Ánxel Casal

Ánxel Casal Gosenxe[1], nado na Coruña o 17 de decembro de 1895 e asasinado[2] en Cacheiras (Teo) o 19 de agosto de 1936, foi un editor e político galego.

Ánxel Casal
Ánxel Casal Gosenxe
Nacemento17 de decembro de 1895
 A Coruña
Falecemento19 de agosto de 1936
 Cacheiras
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
CónxuxeMaría Miramontes

Traxectoria

En 1909 emigrou a Bos Aires; alí estivo empregado en diversos oficios dous anos. Volveu á Coruña e atopou traballo no consulado de Francia. Debido á precariedade económica emigrou outra volta, desta vez a Bordeos, pero regresou aos poucos meses. De 1914 a 1917 cumpriu o servizo militar, do que sempre gardaría malas lembranzas. Uniuse á Irmandade da Fala da Coruña, colaborou no Conservatorio da Arte Galega e foi o promotor e primeiro mestre da Escola do ensino galego (galeguista e laica) 1926-1931 das Irmandades, a primeira que utilizou o galego.

En 1920 casou con María Miramontes e para sobreviviren abriron unha tenda de tecidos. En novembro de 1924, en colaboración con Leandro Carré Alvarellos, fundou a Editorial Lar. Desvencellouse desa iniciativa para fundar en 1927 a Editorial Nós. Da súa imprenta saíron A Nosa Terra e a revista Nós. En 1930 funda o xornal republicano El Momento que, por falla de apoio, só durará 14 números e arrastra a Nós case a quebra. O 18 de maio de 1930 fundou con Fernando Osorio Docampo e Carlos Monasterio Valeiro o semanario republicano Adelante, que se mantivo até mediados de 1931.

Entrega a Cortes, Estatuto de Galicia de 1936
Entrega a Cortes do Estatuto de Galicia de 1936. Comité Central de la Autonomía de Galicia. Presidente Ánxel Casal Gosenge, Alcalde de Santiago de Compostela.

En agosto de 1931 trasladouse para tratar de remontar a empresa a Santiago. A súa actividade como libreiro e impresor é fundamental para explicar o desenvolvemento do galeguismo entre os mozos composteláns. Coa súa imprenta traballando para os sindicatos e a esquerda republicana, gañouse o respecto dos diversos grupos que en 1935 construirán a Fronte Popular. Aló continuou a imprimir e colaborar en diversas iniciativas republicanas, galeguistas e sindicalistas. Foi o editor e impresor das revistas vangardistas Claridad (1934) e Ser (1935)

Militante desde a súa creación do Partido Galeguista e pertencente á masonería, foi alcalde de Santiago elixido por maioría entre os membros da Comisión xestora desde febreiro de 1936 até o 9 de xullo en que con todos os concelleiros galeguistas dimitirá dos seu cargos. Vicepresidente da deputación Coruñesa e do Comité executivo para o Estatuto de Autonomía, desenvolverá unha frenética actividade para conseguir a súa aprobación. Como alcalde impulsará tamén a iniciativa de Álvaro de las Casas para constituír a Asociación de Escritores de Galicia. O 16 de xullo entrega nas cortes o texto estatutario aprobado o 28 de xuño.

Tras o golpe de estado

Ao coñecer as novas golpistas, regresa a Compostela para tratar de impedir o éxito do golpe de estado. Reincorporado o 19, faise cargo da Alcaldía, tratando de organizar a resistencia. Tras o triunfo da sublevación militar do 18 de xullo escapou para a parroquia de Vilantime en Arzúa. Foi detido o 4 de agosto, e paseado o 19 de agosto, o seu corpo apareceu xunto ao de José Areosa Devesa nun foxo da estrada de Cacheiras, marcado hoxe cun pequeno monumento.

Recoñecemento póstumo

Ánxel Casal está presente na novela de Manuel Rivas O lapis do carpinteiro como personaxe secundario sendo un máis dos prisioneiros do cárcere compostelán. Ademais, foi proposto no ano 2006 como candidato ó Día das Letras Galegas coincidindo co Ano da Memoria Histórica, aínda que finalmente foi escollido Manuel Lugrís Freire.

En marzo de 2008 foi bautizada co seu nome a Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, acabada de construír.[3]

Predecesor:
Francisco Vázquez Enríquez
 Escudo de Santiago de Compostela.svg
Alcalde de Santiago
 
1936
Sucesor:
Manuel García Diéguez
Ánxel Casal, paseando coa súa irmá Maruxa polas rúas de Compostela en maio de 1935
Casal en maio de 1935.

Galería de imaxes

Placa no edificio da rúa Real da Coruña no que se fundou a Editorial Nós.
Placa no edificio da rúa Real da Coruña no que se fundou a Editorial Nós. 
Ánxel Casal fixo por Galicia máis que todos nós. Castelao.
Ánxel Casal fixo por Galicia máis que todos nós. Castelao
Retrato feito por Camilo Díaz Baliño cando estiveron no cárcere de Santiago.
Retrato feito por Camilo Díaz Baliño cando estiveron no cárcere de Santiago. 
Tumba de Ánxel Casal no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.
Tumba de Ánxel Casal no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.[4] 

Notas

  1. Pena, Xosé Ramón (2016). Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936. Xerais. ISBN 978-84-9121-107-5.
  2. Ficha no proxecto Nomes e Voces.
  3. Portal da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
  4. O cemiterio de Santo Amaro. Memoria de dous séculos. Concello da Coruña, Fundación Emalcsa. 2012. ISBN 978-84-616-1077-8.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

17 de decembro

O 17 de decembro é o día número 351 do ano no calendario gregoriano e o número 352 nos anos bisestos. Quedan 14 días para rematar o ano.

19 de agosto

O 19 de agosto é o 231º día do ano do calendario gregoriano e o 232º nos anos bisestos. Quedan 134 días para finalizar o ano.

Antón Vialle

Antón Vialle é un tradutor e intérprete galego. Coñece o inglés, portugués, castelán, francés, italiano, neerlandés, alemán, sueco e polaco.

Foi distinguido co Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro traducido en 2013, por Ulises de James Joyce (obra cotraducida con máis autores), libro polo que tamén recibiu o Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao mellor libro traducido en 2013, o Premio Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia ao mellor libro do 2013, o Premio da AELG á mellor tradución do 2013 e o Premio Nacional de Tradución de España en 2014.

Biblioteca Ánxel Casal

A Biblioteca Ánxel Casal é unha biblioteca pública da cidade de Santiago de Compostela, en Galicia. Está situada nun edificio de nova construción, cunha superficie de 5.000 m2. En 2010 contaba cunha colección de 90.000 títulos, a meirande parte deles de libre acceso, e un total de 418 postos de lectura.

É unha das bibliotecas nodais das seis que se integran na Rede de Bibliotecas de Galicia.

O nome da biblioteca provén de Ánxel Casal, antigo alcalde da cidade e fundador da Editorial Nós

Editorial Nós

A editorial Nós foi unha casa editorial galega creada na Coruña en 1927. Foi fundada e dirixida polo político e escritor galeguista Ánxel Casal. Da súa imprenta saíron A Nosa Terra e a revista Nós. O seu nome completo era "Nós, pubricacións galegas e imprenta".

El Correo Gallego

El Correo Gallego é un xornal galego que se edita en Santiago de Compostela. Fundouno José Mariano Abizanda na cidade de Ferrol en 1878.

Ernesto Vázquez Souza

Ernesto Vázquez Souza, nado na Coruña en 1970, é un escritor e investigador galego.

Lar (editorial)

Lar foi unha editorial da Coruña, continuadora da Editorial Céltiga, que publicou con periodicidade irregular, de 1924 a 1928, unha colección de novelas curtas. Estaba dirixida por Leandro Carré Alvarellos e administrada por Ánxel Casal. Os cinco primeiros números editáronse na imprenta Moret. A capa da colección estaba deseñada por Camilo Díaz Baliño.

Cesou en 1928, dando paso á Editorial Nós.

Mitin das arengas

O mitin das arengas foi un acto celebrado o día da Patria en Santiago de Compostela en 1934 e 1935, organizado polos colectivos galeguistas do país. Nel interviron e participaron numerosas personalidades da cultura e a sociedade galega, coma Ramón Piñeiro, Emilia Docet, Castelao, Alexandre Bóveda, Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade, Ánxel Casal ou Ramón Suárez Picallo.

Morgana en Esmelle

Morgana en Esmelle é unha novela en lingua galega escrita por Begoña Caamaño e publicada por Editorial Galaxia en 2012. Gañou o Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no 2013.

Nós (revista)

Nós foi unha revista publicada en galego entre 1920 e 1936 con contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político.

Premio Literario Ánxel Casal

O Premio Literario Ánxel Casal foi un certame en lingua galega que puxo en marcha o concello de Santiago en 1996, a iniciativa do IES Arcebispo Xelmírez I. Tiña tres modalidades: poesía, teatro e relato. O seu nome é unha homenaxe a Ánxel Casal, ex-alcalde compostelán asasinado en agosto de 1936. Entre os seus propósitos cóntase a normalización lingüística do galego. Celebráronse un total de 16 edición, sendo a última en 2011.

Premio Ánxel Casal

O nome de Premio Ánxel Casal pode referirse a dous certames literarios:

Premio Ángel Casal, promovido polo Centro Gallego de Buenos Aires en 1954.

Premio Literario Ánxel Casal, convocado polo Concello de Santiago de Compostela entre 1996 e 2011;

Premios Ánxel Casal da Edición, convocados pola Asociación Galega de Editores.

Premios Ánxel Casal da Edición

Os premios Ánxel Casal da Edición foi un galardón que englobaba distintas modalidades literarias e era xestionado pola Asociación Galega de Editores. Outorgábase aos que se consideraban os mellores libros e autores do ano en lingua galega durante a gala da Noite da edición en Galicia. Desapareceu en 2016 cando a citada gala da edición se xuntou cos premios da AELG e os do gremio de libreiros para crear a Gala do Libro Galego.

Ramón Otero Pedrayo

Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituístes republicanas. Traballou na aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936. Fiel á causa galeguista durante a Guerra civil española, foi expedientado. Foi membro da Real Academia Galega e presidiu a Editorial Galaxia. Participou no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. É autor dunha ampla obra narrativa, ensaística e dramática.

A Fundación Otero Pedrayo e a Fundación Penzol conservan a súa biblioteca e arquivo. En 1988 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Seis poemas galegos

Seis poemas galegos é un poemario do poeta e dramaturgo español Federico García Lorca (1898–1936), unha escolma de seis poemas en galego, unha homenaxe á paisaxe e a lingua de Galicia. Escritos entre 1932 e 1934, foron publicados en 1935 en Santiago de Compostela pola Editorial Nós (fundada en 1927 por Ánxel Casal), edición príncipe prologada en castelán por Eduardo Blanco Amor. Admirador de Rosalía de Castro, de Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez, así como dos poetas medievais galegos Martín Codax e Mendinho, e dos portugueses Luís de Camões ou Gil Vicente, os poemas xorden por mor das viaxes realizadas por Lorca a Galicia dende 1931.

Xabier Iglesias

Francisco Xabier Iglesias López, nado na Coruña en 1967, é un escritor, humorista gráfico e columnista galego.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.