A abella na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada que deixou a abella na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Xunto á información referida á abella propiamente dita, recóllese tamén a que fala do trobo, o mel e a cera.

Abella libando na flor do toxo, Teo, Galiza
Abella libando na flor do toxo, Teo

Crenzas e supersticións

Cando sae un enxamio da colmea, ségueno cunha saba dicindo: Pousa, mestra; pousa, mestra.

A abella é símbolo da actividade e do traballo, e ademais crese que as almas dos mortos volven á terra en forma de abellas. Por todo isto non se as pode matar, xa que O que mata unha abella ten cen anos de pena. Pola contra, dise que as meigas convértense en abellóns cando veñen facer dano, e de aí o refrán O que mata un abellón, ten cen anos de perdón.

Para curar a retención de urina debe facerse o seguinte: torrar unha ducia de abellas ou máis, nunha tella, e recoller o pó resultante, que logo se dá a beber disolto en viño [1].

A inflamación que producen as picaduras das abellas evítase se se aplica no punto da picada inmediatamente unha moeda de cobre.

Para cura-las mazaduras frégase na zona cunha mestura de auga, mel e barro.

Para cura-lo tirizó empréganse emplastos de mel e lévedo de pan para acelera-la maduración do absceso, ou follas de ameneiro colocando o haz sobre o tirizó.

Para determina-la orixe dun mal de aire (sexa de gata, de galiña, de muller etc.), en Boiro (A Coruña) poñen a cocer borras de mel en nove litros de auga e durante nove días lavan diariamente ó meniño enfermo nesta auga, desde os pés á cabeza. A auga utilizada vaise recollendo e ó cabo dos nove días bótase nunha encrucillada dun camiño sacramental, e na auga aparecerán os pelos ou plumas do animal causante do mal.

En Cambados, para cura-lo mal do aire, fan pasar ó enfermo debaixo dun enxamio de abellas, ou ben colócano debaixo dunha campá que estea tocando a oración.

Conta a lenda que unha vez ía san Pedro con Xesucristo e atoparon un enxamio de abellas. Xesús díxolle que o collera debaixo do brazo e san Pedro así o fixo. Ó pouco picouno unha abella e san Pedro, loxicamente, apretou o brazo e matounas todas. E Xesucristo reprendeulle dicindo que por qué se queixara porque El destruíra unha cidade por dez habitantes pecadores cando agora por unha abella que o picara a el matou as outras todas. A lección do conto é que hai que previr que nunha colectividade xurda un mal individuo, pois por el poden pagar tódolos demais.

Léxico relacionado

Ophrys apifera (flower)
Ophrys apifera, herba da abella
  • Abella: parte inferior do eixo do muíño, tamén denominada ran.
  • Abelleira ou herba abella: melisa (Melissa officinalis L.), coñecida herba aromática e de uso medicinal.
  • Abelloar: encirrar a alguén, importunalo.
  • Abelloarse: encherse de coas un alimento, apodrecer unha árbore.
  • Abelloso: animal inquedo, espantadizo.
  • Abelludo: vivo, esperto
  • herba da abella: nome de diversas plantas (Ophrys apifera Hudson e Orchis mascula L.).
  • Lúa de mel: viaxe de noivos despois de casar ou tempo inmediatamente posterior ó casamento.
  • Mel de cuco: planta cuxa flor lamben os meniños pola substancia doce, como mel, que acumula.
  • Mel de cuco: zume extravasado e coagulado no tronco de cerdeiras, ameixeiras e pexegueiros [2].
  • Orballo de mel: gotas de orballo nas follas dos carballos.
  • Patela de mel: clase de cogomelo.
  • Paxaro abelleiro: abellaruco (Merops apiaster).

Locucións

Wolf pack in Yellowstone NP
En liña de abella
Redhead close up
Roiba coma o mel
  • Acodir coma as abellas ó mel.
  • Achegarse ós mellores como as abellas ás flores.
  • Caír coma a sopa no mel: oportuno, a tempo.
  • Celme coma o mel.
  • Como feito de cera: dise dunha persoa dócil, ou dunha cousa xeitada ó fin que se persegue [3].
  • Como un cereiro: sucio.
  • Deixar a un co mel nos beizos: sacarlle o que empezaba a gozar [4].
  • Doce coma a fava do mel.
  • En liña de abella: en liña recta.
  • Facerse de mel: ser un brando, aceptar o que sexa [4].
  • Máis amarelo que a cera: dise da persoa pálida, enfermiza [3].
  • Máis branco que a cera (Ó escoita-la noticia, púxose máis branco que a cera)[3].
  • Máis brando que a cera: fácil de conformar, acomodaticio.
  • Máis doce có cu das abellas.
  • Marelo coma a cera.
  • Non haber máis cera que a que arde.
  • Non ser mel nin fel: dise dunha persoa que, sen ser boa, tampouco se lle pode cualificar de mala [4].
  • Pálido como a cera ('A pobre Taresa, pálida, pálida como a cera, estaba escoitando como esbochaba súa nai).
  • Pasarlle a un o mel polos beizos: poñerlle a alguén a boca auga [4].
  • Roiba coma o mel (Tiña … unha cabeleira longa, roiba como a mel, que lle chegaba hasta os pés).
  • Ser coma unha cera: ser moi brando, moi dócil, ser bo de máis [3].
  • Ser como se a fixesen de cera: dise dunha muller fermosa.
  • Ser de mel: ser brando de máis (unha persoa) [4].
  • Ser unha cera: ver ser coma unha cera.

Refraneiro

Artigo principal: Refraneiro galego da abella.
Tachina fly Gonia capitata feeding honey
Ó que se fai mel cómeno as moscas
  • A abella e a ovella en abril deixan a pelexa.
  • A abellariza e o coello, no monte vello.
  • A cera sobexa queima a igrexa.
  • A chuvia no mes de agosto non é chuvia, que é mel e mosto.
  • A ovella e a abella no maio deixan a pelexa.
  • A ovella e a abella polo abril deixan a pelexa.

Cantigueiro

  • Amiguiñas de Miguel,/ todas cargadiñas de mel,/ e de mal e de maduro,/ revírase don Grigorio del Curro.
  • As costureiras de agora / foron feitas ó sisel, / son amiguiñas dos homes / coma as abellas do mel [5].
  • Cásate cunha morena/ que son pombiñas sen fel;/ ten o curazón de ouro/ i os labios saben a mel [6].
  • Eu pedinlle o Maio / a un coronel, / non me tuvo qué dar / mais que un pucheiro de mel.
  • Manoel, Manoeliño,/ Manoel feito de cera:/ quen me dera ser o lume/ que a Manoel derretera.
  • Manuel, caga mel, / I as abellas c... para el / A gata c... nata / i o Manuel todo lapa.
  • Meu Manoel, meu Manoeliño,/ meu Manoel feito de cera,/ quen me dera ser o lume/ que ó meu Manoel derretera [7][8].
  • Miña comadre Pelonia, / veño a que me preste un pan. / Meu compadre escaravello, / ¿logo que fixo no vran?
  • Ninguién se fíe dos homes/ nin de todo o seu afán,/ que teñen o mel na boca/ e no peito o solimán [9].
  • Non me teñas compasión, / sarna con gusto non pica / nin hai mel sin aguillón.
  • O pai que ten unha filla/ pensa que ten un reinado:/ ten un cortizo de abellas/ que por baixo está minado [10].
  • Señora María/ e señor Manoel,/ castañas asadas/ e viño con mel.

Adiviñas

Bee Collecting Pollen 2004-08-14
...a abella
  • Agora vou cantar / partindo dos meus amores, / dígame: ¿que é un pastel / tirado de varias flores? (O mel)
  • Alta como o sino, / verde como os limóns, / doce como o mel / amarga como o fel. (A noz)
  • Alta como o sino, / verdega como o liño; / é doce como o mel / e amarga como o fel. (A noz)
  • Alta como pino, / verde como liño, / amarga como fel / e sabe como mel. (A noz)
  • Alto coturiño / verde como o liño, / sabe como o mel / e amarga como o fel. (A noz)
  • Branco como papel, / doce como mel / amargo como fel. (O coco)
  • ¿Cal é o animal que voa,/ sen tripas nin corazón,/ que dá lucenza ós mortos/ e ós vivos consolación. (A abella, que produce cera e mel)
  • Cousiña cousa, / pena por baixo, / pena por riba / e un tesouro / na barriga. (O trobo)
  • Dígame xa o rapaciño, / que xa estudiou xeografía, / ¿cal é a ave que sen peitos cría, / alimenta os vivos/ e ós mortos alumía? (A abella)
  • Do tamaño dunha abella, / enche a casa ata a tella. (A luz)
  • Estudiante que estudás / nos libros de filosofía, / decidme: ¿cal é o insecto / que non ten peitos e cría, / que ós vivos dá alento / e ós mortos alegría? (A abella)
  • Estudiante que estudiaste/ gramática e teoloxía./ ¿Cal é a ave/ que non ten peitos e cría;/ para os vivos dá sustancia/ e para os mortos alegría? (A abella)
  • Moitas monxas nun convento, visitan as flores e fan doces dentro. (As abellas)
  • ¿Que cousa é cousa / que bate co tras na lousa? (A abella)
  • Un convento pechado, / sen toques nin campás / e moitas monxas dentro / facendo pastel de natas. (O trobo)

Notas

  1. Juan Sobreira Salgado: Papeletas.
  2. Aníbal Otero Álvarez (1977).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Eladio Rodríguez González, s. v. cera.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Eladio Rodríguez González, s. v. mel.
  5. Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No orixinal: d’agora, com’as.
  6. Xaquín Lorenzo Fernández, 60.
  7. Fermín Bouza Brey 1929, 160.
  8. Xaquín Lorenzo Fernández, 97. No orixinal: selo. Ser feito de cera significa ser moi bo.
  9. Xaquín Lorenzo Fernández, 107. O solimán, ou sublimado, é a substancia que resulta da combinación de cloro e mercurio, moi velenosa e empregada en medicina como desinfectante.
  10. Xaquín Lorenzo Fernández, 122.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Abella

As abellas son insectos himenópteros da familia dos ápidos, voadores, sociais, emparentados coas avespas e as formigas. As abellas xogan un papel importante no proceso de polinización, e son produtoras do mel e cera. As abellas son unha liñaxe monofilética dentro da superfamilia Apoidea, e actualmente están clasificadas baixo o nome taxonómico Anthophila (un clado). Existen preto de 20.000 especies coñecidas clasificadas en diferentes familias, aínda que moitas especies están aínda sen describir e o seu número é probablemente maior. Poden ser atopas en tódolos continentes, agás na Antártica, é dicir en calquera hábitat do planeta que teña plantas con flor que poidan ser polinizadas por insectos.

As abellas están adaptadas para alimentárense do néctar e do pole, o primeiro como principal fonte de enerxía e o segundo para obter proteínas e outros nutrientes. O pole tamén é usado como comida para as larvas.

Teñen unha longa probóscide (unha sorte de "lingua") que lles permite obter o néctar das flores. Tamén teñen antenas compostas de 13 segmentos nos machos e 12 nas femias, así como dous pares de ás, sendo o par posterior o máis pequeno dos dous. Nunhas poucas especies, un dos sexos ou castes ten as ás relativamente máis curtas que lle fan que voar sexa dificultoso ou imposible, pero todas as especies as teñen.

A especie coñecida máis pequena é a Trigona minima, unha abella sen aguillón cuxas obreiras miden 2.1 mm de longo. A meirande é a Megachile pluto, cuxas femias poden acadar unha lonxitude de 39 mm. Os membros da familia Halictidae son as abellas máis comúns do Hemisferio norte, aínda que son pequenas e moitas veces son confundidas con avésporas ou moscas.

A especie máis coñecida é abella do mel, que como suxire o seu nome, produce mel, ó igual que outros tipos de abellas. A xestión humana desta especie é coñecida como apicultura.

Danza do abellón

Co nome de danza do abellón denomínase un antigo rito funerario no que tódolos familiares e asistentes ó velorio dun cadáver, formando roda collidos da man, daban voltas ó redor do corpo imitando o zunido dun abellón. Este ritual foi recollido por Alfredo Brañas a raíz dun velorio no que el mesmo participou en Vilanova de Arousa (Pontevedra) e constitúe un dos casos máis particulares das prácticas tradicionais galegas relacionados coa morte.

Críase que se algún dos participantes falaba ou interrompía o baile por calquera causa, sería o primeiro dos presentes en morrer.

Galería de imaxes da etnografía de Galicia

Galería de imaxes da etnografía de Galicia.

Refraneiro galego da abella

A abella i a ovella en abril deixan a pelexa .

A abellariza e o coello, no monte vello.

A auga enriba de mel sabe mal e fai ben .

A cera sobexa queima a igrexa

A chuvia no mes de agosto, non é chuvia que é mel e mosto .

A ovella e a abella no maio deixan a pelexa.

A ovella e a abella polo abril deixan a pelexa.

A quen Dios quer ben, caille a sopa no mel.

A quen se fai de mel, cómeno as moscas.

Abella e ovella, e pedra que trebella.

Abellas revoltas, tempestades ás voltas .

Aceite, no alto; viño, no medio; mel, no baixo.

Aceite, o de enriba; viño, o do medio; mel, o do fondo.

Ano de abellas, ano de ovellas.

Ano de enxames, ano de fames .

Ano de ovellas, ano de abellas .

A quen con mel trata, algo se lle pega .

A todos lle gusta o mel, e a min tamén .

Abella e ovella, e pedra que trebella .

Abellas revoltas, tempestades ás voltas .

Ano de enxames, ano de fames .

As abellas da Madalena, Dios as trai e Dios as leva .

As moscas no verau comen o mel e comen o gando.

Ás solteiras mel, ás casadas fel.

Ata despois da vendimia non cáte-la entena.

Ata lavar os galleiros non cáte-lo teu abelleiro.

Ata pasada a vendimia non digas: “¡Eite a mel miña!”.

Auga de agosto, azafrán, mel e mosto.

Auga de agosto dá mel e mosto .

Auga de agosto, mel e mosto .

Auga en agosto, azafrán, mel e mosto .

Cando chove en agosto, chove mel e mosto.

Cando chove por agosto, chove mel e mosto .

Cando é moita a cera na igrexa está o abade de festa .

Canto máis doce é o mel, máis zugan as abellas nel .

Chuvia polo agosto é mel e mosto .

Con mel cóllense as moscas .

De Dios vén o ben e das abellas o mel.

Debaixo de mel hai moitas veces fel .

Despois das uvas e mel sabe mal o viño, pero fai ben.

En abellas e en ovellas nunca metas o que teñas.

En abril morre a fraca; a colmea, non a vaca .

En agosto chove mel e mosto.

En pombas e en abellas nunca metas o que teñas.

En xaneiro xa a abella pon os pés no salgueiro.

Enxame de maio vale un bo cabalo .

Enxame probe, no inverno nace e no maio morre .

Enxame probe, se do inverno sale no maio morre .

Enxamio pobre, se do inverno sae, en maio morre.

Esta nosa filla non dá tino a naide; nin é mel, nin fel, nin vinagre .

Facédevos mel, e comeranvos as moscas .

Máis moscas se pillan con mel ca con fel.

Máis moscas xunta covo de mel que ola de vinagre .

Máis moscas xunta entena de mel que ola de vinagre.

Máis val pan con mel que pan sin el

Marzo marzán, cara de can; a mediodía enxamea a colmea e a noite morre a abella .

Marzo, marzán, pola maña cara de can, a medio día zoa a abella e á noite mata a vella.

Miguel, Miguel, non tes abellas e mais vendes mel .

Moscas comen o mel i o gando.

Non é o mel pra boca do burro .

Non está feito o mel prá boca do burro.

Non hai máis cera ca que arde.

Non hai mel sin fel .

Non se fixo o mel pró fuciño do porco .

Non sea tanta a cera que prenda lume .

O enxame de abril, pra min; o de maio, pra meu amo, i o de San Xoán, pro can .

Ó porco teixo non o quer San Antón porque arrouba a cera de alumear ó Señor.

Ó que ha de morrer ás escuras non lle importa ser cereiro.

O que mata unha abella ten cen anos de pena .

O que mata unha abella, ten cen anos de pena; o que mate un abellón ten cen anos de perdón.

O que rico quer ser, catro cousas ha de ter: cabras, ovellas, abellas e muíño onde moer.

O que rico quer ser, istas cousas ha de ter: cabras, ovellas, abellas e muíño onde moer.

Ó que se fai mel cómeno as moscas.

Ó que se volve mel, cómeno as moscas .

O que ten moito mel, cómeo con pan, cómeo sin el, ou cómeo como quer .

O viño con mel sabe mal e fai ben .

Ofrece-lo pez, que a cera vai cara.

Os recíos de agosto son mel e mosto .

Ovella e abella, e pedra que trebella, e péndola tras da orella, cobizaba pró seu fillo a vella.

Ovella vella e enxamio probe, no maio morre.

Ovella, abella, pedra que trebella e péndola tras da orella, cobizaba para o seu fillo a vella.

Ovella, abella, pedra que trebella, partes na igrexa e péndola tras da orella, deseaba para o seu fillo a vella.

Ovellas e abellas nas túas devesas e non nas alleas.

Ovellas, abellas e lentellas, todas son consellas.

Polo San Miguel están as uvas o mesmo que mel .

Polo San Miguel sabe o touciño a mel .

Prá boca do burro non se fixo o mel.

Quen anda co mel chúpase os dedos .

Quen anda co mel sempre se lle apega algo del .

Quen con mel trata, ben sabe o que é doce .

Quen rico ser queira, estas cousas ha de ter: ovella e abella e a pedra que terbella, egua parideira e muller goberneira.

Quen se fai de mel, cómeno as moscas .

Quen todo é mel, cómeno as abellas .

San Pedro por unha abella matounas todas.

Sancristán que vende cera e non ten colmea, que o digan as velas da eirexa.

Se queres mel, por San Miguel.

Se queres ter abellas mira por elas nas Candeas, e se queres ter mel mira polo san Miguel

Se queres ter abellas míraas polas Candeas, e se queres ter mel míraas polo san Miguel .

Se te morde a donicela, busca viño e busca vela, que mañán che darán terra

Se te roi un alacrán, busca a cera e mais o pan, e se te roi a adelouciña, búscaos aínda máis axiña.

Se tivéra-la túa casa a arder, a túa muller a morrer, e no teu cu un abelleiro, ¿a quen acodirías primeiro?

Todos ó mel e todos ó fel .

Unha mala abella revolve un cobo .

Unha mala abella revolve unha colmea .

Unha mestra pra moitas abellas e un pastor pra moitas ovellas .

Unto de porco e mel das abellas fervidos en viño e ... ¡fóra catarreira!

Vinagre e mel saben mal e fan ben .

Etnografía galega
Meses do ano
Cores
Animais
Alimentos
Vexetais
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.