A cobra na cultura popular galega

Artigo principal: Cobras.

A seguir recóllese a pegada das cobras na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

En xeral, en Galicia considéranse velenosas tódalas cobras, aínda que isto sexa absolutamente erróneo. Admítese popularmente que o seu veleno é tan terrible que, de non actuar a tempo, calquera trabada dunha cobra é mortal. Por norma, crese que a cobra ten o veleno no ferrete ou ferrón, denominacións populares da súa lingua bífida pero hai quen cre que o teñen tanto na cabeza coma no rabo e mesmo en algures se cre que se se lles corta o rabo perden o veleno (Risco, 1950). Pénsase que se a cobra se morde a si mesma tamén se envelena.

Na zona de Mondoñedo din que a cobra morre se se lle toca na cabeza cunha vara de abeleira (Risco).

ElapheScalarisHead-20030407-Spain
Cobra de escada, especie inofensiva pero, coma todas, considerada popularmente como velenosa

Supersticións en torno ás cobras

Crese que as cobras nacen do ovo que poñen os galos cando chegan a cumprir sete anos (Risco), aínda que resulta máis habitual cinguir esta crenza ós basiliscos en particular (Fraguas) [1].

Tamén se di que lles nacen ás cando se fan vellas, e van voando así cara un río, que seguen ata o mar. Noutros casos, voan cara Babilonia, onde van morrer (Fraguas). Segundo van voando, botan a seguinte maldición: "Pra Babilonia vou. Malia quen me veu de nova e non me matou" (Risco).

No verán, as cobras comen normalmente noutros animais: sapos, coellos etc. pero no inverno só comen terra (Risco), nun intento de explica-la hibernación destes animais, en refuxios soterrados. Moito máis común é a crenza de que as cobras se alimentan do leite das vacas e mesmo do das mulleres, ás que son quen de mamar mentres dormen sen que elas se dean conta [2].

Para conseguir que unha muller se namore dun home, este ten que pasar unha agulla enfiada pola cabeza dunha víbora (outros din que ten que ser polos dous ollos) e despois dar unha puntada co mesmo fío na saia da muller, e deixalo alí (Risco, 1962). Fraguas localiza esta práctica nas montañas lucenses e especifica que ten que atravesa-la agulla de ollo a ollo e logo facer un cosido en forma de cruz nas costas da moza.

Por terras de Ourense din que metendo varios pelos de muller -que deben ser arrincados, non cortados- nunha garrafa de auga ben tapada, ó pouco tempo vólvense cobras vivas. En Pontevedra din que teñen que ser nove cabelos con raíz, e que a transformación en cobras se produce ós nove días (Risco 1962: 274).

Os mariñeiros respectan distintas crenzas supersticiosas cando saen a pescar. Así, por exemplo, evitan falar de cobras (como tampouco non falan da raposa, de curas, de zapateiros nin de xastres (Eliseo Alonso, 125).

Toparse cunha cobra é sinal de mala sorte (Leiro), pero soñar con cobras agoira diñeiro (Risco, 1962). Para protexerse das cobras é ben encomendarse a San Xurxo: cando se vea unha cómpre rezar: "San Xorxe me valla" (Risco 1962:344).

Remedios contra a picadura da cobra

Zanne di vipera
Detalle dos dentes dunha víbora

Se se lava a mordedela dunha cobra (ou doutro animal pezoñento) con auga na que estivera somerxida unha vacaloura, destrúese a pezoña e sanda a ferida (Rodrígez González).

Cando a un lle pica unha cobra hai que coller un seixo e frega-la ferida con el. Despois tírase o seixo nunha poza de auga, á que por forza irá bebe-la cobra, momento que se aproveita para matala, liberándose así un da posible morte (Curt). Outros remedios contra a picada dunha cobra son abrir un pito vivo e apegalo na ferida atado cun pano (Terra de Melide) ou meter un lagarto no peito, baixo a camisa, ou baixo a pucha (Lis Quibén).

Rodríguez González cita unha planta, cabeza de cobra ou de cóbrega (Aristolochia longa), eficaz contra a mordida da víbora. Disque a cabeza desta parece imita-la flor: maxia simpática.

Mariño Ferro recolle en Castro Caldelas (Ourense) o seguinte ensalmo para librarse dun mal de aire supostamente causado por unha cobra, mediante unha fórmula de expulsión por etapas: "Se es cobra/ ponte en roda,/ se es lagarto/ vaite ó buraco,/ se es sapo/ anda arrastro,/ se es araña/ vaite á baba". E estoutro en Redondela, tamén para protexerse dos malos aires: "Se é de mala muller, vaite para a mala muller,/ se é de sapo, vaite para o sapo,/ se é de cobra, vaite para a cobra".

Igualmente, cita que en Francia recitan esta fórmula para librarse da picada dunha cobra: "Mal, maldito mal, se ti estás na bile ou no fígado, salta á pel, da pel ó pelo e do pelo á terra".

A cobra na medicina tradicional

A carne de cobra non ten mal e é tida por comestible, pero case ninguén a come. Si que se lle quita proveito máxico e medicinal, non sendo a cabeza e a cola, que é, como se dixo, onde teñen o veleno. Os menciñeiros aproveitan a carne, o unto, o caldo e, sobre todo, a camisa ou muda.

Cobra Corpus Ponteareas 01-02
Camisa de cobra, usada na medicina tradicional galega.

A carne e o caldo de cocela son bos para a tose ferina, a tise, o reuma e a tose das vacas[3] (Risco, 1950). O caldo de cobra, tamén é bo para cura-la tiña, como o é o do rato (Rodríguez González). O caldo de cocer unha cobra -sen cabeza nin cola e sen a pel- utilízase para cura-lo tuétano, doenza que a fonte (Curt) non identifica e que describe como "una enfermedad muy mala, pues se queda uno tieso y paralítico, muriéndose el que la padece rabioso". O unto fritido aplícase en friccións contra o reuma (Lis Quibén).

A camisa ten tamén diferentes usos terapéuticos. Serve para cura-la dor de cabeza, para o que hai que colocala ó redor da cabeza suxeita cunha venda; tamén como remedio contra o mal de ollo.

Lamas Carvajal recolleu este remedio contra o tangaraño dos nenos (é dicir, o raquitismo) dentro dun dos seus poemas:

Tamén se fai caldo de coce-la camisa da cobra e, dado a beber á parturiente, considérase remedio infalible para bota-la placenta (Rodríguez González, Rodríguez López). Tamén serve para cura-la catarreira.

Risco recolleu tamén a crenza de que as cobras mudan a pel (camisa) unha vez ó ano e que o fan entre dúas, tirando unha da pel da outra pola cabeza.

Literatura oral

Léxico derivado

Polygonatum odoratum Nismes
Pendentes de cobra
  • Aguillón de cóbrega: herba miúda que bota en cada rama dúas vaiñiñas que asemellan a lingua dunha cobra.
  • Cabeza de cobra (herba bicha): Aristolochia paucinervis.
  • Cobra de cen pés: cempés.
  • Lingua viperina: persoa maledicente.
  • Pan de cobra/de cóbrega: cogomelo.
  • Pendentes de cobra (soldaconsolda ou selo de Salomón): Polygonatum odoratum.
  • Uvas de cobra (ou uvas de can): planta, Tamus communis.
  • Víbora: persoa mordaz, ruín.
  • Cobra de mar, cobra do mar (tamén miñoca de mar): denominación común a distintas especies de peixes serpentiformes, como Nerophis sp, Syngnathus sp (Mari Carmen Ríos Panise, 1977).

Locucións

  • A rastro coma as cobras: miserablemente, pobremente.
    • Tamén na forma De rasto coma as cobras, pasar moitas calamidades, ou como maldición: Arrastrado te vexas coma as cóbregas, ¡De rasto te vexas como as cobras!
  • Andar coma a cobra cando perde a pezoña: andar sen tino.
  • Asubiar coma unha cobra, bufar coma unha cobra.
  • Coma lobo no inverno e coma cobra no verán: mostrarse irritable e agresivo.
  • Domearse coma unha cobra
  • Estonarse coma unha cobra: caerlle a pel a alguén.
  • Querer sacar a cobra do burato coa man allea: pretender conseguir un proveito sen arriscar nada.
  • Vello coma a serpe: moi vello.

Refraneiro

  • Cobras en marzo, neve en abril [4].
  • Cobras en marzo, neves en abril.
  • Cóbregas en marzo, neve en abril.
  • Cóbregas en marzo, neves en abril [5].
  • Neve en abril, cobras en marzo [6].
  • Non está o avogado tomado sen ver a cobra no mesmo estado.
  • Polo San Pedro da Cuadrela sae a cóbrega de debaixo da pedra.
  • Por San Pedro da Cuadrela sal a cobra da pedra [7]

Cantigueiro

  • Auguiña do pozo clara / nada a cobra e bebe o peixe / ándame con lealtade / non temas a que eu te deixe.
  • Da túa porta prá miña/ hai un salto dunha cobra/ inda lle hei de chamar/ a túa nai, miña sogra.
  • Máis quero ter sete frebes/ e ser picada da cobra/ que ter a mala veciña/ axexando á miña porta.
  • Os do Palmeira son tolos/ que o dixeron os da Puebla,/ repinican as campanas/ para matar a colebra [8].
  • Por baixo da túa ventana/ paséase unha culebra;/ todos din que ten veneno,/ eso teno a túa lengoa! [9].
  • Trataches de me enganar/ con faliñas amorosas;/ malas vivras te comeran,/ daquelas das máis rabiosas [10].

Adiviñas

  • Anque non me piquen,/ eu hei de picar,/ como son filla do demo/ todos me han de matar.
  • Debaixo de pínguilli pínguilli/ estaba o dúrmilli dúrmilli/ e veu o cómilli cómilli/ comer ó a dúrmilli dúrmilli./ Caeu o pínguilli pínguilli/ despertou ó dúrmilli dúrmilli/ que matou ó cómilli cómilli/ que viña comer ó dúrmilli dúrmilli.[11]
  • Debaixo dun pínguele pínguele/ estando un dúrmele dúrmele/ ía un fúnguele fúnguele/ dereito a dúrmele dúrmele;/ caeu entón pínguele pínguele/ e, esperto dúrmele dúrmele,/ matou a fúnguele fúnguele.
  • Piquen que non piquen,/ eu hei de picar,/ que son filla do demo/ e algunha costela hei herdar.
  • Taba durme durme,/ debaixo de pende pende./ Veu bule bule/ e despertou a durme durme./ Cae pende pende/ e matou a bule bule.
  • Unha dama no seu prado,/ co seu vestido bordado;/ nin tallado, nin aliñavado;/ quen a ve fica asustado.
  • Unha rica dama/ con belo vestido;/ non é tallado,/ nin é cosido.
  • Unha señora deitada nun prado,/ vestida de pano labrado;/ nin era pano, nin era seda,/ e, o que a ve, pasmado se queda.

En tódolos casos, a solución é a cobra.

Lendas

Cruceiro de Mourente detalle
A cobra, como tentación, e a caveira, como morte, no cruceiro de Mourente (Pontevedra)

Da lembranza da tentación de Eva por unha cobra, tal como se narra na Xénese, vénlle a fama que lle dá a tradición cristiá de ser un animal maligno, personificación do pecado cando non do mesmo demo. Unha vez que Adán e Eva comeran da mazá, desobedecendo a Deus, este castigounos botándoos fóra do Paraíso. Con eles, maldixo á serpe:

Non obstante, Bouza Brey recolleu en Galicia [13] a crenza popular de que a cobra é amiga das mulleres e inimiga dos homes, mentres que o lagarto é amigo dos homes e inimigo das mulleres. Tamén o recolle Risco, que conta que houbo quen se deitou no campo a durmir e acordou cunha cobra entrándolle pola boca, ou vacas ás que se lle meteu dentro unha cobra e acabaron morrendo cando esta lles roeu as entrañas. Mandianes Castro recólleo nos Blancos (Ourense), onde din que as cobras se meten na xente pola boca e que, se son homes, os matan, ou, se son mulleres, as empreñan.

En Gondomil (Ponteceso) hai unha pedra coñecida como o Altar da Pedra da Serpe (ou Altar de Gondomil). Ten gravada a serpe que, segundo a lenda, apareceu cando san Adrián, querendo libra-la zona das moitas serpes que alí había, deu un forte golpe no chan co pé e fixo que tódalas serpes desapareceran, quedando encantadas debaixo da pedra (Eladio Rodríguez González, s. v. altar).

Tamén no Castro de Penalba (Campo Lameiro) hai un petróglifo chamado a Pedra da Serpe. Alí han de ir na noite de San Xoán os matrimonios que queren ter un fillo e face-lo amor contra a pedra. A maiores deben deixar ó pé dela unha cunca de leite, suponse que para que o beba a cobra.

Notas

  1. A crenza de que os galos vellos chegaban a poñer ovos estivo moi estendida, e o propio Xerónimo Feijoo admitía tal cousa aínda que negara que de aí saíse un basilisco: "Es verdad que el gallo en su última vejez pone un huevo; pero falso que este huevo sea de tan malas consecuencias ..." (Theatro Crítico Universal. Discursos varios en todo género de materias para desengaño de errores comunes. Madrid, 1741. Tomo II. Px. 37-38).
  2. Rodríguez González, Rodríguez López, Curt, Prieto, Mandianes. Crenzas semellantes existen en Portugal: "Da amizade da cobra pela mulher vem talvez a crença de que as cobras gostam de leite e mamam nas vacas e nas mulheres", e Risco engade que tamén o escoitou en Barcelona.
  3. Denominación popular da tuberculose bovina.
  4. Real Academia Gallega 1913, s. v. abril.
  5. Eladio Rodríguez González, s. v. marzo.
  6. Eladio Rodríguez González, s. v. abril.
  7. San Pedro da Cuadrela refírese á Cátedra de san Pedro, que se celebra o 22 de febreiro. Por esas datas, quizais máis tarde, aa cobras saen do seu período de hibernación e comezan a asomar ó exterior.
  8. Fermín Bouza-Brey 1929, 171. En nota explica a orixe desta cantiga, tomada de Os oestrimnios..., de Cuevillas.
  9. Xaquín Lorenzo Fernández, 134.
  10. Xaquín Lorenzo Fernández, 156.
  11. É un home que estaba a durmir debaixo dun piñeiro e dunha cobra que ía picarlle, pero nese momento caeu unha piña que despertou ó home, que matou á cobra.
  12. http://www.abibliagalega.com/pentateuco/xenese/capitulos-1-5/
  13. En Melide, Velle, A Gudiña e Muros, pero tamén en Toledo e distintos lugares de Portugal.

Véxase tamén

Bibliografía

  • ALONSO, Eliseo: “Mariñeiros das gamelas”, en Coloquio de etnografía marítima, cap. 9. Museo do Pobo Galego 1988, 115-128.
  • ÁLVAREZ GIMÉNEZ, Emilio: Refranero agrícola y metereológico [sic] gallego. Pontevedra, 1904.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • Fermín Bouza Brey: "El lagarto en el folklore gallego-portugués", en Etnografía y folklore de Galicia I. Xerais, Vigo 1982.
  • CURT MARTÍNEZ, J.: Galicia viva: la fauna gallega y algo más.
  • LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986.
  • FRAGUAS FRAGUAS, A.: La Galicia insólita. Tradiciones gallegas. Cuadernos do Seminario de Sargadelos, 51. Ed. do Castro, Sada 1990.
  • LIS QUIBÉN, Víctor: La medicina popular en Galicia. Ed. Akal, Pontevedra, 1980 (1ª ed. 1949).
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: La medicina popular interpretada. Xerais, Vigo 1985.
  • MANDIANES CASTRO, Manuel: Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega. Galaxia, Vigo 1984.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home. Ed. do autor, Lugo 1977.
  • NORIEGA VARELA, Antonio: Montañesas (2ª ed.). Mondoñedo, 1910.
  • PRIETO RODRÍGUEZ, Laureano: "Notas etnográficas sobre animales domésticos y salvajes de La Gudiña (Orense)", en Douro-Litoral 3ª serie, V, 1949.
  • REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
  • RÍOS PANISSE, M. do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces, Verba anexo 7, Universidade de Santiago 1977.
  • RISCO, Vicente: "Creencias gallegas: Tradiciones referentes a algunos animales", en Douro Litoral, 3ª s., VIII, 163-188, 1950.
  • RISCO, Vicente: "Etnografía: cultura espritual", en Historia de Galiza (dirixida por Ramón Otero Pedrayo), Vol I. Editorial Nós, Buenos Aires 1962, 255-777. Reedición Akal, Madrid 1979.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974 (1ª ed. 1895).
  • VARIOS: Terra de Melide. Seminario de Estudos Galegos, Compostela 1933.

Outros artigos

Cobras

As cobras son réptiles carnívoros poiquilotérmicos, é dicir, de sangue frío, e sen patas pertencentes á suborde Serpentes. Pódense distinguir dos lagartos sen patas pola súa falta de pálpebras e oídos externos. Como tódolos escamados, as cobras son vertebrados ectotermos e Amniotas cubertos por escamas. Moitas especies de cobras teñen cranios con máis xuntas que os seus predecesores lagartos, o que lles permite inxerir presas meirandes que a súa testa grazas ás mandíbulas móbiles. Para acomodar os seus estreitos corpos, os órganos pares das cobras (como os riles) están situados un despois do outro, no canto de estar ó carón, e a maioría só ten un pulmón funcional. Alguhas especies conservan a pelve e un par de poutas vestixiais a ámbolos lados da cloaca.

As cobras atópanse en tódolos continentes agás na Antártida, os Océanos Pacífico e Índico, algunhas illas grandes, coma Irlanda e Nova Zelandia, e nas pequenas illas do Atlántico e o Pacífico central. Actualmente recoñécense unhas 20 familias de cobras, arredor de 500 xéneros e unhas 3.400 especies. En canto ó seu tamaño, abrangue dende a máis pequena Leptotyphlops carlae de 10 cm ata o pitón reticulado de 8,7m de longo. A especie fósil Titanoboa cerrejonensis medía 15 metros. Pénsase que as cobras evolucionaron dos lagartos acuáticos durante o período Cretáceo, e o fósil máis antigo atopado ten 112 millóns de anos. A diversidade das cobras modernas produciuse durante Paleoceno (c 66 a 56 millóns de anos). A descrición de cobra preservada máis antiga é o Papiro de Brooklyn.

A maioría das especies non son velenosas, e as que teñen veleno úsano principalmente para matar e subxugar ás presas e non para autodefensa. Algunhas posúen un veleno potente abondo para causar lesións ou morte para os seres humanos. As non velenosas engolen a presa viva ou mátana por constrición.

A atracción polas cobras coñécese como ofiofilia, a repulsión ofiofobia. O estudo dos réptiles chámase herpetoloxía (da palabra grega usada para serpente).

Galería de imaxes da etnografía de Galicia

Galería de imaxes da etnografía de Galicia.

Mitos e lendas galegas sobre os anfibios e os réptiles

Poucos animais están tan ligados ao folclore e máis á mitoloxía popular coma os anfibios e os réptiles. Galicia é unha terra onde aínda a compoñente máxica ten un peso importante na tradición oral e na cultura rural. Neste sentido, os herpetos conforman un papel moi importante no patrimonio folclórico. En contraste con moitas mitoloxías asiáticas, onde certos réptiles, como tartarugas e crocodilos, son considerados benignos, na tradición xudía-cristiá adoitan teren un papel maligno e negativo, moi especialmente as cobras. En Galicia, por tanto, todos os herpetos son considerados malignos e, ademais, velenosos.

Vipera berus

Vipera berus, a víbora europea común, é unha especie de víbora, serpe velenosa que está moi estendida xeograficamene e pode encontrarse pola maior parte de Europa occidental e desde alí chega ao leste de Asia. Antes considerábase que en Galicia vivía unha subespecie de V. berus, pero posteriormente a esa subespecie se lle deu o status de especie, co nome Vipera seoanei ou víbora de Seoane (antes subespecie Vipera berus seoanei). As víboras comúns V. berus son moi coñecidas e forman parte do folclore de moitos países. Aínda sendo velenosas non se consideran especialmente perigosas; esta víbora non é agresiva e xeralmente só morde cando a asustan ou molestan. As súas trabadas poden ser moi dolorosas, pero raramente mortais. O nome específico, berus, é unha palabra neolatina que foi usada anteriormente para referirse a unha serpe, posiblemente a Natrix natrix (cobra de colar).A víbora común encóntrase en distintos terreos, e a complexidade de hábitats é esencial en diferentes aspectos do seu comportamento. Aliméntase de pequenos mamíferos, aves, lagartos e anfibios, e nalgúns casos de arañas, vermes e insectos. Esta víbora, como a maioría das outras víboras, é ovovivípara. As femias crían unha vez cada dous ou tres anos, e as crías xeralmente nacen desde o final do verán ao inicio do outono no hemisferio norte. As camadas varían de 3 a 20 crías e os individuos novos permanecen coas súas nais uns poucos días. Os adultos crecen ata unha lonxitude total de 60 a 90 cm (incluíndo a cola) e unha masa de 50 a 180 g. Actualmente recoñécense tres subespecies, incluíndo a subespecie nomeada, Vipera berus berus descrita aquí. A especie non se considera ameazada, aínda que está protexida nalgúns países.

Víbora de Seoane

A víbora de Seoane ou víbora común (Vipera seoanei) é unha especie de réptil da orde dos escuamados e familia dos vipéridos.

Etnografía galega
Meses do ano
Cores
Animais
Alimentos
Vexetais
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.