. No calendario druídico identificábase co período que ía entre o 15 de maio e o 11 de xuño, e no alfabeto Ogham coa letra T.

Os xermanos colocaban unha póla de acivro no inverno na entrada das súas casas, e os romanos asociábano ás festas saturnais.

Segundo a tradición popular galega, cando un mozo quere namorar a unha moza, tiña que cortar unha póla de acivro ás doce da noite de San Xoán, pasala trece veces baixo as ondas do mar mentres rezaba un credo de cada vez. Así, a moza á que toque con esta póla, chamada aciviño, quedará namorada del sen remedio.

O acivro no Nadal

A árbore emprégase en moitos países como motivo ornamental durante as festas de Nadal, o que pode pór en perigo a propia existencia do acivro: a especie está protexida pola lei e o seu comercio ou extracción procedente de exemplares silvestres está prohibido. Ademais do efecto negativo sobre a conservación da propia especie, esta práctica pon en perigo a poboación da pita do monte (Tetrao urogallus), xa que os froitos do acivro son o seu único alimento durante o inverno.

No comezo do inverno as tribos xermánicas puñan pólas de acivro nos seus cuartos, ademais xa os romanos asociábano ás festas de finais de decembro que se celebraban na honra de Saturno, o deus da sementeira.

Segundo a tradición americana do Nadal, de estaren un mozo e unha moza baixo unha póla de acivro ou de visgo deben bicarse.

Nome común

Xardón, trubisco, silvardos, rascacú, pita, picos, pcamulos, picaburros, muérdago, mexacás, mesquita, manxorros, loureiro de envidia, loureiro bravo, herba do demo, garrotillo, figueira do demo, espiño, espín, civro, cevro, cevreña, cedro, carrasco, cardo, cardio, azoutacristos, anciviño, anceviño, alcivre, acivro, acivrino, acivo manso acivo aciviño, acevro, acevo, aceviño e aceveiro[5].

Galería de imaxes

Acivro Acebo

Acivro en Oroso.

Ilex aquifolium. Acivro

Ilex aquifolium.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para acivro.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xardón.
  3. VV. AA. (2012) Vocabulario forestal, Universidade de Santiago de Compostela / Deputación de Lugo
  4. Citado polo Diccionario da RAG de 1913.
  5. "Acivro (Ilex aquifolium L.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 9 de setembro de 2016.

Véxase tamén

Bibliografía

  • REAL ACADEMIA GALLEGA: Diccionario gallego-castellano. A Coruña 1913-1928.
  • VARIOS: Terra de Melide. Seminario de Estudos Galegos,
A Raña, San Simón da Costa, Vilalba

A Raña é un lugar da parroquia de San Simón da Costa, no concello lugués de Vilalba, na comarca da Terra Chá.

Aciveiro, Forcarei

Santa María de Aciveiro (do latín acifu- 'acivro' + -ario, sufixo abundancial, 'lugar con abundancia de acivros') é unha parroquia que se localiza no concello de Forcarei. Segundo o padrón municipal de 2010 tiña 329 habitantes (164 mulleres e 165 homes), distribuídos en 13 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 405 habitantes.

Aciveiro, Goiriz, Vilalba

Aciveiro (do latín acifu- 'acivro' + -ario, sufixo abundancial, 'lugar con abundancia de acivros') é un lugar da parroquia de Goiriz, no concello lugués de Vilalba, na comarca da Terra Chá. Segundo o IGE, en 2010 tiña 17 habitantes (7 homes e 10 mulleres).

Acivro, O Pereiro, Alfoz

Acivro é un lugar da parroquia do Pereiro no concello lugués de Alfoz na comarca da Mariña Central. Segundo o IGE en 2011 tiña 17 habitantes (nove homes e oito mulleres).

Acivro, San Simón da Costa, Vilalba

Acivro é un lugar da parroquia de San Simón da Costa, no concello lugués de Vilalba, na comarca da Terra Chá.

Acivro (homónimos)

O acivro é un arbusto perenne da familia das aquifoliáceas. Como topónimo pode referirse a:

Acivro, lugar da parroquia do Pereiro no concello de Alfoz;

O Acivro, lugar da parroquia de Santalla de Pena, no concello de Begonte;

Acivro, lugar da parroquia de San Simón da Costa no concello de Vilalba.

Arbusto

Un arbusto é un vexetal leñosos de mediano porte, entre as herbáceas e os árbores; é un termo difícil de describir e algunhas especies consideradas arbustos poden acadar tamaño de árbores en boas circunstancias.

A diferenza das árbores, que só teñen un só talo ou toro, considérase que os arbustos ramifican dende o chan, tendo polo tanto varios talos. Os arbustos poden ser miúdos, incluso de tamaños inferiores a moitas herbáceas, tamén son chamados neste caso gamallos (como é o caso das urces); outros poden acadar varios metros de altura, sendo considerados ás veces arboriñas (é o caso da abeleira).

Non todas as plantas lígneas ramificadas dende a base son consideradas arbustos; por exemplo, o tomiño (xénero Thymus) ou o cantroxo (xénero Lavandula) son matos leñosos ou, como tamén se di, subarbustos. Termos coma árbore, arbusto ou gamallo/mato describen biotipos na lingua común e son máis ou menos equivalentes doutros técnicos; os equivalentes botánicos para este concepto son os termos caméfito, nanofanerófito e microfanerófito.

É frecuente que especies que se presentan normalmente coma arbustos crezan coma árbores, ou onde as circunstancias ecolóxicas son distintas, como ocorre co Quercus coccifera no norte de África, ou por un esforzo deliberado no cultivo, como se ve ás veces co loendro (Nerium oleander).

As plantas rubideiras considéranse por algúns coma arbustos gateadores.

As Chás, San Simón da Costa, Vilalba

As Chás é un lugar da parroquia de San Simón da Costa, no concello lugués de Vilalba, na comarca da Terra Chá.

As árbores na cultura popular galega

As plantas teñen un significado primordial na cultura galega sendo as árbores e os bosques e as fragas os máximos expoñentes.

Castelao dicía : O albre é o símbolo do señorío espritual de Galiza.O albre é un engado dos ollos, pola súa fremosura; é unha ledicia dos ouvidos, porque nel cantan os paxaros; é un arrolador do esprito, porque nas súas ponlas conta contos o vento.O albre pídelle auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura.

Castiñeira, San Simón da Costa, Vilalba

Castiñeira é un lugar da parroquia de San Simón da Costa, no concello lugués de Vilalba, na comarca da Terra Chá.

Clima mediterráneo

As rexións de clima mediterráneo combinan veráns quentes e secos con invernos fríos e pouco chuvosos. Como o propio nome indica, este tipo de clima é o típico da zona do mar Mediterráneo.

O clima mediterráneo é quente e seco no verán e é moderado e húmido no inverno. As precipitacións ocorren sobre todo durante 2 a 4 meses, no inverno, sendo raras no resto do ano.

Nas rexións situadas a rentes do mar Mediterráneo os veráns son menos secos que os das outras rexións deste clima.

Lista de deuses celtas

Angus Og

Anu: Deusa Doncela da fertilidade.

Arianrhod

Badb: Deusa da guerra.

Balar: Avó de Lugh.

Bandua: Deus da guerra, protector da comunidade.

Belenus: Deus solar, asociado á luz.

Belisama: Deusa relacionada cos lagos, cos ríos, co lume, co traballo manual e a luz.

Bran

Brigit: Deusa do lume e a inspiración.

Caer

Cailleach Béirre: Deusa do inverno, protectora dos animais salvaxes.

Cerridwen: Deusa galesa que posuía o caldeiro da Inspiración e a Sabedoría.

Cernunnos

Dagda

Dana: Deusa da terra.

Endovelico: Deus da saúde.

Epona: Deusa dos Cabalos, a Curación e a Morte.

Grian: Deusa do sol e as fadas.

Gwydion

Home Verde

Lugh: Deus supremo da mitoloxía celta.

Lir: Deus do mar

Macha

Manannan mac Lir

Morrigan: Deusa celta da morte e a destrución.

Navia: Deusa das augas.

Nemain

Nuadha

Ogma

Rei do Carballo

Rei do Acivro

Reva: Deus da xustiza.

Rhiannon

Taranis, Taranu, Toran (irlandés), Taran (galés)

O Acivro, Santalla de Pena, Begonte

O Acivro é un lugar da parroquia de Santalla de Pena no concello lugués de Begonte na comarca da Terra Chá.

O Pereiro, Alfoz

Santa María do Pereiro é unha parroquia do concello de Alfoz. É a parroquia máis extensa do concello, e abrangue preto dun terzo da superficie de Alfoz. En 2004 tiña 188 habitantes, distribuídos en 29 entidades, cunha densidade de 8 hab./km². Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 143 habitantes, sendo 73 homes e 70 mulleres.

Ten unha superficie de 23,4 km². Limita ao norte coa freguesía de Frexulfe (do concello do Valadouro), ao sur con Labrada (concello de Abadín), ao leste con Lagoa e As Oiras (concello de Alfoz), e ao oeste co Cadramón (no concello do Valadouro).

O Viso, San Simón da Costa, Vilalba

O Viso é un lugar da parroquia de San Simón da Costa, no concello lugués de Vilalba, na comarca da Terra Chá.

Planta ornamental

Unha planta ornamental, tamén chamada planta de xardín, é a que se cultiva e/ou comercializa con fins decorativos polas súas características estéticas, coma as flores (camelias), follas (pradairos), perfume (roseiras ou cantroxo), a textura da súa follaxe (alciprestes), froitos (espiños de fogo) ou mesmo talos (salgueiros choróns) en xardíns e deseños paisaxísticos, como planta de interior ou para flor cortada. O seu cultivo forma unha parte fundamental da horticultura.

Existen numerosas plantas que teñen un uso duplo, alimentario e ornamental como a oliveira, a laranxeira ou o romeu.

Estas plantas adóitanse vender en centros de xardinaxe con ou sen testo para seren transplantadas ao xardín ou simplemente ficaren coma plantas de interior.

A importancia deste tipo de plantas tense incrementado co desenvolvemento económico da sociedade e o incremento das áreas axardinadas das vilas, así coma co uso de plantas de exterior e interior polos particulares.

Actualmente hai máis de 3000 plantas que se consideran de uso ornamental.

Galicia ten pouca tradición ornamental e paisaxística, porén veuse incrementada nos últimos anos.

Posada de Valdeón

Posada de Valdeón é un concello español da provincia de León (Castela e León), localizado dentro do Parque Nacional dos Picos de Europa. A súa poboación é de 485 habitantes (INE 2012).

San Simón da Costa, Vilalba

San Simón da Costa é unha parroquia do concello de Vilalba (Lugo). En 2011 tiña 448 habitantes (229 homes e 219 mulleres) repartidos en 82 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación a 1991 cando tiña 651 habitantes.

Santalla de Pena, Begonte

Santalla de Pena é unha parroquia que se localiza no concello de Begonte. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 151 habitantes (83 homes e 68 mulleres), distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 174 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 127 habitantes, sendo 62 homes e 65 mulleres.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.