Abeto

Para o xénero máis común ver artigo Abies.

Abgragra-top
Follaxe de Abies grandis

O abeto[1] é o nome co que se coñece a diversas especies de árbores dos xéneros Picea e Abies da familia Pinaceae nativas de bosques temperados de Europa, Asia e América do Norte. Acostuman ser especies de montaña ou alta montaña no sur de Europa. En Galicia non aparece ningunha especie de xeito natural malia seren comúns en xardinaxe.

Algunhas especies dos xéneros Pseudotsuga e Cunninghamia tamén reciben o nome de abeto, por exemplo o abeto de Douglas (Pseudotsuga menziesii). Adoitan ser especies forestais de bos crecementos e madeira de calidade. Pola súa forma cónica e o seu arume sempre verde acostuman empregarse coma ornamentais, especialmente en xardinaxe ou coma árbores de Nadal.

O bosque formado por abetos denomínase abetal[2].

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre bioloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
  1. Termo documentado no Dicionario da Real Academia Galega (DRAG).
  2. "abetal". TERGAL. Consultado o 20/02/2019.
Abeto branco

O abeto branco, a pinabeta, o abeto prateado ou o abeto común (Abies alba), é unha especie arbórea da familia das pináceas, orixinaria das rexións montañosas de Europa. De porte piramidal, tamaño medio ou elevado, entre 20 e 50 metros, pode acadar os 60 metros de altura, o seu toro é dereito, desprovisto de pólas na súa parte inferior, de até 6 metros de circunferencia, con casca de cinsenta a abrancazada, lisa e con vesículas resinosas; escurécese enchéndose de fendas nos exemplares máis vellos.

En Galicia non aparece de xeito salvaxe, atopándoo só rara vez coma ornamental en arboredos e xardíns urbanos.

Abeto de Douglas

O abeto de Douglas, tamén coñecido como piñeiro de Oregón, (Pseudotsuga menziesii) é unha árbore do xénero Pseudotsuga orixinaria de América do Norte.

En Galicia é moi empregado con fins ornamentais e en repoboacións forestais.

Abeto do Cáucaso

O abeto do Cáucaso (Abies nordmanniana) é unha especie arbórea do xénero Abies, orixinaria do Cáucaso e de Asia Menor. Emprégase coma árbore de Nadal.

Abeto español

O abeto español, abeto pinsapo ou simplemente pinsapo (Abies pinsapo) é unha especie de abeto, pertencente á familia Pinaceae e de distribución restrinxida ás serras mediterráneas do sur da península ibérica e máis do Rif.

Foi descrito para a ciencia polo botánico suízo Pierre Edmond Boissier, na súa obra Voyage botanique dans le Midi de l´Espagne (Viaxe botánica polo sur de España), en 1838.

En Galiza cultívase coma ornamental.

Abeto vermello

O abeto vermello, abeto rubio ou abeto do norte (tamén picea común, picea europea ou picea norueguesa) Picea abies, é unha conífera da familia das pináceas que non pertence realmente ao xénero Abies, os abetos verdadeiros, de aí o seu nome común. Orixinaria de toda Europa, dende os países nórdicos até os Balcáns, adoita formar bosques en altitudes superiores aos 800 msnm, convivindo frecuentemente co lárice común. En Galicia só aparece coma especie ornamental, frecuentemente coma árbore de Nadal.

Abies

Abies é o xénero que acolle as diferentes especies de coníferas chamadas comunmente abetos. Son árbores da familia Pinaceae, nativas de bosques temperados de Europa, Asia e América do Norte.

Medran principalmente en bosques de coníferas.

A especie máis común en Europa é a pinabeta (Abies alba). En Galicia non existen especies naturais, atopándose soamente en xardíns e arboredos coma ornamentais.

Coníferas

As coníferas (do latín cōnum < grego κῶνος "cono, piña" e fer- "levar") son as plantas ximnospermas da división Coniferophyta (ou Pinophyta), na súa maior parte árbores, mais tamén arbustos escandentes, presentes nas rexións tropicais e temperadas do planeta, onde son a principal compoñente da flora alpina. Son os vexetais capaces de vivir máis tempo: entre os piñeiro de California, hai exemplares con máis de 4.600 anos. No Hemisferio Norte, as coníferas forman extensos bosques en zonas de clima rigoroso que non poden poboarse por outras especies de árbores.

Exemplos de coníferas son as árbores do xénero Pinus, como os piñeiros de Europa (P. pinaster, P. pinea, P. sylvestris etc.), os abetos, as sequoias, os lárices, as piceas, os cedros, os alciprestes, as araucarias etc. As sequoias de California considéranse xigantes pola súa altura e robustez, unha vez que chegan a medir máis de 100 m de altura e poden vivir máis de 3.000 anos.

Deforestación

A deforestación é o proceso de desaparición de masas forestais (bosques), fundamentalmente causada pola actividade humana. A deforestación está directamente causada pola acción do ser humano sobre a natureza, principalmente debido ós cortes de árbores, tanto as realizadas pola industria madeireira, como aquelas que pretenden a obtención de solo para cultivos agrícolas.

Nos países máis desenvolvidos, prodúcense outras agresións como a chuvia ácida que comprometen a supervivencia dos bosques, situación que se pretende controlar mediante a esixencia de requisitos de calidade para os combustibles, como a limitación do contido de xofre.

Nos países menos desenvolvidos, as masas boscosas redúcense ano tras ano, mentres que nos países industrializados estanse recuperando debido ás presións sociais, reconverténdose os bosques en atractivos turísticos e lugares de esparexemento.

Así a todo, debe terse en conta que as plantacións de reforestación non substitúen en ningún caso o bosque, xa que este é un ecosistema que tarda décadas e nalgúns casos séculos en formarse, constituíndo o bio-sistema óptimo de aproveitamento da luz solar. En cambio, a reforestación no mellor dos casos é un conxunto de árbores situadas segundo unha separación fixada artificialmente, entre as cales xorde unha vexetación herbácea ou arbustiva que non acostuma darse no bosque. E no peor dos casos, plántanse árbores non autóctonas que en ocasións danan o substrato, como ocorre en moitas plantacións de piñeiro, abeto ou eucalipto.

Unha consecuencia da deforestación é a desaparición de sumidoiros de dióxido de carbono, reducíndose a capacidade do medio de absorber as inxentes cantidades deste gas causante do efecto invernadoiro, e agravando o problema do quentamento global.

Como medida de contención, diversos organismos internacionais propoñen a reforestación, medida parcialmente aceptada polos movementos ecoloxistas, ó entender estes que na repoboación debe considerarse non só a eliminación do dióxido de carbono, senón ademais, a biodiversidade da zona a repoboar.

Faia

A faia (Fagus sylvatica) é unha árbore caducifolia da familia das fagáceas de porte robusto e gran talle, que alcanza os 35 ou 40 m, cun tronco recto que o fai moi valioso, e unha copa ovalada no seu terzo superior. Se a árbore crece illada (non en espesura) cambia radicalmente, ábrese moi pronto, sendo algo irregular, ramificándose desde abaixo e variando moito a copa.

Conserva a cortiza practicamente lisa durante toda a súa vida, dun gris cincento ou esbrancuxado. As follas son simples, alternas nos talos novos, nos adultos saen en fascículos sobre pequenos braquiblastos, e caedizas. Son de pecíolo curto, e o limbo é de forma ovalada, co bordo ondulado, en principio algo festonado e prolongándose nunha lanuxe sedosa moi característica. Teñen os nervios laterais ben marcados e paralelos (penninervia), son dunha cor verde moi viva polo feixe volvéndose máis escuras na madurez, e dispóñense sempre en posición moi horizontal, captando a maior cantidade de luz posible. Iso fai que os seus bosques teñan un aspecto un tanto sombrío, case propio de conto de fadas, non permitindo crecer no chan a apenas ningunha outra planta. Frecuentemente, con todo, crece en bosques mixtos co abeto e outras especies do bosque caducifolio. Ó bosque de faias chámaselle faial.

Les

Les é un concello do Val de Arán, na provincia de Lleida. Está situado no terçon de Quate Lòcs, xunto ao río Garona. Tiña en 2014 unha poboación de 968 habitantes.

É coñecido polas súas augas termais (Banhs de Les) e pola tradición do Haro, un tronco de abeto que se planta o día de San Pedro na praza da vila e se queima na noite de San Xoán.

Luanvi

Luanvi é unha marca de roupa deportiva con sede en Paterna, Valencia.

A empresa creouse a principios dos anos 1970. Son as siglas dos toma tres fundadores (Luis, Antonio e Vicente). Nos seus inicios adicada á produción e comercialización de disfraces. En 1972 pasa á fabricación de equipamento de fútbol. En 1977 crea a icona do abeto, baseado no concepto de natureza.

Melecitosa

A melecitosa ou melicitosa é un oligosacárido do grupo dos trisacáridos formado por tres unidades monosacáridas: glicosa-frutosa-glicosa, unidas por enlace O-glicosídico. Está presente no mel, melazas e no zume elaborado de numerosas árbores e plantas. É un compoñente das gotas de líquido azucrado que expulsan polo seu abdome diversos insectos áfidos (pulgóns), que chuchan o zume elaborado das plantas.

Níscaro de abeto

O níscaro de abeto é un fungo basidiomiceto comestíbel, da familia Russulaceae.

Atópse en Europa e América do Norte, medra baixo abetos, en solos silíceos ou calcarios. O seu cogomelo, ou corpo frutífero, abrolla polo outono, e é comestíbel, aínda que non tan apreciado coma o níscaro.

Perućica

Perućica (en alfabeto cirílico: Перућица) é un dos bosques primarios que quedan en Europa. Está localizado en Bosnia e Hercegovina, preto da fronteira con Montenegro, e forma parte do macizo do Zelengora, no Parque Nacional Sutjeska. A fraga só pode ser explorada en compaña de gardabosques.O abeto vermello (Picea abies) máis alto que se mediu (63 metros) está localizada neste bosque.

Picea

As piceas son un xénero de coníferas: Picea pertencentes á familia Pinaceae que conta cunhas 35 especies. Son árbores entre 20 e 60 metros con porte piramidal, follas illadas, planas ou tetragonais a xeito de agulla e estróbilos pendurados que non se disgregan até madurar. Entre os seus representantes máis coñecidos atopamos a Picea abies, o abeto vermello ou abeto rubio europeo, empregado comunmente en Galicia coma árbore de Nadal; ou a Picea glauca. A meirande parte das especies do xénero son árbores lonxevas e que medran amodo.

Ademais do uso ornamental, en xardinaxe, e coma árbore de Nadal, a madeira é de boa calidade (uso madeireiro e silvícola) e serve na construción, así coma para fabricar instrumentos musicais, coma violíns ou guitarras.

Planta ornamental

Unha planta ornamental, tamén chamada planta de xardín, é a que se cultiva e/ou comercializa con fins decorativos polas súas características estéticas, coma as flores (camelias), follas (pradairos), perfume (roseiras ou cantroxo), a textura da súa follaxe (alciprestes), froitos (espiños de fogo) ou mesmo talos (salgueiros choróns) en xardíns e deseños paisaxísticos, como planta de interior ou para flor cortada. O seu cultivo forma unha parte fundamental da horticultura.

Existen numerosas plantas que teñen un uso duplo, alimentario e ornamental como a oliveira, a laranxeira ou o romeu.

Estas plantas adóitanse vender en centros de xardinaxe con ou sen testo para seren transplantadas ao xardín ou simplemente ficaren coma plantas de interior.

A importancia deste tipo de plantas tense incrementado co desenvolvemento económico da sociedade e o incremento das áreas axardinadas das vilas, así coma co uso de plantas de exterior e interior polos particulares.

Actualmente hai máis de 3000 plantas que se consideran de uso ornamental.

Galicia ten pouca tradición ornamental e paisaxística, porén veuse incrementada nos últimos anos.

Pseudotsuga

Pseudotsuga é un xénero de coníferas dentro da familia das pináceas. En galego adoitan chamarse abetos de Douglas, malia non sere realmente abetos. Hai cinco especies, dúas no oeste de América do Norte, unha en México e dúas no leste de Asia. As pseudotsugas plantearon problemas de clasificación aos botánicos do século XIX por mor á semellanza que presentan con outras coníferas coñecidas no seu tempo, o que orixinou que unhas veces foran clasificadas en Pinus, Picea, Abies, Tsuga, e incluso nas Sequoia. Por mor aos seus conos distintivos, os abetos de Douglas finalmente foron clasificados no novo xénero Pseudotsuga (que significa "falso Tsuga") polo botánico francés Carrière en 1867.

En Galicia atopamos algún exemplar de abeto de Douglas común (Pseudotsuga menziesii) nos arboredos e xardíns de pazos e castelos principalmente.

Talo

O talo ou caule é, entre as plantas con flores, o eixe, xeralmente aéreo, que prolonga a raíz e no que se penduran as xemas e as follas. Ramifícase xeralmente en diversas pólas.

Diferénciase da raíz pola presenza de entrenós nos que se penduran as xemas auxiliares e as follas, pola ausencia de cofia terminal e pola súa estrutura anatómica. A transición entre raíz e talo faise no "pescozo". Poden existir talos subterráneos como existen raíces aéreas.

Polo seu xeito de crecemento e de ramificación, o talo determina o porte da planta; tamén ten unha función de sostén da planta e de transporte dos elementos nutritivos entre as raíces e as follas.

Un sinónimo usado ás veces, para diferencialo do talo das plantas inferiores ou talófitas, é o cultismo caule.

Árbores senlleiras de Galicia

Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza etc.) é considerada reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. En Galiza aparecen no Catálogo galego de árbores senlleiras elaborado e regulado pola Xunta de Galicia desde o ano 2007 a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo coa finalidade de protexelas de riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.

En Galiza salientan os carballos, castiñeiros, teixos e sobreiras como árbores autóctonas. Tamén aparecen moitas especies ornamentais como camelias, sequoias ou alciprestes.

Á hora de seleccionar os exemplares ou formacións senlleiras estúdase a idade dos exemplares, relevancia cultural (criterios históricos e tradicionais), valor estético (criterios estéticos e dendrométricos), rareza (criterios biolóxicos e ecolóxicos) na súa situación ou na súa distribución (criterios de situación) etc.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.