Óxido de aluminio

A alúmina ou óxido de aluminio é unha substancia obtida da bauxita e utilizada principalmnete para a obtención de aluminio, aínda que polo seu carácter abrasivo úsase tamén para puír.

Aluminium oxide
Óxido de alumínio

Obtención

A alúmina é o compoñente principal da bauxita, o principal mineral de aluminio. Os maiores fabricantes de alumina son Alcoa, Alcan e Rusal. A bauxita está constituída por Al2O3, Fe2O3, e SiO2. Estes compostos purifícanse no proceso Bayer:

Al2O3 + 3H2O + 2NaOH + calor → 2NaAl(OH)4

O Fe2O3 non é solúbel. O SiO2 disólvese como silicato Si(OH)62-. Após filtrado, o Fe2O3 retírase. Cando o líquido de Bayer arrefría, o Al(OH)3 precipita. O silicato continúa disolto. Entón:

2Al(OH)3 + calor → Al2O3 + 3H2O

O Al2O3 obtido é a alúmina.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Aluminio

O aluminio é o elemento químico, de símbolo Al e número atómico 13. Co 8,13 % é o elemento metálico máis abundante na codia terrestre. O aluminio é demasiado reactivo quimicamente como para que apareza só, polo que se atopa combinado na natureza cuns 270 minerais distintos.

A súa lixeireza, condutividade eléctrica, resistencia á corrosión e baixo punto fusión convérteno nun material idóneo para multitude de aplicacións, especialmente en aeronáutica. Así a todo, a elevada cantidade de enerxía necesaria para a súa obtención dificulta a súa maior utilización; dificultade que pode compensarse polo seu baixo custo de reciclado, a súa dilatada vida útil e a estabilidade do seu prezo.

Alumizine

Alumizine é o nome dun propelente feito a base dunha mestura ao 43% de po de aluminio suspendido en hidracina cun axente xelificante co fin de aumenta-la temperatura de combustión debido á alta entalpía de formación do óxido de aluminio como produto da combustión. O seu uso foi proposto para foguetes a finais dos anos 1960, pero nunca chegou a ser usado en voos reais, tan só en probas en terra. As razóns para elo foron as dificultades para desenvolver válvulas que poidan manexar sen fugas a mestura xelificada e a posible perda de rendemento ao tratarse dun propelente con dúas fases.

Cesio

O cesio é un elemento químico de símbolo Cs e número atómico 55. É un metal alcalino brando de cor prateada-dourada, cun punto de fusión de 28,44 °C (301,59 K), un dos únicos cinco metais elementais que se poden atopar en estado líquido a temperatura ambiente. As súas propiedades físicas e químicas aseméllanse ás do rubidio e ás do potasio. É extremadamente reactivo e pirofórico, reaccionando coa auga a temperaturas de ata −116 °C (157 K). É o elemento químico menos electronegativo e só ten un isótopo estable, o cesio-133. Obtense principalmente da extracción do mineral polucita, mentres que os seus radioisótopos, en especial o cesio-137 que é un produto de fisión, obtéñense dos residuos producidos polos reactores nucleares.

Foi descuberto no ano 1860 polos científicos alemáns Robert Bunsen e Gustav Kirchhoff mediante o método de análise espectral. O seu nome procede do latín caesius, que significa "azul ceo". As primeiras aplicacións a pequena escala deste elemento foron en tubos de baleiro e células fotoeléctricas. En 1967, baseándose na definición da velocidade da luz de Einstein como a dimensión máis constante do universo, o Sistema Internacional de Unidades illou dúas emisións de ondas específicas do espectro do cesio-133 para definir as medidas do segundo e do metro. Dende entón o cesio foi empregado habitualmente en reloxos atómicos de alta precisión.

Dende os anos 1990 a súa principal aplicación foi en forma de formiato de cesio para fluídos de perforación, pero tamén se emprega o elemento en aplicacións eléctricas, electrónicas e químicas. O isótopo radioactivo cesio-137 ten unha vida media duns 30 anos e úsase en aplicacións médicas, industriais e hidrolóxicas. O elemento presenta unha toxicidade media e considérase un metal perigoso, e os seus radioisótopos supoñen un risco para a saúde cando se liberan no ambiente.

Condensador

Un condensador é un compoñente electrónico pasivo que consiste nun par de condutores separados por un dieléctrico (illante) o polo baleiro. Cando existe unha diferenza de potencial (voltaxe) entre os condutores, créase un campo eléctrico estático no dieléctrico que almacena enerxía e produce unha forza mecánica entre os condutores. Un condensador ideal caracterízase por un único valor constante, capacitancia, medido en faradios. Este é o ratio da carga eléctrica en cada condutor da diferenza de potencial entre eles.

Os condensadores son moi usados en circuítos electrónicos para bloquearen a corrente continua mentres permiten pasar corrente alterna, en redes de filtrado, para suavizaren a saída das fontes de alimentación, nos circuítos resoadores que axustan os radiotransmisores a frecuencias particulares e para outros moitos propósitos.

O efecto é maior cando hai unha separación estreita entre grandes áreas do condutor, de aí que aos condutores do condensador se lles adoite chamar "placas", en referencia a un antigo método de construción. Na práctica, o dieléctrico entre as placas deixa pasar unha pequena cantidade de corrente de fuga e ten un límite de forza no campo eléctrico, o que resulta nunha voltaxe de ruptura, mentres que os condutores e as patillas introducen unha indutancia e unha resistencia non desexadas.

Economía de Taxiquistán

Taxiquistán ten un dos máis baixos PIB per cápita entre os ex-membros da Unión Soviética. Debido a escaseza de empregos no país, case a metade da súa forza de traballo vive no exterior.

Elementos do grupo 12

O grupo 12, segundo a numeración recomendada pola IUPAC, é un grupo de elementos químicos da táboa periódica que inclúe o cinc (Zn), o cadmio (Cd) e mailo mercurio (Hg). Varios experimentos sobre átomos individuais de copernicio (Cn) apoian a inclusión deste elemento tamén no grupo 12. Segundo o sistema de numeración antigo, tanto da IUPAC coma do CAS, este grupo coñecíase como IIB.

Tanto o cinc coma o cadmio e o mercurio están presentes na natureza e teñen aplicacións moi variadas nos eidos da electricidade e a electrónica, así como para a formación de aliaxes. Os dous primeiros, metais sólidos en condicións normais, teñen propiedades moi semellantes. O mercurio, pola súa banda, é o único metal líquido a temperatura ambiente. O cinc ten unha grande importancia na bioquímica dos seres vivos, pero o cadmio e o mercurio son altamente tóxicos. Canto ao copernicio, dado que non existe de xeito natural, debe sintetizarse no laboratorio.

Etileno

O etileno ou eteno (nome da IUPAC) é un hidrocarburo do grupo dos alquenos coa fórmula C2H4 ou H2C=CH2. É un gas incoloro inflamable cun feble cheiro "doce e almiscrado" cando é puro. É o alqueno máis simple (hidrocarburo con dobre enlace carbono-carbono), e o segundo hidrocarburo insaturado máis simple despois do acetileno (C2H2).

O etileno é moi utilizado na industria química, e a súa produción mudial, que ascendeu a uns 109 millóns de toneladas en 2006, supera a de calquera outro composto orgánico. O etileno é tamén unha importante hormona vexetal, utilizada en agricultura para forzar a maduración os froitos.

Hidróxido de aluminio

O hidróxido de aluminio, Al (OH) 3, é a forma máis estable do aluminio en condicións normais. Na natureza constitúe o mineral chamado gibbsita.

Relacionados co hidróxido de aluminio están o hidróxido óxido de aluminio, AlO (OH), e o óxido de aluminio, Al2O3, que se diferencia só pola perda de auga. Estes compostos xuntos son os compoñentes principais do mineral chamado bauxita.

O carácter do “hidróxido de aluminio” foi polémico. É seguro dicir que a representación polos ións Al3+ e OH- está sobresimplificada. Formas máis ou menos hidratadas son moi frecuentes. Algunhas persoas escriben Al2O3. x H2O en lugar da forma primeiramente escrita nesta páxina.

O hidróxido de aluminio é anfótero. En condicións fortemente ácidas fórmase o Al (OH) 2+; en condicións fortemente básicas, fórmase o Al (OH) 4-. Estes son os ións principais en disolucións diluídas; en disolucións concentradas, fórmanse ións poliméricos que poden ser moi complexos.

As sales do anión Al(OH) 4- (ou similares, tal como AlO2-) denomínanse ás veces aluminatos.

O hidróxido de aluminio neutraliza un exceso de ácido. Por exemplo, co ácido clorhídrico:

Al (OH) 3 + 3HCl → AlCl3 + 3H2O

Mariner 2

Mariner 2 foi unha sonda espacial estadounidense lanzada o 27 de agosto de 1962 mediante un foguete Atlas Agena B desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral para estudar Venus.

Niobio

O niobio (tamén chamado columbio) é un elemento químico de símbolo Nb (anteriormente Cb) e número atómico 41, situado no grupo 5 da táboa periódica dos elementos. É un metal de transición dúctil, brando e de cor gris, atopado principalmente no mineral chamado niobita. O seu nome procede da personaxe mitolóxica Níobe, filla de Tántalo, debido as similitudes que este elemento presenta co elemento homónimo a este último.As propiedades físicas e químicas deste elemento son semellantes as do tántalo, dificultando a distinción entre ámbolos dous. No ano 1801 o químico inglés Charles Hatchett publicou o primeiro informe sobre un elemento semellante ao tántalo, ao que nomeou columbio. En 1809 o tamén químico inglés William Hyde Wollaston chegaría a conclusión errada de que o tántalo e o columbio eran idénticos. O químico alemán Heinrich Rose determinou en 1846 que os minerais de tántalo contiñan un segundo elemento, ao que deu o nome de niobio, e posteriormente entre os anos 1864 e 1865 unha serie de descubrimentos científicos clarificaron que o niobio e o columbio eran o mesmo elemento, distinto ao tántalo. Durante todo un século ámbolos dous nomes foron empregados para referirse a este elemento, pasando a denominarse oficialmente niobio no ano 1949.

Os primeiros usos comerciais deste elemento datan de comezos do século XX. Brasil é historicamente o primeiro produtor de niobio e ferroniobio, unha aliaxe de niobio e ferro. O niobio emprégase principalmente en aliaxes, na súa maioría en aceiros destinados a tubaxes de transporte. Malia que este tipo de aliaxes conteñen un máximo dun 0,1% do elemento, esta pequena proporción de niobio mellora a resistencia do aceiro considerablemente. As superaliaxes que conteñen niobio presentan unha estabilidade fronte á temperatura importante no seu uso en motores a reacción e foguetes. Tamén se usa este elemento en varios materiais supercondutores xunto con titanio e estaño, de uso estendido en imáns supercondutores para a obtención de imaxes por resonancia magnética. Outras aplicacións do niobio inclúen o seu uso na soldadura, industria nuclear, electrónica, óptica e na xoiería.

Rubí

O rubí (do latín ruber, vermello) é un mineral variedade do corindón da clase dos óxidos cuxa fórmula química é Al2O3, que contén tamén átomos de cromo e que é considerado unha das catro xemas preciosas xunto ó zafiro, a esmeralda e o diamante.

Zafiro

O zafiro é unha pedra preciosa, que é unha variedade do mineral corindón, un óxido de aluminio (α-Al2O3). É tipicamente de cor azul, pero hai zafiros naturais amarelos, púrpuras, laranxas e verdes e de dúas ou máis cores. A única cor que os zafiros nunca teñen é a vermella, xa que o corindón vermello se denomina rubí. O corindón rosa pode ser clasificado como zafiro ou rubí dependendo da localidade. Esta variedade de cores que pode mostrar débese á presenza de cantidades traza de elementos como o ferro, titanio, cromo, cobre ou magnesio.

Normalmente, os zafiros naturais tállanse e púlense para formar xemas para xoiaría. Tamén se poden crear sinteticamente en laboratorios para usos industriais ou decorativos en grandes bolas cristalinas (boules, lingotes monocristalinos). Debido á súa gran dureza, que chega a 9 na escala de Mohs (é o terceiro mineral máis duro despois do diamante, que ten dureza 10, e a moissanita con 9,5), os zafiros tamén se utilizan en aplicacións non ornamentais, como compoñentes na óptica infravermella; en fiestras de alta duración; cristais de reloxos de pulso e outros aparellos; e en obleas semicondutoras para electrónica moi finas, que se usan como substratos illantes para propósitos especiais na electrónica do estado sólido (especialmente en circuítos integrados e LEDs baseados no uso de nitruro de galio, GaN).

O zafiro é a pedra correspondente aos nacidos no mes de setembro e a xema dos 45ºs aniversarios. O xubileu de zafiro ocorre pasados 65 anos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.