Æthelfrith de Northumbria

Æthelfrith (tamén Aethelfrido, Aethelfrith, Etelfrido), finado c. 616, foi rei de Bernicia desde c. 593 até c. 616; e tamén foi, desde c. 604, o primeiro rei berniciano que reinou en Deira, un reino ao sur de Bernicia. Tendo en conta que Deira e Bernicia foron os dous reinos que formaron o coñecido posteriormente como Reino de Northumbria, pode ser considerado, en termos históricos, o primeiro rei de Northumbria. Tamén é lembrado polas súas exitosas campañas contra os britanos e pola súa vitoria sobre o reino irlandés de Dalriada. Aínda que foi derrotado e morreu en batalla e foi substituído polo seu rival dinástico, a súa liña foi finalmente restaurada no trono na década de 630.

Æthelfrith de Northumbria
Nacementoséculo VI
Falecementoc. 616
 River Idle
CausaMorto en combate
NacionalidadeBernicia
EtniaAnglos
Ocupaciónmonarca
PaiÆthelric de Bernicia
CónxuxeAcha
FillosEanfrith de Bernicia, Oswald de Bernicia, Oswiu de Northumbria e Æbbe of Coldingham
Britain peoples circa 600
Reinos de Inglaterra circa 600.

Unificación do Reino

Æthelfrith, fillo de Æthelric e neto de Ida, aparentemente foi sucesor de Hussa como rei de Bernicia ao redor do ano 592 ou 593; a ascensión de Æthelfrith puido ser complicada, con rivalidades entre as diferentes dinastías, e os familiares de Hussa. A Historia Brittonum conta que Æthelfrith reinou en Bernicia por doce anos e en Deira por outros doce, o cal se pode interpretar como que reinou en Bernicia desde 592 até 604, ano no que tamén empezou a reinar en Deira. Os seus predecesores eran personaxes historicamente escuros; Æthelfrith é o rei berniciano máis antigo do que se coñecen detalles significativos. O historiador Frank Stenton dixo que "a historia continuada de Northumbria, e en efecto a de toda Inglaterra, comeza co reino de Æthelfrith", e que "el foi realmente o fundador do reino histórico de Northumbria, e foi lembrado como o primeiro gran líder que saíu dos anglos setentrionais".

Beda narra os grandes éxitos de Æthelfrith contra os britanos, aínda que tamén o críticou polo seu paganismo (a conversión de Northumbria non comezou senón até a década despois da súa morte).

Áedán mac Gabráin, o rei de Dalriada (ao noroeste de Bernicia), alarmouse polos éxitos do berniciano, e en 603 dirixiu "unha inmensa e ponderosa armada" contra Æthelfrith. Aínda que Æthelfrith comandou unha forza inferior, venceu na Batalla de Desgastan; a maioría do exército de Áedán morreu nesta batalla, e Áedán apenas puido escapar. Beda conta que a vitoria de Æthelfrith foi tan devastadora que os reis irlandeses non volveron declarar guerra ningunha, até os tempos do mesmo Beda. A batalla tamén lle custou cara a Æthelfrith; Beda conta que Teobaldo, o irmán de Æthelfrith, morreu, "con case todo o exército que comandaba". Hering, o fillo de Hussa, o predecesor de Æthelfrith, tamén é mencionado como parte ao lado dos invasores, o cal indica que si existiu unha rivalidade entre as dinastías de Bernicia. Æthelfrith puido chegar a acordos con Dalriada, xa que despois disto, as campañas militares de Æthelfrith tiveron lugar noutras partes de Gran Bretaña, e os seus fillos puideron refuxiarse na Dalriada irlandesa despois da morte de Æthelfrith.

Æthelfrith obtivo o control de Deira ao redor de 604; as circunstancias disto son descoñecidas. Que obtivese poder en Deira a través dunha conquista puidese explicar porqué o fillo de Aella, Edwin e Hereric, sobriño de Edwin, os cales eran notábeis membros da realeza deirana tiveron que exiliarse.

Tamén por aquela época naceu Oswald, o fillo de Æthelfrith. Oswald era fillo de Acha, filla de Aella, e por tanto irmá de Edwin. Aínda que Beda non menciona explicitamente que Æthelfrith casou con Acha, pénsase que así o fixo. Ambos se puideron casar antes de tomar o poder en Deira, nese caso o matrimonio puido facilitar a toma do poder, ou se puideron casar despois para consolidar o seu poder en Deira.

A Historia Brittonum conta que Æthelfrith lle deu a cidade de Din Guaire á súa primeira esposa, Bebba, pola cal foi renomeada Bebbamburg. Beda tamén menciona que Bebbamburg foi nomeada en honra a unha raíña chamada Bebba, aínda que non menciona a Æthelfrith. Mencionouse que ela "foi probablemente a primeira e máis importante esposa de Æthelfrith".

Masacres

Entre os anos 613 e 616, Æthelfrith atacou Powys e derrotou ao seu exército na Batalla de Chester, na que morreu o rei de Powys Selyf Sarffgadau, xunto con outro rei chamado Cetula, probablemente Cadwal Crysban de Rhôs. Masacrou tamén aos monxes de Bangor-Is-Coed que se achaban reunidos para axudar aos britanos coas súas oracións. Beda di que decidiu atacalos porque, aínda que estaban desarmados, estábanselle opondo por medio das oracións. Dise que morreron ao redor de 1.200 monxes, con só 50 que lograron escapar. A vitoria de Æthelfrith en Chester subliñouse por ter unha grande importancia estratéxica, xa que puido provocar a división dos britanos de Gales e os do norte; con todo, notouse que Beda enfocou máis o masacre dos monxes e non inclúe detalle ningún da batalla, nin a menciona como decisiva.

Hereric foi envelenado mentres que se hospedaba na corte de Ceretic, rei de Elmet; Æthelfrith puido ser o responsábel do asasinato xa que isto consolidou a súa liña ao poder en Bernicia.

Edwin terminou en Anglia Oriental, baixo a protección do seu rei, Redwald. Æthelfrith mandou mensaxeiros para subornar a Redwald con "unha gran suma de diñeiro" para que asasinase a Edwin; Beda reporta que o seu primeiro intento non tivo ningún efecto, pero Æthelfrith mandou máis mensaxeiros e ameazou coa guerra se Redwald non accedía. (Subornos e ameazas como estas tamén puideron ser usadas para conseguir o asasinato de Hereric). Redwald eventualmente accedeu a matar a Edwin ou entregalo aos mensaxeiros de Æthelfrith, pero foi aparentemente disuadido pola súa esposa, a cal lle dixo que unha cousa así non seria merecedora da súa honra. Redwald entón levantou un exército e marchou en contra de Æthelfrith, e ao redor de 616 Æthelfrith foi derrotado e morreu no lado leste do río Idle por un exército de Redwald; Beda dixo que Æthelfrith tiña un exército inferior, xa que Rewald non lle deu suficiente tempo para agrupar forzas bastantes.

Despois da morte de Æthelfrith, Edwin converteuse en rei de non só de Deira senón tamén de Bernicia; os fillos de Æthelfrith, Eanfrith, Oswald, e Oswiu escaparon cara á o norte. Despois da morte de Edwin en 633 na Batalla de Hatfield Chase, Eanfrith retomou temporalmente o poder de Bernicia, e Oswald de Northumbria tomou poder de toda Northumbria despois da morte de Eanfrith. Desde este punto os descendentes de Æthelfrith reinaron até principios do século XIII.

Véxase tamén

Bibliografía

Adda de Bernicia

Adda foi un rei do reino anglosaxón de Bernicia desde 560 até 568.

Batalla de Hatfield Chase

A Batalla de Hatfield Chase (en inglés antigo Hæðfeld, en galés Meicen) tivo lugar o 12 de outubro de 633 en Hatfield Chase preto de Doncaster, Yorkshire, na Inglaterra anglosaxoa entre os northumbrianos dirixidos polo seu rei Edwin e unha coalición de tropas galesas e mercianas dirixidas respectivamente por Cadwallon ap Cadfan e Penda. O lugar era unha zona pantanosa a uns 13 quilómetros ao nordeste de Doncaster, na beira sur do Río Don. Foi unha vitoria decisiva para galeses e os mercianos; Edwin morreu na batalla e o seu exército foi derrotado, o que provocou un colapso do puxante reino do norte..

Eanfrith de Bernicia

Eanfrith, finado en 633 ou 634, foi temporalmente rei de Bernicia desde 633 até 634. Foi fillo de Æthelfrith, un rei de Bernicia que tamén foi rei de Deira, un reino ao sur de Bernicia, e morreu en batalla ao redor do ano 616 en contra de Raedwald de Anglia Oriental, quen dera refuxio a Edwin, un exiliado príncipe de Deira.

Earpwald de Anglia Oriental

Earpwald, tamén Erpenwald ou Eorpwald, finado c. 627 ou 632, sucedeu ao seu pai Rædwald como gobernante de Anglia Oriental desde c. 624. Earpwald era un membro da familia dos Wuffingas, nomeado así por descender do rei Wuffa.

Pouco se sabe acerca da vida e do breve reinado de Earpwald. A principal fonte acerca deste período provén da Historia Ecclesiastica Gentis Anglorum, escrita por Beda no século VIII. Pouco despois de ascender ao trono, Earpwald recibiu educación cristiá e foi bautizado en 627 ou 632. Pouco despois da súa conversión foi asasinado por Ricberht, un nobre pagán, que o sucedeu e gobernou Anglia Oriental durante tres anos. O motivo para o asasinato de Earpwald foi probabelmente tanto político como relixioso. Foi o primeiro rei inglés en morrer por mor da súa fe cristiá, sendo venerado pola igrexa posteriormente como santo e mártir.

Oslac

Oslac (nórdico antigo Ásleikr/Áslákr (latinizado como Ansleicus, escandinavo moderno Aslak) e antigo alto alemán Ansleh -Anslech, Ansleccus-) é un antropónimo anglosaxón que pode referirse a:

un fillo de Æthelfrith de Northumbria (citado no MS E da Crónica anglosaxoa s.a. 617).

O rei Oslac de Sussex (século VIII).

Oslac de Hampshire. escanciador de Æthelwulf de Wessex (século IX).

o conde Oslac de Northumbria (século X).

Anslech de Bricquebec (século X).

Ansleicus é o nome dun danés convertido ao cristianismo en 864 segundo os Miragres de S. Riquier. Este Ansleicus despois mediou entre Carlos o Calvo e os invasores viquingos de Normandía.

Oswald de Bernicia

Oswald, nado c. 604 e finado o 5 de agosto de 642, foi un rei cristián de Northumbria no século VII, cando o territorio de Inglaterra estaba dividido en pequenos reinos rexidos por liñaxes de orixe xermánica.

Oswiu de Northumbria

Oswiu, nado c. 612 e finado o 15 de febreiro de 670, escrito tamén Oswio, Oswy, Oswig e Osuiu, foi rei de Bernicia desde 642 até a súa morte e monarca de feito de toda Northumbria desde 655. Oswiu foi o último rei dos que Beda mencionou que tiñan imperium, e a finais do século IX a Crónica Anglosaxoa refírese a Oswiu como Bretwalda.

Reino de Powys

O reino de Powys emerxeu durante a Idade Media, despois da retirada romana de Britania. Baseada na tribo dos ordovicos no oeste e os cornovios no leste, as súas fronteiras orixinais estendíanse desde os montes Cámbricos no oeste ata a moderna rexión de West Midlands no leste. Posuía as fértiles ribeiras dos vales do Severn e do Tern, rexión que aparece denominada na literatura galesa posterior como o paraíso de Powys. O nome deriva do latín pagus, que significa campo, aínda que tamén ten connotacións de pagán, pois tardou en se en cristianizar. Esta rexión formaba parte dunha provincia do Imperio romano, con capital en Viroconium Cornoviorum (a moderna Wroxeter), a cuarta maior cidade romana en Britania. Abarcaba, máis ou menos, o territorio do actual condado de Powys.

Selyf ap Cynan

Selyf ap Cynan (ou Selyf Sarffgadau) (morto en 616) aparece na xenealoxías galesas antigas como un antigo rei de Powys no século VII e como fillo de Cynan Garwyn.

Talorgan I

Talorcan (ou Talorgan) mac Enfret (morto en 657) foi un rei do pictos dende o 653 até o 657. Era o fillo de Eanfrith de Bernicia, que se exiliou entre os pictos despois de que o seu pai, Æthelfrith de Northumbria, fose asasinado arredor do ano 616. Eanfrith casou cunha princesa picta, e o seu fillo foi Talorcan.

Talorcan converteuse en rei no ano 653; o ano seguinte, derrotou e asasinou a Dúnchad mac Conaing, rei de Dál Riata, nunha batalla en Strath Ethairt. Suxeriuse que esta batalla ben puidera ser parte dunha "incursión inaugural" contra veciños hostís para marcar o goberno dun novo rei. Talorcan era o sobriño do poderoso Oswiu de Northumbria; díxose de Oswiu "subxugado e fixo tributarios a maioría dos pictos" (xunto con Dál Riata), e é posible que Talorcan estivese suxeito a Oswiu

Theodric de Bernicia

Teodric foi rei de Bernicia desde 572 até 579.

Æthelric de Bernicia

Æthelric foi rei de Bernicia desde 568 até 572.

Reis de Bernicia
Reis de Deira
século VI
século VII
Reis de Northumbria
Reis de Deira e Bernicia
604–642
Reis de Northumbria
642–867
Reis de Jórvik
867–954

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.