Acea (construción)

Unha acea (do árabe as-sâniya 'a que ergue a auga, rodicio hidráulico')[1] é un muíño de auga para moer fariña.

Tuebingen-gerstenmuehle
Rodas verticais de paletas dunha acea.
Saetin y rodezno
Sistema impulsor dun muíño hidráulico de rodela, con quenlla concentradora, rodela horizontal e árbore de transmisión.

Características

Construída na mesma canle dun río, a acea permite que a forza da corrente mova directamente unha roda hidráulica vertical de paletas, que a través dun sistema de engrenaxes (catalina e lanterna), e de embragues, transmiten o movemento de xiro do eixe horizontal da roda ó eixe vertical dunha pedra de moer.

Modalidades

Posteriormente, ideáronse enxeños muiñeiros de canle, separados ou á beira dos ríos, para o cal se construía unha presa para encorar a auga e conseguir unha diferenza de altura, e así atinxir unha maior presión e mais o volume suficiente naqueles lugares onde as correntes dos ríos eran pequenas e/ou o caudal estacional, de modo que se conducía a auga desde o encoro por unha canle ou rego, para facer precipitar a auga ó final, en caída libre, segundo tres modalidades hidrodinámicas:

  1. Sobre unha roda vertical de alcatruces ou canxiróns, de modo que a auga operaba, máis polo seu peso que pola súa velocidade, sobre unhas engrenaxes que transmitían o movemento ás moas, producindo a rotación das mesmas.
  2. Precipitando a auga a media altura sobre unha roda hidráulica de paletas rectas; neste caso, cunha maior compoñente de velocidade, semellante ó das aceas, pero cunha alimentación de auga media ou superior.
  3. Facendo pasar o fluxo de auga, ó final da caída, por uns estreitos condutos reforzados chamados quenllas que impulsaban e concentraban o chorro de auga a gran presión contra unhas rodas horizontais (rodelas) de culleres, transmitíndose neste caso un movemento directamente por un eixe vertical (a árbore) a un aparello no cal se colocaban, polo xeral, un xogo de pedras de moer (a inferior estaba fixa; a superior, móbil), que se regulaban a través de pancas, e substituíanse con guindastres rústicos. Polo xeral, había unha rodela por cada xogo de pedras de moer, pero podía haber ata dous pares, para o cal se dispuña dun sistema de embragues para permutar a funcionalidade dos dous xogos de pedras (calquera, os dous, ou ningún). Despois de pasar pola rodela, a auga regresaba ó leito por unha canle de retorno.

Tipos de aceas

As aceas poden aproveitar a corrente dun río, coma no casos das aceas do río Miño, ou ben aproveitar o abalo e devalo da marea, coma no Burgo (Culleredo) ou o das Aceas en Narón.

Notas

  1. "Acea". DIGALEGO. Consultado o 22 de maio do 2016.

Véxase tamén

Bibliografía

Enerxía mareomotriz

A enerxía mareomotriz é a producida polo movemento das augas do mar polas subidas e baixadas das mareas, esta enerxía é aproveitada por turbinas, as cales a súa vez moven un alternador que xera enerxía eléctrica. Ao non consumir combustibles fósiles nin tampouco producir gases que axuden ao efecto invernadoiro, considerase unha enerxía limpa e renovable pero hai que ter en conta que provoca cambios na salinidade do estuario e no ecosistema da zona

As centrais mareomotrices instálanse en estuarios, constan dun dique que separa o mar da costa e que permite reter a auga na preamar, na baixamar ábrense as comportas e a auga acciona unha turbina que está unida a un alternador.

Para aproveitar a enerxía das mareas é preciso que a súa amplitude sexa considerable, o aconsellable é unha amplitude superior a 10 m. Unha das primeiras foi a de La Rance en Francia construída en 1967 no estuario do río Rance na Bretaña.

Con todo, esta forma de producir enerxía eléctrica ven ser unha actualización dos tradicionais muíños de marea, que existen en lugares como Muros ou Vilagarcía de Arousa.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.