Éxodo

O Éxodo é o segundo libro tanto da Tanakh, que está nun conxunto chamado Torá, coma da Biblia, que está nun conxunto doutros catro libros chamado Pentateuco. Narra a fuxida de Exipto do pobo hebreo (neste libro chamado con moita frecuencia pobo de Israel ou fillos de Israel) para alcanzar A Terra Prometida. O libro acaba cando Moisés, o líder deste pobo, comeza a impoñer a lei que lle é revelada directamente por Deus. A viaxe dos hebreos continúa nos seguintes libros do Pentateuco, o Levítico, e Números, e non remata ata o final do último libro do Pentateuco, o Deuteronomio, que a partir de aquí comezan a establecerse na ansiada Terra Prometida.

Moises
Moisés na escultura de Michelangelo Buonarrotti.

Preludio do Éxodo

Os fillos de Xacob e el mesmo establecéranse en Exipto fuxindo da seca que asolaba o seu país, e foron acollidos con hospitalidade grazas á influencia do fillo de Xacob Xosé. Os seus fillos asentáronse e tiveron moitos descendentes, tantos que chegaron a inquietar moitos exipcios.

Un novo monarca alcanzou o poder en Exipto e, temoroso de que os fillos de Israel chegasen a ser máis fortes e máis poderosos que o pobo exipcio, comezou a ditar leis co fin de debilitar a fortaleza do pobo de Israel. Fíxoos os seus escravos, e mandounos traballar en durísimos traballos.

Pero sendo escravos os hebreos seguían sendo perigosos para Exipto, así que o Faraón ditou ante o seu pobo: todo fillo que naza dos hebreos arroxarédelo ó río, en cambio, a toda filla deixarédela con vida.

A xuventude de Moisés

Os servos do Faraón entraron en tódalas casas do pobo hebreo, matando a todo fillo home das familias dese pobo. Un só neno, que sería Moisés, sobreviviu a esa matanza, pois foi ocultado durante tres meses para impedir que fose exterminado coma os demais nenos da súa xeración. Como a súa nai non puido ocultalo máis tempo, calafateou unha cesta de papiro, meteu nela ó neno e colocouna nun xuncal do Nilo.

A corrente do río leva ó pequeno Moisés ata o lugar onde se estaba bañando a filla do Faraón en compaña das súas doncelas. A filla do Faraón atopa o neno, e tras comprobar que é hebreo, compadécese del e decide coidalo. A ama de cría que encontra é a propia nai do neno, á que lle da un salario a cambio de aleitalo. Cando Moisés medra, a súa nai dállo á filla do Faraón. É agora cando a Moisés lle é dado o seu nome, que significa chegado das augas.

Moisés vive na corte do Faraón, onde recibe a educación dun príncipe exipcio, aprendendo a escritura e tendo así acceso a toda a sabedoría do pobo exipcio. Moisés convértese nun mozo forte, de temperamento impulsivo e corazón apaixonado.

O Moisés de mozo viaxou ata onde o pobo hebreo traballaba nunha obra do faraón e observou as terribles condicións de vida nas que vivía o seu verdadeiro pobo. Moisés, coñecedor de cales eran as súas orixes, veuse apoderado pola tristeza. O príncipe de Exipto estalou de rabia cando veu un exipcio darlle azoutas a un hebreo, e matouno ao se afastar aquel da xente.

O éxodo particular de Moisés

Tras cometer ese crime, Moisés fuxiu de Exipto, e refuxiouse nun país desértico chamado Madian. Moisés sentou nun pozo, e veu chegar a unhas mulleres, que viñan a sacar auga do pozo para o seu gando. Nese momento chegaron uns pastores que as botaron para ser eles os primeiros en sacar auga. Moisés levantouse para defendelas, e levou o gando das mulleres para darlle de beber. As mulleres eran as fillas de Xetró, o sacerdote de Madian.

Cando Xetró soubo o que Moisés fixera polas súas fillas, mandou chamalo para agradecerllo. Moisés foi levado á presenza de Xetró. Curiosamente, este home coñecía a Iavé, o que lle permitiu a Moisés coñecer e adoptar a relixión dos seus verdadeiros familiares.

Xetró ofreceu en matrimonio a Moisés unha das súas fillas, chamada Séfora, e tivo con ela un fillo ó que chamaron Xersom.

Deus maniféstase

Un día en que Moisés apacentaba o rabaño de Xetró no pé do monte Horeb, a pouca distancia da fronteira exipcia, veu arder unha silva sen consumirse, e unha voz chamou por el. Moisés acercouse, e a voz, que resultaba ser de Deus, díxolle que tiña que liberar ó pobo de Israel e que non temese ós perigos, pois El estaría da súa parte. Deus díxolle tamén que levase con el ó seu irmán Aarón.

Moisés leva consigo a Aarón ata o palacio do novo faraón (hoxe crese que este faraón puideron ser Ramsés II ou Thutmose III, pois o que gobernaba cando Moisés fuxira xa morrera, a quen lle é pedido a liberación de Israel, pero o faraón non o acepta. Moisés intenta demostrar o poder de Deus coa súa caxata, que coloca no chan e se transforma nunha serpe. Os sacerdotes exipcios tamén transforman en serpes as súas caxatas, mais a serpe de Moisés engole as outras dúas e volvese a transformar nunha caxata. A pesar de todo, os exipcios seguiron negando a liberación de Israel.

As dez pragas

Deus foille dicindo a Moisés algunhas maldicións que debía recitar Aarón. Un total de dez maldicións transformáronse en pragas que asolaron Exipto co fin de forzar a liberar Israel ó Faraón. As primeiras pragas eran recitadas por Aarón, mais as seguintes viñan a Exipto ó levantar Moisés o seu brazo. As pragas foron as seguintes:

  • Transformación da auga do Nilo en sangue.
  • Praga de ras.
  • Praga de mosquitos.
  • Praga de tabáns (insectos parecidos ás moscas).
  • Morte do gando exipcio.
  • Aparición de chagas na xente e nos animais exipcios.
  • Tormentas de saraiba.
  • Praga de lagostas.
  • Escuridade que se estendeu en Exipto e que non permitiu ver nada en tres días.
  • Última praga.

A saída de Israel

O Faraón foi avisado do terrible que sería a última praga: ... así di Iavé: cara media noite sairei a través de Exipto e morrerá en terra exipcia todo primoxénito, desde o primoxénito de Faraón que se senta no seu trono ata o primoxénito da escrava que se afana trala mula, e todos os primoxénitos do gando (...). Moisés abandona o palacio do Faraón e marcha xunta ós hebreos. Advertiulles que aproveitaran a sangue dos cordeiros recentemente sacrificados para pintar con ela as portas, pois Deus pasaría por de largo das casas pintadas, mentres que entraría nas que non estiveran pintadas.

Tal como dixo Moisés, a media noite a última praga maldiciu a Exipto, e non houbo casa neste país na que o primoxénito non morrera. O Faraón fixo chamar a Moisés e a Aarón e díxolles que podían marchar: ¡Levantádevos, saíde de en medio do meu pobo, tanto vos como os fillos de Israel, e marchade a dar culto a Iavé como dixestes! Tomade así o voso gando menor como o voso gando maior, segundo indicastes, e bendicídeme a min tamén.

A saída de Exipto

Os hebreos saíron das súas casas e dos seus traballos, e desde todo o país de Exipto reuníronse con Moisés. Os hebreos parten da cidade de Rameses e seguen o camiño polo deserto que hai máis aló da ribeira do Nilo, pero ó chegar á costa do Mar Vermello, vendo xa a costa da península do Sinaí na outra ribeira do mar, chega o Faraón e os mellores soldados do seu exército, dispostos a non deixar marchar ó pobo de Israel. Os hebreos collen medo e comezan a fuxir do lugar.

Pero Moisés manda calmarse ó seu pobo, convencido de que Deus volvería a prover. E así foi: baixou do ceo unha nube de tebras que separou a hebreos de exipcios e Iavé retirou o mar mediante un recio vento que soprou toda a noite tras apoiar Moisés a súa caxata sobre o mar. Ó amencer as augas estaban formando coma un muro á súa dereita e á súa esquerda, quedando entre elas un camiño seco. Moisés apresurouse a chamar ós hebreos para cruzalo, mais pouco despois as tebras que envolvían ós exipcios disipáronse e os exipcios lanzáronse nos seus carros sobre Israel. As rodas dos seus carros se afundiron no barro, así que tiveron que retirarse deles. Pouco despois, Moisés apoiou novamente a súa caxata na outra ribeira do mar, e as augas volvéronse a xuntar, e os exipcios, os seus carros e as súas monturas foron engulidas polas augas.

O sustento de Deus ó pobo de Israel

A marcha dos hebreos polo deserto e lenta e penosa, debido a que a calor do deserto ven acompañada da diminución das reservas de auga. Nun lugar chamado Marah atopan un pozo, pero as súas augas son amargas e a gorxa da xente que bebe delas irrítase ó tomala. Non obstante, Deus converte esa auga en doce e a xente pode beber.

Pero a auga non pode saciar ó pobo de Israel, e a xente comeza a recordar a súa vida en Exipto, onde eran escravos, pero tiñan sempre de comer e tódolos días se saciaban. O pobo empeza a rebelarse contra Moisés, pero Deus fala de novo a Moisés para que diga á xente: ó atardecer comeredes carne e á mañá saciarédesvos de pan. ¡Coñeceredes entón que Eu son Iavé, Deus voso!.

Así foi: pola tarde, enormes bandadas de codornices cubriron os ceos, e Israel puido comer carne. E pola mañá, había unha capa de orballo arredor do campo. Evaporada a capa de orballo, apareceu sobre a superficie do deserto unha cousa delgada a modo de escamas, delgada coma a xeada sobre a terra. Ó vela os fillos de Israel, dixéronse uns ós outros: ¿que é? E Moisés dixo: É o pan que Iavé vos da para alimento.

Os hebreos chamaron maná a aquel pan. O maná deixaba un sabor doce coma o mel. Cada un puido coller canto necesitaba, acorde co seu apetito. Algúns desconfiaron de Deus e gardaron maná en vasillas, por si El non volvía a enviar maná. Moisés convenceunos de que Deus provería a diario, mais algúns non fixeron caso. Ó día seguinte, comprobaron que Moisés tiña razón en dicilo, pois o maná que gardaran criara vermes e ulía mal.

Os rebeldes a Moisés non estaban contentos co pan que Deus lles entregaba a diario, e agora queixábanse da falta de auga. Seguindo as indicacións de Deus, Moisés e algúns anciáns foron ata unha rocha en Horeb, e cando a golpeou coa súa caxata, comezou a manar auga dela. Por fin, as penalidades pararon de afectar ós hebreos.

Os triunfos de Israel sobre as tribos do deserto

A presenza de Israel pola península do Sinaí incomodara ós pobos que vivían alí, e un dos reis dese pobo, Amaleq, levou ós seus servos onde estaban os campamentos hebreos, os cales rodearon. Moisés dixo a un xove chamado Xosué que reunira a uns homes e que saíse a combater as tropas de Amaleq.

Xosué e os homes que escolleu foron combater a mañá seguinte, e Moisés foi ó cume dun cerro coa súa caxata. Cando Moisés sostiña os seus brazos en alto, os hebreos gañaban terreo, pero cando os abaixaba, retrocedían. Moisés estaba xa alcanzado en anos e non puido seguir levantando máis os brazos, polo que Aarón e outro home chamado Hur o sentaron nunha pedra e sostivéronlle os brazos todo o tempo que durou o combate, que durou todo o día, do amencer ó atardecer. Grazas a isto, Xosué venceu ós amalequitas e os exterminou.

As fazañas de Israel son admiradas por tódalas tribos do deserto. Xetró, o sogro de Moisés, non sabía que o seu xenro acaudillaba ós hebreos, e cando o soubo, tomou o seu gado e foi ó Monte Sinaí, onde moraba Iavé, pois estaba seguro de que Moisés pasaría por este lugar.

A chegada ó Sinaí

Moisés saíu ó encontro do seu sogro ó chegar ó monte Sinaí, e contoulle todo o que lle pasara desde que abandonara a súa casa. Xetró aconsellou a Moisés que crease un sistema de goberno para aplacar o seu caótico pobo. Moisés elixiu entón a algúns xuíces, os cales mandarían sobre as tribos hebreas ata que fose proclamada a monarquía entre eles, varios séculos despois.

Un día, Moisés escoitou a voz de Iavé, que lle mandaba reunirse con el no monte Sinaí. Moisés subiu a montaña, en medio dun conxunto de fenómenos naturais, mostra do poder de Iavé. Iavé dixo entón a Moisés os Dez Mandamentos, entre outras leis, cuxo ditado se prolongou corenta días e corenta noites.

Libro anterior:
Xénese
Éxodo
(Pentateuco)
Libro seguinte:
Levítico
33ª edición dos Óscar

A 33.ª entrega dos premios Óscar tivo lugar o día 17 de abril de 1961 no Santa Monica Civic Auditorium de Santa Monica (Estados Unidos). O mestre de cerimonias foi Bob Hope.

Antigo Testamento

O Antigo Testamento ou as Escrituras Hebreas (tamén chamadas a Biblia Hebrea) é a primeira parte da Biblia cristiá, que explica a historia desde a creación da Terra ata última profecía da vida do mesías, realizada 400 anos antes da era cristiá. Os xudeus, porén, utilizan o nome Tanakh para referírense ao Antigo Testamento, e aínda que contén os mesmos libros que o Antigo Testamento canónico cristián, non coincide na orde nin no nome destes.

A designación "Antigo Testamento" provén do grego ῾Η Παλαιά Διαθήκη, he Palaiá Diathéke, que significa "antigo pacto", en referencia ao antigo pacto de Deus coa humanidade (principalmente co pobo elixido de Israel) por medio do que viría o mesías a salvalos.

Arca da Alianza

Segundo a tradición xudía e cristiá, a Arca coñecida como Arca da Alianza, Arca do Pacto, ou Arca do Convenio (en hebreo: ארון הברית), nomeada tamén como a Arca de Yahveh ou Arca do Testemuño, era un obxecto sagrado que gardaba as táboas de pedra que contiñan os Dez Mandamentos. De acordo con algunhas interpretacións tradicionais do Libro do Éxodo, dos Números, e da Carta aos Hebreos a Arca tamén contiña a vara de Aharón, un frasco de maná e o primeiro rolo da Torah escrito por Moisés; porén, o primeiro dos Libros dos Reis di que nos tempos do rei Salomón, a Arca contiña só as dúas Táboas da Lei. Segundo o Libro do Éxodo, a Arca foi creada por orde de Deus, seguindo as instrucións dadas a Moisés no Monte Sinaí. A Arca simboliza a unión de Deus co seu pobo. Crese que desapareceu coa destrución do templo de Xerusalén polo rei Nabucodonosor II.

Badalona

Badalona é un concello e cidade da costa central de Cataluña, que forma parte da comarca do Barcelonès, na provincia de Barcelona. Dende 1897 está considerada cidade.

Situada na costa do Mar Mediterráneo, ocupa parte do delta do río Besòs e as contrafortes da Serra da Marina. A cidade está rodeada polos concellos de Sant Adrià de Besòs, Santa Coloma de Gramenet, Tiana, Montgat, Sant Fost de Campsentelles e Montcada i Reixac. Está situado no extremo norte da comarca, a escasos metros ao norte de Barcelona.

Cos seus 215.848 habitantes en 2017, Badalona é a cuarta cidade máis poblada de Cataluña, tras Barcelona, L'Hospitalet de Llobregat e Terrassa, e a 23ª de España. Forma parte da área metropolitana de Barcelona.

Os restos arqueolóxicos atopados nos barrios de Llefià e de Sistrells remontan a súa historia ao Neolítico, pero a fundación da poboación produciuse ao redor do ano 100 aC, baixo o nome romano de Baetulo.

Calendario hebreo

O calendario hebreo (הלוח העברי) ou calendario xudaico é o calendario anual usado no xudaísmo. Determina as datas das festas xudías, os textos da Torá apropiados para a lectura pública, os Iahrdseits (a data para conmemorar a morte dun familiar), e os salmos diarios específicos que algúns len normalmente. Téñense usado dúas formas do calendario: unha forma baseada na observación usada antes da destrución do segundo templo no ano 70 e baseado nas testemuñas que observaban as fases da lúa, e un a partir dunha norma que describiu Maimónides no 1178 d.C., que foi adoptado durante unha transición dende o ano 70 ata o 1178.

A forma "moderna" é o chamado calendario lunisolar, semellante ao calendario chinés, que mide os meses segundo os ciclos lunares e os anos tendo en conta os ciclos solares, distinto do calendario islámico puramente lunar e do calendario gregoriano case enteiramente solar. Pola diferenza de 11 días entre doce meses lunares e un ano solar, o calendario repítese nun ciclo de 19 anos de 235 meses lunares, cun mes lunar extra cada dous ou tres anos, cun total de sete veces cada dezanove anos. Como o calendario hebreo foi desenvolvido na zona sur-leste do Mar Mediterráneo, as referencias ás estacións reflicten os tempos e o clima do hemisferio norte.

Canon bíblico

O canon bíblico (do grego κανών "kanon", "vara" ou "medida", que vén do hebreo קנה "kaneh"), é a lista de libros que se considera que forman parte da Biblia.

O criterio de canonicidade que se utiliza é a calidade de inspirado por Deus que debe ter o libro. É canónico o libro inspirado por Deus e queda fóra o libro, aínda de temática relixiosa coma o Talmud, que non goza desa inspiración.

Curral

Un curral é un recinto pechado para ter ao abeiro os animais domésticos. En Galiza, os máis comúns adoitan ser destinados para a cría de porcos, vacas, ovellas e galiñas. Até a aparición das cidades modernas, provocada polo éxodo rural, era moi común que cada familia contase cun curral próximo á súa vivenda, co gallo de se autoabasteceren de ovos, leite e carne para o consumo propio. En Galiza, seguen a ter unha relevancia maior que na meirande parte de países europeos.

Deuteronomio

O Deuteronomio é un dos libros da Biblia.

O seu título significa segunda Lei. Recolle, basicamente, as leis polas que se rexe o pobo de Israel.

Dez mandamentos

Os dez mandamentos ou decálogo son as dez leis que, segundo a tradición cristiá e xudía, foron ditadas por Deus a Moisés no monte Sinaí.

Existen versións diferentes segundo as Igrexas.

Son os seguintes, segundo o catecismo católico:

Amarás a Deus sobre tódalas cousas.

Non tomarás o Nome de Deus en van.

Santificarás as festas.

Honrarás o teu pai e a túa nai.

Non matarás.

Non cometerás actos impuros.

Non roubarás.

Non dirás falso testemuño nin mentirás.

Non consentirás pensamentos nin desexos impuros.

Non cobizarás os bens alleos.Estes son os dez mandamentos orixinais, do libro do Éxodo na tradición católica:

Non terás deuses alleos diante de min.

Non te farás imaxe.

Non tomarás o nome do Señor, o teu Deus, en van.

Acórdate do sábado para santificalo.

Honra ó teu pai e á túa nai.

Non matarás.

Non cometerás adulterio.

Non roubarás.

Non dirás contra o teu próximo falso testemuño.

Non cobizarás.

Década de 1680

A década de 1680 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 1680 e remata o 31 de decembro de 1689.

Levítico

O Levítico, en hebreo vaiiqrá, é o terceiro libro da Biblia. Forma parte do Pentateuco, ou Torá para os xudeus. Contén normas relixiosas polas que debía rexirse o pobo de Israel.

Moisés

Moisés, (hebreo: מֹשֶׁה Moshe; árabe: موسى, Mūsā); foi un antigo bíblico líder relixioso hebreo, lexislador, profeta e historiador.

Para as relixións monoteístas Moisés é á vez o autor e principal personaxe da Biblia. Foi el, quen, baixo ditado divino, tería escrito o Pentateuco (os cinco primeiros libros da Biblia: o Xénese, o Éxodo, o Levítico, o libro dos Números e o Deuteronomio) (tería contado a súa propia historia, a dos Patriarcas, os seus antepasados, e a do pobo de Israel). É o profeta e a guía que conduce os Fillos de Israel fóra de Exipto, onde estaban reducidos á escravitude, e é pola súa man que os « prodixios divinos » (as Dez pragas de Exipto) ocorrerán para permitir a liberación do seu pobo e conducilo cara ao país de Canaán. Recibe de Deus os Dez Mandamentos e un conxunto de leis relixiosas, sociais e alimentarias (Torá escrita e Torá oral; en hebreo Toráh).

Moisés, fillo de Amram é tamén citado no Corán, co nome de Mūsā como profeta e mensaxeiro de Allah. A azora 3 do Corán titúlase A familia de Amram.

É considerado tamén un profeta pola fe Bahá'í.

Segundo a Biblia, tería nacido en Exipto de nai hebrea que o abandonou cando un Faraón ordenou que todos os recentemente nados hebreos debían ser matados; porén acabou sendo adoptado pola familia real exipcia. Xa maior, despois de matar el a un amo de escravos exipcio, escapou e viviu como pastor. Máis tarde foi enviado por Deus para librar os hebreos da escravitude. Logo das "Dez Pragas" foron soltados, e Moisés conduciunos fóra de Exipto, a través do Mar Vermello e do deserto nunha viaxe de 40 anos. A pesar de vivir 120 anos, non puido entrar na Terra de Israel (cfr. Números 20:11-12).

Pentateuco

Pentateuco, termo grego que significa as cinco caixas, polos cinco libros que o compoñen. En Hebreo Torá, Lei. Comprende os cinco primeiros libros da Biblia: Xénese, Éxodo, Levítico, Números e Deuteronomio.

Tora

A Tora (en hebreo: תורה) é unha verba hebrea que significa ensinanza, instrución, ou especificamente lei. Refírese principalmente aos primeiros cinco libros da Tanagh (a Biblia Hebrea) que corresponde ao Antigo Testamento cristián, coñecidos tamén como Os cinco libros de Moisés, e na tradución do hebreo ao grego na Septuaginta, como o Pentateuco (do grego πεντε, pente, ‘cinco’, o τευχος, teughós, ‘funda para libros’, facendo referencia ás fundas nas que se conservaban os pergamiños). Porén, con frecuencia os xudeus tamén se refiren a toda a revelación e ensinanzas xudías como a Tora.

Os cinco libros son: Xénese (Bereishit בראשית), Éxodo (Shemot שמות), Levítico (Vaiicra ויקרא), Números (Bemidbar במדבר) e Deuteronomio (Devarim דברים). Na versión grega da Tora, estes cinco libros conforman o Pentateuco, Hamisha Humshei Tora (חמשה חומשי תורה que en hebreo quere dicir "As cinco partes da Tora"), ou simplemente Humash (חומש "quinto").

Vietnam do Norte

A República Democrática de Vietnam, tamén coñecida como Vietnam do Norte, foi un Estado socialista fundado por Ho Chi Minh e recoñecido por China e a URSS en 1950. En 1954, trala derrota de Francia na Batalla de Dien Bien Phu, Francia recoñeceu formalmente este estado e a Indochina Francesa dividiuse en dous.

Despois desta división produciuse un éxodo masivo dos vietnamitas do Norte cara o Sur, moitos deles católicos, que sinalaban que a política norvietnamita exercía unha persecución sobre eles e outros tantos foron vietcongs sucesores dos vietminhs promovidos polo goberno do norte para liberar ou desprender o sur do control das potencias capitalistas. En 1959, o Partido Comunista Vietnamita secretamente decidiu realizar unha guerra contra o Sur reportándolle esta grandes custos ao país.

A capital de Vietman do Norte foi Hanoi e estaba gobernada por un goberno comunista aliado coa Unión Soviética e a República Popular de China, que loitou contra os Estados Unidos e Vietnam do Sur durante a guerra de Vietnam. A República Popular de China apoiou ao goberno durante a guerra.

Coa liberación de Saigón por parte das forzas Norvietnamitas o 30 de abril de 1975, a autoridade política en Vietnam do Sur foi asumida pola República de Vietnam do Sur. Este goberno fusionouse con Vietnam do Norte o 2 de xullo de 1976 e formaron unha soa nación denominada a República Socialista de Vietnam.

Xénese

O libro da Xénese, (do grego Γένεσις, "nacemento, creación, orixe", en hebreo תּוֹלֵדוֹת, "xeración", que prefire como título בְּרֵאשִׁית, Bereshit, "no principio"). É o primeiro libro da Torá ("A Lei"), e tamén o primeiro libro do Tanak, a biblia hebrea (coñecida polos cristiáns como o Antigo Testamento). Fai parte dos primeiros cinco libros (Pentateuco), xunto con Éxodo, Levítico, Números e Deuteronomio, cuxa autoría é, tradicionalmente, atribuída a Moisés.

Narra acontecementos, desde a creación do mundo, na perspectiva xudaica (o chamado "relato da Xénese"), pasando polos Patriarcas, ata á fixación deste pobo no Exipto, despois da historia de Xosé.

A tradición xudía considera que o seu autor foi Moisés.

Libros da Biblia
Divisións maiores
Canon
Máis divisións
Versións e Manuscritos
Véxase tamén

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.