Óso

O óso é un órgano firme, duro e resistente que forma parte do endoesqueleto dos animais vertebrados. Está composto principalmente por tecido óseo, un tipo especializado de tecido conectivo constituído por células, e compoñentes extracelulares calcificados. Os ósos tamén posúen cubertas de tecido conectivo (periósteo) e cartilaxe, vasos, nervios, e algúns conteñen tecido hematopoético e adiposo (medula ósea).

Os ósos posúen formas moi variadas e cumpren varias funcións. Cunha estrutura interna complexa pero moi funcional que determina a súa morfoloxía, os ósos son lixeiros mais moi resistentes e duros.

O conxunto total e organizado das pezas óseas (ósos) conforma o esqueleto ou sistema esquelético. Cada peza cumpre unha función en particular e de conxunto en relación coas pezas próximas ás que está articulada. Os ósos no ser humano son órganos tan vitais como os músculos ou o cerebro, e cunha ampla capacidade de rexeneración e reconstitución. Porén, vulgarmente tense unha visión do óso como unha estrutura inerte, posto que o que xeralmente queda á vista son as pezas óseas —secas e libres de materia orgánica— dos esqueletos despois da descomposición dos cadáveres.

Gray350
Ósos do membro inferior do ser humano, en corte: fémur, rótula e tibia
Genga 10
Ósos humanos da extremidade superior

Composición

A constitución xeral do óso é a do tecido óseo. Aínda que non todos os ósos son iguais en tamaño e consistencia, de media a súa composición química é dun 25% de auga, 45% de minerais como fosfato e carbonato de calcio e 30% de materia orgánica, principalmente coláxeno e outras proteínas. Así, os compoñentes inorgánicos alcanzan aproximadamente 2/3 (65%) do peso óseo (e tan só un 35% es orgánico).

Os minerais dos ósos non son compoñentes inertes nin permanecen fixos, senón que son constantemente intercambiados e substituído xunto cos compoñentes orgánicos nun proceso que se coñece como remodelación ósea. A súa formación e mantemento está regulada polas hormonas e os alimentos inxeridos, que achegan vitaminas de vital importancia para o seu correcto funcionamento. Non obstante, non todas as partes do corpo teñen este tipo de tecido, como por exemplo o pene, orellas, seos e nariz.

É un tecido moi consistente, resistente aos golpes e presións pero tamén elástico, protexe órganos vitais como o corazón, pulmóns, cerebro etc., así mesmo permite o movemento en partes do corpo para a realización de traballo ou actividades establecendo o desprazamento da persoa. Forma o aparello locomotor orixinando a estrutura ósea ou esqueleto. É tamén un depósito de almacenamento de calcio e fósforo do corpo.

Os ósos compóñense dun tecido vivo chamado tecido conectivo. Os ósos clasifícanse como ósos curtos, longos, planos ou irregulares; por exemplo, os ósos das pernas e brazos son ósos longos, os da cara e vértebras son ósos curtos e os do cranio son ósos planos ou irregulares.

Tipos de tecido óseo

Os ósos posúen zonas con diferente densidade de tecido óseo que se diferencian macroscopicamente e microscopicamente en áreas de óso compacto e áreas de óso esponxoso, sen límites netos que as separen, pois continúan unha coa outra.

Óso compacto

Illu compact spongy bone
Interior dun óso compacto

O óso compacto forma a diáfise (a porción alongada dos ósos longos que queda no medio das epífises ou porcións distais deles). Aparecen como unha masa sólida e continua cuxa estrutura só se pode ver nun microscopio óptico. A súa matriz ósea mineralizada está depositada en laminiñas, entre estas están situadas as lagoas cos osteocitos (cada lagoa co osteocito chámase osteoplasto), desde cada unha irrádianse canalículos (condutiños moi delgados), ramificados que as comunican e permiten a nutrición dos osteocitos (recordemos que isto é importante, xa que os osteocitos encóntranse rodeados de matriz mineralizada que non permite a difusión de nutrientes ao osteocito). As laminiñas dispóñense de 3 formas:

  • Concentricamente ao redor dun canal lonxitudinal vascular (chamado conduto de Havers), que contén capilares, vénulas poscapilares e ás veces arteriolas, formando estruturas cilíndricas chamadas osteonas ou sistemas haversianos visibles nun microscopio óptico.
  • Entre as osteonas dispóñense de forma angular formando os sistemas intersticiais separados das osteonas polas chamadas liñas de cemento (capa de matriz ósea pobre en fibra coláxeno que non son atravesados por estes canalículos, ou sexa, que non posúen elementos vasculares; todo isto é observable nun microscopio óptico).
  • Por debaixo do periósteo sobre a súa superficie interna, e por debaixo do endósteo sitúanse ao redor da circunferencia do talo de forma estendida as laminiñas circunferenciais externas e internas (paralelas á superficie).

Os canais de Havers comunícanse coa superficie exterior (periósteo) ou coa cavidade medular (endósteo) mediante uns canais transversais ou oblicuos chamados canais perforantes ou de Volkman. Estes posúen vasos sanguíneos máis grandes cós propios das osteonas. Nun microscopio óptico é difícil recoñecelos porque non se encontran rodeados de láminas concéntricas.

Óso esponxoso (reticulado)

O óso esponxoso non contén osteóns, senón que as láminas intersticiais están de forma irregular formando unhas placas chamadas trabéculas. Estas placas forman unha estrutura esponxosa deixando ocos cheos da medula ósea vermella. Dentro das trabéculas están os osteocitos, os vasos sanguíneos penetran directamente no óso esponxoso e permiten o intercambio de nutrientes cos osteocitos. O óso esponxoso é constituínte das epífises dos ósos longos e do interior doutros ósos.

Tecido óseo

Human skeleton front gl
Ósos do esqueleto humano
Artigo principal: Tecido óseo.

Substancia fundamental. Compón o 10% da matriz orgánica, posúe unha concentración menor de glicosaminoglicanos (GAG) que a cartilaxe (ácido hialurónico, condroitín sulfato, queratán sulfato), é unha matriz acidofila (en parte debido ao coláxeno). Posúe proteínas exclusivas do óso como a osteocalcina unida á hidroxipatita. A osteopontina tamén unida á hidroxiapatita é similar á fibronectina.

Coláxeno. É o 90% da matriz orgánica, de tipo 1, posúe moitos enlaces intermoleculares, insoluble en disolvente e maior hidroxilación das lisinas.

Substancia inórganica. Fosfato cálcico presente en forma de cristais de hidroxiapatita que aparecen a intervalos regulados de 60 nm a 70 nm ao longo das fibras . Tamén posúe citrato, bicarbonato, fluoruro, magnesio e ión sodio. O óso ademais posúe afinidade por substancias radioactivas que destrúen os seus compoñentes.

Células do óso

No tecido óseo maduro e en desenvolvemento, pódense diferenciar catro tipos de células: osteoproxenitoras, osteoblastos, osteocitos e osteoclastos. Os tres primeiros tipos son estadios funcionais dun único tipo celular. O proceso reversible de cambio dunha modalidade funcional a outra coñécese como modulación celular. Os osteoclastos teñen unha orixe hematopoética compartida coa liñaxe mononuclear-fagocítica. O estadio mitótico dos tres primeiros tipos celulares só se observa no estadio de célula osteoproxenitora.

  • Células osteoproxenitoras ou osteóxenas. Proveñen do mesénquima no embrión. Posúen unha forma de fuso. Mostran retículo endoplásmico rugoso escaso, así como aparello de Golgi pouco desenvolvido, mais encóntranse ribosomas libres en abundancia. No adulto encóntranse na capa celular interna do periósteo. A súa diferenciación depende das condicións do medio: se a tensión parcial de oxíxeno é alta, diferenciaranse en osteoblastos; se a tensión parcial de osíxeno é baixa, desenvolveranse células condróxenas.
  • Osteoblastos. Formadores de matriz ósea. Non poden dividirse. Os osteoblastos deciden as accións que efectuarán no óso'. Xorden como diferenciación das células osteoproxenitoras, baixo a influencia da familia da proteína morfoxénica ósea (BMP) e do factor de crecemento transformante beta (TGF-β). Posúen elevado RER e un Aparello de Golgi ben desenvolvido, tamén se observan numerosas vesículas. Comunícanse entre elas por unións tipo GAP (nexo). Cando quedan envoltas pola matriz ósea é cando se transforman nun estadio non activo, o osteocito. Producen RANKL (receptor para a activación do factor nuclear K-B), osteonectina (para a mineralización ósea), osteopontina (para selar a zona onde actúa o osteoclasto), osteocalcina (mineralización ósea), sialoproteína ósea (une osteoblastos e osteocitos á matriz extracelular) e M-CSF (factor estimulante de colonias de macrófagos). Posúen receptores de hormonas, vitaminas e citocinas, como a hormona paratiroide que induce ao osteoblasto a secretar OPGL (ligando de osteoprotexerina) e factor estimulante de osteoclastos: estes actúan na diferenciación de preosteoclastos a osteoclastos e na súa activación. Participan na resorción ósea secretando substancias que eliminan a osteoide (fina capa de matriz NON mineralizada), expondo a matriz ósea para o ataque dos osteoclastos.

Cando os osteoblastos entran nun estado de inactividade chámanse células de recubrimento óseo e poden revertelo para secretar citocinas ou matriz ósea.

  • Osteocitos. Encóntranse no óso completamente formado, xa que residen en lagoas no interior da matriz ósea mineralizada. A súa forma adáptase ao da lagoa e emiten prolongacións dixitiformes longas que se estenden polos canalículos da matriz ósea e isto ponos en contacto con outros osteocitos. Nesas zonas de contacto as membranas forman un nexo que permite o intercambio de ións, moléculas pequenas e hormonas. Son similares aos osteoblastos, pero menos activos e por tanto o seu retículo endoplasmático e aparello de Golgi está menos desenvolvido. A súa función é seguir sintetizando os compoñentes necesarios para o mantemento da matriz que os rodea. Están amplamente relacionados coa mecanotransdución, proceso no cal reaccionan á tensión exercida liberando cAMP (monofosfato de adenosina cíclico), osteocalcina e somatomedinas, o que induce á adición de osteoblastos para a remodelación do óso. Discútese se se poden transformar en osteoblastos activos.
  • Osteoclastos. Teñen como función a resorción ósea. Pola súa orixe hematopoética, son entendidos como "macrófagos do óso". Até non hai moito tempo, críase que xurdían da fusión de varios monocitos, pero, de acordo ás novas investigacións descubriuse que teñen a súa orixe no sistema de fagocitos mononucleares e xorden da diferenciación (mediada por citocinas provenientes do osteoblasto) de macrófagos. Situados nas lagoas de Howship, poden chegar a ser células xigantes (até 150 micrómetros de diámetro), con varios núcleos. Encóntranse polarizados cos núcleos cerca da súa superficie lisa mentres que a superficie adxacente ao óso presenta prolongacións moi apertadas como unha folla delimitadas por profundas dobras.

Formación do tecido óseo

Bone growth
Osificación endocondral (texto en inglés)

O óso fórmase por substitución dun tecido conectivo preexistente (a cartilaxe). Existen dous tipos de osificación: intramembranosa (ou directa) e endocondral (ou indirecta).

  • A osificación intramembranosa (ou directa): ten lugar directamente no tecido conectivo.
  • A osificación endocondral (ou indirecta): a substitución de cartilaxe por óso denomínase osificación endocondral. A maioría dos ósos do corpo fórmanse desta maneira.

Funcións

Os ósos posúen varias funcións no organismo humano, que enunciamos a seguir:

  • Actúan como sostén: os ósos forman un cadro ríxido, que se encarga de soster os órganos e os tecidos brandos.
  • Permiten o movemento: grazas aos músculos que se fixan aos ósos a través dos tendóns, e ás súas contraccións sincronizadas, o corpo pódese mover.
  • Protexen os órganos: os ósos forman diversas cavidades que protexen os órganos vitais de posibles traumatismos. Por exemplo, o cranio protexe o cerebro de posibles golpes que poida sufrir, e a caixa torácica (ou sexa, as costelas e o esterno), protexen os pulmóns e o corazón.
  • Homeostase mineral: o tecido óseo encárgase do abastecemento de diversos minerais, principalmente o fósforo e o calcio, que son moi importantes en funcións que realiza o organismo, como a contracción muscular no caso do calcio. Cando un destes minerais é necesario, os ósos libérano no torrente sanguíneo, e este distribúeo polo organismo.
  • Contribúen á formación de células sanguíneas: a medula ósea ou vermella, que se atopa no tecido esponxoso dos ósos longos (como por exemplo as costelas, a pelve, as vértebras etc) encárgase da formación de glóbulos vermellos ou eritrocitos. Este proceso denomínase hematopoese.
  • Serven como reserva enerxética: a medula ósea amarela, que é o tecido adiposo que se atopa nos canais medulares dos ósos longos, é unha gran reserva de enerxía.

Tipos de óso

Os ósos poden clasificarse en función da súa morfoloxía do seguinte xeito:

Ósos longos

Son aqueles ósos nos que predomina o eixo lonxitudinal sobre o resto. Na especie humana é o caso do fémur, do úmero, da tibia e o peroné. É dicir, predominan nas extremidades, tanto no membro superior coma no membro inferior. Os ósos longos posúen dous extremos denominados epífises, unha superior ou proximal e unha inferior ou distal. As epífises adoitan artellarse con outros ósos. Por exemplo, a epífise superior do úmero artéllase coa cavidade glenoide da escápula. Nas epífises insírense diversos músculos, que moven as diferentes articulacións. A zona entre as dúas epífises denomínase diáfise e ten no seu interior a medula ósea. Ao longo da diáfise insírense músculos e discorren arterias, veas fondas e nervios. Na separación entre diáfise e epífise hai un disco de tecido cartilaxinoso que permite o crecemento do óso a medida que a persoa crece ou require máis resistencia nesa área.

Ósos curtos

Son ósos con forma de cubo, no que non predomina ningún eixo sobre outro. É o caso dos pequenos ósos do carpo ou do tarso. Dentro dos ósos curtos hai dous casos especiais:

  • Ósos sesamoides, que son ósos que poden aparecer no interior dalgúns tendóns. A rótula é un óso inmerso en dous tendóns, no tendón cuadricipital e no tendón rotuliano.
  • Ósos supernumerarios, que son pequenos ósos que aparecen nalgunhas persoas.
  • O acromion pode ser un óso independente, nos casos nos que non se osifica a súa unión á escápula.

Ósos aplanados

Son ósos nos que predomina o eixo horizontal sobre o resto de eixos. Por fóra posúen tecido óseo laminar (o áploe) e por dentro tecido esponxoso, o diploe. Os ósos que forman o cranio son ósos planos.

Ósos irregulares

Son ósos que non se poden clasificar noutros grupos debido á súa forma. Son as vértebras e os ósos da faciana.

Formacións óseas

Os ósos poden formar diversos tipos de estruturas en función das súas necesidades:

Alteracións dos ósos

O sistema esquelético está exposto a patoloxías de natureza circulatoria, inflamatoria, neoplásica, metabólica e conxénita, tal como os outros órganos do corpo. Aínda que non existe un sistema estandarizado de clasificación, os trastornos dos ósos son numerosos e variados.

Deformacións

As malformacións conxénitas dos ósos non son moi frecuentes, e polo xeral inclúen a ausencia dalgún óso —tal como unha falanxe— ou a formación de ósos adicionais como unha costela. Outras deformacións inclúen o sindactilismo, que é a fusión de dous dedos adxacentes; ou o aracnodactilismo, no que aparecen dedos coa aparencia dunha araña, asociado co síndrome de Marfan. A acondroplasia é o trastorno do crecemento óseo máis frecuente e a principal causa de ananismo.

Fracturas

Artigo principal: Fractura.
Cdm hip fracture 343
Fractura de cadeira en paciente de 17 anos posterior á caída sobre unha escaleira.

Unha das afeccións óseas máis comúns é a fractura. Estas resólvense por procesos naturais, tras a aliñación e inmobilización dos ósos afectados. No proceso de cura, os vasos sanguíneos danados desenvolven unha especie de hematoma óseo que servirá como adhesivo e posteriormente irase formando un tecido fibroso ou conxuntivo composto por células chamadas osteoblastos, as cales crearán un calo óseo que unirá as partes separadas. Porén, a falta de tratamento ou de inmobilización pode ocasionar un crecemento anormal. Os métodos para acelerar a recuperación dun óso inclúen a estimulación eléctrica, ultrasóns, enxertos óseos e substitutos orgánicos con compostos cálcicos, tales como ósos de cadáveres, coral e cerámicas biodegradables.

Osteoxénese imperfecta

Artigo principal: Osteoxénese imperfecta.

A osteoxénese imperfecta é máis coñecida como a enfermidade dos ósos de vidro. É unha enfermidade conxénita que se caracteriza porque os ósos das persoas que a padecen parten moi facilmente, con frecuencia tras un traumatismo ou ás veces sen causa aparente.

Esta doenza está causada pola falta ou a insuficiencia de coláxeno, por causa dun problema xenético.

Osteoporose

Artigo principal: Osteoporose.

A osteoporose é o termo xeral para definir a porosidade do esqueleto causada por unha redución da densidade ósea. A osteoporose secundaria é a máis frecuente e asociada coa terceira idade, a menopausa e a actividade física reducida.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Gartner, Leslie P. et James L. Hiatt. Texto Atlas de Histología. 3 ed. Editorial Mc Graw Hill. USA, 2007.

Outros artigos

Artiodáctilos

Os artiodáctilos (Artiodactyla) son unha clásica orde de mamíferos ungulados caracterizados porque as súas extremidades rematan en catro dedos, e o peso do seu corpo recae nos dedos terceiro e cuarto (dos cales, polo menos apoian dous no chan) en contaste cos outros ungulados, os perisodáctilos, nos que o peso do corpo recae no terceiro dedo, na maior parte deles, ou totalmente neste, como nos équidos.

Unha das características máis distintiva do grupo é a forma do astrágalo, un óso do tornecelo, que ten unha estrutura de dupla polea, o que lle dá unha maior flexibilidade aos pés. Os aridodácilos habitan en todos os continentes, excepto na Antártida, aínda que os que se encontran en Australia foron introducidos polo ser humano.

Os artiodáctilos actuais (sen contar os taxons fósiles) inclúen 10 familias con ao redor dunhas 235 especies, moitas delas de grande importancia alimenticia, económica e cultural para os seres humanos, entre as que destacan camelos, llamas, porcos, hipopótamos, vacas, antílopes, cervos, xirafas, cabras etc.

O grupo, tal como se condidera aquí, exclúe aos cetáceos, aínda que recentes datos sobre as secuencias de ADN indican que comparten un antepasdado común con eles, polo que resulta que sería un grupo parafilético. Segundo moitos autores o grupo filoxeneticamente correcto sería o dos Cetartiodactyla (de Cetacea + Artiodactyla).

Clavícula

A clavícula é un óso do membro superior. Trátase dun óso plano, dobre e asimétrico. Forma a parte anterior da cintura escapular.

Cranio

O cranio é o conxunto de ósos que forman a cabeza e rodean o encéfalo.

Cúbito

O cúbito ou ulna é un óso do membro superior humano, localizado na parte interna do antebrazo. Trátase dun óso longo.

Dente

O dente é un órgano anatómico duro, encravado nos alvéolos dos ósos maxilares a través dun tipo especial de articulación denominada gonfosis e na que interveñen diferentes estruturas, a saber: cemento dentario e óso alveolar, ambos unidos polo ligamento periodontal.

Os dentes interveñen na dixestión ó cortar, moer e tritura-los alimentos sólidos (dixestión mecánica). Ademais participa, xunto con outros elementos da boca, na comunicación oral.

Os dentes poden ser iguais entre si (homodontes) ou diferentes segundo a súa función específica (heterodontes). Neste segundo caso, ordenados dende o centro ata os extremos, son os dentes incisivos que cortan, os caninos que desgarran, os premolares que trituran e os molares que moen.

Esqueleto

En bioloxía, o esqueleto é unha carcasa ríxida que proporciona protección e estrutura en moitos tipos de animais, en particular os do cordados e os dos ecdisozoos. Os exoesqueletos son externos, e son típicos de moitos invertebrados; conteñen os tecidos brandos e órganos do corpo, e, dado que non crecen, a medida que o animal o fai poden desprenderse periodicamente para volver formarse. Os endoesqueletos son internos, e son típicos de moitos vertebrados; adoitan estar rodeados pola pel e a musculatura, a pesar de que a miúdo inclúen dentro seu os órganos vitais. Os endoesqueletos son puntos de fixación da musculatura; actúan como panca para o movemento, e, en moitos animais, conteñen medula ósea, a cal produce células sanguíneas. Os esqueletos poden estar mineralizados ou non: así, os esqueletos humanos están calcificados, mentres que os das quenllas son cartilaxinoso, e poden estar articulados para dar flexibilidade e mobilidade, ou ben ríxidos para dar resistencia estrutural.

Fémur

O fémur é o óso máis longo e máis voluminoso do corpo humano, e localízase na coxa.

Tamén é o óso máis resistente. O fémur consiste nunha diáfise central, na epífise proximal que se prolonga, a través dun pescozo, até unha cabeza (esférica) —que o articula co óso do cadril— e na epífise distal que se divide en dous cóndilos, que se ligan á tibia e á rótula.

Unha persoa de 1,80 m ten un fémur de aproximadamente 50 cm.

O fémur presenta tres caras (anterior, externa e interna) e tres beirass (posterior, externa e interna) na súa diáfise.

Mamíferos

Os mamíferos (Mammalia) son unha clase de amniotas que se caracterizan pola súa homeotermia. Distínguénse doutros amniotas, como o son os réptiles e as aves, pola mandíbula inferior formada por un único óso, o maxilar inferior (tamén chamado dentario), por presentaren tres ósos medios na cadea de ósos do oído, por teren os dentes moi especializados, pola presenza dun padal secundario, pola de pelaxe, un olfacto moi desenvolvido, polo seu neocórtex e pola produción de leite das femias para alimentar as súas crías. O cerebro dos mamíferos regula a temperatura corporal e o sistema circulatorio, incluído o corazón. Os mamíferos abranguen os animais máis grandes do planeta, as baleas rorcuais, así como os máis intelixentes ou con maior capacidade cognitiva; como son os elefantes, algúns primates e cetáceos. Anatomicamente, o corpo é de catro patas adaptadas aos medios terrestres, mais algúns mamíferos están adaptados á vida mariña, arbórea, no aire ou sobre dúas pernas. O grupo máis grande de mamíferos, os placentarios teñen placenta e alimentan as crias despois do remate do empreñe. O tamaño dos mamíferos vai de tan só 30 ou 40 milímetros a 33 metros de longo.

A ciencia que estuda os mamíferos denomínase terioloxía.

Os mamíferos apareceron a finais do Triásico, hai uns 210 millóns de anos. Abranguen aproximadamente 5 400 especies, entre as que está o ser humano.

Mandíbula

A mandíbula é cada unha das pezas da boca, óseas no caso dos vertebrados e quitinosas ou córneas no caso doutros animais. É un óso da faciana que permite a mastigación xunto co maxilar superior. A mobilidade da articulación temporomandibular permítelle a este óso elevarse, descender, lateralizalo e proxectarse cara adiante e atrás.

Nos vertebrados o seu movemento é vertical, nos artrópodos e outros invertebrados é horizontal. En todos os animais as mandíbulas se utilizan para aprehenderen os alimentos e trituralos e, en moitos casos, tamén para se defenderen.

Nos animais superiores, a mandíbula é tamén denominada como maxilar inferior. No home coñécese popularmente como queixo ou queixada.

Medula ósea

A medula ósea é un tipo de tecido que se atopa no interior dos grandes ósos, sobre todo dos centrais do corpo como cranio, vértebras, costelas, esterno, cintura escapular e pelve.

Moitas veces confúndese coa medula espiñal. Ambas teñen funcións totalmente distintas. A medula espiñal atópase na columna e transmite os impulsos nerviosos cara a todo o corpo.

Metacarpo

O metacarpo é unha formación ósea do membro superior humano, pertencente á man. É un conxunto de cinco ósos que forman o esqueleto da palma da man, un por cada dedo. Os cinco posúen tres porcións, unha base, que é o elemento máis superior; un corpo; e unha cabeza, situada na parte máis inferior do óso.

Omoplata

O óso escápula ou omoplata é un óso do ombreiro, par, plano e compacto, de forma triangular, con dúas caras, anterior e posterior; tres bordos, superior, interior e exterior, e tres ángulos, superior, anterior e inferior

Atópase na parte posterior e superior do tórax; forma coa clavícula o esqueleto do ombreiro. Artéllase coa clavícula e co úmero

Osteocalcina

A osteocalcina, tamén chamada proteína ósea que contén ácido gamma-carboxiglutámico (BGLAP), é unha proteína non coláxena de 49 aminoácidos con función hormonal, que se atopa no óso e na dentina. Prodúcena os osteoblastos e odontoblastos. Ten unha vida media moi curta e metabolízase no fígado e riles.

Incorpórase á matriz ósea e pode unirse ao hidroxiapatito do óso. Arredor do 20% da osteocalcina sintetizada non se incorpora ao óso, e pasa á circulación sanguínea. En mulleres normais e en mulleres con osteoporose, os niveis de osteocalcina correlacionan positivamente co cociente de formación ósea, medido por histomorfometría.

Obsérvanse incrementos de osteocalcina naquelas patoloxías onde hai un incremento da formación do óso ou, o que é o mesmo, un aumento na actividade osteoblástica. Nestes casos as concentracións de osteocalcina correlacionan ben con outros marcadores como a fosfatase alcalina e a histomorfometría ósea. Tamén aumenta na insuficiencia renal aguda, dado o seu metabolismo renal.

Pelve

A pelve é a rexión anatómica máis inferior do tronco. É unha cavidade con forma de funil osteomuscular que se estreita cara a abaixo, limitada polo óso sacro, o cóccix e os coxais (que forman a cintura pélvica) e os músculos da parede abdominal inferior e do perineo.

Xenericamente, o termo pelve úsase incorrectamente para denominar a cintura pelviana ou pélvica, como se explicará máis adiante.

Topograficamente, a pelve divídese en dúas rexións: a pelve maior (tamén se lle pode chamar pelve falsa) e a pelve menor (ou pelve verdadeira). A pelve maior, coas súas paredes alargadas é solidaria cara adiante coa rexión abdominal inferior, as fosas ilíacas e o hipogastrio. Contén parte das vísceras abdominais. A pelve menor, a parte máis estreita do funil, contén a vexiga urinaria, os órganos xenitais, e a parte terminal do tubo dixestivo (recto e ano).

Tarso (anatomía)

O tarso é unha zona anatómica situada entre o final dos ósos da perna e o esqueleto do pé (metatarso). Está composto por catro ósos, distribuídos en dúas fileiras con dous ósos cada unha:

Fila proximal: un óso superior, o astrágalo e un inferior, o calcáneo.

Fila distal: un óso interno, o escafoide e un óso externo, o cuboide.Entre o tarso e o metatarso colócanse tres ósos máis, os cuneiformes.

Tendón

O tendón é unha parte do músculo estriado, de cor branca, de consistencia forte e non contráctil, constituido por fibras de tecido conectivo que se agrupan en fascículos.

Tibia

A tibia é un óso humano longo que ocupa a parte interna da perna. Recibe o nome vulgar de canela.

Úmero

O úmero (do latín umĕru) é un óso pertencente ao membro superior.

TA 2-4:
Músculo-esquelético
TA 5-11:
espláncnico/
vísceras
TA 12-16
Non-TA

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.