A muller na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada da muller na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Cómpre advertir que a literatura oral, tanto a galega como a universal, está impregnada dunha clara misoxinia que reflicte o sentir popular das épocas nas que aquela foi xurdindo. Debe interpretarse, xa que logo, cunha perspectiva histórica sen translación a valores actuais.

Ourense A leiteira Ramón Conde
A leiteira por Ramón Conde, Ourense.
Ploughmen Fac simile of a Miniature in a very ancient Anglo Saxon Manuscript published by Shaw with legend God Spede ye Plough and send us Korne enow
O home dirixe a arada.

Contexto

Na repartición de traballo que segundo idade e xénero se fai na Galicia tradicional, a muller ademais das tarefas que ten asignadas fóra da casa, ten ao seu cargo as relativas á preparación da comida, aos labores domésticos e ao coidado dos que non se poden valer. Cando á noitiña se volve para a casa, aínda queda para a muller moito por facer: acomodar aos animais, muxir as vacas e preparar a cea. Como sociedade patriarcal que é, na Galiza tradicional o lecer das mulleres está sempre asociado a tarefas colectivas exclusivamente femininas como as do liño ou lavar a roupa, mentres que os mozos e os homes tiñan a taberna e os xogos de adultos, como a chave ou os birlos, para o seu tempo de descanso.

Así, a actividade habitual do home comprendía aqueles traballos que parecían requirir máis forza ou aqueles que precisaban de desprazamentos ou estancias máis ou menos prolongadas fóra da casa. Por exemplo, na Galiza litoral eran eles os que saían ao mar desde ben noviños, mentres as mulleres quedaban a cargo do marisqueo, da descarga das redes e da venda dos produtos obtidos na pesca, á parte claro está, de horta, gando e casa; ou no caso da actividade agrogandeira, eran os homes os que na malla do centeo manexaban o mallo sendo elas as que erguían o gran.

Todo isto como norma xeral que conta con moitas excepcións. Non resulta inhabitual atopar refráns, contos ou cantigas nas que son as mulleres as que realizan traballos supostamente reservados aos home. Xa aos romanos, sociedade tamén patriarcal e cunha clara división dos traballo por xénero, chamáballes a atención que as galegas realizaran tarefas que eles consideraban reservadas ós homes:

.

Descricións como estas contribuíron á creación dunha imaxe errónea de matriarcado na sociedade tradicional galega.

Adúltera
A muller adúltera, na fachada das Praterías da Catedral de Santiago.[1]

Por suposto que a situación de control e sometemento da muller ao home vese lexitimada e reforzada pola imaxe que a relixión transmite da muller como obxecto de tentación para o home e fonte do pecado. Desde Eva, na tríade das tentacións do home, mundo, demo e carne, a muller representaba a terceira:

As distintas fases na vida da muller

Coa menstruación

A menstruación é un dos tabús máis estendidos e xerou un amplísimo léxico eufemístico:

  • cousas de mulleres [3]
  • andar/ estar mal ou mala
  • estar indisposta
  • andar/ estar de mes, estar co mes

Pero en moitas ocasións este léxico tínguese de matices humorísticos:

  • andar de arrieiro
  • andar coa tía María, vir a tía María
  • andar co señorito, vir Pepito Corchea [4]
  • andar o San Xoán, chegar o San Xoán
  • andar de ringo rango [5]
  • ter a bandeira roxa [6]
  • ter os pintores na casa
  • estar o campo mollado
  • estar o porto cerrado

Críase que a menstruación consistía na expulsión de principios tóxicos ou enfermos da muller. Plinio o Vello afirmaba que o sangue menstrual era tan velenoso que abondaba co seu vapor ou o seu contacto para agria-lo viño novo, de modo que as mulleres coa regra non poden entrar nunha adega porque se estragaría o viño todo. Outras consecuencias poden ser esteriliza-las sementes, mata-los enxertos etc. Pola contra, a presenza nun barco dunha muller coa regra evitaba e protexía das treboadas (RODRÍGUEZ LÓPEZ).

Foodprepmiddleages
O home é quen mata o porco, a muller recolle o sangue.

Na mata do porco, a tradición esixe que a muller que recolle o sangue non podía te-la regra, porque en tal caso estragaríase o sangue con seguridade. Mesmo hai lugares nos que as mozas, en xeral, non podían axudar a face-los chourizos, estremando a precaución, pois podían estragalos a causa do seu sangue menstrual; nin sequera podían come-las filloas (Mandianes Castro).

As mulleres coa regra poden botar mal de aire. Para recoñece-la causa, na Pobra do Caramiñal cobren o meniño enfermo con follas de aro e colocan por riba unha toalla de damasco durante 24 horas, sen poder cambialo. Pasado este tempo, a mesma persoa que fixo a operación descobre o rapaz e marcha con todo ó muíño máis próximo. Alí bota as follas por riba do cubo do muíño quedándose coa toalla, na que aparecerán as manchas do menstruo, se foi unha muller a causante da enfermidade, ou os pelos da gata, se foi este animal (Lis Quibén). No dicionario de Marcial Valladares, ó falar da herba do aire, di que hai que coce-las follas, picadas a modo de tabaco, e que con ese cocemento se lava o meniño durante nove noites seguidas, de abaixo arriba, quedando nesa auga as probas da orixe do meigallo: plumas se foi unha galiña, pelos se foi un gato ou unha muller (Lis Quibén).

Outra forma de bota-lo meigallo é dar a beber viño ou a comer doces ou froitas -especialmente mazás, en lembranza da tentación de Eva-, que foran tocadas ou picadas cunha agulla ou alfinete mollados co sangue menstrual, fluxo branco ou ouriños da muller (Lis Quibén[7]).

Disque os lagartos arnaus se botan ou perseguen ás mulleres que teñen a regra (Adela Leiro).

Para cura-lo torzón das bestas (cólicos) hai que darlles a bebe-la auga na que se lavara unha camisa de muller coa regra (Vicente Risco).

A virxindade

As relacións sexuais, a maiores doutros aspectos persoais e sociais, teñen como finalidade o reforzamento da relación de parella co obxectivo último de constituír e manter unha familia, unidade social e económica. Nunha sociedade agraria, como a tradicional galega, a propiedade da terra e a súa transmisión ós fillos é fundamental, o que leva implícito o cumprimento de certas regras de fidelidade, centradas especialmente na muller, antes e durante o matrimonio.

Se ben a perda da virxindade non se xulga con excesivo rigor e non representa ningunha dificultade grave á hora de casar, nin sequera o feito de chegar con fillos ó matrimonio, o certo é que as nais vixían os xogos e relacións das súas fillas cos mozos e as educan para que non cedan ós requirimentos destes. Canto menos ata conseguir promesa firme de casamento. A literatura popular galega está chea de exemplos disto:

Miña rosa colorada
criada nun estripeiro,
non te deixes abalar
que podes perde-lo cheiro.

Existe unha asociación mental e lingüística entre a virxindade, como virtude, e a situación posterior á primeira relación sexual, como unha perda e como algo negativo, onde Emilio Montero ve un ascendente bíblico ou relixioso. Así, no primeiro caso, dise que a moza está enteira, e no segundo que está probada, está amozcada [8], desflorada ou mesmo deshonrada.

Agora que a puxeches
coa barriga redonda,
ou has de casar con ela
ou haslle de volve-la honra.

Outra observación relacionada co anterior é o uso na medicina popular dos excrementos ou ouriños de muller virxe e, por extensión, doutras substancias non usadas, como a cera ou o xabón virxes (Eladio Rodríguez).

Concepción e xestación

A Lanzada desde A Siradella
Na praia da Lanzada, as mulleres buscan toma-lo baño das nove ondas

Asóciase a muller coa fecundidade [9], e por iso existen numerosos rituais para quedar embarazada, no caso de non logralo no seu tempo. Podíase recorrer á intercesión da Virxe ou certos santos. Xa Sarmiento recolleu que a solución era face-lo amor na ermida de San Guillerme de Fisterra: a santidade do lugar combatía os espíritos que impedían fecundar a muller (Mariño Ferro) [10].

Favorece a concepción bañarse núas na praia da Lanzada (Sanxenxo), onda a ermida do mesmo nome, durante a noite de San Xoán, xusto ó dar as doce da noite, segundo uns, ou xusto antes de saí-lo sol, segundo outros. Noutras ocasións repítese este baño o último domingo de agosto. O ritual, con algunhas variacións segundo as fontes, consiste en recibir nove ondas do mar, seguidas. Baños similares e coa mesma intención practícanse na Concheira de Baiona, en Praceres (Marín) ou en Santo André de Teixido. Mariño Ferro ve nisto unha cópula simbólica [11].

En Vilariño (Cambados) hai un cruceiro chamado do culebrón no que as mulleres que queren preñar deixan en ofrenda tarteiras de cociña, quizais porque o que piden é chegar a ser nais de familia e amas de casa.

Esta asociación da muller coa fecundidade, coa abundancia, explica o costume de que as mulleres ouriñen sobre as redes antes de que o seu home saia a pescar, acto que asegurará unha boa pesca.

Durante o embarazo, a muller non debe comer lebre nin coello, para que o meniño que naza non durma cos ollos abertos ou teña o labio partido (labio leporino) coma acontece con estes animais (Antón Fraguas). Tampouco é bo que coma polbo, amorodos, percebes, lamprea, troita, raia etc., porque se supón que, se o fai, o meniño nacerá cunha mancha na pel (Mariño Ferro). Hai quen ve nesta actitude compracente de cumprirlle os antollos unha medida profiláctica que asegurase completa-la dieta da muller embarazada (Emilio Montero).

Para mante-la xestación e non sufrir abortos, recórrese ó bautismo anticipado, mediante o cal se bautiza ó futuro meniño no ventre da nai, sobre certas pontes máxicas e ás 12 da noite.

Pregnant woman2
Agora xa foi e foi,
nena non teñas pesare.
Agora xa foi e foi,
Diolo ha de remediare
.

Canto ó léxico empregado para referirse a esta situación, obsérvase un abandono de formas consideradas vulgares, como preñar ou estar preñada, a favor de estar embarazada, estar, caer en estado ou quedar, estar, caer encinta. Por veces matízanse máis estas fórmulas: estado interesante, estado de boa esperanza [12]. Na iconografía relixiosa católica podemos ver representada a Virxe embarazada, esperando expectante o momento do parto, baixo o nome da Nosa Señora da Expectación ou da Esperanza (tamén como a Nosa Señora do O), que se celebra o 18 de decembro.

Pero tamén se poden atopar outras moitas formas máis coloquiais:

  • estar de ganancia, estar de proveito, estar de medras [13]
  • estar desa maneira, estar daquela maneira
  • estar ocupada
  • agardar a cegoña
  • mercar un irmao
  • facer barriga, estar coa barriga, ter barriga
  • engordar, engordar con carne allea
  • andar, estar, poñer pra diante
  • andar, estar co bombo
  • andar aniñando
  • estar embarrilada
  • levar un pendullo
  • amañar, encargar, prender

Para adiviña-lo sexo do futuro meniño existen numerosas prácticas [14]. Por exemplo, colocar na palma da man da muller unha agulla con fío: se a agulla se move recta, será home; se xira en círculo, unha nena. Tamén, pedirlle que nos mostre as mans: se o fai coas palmas cara arriba, terá unha nena; se pon as mans cara abaixo, un neno [15]. Outros interpretan que será neno se o sente no costado dereito da barriga, ou se sae da casa co pé dereito. Ou crer que os nenos concibidos con lúa crecente serán homes e se foi en lúa minguante, femias.

No parto e no puerperio

O momento do parto resulta especialmente transcendente: é o transo, a boa hora. O termo parir tense por vulgarismo e substitúese por dar a luz e outras moitas formas eufemísticas:

  • alumbrar
  • librar
  • botar ó mundo, botar a este mundo
  • ter un neno, ter familia, aumentar a familia
  • caer na cama
  • estar cos dolores
Eucharius Rößlin Rosgarten Childbirth
Muller de parto (1513)

As mulleres prefiren dar a luz o sábado por se-lo día da Virxe, intercesora de tódalas parturientes que, se morren, lévaas ó ceo (Antón Fraguas).

Ata mediados do século pasado era habitual parir na casa. Mesmo, se a casa era pequena e non había outra forma de facelo na intimidade, ían parir na corte sobre un leito de palla limpa. Parían de xeonllos, facendo forza contra os pés da cama, ou sentadas nunhas cadeiras especiais (paridoiras), sobre dúas cadeiras ou sentadas nas coxas abertas do seu home. Parían axudadas pola nai ou unha veciña entendida e só cando o parto se complicaba chamaban polo médico.

As dores do parto cóutanse poñendo debaixo da cama da muller parida unhas tesoiras abertas, en cruz; unha chave baixo a almofada [16] ou dando a beber á muller auga na que se coceron plumas de perdiz (LIS QUIBÉN). Tamén, para facilita-lo parto e reduci-las dores, colgaban no peito da muller un dente de porco ou dábanlle a beber auga na que coceran un óso dun defunto (Eladio Rodríguez, Jesús Rodríguez López).

No concello de Rois era costume que a muller que ía dar a luz atase unha peza de roupa no fuste do cruceiro de capela que se levanta no lugar de Sóñora (parroquia de Augasantas). Esa peza non se retiraba ata que rematase o parto felizmente.

Para favorece-la expulsión das secundinas dábase a beber á parturiente caldo de pel de cobra (Jesús Rodríguez López).

Para combate-las hemorraxias do parto hai que poñerlle dous sapos vivos nunha bolsa atada no pescozo sen que ela se decate (Antón Fraguas). Estas metrorraxias tamén se cortan aplicando na vulva o fume producido ó queimar plumas de perdiz (Jesús Rodríguez López).

Nalgúns lugares atan o embigo das meniñas máis longo có dos meniños para previr que, cando sexan maiores e estean embarazadas, poidan padecer quebraduras durante o embarazo (Lis Quibén).

Eladio Rodríguez recolle a prohibición en Santiago de Compostela, en 1841, de facer toca-las campás da parroquia cando unha muller ía dar a luz, co que se pretendía que os veciños rezasen unha oración por ela pedindo unha hora curta. Engade que este costume aún persevera en algunas pocas comarcas rurales[17]. En busca da axuda divina, rezábase á Virxe, como nai que pariu sen dor, e sobre todo á Virxe do O ou á Virxe do Leite.

Tralo parto adoita visitarse á muller con agasallos diversos. Dáselle de comer chocolate e caldo de galiña para que recupere antes as forzas (O caldo das paridas, non lle fai mal ás preñadas); e tamén viño [18]. O caldo de galiña é mellor se se fai cunha galiña negra (Jesús Rodríguez López).

Dálle á parida bos caldos
de galiña e de perdiz
as sopiñas de pan branco
e o viño do país.

A muller parida queda aberta e crese que o mal, os espíritos do mal, adoitan entrar facilmente polas aberturas naturais. Por iso, e para protexela neste delicado momento, colocábanlle o sombreiro do seu home ou vestíana cun chaleco deste.

O aborto

Se, como se dixo, quedar embarazada era como unha bendición de Deus, unha ganancia, un aborto interprétase como unha desgraza, unha perda:

  • botar/botarse de perda
  • dar/darse de perda
  • ter unha perda
  • danarse, derramar(se), malograr(se), desandar

Cando o aborto é voluntario, dise que botou o fillo abaixo ou que non o deixou cumprir.

Literatura oral

Vocabulario derivado

  • Dona das paredes: donicela.
  • Doncela: peixe, tamén chamado señorita (Coris julis) [19].
  • Herba doncela: planta (Clematis vitalba).
  • Peixe muller: mamífero pinnípede coñecido como morsa, e tamén como vaca mariña [20].

Locucións

  • Muller da rúa, muller da vida, muller de boa vida, muller perdida: muller promiscua, prostituta [21].
  • Muller da rúa: a que non para en casa e que anda sempre cotilleando na rúa [22].
  • Muller da súa casa: muller que ten disposición para gobernar e organiza-la casa [22].
  • Muller de goberno, muller goberneira: muller que dirixe e organiza a casa, así como a criada que se encarga da xestión económica da casa (ama de chaves) [21].
  • Muller de mar: peixeira.
  • Muller fácil: muller que cede facilmente ás proposicións sexuais dos homes.
  • Muller fillada: nai solteira.
  • Coma a vaca parideira: empreñar logo unha muller.
  • Con máis antollos que unha preñada: dise de calquera persoa moi caprichosa.
  • Coser pra fóra: ser unha muller promiscua [23].
  • Empreñar polas orellas: crer algo imposible ou moi improbable [23].
  • Estar (unha muller) en días de parir: estar unha muller próxima ó parto ou fóra de contas.
  • Estar fóra de contas: cumpri-los nove meses e chega-lo momento de dar a luz.
  • Estar chegada, estar para caer na cama, estar coa barriga á boca: dise da muller a piques de parir.
  • Flores brancas: o fluxo branco das mulleres, tecnicamente leucorrea [24].
  • Ir de donas, ir de muller: montar a cabalo coas dúas pernas dun lado, coma as mulleres.
  • Rancho de mulleres: reunión de mulleres para fiar e cotillear.

Refraneiro

Artigo principal: Refraneiro galego da muller.
  • A boa muller, a casa sábea encher.
  • A boa muller sin fama, nin boa nin mala.
  • A máis non poder, déitate coa túa muller.
  • A que é doncela sábeo Dios e mais ela.
  • O home muller é.
  • O home, nin muller é.
  • O que ten unha muller boa e a perde non sabe o que gana.

Cantigueiro

Artigo principal: Cantigueiro galego da muller.
Valdoviño praia-Galiza
O mar tamén é casado,
o mar tamén ten muller,
é casadiño coa area,
dálle bicos cando quer.
  • A galiña pon o ovo/ pra o proveito da muller:/ o home vai pra o monte/ ¡come broa si a quer!.
  • A mazán do alcipreste/ non é verde, qu’é madura;/ a muller que coma dela/ non morre de paridura.
  • A miña muller é vella,/ de vella caeulle o coiro,/ hei de facer un pandeiro/ para correr o Antroido.
  • A miña muller é vella,/ heina de mandar matar/ e poñela de cancela/ na entrada do lugar.
  • A miña muller morreume,/ por ela non hei chorar;/ chorarei polo diñeiro/ que o crego me ha de levar.
  • A muller ía no prado/ a vaca facía o xantar,/ a cadela varre a casa/ e a vasoira vai lavar.

Toponimia

En lingua galega, só coñecemos dous topónimos derivados da palabra muller:

E estoutros relacionados coa palabra dona:

Notas

  1. Moralejo, Serafín: "ADÚLTERA, A", na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
  2. Tomado de Faro de Vigo, 13.03.2010.
  3. E tamén en castelán: cosas de mujeres; italiano: le sue cose, i suoi dolore; francés: avoir seus affaires.
  4. En italiano: Pippo, Pomponio, Giorgio; en portugués: andar com o senhor don Miguel.
  5. Eu pedinllo a unha nena,/ ela díxome chorando:/ Esta semana non podo/ que ando de ringo rango (Cancioneiro de Muros).
  6. Portugués: bandeira vermelha; francés: drapeau rouge, fièvre rouge, sauce tomate. No español de México: andar con la bandera comunista.
  7. Recólleo en Ponte Caldelas (Pontevedra). O mesmo autor copia a seguinte cita de J. Regnault (El magnetismo y magicismo en el amor, Barcelona 1913): "Los anamitas comparten también la creencia, muy extendida en el sur de Francia y particularmente en Gascuña y Provenza, de que, para atraer al marido o al amante, basta hacerle absorber con un manjar cualquiera, tres gotas se sangre recogidas en condiciones especiales en cierta época del mes". Pese ó eufemístico da descrición queda claro a que sangue se refire.
  8. Eladio Rodríguez define amozcar como Cortar o arrancar un trozo de alguna cosa. Por ejemplo, de una manzana a la que se haya dado un mordisco se dice que "está amozcada", e engade que tamén se di para expresar irónicamente que una mujer soltera ha perdido la virginidad. Tamén existe o uso de amozcar co significado de escarmentar.
  9. Exemplo da culpabilidade que pode chegar a senti-la muller por non traer fillos a casa é esta cantiga: Miña Virxe do Corpiño,/ meu glorioso San Ramón,/ dádelle un fillo ó meu home,/ tede de min compasión.
  10. A Ermida de San Guillerme (Fisterra), en V Televisión (23.10.2011).
  11. O mar móvese na praia como un macho no momento da fecundación e deixa sobre a area a escuma que lembra o seme (Mariño Ferro, 342).
  12. Tamén noutras linguas: in stato interessante, état interessant, estado de buena esperanza, andar de esperança.
  13. Quizais relacionado coa crenza de que os meniños veñen cun pan debaixo do brazo.
  14. Mariño Ferro asegura que algunhas delas eran utilizadas xa polos médicos da escola hipocrática.
  15. Taboada Chivite explicaba isto pola similitude da liña recta ou curva, respectivamente, cos órganos sexuais masculinos e femininos; no segundo caso, pola posición da muller cara arriba durante o acto sexual, e do home cara abaixo.
  16. Queda claro o simbolismo da chave para axudar a abrir a muller, propiedade que aumentaba se se trataba da chave da igrexa parroquial.
  17. Lémbrese que Eladio Rodríguez escribiu o seu dicionario enciclopédico na primeira metade do século XX.
  18. Estas mesmas prácticas trasladáronse ós coidados tralo parto das vacas, ás que tamén lles daban viño e chocolate.
  19. Ríos Panisse (1977).
  20. Ríos Panisse (1983).
  21. 21,0 21,1 ERG, muller.
  22. 22,0 22,1 Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
  23. 23,0 23,1 Victoria Cerviño Ferrín 2013.
  24. Diccionario da Real Academia Galega 1913, s. v. branco.

Véxase tamén

Bibliografía

  • CERVIÑO FERRÍN, Mª Victoria: "Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 2", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 441-462.
  • FERRO RUIBAL, Xesús et al: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
  • GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino (1985): Glosario de voces galegas de hoxe. Anexo 27 de Verba. Anuario Galego de Filoloxía. Universidade de Santiago de Compostela, 1985.
  • LEIRO LOIS, Adela: Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986.
  • LIS QUIBÉN, Víctor: La medicina popular en Galicia. Madrid, 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
  • Losada, E., Castro, J. e Niño, E.: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia 1992.
  • MANDIANES CASTRO, Manuel: Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega. Galaxia, Vigo 1984.
  • MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: Antropoloxía de Galicia. Xerais, Vigo 2000.
  • MONTERO, Emilio: El eufemismo en Galicia (su comparación con otras áreas romances). Verba Anexo 17, Universidade de Santiago de Compostela 1981.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home. Ed. do autor, Lugo 1977.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refráns galegos da muller. Alvarellos, Lugo 1978.
  • RISCO, Vicente: "Folklore de Coaledro (Ourense)" en Nós 127-138, 1935, 108-111.
  • RÍOS PANISSE, M. do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces, Verba anexo 7, Universidade de Santiago 1977.
  • María do Carmo Ríos Panisse: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas, Verba anexo 19, Universidade de Santiago 1983.
  • RIVAS QUINTAS, Eligio: Frampas II. Contribución al Diccionario Gallego. Alvarellos, Lugo 1988.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.
  • SARMIENTO, Fr. Martín: Catálogo de Voces y Frases de la Lengua Gallega (1754). Edición y estudio por J.L. Pensado, Universidad de Salamanca 1973.
  • VARIOS: Terra de Melide. Seminario de Estudos Galegos. Compostela, 1933.

Outros artigos

As mulleres en Galicia

As mulleres en Galicia

Cantigueiro galego da muller

A espicha do catalán/ non dá proveito a ninguén;/ mandei a muller á espicha/ i espicháronma tamén .

A galiña pon o ovo/ pra o proveito da muller:/ o home vai pra o monte/ ¡come broa si a quer!.

A mazán do alcipreste/ non é verde, qu’é madura;/ a muller que coma dela/ non morre de paridura.

A miña muller é vella,/ de vella caeulle o coiro,/ hei de facer un pandeiro/ para correr o Antroido.

A miña muller é vella,/ de vella non pode andar;/ heina de pór de cancela/ á entrada do lugar .

A miña muller é vella,/ de vella non pode andar;/ heina de pór de espantallo/ á saída do lugar .

A miña muller é vella,/ de vella rompeulle o coiro;/ hemos faguer un pandeiro/ para corre-lo entroido .

A miña muller é vella,/ heina de mandar matar/ e poñela de cancela/ na entrada do lugar.

A miña muller é vella,/ máis vella que Belcebú;/ tiña seis libras de la/ onda a regaña do cu .

A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ bebeu un xarro de viño,/ comeu unha bola enteira .

A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira .

A miña muller morreu/ enterreina tras do forno,/ pasei onte por alí,/ inda me choscou un ollo .

A miña muller morreume,/ por ela non hei chorar;/ chorarei polo diñeiro/ que o crego me ha de levar.

A muller ía no prado/ a vaca facía o xantar,/ a cadela varre a casa/ e a vasoira vai lavar.

A muller que é casadeira/ que a vida con tino leve,/ pois muller que moito loce/ ó cabo ninguén a quere .

A muller que ha de ser boa/ ha de ter o cu de pau,/ a barriga de cortiza/ i o nariz de bacallau .

A muller que ha de ser miña/ ha de te-lo cu de pau,/ a barriga de cortizo/ e os peitos de bacallau .

A muller que ha de ser miña/ ha de ter o cu de pan,/ a barriga de cortizo/ i o nariz de bacallau .

A muller que ten dous homes/ non é tonta, que é entendida;/ cando se apaga unha vela/ a outra queda encendida.

A muller traballadora/ e que tamén é calada,/ non sabe o home que a leva/ que boa sorte lle agarda .

A perdiz anda no monte,/ herba seca non a come./ A muller que non ten fillos/ logo acaba co seu home .

Agora que foi e foi,/ nena, non teñas pesares,/ agora que foi e foi/ Dios cho ha de remediare .

Agora que foi e foi,/ niña non teñas pesar;/ agora que foi e foi/ Diolo ha de remediar .

Agora que a puxeches/ coa barriga redonda,/ ou has de casar con ela/ ou haslle de volve-la honra.

Ai da muller que se perde/ deixándose ir da levada!/ Nunca arde a leña verde/ mais aparece queimada! .

Anque os vexas reventados/ dos homes non fagas caso,/ que despois, desque se casan,/ por ti non dan nin un paso .

Arriba, pandeiro roto,/ abaixo, manta mollada,/ a muller de ruín home/ xempre anda mal amañada .

Arriba, pandeiro roto,/ abaixo, manta mollada,/ onde estamos as mulleres/ os homes non valen nada .

As esfolladas de noite/ non dan porveito a ninguén;/ mandei a muller a unha/ i esfolláronma tamén .

As esfolladas do millo/ non dan porveito a ninguén;/ miña muller foi a ela/ i esfolláronma tamén .

As mociñas que hai agora/ xa che son unhas laretas;/ por unha cunca de papas/ déixanche apalpa-las tetas.

As morenas todas teñen/ moi negriño o curazón,/ por eso elas dos homes/ non poden ter compasión .

As mozas de Vilacova,/ non son unha que son todas,/ poñen tres pares de medias/ para ter as pernas gordas .

As mulleres cando paren/ acórdanse de san Ramón/ pero non se acordan do santo/ cando están na función.

As mulleres e o reloxo/ teñen certo parecido;/ en chegando a variar/ todo o traballo é perdido.

As mulleres i o reló/ ten un certo parecido:/ en chegando a varear/ todo traballo é perdido .

As mulleres son tan meigas/ que dende que están casadas/ danlle ao home o caldo todo/ i elas comen as talladas .

Calai, que eí ven os mozos,/ que non nos sintan falar,/ que din que nós as mulleres/ so sabemos barallar .

Canta cuco, canta cuco,/ na rabela do arado;/ as mulleres antre os homes/ é un gando mal gardado .

Canta rula, canta rula,/ por riba daquil valado;/ as mulleres antre os homes/ é un gado mal gardado .

Cantas penas, cantas penas/ pasa unha muller casada;/ non come por darllo ó home/ i aínda esí é maltratada .

Casadiña de onte á noite/ déronme a comer ameixas,/ o meu marido vai fóra/ non teño a quen dar as queixas .

Casadiña de tres días/ non se cansa de chorar/ pola vida de solteira/ que non ha de recobrar .

Casaime, meu pai, casaime./ Miña filla, non tes roupa./ Casaime, meu pai, casaime,/ que unha perna tapa a outra .

Caséicheme por un ano/ por saber que vida era,/ o ano vaise acabar,/ solteira quen che me dera ’' .

Caseime, miña naiciña,/ e caseime en mala hora;/ paso fame e mais traballo/ i aínda o home fai mofa .

Chamácheme trobisqueira,/ herba que o gando non come./ Vale máis ser trobisqueira/ que muller de ruín home .

Coida meu pai que me ten/ debaixo do pé dereito./ Fanlle a cama no sobrado:/ non sabe cando me deito .

Como che pille no prado/ como che pillei máis veces/ heiche de meter no corpo/ herba para nove meses .

Costureiriña bonita,/ que ó palacio vai coser,/ no medio do corredor/ hanche de dar que facer .

De solteiriños os mozos/ todos son garatuxeiros/ e dende que están casados/ fan das mulleres pandeiros .

De solteiros os mozos/ todos son garatuxeiros/ e dende que están casados/ fan das mulleres pandeiros.

Dime, casadiña nova,/ como che vai de casada?/ Como á criada que serve/ e lle non pagan soldada .

Dinme que non teño rentas/ para mante-la muller;/ teño un salgueiro na horta,/ roi nel canto quixer.

Dios che me dea paciencia/ con esta miña muller/ que non fai o que eu lle mando/ e que fai o que ela quer .

Disme ti que non tes cruz/ pra rezares o rosario;/ cásate, pois, queridiña,/ que has de ter cruz e calvario.

En palabras de canteiros,/ Rapazas, non vos fiedes;/ Collen os picos e marchan,/ E despois ¿qué lles faredes? .

Esta noite fun labrar/ e rompeume o aradoiro,/ fuxeume a muller da cama/ e fun atrás dela en coiro .

Estate quedo, meliciano,/ non me rómpa-lo refaixo,/ si queres que rompa logo/ bótalle a man por debaixo .

Eu ben vin esta-lo cuco/ na rabela do arado;/ as mulleres entre os homes/ son gando mal reparado.

Eu caseime con un vello/ ¡non sei que estaba pensando!/ todo o día funga, funga,/ todo o día anda fungando .

Eu teño sete camisas/ que me deron sete tolas,/ todas son amigas miñas/ eu son amigo de todas .

Fanse moi homildosiños/ os homes pra pretender/ e despois, desque se casan,/ fan a mofa da muller .

Garatuxas fan os homes/ cando andan a pretender;/ raio parta a toda a casta,/ leve o demo o seu querer .

Máis quero ser solteiriña/ que muller de home baldío;/ máis quero probe con honra/ que sen honra un home rico .

Mariñeiro quero, madre,/ mariñeiro me han de dar,/ se non me dan mariñeiro/ solteiriña hei de quedar .

Meu señor San Andresiño/ que estás na alta montaña,/ este ano vin, solteira,/ pro o que vén virei casada .

Miña comadre é unha ladra,/ non vin muller coma ela;/ os ósos dállos ó home/ a polpa cómea ela.

Miña sogra morreu onte,/ deixoume o caldo na ola./ ¡Vamos comendo e roendo/ quen se morreu que se morra! .

Miña sogra querme mal/ porque lle falo co fillo,/ heille de mandar dicir/ que o garde no bolsillo .

Miña Virxe dos Milagros,/ os milagros vanse vendo,/ ás rapaciñas de agora/ vaille a barriga crecendo .

Na casa do probe reñen/ e todos teñen razón;/ as mulleres pola saia/ e os homes polo calzón.

Namoreime dun casado,/ pensei e volvín en min,/ quen á súa muller deixa/ millor me deixará a min .

Ninguién se fíe dos homes/ nin de todo o seu afán,/ que teñen o mel na boca/ e no peito o solimán .

Non busques muller na feira/ e menos na romaría;/ busca as rapazas na casa/ vestidas de cada día.

Non me toques na barriga/ que me doi que me atormenta,/ un pouquiño máis abaixo/ na caixa da ferramenta .

Non poña-lo pé no meu,/ nin a mau na miña saia,/ que anque son moza solteira,/ espero de ser casada

Non son bonita que espante/ nin fea que poña medo;/ moreniña como son,/ esí me quer o meu Pedro.

Non te chegues tanto a ela;/ éche unha muller casada,/ ten o marido na terra.

Nunca vin ponte sin río/ nin muíño sin rodicio,/ nunca vin moza bonita/ que tivese moito xuicio.

O donaire dunha nena/ inda non cho saben todos;/ o donaire dunha nena/ vaiche no mirar dos ollos.

O home, cando pretende/ faise doce e garimoso;/ non fagas caso, meniña,/ sonche as mañas do raposo .

O mar tamén é casado,/ o mar tamén ten muller,/ é casadiño coa area,/ dálle bicos cando quer.

O paxaro carpinteiro/ mete o rabo na silveira;/ así fai a boa moza/ cando non ten quen a queira.

Pica, canteiriño, pica,/ pica na pedra miúda,/ pica na muller allea/ que outro picará na túa .

¡Quen che me dera, meniña,/ no canaval do teu pai!/ Non che había de valer/ o chamar polo teu pai .

Quen me dera ser o clavo/ en que cólga-lo candil/ para te ver desnudar/ e pola mañá vestir .

San Antonio bendito/ dádeme un home,/ anque me mate,/ anque me esfole.

San Benito de Lantaño, casamenteiro das vellas,/ porqué non casa-las mozas,/ que mal che fixeron elas .

Se canto, son unha tola,/ se non canto, unha curuxa,/ se me lavo, unha profana,/ se me non lavo, unha sucia .

Sei tocar e sei bailar,/ sei tocar a pandereta,/ o home que a min me leve/ leva músiva compreta .

Solteiriña, non te cases,/ mira que tes boa vida,/ que eu seiche dunha casada/ que está ben arrepentida.

Sempre suspirei, de moza,/ por un guapo labrador;/ agora tamén o teño/ borrachón e xogador.

Traballo é ser casada,/ traballo é non o ser,/ traballo é te-los fillos,/ traballo é non os ter .

Un mariñeiro me dixo/ se me quería casar./ Eu lle dixen: mariñeiro/ outro ano e nada máis .

Vive ti, dorme, descansa/ e por min non teñas pena/ porque me tes tan segura/ coma a iauga nunha cesta .

¿Vosté que ten? ¿que lle doi?/ ¿vosté que lle doi? ¿que ten?/ ¡ai, vosté troulou, troulou,/ vosté troulou con alguén! .

Xanciño, Xanciño, Xan,/ Xanciño, Xan de Manuela,/ ¿pra que quére-la muller/ se non vas durmir con ela?

Muller

Unha muller (do latín mulĭer, -ēris) ( pronunciación ), é un ser humano de xénero feminino. O término muller adoita estar reservado para unha persoa adulta, sendo o termo meniña o termo habitual para unha nena ou adolescente. Muller tamén remite a distincións de xénero de carácter cultural e social que se lle atribúen así como ás diferenzas sexuais e biolóxicas da femia na especie humana fronte ao macho. Conta con aspectos físicos que a diferencian do varón da especie como voz máis aguda, cintura máis estreita, cadeira máis ancha e pelve máis ampla, menos pelame corporal, menos masa muscular e máis tecido adiposo, mamas máis grandes e é de menor estatura comparada co varón.

O Día Internacional da Muller Traballadora celébrase o día 8 de marzo.

Refraneiro galego da muller

O refraneiro galego da muller, loxicamente, resulta amplísimo, polo que só se pode recoller aquí unha mostra non exhaustiva.

Etnografía galega
Meses do ano
Cores
Animais
Alimentos
Vexetais
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.